Diario Oficial de Galicia, 10-02-2004, Núm. 28, Páx. 1744
Resolución do 9 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente do 18 de decembro de 2003, relativa ó proxecto sectorial para o asentamento industrial de Lourizán, no concello de Pontevedra (Pontevedra), promovido polo Grupo Empresarial Ence, S.A. (Clave 2003/0205).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 18 de decembro de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental arriba epigrafiada, promovido polo Grupo Empresarial Ence, S.A. que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2004.
Ramón Ordás Badía
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopan os documentos presentados pola empresa promotora: estudio de impacto ambiental do proxecto sectorial para o asentamento industrial de Lourizán. Setembro de 2003 e proxecto sectorial para o asentamento industrial de Lourizán (Pontevedra). Planta de efluentes e fábrica de papel tisú. Informe arqueolóxico, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese en exclusiva ó proxecto sectorial para o asentamento industrial de Lourizán. O estudio engloba as actuais instalacións do grupo Ence situadas no complexo industrial (fábrica de pasta de celulosa branqueada de eucalipto polo proceso TCF, cunha capacidade de 365.000 t/ano) e as novas instalacións que se atopan en fase de proxecto (nova planta de tratamento de efluentes deseñada cunha capacidade de tratamento de 46.400 m/día e a fábrica de papel tisú para producción de 60.000 t/ano netas vendibles).
A localización do asentamento industrial, tanto dos elementos existentes como das actuacións futuras, será a que se recolle no plano instalacións industriais actuais e futuras. Nº de plano 2, do estudio de impacto ambiental.
2. Fase de construcción.
2.1. Condicións xerais.
Para a construcción da planta de tratamento de efluentes observarase o disposto na declaración de impacto ambiental formulada por esta dirección xeral no 23 de abril de 2003, actualizada o 4 de xullo de 2003 (Clave: 2002/0949).
2.2. Protección da atmosfera.
2.2.1. Sobre a emisión de po e gases.
Cumprirase co Real decreto 1703/2002, do 18 de outubro, sobre avaliación e xestión da calidade do aire ambiente en relación co dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno, partículas, chumbo, benceno e monóxido de carbono.
No caso de que a obra se leve a cabo no verán ou en época de escaseza de chuvias, recoméndase rega-lo terreo no que se estea traballando, e controlar esta rega evitando a formación de asolagamento; con este fin manteranse ó pé da obra os medios necesarios.
A maquinaria pesada e vehículos deberán cumprir coa normativa de emisións de aplicación, debendo dispor da documentación acreditativa. Deberán pasa-las inspeccións periódicas obrigatorias e realizar operacións de mantemento, segundo as especificacións técnicas do fabricante.
Evitarase a concentración de maquinaria e procurarase o espaciamento e a non coincidencia das operacións.
2.2.2. Sobre o nivel de ruído.
Cumprirase co establecido na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e a ordenanza municipal de aplicación.
Para minimiza-los ruídos limitarase a velocidade de conducción da maquinaria pola zona de afección das obras, organizarase o tránsito de maquinaria, debendo manter sempre a punto os motores dos camións e maquinaria. Con carácter xeral, os vehículos deben estar ó día na súa inspección técnica.
2.3. Protección das augas.
Non se permitirá a vertedura de entullo, lixo ou refugallo de sólidos na zona en que se executen os proxectos ou en calquera outro lugar non autorizado. En ningún caso se permitirá a vertedura de areas ós leitos próximos.
Disporanse zonas para a realización das operacións de mantemento, lavado, repostaxe, etcétera, da maquinaria, que estarán provistas dun sistema de recolla de efluentes a fin de evita-la contaminación das augas.
Extremaranse as precaucións sobre verteduras accidentais de materiais de construcción e aceites, combustibles e residuos, retirando en caso de accidente o residuo vertido o máis rapidamente posible co fin de evita-la contaminación do solo e das augas.
Se a execución da obra civil coincidise con épocas de chuvias, extremaranse os controis.
Os traballadores terán acceso a sanitarios e vestiarios das instalacións existentes no complexo industrial co fin de evita-la construcción de casetas de sanitarios, que terían que dispoñer de sistemas de depuración.
2.4. Protección do solo
As instalacións e servicios necesarios para a execución da obra civil localizaranse en lugares onde a súa afección sexa a mínima posible sobre o solo.
Aproveitaranse as vías xa existentes no complexo para o paso da maquinaria, evitándose no posible saca-lo vehículo fóra das vías e circular exclusivamente por aquelas que están sinalizadas para o seu uso por maquinaria pesada.
A terra vexetal procedente dos movementos de terra almacenarase en áreas inmediatas ás que se están realizando escavacións, cumprindo os requisitos mínimos que garantan a súa calidade para a súa posterior utilización nas operacións de rexeneracións de zonas afectadas.
Non se permitirá a vertedura directa de substancias ou materiais contaminantes sobre o terreo, nin un incorrecto almacenamento deles.
Fóra da zona de obras non se permitirá o depósito de materiais ou de residuos de ningunha clase.
Identificarase e balizarase a zona de almacenamento de materiais e productos, así como a de almacenamento de residuos.
Os materiais, productos e residuos sobrantes xerados non deberán quedar depositados fóra do almacén destinado a tal fin, debendo ser xestionados en tempo e forma segundo a súa natureza e a lexislación vixente (en ningún caso se crearán vertedoiros incontrolados).
As reparacións de maquinaria realizaraas o persoal contratado.
Estará prohibido o lavado de camións e formigoneiras na zona, así como o cambio de aceite da maquinaria e vehículos fóra das instalacións autorizadas para tal fin.
Ademais, realizaranse tarefas cotiás de mantemento e limpeza das distintas áreas que comprenden as obras.
2.5. Protección da paisaxe.
Nas construccións correspondentes a novos proxectos seguirase a mesma liña de actuación que a empregada nas fachadas das naves da fábrica de papel tisú orientadas á estrada N-558, decorándose co mesmo estilo.
2.6. Sobre o medio socioeconómico.
Os postos de traballo cubriranse, sempre que for posible, con man de obra local. De igual xeito se procederá nas adquisicións de materiais, maquinaria e servicios.
2.7. Protección do patrimonio cultural.
Deberase realizar un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de implantación, de execución das obras e de restitución dos terreos en todo o ámbito do proxecto. A tal fin, e previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
3. Fase de explotación.
3.1. Condicións xerais.
Para a explotación da estación de tratamento de efluentes observarase o disposto na declaración de impacto ambiental formulada por esta dirección xeral no 23 de abril de 2003, actualizada o 4 de xullo de 2003. (Clave: 2002/0949).
Para a valorización enerxética dos lodos procedentes dos sistemas de depuración de augas do asentamento industrial observarase o disposto na declaración de efectos ambientais formulada sobre o proxecto de valorización enerxética dos lodos de depuradora (biolodos) e das cinzas da caldeira de biomasa, no 16 de maio de 2003, actualizada o 11 de xullo de 2003. (Clave: 2002/0171).
3.2. Protección da atmosfera.
3.2.1. Sobre a emisión de po e gases.
Deberanse planificar as rutas de entrada de materias primas e saída de productos e residuos, considerando os horarios, as zonas máis densamente poboadas, minimiza-lo tráfico e evitar retencións, aproveitar ó máximo a capacidade dos vehículos, ... Asemade, naqueles casos en que sexa posible, diversificaranse os itinerarios para evitar que un excesivo número de vehículos pasen por un mesmo tramo de estrada.
Durante o funcionamento da fábrica de pasta controlaranse as emisións dos seus catro focos emisores, de acordo co establecido no Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, de protección do ambiente atmosférico.
Durante o funcionamento da fábrica de papel tisú controlaranse as emisións producidas pola caldeira de producción de vapor, de acordo co establecido no antedito Decreto 833/1975. As ditas medicións levaranse a cabo no foco emisor da caldeira, que deberá dispor de buratos regulamentarios para as medicións, tal e como os establece a Orde do 18 de outubro de 1976.
Manteranse axeitadamente as caldeiras e chemineas.
3.2.2. Sobre o nivel de ruído.
Prestarase especial atención ó ruído xerado pola fábrica de pasta e de papel, a fin de asegura-lo cumprimento en todo momento do establecido na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e na ordenanza municipal de aplicación.
Para a reducción das molestias adoptaranse medidas tendentes á insonorización, na medida do posible, da maquinaria e instalacións.
Os ruídos no interior das instalacións -para a protección auditiva dos traballadores- deben quedar asegurados pola lexislación vixente en materia de seguridade e hixiene no traballo.
Toda a maquinaria empregada durante a explotación das instalacións do complexo debe estar homologada e cumpri-la normativa existente.
3.3. Protección das augas.
No caso de que fose necesario incrementa-la captación actual, deberase obte-la correspondente concesión de Augas de Galicia.
As augas residuais da estación de fabricación de papel tisú serán tratadas na nova estación de tratamento de augas residuais, realizándose o seu vertido a través do emisario submarino conxuntamente co resto de augas depuradas.
Continuaranse realizando os controis periódicos na calidade do efluente á saída do tratamento antes da súa vertedura, a través do emisario submarino, á ría de Pontevedra, cumpríndose en todo momento os límites esixidos no Convenio de colaboración para o saneamento da ría de Pontevedra, asinado o 16 de outubro de 2001.
Anualmente o complexo, en estudio realizado pola Universidade de Málaga, avaliará a calidade da auga, a flora e a fauna da ría.
Asegurarase a estanquedade dos distintos depósitos que se empreguen durante a explotación das instalacións, como os depósitos de combustible, de materias primas, ...
3.4. Xestión de residuos.
Sempre que tecnicamente sexa posible e contando coa autorización correspondente, valorizaranse enerxeticamente tódolos lodos procedentes dos sistemas de tratamento de efluentes do asentamento industrial.
3.5. Protección do solo.
Observarase o disposto na declaración que se formule dentro do procedemento de avaliación de efectos ambientais do proxecto de recuperación de terreos das balsas 1, 2, 3 e 4.
3.6. Protección da vexetación e da fauna.
Dado que o efluente se verte á ría de Pontevedra, avaliarase a súa influencia sobre as comunidades de algas e sobre a fauna da ría mediante controis periódicos.
3.7. Protección da paisaxe.
Levaranse a cabo tarefas de mantemento das zonas axardinadas, edificacións, urbanización, pintura, etcétera, para manter en boas condicións o seu aspecto externo.
3.8. Sobre o medio socioeconómico.
Os postos de traballo para a explotación da fábrica de papel tisú deberán, na medida do posible, cubrirse con empresas e traballadores do concello de Pontevedra e a súa área de influencia, realizando, en caso necesario, labores de formación.
4. Fase de abandono.
No caso de que o complexo industrial Ence-Pontevedra cese na súa actividade, tódalas súas instalacións deberán desmantelarse de forma que se aproveiten tódolos materiais posibles co fin de reutilizalos, reciclalos ou valorizalos enerxeticamente o dalgún outro xeito, e a seguir deberase restaura-la zona, ata recuperar -na medida do posiblea situación inicial ou, neste caso, recupera-la parcela de forma acorde co medio.
5. Documentación adicional.
5.1. Previamente ó inicio das obras da estación de tratamento de efluentes, o promotor deberá contar co informe favorable sobre a documentación indicada no punto 9 da declaración de impacto ambiental formulada por esta dirección xeral o 23 de abril de 2003, actualizada o 4 de xullo de 2003. (Clave: 2002/0949).
5.2. Previamente ó inicio das obras da fábrica de papel tisú e instalacións auxiliares, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición das medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, un (1) exemplar da seguinte documentación:
a) Informe da situación preoperacional co contido recollido no punto 9.1 do estudio ambiental.
b) Plano en planta a escala 1:500, en que se reflictan as zonas onde se realizará o mantemento da maquinaria non móbil, almacenamento de materiais e residuos, e a localización das instalacións de obra.
c) Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do punto 7.3 da DIA.
d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras (referida á contrata ou contratas que vaian executala), de acordo co Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.
Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o resultado da dita avaliación, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta dirección xeral sobre a totalidade da documentación requirida.
Unha vez emitido informe favorable por esta dirección xeral sobre o cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicará ó órgano substantivo a data de inicio das obras e remitirá, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, en que figuren tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras, e indicando para cada actividade as datas de inicio e fin e a duración prevista.
6. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
No caso de que durante o seguimento ambiental se detectasen, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ó órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Tódalas analíticas e medicións a realizar serán efectuadas empregando métodos oficiais de análise.
Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá ó órgano substantivo, coa periodicidade indicada, a seguinte documentación:
6.1. Durante a execución das obras presentarase, con carácter trimestral, un informe de obras que, como mínimo, inclúa os informes mensuais e o informe trimestral cos contidos recollidos no punto 9.2 do estudio ambiental. Ademais, o informe trimestral deberá incluír un cronograma de obras actualizado, indicando a porcentaxe de execución respecto ó total e a data de actualización. Terase en conta que as reportaxes fotográficas que se incorporen nos informes mensuais deben incluír un plano de localización das tomas e a data en que foron realizadas as fotografías.
6.2. Ó final das obras, comunicarase a data de posta en marcha das instalacións e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co contido do informe final da obra recollido no punto 9.2 do estudio ambiental.
6.3. Informe ambiental semestral, que se presentará desde o inicio da fase de explotación, durante os dous primeiros anos desta. Incluirá, como mínimo, o contido do informe de fase de explotación recollido no punto 9.3 do estudio ambiental.
6.4. Informe ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, con carácter xeral, os contidos do informe descrito no punto anterior.
Non obstante o anterior, á vista dos resultados obtidos no seguimento ou por proposta motivada do promotor, poderase modifica-lo contido do dito informe ou a frecuencia dos controis.
6.5. Informe previo ó abandono: no prazo dos seis (6) meses previos ó abandono do asentamento industrial, remitirase un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono das instalacións.
6.6. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do asentamento industrial, remitirase un informe acompañado de reportaxe fotográfica, que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, mencionando especialmente a xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e a restauración das superficies afectadas. Asemade, bianualmente presentaranse informes que recollan as incidencias da evolución da zona rexenerada tal e como se indica no punto 9.4 do estudio ambiental.
7. Condicións adicionais.
7.1. O órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.
7.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.
Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, xuntando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.
7.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.
7.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberase elaborar tendo en conta a variable ambiental e, no caso de que poida producir efectos adversos significativos deberá ser notificado previamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, asemade, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.
7.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó medio ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, a cantidade de 200.000 euros.
7.6. Ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, o órgano ambiental, a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo, poderá dictar só para os efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan na presente DIA.
7.7. Se, unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata que estes sexan corrixidos.
7.8. O incumprimento total ou parcial por parte da empresa promotora das condicións impostas nesta DIA poderá ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.
7.9. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º do Decre to 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.
ANEXO I
Resumo do proxecto
O asentamento industrial do Grupo Ence sitúase en Lourizán, no concello de Pontevedra (Pontevedra), na marxe esquerda da ría de Pontevedra.
Descrición das instalacións e procesos.
Fábrica de pasta de celulosa.
A fábrica de pasta de celulosa iniciou a súa actividade en 1963. O proceso de fabricación que emprega é o TCF (Totally Chlorine Free), que non emprega cloro no branqueo. O proceso de fabricación desenvólvese nas seguintes etapas: tratamento da madeira, preparación da pasta de celulosa, separación de nó da pasta, cribaxe e lavado da pasta, deslignificación con osíxeno, branqueo con peróxido de hidróxeno, secado da pasta, embalaxe e atadura e almacenaxe e expedición. Para a recuperación dos líquidos residuais, vapores e casca lévanse a cabo as seguintes operacións: concentración do licor negro, queima do licor negro, caustificación para a transformación do licor verde en licor branco, fornos de cal, ademais da caldeira de biomasa para producción de vapor partindo da casca. A fábrica dispón dunha turbina de vapor para a xeración eléctrica e o acondicionamento do vapor para o proceso.
Para esta fábrica non se precisa novo persoal nin se vai proceder a realizar obra civil, posto que se trata dunha instalación existente.
Estación de tratamento de efluentes.
O sistema de tratamento de augas residuais da fábrica de ENCE consta na actualidade de tres lagoas aireadas con tratamento biolóxico e un decantador-clarificador de efluentes, ademais dun espesador de lamas e de filtros banda para concentrar biolodos e recuperar fibras. As augas limpas vértense a un cuarto cubeto.
A nova estación foi deseñada para unha capacidade de tratamento de 46.400 m/día e para garanti-los límites establecidos no convenio de colaboración do 16-10-2001. As fases ás que se someterán os efluentes son: desbaste, cribaxe e entrada á estación de bombeo, sistema biolóxico de tratamento por oxidación mediante lamas activadas en dúas etapas, selector, reactor, fornecemento de osíxeno ó sistema biolóxico, tanque selector, reactor biolóxico, clarificación en dous decantadores secundarios, espesamento e prensaxe de lamas, balsa de seguranza e regulación previa a vertedura a través do emisario submarino.
Esta estación é de nova execución, aínda que se utilizan parte dos equipamentos da instalación existente.
Fábrica de papel tisú.
Esta fábrica situarase nos terreos ocupados actualmente polas balsas de aireación do tratamento biolóxico dos efluentes da fábrica de pasta, máis concretamente na zona actualmente ocupada polas tres lagoas de aireación e o cuarto cubeto para decantación. A fábrica ocupará unha extensión de 53.000 m dos que 21.733 m estarán construídos e o resto, 31.267 m, destinaranse a zonas de aparcadoiro, carga e descarga de camións de materias primas e productos, así como a áreas de urbanización e servicios.
Prevese unha producción de 60.000 t/ano de vendibles. En canto á materia prima que se empregue será pasta de eucalipto nunha porcentaxe de 50-70% (unhas 38.000 t/ano) e pasta de coníferas (BSKP) de 30-50% (unhas 25.000 t/ano).
Esta fábrica é de nova execución aínda que vai compartir gran número de instalacións e servicios coa fábrica de pasta de papel. Estímase que a súa posta en marcha cree 184 posto de traballo directos.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL