Resolución do 9 de abril de 2007, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 20 de marzo de 2007, relativa ao proxecto de trazado da autoestrada AP-53, treito Alto de Santo Domingo-A52, ramal ao Carballiño e enlace de Maside (OU/03/042.01.6).

Diario Oficial de Galicia, 07-05-2007, Núm. 87, Páx. 7222
Resolución do 9 de abril de 2007, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 20 de marzo de 2007, relativa ao proxecto de trazado da autoestrada AP-53, treito Alto de Santo Domingo-A52, ramal ao Carballiño e enlace de Maside (OU/03/042.01.6). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 20 de marzo de 2007, relativa ao proxecto de trazado da autoestrada AP-53, treito Alto de Santo Domingo-A52, ramal ao Carballiño e enlace de Maside (OU/03/042.01.6), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Santiago de Compostela, 9 de abril de 2007. Manuel Morato Miguel Director xeral de Obras Públicas Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 20 de marzo de 2007 relativa ao proxecto de trazado da autoestrada AP-53, treito Alto de Santo Domingo-A52, ramal ao Carballiño e enlace de Maside (OU/03/042.01.6), no concello de Maside (Ourense), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave 2007/0121. Antecedentes. A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 11 de outubro de 2005, aprobou provisoriamente o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da Autoestrada Santiago de Compostela-Ourense AP-53. Treito: Alto de Santo Domingo-A52. Ramal ao Carballiño e enlace de Maside (OU/03/042.01.6), no concello de Maside (Ourense). A actuación proxectada ten por obxecto a creación dun ramal de conexión entre a autoestrada AP-53 e o núcleo do Carballiño a través do concello de Maside, discorrendo polo sur dos núcleos de Dacón e Maside, da estrada N-541 e da liña de ferrocarril Santiago de Compostela-Ourense. No anexo I resúmese o contido do proxecto de trazado e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental. Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental. En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 6 de febreiro de 2006 publícase no DOG (nº 25) a Resolución do 25 de xaneiro de 2006, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense (AP-53). Treito: Alto de Santo Domingo-A52. Ramal ao Carballiño e enlace de Maside. Durante este período foron presentadas alegacións por parte do grupo municipal socialista do Concello de Maside e de diversos particulares, tendo en conta no condicionado desta declaración de impacto ambiental no que procede, as que teñen carácter ambiental. Con data do 16 de febreiro de 2007 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no cal se inclúe copia das alegacións presentadas no dito período e os informes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do Ministerio de Fomento, da Dirección Xeral de Saúde Pública, da Confederación Hidrográfica do Norte e do Concello de Maside. Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de trazado da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense (AP-53). Treito: Alto de Santo Domingo-A52. Ramal ao Carballiño e enlace de Maside. Declaración de impacto ambiental. Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a actuación é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de existir contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar só para os efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que fornezan unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. A. Ámbito da declaración. A presente declaración refírese ás obras definidas no proxecto de trazado da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense (AP-53), treito: Alto de Santo Domingo-A52, ramal ao Carballiño e enlace de Maside, sendo o trazado ámbito desta DIA o definido polas alternativas A e B1-1 recollidas no estudo de impacto ambiental e correspondentes ao ramal e ás áreas de peaxe, respectivamente. B. Condicións xerais. B.1. Previamente ao inicio das obras. 1. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios, etcétera), primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes. 2. Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, habilitarase nas formigaxes un sistema de recolla, condución e sedimentación de auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga. Asemade, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o chan con materiais impermeables. 3. Evitarase modificar as redes de escorregamento para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura. Neste marco, deberanse colocar tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionaranse axeitadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Estas estruturas deberán poder ser empregadas como paso por parte da microfauna, polo que os ditos pasos se deseñarán con largo suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, deben ser consideradas como pasos bidireccionais para a fauna, polo que estarán desprovistas de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, prevendo que todas as especies que caian poidan saír. 4. Definiranse as medidas precisas para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles, seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendedura de mantas de fibras naturais, etcétera). 5. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, evitando as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación non contorno. 6. No caso de necesitar materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para este fin, debéndose evitar, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso, deberá atenderse á normativa vixente respecto disto. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se empregaren para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonaxes, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente, etc.) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición. 7. Programa de vixilancia ambiental. O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas no estudo de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas prolemáticas xurdidas. Para este fin levarase a cabo o programa de vixilancia ambiental incluído no estudo de impacto ambiental, para cada unha das fases do proxecto (obras e explotación) adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos desta DIA. Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que: - Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, designarase un/s responsable/s desta. - As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e, polo tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os as-pectos obxecto de control. - A toma de mostras, análises e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas. - Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis, poderán ser revisados con base nos resultados obtidos. B.2. Fase de implantación. 1. Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto. Este balizamento e sinalización deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirados cando estas finalicen. Tamén se procederá ao balizamento ou, se for o caso, á sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto (basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural) co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles. Se é tecnicamente posible, os tocos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais. 2. No caso de ser necesario crear vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas. B.3. Fase de obras e explotación. 1. Levaranse a cabo as medidas recollidas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras. 2. Dada a existencia de entidades de poboación e numerosas edificacións habitadas no contorno do ramal de conexión ao Carballiño e do enlace de Maside, co obxecto de minimizar as afeccións sobre estas, terase en conta: - Garantirase o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, no caso de disporen delas, nas ordenanzas municipais do Concello de Maside. - No deseño de voaduras, así como na planificación dos métodos de execución, incluiranse, para a súa aplicación dun xeito estrito, as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais graúdos. 3. Para evitar a erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, colocaranse sistemas de disipación de enerxía (encachados de pedra, pequenos diques, etc.) nos puntos de vertedura ao medio desta rede. Asemade, nestes puntos débense impedir os fenómenos de asolagamento e deposición. 4. Non estando prevista a colocación de factorías de formigón nin de aglomerado asfáltico, estes procederán de planta ou plantas externas que conten coas súas correspondentes autorizacións. 5. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de escorregamento, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Confederación Hidrográfica do Norte. No caso de a vertedura se realizar cara á rede de saneamento da zona, deberase dispor da autorización do xestor de dita rede. 6. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción. 7. A xestión da terra vexetal que se empregue na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras, realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando de que non se produza un movemento en masa ou deslizamento do material almacenado, para o cal se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etc.). No caso de o período de almacenamento ser prolongado e non aparecer vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica. 8. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, recoméndase ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 9. Para a realización de cortas das especies arbóreas, debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. 10. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente para permitir unha rápida incoporación ao solo. 11. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación o antes posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de ser necesarias, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser a estendedura de mantas de fibras naturais. Asemade, ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etc. deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se encontren sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser empregadas posteriormente ao remate daquelas. 12. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo por esta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etc.) sexan reciclados co fin de empregalos na propia obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado. 13. Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan empregadas na execución do proxecto, procedéndose á reparación das deterioriacións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso. 14. Nos labores de mantemento dos foxos e dos sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas xenéricos, realizando os ditos labores exclusivamente por medios manuais e/ou mecánicos. 15. Se durante o programa de vixilancia e seguimento ambiental se detectan impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. De poñerse de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, ese organismo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. C. Condicións específicas. C.1. Previo inicio das obras. 1. No número 6.2.6. do estudo de impacto ambiental sobre a protección das formacións vexetais, establécense unha serie de medidas co fin de protexer a vexetación existente durante a fase de obras. Dado que as ditas medidas son moi xerais e non detalladas, deberanse concretar e remitir á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe. 2. Para mellorar a permeabilidade do ramal, recoméndase a construción dun paso de fauna no contorno da lagoa de Maside, co obxecto de interconectar esta zona humida co nacemento dun rego nas proximidades. 3. No proxecto de trazado prevense 11 posibles pasos de fauna que se corresponderían con adaptacións de obras de drenaxe transversal. Á vista de que o número, a situación e as dimensións delas non son suficientes para evitar o efecto barreira para a fauna de medio e gran tamaño, detállanse no informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza unha serie de medidas encamiñadas a minimizar o dito efecto, debendo ser obxecto de estudo por parte do promotor. A proposta resultante deberá ser informada pola antedita dirección xeral. 4. No que se refire ao chousume perimetral, deberá terse en conta que ante a presenza de especies como o teixugo (Meles meles) e o xabaril (Sus scrofa) será preciso fixar a malla ao chan, preferiblemente soterrándoa entre 20 e 40 cm. Ademais disto, deberán terse en conta as recomendacións efectuadas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza respecto do material e da colocación do referido chousume. 5. Segundo a documentación presentada prevese a colocación de pantallas acústicas de polimetacrilato transparente nalgúns puntos do trazado, co obxecto de minimizar o impacto acústico sobre as vivendas e poboacións próximas a el. Con respecto a estas pantallas deberá terse en conta: - A colocación de adhesivos que simulan siluetas de rapaces non é recomendable, xa que a súa efectividade é moi limitada. - As marcas verticais son as que ofrecen mellores resultados, aínda que tamén se poden empregar outras formas. Recoméndase situalas na parte exterior da pantalla. - As franxas deben ter 2 cm de largo cunha distancia máxima entre franxa de 5 cm (ou 1 cm de largo cunha distancia entre elas de 5 cm). - Preferentemente empregaranse cores claras porque se ven mellor en horas de baixa intensidade de luz. 6. Á vista de que na documentación avaliada non se especifica o deseño dos dispositivos de escape de fauna proxectados, teranse en conta as seguintes condicións: - Non se recomenda o emprego de sistemas de saída que incorporan portas que se abren, permitindo o retorno ao exterior cando un animal exerza presión sobre elas, xa que requiren un alto mantemento e se estragan con facilidade. - Recoméndase o emprego de simples ramplas de terra. - A posible desconfianza do animal a saltar desde o alta da rampla para o outro lado pode evitarse instalando un falso chanzo a media altura da caída vertical. - A distancia recomendada entre sistemas de escape é de 500 m, procurando colocalos alternados cada 250 m, a cada lado, ben que deben colocarse nas proximidades dos pasos de fauna para dirixila cara a eles. - Establecerase, asemade a construción de ramplas de escape dos drenaxes perimetrais e dos foxos que permita a saída de animais que poidan caer dentro. 7. Todos aqueles traballos que afecten directamente os cursos fluviais deben ser executados en períodos de estiaxe, co obxecto de minimizar o impacto sobre os ecosistemas fluviais. No suposto de que por causas imprevistas se producisen danos nos ecosistemas, e concretamente nos fluviais, tomaranse as medidas precisas para palialos, comunicándoo previamente ao servizo provincial correspondente. 8. Todas as augas que saian das zonas de instalacións das obras derivaranse e someteranse a un sistema de desbaste e decantación de sólidos. 9. Os traballos que puideren prexudicar a fauna na súa época de cría faranse fóra dela. No caso de non ser posible, iniciaranse antes do comezo do período máis sensible, evitando así que a afección se produza sobre animais en reprodución. 10. No caso de corta de vexetación, cinxirase á estritamente necesaria para a execución da obra e consonte as autorizacións pertinentes. Neste senso, para calquera aproveitamento, emprego ou modificación da vexetación de ribeira, observarase o disposto na lexislación vixente na materia. 11. Evitarase o depósito de residuos ou produtos sólidos en zonas onde os escorregamentos produzan arrastres aos cursos fluviais coa conseguinte contaminación de augas continentais. 12. Deberán manterse os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras for preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo. 13. Estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais existentes, no que se refire ás fontes e/ou captacións que se poidan ver afectadas. 14. As obras de drenaxe transversal deberanse realizar mantendo, na medida do posible, o eixo do leito actual, non producindo cambios bruscos na súa dirección e facilitando así o réxime de correntes. 15. Deberanse reducir ao máximo posible as canalizacións dos regos, realizando cando sexa necesario o cruzamento do trazado a través da O.D.T. correspondente, sen producir cambios bruscos de dirección e transvasamentos de auga entre bacías. Así mesmo, deberanse substituír as canalizacións de coieira por actuacións máis brandas (muros verdes, hidrosementeira, plantacións arbóreas,...), favorecendo un ecosistema fluvial asociado con diversidade de hábitats e de especies. 16. Previamente ao inicio de calquera actuación dentro ou sobre o dominio público hidráulico ou na súa zona de policía deberá remitirse ao organismo de bacía a documentación pertinente (memoria descritiva, cálculos hidráulicos, planos de planta e perfís transversais onde queden reflectidas as obras de drenaxe e o trazado do leito, orzamento de execución material, etc.) co fin de comprobar que nela se recolleron as prescricións da Confederación Hidrográfica do Norte. 17. Redactarase un proxecto de integración paisaxística en que se desenvolvan detalladamente os labores de revexetación descritos no estudo de impacto ambiental do proxecto de trazado da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense (AP-53), treito: Alto de Santo Domingo-A52, ramal ao Carballiño e enlace de Maside. Así, neste proxecto definiranse os traballos segundo as diferentes zonas a revexetar (noiros en desmonte e terrapléns, ribeiras dos leitos fluviais afectados, contorno das embocaduras dos pasos da fauna, instalacións e vías auxiliares, etc.) Ademais, no que respecta ás especies a empregar na revexetación, incluiranse, sempre que sexa técnica e economicamente posible, arbustos e árbores autóctonas da zona afectada, sobre todo no que se refire á vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados pola traza, sempre que esta se vexa afectada, e co fin de protexer o ecosistema e de mellorar a integración paisaxística do proxecto. 18. Sobre o patrimonio arquitectónico e arqueolóxico: - Co obxecto de poder cautelar o traslado dos Muíños do Chispa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, deberase presentar un proxecto técnico, asinado por técnico competente, que defina axeitadamente esta actuación. - En relación co xacigo Monte do Castro, dado que as obras afectan a zona de respecto deste, deberanse ter en conta as seguintes medidas correctoras: * O enlace previsto de Maside centro deberá aproveitar na medida do posible a antiga vía, co obxecto de reducir o impacto, neste sector, á área de respecto do Monte do Castro. * Establecerase unha zona de cautela nesta área de afección, na cal se deberán realizar sondaxes arqueolóxicas mecánicas para valorar a súa potencialidade arqueolóxica. - Os movementos de terra que se realicen nas áreas de respecto e nas próximas ao contorno de protección dos elementos arqueolóxicos, así como da igrexa e cemiterio de Santa Mª de Amarante, deberán ser obxecto dun control e seguimento arqueolóxico exhaustivo e, en todo caso, previamente ao inicio das obras, deberanse revisar a listaxe dos xacigos arqueolóxicos e as súas áreas de protección para efectos de actualizar, se for o caso, os datos delas. No caso do xacigo do Pozo do Lago, deberá revisarse, en concreto, a súa área de protección integral. - Dado que na documentación avaliada non consta a localización dos vertedoiros, das zonas de préstamo, das instalacións auxiliares, etc., deberá terse en conta que calquera obra nestas áreas deberá recibir informe con carácter previo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co obxecto de evitar a afección de elementos do patrimonio cultural. 19. Ademais do indicado no punto B.1.7, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente o seguinte: - Plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras, indicando metodoloxía, periodicidade e límites que se van impoñer aos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona dos cursos fluviais afectados. Considérase que, como mínimo, os parámetros que se deben analizar son os seguintes: temperatura, materias en suspensión , pH, oxíxeno disolto, condutividade e aceites e produtos lubricantes. Estes controis deberán permitir coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos de calidade indicados no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. - Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación do ramal de conexión, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites que se van impoñer, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. - Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación, de xeito que cumpra a súa función dun xeito efectivo. - En todos os casos se situarán os puntos de control propostos nun plano a escala 1:5.000 ou maior detalle. - Control e seguimento arqueolóxico das fases de implantación, execución de obra e restitución dos terreos, co fin de evitar calquera afección sobre xacigos arqueolóxicos non detectados durante os traballos de prospección ou que polas súas características sexan imperceptibles a simple vista. Na fase previa ao inicio das obras deberá presentarse un proxecto para a realización do control e seguimento arqueolóxico, que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Co fin de garantir a protección e conservación do patrimonio cultural, o correcto desenvolvemento dos traballos de control e seguimento arqueolóxico, e de dar cumprimento ao establecido no artigo 15 do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, o director da intervención arqueolóxica deberá remitir á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cada 15 días, un informe en que se recolla o estado das obras de construción e a aplicación das medidas protectoras e correctoras que fosen establecidas. No caso de que apareceran xacigos arqueolóxicos durante a realización das obras de construción, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente, decidirá sobre a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras que fosen consideradas oportunas. Deberá informarse o equipo de control e seguimento arqueolóxico da localización das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que puideren afectar elementos do patrimonio cultural, deberá comunicarse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Calquera modificación do proxecto de trazado da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense (AP-53), treito: Alto de Santo Domingo-A52, ramal ao Carballiño e enlace de Maside, deberá ser comunicada o antes posible á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe, igual que o proxecto construtivo. Todas as actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado, que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tal como establece o artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño dos proxectos, así como a súa execución, desenvolveranse en coordinación coa antedita dirección xeral. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha das fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, de ser necesario, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación serán revisados os impactos e será avaliada a aplicación das correspondentes medidas correctoras. Os traballos arqueolóxicos faranse con cargo ao financiamento do proxecto. C.2. Fase de implantación. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, por tanto procederase ao balizamento ou sinalización axeitada dos tramos dos regos de Varón, do Landre, da Penela e dos regueiros da Penela e da Viña afectados polas obras, limitándose o seu acceso soamente para os casos en que sexa imprescindible para a realización das obras da estrutura de drenaxe de paso destes cursos de auga. En todo caso, lembrar que previamente a calquera actuación sobre o dominio público hidráulico e zonas de servidume e policía, deberá dispoñerse da autorización do organismo de bacía correspondente, neste caso Confederación Hidrográfica do Norte, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. C.3. Fase de obras. 1. Queda prohibida a queima de residuos, material excedente, restos vexetais ou calquera tipo de resto procedente da execución das obras. 2. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística definidos no proxecto a que se fai referencia no punto C.1.17 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas. 3. Tal como se recolle na documentación avaliada, no que se refire aos sobrantes dos movementos de terra, seleccionaranse utilizando criterios ecolóxicos as zonas onde se realizará o depósito, tendo en conta que, no caso de que existiren no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. Previamente ao depósito destes sobrantes contarase, se for caso, cos correspondentes permisos. 4. A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado nos puntos B.1.7. e C.1.19 desta DIA para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan: a) Trimestralmente: - Cronograma actualizado das obras. - Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman. - Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. - Resultados do control da calidade das augas superficiais e do plan de seguimento dos ruídos producidos polas obras, incluíndo no primeiro informe trimestral medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas. - Neste informe indicaranse as variacións producidas con respecto ao proxectado. b) Antes da emisión da acta de recepción: - Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, no cal quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA. - Informe, se é o caso, das variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado. - Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización. - Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución. C.4. Fase de explotación. A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado nos puntos B.1.7 e C.1.19 desta DIA, elaborando anualmente un informe do seguimento ambiental realizado, incluíndo: - Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental. - Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data e a hora da toma, así como a localización dos puntos da toma das fotografías nun plano. - Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución. - Resultados do plan de seguimento dos ruídos o que se fai referencia no estudo de impacto ambiental, co fin de comprobar a efectividade das pantallas acústicas que foron dispostas nalgúns puntos do trazado. A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa. Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2007. Joaquín Lucas Buergo del Río. Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I - Resumo da actuación descrita na documentación avaliada O presente proxecto de trazado define a creación dunha nova vía que conecta o tronco da autoestrada AP-53 Santiago de Compostela-Ourense co núcleo do Carballiño, a través do concello de Maside (Ourense). Para o estudo de impacto ambiental definíronse tres alternativas de trazado. A alternativa seleccionada é a denominada A e discorre polo sur dos núcleos de Maside e Dacón, da estrada N-541 e da liña de ferrocarril existente (Ourense-Santiago de Compostela). Conta cunha lonxitude de 5,26 km, direccionalidade NO-SE, orixe ao oeste do concello de Maside (moi próximo ao límite municipal do Carballiño) e final á altura do pk 78+700 da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, ao norte da área da peaxe semitroncal de Maside. A solución presenta unha intersección coa estrada N-541 con forma de rotonda na orixe do tramo, onde na actualidade se encontra unha intersección canalizada entre a antedita estrada e a rúa que comunica directamente co centro do Carballiño. Tamén presenta unha conexión unidireccional para os movementos AP-53-Maside á altura do p.k. 3+560 (enlace de Maside centro) e un enlace completo tipo trompeta coa AP-53 no final do trazado (enlace de Maside). Na implantación deste ramal de conexión cómpre executar nel unha área de peaxe nas proximidades do tronco da autoestrada, de xeito que funcione en combinación coa área de peaxe semitroncal da autoestrada AP-53. Para esta área de peaxe estudáronse 5 solucións, en función da súa localización e do número de vías proxectadas, sendo seleccionada a B1-1. Nesta solución sitúase unha área de peaxe semitroncal na marxe esquerda do p.k. 5+000 do enlace de Maside e a peaxe semitroncal da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense atópase no p.k. 79+000, en campos e prados afastado dos núcleos rurais, leitos fluviais etc. O trazado proxéctase para unha velocidade de 100 km/h. Seguindo o mesmo criterio que o empregado no tronco da autoestrada AP-53 Santiago de Compostela-Ourense, a sección tipo adoptada para o ramal ao Carballiño é a seguinte: - Beiravías exteriores: 2X2,5 m. - Calzadas: 2X7,0 m. - Beiravías interiores: 2X1,0 m. - Mediana: 3,0 m. - Beiravías exteriores: 2X0,75 m. Na actualidade, a paisaxe vexetal da zona de estudo está constituída por un mosaico de usos agrícolas e forestais. En xeral, as principais formacións que se identifican no ámbito son as relativas a bosque autóctono, bosque de ribeira, bosque mixto constituído por carballo, piñeiro e algún eucalipto; repoboacións forestais de piñeiro e eucalipto; cultivos e prados. Dos 217.460 m2 que ocupa a alternativa seleccionada para o ramal de conexión, uns 84.245 m2 corresponden a plantacións forestais, 72.625 m2 a cultivos e prados e 33.615 m2 a bosque mixto. O trazado do ramal proxectado intercepta os leitos dos regos de Varón, do Landre, da Penela e do regueiro da Penela. ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental Medidas protectoras. 1. Atmosfera. - Realización de regas periódicas con auga ou con estabilizantes químicos, especialmente en días de forte vento, en días secos e nas zonas próximas aos núcleos de poboación. Os lugares da rega serán os camiños de acceso á obra, o eixe do trazado e todas as zonas que supoñan movementos de terra ou xeración potencial de po. - Utilización de toldos ou lonas plásticas para cubrir o camión cando se transporte o material para impedir a xeración de po. - Control das emisións de gases e partículas procedentes dos motores de combustión interna das máquinas e vehículos de obra, que deberán axustarse aos valores regulamentados. - Limitación da velocidade de circulación de vehículos. - Así mesmo, estará prohibida a queima de monte baixo, leña, aceite, plásticos, etc. e calquera tipo de fogueira non autorizada pola dirección da obra. 2. Ruído. - Evitar calquera acción xeradora de ruídos durante a noite, entre as 22.00 e as 8.00 horas nas inmediacións de núcleos urbanos e casas habitadas dispersas. - Prohibición do uso de sirenas, bucinas ou outros medios sonoros de sinalización, agás naqueles labores en que sexa necesario para evitar riscos de accidentes (como avisos de voaduras ou sinalización de marcha atrás de vehículos pesados). - Mantemento regular da maquinaria (inspección e revisión de emisións de vehículos de obra, revisión dos silenciadores de motores, posibles avarías de tubos de escape, etc.) 3. Control de riscos xeolóxicos. - Deberá realizarse un estudo xeotécnico previo no que se determine o nivel freático e así tomar as medidas oportunas ao respecto. - Deberanse deseñar axeitadamente os noiros, para evitar riscos de esborroamento, mediante un deseño de pendentes tendidas ou socalcos. - Deberanse dispoñer os oportunos elementos de desaugamento, que minimizarán o escorregamento irregular sobre os noiros xerados. 4. Protección e conservación dos solos. - Procederase ao balizamento, mediante a delimitación do terreo que vaia ser afectado polas obras, de forma que se minimice a afección do proxecto sobre o terreo e se reduza o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para tal efecto. - Delimitarase un espazo destinado á acollida das instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zona de almacenamento de materiais, etc.), localizados en espazos que carezan de valores ambientais relevantes. - Os residuos xerados durante a execución das obras xestionaranse conforme a lexislación vixente, primando o seu reemprego, reutilización e reciclaxe fronte á vertedura. Os sobrantes de terra serán depositados en vertedoiros autorizados. - No caso de levar a cabo o almacenamento temporal de residuos, mentres non sexan entregados a un xestor autorizado, localizaranse dentro da zona de obras en superficies delimitadas e sinalizadas, nas cales se disporán colectores ou outros medios necesarios para evitar posibles afeccións do solo. - Os labores de mantemento da maquinaria de obra non apta para circular por estrada faranse dentro da zona habilitada para iso, dispoñendo dos medios necesarios para evitar calquera afección do solo por derramos accidentais. No caso de maquinaria apta para circular por estrada, o mantemento farase en talleres autorizados. - Con obxecto de minimizar a ocupación do solo de forma irreversible, realizarase un movemento de terras selectivo no cal, en primeiro lugar e despois dos procesos de roza e retirada da cuberta vexetal, se retiren as camadas fértiles do solo, establecendo distintas profundidades de escavación en función do tipo de terreo. - Os solos fértiles obtidos amorearanse en distintos puntos, con altura inferior a 2 m e posteriormente será empregada na restauración vexetal das superficies afectadas pola obra. 5. Protección da calidade das augas. - Estará prohibida a vertedura de calquera tipo de material ou substancia ás augas superficiais, extremando as precaucións en talleres e zonas de amoreamento de produtos perigosos (lubricantes, combustibles, etc.). - Previamente á execución das obras procederase á traza e balizamento da zona de traballo nos puntos de paso sobre a rede fluvial, con obxecto de evitar afeccións innecesarias aos sistemas fluviais do territorio. - Prohíbese o uso de marxes e ribeiras (entendendo como tales a banda de 20 m de largo en ambas as marxes do leito) e zonas de servidume ou policía como lugar de depósito de materiais, parques de maquinaria e, en xeral, todas aquelas actividades que supoñan un risco de contaminación das augas ou alteración dos ecosistemas asociados. - Tratamento de restauración das marxes fluviais alteradas inmediatamente despois de rematar as obras de construción no contorno dos leitos. - Disporanse nos arredores dos puntos de paso sobre a rede fluvial, barreiras de retención de sedimentos durante a fase de obras para evitar a contaminación das augas. - No tocante ás augas subterráneas, nas zonas onde a vulnerabilidade dos materiais á contaminación é maior, extremaranse as precaucións tanto na fase de construción como durante a de explotación, de xeito que as instalación auxiliares se dispoñan preferentemente en áreas impermeables. 6. Protección das formacións vexetais. - Na fase de implantación, antes da roza, sinalaranse de forma clara e distinta as árbores que se deben protexer e aquelas que serán eliminadas. Así mesmo, procederase ao balizamento perimetral de todas aquelas formacións vexetais de maior valor ecolóxico presentes no contorno do espazo afectado polo proxecto. - Respectarase todo tipo de vexetación que non estea afectada directamente pola execución da obra. - Estableceranse proteccións individuais dos exemplares singulares. - A eliminación da vexetación da área para revexetar será sempre mediante sistema de roza que facilite a revexetación natural. - Elaborarase un calendario de sinalización, execución e retirada de proteccións e sinalizacións. - Informarase a todos os operarios de obra da importancia da conservación da vexetación e do significado da sinalización. - Trasladaranse a viveiro ou transplantaranse noutros puntos próximos aqueles exemplares de maior entidade. 7. Protección da fauna. - Planificarase o calendario das obras, prestando especial atención aos períodos de reprodución e cría das especies faunísticas presentes, á hora de programar as voaduras. - Adecuarase o deseño das obras de drenaxe transversal para permitir o paso da herpetofauna e dos mamíferos de pequeno tamaño a través delas, reducindo a súa mortalidade. As saídas das drenaxes protexeranse da erosión mediante soleiras e restaurarase a vexetación do contorno. No interior do paso instalarase unha pasarela lateral para favorecer o paso dos pequenos vertebrados. - Darase continuidade ao cerramento lonxitudinal da vía de xeito que dirixa a fauna cara aos pasos transversais, incorporando estruturas que permitan o escape dos animais que accedan accidentalmente á calzada, especialmente en áreas próximas aos enlaces. 8. Protección da paisaxe. - Preservación das áreas con elevada calidade natural. Así, quedarán excluídos para a instalación de préstamos, vertedoiros ou instalacións auxiliares de obra os terreos cun alto valor agrolóxico, as zonas próximas a cursos de auga e, en xeral, os solos con especial valor paisaxístico, ecolóxico ou de interese cultural, así como as superficies arborizadas con alto/medio valor ecolóxico ou vexetación de ribeira. - Utilización de áreas degradadas ambientalmente na actualidade para evitar novos impactos sobre o medio. - Afastamento dos núcleos de poboación próximos co obxecto de evitar molestias aos habitantes. - Evitar áreas afectadas por riscos naturais (asolagamento, esvaramento de ladeiras, etc. ) e prevención de influencias sobre a drenaxe de bacías naturais. - Reducida bacía visual e baixa calidade paisaxística da zona a afectar. - Facilidade de restauración morfolóxica e revexetación da zona afectada polas obras ou instalacións auxiliares permitindo unha integración dela no contorno. - Achegamento ao trazado para minimizar as afeccións a áreas naturais e os impactos derivados do transporte de materiais e produtos sobre a calidade do aire e o medio socioeconómico. 9. Protección do medio territorial. - Sinalaranse convenientemente os itinerarios alternativos ata a fin da obra, cando se reporá o viario orixinal. - Minimizarase o efecto xerado polo movemento de terras, tránsito de maquinaria, etc., mediante a rega das vías de rodaxe, especialmente nas zonas próximas ás áreas cultivadas e ás vivendas habitadas. - Sinalarase axeitadamente a obra e regularase o tráfico. 10. Protección do patrimonio cultural. - Recoméndase realizar un seguimento arqueolóxico na fase das obras durante os traballos de remoción de terras, levada a cabo por un técnico que será responsable de vixiar que non se afecten os elementos inventariados e que decidirá as medidas que se tomarán no caso dun novo afloramento. Medidas correctoras. 1. Ruído. - Na parte de identificación de impactos do estudo de impacto ambiental, determináronse os puntos ao longo do trazado onde os niveis de emisión sonora esperados coa posta en marcha da vía superarán os niveis permitidos, de xeito que se poden identificar as vivendas e edificacións afectadas directamente e a magnitude dos niveis sonoros. A partir desta consideración, determínanse as áreas específicas de actuación para minimizar tal efecto mediante a localización de pantallas para a protección acústica. 2. Integración morfolóxica da obra. - Procederase ao arredondamento das arestas. - Evitarase a refinación excesiva da superficie, xa que constitúe un inconveniente para a posterior colonización vexetal. - Evitaranse formas verticais acanaladas paralelas producidas polos dentes das pas das máquinas escavadoras, xa que facilitan o proceso de formación de fochancas. - Nos desmontes escavados na rocha deixaranse formas irregulares que mostren morfoloxías semellantes ás existentes no estado natural do solo. 3. Afección do réxime hídrico. - Os ríos e canles interceptados deben restituírse para evitar a aparición de zonas alagadas e permitir que sigan cumprindo a súa misión. - Neste sentido, está prevista unha ampla rede de drenaxe que resolva o problema da circulación da auga e a recolla de pluviais ao longo da nova infraestrutura. 4. Conservación de vexetación e solos. - Para evitar a destrución de solos con alto valor agrolóxico procederase á retirada, amoreamento e acondicionamento da terra vexetal útil procedente dos terreos interceptados pola construción da obra. - Recuperarase a camada superior do solo vexetal que poida estar afectada pola obra para a súa utilización posterior nos procesos de restauración. Retirarase de forma selectiva, con maquinaria axeitada unha camada de 30 cm de espesor por termo medio. Os solos fértiles así obtidos amorearanse ao longo da traza para a posterior reutilización; as moreas terán menos de 1,5 m de alto. - Para garantir os procesos de recolonización vexetal, a preparación das moreas farase por camadas de 50 cm de espesor, engadindo entre cada camada esterco ou compost. 5. Protección da fauna. - As medidas correctoras para a fauna refírense fundamentalmente á necesidade de permeabilidade transversal, o que se resolve mediante a adecuación das obras de drenaxe transversal. - As medidas correctoras agrúpanse en dúas partes xenéricas como son os cerramentos e as adecuacións de drenaxes, nos cales se inclúen todas as modificacións de elementos existentes ou unidades de obra de nova instalación para mellorar a permeabilidade transversal e limitar a mortalidade asociada á explotación da nova vía. 6. Conservación do patrimonio cultural. - As medidas correctoras establecidas como resultado da prospección arqueolóxica realizada consisten no control e vixilancia durante as obras, ademais do traslado dos elementos que se considerase conveniente. 7. Restauración vexetal. Para recuperar as superficies alteradas e lograr a integración paisaxística da área afectada polas obras, levarase a cabo a restauración da cuberta vexetal de acordo co establecido no proxecto de restauración vexetal. En liñas xerais, consiste na adaptación ao terreo natural coa minimización dos movementos de terras, adaptando os noiros resultantes á orografía da zona.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
Res09042007.pdf Galego
res09042007.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles