Diario Oficial de Galicia, 12-03-2007, Núm. 50, Páx. 3799
Resolución do 7 de febreiro de 2007, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Monte Arca, nos concellos de Cuntis e A Estrada, promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (Expediente IN661A 04/2-4).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 27 de decembro de 2006, relativa ao proxecto do Parque Eólico Monte Arca, nos concellos de Cuntis e A Estrada, promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2007.
Anxo Ramón Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 20 de decembro de 2006, relativa ao proxecto modificado do Parque Eólico Monte Arca, nos concellos de Cuntis e A Estrada (Pontevedra), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (clave 2006/0276).
Antecedentes.
O proxecto do Parque Eólico Monte Arca, promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A., consiste na execución dun parque eólico de 42 MW de potencia total nos concellos de Cuntis e A Estrada (Pontevedra), constituído por 21 aeroxeradores de 2 MW de potencia nominal unitaria.
Na Resolución do 6 de maio de 2004, da entón Consellería de Innovación, Industria e Comercio, pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2004, incluíuse unha fase (denominada fase I) do devandito parque eólico, outorgándolle unha potencia de 6 MW.
Polo anterior, o promotor decide dividir o proxecto en tres fases de execución, instalando 3 aeroxeradores na fase I, 9 na fase II e outros 9 na fase III. Non obstante, tanto o proxecto técnico como o estudo de impacto ambiental presentados na Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Pontevedra para a tramitación do proxecto comprenden o conxunto do parque, especificando nos respectivos puntos de descrición do proxecto as instalacións que corresponden a cada unha das tres fases de construción.
No anexo I resúmense as principais características do parque eólico e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada.
Dentro do procedemento de autorización administrativa do parque eólico considerouse o proxecto, que está recollido no anexo II do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental (modificado polas leis 6/2001, do 8 de maio, 9/2006, do 28 de abril, e 27/2006, do 18 de xullo), como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
Mediante Acordo do 20 de xuño de 2005, da Delegación Provincial de Pontevedra da entón Consellería de Innovación, Industria e Comercio (publicado no DOG nº 130, do 7 de xullo de 2005, e que cancela e substitúe o do 22 de outubro de 2004 relativo ao proxecto inicial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto modificado de execución e proxecto sectorial de incidencia supramunicipal das instalacións que comprende a fase I do referido parque eólico, xunto co estudo de impacto ambiental da totalidade das instalacións que o constitúen, constando durante o período de exposición pública a presentación dunha serie de alegacións que, no que respecta ao seu contido ambiental foron tidas en conta, no que procede, ao longo da declaración.
O 10 de outubro de 2006 recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas como órgano substantivo por razón da materia, que contén os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza, Obras Públicas e Saúde Pública, ademais dos emitidos polo organismo autónomo Augas de Galicia e a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Pontevedra.
O 27 de novembro de 2006 recíbese un exemplar dos documentos titulados Ruta de sendeirismo no contorno do Parque Eólico Monte Arca. Proposta e Ruta de sendeirismo no contorno do parque eólico de Monte Arca. Anexo. Xullo 2006, presentados polo promotor perante a Dirección Xeral de Turismo e os concellos de Cuntis e A Estrada co obxecto de dar a coñecer unha proposta de medida correctora para minorar o impacto do proxecto sobre os valores turísticos da área. Xunto coa dita documentación o promotor presenta escritos de conformidade dos concellos á execución da medida proposta.
O 18 de decembro de 2006 ten entrada, a través do órgano substantivo, o informe emitido pola Dirección Xeral de Turismo, que xa ten en conta a dita documentación.
Finalizada a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula para os sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do Parque Eólico Monte Arca, nos concellos de Cuntis e A Estrada (Pontevedra), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, aos sós efectos ambientais, condicionamentos adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que dean unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude e presentará documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese ao proxecto do Parque Eólico Monte Arca tal e como vén descrito no estudo de impacto ambiental, e que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 42 MW de potencia total nos concellos de Cuntis e A Estrada (Pontevedra), constituído por 21 aeroxeradores de 2 MW de potencia nominal unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice UTM X UTM Y
1 538.000 4.723.000
2 543.000 4.723.000
3 543.000 4.723.000
4 538.000 4.720.000
Está previsto executar o parque en tres fases, a fase I de 3 aeroxeradores (A-1, A-5 e A-6) xunto coa subestación transformadora e o edificio de control, a fase II con 9 (numerados do B-1 ao B-9) e a fase III coas restantes 9 máquinas, numeradas da C-1 á C-9.
A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle nos planos titulados Avaliación de impacto arqueolóxico. Planos 01 y 02, incluídos no tomo II do estudo de impacto ambiental.
Non obstante, se como resultado do procedemento de autorización administrativa das fases II e III fose necesario introducir algunha modificación significativa para efectos ambientais nas infraestruturas ou instalacións das ditas fases respecto do establecido nesta DIA, previamente á emisión da autorización polo órgano substantivo será preciso o informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ou, de ser o caso, a formulación dunha nova declaración de impacto ambiental.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección da atmosfera.
2.1.1. Sobre o po.
Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies e demais medidas previstas no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. Así mesmo, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2.1.2. Sobre o ruído.
Os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento do parque eólico non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, de ser o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.
2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de vías, gabias de cableado...), así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras.
Así mesmo, respectaranse os mananciais que puidesen existir na zona, podendo ser parcialmente encanado o seu curso para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos ás correntes superficiais máis próximas e a ceo aberto sempre que as obras definitivas o permitan.
3. Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que na rede viaria do parque deberán dispoñerse as estruturas de drenaxe necesarias para iso, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación.
A achega das augas de drenaxe cara á rede hidrográfica deberá ser gradual, polo que á saída das drenaxes transversais e nos puntos onde a auga dos foxos se incorpore ao terreo, así como nos tramos de foxo en zonas de elevada pendente, disporanse sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, levando a cabo os oportunos labores de mantemento e adoptando as medidas correctoras oportunas (entre elas as indicadas no estudo ambiental) no caso de produciren os citados fenómenos. Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento hidrolóxico incluído no tomo II do estudo de impacto ambiental.
4. A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas.
5. Cando se realicen obras en zonas de elevada pendente, deberán dispoñerse mallas antiescorregamento ou calquera outra medida apropiada para evitar arrastres de materiais ladeira abaixo. En calquera caso, de producírense estes, deberán ser retirados e depositados en lugar autorizado e a zona devolta ao seu estado orixinal.
6. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial.
7. Non está permitido o lavado de maquinaria e utensilios nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas, ata que se constate ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo de impacto ambiental.
2.3. Protección do solo.
1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que se axustará ao establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
2. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.
3. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
4. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona salvo xustificación previa, en cuxo caso se seleccionarán zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes serán restaurados ao finalizar a obra
5. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
2.4. Protección da fauna e vexetación.
2.4.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído na documentación avaliada, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.
2. No caso de que nas vías de acceso se instalen pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo. As ditas medidas poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou os dous laterais abertos.
3. Respecto á avifauna e os morcegos, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores.
Para tal fin, levaranse a cabo os plans de seguimento de avifauna e quirópteros propostos na documentación avaliada, coas particularidades sinaladas nos puntos 3.4.2, 3.7.2 e 3.7.3 da DIA. No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre as ditas poboacións, adoptaranse as medidas necesarias para corrixir a dita situación (entre elas as recollidas na documentación avaliada), incluíndo a parada dos aeroxeradores máis conflitivos, se é o caso.
2.4.2. Sobre a vexetación.
1. A roza e/ou eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregando sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.
2. Tomaranse as precaucións oportunas para non afectar os valores naturais que estean protexidos pola lexislación vixente. No caso de detectar algún destes elementos, procederase a súa delimitación, así como á adopción das medidas precisas para garantir a súa preservación. En todo caso, calquera actuación de carácter inevitable levará asociada a restitución íntegra do espazo afectado á maior brevidade posible. Así mesmo, previamente á execución das obras delimitaranse fisicamente as zonas de actuación, co fin de minimizar as afeccións.
3. Non se poderán afectar formacións distintas ás sinaladas na documentación avaliada sen antes facer a correspondente consulta, evitando especialmente calquera afección sobre formacións arbóreas autóctonas e ecosistemas intimamente ligados á auga (turbeiras, vexetación ripícola, sistemas lacustres...). Neste sentido, observarase o sinalado no punto 3.5.4 da DIA.
4. Previamente á corta do arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
5. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
2.5. Sobre a integración paisaxística.
1. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin levarase a cabo o proxecto de restauración incluído no estudo de impacto ambiental, coas condicións sinaladas no punto 3.2 da DIA.
2. Co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr o máis pronto posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras, os labores de restauración e revexetación deberán realizarse, sempre que sexa posible, paralelamente ao avance da obra, conforme as distintas superficies que se vaian restaurar acadan o seu estado definitivo.
3. Deberá realizarse un seguimento da efectividade dos labores de restauración e revexetación en todas as fases, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras ou plantacións efectuadas. Incrementarase a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación, levando a cabo medidas adicionais de restauración se o éxito desta non é o axeitado.
2.6. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Para tal fin e tomando como base o plan de seguimento proposto na documentación avaliada, deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos desta declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, quen o comunicará ao órgano ambiental.
- Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia ambiental deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
- Os informes de seguimento ambiental resultantes do desenvolvemento deste programa, a que se fai referencia ao longo do condicionado da declaración, serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, correspondéndolle a este o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración, conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión, de ser o caso, do responsable do control do seguimento ambiental.
- No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñendo as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento do órgano ambiental.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural
Levaranse a cabo as medidas correctoras recollidas no punto 9 da Memoria de avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto, aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes:
1. Para evitar posibles afeccións, establécese para esta obra unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico cun raio de 50 m, medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Nas ditas zonas só estará permitido o acondicionamento de vías existentes e o paso da gabia do cableado, sempre pola beira da vía máis afastada dos xacigos.
Nos ámbitos de protección legal dos xacigos arqueolóxicos (raio de 200 m medidos desde o límite exterior do ben), non se poderá executar ningún tipo de obra non recollida na referida documentación.
2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, previamente ao inicio das obras elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o seu transcurso, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
Así mesmo, e tal e como se recolle na memoria de avaliación do impacto arqueolóxico, no marco do proxecto de control e seguimento arqueolóxico deberán realizarse unha serie de traballos complementarios encamiñados a valorar a potencialidade arqueolóxica dos elementos localizados na área de cautela de Chan do Curro.
3. En relación co impacto do proxecto sobre o xacemento Mámoa nº 4 da Lagoa de Zo/O Forno da Tella (GA36015050), previamente ao inicio das obras, e tal e como se recolle na documentación avaliada, procederase á sinalización e balizamento do xacigo arqueolóxico, empregando para iso un elemento estable e facilmente visible (valado de madeira).
4. En relación co impacto do proxecto sobre o xacemento Mámoa da Canteira da Carbia/A Pedra Moma (GA36015046), levaranse a cabo as seguintes medidas:
- No caso de que se retiren os arames que actualmente separan o túmulo da zona de obras, deberase proceder ao balizamento do xacigo cun material non perecedoiro.
- No caso do elemento A Pedra Moma, previamente ao inicio das obras procederase ao seu balizamento con valado de madeira.
5. En base aos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
6. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.
3.2. Sobre a integración paisaxística.
1. Como medida integradora do proxecto cos valores turísticos da zona levarase a cabo a proposta de ruta de sendeirismo recollida no documento Ruta de sendeirismo no contorno do Parque Eólico Monte Arca. Proposta e o seu posterior anexo de xullo de 2006, actuación que conta coa aprobación da Dirección Xeral de Turismo e dos concellos implicados.
Terase en conta que todo o relativo ao desenvolvemento e aplicación desta medida deberá estar consensuado coa Dirección Xeral de Turismo, ademais de contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tendo en conta a natureza dos elementos que se pretenden poñer en valor na ruta (xacigos arqueolóxicos e outros elementos do patrimonio cultural).
2. En relación co proxecto de revexetación incluído no estudo de impacto ambiental, teranse en conta as seguintes consideracións:
- As áreas obxecto de restauración e revexetación incluirán todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras: marxes das vías, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, contorno da subestación e do edificio de control, zonas de amoreamento de materiais e de instalacións de obra... As plataformas de montaxe dos aeroxeradores deberán ser revexetadas na súa totalidade, podéndose deixar un camiño de acceso á porta do aeroxerador para os vehículos de mantemento.
- Nas superficies que se revexeten estenderase unha capa de terra vexetal duns 15 cm de espesura. De precisar achegas externas de terra vexetal por non ser suficiente a retirada previamente á execución das obras, hai que indicar que non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio, e que calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada. Así mesmo, será admisible o uso de solos reciclados obtidos de acordo coa Instrucción técnica de residuos ITR/01.0/05, do 29 de xuño, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, referente á elaboración de solos reciclados a partir de residuos.
- No que respecta á sementeira, nas zonas en que se empregue mestura de herbáceas e arbustivas a dose será como mínimo de 30 gr/m (300 kg/h) e a proporción de cada grupo de especies na mestura axustarase, con carácter xeral, ás seguintes porcentaxes: 70% para o conxunto de gramíneas, 15% para as leguminosas e 15% para as arbustivas.
- Todas as especies que se empreguen na restauración deberán ser autóctonas e existentes na zona, compatibles co hábitat no que se vaian implantar e compatibles entre si, co obxecto de maximizar o éxito da restauración. No caso de emprego de especies arbóreas, terase en conta o disposto na Orde do 17 de marzo de 2005, pola que se aproba a delimitación e a determinación dos materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución de diversas especies no territorio da Comunidade de Galicia.
3.3. Sobre a fauna.
Tendo en conta a importancia do lobo ibérico (Canis lupus signatus) no contorno do asentamento do parque eólico (atópase no denominado Corredor do lobo do Ulla, téndose inventariado tres grupos de lobos nesta área), esta especie deberá ser obxecto de especial atención mediante a implementación dun plan exhaustivo de estudo e seguimento na área.
Dado que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza está a realizar un estudo sobre o mencionado corredor, cóidase preciso que se estableza un convenio co promotor do parque co fin de enmarcar as bases do estudo e seguimento que se deberá efectuar, de xeito que os estudos se complementen e non se solapen.
O dito convenio, que pagará a empresa promotora, deberá estar consensuado coa dita Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Como resultado del, realizarase un estudo que permita coñecer e valorar tanto a existencia de perturbacións nas poboacións de lobo debidas á construción e funcionamento de parques eólicos, como a súa vulnerabilidade a causa da accesibilidade orixinada pola apertura ou mellora de pistas nestas áreas. Realizaranse tamén modelos preditivos e dinámicos, que deberán abranguer varias zonas co obxecto de que sexan extrapolables ao conxunto da comunidade autónoma. Os resultados que dean tanto o estudo como o seguimento serán determinantes á hora de establecer as limitacións que sexan pertinentes na xestión do parque eólico.
Así mesmo, os resultados do desenvolvemento destes estudos irán incorporándose, co contido e alcance que no convenio se determine, a un punto específico dos informes do programa de vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 desta DIA.
3.4. Fase previa ao inicio das obras.
1. Levarase a cabo a campaña preoperacional relativa ao plan de control da calidade das augas, de acordo co previsto no correspondente anexo do estudo ambiental. Os resultados da dita campaña incorporaranse aos informes de seguimento ambiental, tanto os de obra como os de funcionamento se é o caso, para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
2. Dado que entre as aves rapaces con presenza probable na área do parque figuran dúas rapinas do xénero Circus (tartaraña cincenta Circus pygargus e gatafornela C. cyaneus), que nidifican sobre o solo en ambientes de matogueira e polo tanto son susceptibles de verse afectadas polas obras, levaranse a cabo as comprobacións necesarias para determinar a existencia ou non de parellas reprodutoras na área de afección das infraestruturas e instalacións do parque.
No caso de detectarse a súa nidificación na zona afectada polas obras, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, incluíndo o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de radio en torno ao niño, onde se evitará calquera actuación ata a finalización do período reprodutor (podendo continuar coas obras noutra zona do parque) e outro perímetro de seguridade de 500 m, onde se limitarán ao máximo posible as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.
3. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 91.483 euros para a fase I (dos cales 39.207 A corresponden aos labores de restauración asociados á fase de obras e 52.276 A aos da fase de desmantelamento e abandono do parque); 231.488 para a fase II (correspondendo 99.209 A aos labores de restauración asociados á fase de obras e 132.279 A aos da fase de desmantelamento); e 237.478 A para a fase III (dos cales 101.776 A corresponden aos labores de restauración asociados á fase de obras e 135.702 A aos da fase de desmantelamento e abandono do parque).
3.5. Fases de replanteo e obra.
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras de construción do parque.
2. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído que figura no estudo ambiental, nesta fase poderase efectuar unha medición en cada punto de control proposto no momento en que se estean executando obras preto del, e non con carácter trimestral en todos os puntos como se desprende do plan presentado. Nos resultados das medicións que hai que presentar nos informes de seguimento ambiental deberá figurar, sen detrimento dos percentís L90, L50 e L10, o parámetro Leq.
3. O mesmo será de aplicación para o plan de seguimento da calidade das augas, estimándose suficiente tomar mostras cando se estean executando obras na área de influencia de cada punto de control seleccionado, e non con carácter mensual ao longo das obras como se sinala no plan presentado.
4. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, charcas permanentes ou temporais e zonas hidromorfas, adoptando cantas medidas protectoras e correctoras sexan necesarias para a súa preservación, ademais das recollidas no estudo ambiental.
Neste sentido, detectáronse no ámbito do parque A Lagoa de Zo e a zona húmida Encoro da Cabalgada (recollido no Inventario das zonas húmidas de Galicia), así como outras charcas ao carón das vías de acceso -novos ou que hai que acondicionar-aos aeroxeradores da fase I (A-1, A-6 e A-5), polo que se prestará especial atención á sinalización e/ou balizamento das ditas zonas (e calquera outra que puidese atoparse na área de influencia das obras) para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria, vehículos de obra ou por calquera outra actividade asociada á execución do parque.
5. Prestarase especial atención ao desenvolvemento do plan de vixilancia de avifauna nesta fase, tendo en conta a probable presenza na zona de aves rapaces que nidifican no solo, de acordo co sinalado no punto 3.4.2 da DIA.
6. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas e funcionamento da rede de drenaxe, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.3, 2.2.7, 3.4.1 e 3.5.3 da DIA.
c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e, se é o caso, de quirópteros, así como do control da presenza de parellas reprodutoras de rapinas do xénero Circus na área do parque, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.4.1 e 3.4.2 da DIA. Informe do desenvolvemento do convenio de colaboración relativo ao estudo das poboacións de lobo, segundo o sinalado no punto 3.3 da DIA.
d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas) xunto cos que se deriven desta DIA, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela.
e) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no cal se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
3.6. Ao final da fase de obras.
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do indicado no estudo ambiental e no condicionado desta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos recollidos na documentación avaliada e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, subestación e edificio de control, estado das vías, foxos e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no cal se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se levaron a cabo medidas protectoras e/ou correctoras.
3.7. Fase de funcionamento.
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de posta en marcha da instalación.
2. En relación co plan de seguimento de avifauna incluído no estudo ambiental, terase en conta que en cada visita para a detección de aves mortas por colisión revisarase como mínimo un 50% dos aeroxeradores instalados. O raio que se revisará baixo cada aeroxerador será de 70-80 m, tendo en conta o tamaño do aeroxerador que se vai instalar. O tempo de revisión por aeroxerador incrementarase ata os 25-30 minutos.
As mesmas consideracións observaranse no desenvolvemento do plan de seguimento de quirópteros, agás o tempo de prospección que será o indicado no dito plan.
3. Tendo en conta que entre a avifauna cuxa presenza foi detectada na área do parque figuran varias especies de aves rapaces (miñato abelleiro Pernis apivorus, aguia albela Circaetus gallicus, tartaraña cincenta Circus pygargus, falcón peregrino Falco peregrinus...), o desenvolvemento do plan de seguimento de avifauna será especialmente exhaustivo no relativo a este grupo de aves, moitas de cuxas especies posúen figuras legais de protección (Directiva aves 79/409/CEE e actualizacións posteriores, Catálogo nacional de especies ameazadas -Real decreto 439/1990 e posteriores modificacións-, novo anexo II da Lei 4/1989) ou figuran en diversos catálogos e publicacións (catálogo provisional de aves nidificantes ameazadas en Galicia, Libro vermello das aves España) que poñen de manifesto a importancia da súa conservación.
4. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor remitirá ao órgano substantivo, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes, un informe de seguimento ambiental co seguinte contido mínimo:
a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.
b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, do seguimento da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.3, 2.2.7 e 3.4.1 da DIA.
c) Resultados dos plans de seguimento de avifauna e quirópteros, tendo en conta o sinalado nos puntos 3.7.2 e 3.7.3 da DIA. Informe do desenvolvemento do convenio de colaboración relativo ao estudo das poboacións do lobo, segundo o sinalado no punto 3.3 da DIA.
d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, en que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado, contorno da subestación e do edificio de control e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se realicen en anos posteriores.
3.8. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitirá ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, prevendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e a subestación, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando a esta documentación presentarase o cronograma estimado das ditas actuacións.
3.9. Fase de abandono.
Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior.
3.10. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2006.
Joaquín Lucas Buergo del Río,
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
ANEXO I - Resumo do proxecto
O proxecto do Parque Eólico Monte Arca, promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 21 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalará nos concellos de Cuntis e A Estrada (Pontevedra). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
Por limitacións da potencia anual que autoriza o órgano subtantivo, o promotor dividiu o proxecto en tres fases de execución, a primeira con 3 aeroxeradores e 6 MW de potencia total, a segunda con 9 e 18 MW e a terceira cos 9 restantes, que supoñen outros 18 MW, totalizando así os 42 MW previstos para o conxunto do parque.
As características básicas do proxecto, considerando as tres fases, son as seguintes:
- Número de aeroxeradores: 21.
- Modelo: Gamesa G-87.
- Potencia nominal unitaria: 2.000 kW.
- Potencia total instalada: 42 MW.
- Altura das torres: 78 m.
- Diámetro do rotor: 86,6 m.
- Orzamento: 32.025.693,81 euros (fase I: 5.227.612,26; fase II: 13.227.916,86 e fase III: 13.570.164,69).
O proxecto recolle, así mesmo, a construción dunha subestación transformadora 20/66 kV cun edificio de control anexo, que albergará os equipos de control e mando, a sala de celas eléctricas, un almacén, un despacho, os vestiarios e un aseo dotado de fosa séptica para o tratamento das augas residuais. As ditas instalacións construiranse xunto coa primeira fase do parque. A enerxía producida no parque evacuarase a través da subestación eléctrica da Estrada mediante unha liña aérea a 66 kV, que será obxecto de proxecto e estudo ambiental independentes segundo se indica no estudo de impacto ambiental.
A obra civil inclúe a execución duns 8.970 metros de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento doutros 7.088 m, cunha anchura de rodadura de 6 m e dotados de foxos e drenaxes transversais para a evacuación de augas pluviais. Cando as vías atravesen cercas para o gando disporanse pasos canadenses. Así mesmo, escavaranse uns 16.270 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación transformadora e o edificio de control do parque. A duración estimada da fase de obras é duns 6 meses para cada unha das fases de construción.
Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de implantación do parque está composta por matogueira de toxo e breixo (que nas zonas de maior humidade dá paso a breixeiras húmidas), matogueira mesturada con piñeiros e eucaliptos de repoboación e plantacións de eucaliptos.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
No punto de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes:
Boas prácticas xerais de obra: na fase de obras adoptaranse unha serie de medidas preventivas para afectar o menos posible a calidade do aire, auga e solos da zona:
- Mecánica preventiva da maquinaria para evitar derramamentos de aceites ou combustibles.
- Realización de operacións de limpeza e mantemento da maquinaria en talleres, estacións de servizo ou lugares convenientemente acondicionados (coa superficie impermeabilizada) onde os residuos ou verteduras sexan convenientemente xestionadas.
- Limitación das operacións de carga e descarga de materiais, escavacións e movementos de terra aos períodos en que a velocidade do vento sexa inferior a 10 km/h.
- Rega das superficies sen xeración de vertedura líquida, para minimizar a dispersión de po e partículas.
- Redución de produtos de combustión mediante mantemento técnico da maquinaria.
Plan de xestión de verteduras e residuos: todos os residuos xerados durante as obras ou na fase de mantemento serán xestionados e almacenados axeitadamente primando, por esta orde, a minimización, a reutilización ou reciclaxe e a vertedura. Plan de xestión de aceites usados.
Outras medidas.
- A auga que se emprege para as regas e lavados de rodas terá a mellor calidade posible.
- Estudo da intervención sobre a vexetación para a apertura de accesos e vías. Minimizarase ao máximo posible a corta de árbores. Criterios de manexo da vexetación. Retirada de vexetación mediante roza.
- Asistencia técnica ambiental e arqueolóxica na fase de replanteo.
- Cando se produzan achados de restos históricos de calquera tipo, interromperanse as obras e comunicaráselle ao director de obra, non debendo reiniciar a obra sen autorización previa.
- Restauración das superficies afectadas.
- Evitar sempre a afección directa a leitos, prestándolles especial atención ás obras que se desenvolvan cerca destes.
- Cumprimento das medidas de protección do solo para evitar erosións e contaminación das augas.
- Xestionar adecuadamente os residuos sólidos e perigosos e as augas residuais.
- Preservación da vexetación de ribeira.
- Non se acumulará terra nin refugallos de obra ni calquera outro tipo de materiais nas zonas de servidume dos cursos fluviais, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorregas, chuvias ou crecidas do caudal.
- Evitarase a fabricación de formigón na propia obra, co obxecto de diminuír o risco de contaminación das aguas. Así mesmo, evitaranse verteduras derivadas da súa utilización.
- Non se estraerá auga dos regos para as obras ou abastecemento.
- Calquera alteración ou afección nas zonas de servidume dos cursos de auga precisará da autorización do organismo de bacía competente.
- Xestión de sobrantes de terras.
- Mantemento dos acopios de terra vexetal destinados á restauración.
- Minimizarase o movemento de terras ao máximo.
- As dimensións das plataformas de montaxe, vías e foxos non sobrepasarán as mínimas requiridas.
- Achega gradual da auga procedente das drenaxes transversais cara á rede hídrica, empregando trampas de sedimentos que se limparán con asiduidade, principalmente durante a fase de obras.
- En noiros con pendente acusada empregaranse mallas antiescorregamento.
- As tarefas de mantemento da maquinaria móbil durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramamentos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria, seleccionaranse zonas para a realización destas tarefas, afastadas do cursos de auga e protexendo o solo con materiais impermeables.
- As augas residuais xeradas no edificio de control levaranse a unha fosa séptica que precisará, se é o caso, da autorización do organismo de bacía.
- Medidas anticolisión de avifauna e quirópteros. Seguimento de colisións.
- Reposición e/ou indemnización de danos, tanto na fase de obras como na de funcionamento.
- Calendario de obras acorde coas medidas protectoras e correctoras propostas.
- Balizamento previo dos elementos que se van protexer.
- Posta a terra de aeroxeradores e subestación para evitar a corrosión.
- Programa de vixilancia ambiental (ruídos, drenaxes, avifauna, revexetación...).
As medidas relativas á protección dos elementos do patrimonio cultural recóllense na Memoria de avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto, incluída no tomo II do estudo de impacto ambiental.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL