Diario Oficial de Galicia, 29-03-2007, Núm. 63, Páx. 5116
Resolución do 9 de marzo de 2007, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 21 de decembro de 2006, relativa ao proxecto de trazado do corredor Brión-Noia (AC/03/008.01.3).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como do disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 21 de decembro de 2006, relativa ao proxecto de trazado do corredor Brión-Noia , promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Na antedita declaración, que se transcribe como anexo a esta resolución, incorpórase a modificación derivada da Resolución do 16 de febreiro de 2007 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2007.
Manuel Morato Miguel
Director xeral de Obras Públicas
Declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data 21 de decembro de 2006, relativa ao proxecto de trazado do Corredor Brión-Noia (AC/03/008.01.3) nos concellos de Brión, Rois, Lousame e Noia (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave 2006/0331.
(Incorpórase a modificación derivada da Resolución do 16 de febreiro de 2007 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental).
Antecedentes.
A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 27 de febreiro de 2006, aprobou provisionalmente o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental do corredor Brión-Noia (AC/03/008.01.3) nos concellos de Brión, Rois, Lousame e Noia (A Coruña).
A actuación proxectada ten por obxecto a creación dun novo corredor entre as localidades de Brión e Noia. A nova vía constitúe a segunda fase da actuación no corredor Santiago-Noia, dando continuidade á autovía AG-56 de Santiago a Brión (actualmente en fase de execución). No día de hoxe, o dito corredor apoiase na estrada autonómica AC-543 pertencente á rede primaria básica.
No anexo I resúmese o contido do proxecto de trazado e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.
Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data 17 de abril de 2006 publícase no DOG (nº 73) a Resolución do 23 de marzo de 2006, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental do corredor Brión-Noia
Durante este período foron presentadas alegacións por parte dos concellos de Noia e Rois, de diversos particulares e asociacións, tendo en conta no condicionado desta declaración de impacto ambiental e no que procede as que teñen carácter ambiental.
Con data 21 de novembro de 2006 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no cal se inclúen os certificados de exposición ao público nas distintas dependencias, copia das alegacións presentadas nese período e os informes de Augas de Galicia Demarcación Galicia-Centro, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Saúde Pública.
Con data 7 de decembro de 2006 completouse o expediente ambiental co informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de trazado do corredor Brión-Noia, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a actuación é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen neste DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os únicos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A) Ámbito da declaración.
A presente declaración refírese ás obras definidas no proxecto de trazado do corredor Brión-Noia, na configuración recollida no plano 2 Plan proposta para futura autovía do documento Anexo nº 12: Estudo de impacto ambiental. Corredor Brión-Noia. Febreiro 2006, coas seguintes modificacións:
- As que derivan do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
- O desprazamento do enlace de Martelo desde o p.k. 7+360 ata o p.k. 6+940.
- Modificar o enlace de Sampaio; quedando a súa localización definitiva pendente da coordinación coa solución proposta no estudo informativo da nova variante de Noia sometido a información pública ou, se é o caso, coa solución resultante da análise das alegacións que se presente na antedita información pública e dos informes que, no trámite de avaliación de impacto ambiental, se emitan sobre ela.
B. Condicións xerais.
B.1) Previo inicio das obras.
1. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios, etcétera), primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.
2. Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, habilitarase nos formigonados un sistema de recollida, condución e sedimentación de auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga. Así mesmo, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables.
3. Evitarase modificar as redes de escorremento para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura. Neste marco, deberanse colocar tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionaranse axeitadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación.
Estas estruturas deberán poder ser empregadas como paso por parte da microfauna, polo que os ditos pasos se deseñarán con largo suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, deben ser consideradas como pasos bidireccionais para a fauna, polo que estarán desprovistas de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, prevendo que todas as especies que caian poidan saír.
4. Definiranse as medidas precisas para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles, seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendido de mantas de fibras naturais, etcétera).
5. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, evitando as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.
6. No caso de necesitar materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para este fin, debéndose evitar, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso deberá atenderse á normativa vixente respecto disto.
Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se empreguen para a construción da vía (para bases ou sub-bases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente, etc.) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.
7. Programa de vixilancia ambiental.
O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas no estudo de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Para este fin levarase a cabo o programa de vixilancia ambiental incluído no estudo de impacto ambiental, para cada unha das fases do proxecto (obras e explotación) adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos desta DIA.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, designarase un/s responsable/s desta.
- As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e polo tanto deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.
- A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas.
- Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis poderán ser revisados de acordo cos resultados obtidos.
B.2) Fase de replanteo.
1. Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto. Este balizado e sinalización deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirados cando estas finalicen.
Tamén se procederá ao balizado ou, se é o caso, á sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto (basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural) co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles.
Se é tecnicamente posible os tocóns non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.
2. No caso de que sexa necesario crear vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas.
B.3) Fase de obras e explotación.
1. Levaranse a cabo as medidas recollidas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2. Dada a existencia de numerosas entidades de poboación e edificacións habitadas no contorno do corredor, co obxecto de minimizar as afeccións sobre estas, terase en conta:
- Garantirase o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Brión, Rois, Lousame e Noia.
- No deseño de voaduras, así como na planificación dos métodos de execución, incluiranse, para a súa aplicación dun xeito estrito, as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais grosos.
3. Para evitar a erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, colocaranse sistemas de disipación de enerxía (coieiras, pequenos diques, etc.) nos puntos de vertedura o medio desta rede. Así mesmo, nestes puntos débense impedir os fenómenos de asolagamento e deposición.
4. Non estando previsto a colocación de plantas de formigón nin de aglomerado asfáltico, estes procederán de planta ou plantas externas que conten coas súas correspondentes autorizacións.
5. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de escorremento, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.
6. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción.
7. A xestión da terra vexetal que se empregará na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou esvaramento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etc.).
No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica.
8. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, recoméndase ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.
9. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.
10. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo deberán ser triturados e espallados homoxeneamente para permitir unha rápida incoporación ao solo.
11. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de ser necesarias, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.
Así mesmo, ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etc. deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non estean situadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser empregadas posteriormente ao remate daquelas.
12. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que está levando a cabo esta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etc.) sexan reciclados co fin de empregalos na propia obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.
13. Estableceranse medidas encamiñadas omantemento das infraestruturas locais existentes que sexan empregadas na execución do proxecto, procedéndose á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.
14. Nos labores de mantemento de sistemas de drenaxe evitarase o emprego de herbicidas xenéricos, realizando os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos e/ou mecánicos.
15. Se durante o programa de vixilancia e seguimento ambiental se detectan impactos, imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. De poñerse de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, ese organismo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
C) Condicións específicas.
C.1) Previo inicio das obras.
1. Deberán remitirse á Dirección Xeral de Conservación da Natureza:
- Un estudo dos corredores ecolóxicos que son afectados polo futuro corredor, de xeito que se planifique axeitadamente a colocación dos pasos de fauna.
- O deseño das pantallas acústicas co obxecto de que se poida avaliar a posibilidade de que se produzan colisións de aves contra elas. Con respecto a este deseño, teranse en conta as recomendacións recollidas no informe desa dirección xeral.
- Tendo en conta que a obra proxectada intercepta un total de 43 valgadas, algunhas de certa entidade, e que se proxectan 27 obras para solucionar o problema da drenaxe transversal, remitirase a documentación necesaria para a correcta avaliación da incidencia da obra sobre o medio fluvial.
- As afeccións previstas, así como as posibles medidas protectoras e correctoras necesarias para cumprir as premisas da Orde do 10 de decembro de 1984 sobre protección do acivro Ilex aquifolium, L. no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, opoñerse de manifesto no estudo presentado a existencia dalgúns exemplares no ámbito do proxecto.
2. Deberanse ampliar o número de obras de drenaxe transversal, de tal xeito que todas as valgadas interceptadas pola traza dispoñan da súa correspondente obra de drenaxe transversal.
3. No deseño das estruturas de paso sobre a rede fluvial interceptada polo trazado do corredor, asegurarase que non se coloque ningún piar dentro dos leitos e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado de aqueles.
4. Deberán construírse estruturas específicas para o paso da fauna de gran tamaño, ou adaptar de xeito adecuado os pasos faunísticos xa proxectados.
5. No que respecta ás características e deseño final dos pasos para a fauna terase en conta o recollido no informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
6. Todos aqueles traballos que afecten directamente os cursos fluviais deben ser executados en períodos de estiaxe, co obxecto de minimizar o impacto sobre os ecosistemas fluviais. No suposto de que se produzan danos a estes ecosistemas deberá redactarse un plan para corrixilos, dotado da súa correspondente partida orzamentaria.
7. Os traballos que puidesen prexudicar a fauna na súa época de cría, faranse fóra dela. No caso de que non sexa posible, iniciaranse antes do período máis sensible, evitando así que a afección se produza sobre animais en reprodución.
8. Segundo algunhas das alegacións presentadas, o trazado do corredor proxectado pode afectar a permeabilidade territorial dalgunhas zonas e a algunhas fontes e/ou captacións de auga existentes. Neste senso, terase en conta que:
- Deberán manterse os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.
- Estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais existentes, no que se refire ás fontes e/ou captacións que se poidan ver afectadas.
9. Redactarase un proxecto de integración paisaxística en que se desenvolvan detalladamente os labores de revexetación descritos no Programa de medidas correctoras incluído no estudo de impacto ambiental do proxecto de trazado do corredor Brión-Noia. Así, neste proxecto definiranse os traballos segundo as diferentes zonas que hai que revexetar (noiros en desmonte e terrapléns, ribeiras dos leitos fluviais afectados, contorno das embocaduras dos pasos da fauna, instalacións e vías auxiliares, etc.)
Ademais, no que respecta ás especies que se empregarán na revexetación incluiranse, sempre que sexa tecnica e economicamente posible, arbustos e árbores autóctonas da zona afectada, sobre todo no que se refire á vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados pola traza, sempre que esta se vexa afectada, e co fin de protexer o ecosistema e de mellorar a integración paisaxística do corredor.
10. O trazado afecta o ámbito de protección legal dos xacigos arqueolóxicos Mámoa 1 de Vilaverde (GA15057005) e Mámoa 2 de Vilaverde (GA15057011), así como a seis elementos do patrimonio etnográfico e arquitectónico. Con respecto a isto terase en conta:
- Deberán facerse os axustes de trazado precisos para separar a traza o máximo posible do xacigo Mámoa 2 de Vilaverde, co obxecto de evitar a súa afección.
- Considéranse axeitadas as medidas protectoras e correctoras para o patrimonio arqueolóxico, etnográfico e arqueolóxico recollidas no estudo de impacto ambiental, debendo levarse a cabo as sondaxes arqueolóxicas propostas nas inmediacións da Mámoa 2 de Vilaverde, entre os p.k. 15+760 e 16+120 do trazado de referencia.
- Os traballos de remoción de terras que se realizará nas áreas de respecto deberán ser obxecto dun control e seguimento exhaustivo.
11. Ademais do indicado no punto B.1.7, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente o seguinte:
- Plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras, indicando metodoloxía, periodicidade e límites que se impoñerán aos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona dos cursos fluviais afectados. Considérase que como mínimo os parámetros que se analizarán son os seguintes: temperatura, materias en suspensión, pH, oxíxeno disolto, condutividade e aceites e produtos lubricantes.
Estes controis deberán permitir coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos de calidade indicados no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.
- Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación do corredor, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites que hai que impoñer, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.
- Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación, de xeito que cumpra a súa función dun xeito efectivo.
- En todos os casos situaranse os puntos de control propostos nun plano a escala 1:5.000 ou maior detalle.
- Control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, co fin de evitar calquera afección sobre xacigos arqueolóxicos non detectados durante os traballos de prospección ou que polas súas características sexan imperceptibles a simple vista.
Na fase previa oinicio das obras deberá presentarse un proxecto para a realización do control e seguimento arqueolóxico, que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Co fin de garantir a protección e conservación do patrimonio cultural, e o correcto desenvolvemento dos traballos de control e seguimento arqueolóxico, e dar cumprimento oestablecido no artigo 15 do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, o director da intervención arqueolóxica deberá remitir á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cada 15 días, un informe en que se recolla o estado das obras de construción e a aplicación das medidas protectoras e correctoras que fosen establecidas.
De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. No caso de que sexa detectada calquera evidencia de carácter arqueolóxico no decurso da realización das obras de construción, a dita circunstancia deberá comunicarse, coa maior brevidade posible, a esa dirección xeral.
Deberá informarse o equipo de control e seguimento arqueolóxico da localización das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que puidese afectar elementos do patrimonio cultural, deberá comunicarse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, de 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia, e faranse con cargo ao financiamento do proxecto.
C.2) Fase de replanteo
No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo tanto procederase ao balizado ou sinalización axeitada dos tramos dos regos de Pego, de Naveira, da Portabrea, do Feal Maior, de San Xusto, dos Pasares e das Conchas afectados polas obras, limitándose o seu acceso soamente para os casos en que sexa imprescindible para a realización das obras da estrutura de drenaxe de paso destes regos.
En todo caso, lembrar que previamente a calquera actuación sobre o dominio público hidráulico e zonas de servidume e policía, deberá dispoñerse da autorización do organismo de bacía correspondente, neste caso Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, de 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
C.3) Fase de obras
1. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística definidos no proxecto oque se fai referencia no punto C.1.9 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.
2. Na documentación avaliada faise referencia á existencia de sobrantes dos movementos de terras. Con respecto a isto, seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o depósito, tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. Previamente ao depósito destes sobrantes, contarase, se é o caso, cos correspondentes permisos.
3. A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado nos puntos B.1.7. e C.1.11 desta DIA para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan:
a) Trimestralmente:
- Cronograma actualizado das obras.
- Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.
- Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
- Resultados do control da calidade das augas superficiais e do plan de seguimento dos ruídos producidos polas obras, incluíndo no primeiro informe trimestral medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas.
- Neste informe indicaranse as variacións producidas con respecto ao proxectado.
b) Antes da emisión da acta de recepción:
- Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, en que quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA.
- Informe, se é o caso, das variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado.
- Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.
- Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.
C.4) Fase de explotación.
A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado nos puntos B.1.7 e C.1.11 desta DIA, elaborando anualmente un informe do seguimento ambiental realizado, incluíndo:
- Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental.
- Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data e a hora da toma, así como a localización dos puntos da toma das fotografías nun plano.
- Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.
A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2006.
Joaquín Lucas Buergo del Río,
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
ANEXO I - Resumo da actuación descrita na documentación avaliada
O presente proxecto define a creación dun novo corredor entre as poboacións de Brión e Noia. A nova vía constitúe a segunda fase da actuación no corredor Santiago-Noia, dando continuidade á autovía AG-56 de Santiago a Brión.
A área de ocupación do corredor Brión-Noia comprende unha franxa de terreo de aproximadamente 18 km de lonxitude por un largo variable de entre 40 e 100 m. A superficie aproximada desta franxa de ocupación é de 162 ha e comprende os concellos de Brión, Rois, Lousame e Noia.
O corredor ten a súa orixe no lugar de Gundín, no concello de Brión, no punto en que está previsto que finalice a autovía AG-56 situado a unha distancia duns 150 m ao norte da estrada actual AC-543, entre o km 11 e o 12 dela
O punto final sitúase no km 70,6 da estrada AC-550 (Noia-Muros), no lugar da Pasaxe, ao comezo da nova ponte sobre a desembocadura do río Tambre, denominada Ponte de Seilán, situada a uns 2 km do centro urbano de Noia.
O trazado proxéctase para unha velocidade de 120 km/h.
O largo da plataforma total do corredor será de 16,5 m, distribuídos do seguinte xeito:
- 2 carrís de 3,5 m de largo cada un.
- 1 carril adicional para vehículos lentos, de 3,5 m de largo.
- 2 beiravías de 2,5 m de largo cada unha.
- 2 bermas de 0,5 m de largo cada unha.
Está previsto que o desdobramento para a futura autovía se realice cara ao lado esquerdo do corredor, é dicir, cara ao lado contrario do carril para vehículos lentos, de tal xeito que o corredor manterá a súa estrutura integramente (dous carrís para circulación rápida e un para circulación lenta), ao tempo que manterá a súa funcionalidade durante o transcurso das obras de desdobramento.
O largo da plataforma total da futura autovía será de 31 m, distribuídos do seguinte xeito:
- 4 carrís de 3,5 m de largo cada un.
- 2 carrís adicionais para vehículos lentos, de 3,5 m de largo cada un.
- 2 beiravías exteriores de 2,5 m de largo cada unha.
- 2 beiravías interiores de 1 m de largo cada unha.
- 2 bermas de 0,5 m de largo cada unha.
- 1 mediana de 3 m de largo limitada por barreiras de seguridade ríxidas.
Drenaxe transversal:
Precísase a construción de 27 novas obras no tronco principal, das cales dúas son viadutos sobre os regos de Naveira e dos Pasares, cunhas lonxitudes de 340 e 457 m, respectivamente. Todas as obras novas se construirán con tubos prefabricados de formigón centrifugado de diámetro 1.800 mm, agás os dous viadutos mencionados, un marco prefabricado de formigón armado de 2,5x2 m no rego da Portabrea e un tubo de 1.500 mm de diámetro ao final do trazado na estrada AC-550.
Drenaxe lonxitudinal:
Consistirá en foxos (triangulares ou trapezoidais) en terra e revestidos de formigón para evitar a erosión en pendentes fortes e facilitar a evacuación nas débiles, desaugando directamente ao terreo ou ás obras de drenaxe transversal, por medio de arquetas nos finais de tramo. A drenaxe do firme queda solucionada mediante a sub-base, que actuará como capa drenante.
Construiranse tres enlaces: en Urdilde (pk 3+450), en Martelo (pk 7+240) e en Sampaio (pk 14+940).
A comunicación transversal resólvese mediante pasos superiores e inferiores e camiños de servizo.
Na actualidade, aproximadamente un 60% dos terreos polos que discorrerá o corredor están dedicados a monte baixo ou a explotación forestal, con masas máis ou menos regulares de eucaliptos e piñeiros, dentro dos cales nos atopamos con pequenas fragas constituídas por diversas especies (carballos, castiñeiros, etc.). Un 30% da superficie está dedicada á explotación agropecuaria minifundista, principalmente a prado-labradío e terreos de cultivo rotativo. O resto distribúese entre cursos fluviais, ripisilva, núcleos rurais, solos urbanos e sistemas viarios xerais.
O trazado do corredor intercepta un total de 43 valgadas.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental
1. Atmosfera.
- Administraranse regas frecuentes con auga non potable, sempre que sexa posible, mediante camión cisterna, naquelas zonas onde exista tránsito de vehículos e maquinaria.
- Cubrirase con toldo ou calquera outro sistema funcional a caixa dos camións.
- Para reducir as emisións de substancias contaminantes pola maquinaria na execución das obras, procederase ao control do perfecto estado dos motores, así como revisión de ter pasado a correspondente inspección técnica de vehículos.
2. Ruído.
- Estableceranse os horarios e quendas de traballo adecuados para evitar exceder os niveis sónicos máximos admisibles. Así mesmo, controlaranse as operacións de carga e descarga, movementos de maquinaria e voaduras.
3. Solos.
- Tomaranse medidas enfocadas á minimización de superficies afectadas, reserva e tratamento de terra vexetal, prevención de accidentes etc., tales como:
* Balizamento.
* Localización de instalacións auxiliares en zonas axeitadas.
* Establecemento dun plan viario e de accesos a obra.
* Execución dun programa axeitado de almacenamento e mantemento de terra vexetal.
* Rexeneración de solos.
4. Residuos.
- Tomaranse medidas encamiñadas a evitar a contaminación da auga e o solo e, indirectamente, a afección á fauna e á vexetación. Para iso prevese a xestión dos seguintes tipos de residuos e vertidos:
* Residuos asimilables a urbanos
* Aceites, lubricantes usados e outros residuos perigosos xerados por maquinaria e actividades de obra.
* Augas sanitarias.
5. Erosión e inestabilidade.
- Seguiranse as recomendacións dos estudos e datos xeotécnicos asociados ao proxecto e, ademais, seguiranse as seguintes medidas correctoras:
* Replanteo exacto das zonas sometidas a actividade.
* Almacenamento de préstamos co menor custo ambiental posible.
* Localización correcta de sobrantes, evitando zonas arqueolóxicas ou catalogadas como de interese arqueolóxico, zonas de valor botánico e/ou faunístico, zonas catalogadas de alto valor hidroxeolóxico, rede fluvial, espazos naturais protexidos e/ou núcleos de poboación.
* Xestión correcta dos materiais sobrantes: entrega a xestor autorizado, depósito en vertedoiro de obra ou abandonado para a súa posterior rexeneración ou integración na propia obra.
6. Calidade das augas.
- Construción de drenaxes e foxos apropiados, así como defensas con pedra, sacos terreiros ou de calquera outro tipo para evitar a erosión.
- Decantación das augas de escorrega superficial e subsuperficial da obra antes de seren reintegradas aos leitos.
- Evitar a disposición de materiais de obra en ribeiras e fondos de valgada.
- Realizar o lavado e mantemento de maquinaria en establecementos autorizados.
- Nas operacións de movementos de terras próximos á rede fluvial, poñer especial coidado en que os materiais non alcancen os leitos valando as zonas de traballo, en caso de terreos de moita pendente, cunha protección específica.
7. Fauna.
- As obras realizaranse dentro da franxa de ocupación temporal que se delimitará para tal efecto no proxecto co fin de non alongar no tempo a duración dos impactos e molestias á fauna. Ademais, se durante a fase de proxecto ou durante a de obra se detectase a presenza de especies protexidas que se puidese ver afectadas directamente polas obras procederase a deseñar un calendario de traballo que respectará a época de cría delas.
- Para os cursos de auga da zona respectarase a época de desova ou posta dos peixes interrompendo calquera actuación que supoña a perturbación do leito.
- Así mesmo, implementaranse medidas correctoras para minimizar o efecto barreira, adecuando o sistema de drenaxes tanto transversais como lonxitudinais, para favorecer o paso da fauna, minimizar o desnivel entre embocaduras, a lonxitude das estruturas, a súa pendente, a xeración de saltos entre embocadura e o terreo, así como maximizar a cobertura no contorno das embocaduras.
8. Vexetación e paisaxe.
- O acondicionamento paisaxístico do proxecto realizarase mediante un proxecto de restauración unha vez establecidas as medicións precisas.
- Na presente fase, os obxectivos principais do proxecto de restauración son os seguintes:
* Integración paisaxística do corredor.
* Conservación do recurso edáfico.
* Revexetación de superficies en desmonte e terraplén.
* Restauración de superficies afectadas por estruturas de paso dos cursos de auga.
* Estabilización e minimización da erosión.
* Recuperación de superficies alteradas pola obra.
* Utilización da cobertura vexetal como complemento do balizamento.
* Protección dos cursos fluviais que se poidan ver afectados.
* Preservación dos espazos naturais que se poidan ver afectados.
* Racionalización dos custos de execución e mantemento.
9. Medio socioeconómico.
- As principais medidas protectoras e correctoras das alteracións sobre o medio socioeconómico son as seguintes:
* Correcta sinalización de aviso de obras e de vías alternativas, de forma que sexa posible evitar trastornos na circulación xerados polas actividades construtivas e a presenza de maquinaria pesada, durante a fase de construción.
* Utilización preferente da man de obra local.
* Utilización preferente dos recursos materiais ofrecidos polo medio inmediato á obra.
* Utilización preferente dos materiais de construción manufacturados no contorno comarcal.
* Establecemento de mecanismos deseñados para informar os habitantes dos concellos afectados polas obras de: natureza das obras, alcance, obxectivos, etc.
* Maximizar a realización dos traballos de movementos de terra e transporte de materiais en condicións atmosféricas favorables, evitando traballar con ventos fortes durante períodos secos, para evitar afeccións nas vías respiratorias, perda de valor das colleitas e calidade estética do contorno.
* Regas con mangueiras e/ou camións-cuba das zonas afectadas polos movementos de terra, prestando especial interese ás zonas de carga e descarga das terras e outros materiais que poidan provocar emisións de po.
* Maximizar o recubrimento das materias que hai que transportar mediante lonas, transportes cerrados, ou outros métodos; principalmente cando o traxecto se realice nos arredores de zonas habitadas e/ou cando o transporte do material traspase os límites da superficie de execución.
* Restauración das vías rurais utilizadas no marco das obras.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL