Resolución do 8 de agosto de 2006, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública e audiencia aos interesados o Plan de xestión do lobo en Galicia.

Diario Oficial de Galicia, 29-08-2006, Núm. 166, Páx. 13400
Resolución do 8 de agosto de 2006, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública e audiencia aos interesados o Plan de xestión do lobo en Galicia. A coexistencia do lobo co home xera conflitos, na súa maior parte orixinados polos danos que ocasiona na gandaría. Estes conflitos levaron á desaparición do lobo de gran parte da súa área de distribución mundial a mediados do século XX. Non obstante, durante as últimas décadas o lobo experimentou unha recuperación xeneralizada, recolonizando zonas das cales estivera ausente moito tempo. Os conflitos non cambiaron co tempo, pero a actitude, a responsabilidade e o compromiso que ten a sociedade actual co mantemento da biodiversidade, coa fauna silvestre, co lobo, son distintos. De aí a conveniencia de elaborar un plan de xestión que integre o aproveitamento ordenado do lobo (cinexético e turístico), a súa conservación, e que lles preste especial atención aos danos á gandaría, incluíndo medidas para minimizar a conflitividade entre o sector gandeiro e o lobo (axudas aos gandeiros, sistemas para minimizar a incidencia sobre o gando, etc.). Esta resolución somete ao trámite de información pública e audiencia aos interesados o Plan de xestión do lobo en Galicia dándolles cumprimento ás recomendacións do Comité Permanente do Consello de Berna respecto da necesidade de xestionar a especie de acordo cun plan de manexo e a Estratexia para a conservación e xestión do lobo en España, aprobada en conferencia sectorial o pasado 29 de xaneiro de 2005. Por todo o exposto RESOLVO: Primeiro.- Someter a información pública e audiencia aos interesados o Plan de xestión do lobo en Galicia. Segundo.- Para os efectos informativos poranse exemplares á disposición dos interesados nas seguintes dependencias: - Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, San Lázaro s/n 15781 Santiago de Compostela. - Delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. - A Coruña, praza Luís Seoane, s/n. 15008 A Coruña. - Lugo, rolda da Muralla, nº 70. 27071 Lugo. - Ourense, rúa do Paseo, 18-5º. 32003 Ourense. - Pontevedra, rúa Nova de Abaixo, 2. 36071 Pontevedra. Terceiro.- As alegacións formularanse durante o prazo de corenta (40) días, que comezarán a contar a partir do seguinte día ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2006. José Benito Reza Rodríguez Director xeral de Conservación da Natureza Plan de xestión do lobo en Galicia 1. Marco legal. O Plan de xestión do lobo en Galicia dálles cumprimento ás recomendacións do Comité Permanente do Consello de Berna respecto da necesidade de xestionar a especie de acordo cun plan de manexo e á Estratexia para a conservación e xestión do lobo en España, aprobada en conferencia sectorial o pasado 29 de xaneiro de 2005. A poboación de lobos de Galicia pertence á poboación de lobo ibérico situada ao norte do río Douro, polo que está incluída no anexo V (Especies animais e vexetais de interese comunitario cuxa recollida na natureza e cuxa explotación pode ser obxecto de medidas de xestión) do Real decreto1997/1995, do 7 de decembro, que traspón ao ordenamento xurídico español a Directiva de hábitats. En Galicia o lobo é unha das especies listadas no anexo IV (Relación de especies cinexéticas da Comunidade Autónoma de Galicia) do Regulamento 284/2001. En consecuencia é unha especie cazable, cuxo aproveitamento cinexético debe realizarse seguindo uns criterios que permitan asegurar a súa conservación. Galicia ten todas as competencias en materia de caza, asumidas no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía. Así, a caza en Galicia está rexida pola Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, desenvolvida a través do Regulamento do 11 de outubro de 2001 de caza de Galicia, aprobado polo Decreto 284/2001, e pola Orde de vedas. Os principais obxectivos da Lei 4/1997, tal e como aparece no seu preámbulo, son dous: «Por un lado, tratar de conciliar e garantir que o aproveitamento cinexético realizado polos cazadores non lle afecte á conservación das especies de fauna silvestre patrimonio do conxunto da sociedade mentres que, por outro lado, se trata de lograr unha mellora dos recursos cinexéticos para atender a demanda ordenada dos cazadores». A Lei 4/1997, no seu artigo 4.2º, establece que «o exercicio da caza regularase de maneira que quede garantida a conservación das especies cinexéticas». En canto á conservación da natureza, Galicia ten competencias para establecer normas adicionais sobre protección do medio e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española, asumidas no artigo 27.30º do Estatuto de autonomía. Para tal efecto, créase a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. Esta lei créase co obxecto de «establecer normas encamiñadas á protección, conservación, restauración e mellora dos recursos naturais e á adecuada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, ademais da xea da Comunidade Autónoma galega, á difusión dos seus valores, así como á súa preservación para as xeracións futuras». A xestión dos danos ocasionados polos lobos á gandaría ten a súa base legal na Orde de vedas, que regula a caza por danos producidos polas especies cinexéticas e na Orde do 5 de marzo de 2004, en que se establecen axudas económicas para paliar os danos producidos polo lobo. Ademais hai que engadir a Orde do 23 de agosto de 2002, que establece as bases reguladoras das axudas para a utilización de métodos de produción agraria compatibles co ambiente, un de cuxos obxectivos é compatibilizar os sistemas de pastoreo tradicionais no hábitat do lobo. 2. Situación actual do lobo en Galicia. Na actualidade, a presenza do lobo en Galicia é ampla, ocupa a maior parte do territorio e está presente ata en zonas moi poboadas. Estimouse a súa área de distribución en 25.000 km aproximadamente. Non se identificaron fenómenos de fragmentación das poboacións, dando lugar a unha poboación de lobos continua ao longo da súa área de distribución. O lobo parece faltar nalgunhas zonas do litoral galego, como serían o extremo sudoeste, a costa centro-norte da provincia da Coruña e a parte oriental da costa lucense. A Costa da Morte coruñesa parece ser unha excepción a esta tendencia, quizais debido a que a poboación deste tramo do litoral seguiu ata agora un proceso moito máis lento ca o resto. Outra das áreas onde parece faltar o lobo é a contorna da cidade de Ourense e o Baixo Miño en Pontevedra. O aproveitamento dos vales fluviais para o trazado de diferentes infraestruturas e o crecemento industrial, urbanístico e demográfico que isto leva consigo pode ser unha razón que explique a falta de lobos nestas zonas. Un aspecto destacable da poboación de lobos galega é que non é unha poboación illada do resto de lobos ibéricos, xa que presenta continuidade cos lobos de Asturias, Castela e León e Portugal. A información máis actualizada sobre os aspectos poboacionais do lobo en Galicia correspóndese cos últimos estudos realizados durante o período comprendido entre 1999 e 2003. Segundo estes traballos confirmouse a presenza de 68 mandas de lobos, das cales, no momento de realizar o traballo de campo, considerouse segura a existencia de 60 mandas e probable a de 8. Aínda que é moi complexo estimar o número de lobos que existen nunha poboación, en Galicia podería haber, para ese período, entre 420 e 625 lobos, supoñendo unha densidade de 1,68-2,49 individo/100 km. Cabe destacar densidades importantes ao longo de toda a dorsal galega, no norte de Pontevedra e no sur de Ourense. A causa máis importante de mortalidade coñecida de orixe antrópica no período 1999-2003 foi a morte por atropelo, supoñendo o 64% do total de lobos mortos detectados. As provincias onde se atopou unha maior porcentaxe de mortalidade por atropelo son Ourense e A Coruña. Respecto ao resto de causas de mortalidade é importante precisar que a información sobre mortalidade ilegal é moi difícil de obter e contrastar, pola súa propia natureza ilegal, polo que é previsible que os valores reais sexan superiores aos coñecidos (o 20% da mortalidade coñecida foi debida a actuacións ilegais). Os datos obtidos de lobos mortos por envenenamento non supoñen unha porcentaxe moi elevada (6%). No entanto, a escasa detectabilidade desta causa de mortalidade e o propio feito de que se siga poñendo veleno debe ser motivo importante de preocupación. En canto aos danos á gandaría, disponse de información para todo o territorio galego desde que comezou o programa de axudas por ataques de lobo para o gando semiextensivo, en maio de 2003. Solicitáronse neste período de tempo unha media de 374 expedientes/ano de danos atribuídos ao lobo, 107 a gando vacún e 268 a ovino. A media anual de reses afectadas é de 133 vacas/ano e 1.055 ovellas/ano, resultando un valor medio de 3,9 ovellas/expediente e de 1,2 vacas/expediente. A distribución temporal dos danos mostra que nos meses de decembro e primavera é cando máis expedientes de vacún se solicitan, mentres que para o gando ovino se solicitan unha maior cantidade de expedientes en agosto, setembro e outubro. É conveniente recalcar que estes datos fan referencia ao número de expedientes solicitados, por este motivo, esta información debe entenderse máis como un indicador da alarma social que dos danos que realmente ocasionan os lobos. No entanto, a información sobre danos será actualizada anualmente tamén co número de expedientes aprobados para analizar a evolución dos danos en Galicia. 3. Xustificación. Na sociedade galega, a gandaría e a caza teñen unha grande importancia socioeconómica. Ademais, os lobos forman parte destacada do patrimonio natural e cultural galego. Por un lado existe un problema asociado aos danos que os lobos lle causan á gandaría. Por outro lado, o lobo é un recurso cinexético que coas liñas de actuación actuais non parece estar aproveitado dun xeito ordenado. O modelo de xestión actual, aínda que soluciona certos problemas, non acaba de satisfacer a todos os sectores implicados. Algúns dos problemas detectados son: 1. O lobo en Galicia estase a cazar por danos recorrentes. Un gran número de autorizacións concédense en época de reprodución, época na que non é habitual a práctica cinexética de ningunha especie. Isto fai que o lobo non sexa aproveitado cinexeticamente como podería selo, e que as actuacións de control realizadas poidan prexudicar a conservación da especie. 2. Sería conveniente definir o termo danos recorrentes co fin de poder considerar cando unha situación recorrente pode ser obxecto de autorización para realizar algún tipo de control. 3. O lobo presenta un elevado atractivo turístico que debería ser potenciado para favorecer a economía e a tolerancia das comunidades rurais. 4. Conviría fomentar a utilización de métodos de prevención de danos, mediante a concesión de axudas e a investigación da efectividade dos diferentes métodos. 5. Obsérvase unha carencia no coñecemento sobre as actitudes dos diferentes sectores da poboación fronte ao lobo. 6. Sería desexable recuperar e valorizar o patrimonio cultural asociado ao lobo. 7. É necesario aumentar o grao de tolerancia e coñecemento da realidade do lobo por parte da poboación, principalmente a que convive con el, a través de divulgación social e de educación ambiental. 8. No campo da investigación, o coñecemento actualizado e continuo sobre distribución e parámetros poboacionais é imprescindible, pero hai outros campos moi útiles de cara á xestión da especie (relacións predador-presa, predación sobre gando, uso do hábitat, dispersión, etc.) que non foron abordados. Por todo isto, propoñemos un novo modelo de xestión. Queremos desenvolver un plan de xestión en que se integren caza e conservación, en que todos os colectivos afectados asuman a súa parte de responsabilidade na xestión e conservación do lobo, e que a vontade de consenso entre todas as partes sexa a base da xestión. Preténdese realizar un aproveitamento ordenado da especie (cinexético e turístico), e prestarlles especial atención aos danos á gandaría (axudas aos gandeiros, sistemas para minimizar a incidencia sobre o gando, etc.), co obxectivo de asegurar a conservación do lobo e que se minimicen, na medida do posible, os conflitos entre o sector gandeiro e o lobo. O bo desenvolvemento e aplicación do plan de xestión dependerá da vontade de abordar positivamente, por parte dos sectores implicados, o problema intrínseco da xestión e conservación do lobo ibérico. 4. Obxectivos. Os obxectivos xerais do Plan de xestión do lobo en Galicia son: 1. Establecer unha serie de medidas e actuacións que permitan manter unha poboación viable de lobos dentro dun marco de coexistencia co mundo rural e compatible coas actividades agropecuarias, que contribúa á conservación da poboación ibérica. 2. Manter unha poboación estable e continua de lobos similar á actual, independentemente das flutuacións naturais que se poden producir a curto prazo, e desenvolver os mecanismos para o seu seguimento e estudo. 3. Sentar as bases e establecer propostas para realizar un aproveitamento cinexético ordenado do lobo. 4. Minimizar a conflitividade xerada polos danos que ocasionan os lobos sobre o gando mediante incentivos económicos e asesoramento técnico axeitado para a aplicación de métodos de prevención de danos. 5. Establecer propostas e fomentar actuacións nas cales se recoñeza o lobo como un recurso económico que pode mellorar as condicións socioeconómicas das poboacións locais (actividades turísticas, recuperación do patrimonio cultural, etc.). 6. Desenvolver programas e actuacións cuxa finalidade sexa aumentar o coñecemento e a tolerancia dos distintos sectores da sociedade cara ao lobo (divulgación social, educación, etc.). 7. Establecer un sistema de participación social no cal todos os sectores relacionados directamente coa xestión do lobo asuman a súa responsabilidade na xestión e conservación da especie. 5. Zonificación da área de distribución do lobo en Galicia. A problemática e a situación do lobo non é a mesma en toda a súa área de distribución. Así, hai zonas con densidades altas de lobos, densidades baixas, zonas onde ocasionan moitos danos á gandaría, onde pasan practicamente desapercibidos, zonas onde se alimentan principalmente de gando doméstico e outras nas cales os ungulados silvestres constitúen a maior parte da súa dieta, entre outras múltiples situacións. Esta diversidade implica que unha adecuada xestión do lobo debe pasar por unha identificación das zonas nas cales hai que establecer unhas medidas de xestión diferentes, considerando principalmente a abundancia de lobos e o risco potencial de que se produzan danos á gandaría. Cara a una xestión práctica desde o punto de vista administrativo, a zonificación realizouse tomando como base a división administrativa por concellos. 5.1. Criterios de zonificación. Para establecer neste documento a zonificación da área de distribución do lobo en Galicia, tivéronse en conta: * Os aspectos biolóxicos relativos á situación da especie están representados polo criterio 1: densidade de lobos. Para reflectir a situación actual da poboación de lobos utilizáronse os datos poboacionais e a información achegada relativa aos seguimentos que se realizaron entre 1999 e 2003 (Llaneza et al. 2001, 2002 e 2003). * A interacción coa gandaría está representada polo criterio 2: gandaría, para o cal se utilizaron datos relativos á carga gandeira procedentes das bases de datos dos censos gandeiros facilitados pola Xunta de Galicia (ano 2004). * Os aspectos sociais como a conflitividade represéntanse polo criterio 3: danos á gandaría. Para reflectir a alarma social que o lobo pode xerar utilizouse a información dispoñible sobre danos ao gando empregando o número de expedientes por municipio desde que entrou en vigor o sistema de axudas por danos á gandaría en maio de 2003. Ademais dos indicadores seleccionados, sería útil incluír outros como a mortalidade ou incluso datos sobre a dispoñibilidade de alimento. Desafortunadamente na actualidade descoñécense en profundidade algúns destes aspectos polo que non é posible incorporalos como criterio de zonificación polo momento. Criterio 1. Densidade de lobos.- En canto á poboación de lobos estimáronse as densidades por concellos. Tomouse como referencia a información achegada por Llaneza e Blanco (2001) sobre o lobo en Castela e León. Ao norte do río Douro, onde é especie cinexética, estes autores estimaron unha densidade media de 2,3 lobos/100 km. Establecéronse 3 categorías en canto á densidade de lobos e estimáronse as densidades por concello para toda Galicia (fig. 1). Densidade baixa (entre 0 e 1,27 lobos/100 km). Densidade media (entre 1,27 e 2,29 lobos/100 km). Densidade alta (a partir de 2,29 lobos/100 km). Fig. 1.- Densidade de lobo por concellos (lobos/100 km). Criterio 2. Gandaría.- Outro factor clave na zonificación de cara á xestión é o risco de que se produzan danos (Mech, 1995). Deste modo, considerouse como segundo criterio de zonificación a abundancia de gando equino, vacún de carne e gando menor (ovino e caprino) xa que son, polas súas características e manexo, os máis vulnerables. Establecéronse dúas categorías para cada un destes tipos de gando: Gando equino: presente e abundante. Gando ovino-caprino: 30 reses/100 ha. Gando vacún de carne: 17,5 reses/100 ha. Criterio 3. Danos á gandaría.-Na actualidade disponse dun ano completo de información sobre expedientes de danos ao gando semiextensivo desde que se puxo en marcha o sistema de axudas por danos á gandaría. Ao dispoñer de pouca información, nun primeiro momento vanse contabilizar todos o expedientes tramitados, entendendo que este pode ser un bo indicador da alarma social xerada polos danos á gandaría. No entanto, nas revisións que se efectúen cada 5 anos será necesario ter en conta só aqueles expedientes que aprobe como danos de lobo a Comisión de Valoración de Danos. Establecéronse arbitrariamente dúas categorías: concellos con máis e con menos de 5 expedientes solicitados nun ano/100 km. 5.2. Zonificación e criterios de xestión por zonas. Atendendo a estes tres criterios de zonificación establecéronse 3 zonas (táboa 1; fig. 2), asumindo que zonas de alta densidade de lobos onde hai maior vacún de carne (= 17,5 reses/100 ha) e ovino-caprino (= 30 reses/100 ha) son as zonas onde a probabilidade de producírense danos é maior. Táboa 1.- Resultado da zonificación da área de distribución do lobo en Galicia segundo as densidades de lobo, o gando e os danos ao gando semiextensivo. Fig. 2.- Representación gráfica da zonificación da área de distribución do lobo en Galicia segundo as densidades de lobo, o gando e danos. (1: zona 1; 2: zona 2; 3: zona 3). Tendo en conta a situación actual do lobo en Galicia, os obxectivos suscitados e a zonificación, os criterios de xestión por zonas que se propoñen son as seguintes: Zona 1: a extracción dun número limitado e razoable de lobos nesta zona non supón unha ameaza para a conservación da especie, xa que as densidades que aquí se alcanzan son en toda a zona elevadas. Por este motivo, porase en práctica un aproveitamento cinexético ordenado nesta zona (táboa 6), e cumpren ademais a función de minimizar a conflitividade existente cando coinciden altas densidades de lobos e de gando doméstico. A Orde xeral de vedas determinará cada ano o número de exemplares que se poderán abater, se é posible por zonas amplas. Para estes efectos, nestas zonas os Tecor poderán elevar á delegación provincial unha proposta de aproveitamento do lobo conxunto. A zona 1 será prioritaria á hora de aplicar e fomentar as medidas de prevención de danos. Zona 2: cando xurdan danos recorrentes poderanse autorizar aproveitamentos por parte dos Tecor que se agrupen e o soliciten dentro do período hábil de caza. Zona 3: non se autorizarán aproveitamentos mentres a densidade non alcance maiores valores. Nesta zona terá prioridade o control de cans asilvestrados e incontrolados, así como as diferentes actuacións relativas ao estudo, seguimento e control da mortalidade da especie. * En todos os casos de autorización de aproveitamentos, cando os Tecor non leven a cabo o aproveitamento, ben por falta de organización ben por non conseguir abater os exemplares autorizados, a administración poderá tomar as medidas conducentes a facelo efectivo. * As autorizacións terán en conta a necesidade de garantir o mantemento da poboación de lobos en niveis similares aos actuais. Os servizos de conservación poderán determinar outras circunstancias excepcionais nas cales, tras quedar afectados un número importante de reses, se deberá realizar algún tipo de control. 6. Planificación de actuacións que se van realizar. Neste punto establécense unha serie de actuacións para alcanzar os obxectivos formulados no Plan de xestión do lobo en Galicia. Esta proposta de actuacións enmárcase no contexto dos próximos 10 anos. Calquera cambio na situación do lobo e a súa relación co home debe corresponderse cun cambio áxil e efectivo nas actuacións co fin de conseguir as metas que se formulan. 6.1. Parámetros biolóxicos. * Actuacións: PB1-IA3, PB2, PB3. A información sobre parámetros biolóxicos do lobo (distribución, taxa de natalidade, taxa de mortalidade, flutuacións poboacionais, etc.) é básica para a xestión da especie. Esta información debe actualizarse periodicamente para analizar a evolución da poboación e tamén para observar como afectan as medidas de xestión que se van realizando. Dispoñer de series temporais sobre os parámetros biolóxicos permitiranos analizar e coñecer as tendencias da poboación de lobos galega. A actualización e posta ao día desta información permitirá detectar posibles problemas e dará as claves para solucionalos e realizar os cambios oportunos. * PB1-IA3. Realización de programas de seguimentos periódicos da poboación e obtención información da distribución e aspectos poboacionais e, na medida do posible, taxas de natalidade e mortalidade e tamaño de grupo. Para unha especie como o lobo e unha superficie como a de Galicia, é conveniente que as monitoraxes se realicen cada 5 anos. As series temporais de datos son imprescindibles para detectar tendencias poboacionais, información máis valiosa que a situación da poboación nun momento dado. Estes seguimentos, de cara a optimizar os recursos (económicos e humanos), pódense organizar de maneira que nun ano se poidan mostraxear dúas provincias e ao ano seguinte as dúas restantes. Os períodos de seguimento serían entre abril e outubro. É importante fomentar a participación dos axentes de Medio Ambiente neste tipo de traballos. * PB2. Protocolo de recollida de información sobre o lobo e elaboración dunha base de datos con información biolóxica e de xestión actualizada. Hai moita información que se perde por non ter un protocolo deseñado para recollela. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a través da Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, elaborará un protocolo de recollida de información sobre o lobo. Considerarase no protocolo a elaboración dunha base de datos que conterá información de avistamentos, danos, resultados das cazarías, datos de mortalidade, etc. Na base de datos pódense crear unhas táboas temáticas, segundo o tipo de información que se queira recoller. Deseñarase unha base de datos centralizada que se nutrirá cos datos achegados anualmente polos servizos provinciais. Para a obtención de datos proponse a elaboración dunha ficha de toma de datos por parte dos axentes de Medio Ambiente. Esta ficha enviáraselles mensualmente aos técnicos provinciais. Recoméndase que a base de datos sexa confeccionada para que permita o uso dos datos en aplicacións dos sistemas de información xeográfica, e poderá ser utilizada esta información para establecer ferramentas de zonificación. Anualmente elaborarase un informe electrónico coa información acumulada no ámbito de toda a comunidade. * PB3. Estudos orientados a incrementar o coñecemento sobre a mortalidade da especie. A información sobre mortalidade do lobo merece unha atención especial, xa que os animais mortos achegan unha valiosísima información: taxa e causas de mortalidade coñecida, estado de saúde da poboación, detección de zonas con maior taxa de mortalidade coñecida e as súas causas, entre outras. Afondarase no coñecemento destes aspectos e estableceranse os protocolos para almacenala nunha base de datos, e podela vincular con outras táboas temáticas. * Actuacións: PB4-IA4, PB5-IA5, PB6-IA6. Os estudos de alimentación e das relacións predador-presa do lobo son moi importantes desde o punto de vista da xestión, xa que son indicadores do consumo e a predación que exercen os lobos sobre os ungulados silvestres e sobre o gando doméstico. * PB4-IA4. Coñecemento da alimentación do lobo. Coñecer os hábitos alimenticios dos lobos e as súas preferencias tróficas en función da dispoñibilidade de alimento en diferentes zonas achega información moi valiosa sobre preferencias alimenticias dos lobos, accesibilidade do gando e uso doutras fontes de alimento. Toda esa información debe repercutir no tipo de medidas que se van aplicar e na identificación de zonas de xestión. Ademais, pode achegar información moi importante en relación cos danos á gandaría. Pódense xerar unhas saídas gráficas e establecer correlacións utilizando as bases de datos sobre a incidencia do lobo no gando, os censos gandeiros e os datos de alimentación do lobo. Proponse a realización dun estudo sobre os hábitos alimenticios do lobo en Galicia durante os próximos tres anos. O seu desenvolvemento suporá a elección de varias zonas significativas en función de diversas variables (danos á gandaría, carga gandeira, zonas con ampla dispoñibilidade de especies silvestres, zonas moi poboadas, etc.), nas cales se realizarán dúas mostraxes trimestrais ao longo dun ciclo anual. Se se ten en conta o tempo necesario para as análises dos materiais, datos e elaboración de informes, en 1,5 anos pódese dispoñer dun estudo sobre a alimentación do lobo nun par de provincias galegas. En tres anos contaríase cunha información precisa sobre os hábitos alimenticios do lobo en Galicia. Esta información permitirá poder utilizar outra ferramenta para a zonificación da xestión do lobo en Galicia. * PB5-IA5. Coñecemento da predación do lobo sobre o gando. En especial, é importante ter información sobre a predación do lobo sobre o gando equino. A abundante presenza de gando equino pode explicar, entre outras razóns, a existencia de mandas de lobos en sitios moi poboados e con gran cantidade de infraestruturas. Non obstante, a relación real entre o lobo e o cabalo descoñécese. Polas características físicas dos cabalos (tamaño corporal, estrutura das mandas, etc.) e o tipo de manexo (completa liberdade) a relación lobo-cabalo podería ser a mesma que entre o lobo e un ungulado silvestre de similares características. Descoñécense cuestións como a produtividade, o estado de saúde, taxa de mortalidade, taxa de depredación, características dos animais depredados e a estrutura social das mandas de cabalos en zonas con e sen lobos. Esta información é moi importante para a xestión do lobo e tamén para o manexo dos cabalos en zonas de abundante gando equino e presenza de lobos. O estudo da predación dos lobos sobre o gando en réxime semiestabulado (vacún, ovino, etc.) presenta, sen dúbida ningunha, maiores facilidades para o seu desenvolvemento, e pódese realizar en zonas puntuais en función dos obxectivos que se consideren oportunos. Normalmente as administracións dispoñen de interesantes bases de datos sobre os danos ocasionados polos lobos á cabana gandeira, pero esa información non pode utilizarse para establecer patróns do tipo predador-presa. Os datos actualmente dispoñibles sobre a predación do lobo sobre o gando na Península Ibérica non deixan de ser unhas simples estatísticas de danos. É necesario abordar estudos puntuais para coñecer a incidencia real sobre a gandaría, que, entre outras cuestións, nos permitirán obter información sobre diversos aspectos que poden ser útiles nas inspeccións dos danos por parte dos axentes de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. * PB6-IA6. Coñecemento das relacións predador-presa. O coñecemento das relacións do lobo coas súas principais presas, tanto silvestres como domésticas, é importante para saber se hai zonas onde os lobos mostran algún tipo de selección positiva cara a unha determinada presa. Esta información é básica para a adopción de medidas de xestión, como fomentar determinados métodos de prevención de danos, valorar a posibilidade e efectividade do reforzamento de presas silvestres, entre outras. Este tipo de traballos son moi complexos e requiren amplos períodos de estudo. Non obstante, o seu desenvolvemento achega valiosísima información aplicable á xestión do lobo e das poboacións presa. De cara a garantir resultados consistentes, o desenvolvemento deste tipo de estudos pasa polo radio seguimento de lobos e as súas presas. Considerando a existencia doutras actuacións prioritarias e dada a dificultade que ten realizar este tipo de traballos, esta actuación proponse a longo prazo. 6.2. Factores que afectan a conservación. * Actuacións: FAC1, FAC2. O uso de veleno e de produtos fitosanitarios como veleno dirixidos ao lobo foi constatado en Galicia e no norte de Portugal, así como no resto da península. Dado que estas e outras prácticas ilegais inciden directa e negativamente na conservación do lobo, propóñense unha serie de actuacións para previr, reducir e perseguir accións ilegais de persecución directa cara á especie. Faise fincapé na necesidade de mellorar a coordinación e a comunicación entre os diferentes departamentos da Administración implicados no uso de substancias utilizadas como veleno. * FAC1. Elaboración de base de datos e protocolos de actuación ante casos de envelenamentos e outras actuacións ilegais. Deberase facer especial fincapé nas substancias detectadas en lobos envelenados. * FAC2. Establecer os mecanismos necesarios para previr, detectar e combater os casos de envelenamento e outras prácticas ilegais. Formación dos axentes de Medio Ambiente neste sentido. Participación activa dos axentes de Medio Ambiente e da Garda Civil. Deseñarase un programa de actuación para previr e perseguir accións ilegais. O dito programa establecerá un marco de traballo coordinado entre os distintos servizos da Xunta (Servizo de Conservación da Biodiversidade e o de Produción Agraria Sustentable e Sanidade Vexetal) e os corpos de seguridade (axentes de Medio Ambiente e Garda Civil (Seprona), e entre as súas principais liñas de actuación deberá figurar, polo menos, a de mellorar a coordinación e aumentar as inspeccións por parte dos axentes da autoridade e dos técnicos dos servizos correspondentes, dos establecementos de venda de produtos fitosanitarios co fin de velar polo estrito cumprimento do Real decreto 3349/1983 e da Orde do 9 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandaría e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais, especialmente no relativo a cubrir correctamente o Libro oficial de movementos de praguicidas perigosos. O programa tamén preverá o desenvolvemento dunhas xornadas informativas para os axentes de Medio Ambiente da Xunta e para os membros do Seprona (Garda Civil) con respecto á información dispoñible sobre aspectos xerais sobre o lobo en Galicia, incidindo especialmente nas causas de mortalidade de lobos en Galicia. Os técnicos da Xunta e asesores externos elaborarán un primeiro borrador de programa que será presentado e consensuado co resto dos actores. * Actuacións: FAC3, FAC4, FAC5. A seguinte proposta de actuacións está relacionada coa calidade do hábitat en canto a dispoñibilidade de alimento e refuxio se refire. Un dos factores máis importantes que condicionan a dinámica poboacional dos lobos é a dispoñibilidade de alimento. O gando equino por si só explica a presenza de mandas de lobos nalgunhas zonas de Galicia. De igual modo, as preas e os vertedoiros supuxeron en Galicia unha importante fonte de alimento para os lobos. Analizar o efecto que poden ter nos lobos cambios na dispoñibilidade de alimento é necesario para a conservación do lobo. * FAC3. Seguimento das poboacións de ungulados silvestres (xabaril e corzo, principalmente) sobre todo no occidente de Galicia. A existencia de importantes poboacións de ungulados silvestres pode diminuír o impacto da predación do lobo sobre a gandaría. Recentemente elaborouse unha base de datos con toda a información cinexética dispoñible no ámbito de Tecor para toda Galicia. Inclúe os datos correspondentes ás capturas de especies de caza maior e a información poboacional achegada nos plans de ordenación cinexética. A continua actualización desa base de datos permitirá obter información sobre as tendencias poboacionais dos ungulados silvestres en Galicia. Ademais, poderíase realizar para toda Galicia unha cartografía das potencialidades do hábitat para ungulados silvestres autóctonos. * FAC4. Avaliación do efecto da diminución de preas e clausura de vertedoiros. A normativa de sanidade vixente non permite que o gando morto sexa abandonado no monte, imposibilitando o seu consumo por parte dos lobos. Doutra banda, os vertedoiros, fonte de alimento para os lobos en Galicia nas décadas pasadas están sendo clausurados. Estes feitos poderían ter un efecto sobre a poboación de lobos que convén analizar. Proponse o seguimento periódico (cada 2-3 anos) da situación do lobo (presenza, reprodución e alimentación) en dúas zonas seleccionadas por seren zonas onde tradicionalmente as preas e os vertedoiros supuxeron unha importante fonte de alimento para os lobos. O calendario destes seguimentos coincidirá cando sexa posible cos seguimentos poboacionais previstos (actuación PB1) para non duplicar esforzos. En caso de se detectar un efecto que puidese afectar o cumprimento do segundo obxectivo do plan de xestión a Xunta adoptará as medidas que considere oportunas para paliar este efecto. * FAC5. Analizando a información das bases de datos da Xunta de Galicia sobre os incendios forestais, proponse a identificación das zonas que soportan a maior cantidade de focos de incendios e zonas con maior superficie queimada en relación coa situación do lobo nesas zonas. Cruzando as informacións das bases de datos do Servizo de Incendios cos datos de situación das zonas de cría dos lobos, poden identificarse zonas especialmente sensibles para a conservación do lobo. Sobre estas zonas proporase intensificar a vixilancia para evitar incendios. * Actuacións: FAC6-IA7, FAC7, FAC8-IA8, FAC9, FAC10-IA9. Nunha rexión altamente poboada, con gran cantidade de infraestruturas viarias, o coñecemento sobre o efecto barreira destas infraestruturas é vital para detectar posibles fragmentacións da poboación. Outro aspecto que hai que ter en conta é a alta mortalidade detectada debido a atropelos na estrada. Intentarase avaliar en que medida a permeabilidade das infraestruturas e a mortalidade por causas directa ou indirectamente relacionadas coa súa existencia afecta a continuidade e o nivel poboacional existentes. No caso de que se aprecie algún risco analizaranse as posibles solucións. * FAC6-IA7. Coñecemento do efecto barreira das infraestruturas A Coruña-Pontevedra. Realización de estudos para ver o efecto barreira que poden supoñer as infraestruturas entre A Coruña e Pontevedra. Cos coñecementos actuais urxe afondar no efecto destas infraestruturas: detección de posibles mandas, efecto barreira, identificación de corredores ecolóxicos e continuidade entre os lobos do norte de Pontevedra e a costa occidental da Coruña. Proponse desenvolver o deseño dun proxecto para estudar o posible efecto barreira que poida ter a autoestrada A-9 entre as poboacións de lobos da Costa da Morte e do resto de Galicia e, se se considera conveniente, valorar a oportunidade do emprego de radiomarcaxe. * FAC7. Pasos de fauna e medidas correctoras en futuras infraestruturas viarias. Inclusión de pasos de fauna en todas as infraestruturas de envergadura que se leven a cabo nun futuro para asegurar a continuidade da poboación. * FAC8-IA8. Co fin de xerar información base que achegue coñecementos sobre o uso dos pasos de fauna, proponse estudar o uso dos pasos de fauna actualmente existentes, validando a súa efectividade. Detectouse unha zona de alta mortalidade en Ourense debido aos atropelos acontecidos na autovía A-52, conxuntamente coa N-525, que discorre paralelamente, e pódese evidenciar un efecto sinérxico de ambas as dúas vías. Recoméndase a realización dun traballo orientado a determinar o grao de uso dos pasos e establecer as zonas por onde as especies silvestres, con especial atención ao lobo, acceden á autovía, propoñendo, evidentemente, actuacións que permitan a adopción de medidas para evitar eses atropelos. Este estudo permitirá establecer medidas correctoras tendentes a minimizar os atropelos de lobos e o efecto barreira. Esta acción pódese coordinar e cofinanciar entre as consellerías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. No sentido desta actuación, as medidas correctoras que se dispoñan nos estudos de impacto ambiental das grandes infraestruturas deberán considerar a necesidade de facer un seguimento futuro sobre a súa efectividade. * FAC9. Identificación de puntos negros nas estradas galegas con altas frecuencias de atropelos e avaliación do seu efecto na conservación do lobo para aplicar medidas correctoras. A inclusión dos datos de atropelos de lobos nas bases de datos anteriormente propostas e unha simple análise (empregando se se quere un SIX) permitiría a identificación deses puntos negros e posibilitará a adopción de medidas correctoras. Estudando as características desas zonas con altas taxas de atropelos pódense aplicar medidas correctoras. * FAC10-IA9. Estudar o impacto dos parques eólicos na ecoloxía e o comportamento dos lobos. Hai cuestións como a estrutura social das mandas, produtividade, mortalidade, uso do espazo e selección de zonas de cría en zonas con e sen parques eólicos, entre outras, que permitirán avaliar o impacto dos parques eólicos nos lobos. De especial importancia sería a realización deste tipo de estudos en zonas onde se vaian instalar nun futuro estas infraestruturas para observar o efecto en todas as súas fases (situación inicial sen parque eólico, fase de construción e fase de funcionamento). En numerosas zonas con presenza de lobos de España instaláronse e estanse instalando parques eólicos sen coñecer os efectos sobre as poboacións de lobo. Os estudos de impacto ambiental correspondentes aos proxectos de implantación eólica deberán incluír datos sólidos sobre a presenza de lobos na súa área de influencia, así como información rigorosa sobre as afeccións que a instalación eólica suporá sobre a presenza de lobos na zona de influencia, estrutura social, zonas de cría, uso do espazo, etc. Así mesmo, o Plan de vixilancia ambiental incluirá a elaboración dun seguimento sobre a especie co obxecto de valorar os efectos da implantación do parque eólico. Sería interesante promover un proxecto coordinado para acometer un estudo ou investigacións deste tipo dentro dos próximos cinco anos de ámbito supra autonómico coa participación do Ministerio de Medio Ambiente, da Xunta de Galicia ou doutras comunidades autónomas interesadas. * Actuacións: FAC11, FAC12, FAC13, FAC14. Calquera plan de xestión do lobo debe incluír actuacións dirixidas á desaparición dos cans incontrolados e asilvestrados no monte (recollida en canceiras municipais e cando non se poida, control). Os principais problemas relacionados coa presenza de cans no monte no que respecta ao lobo son: danos á gandaría cometidos polos cans, posibilidade de hibridación e ocupación do mesmo nicho ecolóxico que os lobos competindo con eles. Do mesmo modo, no caso de cans con dono que causen danos, habería que lles exixir responsabilidades aos propietarios. O desenvolvemento destas actuacións debe considerarse prioritario na aplicación do Plan de xestión do lobo en Galicia. * FAC11. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible instará os concellos para que, no marco das súas funcións, realicen censos municipais de cans (artigo 27 do Regulamento que desenvolve a Lei 1/1993). A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no marco do artigo 12 da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, estudará a viabilidade de establecer convenios cos concellos co fin de subvencionar a construción de canceiras. Proponse a creación de canceiras mancomunadas. Ademais, nos próximos anos completarase o preceptivo proceso de implantación do microchip en cans e a inscrición dos animais no Regiac (Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía). Ambas as dúas accións considéranse prioritarias. * FAC12. Crearanse unha serie de equipos especializados de axentes de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, encargados de realizar os traballos destinados ao control de cánidos (cans asilvestrados e lobos). Estes equipos serán autorizados polo director xeral de Conservación da Natureza para realizar o control de cans asilvestrados, que poderá exercerse durante todo o ano. Recomendamos que as actuacións que van desenvolver estes equipos conten cunha asesoría e seguimento técnico. Ademais, a comunicación entre os responsables do control de cans asilvestrados e os equipos de axentes de Medio Ambiente que realizan inspeccións de danos debe ser fluída co fin de determinar as zonas con presenza de cans incontrolados e asilvestrados. A presenza constatada de cans asilvestrados na Costa da Morte aconsella recomendar a adopción urxente de medidas de control nesta zona co obxecto de garantir a conservación do lobo. Ademais, a Xunta promoverá a implantación de equipos municipais, para que no ámbito municipal ou mancomunadamente poidan exercer con eficacia a recollida de cans incontrolados. * FAC13. Realización dun curso formativo previo á creación dos equipos especializados no control de cans. Proponse realizar un encontro coa Gardaría Rural do Principado de Asturias co fin de coñecer os sistemas de traballo que se están a empregar en Asturias, sobre todo no oriente e no centro de Asturias. * FAC14. Seguimento das zonas onde se teña sospeitas ou haxa indicios de posible coexistencia de lobos e cans asilvestrados (A Costa da Morte, contorno de Carballo e Laxe e porto do Acevo, así como outras posibles zonas de risco). Captura, con asesoramento especializado, e análise xenética dos exemplares cando haxa indicios de hibridación. Protocolo de recollida de mostras. 6.3. Problemática social. * Actuacións: PS1, PS2, PS3, PS4, PS5. Sen dúbida, o maior motivo de conflitividade entre o home e o lobo é a predación que este último fai sobre o gando. O coñecemento e as análises exhaustivas dos danos son imprescindibles para a axeitada xestión do lobo. Son cuestións de vital importancia coñecer o volume dos danos, a parte da poboación dos lobos que os producen, reses afectadas, manexo desas reses, que porcentaxe é cometida por cans, onde se producen a maior parte dos danos, etc. Desde maio de 2003, a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia implantou un sistema de axudas aos gandeiros afectados por danos de lobo. Inicialmente desenvolvéronse unhas actuacións destinadas á formación dun equipo de axentes de Medio Ambiente para inspeccionar os danos, realizáronse uns cursos de formación, confeccionouse un borrador de protocolo para a recollida de datos na inspección de danos e creouse unha comisión técnica provincial para a valoración dos danos. A planificación autonómica sobre desenvolvemento rural deberá recoller as liñas de actuación necesarias e as medidas encamiñadas a lograr a coexistencia do lobo co desenvolvemento dunha gandaría responsable e ambientalmente sustentable, asumir unha parte das cargas ambientais e axudar a diminuír a alarma social. Promoverase igualmente a adopción de medidas preventivas por parte dos gandeiros. * PS1. Afondar no desenvolvemento das comisións provinciais de valoración de danos. Desde que a Consellería de Medio Ambiente comezou co programa de axudas aos gandeiros polos danos ocasionados polos lobos, creáronse as comisións provinciais de valoración de danos. Considérase esta actuación como moi positiva en canto á xestión e enfoque da valoración dos danos ocasionados polos lobos sobre o gando. De cara a favorecer o funcionamento (traballo de valoración) destas comisións provinciais, suxírese favorecer aqueles traballos, actuacións, etc. encamiñados a achegar información que permita valorar e tramitar o mellor posible, dentro das limitacións actuais, as solicitudes de danos. Este desenvolvemento non implica unha ampliación da participación xa que as comisións non son órganos de participación pública senón foros multidisciplinares de valoración técnica e o desexable é que poidan realizar a súa valoración pericial á marxe de presións de calquera tipo. * PS2. Protocolo de recollida de información dos danos. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a través da Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, elaborará un protocolo para a recollida sistemática de información por parte da gardaría e o seu almacenamento nunha base de datos. * PS3. Formación de axentes de Medio Ambiente para a revisión de danos. É fundamental a preparación dos axentes de Medio Ambiente, que son os encargados de visitar sobre o terreo os danos. Esta preparación débese centrar en aspectos básicos da bioloxía dos lobos, situación do lobo en Galicia, problemática de danos ocasionados por lobos e por cans, identificación de indicios e técnicas de monitoraxe. * PS4. Criterios para a verificación de danos. O maior problema asociado á indemnización dos danos é a súa verificación, determinar se as reses foron matadas ou consumidas unha vez mortas, se os causantes dos danos foron lobos ou cans ou se hai intento de picaresca. Hai que establecer unha serie de criterios para a verificación destes que sexan homoxéneos, obxectivos e aplicables a todos os casos. * PS5. Elaboración dun informe anual da situación dos danos e difusión dos resultados. Anualmente elaborarase un informe sobre o total dos danos, número e tipo de reses afectadas (tipo de gando e idade), distribución espacial e temporal destes, contía económica. Os datos parciais serán remitidos polos técnicos do Servizo de Caza e Pesca Fluvial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible á dirección xeral, que será a encargada de elaborar o informe anual. Así mesmo, respondendo ás demandas dunha maior transparencia no funcionamento das comisións de valoración, darase difusión ao informe, ben colgándoo na páxina web ou mediante o mecanismo que a consellería considere máis oportuno. Tamén debería incluír o informe anual a mesma información para danos ocasionados por cans e danos de autoría indeterminada. Anualmente calcularanse os parámetros reflectidos na táboa 3 do documento base e actualizarase a analítica correspondente ás figuras 16 a 19. Para iso teranse en conta, por un lado, todos os expedientes solicitados, e por outro, só os expedientes aprobados como dano de lobo. Estes parámetros, indicadores técnicos, poderán ser incorporados ao informe de maneira indicativa. * Actuacións: PS6, PS7-IA10, PS8-IA11, PS9. Os danos que causan os lobos están relacionados cos sistemas de manexo do gando. Por este motivo, a aplicación de métodos efectivos de prevención é fundamental para a redución dos danos máis que o control ou o pagamento de indemnizacións. Os métodos máis efectivos polo momento e que se axustan máis ao contexto galego son a utilización de mastíns para a protección do gando, os valados electrificados e as liñas de bandeiras ou fladry. * PS6. Fomentar e incentivar a aplicación de métodos de prevención de danos. En especial, axudas para o uso de mastíns, a colocación de valados electrificados, liñas de bandeiras e reforzar as instalacións (currais, naves, etc.). Estas liñas de subvencións estableceranse, cordinadamente, entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Os cabalos de pura raza galega que estean identificados e rexistrados recibirán un tratamento diferenciado respecto do resto do equino naquilo que a axudas se refire, sen prexuízo do resto do condicionado. Así mesmo, o plan estudará a conveniencia de outorgarlles un tratamento diferenciado ás razas autóctonas galegas, estendendo a actuación ás medidas preventivas. Durante os primeiros anos de implantación do Plan de xestión do lobo en Galicia, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e a Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria, en colaboración, fomentarán a adopción, por parte dos gandeiros, de medidas preventivas para evitar a existencia de ataques de lobos nas explotacións gandeiras. Esta medida será prioritaria nas zonas 1 e 2. * PS7-IA10. Investigación e valoración da eficacia de distintos métodos de prevención de danos para o gando en réxime non extensivo. Gran parte do gando en Galicia, coa excepción do vacún e equino extensivo, permanece en pequenas parcelas valadas. Nalgunhas zonas de Galicia estanse instalando valados en parcelas extensas para o gando equino. O obxectivo de todos estes valados é evitar que o gando saia da parcela, pero son permeables para os depredadores (lobos e cans). Neste contexto é conveniente valorar a posibilidade de financiar a investigación e a posta en marcha de proxectos piloto de aplicación de métodos de prevención de danos, en especial a utilización de cans mastíns para vixiar os rabaños, os valados electrificados e as liñas de bandeiras (fladry). * PS8-IA11. Investigación e valoración da eficacia de distintos métodos de prevención de danos e consideracións eco-etolóxicas para o gando en réxime extensivo. Na maior parte de Galicia, o gando extensivo é principalmente vacún e equino. Previr estes danos é moi difícil dado que a accesibilidade deste gando para os lobos é total. Calquera esforzo para minimizar estes danos debe considerarse, ao tratarse dun dos principais motivos de conflitividade entre o home e o lobo. Considérase de utilidade realizar un seguimento e valorar a eficacia dos distintos métodos de prevención e, na medida do posible, estudar as características eco-etolóxicas das razas de gando (vacún e equino) en réxime extensivo como condutas defensivas ante a predación dos lobos (cohesión dos grupos para defender as crías, tamaño óptimo e composición dos rabaños para repeler os ataques, razas autóctonas versus foráneas). * PS9. Campaña de divulgación aos gandeiros sobre os distintos métodos de prevención de danos, a súa utilización en todo o mundo e a súa eficacia. Realización dun folleto explicativo e distribución aos gandeiros. * Actuacións: PS10, PS11, PS12. Un dos aspectos básicos para reducir a conflitividade xerada polos danos á gandaría é fomentar a adopción de medidas preventivas. A Administración está a fomentar estas prácticas incentivando economicamente os gandeiros afectados polos ataques do lobo á gandaría. Actualmente hai unha liña de axudas que cobre o gando ovino, caprino e bovino en réxime semiextensivo. Vincular as ditas axudas á aplicación efectiva das medidas preventivas xudará a conseguir un manexo do gando responsable e reducirá notablemente as cargas derivadas da coexistencia lobo-gando. * PS10. Valoración do sistema de axudas. Seguimento técnico do sistema de axudas que actualmente se está a desenvolver en Galicia. Detección e análise dos problemas que se vaian orixinando. Avaliarase a posibilidade de dar maior cobertura á liña de axudas, coa condición de que isto non implique unha perda de calidade no sistema de verificación de danos. Nese sentido, valorarase a posibilidade de que os cabalos de pura raza galega que estean identificados e rexistrados poidan recibir un tratamento diferenciado respecto do resto do equino naquilo que a axudas se refire, sen prexuízo do cumprimento do resto das condicións xerais. Así mesmo, o plan estudará a conveniencia de outorgar un tratamento diferenciado ás razas autóctonas galegas en vías de desaparecer, estendendo a actuación ás medidas preventivas. * PS11. Establecemento de rangos sobre o volume de danos que se poden soportar. O nivel de coñecemento sobre as densidades de lobo, carga gandeira, danos sobre a gandaría, gandeiros afectados e valor natural dos ecosistemas, será de gran valor para establecer rangos sobre o volume de danos que diferentes zonas poden ou deben soportar. Na medida en que se avance na recompilación desta información e se dispoña de series anuais de datos referidos aos ataques do lobo ao gando, será posible establecer de xeito máis acertado e preciso directrices de xestión particularizadas a determinadas zonas (ou subáreas dentro de cada zona), axeitadas no ámbito de danos (rangos) que estas poidan soportar. * PS12. Sistema graduado de pagamento de danos. O actual sistema de axudas por danos á gandaría está destinado a incentivar a utilización de métodos de prevención e promover o emprego destes métodos preventivos entre os gandeiros. Na medida en que o gandeiro non se responsabilice na adopción de medidas preventivas, dificultarase o acceso ás ditas axudas. Neste sentido, os servizos de Conservación notificaranlles aos interesados o carácter decrecente das ditas axudas e continuaranse os labores de concienciación social. Así mesmo, promoverase a evolución paulatina do actual sistema, que deberá tender cara ao establecemento dun sistema graduado de pagamento de danos. * PS13. Identificación e censo do gando equino. A presenza de gando equino pode explicar por si mesma a existencia de mandas de lobos en Galicia. No entanto descoñécese a abundancia deste tipo de gando. Proponse a identificación e censo do equino. Do mesmo xeito, descoñécese cal vai ser a evolución deste tipo de gando no medio rural galego. Por este motivo analizarase a evolución do equino no territorio ao longo do tempo. * Actuacións: PS14, PS15. En ocasións, unha medida para relaxar tensións sociais é a de realizar controis poboacionais sobre a especie. Propóñense as liñas que se van seguir para a realización de controis de lobo en Galicia. Estes controis de poboación realizaranos as sociedades de cazadores nas zonas 1 e 2, dentro do período hábil de caza, con presenza dos axentes de Medio Ambiente e é unha actuación independente do aproveitamento cinexético. A autorización de controis e o establecemento de cotas para estes realizaranse sen que iso implique a desaparición de mandas enteiras, seguindo a directriz de manter un nivel poboacional de lobos similar ao actual. Para os efectos deste plan de xestión enténdense como danos recorrentes aquelas situacións nas cales acontecen ataques de lobo reiterados a unha escala territorial de varias parroquias e nunha escala de tempo de varias semanas. * PS14. Análise e definición do concepto de danos recorrentes. A consellería estudará en cada zona o nivel medio de recorrencia dos danos para ter unha orientación do que é habitual e que isto poida ser utilizado como indicador no futuro. Definirase cando se considera que os danos son recorrentes no transcurso dos próximos cinco anos, aínda que sexa un termo revisable cada trienio ou, excepcionalmente, en función da información poboacional dispoñible. * PS15. Autorización de controis de lobo en zonas con danos recorrentes. Estas autorizacións emitiranse logo de solicitude dos Tecor, nas seguintes circunstancias: Zonas 1 e 2.-Cando xurdan danos recorrentes poderanse autorizar aproveitamentos por parte dos Tecor que se agrupen e o soliciten, dentro do período hábil de caza. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza, poderán autorizar a realización destes controis puntuais en zonas con danos recorrentes tras a revisión e a análise do volume de danos, debendo as autorizacións consignar a cota e o sistema de control. En ambas as zonas os controis serán realizados polas sociedades de cazadores dos Tecor afectados e serán supervisados por axentes de Medio Ambiente. Con carácter excepcional, dentro do período comprendido entre o último día hábil de caza (segundo estableza a Orde de vedas) e o 28 de febreiro (antes do período reprodutor dos lobos), onde persistan os danos recorrentes que afecten un número importante de reses, poderanse autorizar controis. Na zona 3 non se levarán a cabo actuacións de control mentres a densidade non alcance maiores valores, dado que é unha zona de baixa densidade de lobos. En todos os casos de autorización de aproveitamentos, cando os Tecor non leven a cabo o aproveitamento, ben por falta de organización ben por non conseguir abater os exemplares autorizados, a Administración poderá tomar as medidas conducentes a facelo efectivo. As autorizacións terán en conta a necesidade de garantir o mantemento da poboación de lobos en niveis similares aos actuais. Os servizos de Conservación da Natureza poderán determinar outras circunstancias excepcionais nas cales, tras quedar afectados un número importante de reses, estes controis deban ser realizados. * Actuacións: PS16, PS17-IA12. De xeito xeral, é necesario elevar a capacidade cultural de carga das zonas con presenza de lobos mediante a realización de amplas campañas de divulgación sobre o lobo, desde un enfoque realista e destinado a todos os sectores implicados, e establecer os dereitos, obrigas e compromisos de todas as partes. Cando se xestiona unha especie cuxa supervivencia depende en boa medida da persecución a que se ve sometida polo home e o éxito das medidas de xestión que se van aplicar depende da implicación e participación de distintos sectores da sociedade, resulta de vital importancia identificar a actitude dos distintos sectores da poboación humana cara aos lobos. Esta actitude varía coas condicións socioeconómicas e culturais. O coñecemento destas actitudes vai permitir establecer que medidas axudarán a reducir a conflitividade social. * PS16. Creación dun foro galego sobre o lobo. Con carácter prioritario suxírese estudar a posibilidade de establecer un foro sobre o lobo no cal estean representados todos os sectores relacionados co lobo en Galicia (gandeiros, cazadores, representantes da Administración, asesores científicos e ONG) e onde teña lugar o intercambio de experiencias e a participación de todos os sectores sociais. * PS17-IA12. Realización dun estudo sobre as actitudes públicas cara aos lobos. Ese estudo debería ser realizado ao principio da aplicación do plan de xestión e despois do seu período de vixencia. Deste xeito poderíase avaliar a efectividade do plan de xestión en canto á redución da conflitividade social e o aumento da tolerancia, así como a deseñar futuras actuacións en función dos cambios de actitude que se producisen. Os resultados destes traballos sobre actitudes públicas cara aos lobos poden ser utilizados como outra ferramenta de zonificación. Neste sentido permitiranos coñecer o mapa de actitudes cara ao lobo segundo os diferentes sectores da poboación, as diferentes formulacións e as diferentes áreas do territorio galego. 6.4. O lobo como parte do patrimonio cultural. * Actuacións: PC1, PC2, PC3, PC4, PC5. A convivencia do home e o lobo ao longo de toda a súa historia deixou un legado cultural desde a prehistoria ata a actualidade. Así, na actualidade temos unha serie de manifestacións como consecuencia da relación home-lobo. As actuacións dirixidas á recompilación, restauración e conservación deste patrimonio cultural son moi importantes desde tres puntos de vista: implicación da xente do mundo rural na recuperación deste patrimonio; atractivo turístico; e maior aceptación ou tolerancia cara ao lobo. * PC1. Actuacións destinadas a recuperar, recompilar e conservar o patrimonio cultural asociado ao lobo. Inventario de representacións artísticas e arquitectónicas con motivos relacionados cos lobos en Galicia. Recompilación de historias ou lendas descoñecidas sobre lobos e que permanecen na memoria da poboación rural, especialmente na dos máis anciáns; sen esta recompilación moitas destas historias pasarán ao esquecemento. Publicación divulgativa. * PC2. Inventario das trampas para lobos (foxos) en Galicia e propostas de recuperación. Tendo en conta a información dispoñible na actualidade e cunhas revisións provinciais, nun par de anos pódese dispoñer dun inventario e catálogo das estruturas cinexéticas tradicionais existentes en Galicia. Neste inventario/catálogo débese efectuar unha proposta de actuación referida á rápida consolidación de ruínas e á recuperación, nalgúns casos, das estruturas que polas súas características e potencialidades así o requiran. É importante desenvolver esta actuación a moi curto prazo; as fontes de información para acceder á localización dos lugares onde se atopan estes restos adoitan ser persoas maiores de idade moi avanzada, a súa desaparición suporá unha perda de memoria histórica irreparable e dificultará enormemente a localización dos lugares onde se atopan esas trampas. * PC3. Adscrición (xenérica e específica) das estruturas cinexéticas tradicionais a algunha das figuras de protección consideradas na Lei galega de patrimonio cultural (Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia). * PC4. Posta en valor das estruturas cinexéticas tradicionais. Esta actuación poderase realizar en estreito contacto coa comunidade rural, e obterase beneficio económico pola venda de folletos explicativos, visitas guiadas, etc. Interpretación destas estruturas a través de percorridos e sinalización propios. Esta actuación debe enmarcarse dentro dos programas de turismo rural que desenvolva a Consellería de Cultura e Deporte. * PC5. Consideración das trampas para lobos como ben de interese cultural (BIC). Inclusión destas estruturas cinexéticas tradicionais nas cartas arqueolóxicas municipais. Actuación para dotar estas estruturas da importancia cultural que merecen. Inclusión das trampas de lobo como atractivo turístico en folletos de turismo. Esta actuación deberá ser promovida, conxuntamente, pola Consellería de Cultura e Deporte e pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia. A Consellería de Cultura e Deporte instará os concellos a que inclúan este tipo de estruturas cinexéticas tradicionais nas cartas arqueolóxicas municipais. 6.5. Aproveitamento cinexético. * Actuacións: AC1, AC2, AC3, AC4. Legalmente o lobo é unha especie cinexética en Galicia. Nas zonas onde as poboacións manteñan unha situación de conservación favorable, o aproveitamento cinexético pode desenvolverse fixando unhas cotas de caza, establecidas baixo directrices técnicas. Un aproveitamento cinexético ordenado non supón un perigo para o mantemento da poboación de lobos, e si un aumento da tolerancia por parte dun sector implicado, o dos cazadores. Ademais, o aproveitamento cinexético pode ser empregado como fonte de recursos económicos para a conservación do lobo e para as poboacións rurais. * AC1. Aproveitamento cinexético do lobo e establecemento de cotas anuais de captura. Este aproveitamento efectuarase na zona 1 dentro do período hábil para exercer a caza, válido con alcance xeral, establecido na Orde de vedas, é dicir, desde finais de outubro a principios de xaneiro. O aproveitamento realizarase sempre de xeito ordenado e garantirá a viabilidade das poboacións, mediante o establecemento de cotas. Por este motivo, ha ser a Administración a que estableza anualmente as cotas. A Orde xeral de vedas determinará cada ano o número de exemplares que se poderá abater se é posible por zonas amplas. Nestas zonas os Tecor poderán elevar á delegación provincial unha proposta de aproveitamento do lobo, conxunta. Cando os Tecor non leven a cabo o aproveitamento, ben por falta de organización ben por non conseguir abater os exemplares autorizados, a Administración poderá tomar as medidas conducentes a facelo efectivo. Para os efectos deste plan de xestión e se se teñen en conta os comentarios efectuados no capítulo 3.6.1 do documento base (Cantos lobos se poden cazar nunha poboación), establécese como criterio que a cota anual se deberá calcular de modo que non exceda a extracción de un lobo por cada dous grupos familiares (mandas), coidando de non incorrer en duplicidades debido ás divisións administrativas ou cinexéticas do territorio. * AC2. Elaboración dun plan piloto para o aproveitamento cinexético para a tempada 2006/2007. Establecer 4 zonas para efectuar, con carácter de ensaio, o aproveitamento cinexético do lobo durante a tempada 2006/2007. * AC3. Comprobación da presenza das mandas e a súa reprodución (a través de prospeccións de campo) nas zonas onde se vaia efectuar o aproveitamento cinexético do lobo antes de empezar a tempada de caza. As características da dinámica poboacional dos lobos implican que se poden producir cambios importantes dun ano a outro en canto ao tamaño do grupo, á localización dos lugares de cría e ao éxito reprodutivo. Por este motivo, para asegurar a continuidade da manda proponse que os axentes de Medio Ambiente confirmen a presenza e reprodución das mandas afectadas polo aproveitamento cinexético antes da tempada. O período adecuado para realizar estes seguimentos é entre xuño e setembro. En ocasións, aínda que se reproducise con éxito unha manda de lobos, é complicado confirmar a presenza de crías. Por este motivo, se non se pode confirmar a reprodución valoraranse outros indicadores para analizar se é prudente realizar o aproveitamento cinexético. En calquera caso, a directriz persegue o obxectivo de que a reprodución dos lobos quede garantida co aproveitamento cinexético. * AC4. Toma de mostras dos exemplares cazados. É moi importante que os exemplares cazados sexan inspeccionados e se recollan mostras para análises xenéticas, parasitolóxicas e patolóxicas, información imprescindible para comprobar o estado de saúde da poboación. Elaboración dun protocolo para a recollida de mostras. 6.6. Aproveitamento turístico. * Actuacións: AT1, AT2, AT3. Cada vez son máis as persoas que ven nos valores naturais e culturais dos diferentes pobos e rexións un atractivo para realizar turismo. Neste sentido a presenza do lobo pode supoñer un reclamo turístico porque é un símbolo emblemático do ecosistema natural e cultural, e existe un enorme patrimonio cultural asociado ao lobo. Ademais, o ecoturismo é unha interesante forma de valorizar economicamente o lobo, pois ademais de educar e sensibilizar o público en xeral sobre o lobo, promove beneficios ás comunidades rurais a través de postos de emprego, venda de produtos rexionais e hostalaría. * AT1. Identificación e designación de zonas onde sexa factible o desenvolvemento dun aproveitamento turístico sostible. A identificación das potencialidades de aproveitamento turístico do lobo (foxos, sinalización de rutas culturais, identificación de rutas destinadas ao ecoturismo, etc.) permitirá designar zonas para desenvolver proxectos de ecoturismo. Neste sentido, proponse desenvolver un traballo que nos permita valorar a potencialidade do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés como un ámbito onde planificar proxectos de aproveitamento turístico. Esta acción pode coordinarse coa Consellería de Cultura e Deporte. Posteriormente, desenvolver un plan piloto para o aproveitamento turístico do lobo neste enclave natural. * AT2. Campañas de sensibilización aos promotores turísticos sobre o potencial turístico do lobo ou do patrimonio natural en xeral. Esta actuación desenvolverase tras realizar a AT1 e en colaboración coa Consellería de Cultura e Deporte, e valorar a cobertura de actuación e os medios que se van empregar. * AT3. Creación dun centro de interpretación do lobo con outras actividades turísticas asociadas (paseos pedestres interpretados, etc.). A creación dun centro de interpretación, aínda que supoña un forte investimento inicial, pode cumprir dúas funcións moi importantes en canto á conservación do lobo se refire: divulgación social e educación ambiental para a xente que o vai visitar; e fonte de ingresos directa a través da venda de todo tipo de material e rutas guiadas, e indirecta (aloxamentos, restaurantes e comercios da zona en que está situado). Os beneficios deberían estar destinados á comunidade rural e a actuacións que repercutan na conservación do lobo. 6.7. Investigación aplicada. * Actuacións: IA1, IA2, IA3-IA12. A xestión do lobo debe realizarse baseándose en coñecementos científicos. Aínda que o lobo é considerado como unha das especies máis estudadas, a maior parte dos estudos foron realizados en Norteamérica, onde as condicións en que viven os lobos son completamente diferentes ás dos países mediterráneos. As extrapolacións que se adoitan facer destes estudos son arriscadas e poden levar a unha xestión que non se axuste á realidade local ou rexional. Os lobos adáptanse a multitude de circunstancias, e o estudo destas adaptacións locais, sen dúbida, permitirán coñecer os límites desa adaptabilidade (Boitani, 2000). Nas anteriores epígrafes definíronse unha serie de actuacións que se poderían incluír nesta epígrafe de investigación aplicada. Optouse por incluílas nos puntos temáticos e enumeralas neste capítulo e facer referencia á páxina do documento onde están desenvolvidas. * IA1. Unificación de metodoloxías e criterios metodolóxicos no estudo do seguimento das poboacións do lobo. Un dos grandes problemas que ten Galicia, xunto con outras comunidades autónomas, á hora de analizar a evolución do lobo nos últimos anos é que non conta cunha serie temporal de datos obtidos coas mesmas metodoloxías e criterios metodolóxicos. Hai que establecer unhas liñas para que os traballos que se aborden no futuro permitan establecer tendencias poboacionais sen caer en erros asociados ás diferentes metodoloxías aplicadas. * IA2. Axudas e financiamento de proxectos de investigación dentro das liñas prioritarias de investigación. Dentro dos programas de investigación que a Xunta de Galicia financia relacionados cos recursos naturais e a biodiversidade, suxírese considerar con carácter prioritario os proxectos de investigación relacionados coa xestión e conservación do lobo en Galicia. * IA3 (PB1-IA3); IA4 (PB4-IA4); IA5 (PB5-IA5); IA6 (PB6-IA6): ver desenvolvemento nos puntos respectivos do 6.1 Parámetros biolóxicos. * IA7 (FAC6-IA7); IA8 (FAC8-IA8); IA9 (FAC10-IA9): ver desenvolvemento nos puntos respectivos do 6.2 Factores que afectan a conservación. * IA10 (PS7-IA10); IA11 (PS8-IA11); IA12 (PS17-IA12): ver desenvolvemento nos puntos respectivos do 6.3 Problemática social. 6.8. Divulgación social e educación ambiental. * Actuacións: DSEA1, DSEA2, DSEA3, DSEA4, DSEA5, DSEA6, DSEA7, DSEA8, DSEA9. As crenzas e mitos falsos sobre o lobo en ocasións levan a unha actitude negativa cara ao lobo dalgúns sectores da sociedade, que se poderían solucionar con campañas de divulgación social e educación ambiental, fundamentadas nos coñecementos que achega a investigación científica. Moitas veces téndese a enfocar a educación ambiental e divulgación cara aos núcleos urbanos, cando é en realidade a comunidade rural a que está máis suxeita a ser afectada economicamente pola conservación da biodiversidade (Tisdell, 1995). Por iso, ademais das campañas de divulgación enfocadas a todo o público, ten que haber campañas de divulgación e educación ambiental especialmente para os sectores máis afectados pola xestión e conservación do lobo. Un dos piares base dos plans de xestión susténtase na necesidade de elevar a capacidade cultural de carga dos lugares onde existan (ou poidan existir) poboacións de lobo. Neste sentido, a realización de estudos sobre as actitudes (actuación PS16-IA12) cara ao lobo dos diferentes sectores da sociedade, permitirá identificar a que sectores da poboación sería máis eficaz destinar as campañas de divulgación social e educación. O desenvolvemento de campañas de divulgación sobre o lobo, axeitadamente planificadas e dotadas de recursos, cun enfoque realista referido aos problemas asociados á súa xestión e conservación, debe considerarse como unha liña prioritaria da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia. * DSEA1. Realización dun plan CECOP completo (comunicación, educación, concienciación e participación) focalizado nos obxectivos suscitados no plan de xestión. * DSEA2. Publicación do Plan de xestión do lobo en Galicia (versión resumida) para a poboación en xeral e en particular para os gandeiros, cazadores, concellos, etc. * DSEA3. Publicación dos estudos realizados en Galicia sobre o lobo. * DSEA4. Publicación dun folleto informativo sobre a realidade do lobo destinada aos grupos relacionados co lobo (gandeiros, cazadores, concellos, etc.), para desmentir falsos mitos. * DSEA5. Publicación dun CD-rom sobre o lobo destinado aos nenos en idade escolar. Este material será distribuído nos centros de ensino. Para iso pódense establecer mecanismos de coordinación coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. * DSEA6. Favorecer o desenvolvemento de xornadas, seminarios e congresos sobre o lobo. * DSEA7. Elaboración dun enlace oficial do lobo na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, co plan de xestión, programa de axudas aos gandeiros por ataques de lobo, métodos de prevención de danos, situación actual do lobo en Galicia, problemas de conservación, estudos realizados, etc. * DSEA8. Divulgación nos medios públicos das actuacións que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible desenvolva sobre a xestión e conservación do lobo en Galicia. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia leva varios anos promovendo e financiando estudos, desenvolvendo actuacións de xestión e, recentemente, establece axudas por danos á gandaría. Estas actuacións practicamente pasan desapercibidas para a sociedade, polo que se deben desenvolver mecanismos que permitan a continua divulgación das actividades realizadas. * DSEA9. Incremento de actividades de educación ambiental. Campañas coordinadas polas consellerías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e de Educación e Ordenación Universitaria. Resulta importante que estas actividades de educación ambiental estean debidamente asesoradas por persoas que coñezan en profundidade a bioloxía, a ecoloxía do lobo, a problemática social asociada a este carnívoro, así como por profesionais da educación ambiental. 6.9. Coordinación e participación de sectores implicados. * Actuacións: CPSI1, CPSI2, CPSI3, CPSI4. Para conseguir unha xestión adecuada dun animal como o lobo, cuxa conservación afecta diferentes sectores da poboación, diferentes seccións da Administración e diferentes administracións, é necesario unha coordinación, así como unha implicación de todos os sectores afectados. * CPSI1. Establecer a corresponsabilidade dos sectores implicados na xestión e conservación do lobo en Galicia. O desenvolvemento e aplicación do Plan de xestión do lobo en Galicia establecerá as corresponsabilidades dos sectores implicados (neste sentido este documento achega abundante información e posibilita o desenvolvemento de actuacións referidas ao establecemento de corresponsabilidades). * CPSI2. Realización de reunións con carácter anual entre distintas seccións da Administración. (Medio Rural, Montes, Obras Públicas, Medio Ambiente, ...). Nestas reunións coordinaranse todas as axudas para evitar a dispersión de accións. Tamén se tratará nestas reunións a integración do Plan de xestión do lobo con outros plans, como o forestal, os cinexéticos, etc. e definirase a responsabilidade das distintas seccións da Administración nas actuacións previstas que vaian realizarse. * CPSI3. Cursos de formación para os técnicos e para os axentes de Medio Ambiente sobre o lobo (características biolóxicas, seguimento das poboacións, etc.). Os técnicos e os axentes de Medio Ambiente teñen un papel fundamental na xestión do lobo, xa que son os actores encargados da realización de gran parte das actuacións de xestión. Por iso, unha formación continua e completa sobre o lobo é fundamental. Esta formación ten que incluír aspectos relacionados coa bioloxía, situación actual, problemática e o seguimento das poboacións. * CPSI4. Creación dun equipo técnico de asesoramento, para asesorar temas científicos e técnicos relacionados co lobo (danos, cotas, controis, etc.). * Actuacións: CPSI5, CPSI6. A maior parte dos lobos ibéricos constitúen unha poboación no noroccidente peninsular. Castela e León, Galicia, Portugal e Asturias albergan a maioría dos lobos desta poboación, cada unha destas rexións co seu modelo de xestión propio. Doutra banda está a Estratexia para a conservación e a xestión do lobo en España, aprobada en decembro de 2004. Ante esta situación debe existir coordinación entre as accións e os tempos establecidos nos diferentes documentos de xestión, para lograr unha xestión coherente coas necesidades e peculiaridades da poboación noroccidental de lobo ibérico a unha escala maior que a dos límites administrativos, máis coherente desde o punto de vista biolóxico. * CPS15. Definir as liñas básicas de actuación conxunta entre Castela e León, Portugal, Asturias e Galicia, ben a través de sesións de traballo conxunto ou ben a través da constitución dun grupo de traballo. A conveniencia de establecer ou non zonas tampón nos límites administrativos e adecuar o tipo de xestión ás características destas zonas limítrofes serán cuestións técnicas que se tratarán no devandito foro. As conclusións incorporaranse ao plan galego no momento da revisión. * CPS16. Adecuación do calendario do plan de xestión galego cos prazos establecidos na estratexia nacional para facer coincidir a primeira revisión do plan galego coa revisión da Estratexia para a conservación e a xestión do lobo en España, permitindo así o encaixe e a avaliación de ambos os instrumentos. 6.10. Zonificación da área de distribución do lobo en Galicia. * Actuacións: Z1, Z2. Ao longo deste documento reiterouse a importancia da zonificación do territorio no cal se queren desenvolver modelos de xestión sobre unha especie tan complexa como a que nos ocupa. Neste sentido, numerosos investigadores comentan a súa importancia (Mech 1995; Boitani, 2000; entre outros moitos). Xa se estableceu, neste documento, unha zonificación da área de distribución do lobo en Galicia atendendo a tres variables, a densidade de lobos, a carga gandeira e os danos ao gando semiextensivo. Ao longo da planificación de actuacións establecéronse varias actuacións co fin de obter variables ou parámetros útiles para a zonificación, como son a alimentación do lobo (PB3-IA4), dispoñibilidade de ungulados silvestres (FAC3), danos á gandaría (PS11), actitudes públicas (PS16-IA12), mortalidade (PB2), entre outras. * Z1. Desenvolver un sistema de información xeográfica para a zonificación da área de distribución do lobo en Galicia de acordo coas variables alimentación, dispoñibilidade de alimento, hábitat, mortalidade, situación da poboación, danos á gandaría, actitudes sociais, entre outras. * Z2. Zonificación da área de distribución do lobo en Galicia cada seis anos con carácter xeral atendendo as variables anteriormente comentadas e cada tres anos atendendo as variables densidade de lobos, carga gandeira e danos á gandaría. 7. Calendario de actuacións. Fíxase neste capítulo un calendario para a realización das actuacións establecidas no punto anterior. Ademais, determínase un valor de prioridade ás diferentes actuacións (alta, media, baixa). Dada a gran cantidade de accións propostas, algunhas de doada e sinxela execución nun curto espazo de tempo, mentres que outras son complexas e necesitan varios anos para o seu desenvolvemento, proponse un período de 10 anos para a execución das ditas actuacións. Proponse un calendario baseado en tres períodos ou épocas de actuación. Así, a época I comprenderá os tres primeiros anos de aplicación do plan de xestión, a época II os anos 4º, 5º, 6º e 7º e a época III os anos 8º, 9º e 10º. Na época I incluiranse as accións que se van desenvolver a curto prazo (CP); na época II as accións que se van desenvolver a medio prazo (MP) e na época III as accións a longo prazo (LP). No cumprimento do calendario débese considerar un certa flexibilidade na aplicación das actuacións debido ao grao de complexidade destas, problemas de coordinación, axustes orzamentarios da Administración, dispoñibilidade de medios humanos, etc. Referido ás actuacións planificadas, fíxase un nivel de prioridade, atendendo á urxencia do seu desenvolvemento. Así se establecen actuacións con prioridade alta (PA), prioridade media (PM) e prioridade baixa (PB). Todas as actuacións propostas na planificación do Plan de xestión do lobo en Galicia se enmarcan nunha época de actuación e asígnaselles unha prioridade, previsas ambas as dúas para cada unha das zonas (zona 1, zona 2 e zona 3, establecidas na zonificación (capítulo 5.2). Ademais, existen unha serie de actuacións que polas súas características non se poden asignar a zonas concretas ou cuxa realización engloba a totalidade do territorio galego, estas asígnanse á epígrafe xeral. Seguidamente, nun cadro sinóptico, enuméranse todas as actuacións, asignándolles, para cada zona, época de actuación e prioridade. O cadro presenta un código de cores que permite detectar, de forma rápida e sinxela, as actuacións en función da súa importancia e urxencia en canto ao prazo de execución: 8. Vixencia e revisión do plan. Para o caso que nos ocupa, e dado que se establecen numerosas actuacións, algunhas delas correspondentes a complexos estudos ou liñas de actuación que se van realizar nun amplo período de tempo, proponse que este plan de xestión teña unha vixencia para o seu desenvolvemento de dez anos. Non obstante, proponse que aos cinco anos se revisen, cuantifiquen e valoren as accións efectuadas do plan de xestión. 9. Mecanismos de autocontrol do Plan de xestión do lobo en Galicia. Para avaliar se as actuacións do plan de xestión e os obxectivos propostos se están a cumprir, proponse a realización de informes anuais por parte dos técnicos da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, nos que se detallen as actuacións realizadas e o grado en que estas actuacións se axustan ao calendario establecido. Así mesmo, aos cinco anos de entrada en vigor do plan de xestión presentarase un informe coas actuacións realizadas e obxectivos cumpridos.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
PROTECCIÓN DA FAUNA E DA FLORA

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res08082006.pdf Galego
res08082006.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles