Diario Oficial de Galicia, 26-07-2004, Núm. 143, Páx. 10594
Resolución do 8 de xullo de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 3 de xuño de 2004, relativa ao estudo informativo da estrada de enlace N-540 A Ponte Liñares e conexión Muíños (OU/98.077.01).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 3 de xuño de 2004, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do estudo informativo da estrada de enlace N-540 A Ponte Liñares e conexión Muíños (OU/98.077.01) nos concellos de Bande e Muíños (Ourense), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2004.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Director xeral de Obras Públicas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de data 3 de xuño de 2004, relativa ao estudo informativo da estrada de enlace N-540 A Ponte Liñares e conexión Muíños (OU/98/77.1), nos concellos de Bande e Muíños (Ourense), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave: 2003/0266.
Antecedentes.
A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 3 de novembro de 2000, aprobou provisionalmente o estudo informativo da estrada de enlace N-540 A Ponte Liñares e conexión Muíños, nos concellos de Bande e Muíños (Ourense).
O antedito estudo informativo consiste na definición dos trazados das diversas alternativas para resolver os problemas de comunicación existentes na actualidade entre Bande e A Ponte Liñares, como un corredor continuación do tramo Xinzo-Gande-A Ponte Liñares e, que a súa vez permita unha máis fluída comunicación entre Bande e A Ponte Liñares con Muíños. A orixe da estrada sitúase na N-540 e finaliza na estrada autonómica Xinzo-Bande, unha vez superado o río Limia.
No anexo I resúmese o contido do estudo informativo e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.
Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data 3 de xaneiro de 2001 publícase no DOG (nº 2) a Resolución do 15 de decembro de 2000, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da estrada de enlace N-540 A Ponte Liñares e conexión Muíños.
Con data 13 de outubro de 2003, ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no que se inclúen os certificados de exposición ao público nos concellos de Bande e Muíños e os informes dos anteditos concellos, da Confederación Hidrográfica do Norte e das Direccións Xerais de Saúde Pública, Conservación da Natureza e Patrimonio Cultural, non tendo constancia da presentación de alegacións de carácter ambiental durante o período de exposición pública. En data 4 de maio de 2004, ten entrada un segundo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e os certificados de exposición o público no Servizo Provincial de Estradas de Ourense e na Dirección Xeral de Obras Públicas.
Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula para os sos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudo informativo da estrada de enlace N-540 A Ponte Liñares e conexión Muíños, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a alternativa proposta pola Dirección Xeral de Obras Públicas para o trazado da estrada de enlace N-540 A Ponte Liñares e conexión Muíños é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os sos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que achegen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A) Ámbito da declaración.
O trazado ámbito desta DIA para estrada de enlace N-540 A Ponte Liñares e conexión Muíños está conformada pola Alternativa 1 no tramo desta comprendido entre os p.p.k.k. 10+000 e 17+920 e, na súa parte final, polo tramo comprendido entre os p.p.k.k 33+620 e p.k. 35+350 da Alternativa 3, ambas alternativas desenvolvidas no documento Estudo Informativo, cartografía e efectos ambientais. Estrada de enlace N-540 A Ponte Liñares e conexión con Muíños. Agosto 1999.
Coas modificacións que xurdan co fin de dar cumprimento ao indicado no punto C.1.2 desta DIA con respecto á protección do patrimonio cultural.
B) Condicións xerais.
B.1) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. Co obxecto de cumprir o estipulado no punto 8º do artigo 4 da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, deberá realizarse un estudo do impacto acústico axustado á traza definitiva. En función do resultado deste estudo, propoñeranse medidas correctoras que garantan o cumprimento do disposto tanto na citada lei, como no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Bande e Muíños. Estas medidas definiranse con detalle e incorporaranse ao proxecto definitivo.
O estudo de impacto acústico realizarase baseándose no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.
2. No deseño das voaduras así como na planificación dos medios de execución incluiranse as medidas protectoras e correctoras necesarias co fin de minimizar as afeccións debidas a ruído, vibracións, po e proxeccións de materiais.
3. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, procurando que se empracen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.
4. Tal como se indica no estudo realizarase unha drenaxe perimetral impermeabilizada na zona de estacionamento de maquinaria e das instalacións auxiliares, polo tanto nesta fase deseñarase este sistema de recollida e condución, completándoo cun sistema de decantación previamente á vertedura. Asemade, deseñarase tamén para os formigonados un sistema similar co fin de evitar que se produza unha vertedura da auga mesturada co formigón directamente ao medio.
5. Definiranse os viais auxiliares para utilizar no proceso construtivo, primando o uso da propia traza fronte á de viais locais preexistentes e, de ambos, fronte a apertura de novos viais.
6. No deseño da rede de drenaxe terase en conta o seguinte:
- A auga evacuada en cada drenaxe transversal debe corresponder coa mesma microconca na cal se efectuou a captación.
- Para evitar a erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, colocaranse sistemas de disipación de enerxía (encachados de pedra, pequenos diques, etcétera) nos puntos de vertedura ao medio desta rede. Asemade, nestes puntos débense impedir os fenómenos de asolagamento e deposición.
- Estudarase a diminución do tempo de concentración debido á existencia da nova estrutura. No caso de que aparezan zonas consideradas como puntos críticos estableceranse medidas, como por exemplo tanques de tormenta, co fin de amortecer este efecto.
- As drenaxes transversais poden ser utilizadas como pasos para a fauna, polo tanto dimensionaranse co largo suficiente, a xeometría axeitada e vías paralelas para a auga e para os animais.
- A totalidade do sistema de drenaxe debe ser considerado como paso bidireccional de fauna e polo tanto, desprovisto de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, prevendo asemade que toda as especies que caian poidan saír. En todo caso proxectaranse medidas que favorezan a aceptación da fauna á que se destina o paso e dificulten a acción dos predadores e dos cazadores furtivos. No caso de non poder habilitarse pasos axeitados, deben considerarse medidas compensatorias, como colocar bebedeiros, charcas de reprodución de anfibios, refuxios, etcétera.
7. Redactarase un proxecto de integración paisaxística para o trazado definitivo no que se desenvolvan os labores de revexetación do contorno alterado que de xeito xeral se describen no estudo de impacto ambiental, así neste proxecto definiranse os traballos para efectuar segundo sexa a zona que hai que revexetar (noiros de desmonte e terraplén, beiras dos leitos fluviais afectados, instalacións e vieiros auxiliares, etcétera) así como os materiais que se van utilizar nestes traballos. Ter en conta que os acabados finais das actuacións deberán realizarse co deseño e materiais que integren as devanditas obras no contorno.
8. Desenvolverase un plan global de medidas correctoras para realizar nas distintas fases de obra, cara á protección e conservación do patrimonio arqueolóxico, e ao seguimento e control das obras por se dera lugar a novas afeccións. Este plan global de medidas debe incluír as seguintes actuacións:
- Resultados da realización dunha prospección arqueolóxica intensiva da alternativa seleccionada. O dito traballo será realizado de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
- Proxecto para o control e seguimento arqueolóxico para as fases de replanteo, obra e explotación.
O proxecto construtivo definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante.
Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases de obra, ou no caso de que aparezan novos elementos non detectados polo momento, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras que se consideren máis adecuadas. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
Toda as actuacións arqueolóxicas terán que ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo co proxecto autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Asemade, os traballos arqueolóxicos faranse con cargo ao financiamento do proxecto.
9. Redactarase un programa de vixilancia ambiental co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudo ambiental e no condicionado da presente declaración, incorporando procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación) a periodicidade, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, designarase un responsable desta.
- O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá ter en conta labores de restauración e revexetación.
- As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo tanto realizaranse naqueles momentos nos que poida existir unha afección sobre os aspectos que se van controlar.
- A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán vir acompañadas de informe asinado polo técnico competente.
B.2) Fase de replanteo.
1. Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de toda as infraestruturas e instalacións proxectadas co fin de delimitar as distintas zonas de obra, mediante o seu balizado, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
Procederase ao balizado ou a sinalización de todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental situadas no contorno afectado polo proxecto, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre elas.
2. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto deberá dispoñerse da autorización emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización do seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, segundo o proxecto para o control e seguimento arqueolóxico para as fases de replanteo, obra e explotación ao que se fai referencia no punto B.1.8.
B.3) Fase de obras e explotación.
1. A maquinaria empregada no proceso construtivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ao respecto.
2. Co fin de evitar as posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de obras, debido á acción da maquinaria e aos movementos de terra, levarase a cabo a rega de camiños e zonas de obra. Asemade, procederase ao recubrimento cun toldo impermeable dos camións que transporten material e ao lavado de rodas dos camións á saída da zona de obras.
3. Reservará o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica así como no estipulado, no caso de que dispoñan dela, nas ordenanzas municipais dos concellos de Bande e Muíños.
4. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captación de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Confederación Hidrográfica do Norte. No caso de que a vertedura se realice á rede de sumidoiros da zona cómpre dispoñer da autorización do xestor da dita rede.
5. Ao finalizar as obras, toda as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen emprazadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional, asemade o mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente ao remate daquelas.
6. Previamente á realización de tarefas de mantemento e reparación da maquinaria de obra non apta para circular por estrada, deberán dispoñerse na zona os medios necesarios para evitar a chegada de verteduras accidentais ao solo, facilitando a súa recollida. No caso da maquinaria apta para esta circulación, estas tarefas deberán realizarse en talleres autorizados.
7. Todo os residuos que se xeren como consecuencia da execución, e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
Estes residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, situados na zona de instalacións de obra, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.
Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.
8. Tendo en conta o Programa de Xestión de Residuos de Construción e Demolición en Galicia (2004-2006) da Xunta de Galicia, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na obra, no caso de que isto non sexa posible serán entregados a xestor autorizado.
9. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas.
Asemade, estudarase a posibilidade de que, parte dos materiais a usar para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco esixentes xeotecnicamente, etcétera) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.
10. Non estando definida no estudo presentado, a reserva dunha zona para a fabricación de formigón ou aglomerado asfáltico, estes serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.
11. Prohíbese verter nos propios leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como os cambios de aceite de maquinaria de construción.
12. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra, e, se é tecnicamente posible, os cepos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.
Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.
13. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ao solo.
14. Nos labores de mantemento de cunetas e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente por medios mecánicos.
15. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies espidas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de ser necesarias adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.
16. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, e evitaranse as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.
17. Levaranse a cabo os labores de integración paisaxística desenvolvidos no proxecto ao que se fai referencia no punto B.1.7 da DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo a reposición de calvas e/ou marras que poidan aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e plantacións previstas.
18. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras é preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse indicar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.
19. Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan utilizadas na execución do proxecto, procedéndose á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.
20. No caso de que como resultado de levar a cabo o programa de vixilancia ambiental solicitado no punto B.1.9 desta DIA, se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
C) Condicións específicas.
C.1) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. O trazado elixido vai afectar á rede hidrográfica existente ao atravesar os leitos do rego Cadós, rego Cauño, rego da Aguela, rego de Currelo, rego Carpazás e río Limia. Os pasos sobre o rego Cadós e sobre o río Limia realizaranse mediante un viaduto mentres que os restantes salvaranse mediante unha obra de fábrica. Polo tanto, co fin de dar protección aos recursos piscícolas e ecosistemas acuáticos, no deseño destes pasos teranse en conta as seguintes medidas:
- Respectaranse os leitos dos cursos naturais susceptibles de ser afectados polas obras, de xeito que quede garantido o réxime de caudais; ademais nas seccións directamente implicadas certificarase que o fluxo hídrico manteña as condicións actuais de velocidade, para o cal se establecerán as infraestruturas que sexan necesarias.
- Os viadutos proxectaranse de xeito que non se coloque ningún piar dentro do leito e os estribos se sitúen polo menos 5 m a cada lado do mesmo.
- No caso das obras de fábrica evitaranse as estruturas tipo marcos pechados ou tubaxes circulares, utilizando preferiblemente estruturas en pórtico, marcos abertos ou tubaxes en ferradura, debido a escasa lámina de auga circulante por eles no verán que dificulta os desprazamentos da fauna piscícola. Garantindo asemade que non se xeran, no punto de paso, láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, e que se minimiza a lonxitude do paso o máximo posible.
2. No que respecta á protección do patrimonio cultural, terase en conta o seguinte:
- O trazado seleccionado interponse entre a igrexa parroquial de San Fiz e a totalidade do núcleo, eliminando o acceso directo que conduce á casa retoral, polo tanto estudarase a conexión directa coa igrexa, aínda que sexa peonil, e acondicionarase paisaxisticamente o ámbito de protección de 100 m arredor da mesma que se vexa alterada polas obras.
- O trazado pasa moi próximo ao conxunto etnográfico da Capela da Nosa Señora da Ascensión, onde se celebra unha romaría, polo tanto estímase que o trazado debe desprazarse fóra do ámbito de protección desta (100 m). Para calquera actuación dentro deste ámbito de protección precisarase informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
3. No ámbito do proxecto atópanse varios núcleos de poboación a menos de 150 m do trazado escollido, en concreto O Viñal, O Outeiro, San Fiz, Ribeiro, Ferbenza e A Ponte Liñares, polo tanto, estudarase a aplicación de medidas protectoras e correctoras co fin de minimizar o impacto que podería producir a nova estrada sobre os anteditos núcleos de poboación.
4. Tendo en conta que se prevén sobrantes nos movementos de terra, seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o seu depósito.
5. Ademais de cumprir os condicionados indicados no punto B.1.9, o programa de vixilancia ambiental deberá recoller especificamente os seguintes aspectos:
- Plan de control da calidade de auga dos regos Cadós, Cauño, da Aguela, de Currelo e Carpazás e do río Limia, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona do curso fluvial afectada, co fin de analizar os seguintes parámetros: temperatura, materias en suspensión, pH, oxíxeno disolto, condutividade e aceites e produtos lubricantes.
- Plan de seguimento dos ruídos producidos polas obras, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.
- Plan de vixilancia do sistema de drenaxe, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación do mesmo, de xeito que cumpra a súa función dun modo efectivo.
- Comprobación da evolución dos labores de integración paisaxística.
C.2) Fase de replanteo.
1. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de toda as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo tanto procederase ao balizado ou sinalización axeitada dos tramos afectados dos regos Cadós, Cauño, da Aguela, de Currelo e Carpazás e do río Limia.
Asemade, co obxecto de preservar os anteditos cursos de auga de afeccións e danos innecesarios, queda prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe, e, en xeral, todas aquelas actividades que puideran supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.
C.3) Fase de obras.
1. Previamente a calquera afección ao dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía dos regos Cadós, Cauño, da Aguela, de Currelo e Carpazás e do río Limia, será preceptiva a autorización outorgada pola Confederación Hidrográfica do Norte.
2. Para o aproveitamento e a utilización de calquera tipo de vexetación nas ribeiras dos anteditos cursos de auga será necesaria a previa autorización do Servizo Provincial da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
3. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto C.1.4, deberá contarse cos correspondentes permisos.
4. Previamente ao inicio das obras que afecten as zonas indicadas nos puntos C.1.2, a Dirección Xeral de Obras Públicas deberá presentar perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural un documento que recolla as modificacións pertinentes e as intervencións nestes puntos.
5. A Dirección Xeral de Obras Públicas, con carácter trimestral, elaborará un informe no que se inclúa:
- Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolto no proxecto construtivo segundo o solicitado nos puntos B.1.9 e C.1.5 desta DIA.
- Cronograma actualizado das obras.
- Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.
- Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
Asemade, neste informe indicaranse as variacións producidas con respecto ao proxectado.
C.4) Fase de explotación.
A Dirección Xeral de Obras Públicas elaborará anualmente un informe, incluíndo o seguinte:

- Reportaxe fotográfica onde se reflita a integración paisaxística da actuación, indicando a data e hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano.
- Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.
A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2004.
