- Documento inicial do proxecto
Os proxectos que se someten ao procedemento de avaliación do impacto ambiental ordinaria, nos que o promotor solicita potestativamente, e fora do procedemento de avaliación ambiental, o documento de alcance e contido do estudo de impacto ambiental, deberán incluír, como mínimo, a seguinte información (artigo 34.2 segundo o texto consolidado da Lei 21/2013):
- A definición e as características específicas do proxecto, incluída a súa ubicación, viabilidade técnica e o seu probable impacto sobre o medio ambiente, así como unha análise preliminar dos efectos previsibles sobre os factores ambientais derivados da vulnerabilidade do proxecto ante riscos de accidentes graves ou catástrofes.
- As principais alternativas que se consideran e unha análise dos potenciais impactos de cada unha delas.
- Un diagnóstico territorial e do medio ambiente afectado polo proxecto.
O documento inicial someterase a consultas polo prazo de 20 días hábiles para que sexan achegadas aquelas cuestións ambientais que se considere deban incluírse no estudo de impacto ambiental.
Non se trata dunha información pública, polo que non caben alegacións; de presentarse, non poderán ser tidas en conta na elaboración do documento de alcance e contido do estudo de impacto ambiental.
Nota: Cando se trate do proxecto dunha explotación gandeira, no documento de inicio deberase especificar o cálculo da súa capacidade (número máximo de prazas), segundo o indicado na Guía para o cálculo da capacidade das instalacións de gandería intensiva. Para saber máis, pinche nesta ligazón.
Ligazón relacionada
- Documento ambiental
Os proxectos que se someten ao procedemento de avaliación do impacto ambiental simplificada incluirán un documento ambiental, que contará, como mínimo, coa seguinte información (artigo 45.1 do texto consolidado da Lei 21/2013):
- Motivación da aplicación do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada.
- Definición, características e localización do proxecto, en particular:
- Descrición das características físicas do proxecto nas súas tres fases: construción, funcionamento e cesamento.
- Descrición da localización do proxecto, en particular polo que respecta ao carácter sensible ambientalmente das áreas xeográficas que poidan verse afectadas.
- Exposición das principais alternativas estudadas, incluída a alternativa cero, e xustificación das principais razóns da solución adoptada, tendo en conta os efectos ambientais.
- Descrición dos aspectos ambientais que poidan verse afectados de maneira significativa polo proxecto.
Descrición e avaliación dos posibles efectos significativos do proxecto no medio ambiente, consecuencia de:
- As emisións e os refugallos previstos e a xeración de residuos.
- O uso dos recursos naturais, en particular o chan, a terra, a auga e a biodiversidade.
Describiranse e analizaranse, en particular, os posibles efectos directos, indirectos, acumulativos e sinérxicos do proxecto sobre a poboación, a saúde humana, a flora, a fauna, a biodiversidade, o chan, o aire, a auga, o medio mariño, o clima, o cambio climático, a paisaxe, os bens materiais —incluído o patrimonio cultural— e a interacción entre todos os factores mencionados, durante as fases de execución, explotación e, no seu caso, durante a demolición ou abandono do proxecto.
Cando o proxecto poida afectar directa ou indirectamente aos espazos Rede Natura 2000, incluirase un apartado específico para a avaliación das súas repercusións no lugar, tendo en conta os obxectivos de conservación do espazo.
Nos supostos previstos no artigo 7.2.b), describiranse e analizarán exclusivamente as repercusións no lugar, tendo en conta os obxectivos de conservación do espazo Rede Natura 2000.
Cando o proxecto poida causar a longo prazo unha modificación hidromorfolóxica nunha masa de auga superficial ou unha alteración do nivel nunha masa de auga subterránea que poida impedir que alcance o bo estado ou potencial, incluirase un apartado específico para a avaliación das súas repercusións a longo prazo sobre os elementos de calidade das masas de auga afectadas.
Apartado específico que inclúa a identificación, descrición, análise e, se procede, cuantificación dos efectos esperados sobre os factores enumerados na letra e), derivados da vulnerabilidade do proxecto ante riscos de accidentes graves ou catástrofes, sobre o risco de que se produzan ditos accidentes ou catástrofes e sobre os probables efectos adversos significativos sobre o medio ambiente en caso de ocorrencia dos mesmos, ou ben informe xustificativo sobre a non aplicación deste apartado ao proxecto.
O promotor poderá utilizar a información relevante obtida a través das avaliacións de risco realizadas de conformidade con outras normas, como a normativa relativa ao control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, así como a normativa que regula a seguridade nuclear das instalacións nucleares.
- As medidas que permitan previr, reducir, compensar e, na medida do posible, corrixir calquera efecto negativo relevante no medio ambiente da execución do proxecto.
- A forma de realizar o seguimento que garanta o cumprimento das indicacións e medidas protectoras e correctoras contidas no documento ambiental.
Os criterios do anexo III teranse en conta, se procede, ao compilar a información. O promotor terá en conta, no seu caso, os resultados dispoñibles doutras avaliacións pertinentes dos efectos no medio ambiente realizadas de acordo con outras normas. Así mesmo, poderá proporcionar unha descrición de calquera característica do proxecto e medidas previstas para previr o que doutro xeito poderían ser efectos adversos significativos para o medio ambiente.
Nota: Cando se trate do proxecto dunha explotación gandeira, no documento ambiental deberase especificar o cálculo da súa capacidade (número máximo de prazas), segundo o indicado na Guía para o cálculo da capacidade das instalacións de gandería intensiva. Para saber máis, pinche nesta ligazón.
- Estudo de impacto ambiental
Os proxectos que se someten ao procedemento de avaliación do impacto ambiental ordinaria deben incluír na documentación un estudo de impacto ambiental (EsIA).
Este estudo de impacto ambiental debe conter, como mínimo, a seguinte información (artigo 35 e anexo VI do texto consolidado da Lei 21/2013):
- Descrición xeral do proxecto que inclúa información sobre a súa localización, deseño, dimensións e outras características pertinentes, así como previsións sobre a utilización do chan e doutros recursos naturais, e unha estimación dos tipos e cantidades de residuos xerados e emisións de materia ou enerxía resultantes.
- Descrición das diversas alternativas razoables estudadas que teñan relación co proxecto e as súas características específicas, incluída a alternativa cero (non realización do proxecto), e xustificación das principais razóns da solución adoptada, tendo en conta os efectos sobre o medio ambiente.
Identificación, descrición, análise e, se procede, cuantificación dos posibles efectos significativos directos ou indirectos, secundarios, acumulativos e sinérxicos do proxecto sobre os seguintes factores:
- Poboación e saúde humana
- Flora, fauna e biodiversidade
- Geodiversidade, chan, subsolo, aire, auga e medio mariño
- Clima, cambio climático e paisaxe
- Bens materiais e patrimonio cultural
- Interacción entre todos estes factores
Incluirase un apartado específico para a avaliación das repercusións do proxecto sobre espazos Rede Natura 2000, tendo en conta os obxectivos de conservación de cada lugar, e incorporando medidas preventivas, correctoras e compensatorias e o seu seguimento.
Cando se comprobe a existencia dun prexuízo á integridade da Rede Natura 2000, o promotor deberá xustificar documentalmente a inexistencia de alternativas e a concorrencia das razóns imperiosas de interese público de primeira orde segundo o artigo 84 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.
Cando o proxecto poida causar a longo prazo unha modificación hidromorfolóxica nunha masa de auga superficial ou unha alteración do nivel nunha masa de auga subterránea que impida o bo estado ou potencial, incluirase un apartado específico para a avaliación das súas repercusións a longo prazo sobre os elementos de calidade que definen o estado ou potencial das masas de auga afectadas.
Apartado específico que inclúa a identificación, descrición, análise e, se procede, cuantificación dos efectos esperados sobre os factores enumerados na letra c), derivados da vulnerabilidade do proxecto ante riscos de accidentes graves ou catástrofes, así como sobre os probables efectos adversos significativos no medio ambiente en caso de ocorrencia dos mesmos.
Para a súa realización, o promotor poderá utilizar información obtida a través doutras avaliacións de risco realizadas segundo a normativa aplicable, incluíndo a normativa sobre riscos inherentes a accidentes graves con substancias perigosas e sobre seguridade nuclear das instalacións.
- Medidas que permitan previr, corrixir e, no seu caso, compensar os posibles efectos adversos significativos sobre o medio ambiente e a paisaxe.
- Programa de vixilancia ambiental.
- Resumo non técnico do estudo de impacto ambiental e conclusións en termos facilmente comprensibles.
Cando o órgano ambiental elabore o documento de alcance de conformidade co disposto no artigo 34, o promotor deberá axustar o estudo de impacto ambiental á información requirida no devandito documento.
Co fin de evitar duplicidades, o promotor terá en conta os resultados dispoñibles doutras avaliacións pertinentes realizadas en virtude da lexislación comunitaria ou nacional.
O estudo de impacto ambiental perderá a súa validez se, no prazo dun ano desde a súa conclusión, non se presentou ante o órgano substantivo para a realización da información pública e das consultas.
Autorización ambiental integrada (AAI)
Cando o trámite de avaliación de impacto ambiental se realice dentro do procedemento de obtención da autorización ambiental integrada (IPPC), o contido do estudo ambiental poderá integrarse dentro da documentación requirida para este permiso como un único documento.
Estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP)
A entidade promotora dun proxecto sometido ao procedemento de avaliación do impacto ambiental ordinaria debe incorporar no estudo de impacto ambiental un estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP), consonte o establecido na lexislación sectorial vixente.
Para saber máis sobre os estudos de impacto e integración paisaxística, prema nesta ligazón.
Proxectos agroforestais
Os proxectos agroforestais recollidos no anexo I (grupo 1; grupo 9 epígrafe a.2º) e no anexo II (grupo 1 epígrafes c, d e f) da Lei 21/2013 deben incluír no estudo de impacto ambiental un plan de xestión de dexeccións gandeiras e fertilización.
Para saber máis, pinche nesta ligazón.
