A autorización ambiental integrada (AAI)

A Lei 16/2002, de 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación define a autorización ambiental integrada como a "resolución do órgano competente da comunidade autónoma na que se ubique a instalación, pola que se permite, aos solos efectos da protección do medio ambiente e da saúde das persoas, explotar a totalidade ou parte dunha instalación, baixo determinadas condicións destinadas a garantir que a mesma cumpre o obxecto e as disposicións da Lei”.

Desde un punto de vista xurídico, a autorización ambiental integrada é unha figura de intervención ambiental que se crea para a protección do medio ambiente no seu conxunto e que substitúe ás autorizacións ambientais existentes ata o momento. Polo tanto, a autorización ambiental integrada ten condición de mecanismo de simplificación administrativa. Articula para iso un procedemento administrativo complexo que integra todas as autorizacións ambientais existentes relativas a:

  • Produción e xestión de residuos, incluídas as de incineración.
  • Vertidos ás augas continentais e desde terra ao mar.
  • Emisións á atmosfera incluídas as referidas aos Compostos Orgánicos Volátiles de acordo coa Directiva 1999/13/CE.
  • Outras esixencias de carácter ambiental contidas na lexislación sectorial.