- Instituto de Estudos do Territorio (IET)
O Instituto de Estudos do Territorio é un organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Está adscrito organicamente á consellaría competente en materia de ordenación do territorio.
O Instituto de Estudos do Territorio ten por obxecto a análise, o estudo e o asesoramento en materia de urbanismo e ordenación do territorio. As funcións do Instituto de Estudos do Territorio, que entenderanse sen prexuízo das que lles correspondan aos órganos urbanísticos da Comunidade Autónoma, son as seguintes:
a) Realizar traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo e ordenación do territorio.
b) Prestar asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento, a fin de implementar as políticas da paisaxe na planificación urbanística e territorial.
c) Prestar apoio á consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.
d) A recompilación e o tratamento da información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellarías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente en materia agraria e de desenvolvemento rural.
e) O apoio e o asesoramento á Xunta de Galicia en materia de paisaxe e de colaboración e coordinación con outras administracións e sectores da sociedade.
f) Delimitar as grandes áreas paisaxísticas sobre as que se desenvolverán os catálogos da paisaxe e elaborar os catálogos da paisaxe de Galicia.
g) Formar, sensibilizar e concienciar a sociedade galega na necesidade de protexer e xestionar debidamente as nosas paisaxes.
h) Avaliar o estado de conservación das paisaxes de Galicia, analizar as súas transformacións e previsible evolución e realizar estudos e propostas en materia de paisaxe.
i) Promover a colaboración e a cooperación en materia de paisaxe, sobre todo mediante asistencia científica e técnica mutua, e intercambios de experiencias con fins de formación e información.
j) O seguimento de iniciativas de investigación e difusión de coñecementos de ámbito estatal, europeo e internacional en materia de paisaxe.
k) Fomentar o intercambio de información e experiencias, así como a assistência científica e técnica mutua en matéria de paisaxes transfronteirizas.
l) Elaborar cada catro anos un informe sobre o estado da paisaxe en Galicia, que a Xunta de Galicia presentará ao Parlamento de Galicia.
Ligazon/s relacionadas
- Papel do IET no seguimento das DOT
O Instituto de Estudos do Territorio, na súa función de prestar apoio á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio na realización da avaliación continua dos instrumentos de ordenación territorial inclúe o seguimento das Directrices de ordenación do territorio que prevé o artigo 28.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.
O Decreto 176/2013, do 21 de novembro, polo que se aproba o Plan de seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e da sustentabilidade territorial define e regula a metodoloxía de traballo. Nela sinala ao Instituto de Estudos do Territorio como o soporte técnico para o desenvolvemento das funcións da Comisión de Seguimento, que levará a cabo labores de coordinación entre os grupos de traballo e a comisión. Así mesmo, o IET elaborará un informe de seguimento, de carácter anual, que será aprobado pola Comisión de Seguimento. Este informe fundamentará a memoria, que se debe remitir cada tres anos ao Parlamento segundo o artigo 28.2 da citada Lei 1/2021.
Así mesmo, en virtude das competencias en materia de paisaxe, o IET definiu os seguintes indicadores
Diversidade da paisaxe
Índice de xestión da paisaxe
Paisaxes abandonadas
Dispersión urbana
Aplicación dos instrumentos da Lei da paisaxe
Conectividade da paisaxe
Ligazon/s relacionadas