José Manuel Álvarez-Campana Gallo
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I: Resumo do estudo informativo
O estudo informativo obxecto desta DIA define os trazados das diversas alternativas para resolver os problemas existentes na actualidade entre Bande e A Ponte Liñares, como un corredor continuación do tramo Xinzo-Ganade-A Ponte Liñares e, que a súa vez, permita unha máis que fluída comunicación entre Bande e A Ponte Liñares con Muíños. A orixe da estrada sitúase na N-540 e finaliza na estrada autonómica Xinzo-Bande, unha vez superado o río Limia.
A proposta de trazado considera tres alternativas:
Alternativa 1:
Iniciase esta alternativa na N-540 a uns 4,5 km ao sur de Bande, mediante un enlace tipo trompeta con paso baixo aquela, aproveitando unha explanación existente, o que favorece a rasante do vial.
En dirección cara ao leste, a primeira dificultade orográfica que debe salvarse é o paso sobre o río Cadós, xa nas proximidades do encoro das Conchas, que se resolve por medio dun viaduto no p.k. 10+730, de tres vanos e duns 78 m de lonxitude total estimada. No p.k. 11+175 intercepta o rego do Caúño.
A partir de aquí toma un rumbo surleste discorrendo entre os núcleos do Viñal e O Outeiro, en cuxas proximidades e unha vez superados alcánzase o punto máis ao sur do trazado, no p.k. 12+100 aproximadamente, desde onde vira cara ao norleste en dirección ao núcleo de San Fiz, apoiándose nunha estrada local existente e bordeando o núcleo polo noroeste á altura do p.k. 15+350.
Bordea polo surleste os núcleos de Ribeiro e Fervenza, entre os que se salva o rego de Currelo no p.k. 15+970, retomando entón un rumbo leste en dirección á Ponte Liñares, salvando o rego Carpazás no p.k. 16+860, a partir do que se mantén sensiblemente paralela á actual OUR-301, a uns 200 m cara ao sur.
O novo paso sobre o río Limia prodúcese no p.k. 19+220, mediante un viaduto, en principio de dous vans e duns 80 m de lonxitude total. Á saída del, o rumbo vólvese cara ao norleste para enfilar cara á ponte existente sobre o río Limia, retomando a estrada a Ganade ao sur da Ponte Liñares, no p.k. 19+750.
Ten unha lonxitude duns 9.750 m.
Alternativa 2:
É análoga á anterior, pero variando o tramo inicial. O entronque coa N-540 establécese aquí máis ao norte, a uns 1.700 m ao sur de Bande, á altura do núcleo de Buxán, na intersección coa estrada provincial de Bande a Muíños, que constitúe a base do trazado ata entroncar coa alternativa 1. Esta intersección formula problemas de visibilidade, sobre todo os xiros á esquerda.
Constitúe ao chamado eixo 20, con orientación claramente cara ao surleste, alcanzando o núcleo de Sordos á altura do p.k. 21+500 e bordeándoo polo norte.
O rego de Caúño sálvase agora no p.k. 22+380, a uns 360 m máis ao norleste que na alternativa 1, variando a partir do mesmo o rumbo cara ao sur, bordeando O Viñal polo leste, e incorporándose á alternativa 1 no p.k. 23+044 que coincide co p.k. 11+572,7 da alternativa 1.
A lonxitude é de 11.221 aproximadamente.
Alternativa 3:
Formúlase como opción que bordea o núcleo de San Fiz polo surleste e que bordea A Ponte Liñares polo norte, cruzando o río Limia augas arriba da ponte existente. Trátase pois dunha variante da alternativa 1 no seu treito final. Constitúe o eixo 30 do trazado proxectado.
O seu inicio coincide co p.k. 14+436 aproximadamente da dita alternativa 1, pero discorrendo a cotas mais baixas, arrededor da cota 575, polo tanto, máis próxima ao río Limia.
O paso sobre o rego Currelo prodúcese no p.k. 30+360, a uns 450 m ao surleste da alternativa 1 e o rego de Carpazás no p.k. 32+250, a uns 130 m ao sur da dita alternativa 1.
No p.k. 33+400 intersecta a alternativa 1 no seu p.k. 18+000, dirixíndose cara ao norleste ata alcanzar a estrada existente OUR-301 a uns 500 m ao leste de Güín. A partir de aí, apóiase sensiblemente na estrada existente, rectificando curvas, ata o p.k. 34+760, abandonándoa para bordear A Ponte Liñares polo norte e salvar o río Limia no p.k. 35+160, augas arriba do existente como xa se indicou, por medio dun viaduto de tres vans e duns 88 m de lonxitude total. Á altura do p.k. 35+350 incorpórase á estrada existente da Ponte Liñares a Ganade.
A lonxitude é duns 9.786 m.
Propoñendo en primeira instancia como alternativa seleccionada Alternativa 1.
No entanto, a consecuencia do proceso de consultas aos distintos organismos e do período de información pública ao que foi sometido o estudo informativo a Dirección Xeral de Obras Públicas modifica a súa proposta, establecendo como definitivo un trazado conformado pola Alternativa 1, no tramo desta comprendido entre os p.p.k.k. 10+000 e 17+920, para finalizar na Alternativa 3, desde o p.k. 33+620 ao p.k. 35+350 desta última.
ANEXO II: Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental
Revexetación do contorno alterado:
- Rápida rexeneración das superficies núas mediante sementeiras e plantacións co fin de frear ao máximo a erosión á que están suxeitas estas superficies, favorecidas polo réxime pluviométrico, as pendentes e a natureza do terreo.
- Mellorar a calidade estética dunha obra que por si mesma supón unha intromisión na paisaxe.
- Integración paisaxística mediante a utilización de especies vexetais propias do contorno (herbáceas, arbustivas e arbóreas).
- Unha vez finalizadas as obras, aquelas superficies que quedarán compactadas polas instalacións de obra ou polo tránsito da maquinaria deberán ser escarificadas para procurar que o terreo recupere o seu estado orixinal.
- A terra vexetal que se retire como consecuencia do movemento de terras, almacenarase axeitadamente co fin de utilizala nos labores de revexetación.
Recuperación de áreas de préstamo:
- Para a elección destas zonas, procurarase que o efecto da extracción por unha parte (préstamos) provoque o menor impacto posible no medio. Evitaranse terreos con pendentes acusadas e cuxa escorrega superficial sexa importante, afastándoos dos leitos dos ríos co fin de evitar a súa contaminación. En resumo, situaranse en zonas que presenten unha baixa calidade ecolóxica.
Protección do sistema hidrolóxico:
- Prohibición da instalación do parque de maquinaria e zonas de préstamo nas proximidades dos mananciais, pozos, etcétera.
- Realización dunha drenaxe perimetral debidamente impermeabilizada na zona de estacionamento da maquinaria e de instalacións auxiliares co fin de que a limpeza das máquinas e aqueles traballos de reparación e mantemento non contaminen as augas.
- Control rigoroso das operacións de asfaltado e actuación da maquinaria en xeral para reducir ao máximo a contaminación de solos e augas por fugas e verteduras incontroladas.
- Realización da plantación de especies ripícolas.
Contaminación atmosférica e acústica:
- Realización de regas nas áreas de operación así como nos camiños de acceso para evitar a formación de po.
- Co fin de minimizar a contaminación acústica adoptaranse as seguintes medidas correctoras:
* Plantación de especies vexetais de medio e gran tamaño cuxa función será a de servir de barreira acústica.
* Estudo de niveis máximos de inmisión sonora medidos nos límites das zonas habitadas, os cales non superarán os 60 dB(A) polo día e 50 dB(A) pola noite. No caso de que os niveis sonoros excedan estes valores, procederase á implantación de barreiras acústicas.
Paisaxe:
- Adaptación ao terreo natural.
- Integración paisaxística das obras no ambiente.
- Minimización de movementos de terras, adaptando os noiros resultantes á orografía da zona.
Patrimonio histórico artístico:
- Delimitación das zonas afectadas pola existencia de posibles depósitos arqueolóxicos para evitar o paso de maquinaria.
- Seguimento e control da obra a cargo dos arqueólogos autorizados polas administracións competentes.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL