Diario Oficial de Galicia, 17-08-2007, Núm. 159, Páx. 13947
Resolución do 9 de xullo de 2007, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico singular de Viveiro, no concello de Viveiro (Lugo), promovido polo Concello de Viveiro. (Clave 001-PES).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 4 de maio de 2007, relativa ao proxecto do parque eólico singular de Viveiro (Lugo), promovido polo Concello de Viveiro, e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2007.
Anxo Ramón Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 4 de maio de 2007, relativa ao proxecto do parque eólico singular de Viveiro, no Concello de Viveiro (Lugo), cuxo peticionario é o Concello de Viveiro. (Clave: 2004/0040).
Antecedentes.
Por solicitude do Concello de Viveiro, a Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Innovación, Industria e Comercio iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dun parque eólico singular de 3 MW de potencia total no concello de Viveiro (Lugo), composto por 2 aeroxeradores de 1.500 kW de potencia nominal unitaria.
Dentro do referido procedemento de autorización administrativa considerouse o proxecto como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental. No anexo I resúmense as características básicas do proxecto e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada.
Mediante Resolución do 16 de setembro de 2004, da Delegación Provincial de Lugo da entón Consellería de Innovación, Industria e Comercio (publicada no DOG nº 227, do 22 de novembro de 2004, con corrección de erros do 21-12-2004), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e o estudo de impacto ambiental das instalacións que comprende o referido parque eólico singular, non constando a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.
Con data do 4 de agosto de 2005 recíbese na Consellería de Medio Ambiente o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas como órgano substantivo por razón da materia, que contén os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza, Obras Públicas, Saúde Pública e Turismo, ademais dos emitidos polo organismo autónomo Augas de Galicia e as delegacións provinciais en Lugo das consellerías de Innovación e Industria, e de Sanidade.
Revisado o expediente, solicitóuselle ao promotor unha emenda da documentación ambiental e aclaracións sobre a posición final dos dous aeroxeradores do parque, e ao órgano substantivo que completase o expediente no relativo á avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto.
Após a presentación dunha documentación que non se considerou válida, a emenda e aclaracións solicitadas ao promotor complétanse, nos termos solicitados, con data do 13 de xuño de 2006. Nas datas do 14 de decembro de 2006 e 19 de marzo de 2007 recíbense, remitidos pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a documentación e informes que completan o expediente no relativo á avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto.
Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula, unicamente para os efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto do parque eólico singular de Viveiro, no concello de Viveiro, cuxo peticionario é o Concello de Viveiro.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de existir contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, unicamente para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que fornezan unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre que as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
A presente declaración refírese en exclusiva ao proxecto do parque eólico singular de Viveiro, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico singular de 3 MW de potencia total no concello de Viveiro (Lugo), constituído por 2 aeroxeradores de 1.500 kW de potencia nominal unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Ver referencia pdf "15900D016P015.PDF"
A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque singular será a que se recolle no plano Superficie vinculada. Plano nº 02 do estudo de impacto ambiental.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección da atmosfera.
1. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies prevista no estudo ambiental, os camións de transporte de terras ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar.
2. Os niveis de presión sonora nas vivendas ou edificacións máis próximas aos aeroxeradores non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se for o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.
Neste sentido, levarase a cabo un seguimento do nivel de ruído durante a fase de funcionamento do parque, que se axustará ao disposto no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, e terá en conta as consideracións sinaladas nos puntos 3.2.1. e 3.4.3. da DIA.
2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Non se afectarán, ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se poida atopar na área de influencia das obras.
2. Evitarase modificar o actual réxime hídrico da zona, permitindo a libre circulación das augas de escorregamento, polo que na rede viaria do parque se deberán dispoñer as estruturas de drenaxe transversal necesarias para isto, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación.
A incorporación das augas de drenaxe ao terreo deberá ser gradual, polo que á saída das drenaxes transversais e nos puntos onde a auga das cunetas se incorpore ao terreo se disporán sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
Tanto na fase de obras como na de funcionamento se realizarase un control do correcto funcionamento da rede de drenaxe do parque, dos dispositivos de disipación de enerxía e das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, co obxecto de comprobar se se producen fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais. Neste sentido, levaranse a cabo os oportunos labores de mantemento do sistema, adoptando as medidas protectoras e correctoras necesarias no caso de se produciren os citados fenómenos.
2.3. Protección do solo.
1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que se axustará ao establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
2. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase as vías e zonas acondicionadas para o efecto.
3. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se produciren, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
4. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona salvo xustificación previa, neste caso seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, na súa falta, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes serán restaurados ao finalizar a obra.
5. Se após a finalización das obras existir material sobrante das escavacións, deberá ser retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. A escolla das posibles zonas de depósito destes materiais realizarase con criterios ambientais e tendo en conta que en ningún caso se depositarán en zonas con valores ambientais relevantes.
6. Para a localización da zona destinada a casetas de obra, parque de maquinaria, acumulación de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica.
7. Non estando prevista na documentación presentada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde instalación ou instalacións localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.
8. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de execución ou mantemento do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
2.4. Xestión de residuos.
1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico singular deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
2. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de verteduras accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular pola estrada), estas tarefas poderán realizarse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recolla de posibles verteduras.
3. Antes do inicio da fase de explotación do parque deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.
2.5. Protección da fauna e vexetación.
2.5.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído na documentación avaliada, implementando, en todo caso, as medidas necesarias para non alterar a fauna.
2. No caso de que na vía de acceso sexa preciso instalar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo. As ditas medidas poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo con un ou os dous laterais abertos.
3. Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e nos usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores. Para tal fin, o promotor deberá contar cun plan de seguimento de avifauna que permita acadar os ditos obxectivos e que teña en conta as consideracións expostas no punto 3.2.2. da DIA.
No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre a avifauna, adoptaranse as medidas necesarias para corrixir esta situación, incluíndo, se é o caso, o establecemento dun período de parada dos aeroxeradores.
Así mesmo, e tendo en conta que os aeroxeradores se situarán no contorno próximo do parque eólico de Viveiro, observarase o sinalado no punto 3.4.2. da DIA respecto dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a fauna debido á presenza das citadas instalacións.
2.5.2. Sobre a vexetación.
1. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregando sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.
2. Non se poderá afectar a formacións distintas ás sinaladas na documentación avaliada sen antes facer a correspondente consulta.
3. Previamente á execución das obras delimitaranse fisicamente as zonas de actuación, co fin de minimizar as afeccións. O balizamento deberase manter en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen.
4. Se for precisa a corta de arboredo, previamente terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
5. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
2.6. Sobre a integración paisaxística.
1. O acabamento do centro colector e de control adecuarase ao tradicional da zona, de xeito que as fachadas, cuberta e peche -se for o caso- se integren no contorno. A cor da pintura de exteriores será acorde co contorno e de acabamento mate.
2. Levaranse a cabo as actuacións de restauración e revexetación descritas no documento Anexo a EsIA. Parque eólico singular de Viveiro. Novembro 2005», coas seguintes consideracións:
-As áreas obxecto de restauración e revexetación incluirán todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes das vías, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe dos aeroxeradores -podéndose deixar un camiño de acceso á porta do aeroxerador para o acceso dos vehículos de mantemento-, zonas de acumulación de materiais e de instalacións de obra…).
-A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo, amoreada sen mesturala con outros horizontes e mantida en condicións que permitan o seu posterior emprego nos labores de restauración. No caso de necesitar formecementos externos de terra vexetal, esta non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio. En todo caso, calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada. Asemade, será admisible o uso de solos reciclados obtidos de acordo coa instrución técnica de residuos ITR/01.0/05, do 29 de xuño, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, referente á elaboración de solos reciclados a partir de residuos.
-Previamente á revexetación efectuarase un acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e labra superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. A estendedura de terra vexetal limitarase ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.
-Todas as especies que se empreguen na revexetación serán propias da zona e preferiblemente de procedencia local.
-Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración da zona ocupada por elas.
-Garantirase o mantemento da revexetación ao longo do tempo, para o cal se efectuará un seguimento da súa efectividade e se adoptarán as medidas correctoras oportunas no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da revexetación.
3. Unha vez finalizada a vida útil do parque singular, ou ben no caso de que este fique fóra de servizo por calquera causa, procederase á desmontaxe e retirada de todos os seus compoñentes e á recuperación da situación preoperacional da zona ocupada pola instalación. Neste sentido, observarase o sinalado no punto 3.5. da DIA.
7. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras incluídas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto na documentación avaliada, deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos da presente declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Asemade, teranse en conta as seguintes consideracións:
-Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, quen o comunicará ao órgano ambiental.
-Todas as medicións e/ou análise do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
-Os informes de seguimento ambiental resultantes do desenvolvemento deste programa, aos cales se fai referencia ao longo do condicionado da declaración, serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, correspondéndolle a este o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración, conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión -se for o caso- do responsable do control do seguimento ambiental.
-No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural.
Levaranse a cabo as medidas correctoras recollidas no documento «Corrección de erros do informe-memoria da prospección arqueolóxica intensiva do parque eólico singular de Viveiro», aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes:
1. Para evitar posibles afeccións establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural de 50 metros de raio, medidos desde o límite exterior do ben inventariado, o que implica a inmediata retirada da cimentación e do vento da torre de medición anemométrica do xacigo Mámoa 3 do Tesouro de Cambela (GA27066026). A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.
2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico singular. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
3. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
4. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.
3.2. Fase previa ao inicio das obras.
1. Levarase a cabo unha medición preoperacional do nivel de ruído de fondo existente nas vivendas ou edificacións máis próximas aos aeroxeradores dos seguintes núcleos de poboación: As Bidueiras, A Casanova, A Capela e Fontecova, que serán seleccionados como puntos de control para o plan de seguimento do nivel de ruído ao que se fai referencia no punto 2.1.2. da DIA.
Os resultados da dita campaña incorporaranse aos sucesivos informes de seguimento ambiental para poder comparalos cos que se vaian obtendo en cada periodo de seguimento. Deberá indicarse, sen detrimento dos percentís L90, L50 e L10, o parámetro Leq.
2. Elaborarase un plan de seguimento da incidencia do parque eólico sobre a avifauna, que deberá ser realizado por técnico/s especializado/s na materia e desenvolverá, como mínimo, os seguintes aspectos:
-Metodoloxía do seguimento, detallando os controis que se van efectuar e a súa frecuencia, para a caracterización do comportamento das aves ante os aeroxeradores e a detección de morte por colisión. Para esta última, terase en conta que en cada visita se revisarán os dous aeroxeradores do parque e que a frecuencia das visitas será como mínimo mensual, prevendo unha posible revisión en función dos resultados do seguimento, incrementándoa no caso de detectarse afeccións. O raio que se vai revisar baixo os aeroxeradores será de 70-80 metros, tendo conta o tamaño do aeroxerador que se vai instalar no parque, e o tempo de revisión por aeroxerador non será inferior aos 25-30 minutos.
-Definición xustificada de limiares de afección (alerta e inadmisible) por colisión e aparición de efecto de vacío, que indiquen a necesidade de adopción de medidas protectoras ou correctoras específicas.
-Descrición detallada de medidas protectoras e/ou correctoras que se deben adoptar no caso de acadar os citados limiares.
3. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 50.376,37 euros, dos cales 13.167,43 € corresponden aos labores de restauración asociados á fase de obras e 37.208,94 € aos da fase de desmantelamento e abandono do parque.
3.3. Fase de obras.
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras de construción do parque.
2. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.7. da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o final dos traballos de execución do parque, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe de fin de obras co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos de execución do parque e o estado final deste tras a finalización das obras, así como detalle do seguimento ambiental efectuado ao longo da fase de obras, medidas protectoras e correctoras adoptadas (tanto as indicadas no estudo ambiental como as derivadas desta DIA), incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión dos residuos de obra, etc. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos indicados na documentación avaliada e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores e o centro colector e de control, estado das vías, cunetas e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), aspecto da zona do xacigo Mámoa 3 do Tesouro de Cambela unha vez retirado o vento e a cimentación da torre anemométrica, segundo o indicado no punto 3.1.1 da DIA, zonas onde se efectuaron medidas protectoras ou correctoras, etc. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, en que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se levaron a cabo medidas protectoras e/ou correctoras.
3.4. Fase de funcionamento.
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de posta en marcha da instalación.
2. Tendo en conta que o parque eólico obxecto desta DIA se situará no contorno do de Viveiro, en funcionamento na actualidade, levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a avifauna entre as citadas instalacións, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.7. desta DIA, o promotor presentará anualmente, perante o órgano substantivo, un informe de seguimento ambiental que incluirá, como mínimo, o seguinte contido:
a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.1.2. e 3.2.1. da DIA. Realizaranse dúas medicións durante o primeiro semestre, podéndose logo variar a dita frecuencia en función dos resultados obtidos.
b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe, do plan de seguimento de avifauna e informe dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos), tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.2. e 2.5.1. da DIA.
c) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, en que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, cunetas, plataformas de montaxe, gabias do cableado, contorno do centro de control e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que hai que realizar en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento.
3.5. Fase de abandono.
1. Unha vez finalizada a vida útil do parque singular, ou ben no caso de que este quedase fóra de servizo por calquera causa, ao longo da fase de abandono levaranse a cabo todas as actuacións necesarias para desmantelalo e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación. Con carácter xeral, terase en conta a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e o centro colector e de control, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe.
2. Neste sentido, no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor presentará perante o órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para o cumprimento do sinalado no punto anterior. Acompañando o dito documento presentarase o cronograma estimado dos traballos de desmantelamento e abandono.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención da xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e da restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez finalizados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2007. Joaquín Lucas Buergo del Río, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
ANEXO I
Resumo do proxecto
O proxecto do parque eólico singular de Viveiro, promovido polo Concello de Viveiro, consiste na instalación e explotación dun parque eólico singular composto por 2 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalará no concello de Viveiro (Lugo), no monte Galdiño da parroquia de Magazos, dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:
-Número de aeroxeradores: 2.
-Modelo: Neg Micon.
-Potencia nominal unitaria: 1.500 kW.
-Potencia total instalada: 3 MW.
-Altura das torres: 70 m.
-Diámetro de rotor: 82 m.
-Orzamento: 3.720.894,88 euros.
O proxecto inclúe, asemade, un centro colector e de control do parque, que se disporá nun edificio prefabricado de formigón que se vai situar no contorno do aeroxerador nº 2. A obra civil inclúe a execución duns 762 m de vías de servizo aos aeroxeradores, cun largo de rodadura de 5 m e dotados de cunetas e drenaxes transversais para a recolla e evacuación de augas pluviais.
Asemade, escavaranse uns 356 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores entre si e co centro de control do parque. A evacuación da enerxía producida realizarase a través dunha liña aérea a 20 kV existente que vai ata a subestación de Magazos. O cableado de MT do parque chega ata a dita liña soterrado en gabia, conectándose a ela mediante un paso aéreo-subterráneo.
Segundo a documentación avaliada, a vexetación existente na parcela onde se implantarán os aeroxeradores consiste basicamente nun pasteiro, cunha pequena superficie na zona de instalación do aeroxerador nº 2 na cal se desenvolven mato de toxo e uces. Aparecen tamén algúns pés illados de piñeiro no sector oeste da parcela.
ANEXO II
Resumo das medidas protectoras e correctoras
propostas na documentación avaliada
No punto de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes:
Protección da atmosfera.
-Rega de superficies cando as obras coincidan co período de estiaxe.
-Realización dun control das emisións de ruído e introdución dun apantallamento en caso necesario.
Protección do solo.
-Determinación da localización das instalacións auxiliares de obra utilizando, na medida do posible, as áreas máis degradadas á vista dun experto.
-Control topográfico dos límites de escavación e redución do uso de terras de recheo.
-Reducir ao estritamente necesario o movemento de terras e a ocupación derivada dos labores de obra civil.
-Realizar as moreas de terra vexetal e outros préstamos cunha altura máxima de 1,5 m e con criterios de mantemento que garantan a conservación das súas propiedades e o grao de humidade.
-Humectación continua en tempos de seca, tanto das moreas como das zonas de explanación.
-Estabilizar inmediatamente os noiros, terrapléns e materiais mobilizados, empregando mallas para evitar desprazamentos.
-Minimizar a superficie ocupada polas instalacións necesarias durante esta fase.
-Adecuar a superficie de ocupación das plataformas eólicas á topografía da zona e reducir na medida do posible a dita superficie, evitando o sobredimensionamento e aproveitando as vías existentes e as de nova construción.
-Minimizar a compactación tanto nas plataformas eólicas como nas zonas non ocupadas directamente polas instalacións, pero que poidan ser empregadas para a manobra da maquinaria.
-Controlar o diámetro de perforación nas voaduras e evitar o sobredimensionamento.
-Revexetación de todas as zonas desprovistas de vexetación, incluíndo noiros pedregosos.
-Control e vixilancia continuados durante a fase de obras, especialmente durante a apertura de vías, construción das zapatas e instalación dos aeroxeradores.
-Control de eficacia das medidas correctoras adoptadas. No caso de que durante a fase de construción se comprobase a existencia de formacións que requirisen especial preservación, procederase ao replanteo dos labores de execución de obra civil.
-Acondicionamento e rehabilitación das zonas afectadas, redistribuíndo as moreas procedentes dos movementos de terras, recuperación da morfoloxía superficial, acabamento e sustentación de terrapléns e noiros. Plan de recuperación de solos e vexetación.
-Na fase de abandono, retirada dos aeroxeradores, inutilizar o cableado soterrado e acondicionamento e rehabilitación das zonas que foran afectadas polos labores de desmantelamento da instalación. Adecuación de usos das instalacións existentes e vías de servizo de acordo coas prescricións de ordenación territorial.
Protección da vexetación.
-Manter o hábitat existente, reducindo de forma sistemática o grao de ocupación e compactación derivado de calquera obra civil.
-Emprego das técnicas adecuadas de roza da vexetación que favorezan a revexetación polas especies da zona nas áreas afectadas polas obras.
-Aínda que as instalacións do proxecto non modifican substancialmente as formacións de vexetación da zona, deberán terse en conta as medidas correctoras propostas para o solo, co fin de evitar efectos indirectos non desexados.
-Durante a fase inicial do plan de vixilancia levariase a cabo un recoñecemento de detalle de evolución estacional das especies e comunidades de interese, co fin de coñecer a eficacia das medidas correctoras propostas e evitar os efectos de accións de proxecto que puideren transformalas.
Protección da fauna.
-Selección da tecnoloxía de control e funcionamento dos aeroxeradores, velocidades de arranque e parada, etc. máis apropiadas para evitar os episodios de colisión.
-Deseño das torres e pas dos aeroxeradores de xeito que diminúan a posibilidade de colisión de aves.
-No caso de detectarse un elevado número de colisións, atrasarase a entrada en funcionamento dos aeroxeradores máis conflitivos.
Sobre a paisaxe.
-Acabamento do edificio de control acorde coa tipoloxía arquitectónica da zona.
-Aproveitamento de vías existentes na medida do posible.
-Medidas no deseño dos aeroxeradores (diminuír a sección das pas, torres de baixa solidez) e emprego de cores pouco chamativas no seu acabamento, de tons mate.
As medidas relativas á protección dos elementos do patrimonio cultural recóllense no documento titulado «Corrección de erros do informe-memoria da prospección arqueolóxica intensiva do parque eólico singular de Viveiro», que se presentou como separata do estudo de impacto ambiental.
No documento «Anexo a EsIA. Parque eólico singular de Viveiro. Novembro 2005» inclúese, entre outra información, un plan de restauración e revexetación dos terreos afectados polas obras de construción do parque singular.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL