Diario Oficial de Galicia, 26-07-2004, Núm. 143, Páx. 10594
Resolución do 8 de xullo de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 14 de maio de 2004, relativa ao proxecto de trazado da variante da estrada C-531, treito: Cortegada-Filgueira, nova ponte sobre o río Miño. (Clave OU/01/95.01).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, con data do 14 de maio de 2004, relativa ao proxecto de trazado da variante da estrada C-531. Treito: Cortegada-Filgueira, nova ponte sobre o río Miño, clave OU/01/95.01, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2004.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Director xeral de Obras Públicas
ANEXO
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 14 de maio de 2004, relativa ao proxecto de trazado da variante da estrada C-531. Treito: Cortegada-Filgueira, nova ponte sobre o río Miño, nos concellos de Cortegada (Ourense) e Crecente (Pontevedra) promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave: 2004/0077.
Antecedentes.
A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa resolución do 2 de xuño de 2003, aprobou provisionalmente o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da variante da estrada C-531 Cortegada-Filgueira, nova ponte sobre o río Miño, nos concellos de Cortegada (Ourense) e Crecente (Pontevedra).
Este proxecto consiste nunha vía de novo trazado duns 3 km de lonxitude, dúas carrís de 3,5 m e dúas beirarrúas de 1,5 m. Comeza nunha glorieta na estrada OU-531, a uns 500 m de Cortegada e finaliza con outra glorieta na estrada PO-404, a uns 500 m da parroquia de Filgueira, concello de Crecente. O trazado atravesa o río Miño por medio dunha ponte.
No anexo I resúmese o contido do estudo informativo e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.
Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 26 de xuño de 2003 publícase no DOG (nº 123) a Resolución do 18 de xuño de 2003, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da variante da estrada C-531 Cortegada-Filgueira, nova ponte sobre o río Miño, non tendo constancia da presentación de alegacións durante o período de exposición pública.
Con data do 26 de marzo de 2004, ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no que se inclúen os certificados de exposición ao público nas distintas dependencias e os informes dos concellos de Cortegada e Crecente, da Confederación Hidrográfica do Norte, do eixe noroeste da Xefatura Territorial de Galicia de Mantemento de Infraestruturas de Renfe, da Deputación Provincial de Ourense e das direccións xerais de Saúde Pública, de Conservación da Natureza, de Montes e Industrias Forestais e de Patrimonio Cultural.
Cuberta a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de trazado da variante C-531: treito: Cortegada-Filgueira, nova ponte sobre o río Miño, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os únicos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A) Ámbito da declaración.
Esta declaración de impacto ambiental refírese ás obras proxectadas no proxecto de trazado.Variante da estrada C-531. Treito: Cortegada-Filgueira. Nova ponte sobre o río Miño. Abril 2003; nos concellos de Cortegada (Ourense) e Crecente (Pontevedra), na configuración correspondente ao plano nº 1. Situación e ámbito de estudo recollido no anexo nº 10: estudo de impacto ambiental do antedito proxecto.
B) Condicións xerais.
1. Haberá que aterse ao disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica así como no estipulado, no caso de que dispoñan dela, nas ordenanzas municipais dos concellos de Cortegada e Crecente.
2. Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavada de maquinaria, habilitarase nos formigonados un sistema de recollida, condución e sedimentación da auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga. Así mesmo, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavada da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables.
3. Evitaranse modificar as zonas de escorrega para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo da infraestrutura. Neste sentido, deberanse colocar tantos pasos de auga como valgadas teña o terreo. Esta medida será utilizada como paso pola pequena fauna.
4. Non estando definida, no estudo presentado, a reserva dunha zona para a fabricación de formigón ou aglomerado asfáltico, estes serán provistos dende planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.
5. Tendo en conta o Programa de Xestión de Residuos de Construción e Demolición en Galicia (2004-2006) da Xunta de Galicia, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera), sexan reciclados co fin de utilizalos na obra, no caso de que isto non sexa posible serán entregados a xestor autorizado.
6. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas.
Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se vaian usar para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco esixentes xeotecnicamente, etcétera) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.
7. Para as obras e as posibles verteduras que se poidan producir na realización do proxecto obxecto desta DIA, que afecten o dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e policía, previamente débense obter as respectivas autorizacións da Confederación Hidrográfica do Norte.
8. Prohíbese verter nos propios leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como os cambios de aceite de maquinaria de construción.
9. A xestión da terra vexetal que se vai utilizar na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou deslizamento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etcétera).
No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica.
10. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, recoméndase ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.
11. Procederase ao balizamento, ou á sinalización de todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental situadas no contorno afectado polo proxecto, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre elas. Esta medida levarase a cabo na fase de replanteo.
Así, a corta de vexetación cinguirase á estrictamente necesaria para a execución da obra, e co fin de evitar a deteriación, así como calquera influencia negativa sobre os hábitats fluviais, protexendo en todo momento a vexetación de ribeira.
Se é tecnicamente posible, os tocos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.
12. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.
13. Os restos vexetais que se produzan, deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ao solo.
14. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies espidas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de seren necesarias adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.
15. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible e evitaranse as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.
16. Desenvolveranse o proxecto de restauración paisaxística proposto no estudo de impacto ambiental, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que poidan aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e plantacións previstas.
17. Realizarase un control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e restauración dos terreos, para o que se redactará un proxecto para o control e seguimento arqueolóxico nestas fases que deberá ser presentado perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto deberase dispoñer da autorización emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización do antedito seguimento arqueolóxico.
Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases de obra, ou no caso de que aparezan novos elementos non detectados polo momento, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras que se consideren máis adecuadas. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
Todas as actuacións arqueolóxicas terán que ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo co proxecto autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así mesmo, os traballos arqueolóxicos faranse con cargo ao financiamento do proxecto.
Informarase o equipo de control e seguimento arqueolóxico da localización das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, viais de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que poidan afectar elementos do patrimonio cultural, deberáselle de comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural coa maior brevidade posible.
Calquera modificación do proxecto de trazado obxecto desta DIA terá que ser comunicada, coa maior brevidade posible, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
18. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen.
19. Programa de vixilancia ambiental.
O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Para este fin levarase a cabo o programa de vixilancia ambiental incluído no estudo de impacto ambiental, adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos desta DIA.
Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, designarase un responsable dela.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, designarase un responsable desta.
- O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá recoller os labores de restauración e revexetación.
- As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas polo tanto realizaranse naqueles momentos en que poida existir unha afección sobre os aspectos que hai que controlar.
- A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán vir acompañadas de informe asinado polo técnico competente.
- Incorporarase nos informes copia da documentación acreditativa da obtención dos permisos que sexa necesario requirir.
No caso de que, como resultado de levar a cabo este programa de vixilancia ambiental, se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, esa Dirección Xeral poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
C) Condicións específicas.
C.1) Fase previa ao inicio das obras.
Na zona de cruzamento co regato da Fonte, redimensionarase a obra de drenaxe transversal co fin de que dispoña dunha capacidade hidráulica no caso de se producir unha avenida extraordinaria para un período de retorno de 500 anos.
Así mesmo procurarase non desnaturalizar o leito do río con esta estrutura e deberá realizarase de xeito que se manteña unha lámina mínima de 15 cm na época de estiaxe para que non supoña unha barreira para a fauna piscícola.
C.2) Fase de replanteo.
No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo tanto procederase ao balizamento ou sinalización axeitada dos tramos do río Miño e do regato da Fonte, limitándose o seu acceso soamente para os casos nos que sexa imprescindible para a realización das obras da ponte sobre o río Miño, ou para o paso sobre o regato da Fonte.
Así mesmo, co obxecto de preservar os anteditos cursos de auga de afeccións e danos innecesarios, queda prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe, e, en xeral, todas aquelas actividades que puideran supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.
C.3) Fase de obras.
1. Previamente ao depósito do excedente de terras (uns 77.650 m) nos lugares seleccionados do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, deberá contarse cos correspondentes permisos.
2. En ningún caso as augas procedentes tanto do saneamento lonxitudinal da traza como dos seus noiros se desviarán sobre a plataforma do ferrocarril ou as súas instalacións.
3. A Dirección Xeral de Obras Públicas, con carácter trimestral, elaborará un informe do seguimento ambiental realizado de acordo co indicado no punto B.19 da DIA, no que se inclúa o seguinte:
- Cronograma actualizado das obras.
- Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.
- Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
- Resultados do control da calidade de auga do río Miño e do regato da Fonte, indicado no estudo de impacto ambiental pero engadindo nos parámetros propostos o control de aceites e produtos lubricantes.
- Resultados dun plan de seguimento dos ruídos producidos polas obras, elixindo para a realización das medicións os puntos indicados no estudo de previsión de emisións acústicas incluído no estudo de impacto ambiental.
Así mesmo, neste informe indicaranse as variacións producidas con respecto ao proxectado.
C.4) Fase de explotación.
A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no punto B.19 desta DIA, elaborando anualmente un informe do seguimento ambiental realizado, incluíndo o seguinte:
- Resultados dun plan de seguimento dos ruídos, realizando medidas acústicas nos puntos indicados no estu do de previsión de emisións acústicas incluído no estudo de impacto ambiental que se sitúen nas zonas onde se proxecta a instalación das pantallas acústicas vexetais co fin de comprobar a efectividade destas. No caso de que se superen os límites establecidos na lexislación vixente, substituiranse estas por pantallas acústicas altamente absorventes.
- Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data e hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano.
- Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.
A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2004.
José Manuel Álvarez-Campana Gallo
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I: Resumo do proxecto
O proxecto consiste nunha vía de novo trazado de 3,065 km de lonxitude, con sección tipo 7/10 (2 carrís de 3,5 m e dúas beirarrúas de 1,5 m), unha pendente máxima do 7% e un raio mínimo de 140 m.
Comeza nunha glorieta na estrada OU-531 (antes C-531), uns 500 m antes de chegar a Cortegada, e diríxese cara ao norte nunha lonxitude de 1.000 m (facendo a variante de Cortegada) para logo xirar cara ao oeste ata chegar ao río Miño (nunha lonxitude de preto de 1.500 m). A continuación atravesa o río Miño cunha ponte, e encara a parroquia de Filgueira, no concello de Crecente, cun tramo de case 200 m ata conectar coa estrada PO-404, nunha glorieta a 500 m ao sur da poboación de Filgueira.
Como estruturas singulares deste tramo temos:
- Unha ponte de beirís sucesivos sobre o río Miño con dous piares separados 130 m e un taboleiro duns 260 m de lonxitude.
- Un paso superior no PK 0+980 de máis de 25 m de lonxitude para dar continuidade a un camiño existente.
ANEXO II: Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental
Atmosfera. Composición.
Realizarase un control das condicións atmosféricas durante a fase de movementos de terra para poder realizar os traballos de movementos de terra e transporte de materiais en condicións atmosféricas favorables.
No caso de que sexa preciso traballar en condicións atmosféricas desfavorables adoptaranse outro tipo de medidas tendentes a minimizar as emisións:
- Regas: mentres duren as condicións climáticas adversas realizaranse regas periódicas sobre as superficies afectadas polos movementos de terras, mediante mangueiras e/ou camións-cuba.
- Recubrimento: cubriranse as materias que se vaian transportar mediante lonas, transportes pechados ou outros métodos.
Igualmente realizarase un control das emisións producidas pola maquinaria durante a fase de construción para evitar a contaminación polas emisións de gases de escape, medida que se considera como complemento ás dúas anteriores.
Niveis sonoros.
Os traballos realizaranse sempre en horario diúrno e axustarase como máximo á franxa horaria establecida na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica para Galicia. No caso de ser necesaria a realización de traballos nocturnos deberase contar coas preceptivas autorizacións.
Na fase de obras realizarase unha programación flexible das actividades de obra de xeito que se eviten situacións nas que a acción conxunta de varios equipos ou accións cause niveis de ruídos elevados durante períodos prolongados de tempo e/ou durante a noite.
Toda a maquinaria de obras públicas utilizada nos traballos terá pasado as inspeccións técnicas correspondentes (ITV ou a correspondente) e contará coa certificación CE. Durante o tempo en que se realicen as obras cumpriranse os períodos de revisión de todos os equipos utilizados. Antes do inicio das obras informarase detalladamente aos operarios das medidas que se van tomar para minimizar as emisións sonoras.
Para minimizar as afeccións na fase de funcionamento proponse o deseño e execución dunha serie de barreiras sonoras conformadas a base de pantallas vexetais.
Solos. Características edáficas.
Durante as operacións de replanteo e balizamento de todas as zonas de obra levarase a cabo unha planificación e delimitación das zonas sometidas a actividade, de xeito que só se ocupen os terreos estritamente necesarios; poñendo especial interese en que non se aumente a superficie directamente ocupada pola obra respecto da estimada no proxecto construtivo.
Con anterioridade ao inicio das obras establecerase un plan viario e de accesos á obra. Utilizarase preferentemente á traza como viario de obra, establecendo sobre esta ou en áreas inmediatamente anexas e de escaso ou nulo valor ambiental o parque de estacionamento de maquinaria e a área de almacenamento de materiais.
Tratarase de afectar o menos posible a rede de estradas do territorio. Será precisa a construción de novos camiños para o acceso á zona de traballo dos piares da ponte sobre o Miño. Os ditos camiños realizaranse coas debidas precaucións para evitar maior afección da prevista no proxecto e desmantelaranse unha vez terminado o seu servizo, realizándose labores de restauración e acondicionamento paisaxístico sobre os terreos resultantes.
Realizarase unha correcta sinalización de aviso das obras e do viario alternativo. De xeito periódico limparanse de materiais procedentes da obra as estradas polas que circule a maquinaria. Así mesmo, restaurarase ao seu estado orixinal o viario rural que sufra desperfectos causados polo tránsito da maquinaria pesada da obra.
Sempre que sexa tecnicamente posible recorrerase a establecementos autorizados para a realización da lavada de maquinaria, mantemento e repostaxe. En todo caso, axeitaranse, preferentemente sobre a traza, unhas zonas específicas para a realización de actividades de mantemento e reparación de maquinaria, onde se acondicionará un lavadoiro de maquinaria dotado cun sistema de recollida de efluíntes, se instalará unha balsa de sedimentación para impedir que a auga contaminada chegue directamente ao solo. Realizaranse controis periódicos de que as tarefas se realizan nas zonas específicamente creadas para iso.
Realizarase un seguimento visual e analítico das augas procedentes da balsa de sedimentación que deberán cumprir os límites esixidos pola lexislación vixente para poder seren vertidas nas canles; en caso contrario, deberá someterse esta auga a un tratamento de coagulación e floculación antes de vertelas. Unha vez terminadas as obras, os lodos procedentes da balsa de decantación asociada á zona do parque de maquinaria, xestionaranse conforme a lexislación vixente.
Xestión de residuos e verteduras.
As áreas onde se desenvolvan traballos dotaranse de bidóns e outros elementos axeitados de recollida de residuos sólidos e líquidos de obra, así como os lixos xerados polo persoal empregado, de xeito que todos os residuos producidos na obra serán clasificados e segregados en orixe, evitando a súa vertedura incontrolada e a formación de posibles focos de contaminación. Tras a recollida os residuos serán tratados en función da súa natureza, entregándoos a unha empresa xestora autorizada ou levándoos a un vertedoiro autorizado.
Os residuos asimilables a urbanos almacenaranse en contedores que se instalarán na zona de obras e se tratarán de xeito similar ao que se lles dá aos residuos sólidos urbanos xerados nos concellos polos que discorre o proxecto. Solicitarase aos concellos correspondentes (Cortegada e Crecente) a recollida deste tipo de residuos.
Todas as actividades de obra que impliquen a xeración de residuos tóxicos e perigosos disporán dos elementos necesarios para a súa correcta xestión en función da lexislación de aplicación. Establecerase un plan de recollida das verteduras, que recolla a disposición de depósitos para o efecto onde poidan almacenarse en condicións e a súa xestión racionalizada. Almacenaranse en zonas convenientemente acondicionadas coas oportunas medidas de seguridade, sendo entregados a un xestor autorizado.
Para o control das augas sanitarias preferentemente instalaranse casetas prefabricadas de obra con tratamento químico dos efluíntes. Ao longo das obras realizaranse todas aquelas tarefas de mantemento deste tipo de instalacións que resulten necesarias para asegurar un correcto funcionamento destas.
Amoreamentos de terra e rexeneración de solos.
Planificarase o amoreamento de terra vexetal que se vaia retirar da zona de obra; programando un mantemento axeitado durante o tempo que sexa necesario ata a súa reutilización. Realizarase a achega da terra vexetal amoreada en obra sobre os noiros e outras superficies alteradas da obra.
Xeoloxía, erosión e inestabilidade.
Seguiranse as recomendacións técnicas dos estudos xeolóxicos e xeotécnicos que acompañan o proxecto, onde se determinan as características xeotécnicas dos substratos atravesados pola traza, a súa utilidade como material de préstamo e as medidas xeotécnicas que se vaian observar no proceso construtivo (pendentes dos noiros, bermas, etcétera).
Establecerase un plan de reutilización de sobrantes para que o seu almacenamento definitivo se produza coa menor alteración ambiental posible. A súa situación deberá estar definida antes do inicio das obras de construción. Darase prioridade á utilización de canteiras abandonadas, vertedoiros incontrolados, de residuos ou outros terreos degradados do contorno, que poidan precisar de material de préstamo para as primeiras fases da súa restauración paisaxística.
Calidade das augas.
Practicas construtivas: na fase de movementos de terra e execución da ponte e demais estruturas e obras de drenaxe, disporanse sistemas de control dos arrastres por escorrega dos materiais removidos a consecuencia das ditas operacións de obra. Estes sistemas de control consistirán, ben na instalación de balsas de decantación para a recollida das augas de escorrega procedentes das zonas de obra próximas ou leito ou valgada ben na implementación de filtros antisedimentos.
Evitarase a disposición de materiais de obra nas ribeiras e fondos de valgada, implementando así mesmo os sistemas de control necesarios para asegurar que non se producen arrastres de materiais de obra ou outros debido a eventuais enchentes.
Limitarase o acceso ás marxes do río Miño á maquinaria imprescindible para a realización dos traballos de construción dos piares da ponte.
O plan viario e de accesos á obra evitará, na medida do posible, a dispersión de vehículos e maquinaria polas inmediacións das ribeiras do río Miño e regato da Ponte, así como polo fondo das valgadas.
No caso de que non sexa factible recorrer a establecementos autorizados para a realización da lavada da maquinaria, o seu mantemento e a repostaxe, habilitarase no parque de maquinaria un lugar axeitado para a realización das ditas tarefas e acondicionarase un lavadoiro de maquinaria cunha balsa de decantación asociada para impedir que esa auga contaminada chegue directamente ao solo. Realizarase un seguimento visual e analítico das augas procedentes da balsa de sedimentación.
Procesos de escorrega.
Durante as obras realizarase un seguimento da correcta localización e dimensionamento das drenaxes transversais e lonxitudinais para comprobar o grao de bondade e axeitación ao territorio.
Tratamento dos sistemas de drenaxe e foxos.
Definirase un plan de labores periódicos de limpeza e conservación dos sistemas de drenaxe para asegurar que cumpran dun modo correcto o seu cometido.
A limpeza da vexetación dos foxos será realizada por medios mecánicos.
Fauna.
As medidas correctoras que se vaian implementar sobre a compoñente faunística do medio, fan referencia fundamentalmente á necesidade de minimizar ao máximo posible as afeccións sobre os seus hábitats e á necesidade de permeabilizar o territorio para a fauna.
A ponte sobre o río Miño e o sistema de drenaxes transversais, complementado con parte do sistema lonxitudinal de drenaxes utilízase para favorecer o paso dunhas zonas a outras.
Co obxecto de potenciar a permeabilidade do viario, realizarase a restauración dos espazos situados baixo a ponte sobre o río Miño; así como o contorno da estrutura de drenaxe situada no contorno do p.k. 0+830.
Proxecto de restauración paisaxística.
O acondicionamento paisaxístico deste proxecto realízase mediante a execución dun proxecto de restauración.
Como medida correctora para o acondicionamento dos vertedoiros de sobrantes e/ou ante a aparición non prevista de superficies alteradas polas obras, deséñase un tratamento de restauración que non conta con reflexo orzamentario. A identificación destas áreas, o seu grao de degradación e a necesidade da súa restauración deberá ser avaliada polos técnicos de seguimento e control ambiental das obras.
Antes da ocupación dos terreos retirarase a terra vexetal. Unha vez abandoados os terreos alterados realizarase o acondicionamento das superficies para mellorar a súa capacidade de restauración. Sobre as superficies en pendente realizarase unha hidrosementeira e nas zonas de menor pendente, ademais da hidrosementeira, realizarase unha plantación de especies arbóreas autóctonas.
Medidas correctoras sobre o medio socioeconómico.
Farase unha correcta sinalización de aviso de obras e viario alternativo. Recorrerase á utilización preferente de man de obra, recursos materiais e materiais de construción do contorno comarcal. Informaranse os habitantes do contorno da natureza das obras, duración e finalidade. Realizarase a correcta valoración e premura no pagamento das expropiacións e procederase á expropiación total das parcelas que despois do proceso expropiatorio visen seriamente reducida a súa superficie.
Alteracións sobre o patrimonio.
Non se consideran necesarias medidas correctoras específicas con respecto á arqueoloxía, xa que non se identificou ningún elemento de interese arqueolóxico dentro da superficie do proxecto.
Con respecto ao patrimonio arquitectónico e etnográfico non se consideran medidas correctoras puntuais; unicamente a sinalización dos elementos da cartografía de detalle da obra.
Como medida correctora xeral establécese a necesidade de realizar un seguimento e control dos movementos de terra durante a execución do proxecto.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL