Resolución do 7 de maio de 2007, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Cova da Serpe, nos concellos de Guitiriz e Friol, promovido pola empresa Isolux Wat, S.A. (Expediente 110-EOL).

Diario Oficial de Galicia, 26-06-2007, Núm. 122, Páx. 11086
Resolución do 7 de maio de 2007, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Cova da Serpe, nos concellos de Guitiriz e Friol, promovido pola empresa Isolux Wat, S.A. (Expediente 110-EOL). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 14 de marzo de 2007, relativa ao proxecto do Parque Eólico Cova da Serpe, nos concellos de Guitiriz e Friol, promovido pola empresa Isolux Wat, S.A. e que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 7 de maio de 2007. Anxo Ramón Calvo Silvosa Director xeral de Industria, Enerxía e Minas Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 14 de marzo de 2007, relativa ao proxecto do Parque Eólico Cova da Serpe, nos concellos de Guitiriz e Friol (Lugo), promovido pola empresa Isolux Wat, S.A. (Clave: 2006/0357). Antecedentes. Por solicitude da empresa Isolux Wat, S.A., a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dun parque eólico de 24,85 MW de potencia total, composto por un total de 13 aeroxeradores (12 de 2.000 kW de potencia nominal unitaria e 1 de 850 kW) para instalar nos concellos de Guitiriz e Friol, na provincia de Lugo. Dentro do referido procedemento de autorización administrativa considerouse o proxecto, que está recollido no anexo II do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental (modificado polas leis 6/2001, do 8 de maio 9/2006, do 28 de abril, e 27/2006, do 18 de xullo), como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental. No anexo I resúmense as características básicas do proxecto e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada. Mediante Resolución do 6 de abril de 2005, da Delegación Provincial de Lugo da entón Consellería de Innovación, Industria e Comercio (publicada no DOG nº 109, do 8 de xuño de 2005), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa e a declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial, e o estudo de impacto ambiental das instalacións que comprende o referido parque eólico, e non consta a presentación de alegacións durante o período de exposición pública. O 15 de decembro de 2006 recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas como órgano substantivo por razón da materia, que contén os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza, Obras Públicas e Turismo, ademais dos emitidos polas delegacións provinciais de Lugo das consellerías de Sanidade e de Innovación e Industria. Non se recibiu o informe solicitado á Confederación Hidrográfica do Norte, polo que transcorrido o prazo estipulado regulamentariamente, o órgano substantivo continuou coa tramitación do expediente. O 2 de febreiro de 2007 ten entrada, a través do órgano substantivo, un novo informe da Dirección Xeral de Turismo e copia de toda a documentación complementaria ao estudo ambiental achegada polo promotor durante a tramitación do proxecto en resposta aos informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural e de Conservación da Natureza. Feita a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula para os sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto do Parque Eólico Cova da Serpe, nos concellos de Guitiriz e Friol (Lugo), promovido pola empresa Isolux Wat, S.A. Declaración de impacto ambiental. Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os sós efectos ambientais, condicionamentos adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. 1. Ámbito da declaración. Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto do Parque Eólico Cova da Serpe, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 24,85 MW de potencia total nos concellos de Guitiriz e Friol (Lugo), constituído por 13 aeroxeradores (12 de 2.000 kW de potencia nominal unitaria e 1 de 850 kW) que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM: A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano titulado Mapa de arqueoloxía. EIA-08, na súa versión corrixida incluída na Documentación entregada á D.X. de Patrimonio referente ao PE Cova da Serpe. 2. Condicións xerais. 2.1. Protección da atmosfera. 2.1.1. Sobre o po. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies e demais medidas previstas no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. Así mesmo, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras. 2.1.2. Sobre o ruído. Os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento do parque eólico non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, de ser o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto. Para tal fin, tanto na fase de obras como na de funcionamento levarase a cabo o control de ruídos a que se fai referencia da documentación complementaria ao estudo ambiental. O promotor deberá contar cun plan de seguimento do nivel de ruído ao abeiro do Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, en cuxa elaboración se terán en conta as cuestións sinaladas no punto 3.3.1 da DIA. 2.2. Protección das augas e leitos fluviais. 1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruces de vías, gabias de cableado…), así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente, neste caso a Confederación Hidrográfica do Norte, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. 2. Non se afectarán, ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se poidan atopar na área de influencia das obras. Así mesmo, respectaranse os mananciais que puidesen existir na zona, e poderán ser parcialmente encanado o seu curso para a execución das obras. De xurdir en afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos a ceo aberto (sempre que as obras definitivas o permitan) cara ás correntes superficiais máis próximas. 3. Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que na rede viaria do parque se deberán dispoñer as estruturas de drenaxe transversal necesarias para iso, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación. A incorporación das augas de drenaxe cara á rede hidrográfica deberá ser gradual, polo que á saída das drenaxes transversais e nos puntos onde a auga dos foxos se incorpore ao terreo, así como nos tramos de foxo en zonas de elevada pendente, disporanse sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais. Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento do sistema de drenaxe do parque, dos dispositivos de disipación de enerxía e das condicións de incorporación das augas de drenaxe cara á rede natural, co obxecto de comprobar se se producen fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais. Neste sentido, levaranse a cabo os oportunos labores de mantemento do sistema, adoptando as medidas protectoras e correctoras necesarias no caso de producírense os ditos fenómenos. 4. A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. 5. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorregamento superficial. 6. Non estando previsto na documentación avaliada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra e que conten coas debidas autorizacións. 7. Non está permitido o lavado de maquinaria e utensilios nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. 2.3. Protección do solo. 1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que se axustará ao establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. 2. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado. 3. Para a localización da zona destinada a parque de maquinaria, casetas de obra, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etc., seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica. 4. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras. As infraestruturas do parque non poderán supoñer un obstáculo para o uso das devasas existentes na zona. 2.4. Xestión de residuos. 1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. 2. O almacenamento temporal de residuos ata a súa entrega a xestor autorizado poderá realizarse nunha zona acondicionada para tal fin, atendendo os criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza. 3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramamentos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas poderán realizarse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o chan con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras. 4. Antes do inicio da fase de explotación do parque deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 2.5. Protección da fauna e vexetación. 2.5.1. Sobre a fauna. 1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído na documentación avaliada, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna. 2. Respecto á avifauna e aos morcegos, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores. Para tal fin, levarase a cabo o seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, coas particularidades sinaladas no punto 3.6.2 da DIA. En canto ao seguimento de quirópteros, observarase o sinalado nos puntos 3.3.2 e 3.6.3 da DIA. No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre as súas poboacións, adoptaranse as medidas necesarias para corrixir a dita situación, incluíndo o establecemento dun período de parada dos aeroxeradores, se é o caso. 3. En canto aos micromamíferos e demais fauna, realizaranse as comprobacións oportunas para constatar que non hai afección a corredores, basicamente pola rede viaria do parque. No caso de detectar puntos conflitivos ao longo do seguimento, habilitaranse os pertinentes pasos de fauna. 4. En relación co indicado nos puntos anteriores e, en xeral, para o conxunto da fauna, prestarase especial atención ás especies que estean catalogadas con algunha figura de protección. 2.5.2. Sobre a vexetación. 1. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregando sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas. 2. Previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. 3. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas. 2.6. Sobre a integración paisaxística. 1. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levarase a cabo o plan de restauración e revexetación incluído na documentación complementaria ao estudo de impacto ambiental, tendo en conta as seguintes consideracións: -Co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr o máis pronto posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras, os labores de restauración e revexetación deberán realizarse, sempre que sexa posible, paralelamente ao avance da obra, conforme as distintas superficies que hai que restaurar alcanzan o seu estado definitivo. -Nas superficies que hai que revexetar estenderase unha capa de terra vexetal duns 15 cm de espesor. No caso de necesitar achegas externas de terra vexetal por non ser suficiente a retirada previamente á execución das obras, hai que indicar que non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio, e que calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada. Así mesmo, será admisible o uso de solos reciclados obtidos de acordo coa instrución técnica de residuos ITR/01.0/05, do 29 de xuño, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, referente á elaboración de solos reciclados a partir de residuos. -Todas as especies que se empreguen na restauración deberán ser autóctonas e existentes na zona, compatibles co hábitat en que se vaian implantar e compatibles entre si, co obxecto de maximizar o éxito da restauración. No caso de empregar especies arbóreas, terase en conta o disposto na Orde do 17 de marzo de 2005, pola que se aproba a delimitación e a determinación dos materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución de diversas especies no territorio da Comunidade de Galicia. -Deberá realizarse un seguimento da efectividade dos labores de restauración e revexetación en todas as fases, procedendo á reposición das calvas que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras ou plantacións efectuadas. Incrementarase a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación, levando a cabo medidas adicionais de restauración se o éxito desta non é o axeitado. 2. Co fin de mellorar a integración paisaxística do parque eólico e evitar a proliferación de pistas na zona, no caso de que como resultado da execución da rede viaria do parque deixe de usarse algún camiño ou vía preexistente a favor dos propios do parque, deberá procederse á súa restauración, aplicando para iso as técnicas descritas no plan de restauración presentado. 3. Na fase de abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, ou ben no caso de que este quedase fóra de servizo por calquera causa, procederase á desmontaxe e retirada de todos os seus compoñentes e á recuperación da situación preoperacional da zona ocupada pola instalación. Neste sentido, observarase ao sinalado nos puntos 3.7 a 3.9 da DIA. 2.7. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionamento desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionamento da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes cos novos problemas xurdidos. Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto na documentación avaliada, deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos desta declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita alcanzar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións: -Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificándolle o seu nomeamento ao órgano substantivo, quen llo comunicará ao órgano ambiental. -Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. -Os informes de seguimento ambiental resultantes do desenvolvemento deste programa, a que se fai referencia ao longo do condicionamento da declaración, serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, correspondéndolle a este o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionamento da declaración, conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión -de ser o caso- do responsable do control do seguimento ambiental. -No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicaráselle inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais fortes ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. 3. Condicións específicas. 3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural. Levaranse a cabo as medidas correctoras recollidas na Memoria técnica de avaliación de impacto arqueolóxico (tendo en conta a fe de erratas e a versión corrixida do plano Mapa de arqueoloxía. EIA-08 achegadas polo promotor con posterioridade ao estudo ambiental), aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes: 1. Para evitar posibles afeccións, establécese para esta obra unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico de 50 metros de raio, medidos desde o límite exterior do ben, e que se corresponderán coas recollidas no plano titulado Mapa de Arqueoloxía. EIA-08 (na súa versión corrixida) da Memoria técnica de avaliación de impacto arqueolóxico. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico, así como a sinalización e balizamento con material non-perecedoiro dos elementos do patrimonio cultural recollidos na Memoria técnica de avaliación do impacto arqueolóxico. Para tal fin, previamente ao inicio das obras elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o seu transcurso, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión. 3. Pola beira da Serra da Cova da Serpe discorre o Camiño de Santiago/Camiño do Norte, e deberase reflectir a súa traza (segundo consta nos planos que acompañan o informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que está en poder do promotor) nos planos de obra, co obxecto de evitar posibles danos. Así mesmo, prohíbese o paso de maquinaria e vehículos pesados polo camiño. 4. Baseándose nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras. 5. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. 3.2. Sobre a integración paisaxística. Como medida integradora do proxecto cos valores turísticos da zona, levaranse a cabo as propostas de rutas de sendeirismo contidas nos documentos Ruta da Auga de Guitiriz. Estudo de definición de sendeiro. Maio 2006 e Memoria de acondicionamento do camiño de Cepo a Guisó. Setembro 2006, que contan coa aprobación inicial por parte da Dirección Xeral de Turismo. Todo o relativo ao desenvolvemento e aplicación desta medida deberá estar consensuado coa citada dirección xeral, sen prexuízo de calquera outro informe, permiso ou autorización que sexa necesaria por parte doutros organismos. 3.3. Fase previa ao inicio das obras. 1. Na elaboración e posterior desenvolvemento do plan de seguimento do nivel de ruído o que se fai referencia no punto 2.1.2 da DIA, teranse en conta as seguintes consideracións: -A selección de puntos de control centrarase nas vivendas ou edificacións máis próximas aos aeroxeradores, polo que, como mínimo, se deberán prever puntos de control en Porto Seixo, Cerdeiras e Carballoso (situados na área de influencia dos aeroxeradores 12-13, 8-9 e 1 respectivamente), así como un punto de medición na área do parque. -As medicións deben ser efectuadas por unha entidade homologada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e os informes de resultados presentaranse asinados polo técnico da entidade realizadora da medición. Nos resultados deberá figurar o parámetro Leq, sen prexuízo de que se indiquen os percentís L90, L50 e L10. -En canto á frecuencia dos controis, durante a fase de obras efectuarase unha medición en cada punto de control no momento en que se estean executando obras preto del. Na de funcionamento a frecuencia será mensual durante o primeiro semestre, podendo logo variar en función dos resultados obtidos. -Levarase a cabo unha medición na fase preoperacional en todos os puntos seleccionados, co obxecto de dispoñer de datos previos do ruído de fondo, sen interferencia das obras. Os resultados desta campaña incorporaranse aos informes de seguimento ambiental (tanto os de obra como os de funcionamento) para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento. 2. Comezarase co desenvolvemento dos estudos para a caracterización da poboación de quirópteros que fan uso da área do parque, prospección e localización de refuxios e demais propostas recollidas na documentación avaliada, debéndose estender estes estudos ao longo das fases de obra e de funcionamento ata acadar os obxectivos sinalados no plan presentado. Os resultados incorporaranse aos informes de seguimento ambiental segundo se vaian obtendo. 3. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 485.972 euros, dos cales 208.274 € corresponden aos labores de restauración asociados á fase de obras e 277.698 € aos da fase de desmantelamento e abandono do parque. 3.4. Fases de replanteo e obra. 1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras de construción do parque. 2. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.7 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo: a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización. b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído (cuxas medicións se realizarán en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a medición), funcionamento da rede de drenaxe e seguimento de avifauna, quirópteros e demais fauna, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.1.2, 2.2.3 e 2.5.1 da DIA. c) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etc. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela. d) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, en que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade. 3.5. Ao final da fase de obras. 1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental o que se refire o punto 2.7 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo: a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras o remate destas, xunto cun resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo da fase de obras e das medidas protectoras e correctoras adoptadas (tanto as indicadas no estudo ambiental como as derivadas desta DIA), incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etc. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos recollidos na documentación avaliada e no condicionamento da declaración. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, subestación e edificio de control, estado das vías, foxos e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etc. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se levaron a cabo medidas protectoras e/ou correctoras. 3.6. Fase de funcionamento. 1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de posta en marcha da instalación. 2. En relación co plan de seguimento de avifauna incluído na documentación avaliada, terase en conta que en cada visita quincenal para a busca de exemplares mortos por colisión se revisarán os 13 aeroxeradores do parque. O raio que se revisará baixo cada aeroxerador aumentarase ata os 70 metros como mínimo, tendo en conta o tamaño do aeroxerador que maiormente se vai instalar no parque. O tempo de revisión por aeroxerador non será inferior aos 25-30 minutos. 3. En canto aos morcegos, ademais do sinalado no punto 3.3.2, levarase a cabo un seguimento que permita alcanzar os obxectivos sinalados no punto 2.5.1.2, cuxa metodoloxía se baseará en liñas xerais no seguimento de avifauna, e recollerá as consideracións sinaladas no punto anterior. 4. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.7 desta DIA, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes, un informe de seguimento ambiental co seguinte contido mínimo: a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e tendo en conta o sinalado no punto 3.3.1 da DIA. b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e dos plans de seguimento de avifauna e quirópteros, tendo en conta o sinalado nos puntos 3.3.2, 3.6.2 e 3.6.3 da DIA. c) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, en que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado, contorno da subestación e do edificio de control e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se vaian realizar en anos posteriores. 3.7. Fase previa ao abandono. No prazo de seis (6) meses previos ao remate da explotación do parque, o promotor remitirá ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, recollendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e da subestación, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando a esta documentación presentarase o cronograma estimado destas actuacións. 3.8. Fase de abandono. Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior. 3.9. Fase posterior ao abandono. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2007. Joaquín Lucas Buergo del Río, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. ANEXO I Resumo do proxecto O proxecto do Parque Eólico Cova da Serpe, promovido pola empresa Isolux Wat, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 13 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, para instalar nos concellos de Guitiriz e Friol (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse na Serra da Cova da Serpe, dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración. As características básicas do proxecto presentado son as seguintes: -Número de aeroxeradores: 13. -Modelos: Gamesa G-52, G-80 e G-87. -Potencia nominal unitaria: 850 kW (G-52, 1 ud.) e 2000 kW (G-80 e G-87, 2 e 10 uds.). -Potencia total instalada: 24,85 MW. -Altura das torres: 55 m (G-52) e 67 m (G-80 e G-87). Diámetro de rotor: 52 m (G-52), 80 m (G-80) e 87 m (G-87). Orzamento: 27.769.834,31 euros. O proxecto prevé, así mesmo, a construción dunha subestación transformadora 20/66 kV e un edificio de control anexo, de planta única, que albergará os equipos de control e mando, a sala de celas eléctricas, un almacén, un despacho, unha sala de xuntanzas, os vestiarios e aseos, cociña e sala de estar do persoal, e o conxunto estará dotado de fosa séptica para o tratamento das augas residuais. A evacuación da enerxía producida no parque realizarase a través dunha liña eléctrica a 66 kV, obxecto de proxecto independente e que foi obxecto da Decisión do 17 de xaneiro de 2007, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sobre a necesidade ou non de avaliación de impacto ambiental. A obra civil inclúe a execución duns 2.102 metros de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento de 2.897 m de camiños existentes, cun longo de rodadura de 6 m e dotados de foxos e drenaxes para a evacuación de augas pluviais. Empregarase tamén unha pista asfaltada duns 710 m que chega ata unha zona de repetidores. Así mesmo, escavaranse uns 5.710 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación transformadora e o edificio de control do parque, cuxo percorrido será paralelo ao das vías do parque. A duración estimada da fase de obras é duns 8 meses. Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de implantación do parque está composta exclusivamente por repoboacións de piñeiro (Pinus sylvestris e P. radiata) con distintos graos de desenvolvemento e presenza de sotobosque de toxo e breixo. ANEXO II Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada Na documentación complementaria ao estudo de impacto ambiental inclúese un novo punto de medidas protectoras e correctoras que substitúe o do estudo e inclúe as medidas recollidas nos informes emitidos pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que recolle basicamente as seguintes: Solo. -Non se abrirán canteiras de préstamo na zona, salvo xustificación adecuada. As posibles verteduras realizaranse en lugares sinalizados e logo integraranse no medio. -As vías axustaranse á topografía do terreo para minimizar movementos de terras. Delimitarase o trazado antes da súa execución, para evitar intrusións. -O modelado de noiros evitará formas demasiado artificiais. -Adoptaranse as medidas precisas para evitar desprendimentos en zonas de pendente. -Os noiros e desmontes estarán protexidos contra a erosión, así como as vías e os foxos xunto cos seus puntos de vertedura. -Evitarase que o sistema de drenaxe do parque sexa xerador de zonas asolagadas ou contaminacións da rede hidrográfica. -Reparación das deterioracións que poidan sufrir as infraestruturas viarias. -Uso de vías existentes para a creación da rede viaria do parque. -Retirada e conservación de terra vexetal para o posterior emprego nos labores de restauración. -Apertura de gabias do cableado seguindo o trazado das vías sempre que sexa posible. -Se houbese sobrantes de escavacións retiraranse a vertedoiro autorizado. -As superficies do parque de maquinaria e das plataformas de montaxe reduciranse ao mínimo imprescindible. Observaranse as medidas de seguridade necesarias para que non haxa verteduras de combustible. O parque de maquinaria situarase afastado da rede fluvial e será desmantelado ao finalizar a obra, restaurando a zona afectada. Aire. -Control de emisións de vehículos e maquinaria de obra. Todos deberán ter a ITV. -Rega periódica de superficies para evitar a xeración de po, compactación adecuada de vías e limitación de velocidade. Drenaxe e calidade das augas. -Evitaranse cambios no réxime hidrolóxico. -Foxos laterais en vías. -Obras de drenaxe transversal, pasos salvafoxos. -Evitaranse verteduras de aceites, graxa, formigón, etc. ao solo, establecento medidas para a correcta xestión destes residuos. Vexetación. -Non se poderán afectar formacións vexetais distintas ás recollidas no estudo ambiental sen facer antes consulta ao organismo pertinente. -Especialmente, evitarase calquera afección sobre formacións arbóreas autóctonas, así como ecosistemas intimamente ligados á auga (turbeiras, vexetación de ribeira, sistemas lacustres…). Especialmente coidarase de non afectar as turbeiras localizadas na zona. -No que respecta ás rozas e cortas de vexetación, observarase o disposto na lexislación correspondente. Tomaranse as precaucións necesarias para non afectar valores que estean protexidos pola lexislación vixente. No caso de detectar algún destes elementos, procederase á súa delimitación, así como á adopción das medidas precisas para garantir a súa preservación. -A afección aos sistemas naturais será a mínima posible e imprescindible. En todo caso, calquera actuación de carácter inevitable levará asociada a restitución íntegra do espazo afectado coa maior brevidade posible. Así mesmo, previamente á execución das obras delimitaranse fisicamente as zonas de actuación, co fin de minimizar as afeccións. -Antes do inicio das obras procederase ao replanteo de detalle, evitando afeccións ás formacións vexetais de maior interese. -As operacións de roza reduciranse ao mínimo imprescindible. -Como primeiro labor executarase a vía de servidume dos aeroxeradores, para que sirva como vía de movemento do persoal, impedíndose a circulación polo resto da área. -Delimitaranse e balizaranse as áreas de actuación. -Revexetaranse as plataformas de montaxe. -Adoptaranse todas as medidas necesarias para evitar os lumes. Disporase de equipos básicos de extinción. Evitarase prender lume sobre o propio terreo. Os materiais procedentes de desbroce non deberán ser abandonados sobre o terreo, recomendando o seu traslado ao vertedoiro municipal. Fauna. -No caso de se detectaren áreas de nidificación de aves sensibles ás actuacións e en situación de ameaza, o calendario de obras axustarase ao seu ciclo fenolóxico. -Os movementos de persoal e maquinaria limitaranse ás áreas previamente establecidas, empregando as vías de acceso aos aeroxeradores e evitando a invasión de hábitats. -Plan de seguimento de avifauna. -Estudos de caracterización e plan de seguimento das poboacións de quirópteros. -Supresión ou acondicionamento da iluminación nocturna. Luz vermella. -Evitaranse as voaduras na medida do posible. -Non se empregarán biocidas nos labores de mantemento da vexetación. -Se fose preciso instalar pasos canadenses, dotaranse de estruturas de escape para os pequenos vertebrados que poidan caer neles. Paisaxe. -Control de sobrantes de escavacións, que se levarán ao vertedoiro. Non se deixarán depósitos na zona de obras. Se houbese solos manchados por verteduras tamén serán retirados. -Adecuación paisaxística das instalacións. Na execución e acondicionamento das vías empregaranse materiais que non supoñan contraste coas gamas cromáticas do contorno. -As instalacións anexas (edificio de control e subestación) manterán tipoloxías construtivas e acabados acordes cos tradicionais e propios da comarca. Poboación. -No caso de que durante o seguimento de ruídos se detectasen niveis superiores aos legais, estableceríanse as medidas oportunas para remediar a dita situación. -No mesmo sentido, aínda que non se prevén interferencias nas antenas e repetidores da zona, no caso de que se detectasen, estudaríase a orixe e a solución máis adecuada. -Procurarase que a man de obra para a execución do parque e, de ser o caso, o persoal de mantemento, proceda dos concellos do contorno. Nos documentos Ruta da auga de Guitiriz. Estudo de definición de sendeiro. Maio 2006 e Memoria de acondicionado do camiño de Cepo a Guisó. Setembro 2006 propóñense medidas compensatorias en relación co impacto paisaxístico do proxecto. As medidas relativas á protección dos elementos do patrimonio cultural recóllense na Memoria técnica de avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto (tendo en conta a fe de erratas e a versión corrixida do plano Mapa de arqueoloxía. EIA-08 achegadas polo promotor con posterioridade ao estudo ambiental), que figuran como separatas ao estudo de impacto ambiental.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
Res07052007.pdf Galego
Res07052007.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles