Diario Oficial de Galicia, 20-02-2007, Núm. 36, Páx. 2318
Resolución do 7 de febreiro de 2007, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico ampliación Serra da Loba (P.E. Pena Revolta), nos concellos de Monfero, Aranga e Guitiriz, promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (Expediente 01/04-DXIEM-EOL).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 17 de novembro de 2006, relativa ao proxecto do parque eólico ampliación Serra da Loba (P.E. Pena Revolta), nos concellos de Monfero e Aranga e Guitiriz, promovido pola empresa Gamesa Energía S.A. e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2007.
Anxo Ramón Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 17 de novembro de 2006, relativa ao proxecto do parque eólico ampliación Serra da Loba (P.E. Pena Revolta), nos concellos de Monfero e Aranga (A Coruña) e Guitiriz (Lugo), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (Clave: 2006/0254).
Antecedentes.
Por solicitude da empresa Gamesa Energía, S.A., a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dun parque eólico de 14 MW de potencia total nos concellos de Monfero e Aranga (A Coruña) e Guitiriz (Lugo), composto por 7 aeroxeradores de 2 MW de potencia nominal unitaria, que constituirá unha ampliación do actual parque eólico Serra da Loba, en funcionamento con 18 aeroxeradores de 2 MW.
Dentro do referido procedemento de autorización administrativa considerouse o proxecto, que está previsto no anexo II do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental (modificado polas leis 6/2001, do 8 de maio, 9/2006, do 28 de abril, e 27/2006, do 18 de xullo), como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
No anexo I resúmense as características básicas do proxecto e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada.
Mediante Resolución do 29 de xuño de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (publicada no DOG nº 137, do 18 de xullo), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e proxecto sectorial e o estudo de impacto ambiental das instalacións que comprende o referido parque eólico, constando durante o período de exposición pública a presentación de dúas alegacións que, no que respecta ao seu contido ambiental foron tidas en conta, no que procede, ao longo da declaración.
O 4 de outubro de 2006 recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, como órgano substantivo por razón da materia, contén que os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza, Obras Públicas, Saúde Pública e Turismo, ademais dos emitidos polo organismo autónomo Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica do Norte, o Concello de Aranga e as delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria na Coruña e Lugo.
O expediente inclúe, así mesmo, o documento titulado Anexo á avaliación de impacto arqueolóxico. Setembro 2005, presentado polo promotor con posterioridade ao estudo ambiental e que vén motivado pola aparición dun novo túmulo que obriga a introducir unha lixeira modificación no proxecto, consistente en que a gabia do cableado entre os aeroxeradores B-2 e B-1 pasará a discorrer pola marxe esquerda da vía e non pola dereita como estaba previsto inicialmente. Este documento xa foi tido en conta no informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
No documento Anexo ao proxecto de execución. Decembro 2005 recóllese outra modificación do proxecto, consistente nunha variación do trazado da gabia do cableado na entrada á subestación, que inicialmente discorría paralela a unha estrada do concello de Aranga e agora proxéctase embutida no firme ao longo dun certo tramo da dita estrada, co fin de diminuír o número de propietarios afectados.
Constan, así mesmo, no expediente dous escritos presentados polo promotor perante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, relativos ás posicións de reserva que figuran no estudo ambiental (R-1 a R-4, das cales non se fará uso), así como a documentación relativa á ocupación dos montes Cordal da Loba e Marco da Curra (propiedade da Xunta de Galicia) por parte dos aeroxeradores B-1 ao B-7, concluíndo que non se observa incompatibilidade da ocupación coa utilidade do monte.
Finalizada a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula para os sós efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto do parque eólico ampliación Serra da Loba (P.E. Pena Revolta), nos concellos de Monfero e Aranga (A Coruña) e Guitiriz (Lugo), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os sós efectos ambientais, condicionamentos adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que proporcionen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar con unha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto do parque eólico ampliación Serra da Loba, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 14 MW de potencia total nos concellos de Monfero e Aranga (A Coruña) e Guitiriz (Lugo), constituído por 7 aeroxeradores de 2.000 kW de potencia nominal unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice: UTMX: UTMY
1 589.500,00 4.797.000,00.
2 588.827,57 4.797.209,98.
3 587.619,35 4.796.619,35.
4 586.000,00 4.795.000,00.
5 585.000,00 4.793.000,00.
6 585.000,00 4.792.406,99.
7 586.000,00 4.792.406,99.
8 586.500,00 4.793.500,00.
9 587.500,00 4.795.000,00.
A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico (aeroxeradores B-1 ao B-7, excluíndose as reservas R-1 a R-4) será a que se recolle no plano Planta xeral. Plano nº 01, incluído no tomo II do estudo ambiental, coas modificacións do trazado das gabias do cableado que figuran nos planos dos documentos anexo á avaliación de impacto arqueolóxico. Setembro 2005 e Anexo ao proxecto de execución. Decembro 2005, todo iso sen detrimento do que puidese derivarse do punto 3.1 desta DIA e estando en todo caso suxeita ao resultado da tramitación do expediente de ocupación dos montes Cordal da Loba e Marco da Curra, propiedade da Xunta de Galicia, por parte da Consellería do Medio Rural.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección da atmosfera.
2.1.1. Sobre o po.
Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies e demais medidas previstas no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. Así mesmo, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2.1.2. Sobre o ruído.
Os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento do parque eólico non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, de ser o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.
2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruces de vías, gabias de cableado...), así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente en cada caso, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, de 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras.
Así mesmo, respectaranse os mananciais que puidesen existir na zona, podendo ser parcialmente encanado o seu curso para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos ás correntes superficiais máis próximas e a ceo aberto sempre que as obras definitivas o permitan.
3. Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que na rede viaria do parque deberán dispoñerse as estruturas de drenaxe transversal necesarias para iso, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación.
A canalización das augas de drenaxe cara á rede hidrográfica deberá ser gradual, polo que á saída das drenaxes transversais e nos puntos onde a auga dos foxos se incorpore ao terreo, así como nos tramos de foxo en zonas de elevada pendente, disporanse sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
Tanto na fase de obras como na de funcionamento se realizará un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, levando a cabo os oportunos labores de mantemento e adoptando as medidas correctoras oportunas (entre elas as indicadas no estudo ambiental) no caso de producisen os citados fenómenos. Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento hidrolóxico incluído no tomo II do estudo de impacto ambiental.
4. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, pozas temporais ou permanentes e zonas hidromorfas, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación ademais das recollidas no estudo ambiental. Prestarase especial atención ao balizamento destas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.
5. A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas.
6. Cando se realicen obras en zonas de elevada pendente, disporanse mallas antiescorregamento ou calquera outra medida apropiada para evitar arrastres de materiais ladeira abaixo.
7. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial.
8. Non está permitido o lavado de maquinaria e utensilios nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo de impacto ambiental.
2.3. Protección do solo
1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que se axustará ao establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
2. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.
3. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados nun lugar autorizado.
4. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona salvo xustificación previa, en cuxo caso se seleccionarán zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes serán restaurados ao finalizar a obra.
5. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
2.4. Protección da fauna e da vexetación.
2.4.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído na documentación avaliada, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.
2. No caso de que nas vías de acceso se instalen pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo. Estas medidas poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou os dous laterais abertos.
3. Respecto á avifauna e aos morcegos, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores.
Para tal fin, levaranse a cabo os plans de seguimento de avifauna e quirópteros propostos na documentación avaliada, coas particularidades sinaladas nos puntos 3.3.2, 3.6.2 e 3.6.3 da DIA. No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre estas poboacións, adoptaranse as medidas necesarias para corrixir esta dita situación (entre elas as recollidas na documentación avaliada), incluíndo a parada dos aeroxeradores, se é o caso.
Así mesmo, e tendo en conta que os aeroxeradores se situarán no contorno do parque eólico Serra da Loba, constituíndo a súa ampliación, observarase o sinalado no punto 3.6.3 da DIA respecto dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a fauna debido á presenza das citadas instalacións.
2.4.2. Sobre a vexetación.
1. A roza e/ou eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregando sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.
2. Tomaranse as precaucións oportunas para non afectar os valores naturais que están protexidos pola lexislación vixente. No caso de detectar algún destes elementos, procederase a súa delimitación, así como á adopción das medidas precisas para garantir a súa preservación.
En todo caso, calquera actuación de carácter inevitable levará asociada a restitución íntegra do espazo afectado coa maior brevidade posible. Así mesmo, previamente á execución das obras delimitaranse fisicamente as zonas de actuación, co fin de minimizar as afeccións.
3. Previamente á corta de arboradura terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
4. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
2.5. Sobre a integración paisaxística.
1. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levarase a cabo o proxecto de restauración incluído no estudo de impacto ambiental, coas condicións sinaladas no punto 3.2 da DIA.
2. Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse, sempre que sexa posible, paralelamente ao avance da obra, conforme as distintas superficies que se vaian restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.
3. Deberá realizarse un seguimento da efectividade dos labores de restauración en todas as fases, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras ou plantacións efectuadas. Incrementarase a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación, levando a cabo medidas adicionais de restauración se o éxito desta non é o axeitado.
2.6. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto na documentación avaliada, deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos desta declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, e notificarlle o seu nomeamento ao órgano substantivo, que o comunicará ao órgano ambiental.
- Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico desta entidade.
- Os informes de seguimento ambiental resultantes do desenvolvemento deste programa, a que se fai referencia ao longo do condicionado da declaración serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, correspondéndolle a este o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración, conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión -se é o caso- do responsable do control do seguimento ambiental.
- No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración comunicaránselle inmediatamente ao órgano substantivo, e proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilos. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural.
Levaranse a cabo as medidas correctoras recollidas no punto 9 da memoria de avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto e no punto 6 do seu anexo, aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes:
1. Para evitar posibles afeccións, establécese para esta obra unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Nos ámbitos de protección legal dos xacigos arqueolóxicos (raio de 200 m medidos desde o límite exterior do ben), non se poderá executar ningún tipo de obra non prevista na referida documentación.
2. Deberán realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico, así como a sinalización e balizamento con material non perecedoiro dos bens do patrimonio cultural recollidos na documentación avaliada. Para tal fin, previamente ao inicio das obras elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso desta, un plano no cal figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
3. Previamente ao inicio das obras, e tal e como se recolle na documentación remitida, procederase á sinalización e balizamento dos xacigos arqueolóxicos (GA27022013, GA15050002, GA15050003, GA15050004, GA27022014, GA15050009, GA15003106, GA27022111 e novo túmulo de Serra da Loba), empregando para iso un elemento estable e facilmente visible (valado de madeira).
4. No caso do impacto sobre os xacigos Medoña (GA15050005), Pena da Medoña (GA15050012), Medoña (GA15050006), Medoña de Galiñeiro (GA27022111) e Módea de Cordovixe (GA27022016), levaranse a cabo as seguintes medidas correctoras:
- Non se poderán realizar ampliación ou reformas da devasa no ámbito do xacigo Medoña (GA15050005).
- Non se poderá empregar como vía a devasa onde se localiza o xacigo Pena da Medoña (GA15050012) como vía de acceso ao parque.
- Non se poderá empregar como vía o cortalume onde se localiza o xacigo Medoña (GA15050006) como vía de acceso ao parque.
- Non se poderá realizar ningún tipo de actuación sobre o camiño próximo ao xacigo Medoña de Galiñeiro (GA27022111).
- Non se poderá empregar o camiño real, que pasa a 25 metros do xacigo Módea de Cordovixe (GA27022016) como vía de acceso ao parque.
Neste sentido, será preciso o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o cambio de trazado da gabia do cableado no contorno dos xacigos GA27022111 e GA15003106 que se recolle no Anexo ao proxecto de execución. Decembro 2005.
5. En relación co impacto do proxecto sobre os xacigos novo túmulo de Serra da Loba, Pena da Medoña (GA15050012) e Medoña (GA27022014), e tal e como se recolle no anexo de avaliación do impacto arqueolóxico, previamente ao inicio das obras nesta zona elaborarase un proxecto arqueolóxico de limpeza e documentación, que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e que deberá incluír:
- Limpeza e documentación dos perfís xerados pola ampliación da devasa do xacigo novo túmulo de Serra da Loba.
- Unha vez realizadas as accións anteriores, procederase ao tapado dos perfís cun elemento diferenciador (xeotéxtil), e á restitución do volume do xacigo novo túmulo de Serra da Loba.
- Balizamento destes tres xacigos con valado de madeira.
- Compromiso por parte da empresa promotora do parque do mantemento dun balizado estable (valado de madeira) e dun programa de limpeza periódica de vexetación nestes xacigos, durante o período de explotación do parque. Neste sentido, o proxecto de limpeza e documentación deberá incorporar un cronograma de actuacións e orzamento previsto.
6. Tendo en conta as características dos xacigos localizados no ámbito dos parques eólicos Serra da Loba e ampliación Serra da Loba (monumentalidade, arquitectura megalítica) e o seu estado de conservación, é necesario levar a cabo as seguintes medidas compensatorias, que se realizarán no marco do proxecto referido no punto anterior:
- Topografía a escala axeitada dos túmulos localizados nas poligonais destes dous parques.
- Planimetría das cámaras megalíticas, a escala axeitada.
- Documentación fotográfica dos traballos, así como do estado final dos mesmos.
7. Baseándose nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
8. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.
3.2. Sobre a integración paisaxística.
1. En relación co plan de restauración presentado, teranse en conta as seguintes consideracións:
- As áreas obxecto de restauración e revexetación incluirán todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras: marxes das vías, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, zonas de amoreamento de materiais e de instalacións de obra... As plataformas de montaxe dos aeroxeradores deberán ser revexetadas na súa totalidade, podendo deixar un camiño de acceso á porta do aeroxerador para os vehículos de mantemento.
- Nas superficies que se vaian revexetar estenderase unha capa de terra vexetal duns 15 cm de espesura. De precisar achegas externas de terra vexetal por non ser suficiente a retirada previamente á execución das obras, non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio, e calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada. Así mesmo, será admisible o uso de solos reciclados obtidos de acordo coa Instrucción Técnica de Residuos ITR/01.0/05, do 29 de xuño, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, referente á elaboración de solos reciclados a partir de residuos.
- No que respecta á sementeira, en zonas nas que se empregue mestura de herbáceas e arbustivas a dose será como mínimo de 30 gr/m (300 kg/ha) e a proporción de cada grupo de especies na mestura axustarase, con carácter xeral, ás seguintes porcentaxes: 70% para o conxunto de gramíneas, 15% para as leguminosas e 15% para as arbustivas.
- Todas as especies que se empreguen na restauración serán autóctonas e existentes na zona, compatibles co hábitat en que se vaian implantar e compatibles entre si, co obxecto de maximizar o éxito da restauración. No caso de emprego de especies arbóreas, terase en conta o disposto na Orde do 17 de marzo de 2005, pola que se aproba a delimitación e a determinación dos materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución de diversas especies no territorio da Comunidade de Galicia.
- En todo caso, respectaranse os criterios que para a cuberta vexetal estableza a Consellería do Medio Rural como xestora dos montes Cordal da Loba e Marco da Curra.
3.3. Fase previa ao inicio das obras.
1. Levarase a cabo a campaña preoperacional relativa ao plan de control da calidade das augas, de acordo co previsto no correspondente anexo do estudo ambiental. Os resultados desta campaña incorporaranse aos informes de seguimento ambiental, tanto os de obra como os de funcionamento, se é o caso, para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
2. Dado que entre as aves rapaces inventariadas na área do parque figuran dúas especies de rapinas do xénero Circus (tartaraña cincenta circus pygargus e gatafornela, c. cyaneus), que nidifican sobre o solo en ambientes de matogueira e polo tanto son susceptibles de verse afectadas polas obras, levaranse a cabo as comprobacións necesarias para determinar a existencia ou non de parellas reprodutoras na área de afección das infraestruturas e instalacións do parque.
No caso de detectarse a súa nidificación na zona afectada polas obras, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, incluíndo o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de raio arredor do niño, onde se evitará calquera actuación ata a finalización do período reprodutor (podendo continuar coas obras noutra zona do parque) e outro perímetro de seguridade de 500 m, onde se limitarán ao máximo posible as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.
3. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 181.860 euros, dos cales 77.940 A corresponden aos labores de restauración asociados á fase de obras e 103.920 A aos da fase de desmantelamento e abandono do parque.
3.4. Fases de replanteo e obra
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras de construción do parque.
2. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído que figura no estudo ambiental, nesta fase poderase efectuar unha medición en cada punto de control proposto no momento en que se estean executando obras preto del, e non con carácter trimestral en todos os puntos como se desprende do plan presentado. Nos resultados das medicións que hai que presentar nos informes de seguimento ambiental deberá figurar, sen detrimento dos percentís L, L e L, o parámetro Leq.
A) 3. O mesmo será de aplicación para o plan de seguimento da calidade das augas, estimándose suficiente tomar mostras cando se estean executando obras na área de influencia de cada punto de control seleccionado, e non con carácter mensual ao longo das obras como se sinala no plan presentado.
4. Prestarase especial atención ao desenvolvemento do plan de vixilancia de avifauna nesta fase, tendo en conta a presenza na zona de aves rapaces que nidifican no solo, de acordo co sinalado no punto 3.3.2 da DIA.
5. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas e funcionamento da rede de drenaxe, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.3, 2.2.8, 3.3.1 e 3.4.3 da DIA.
c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e, se é o caso, de quirópteros, así como do control da presenza de parellas reprodutoras de rapinas do xénero Circus na área do parque, tendo en conta o sinalado nos puntos 3.3.2, 3.6.2 e 3.6.3 da DIA.
d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela.
e) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no cal se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
3.5. Ao final da fase de obras.
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do indicado no estudo ambiental e no condicionado desta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos recollidos na documentación avaliada e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, foxos e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada á instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, en que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se levaron a cabo medidas protectoras e/ou correctoras.
3.6. Fase de funcionamento
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de posta en marcha da instalación.
2. En relación co plan de seguimento de avifauna incluído no estudo ambiental, terase en conta que en cada visita mensual para a detección de aves mortas por colisión revisaranse os 7 aeroxeradores instalados. O raio que se á revisar baixo cada aeroxerador será de 70-80 m, tendo en conta o tamaño do aeroxerador que se vai instalar. O tempo de revisión por aeroxerador incrementarase ata os 25-30 minutos. As mesmas consideracións observaranse no desenvolvemento do plan de seguimento de quirópteros, agás o tempo de prospección que será o indicado no dito plan.
3. Tendo en conta que o parque eólico obxecto desta DIA constitúe unha ampliación do parque eólico Serra da Loba, ocupando o mesmo ámbito xeográfico e compartindo infraestruturas como a subestación e a liña de evacuación, levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a avifauna e os quirópteros entre as citadas instalacións, así como coa súa liña de evacuación de enerxía, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.
4. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes, un informe de seguimento ambiental co seguinte contido mínimo:
a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.
b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, do seguimento da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.3 e 2.2.8 da DIA.
c) Resultados dos plans de seguimento de avifauna e quirópteros, e informe dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos), tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.3 e 3.5.2 ao 3.5.4 da DIA.
d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no cal se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se realicen en anos posteriores.
3.7. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, prevendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando a esta documentación presentarase o cronograma estimado destas actuacións.
3.8. Fase de abandono.
Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior.
3.9. Fase posterior ao abandono
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2006. Joaquín Lucas Buergo del Río, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
ANEXO I - Resumo do proxecto
O proxecto do parque eólico ampliación Serra da Loba, promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 7 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se vai instalar nos concellos de Monfero e Aranga (A Coruña) e Guitiriz (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse na Serra da Loba, dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:
* Número de aeroxeradores: 7.
* Modelo: Gamesa G 87.
* Potencia nominal unitaria: 2.000 kW.
* Potencia total instalada: 14 MW.
* Altura das torres: 78 m.
* Diámetro do rotor: 86,6 m.
* Orzamento: 10.391.958 euros.
Para a transformación e evacuación da enerxía xerada, así como para os labores de control do parque, empregaranse as instalacións do parque eólico Serra da Loba (que conta con declaración de Impacto ambiental do 22 de marzo de 2004), do cal constitúe a súa ampliación e que pertence á mesma empresa promotora. En concreto, farase uso do edificio de control, da subestación transformadora 20/66 kV e da LAT 66 kV Sub. P.E. Serra da Loba -Sub. SIDEGASA, que tamén conta con declaración de impacto ambiental, do 6 de febreiro de 2004.
A obra civil inclúe a execución duns 1.152 metros de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento doutros 4.772 m, cun longo de rodadura de 6 m e dotados de foxos e drenaxes transversais para a evacuación de augas pluviais. Cando as vías atravesen cercas para o gando disporanse pasos canadenses. Así mesmo, escavaranse uns 6.300 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación transformadora e o edificio de control do parque Serra da Loba. A duración estimada da fase de obras é duns 6 meses.
Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de implantación do parque está composta por repoboacións forestais de piñeiro, matogueira de toxo, breixeiras húmidas e prados e cultivos. Malia o anterior, case a totalidade dos aeroxeradores se situarán ao longo dunha devasa, diminuíndo a afección sobre a vexetación.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
Na epígrafe de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes:
Boas prácticas xerais de obra: na fase de obras adoptaranse unha serie de medidas preventivas para afectar o menos posible a calidade do aire, auga e solos da zona:
- Mecánica preventiva da maquinaria para evitar derramamentos de aceites ou combustibles.
- Realización de operacións de limpeza e mantemento da maquinaria en talleres, estacións de servizo ou lugares convenientemente acondicionados (coa superficie impermeabilizada) onde os residuos ou vertiduras sexan convenientemente xestionados.
- Limitación das operacións de carga e descarga de materiais, escavacións e movementos de terra aos períodos en que a velocidade do vento sexa inferior a 10 km/h.
- Rega das superficies sen xeración de vertedura líquida, para minimizar a dispersión de po e partículas.
- Redución de produtos de combustión mediante mantemento técnico da maquinaria.
Plan de xestión de verteduras e residuos: todos os residuos xerados durante as obras ou na fase de mantemento serán xestionados e almacenados axeitadamente primando, por esta orde, a minimización, a reutilización ou reciclaxe e a vertedura. Plan de xestión de aceites usados.
Outras medidas.
- A auga que se emprege para as regas e lavados de rodas terá a mellor calidade posible.
- Estudo da intervención sobre a vexetación para a apertura de accesos e vías. Minimizarase ao máximo posible a tala de árbores. Criterios de manexo da vexetación. Retirada de vexetación mediante roza.
- Asistencia técnica medioambiental e arqueolóxica na fase de replanteo.
- Cando se produzan achados de restos históricos de calquera tipo, interromperanse as obras e se comunicaráselle ao director de obra, non debendo reiniciar a obra sen autorización previa.
- Restauración das superficies afectadas.
- Evitar sempre a afección directa a leitos, prestando especial atención ás obras que se desenvolvan cerca destes.
- Cumprimento das medidas de protección do solo para evitar erosións e contaminacións das augas.
- Xestionar adecuadamente os residuos sólidos e perigosos e as augas residuais.
- Preservación da vexetación de ribeira.
- Non se acumulará terra nin refugallos de obra ni calquera outro tipo de materiais nas zonas de servidume dos cursos fluviais, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorregas, chuvias ou crecidas do caudal.
- Evitarase a fabricación de formigón na propia obra, co obxecto de diminuír o risco de contaminación das aguas. Así mesmo, evitaranse verteduras derivadas da súa utilización.
- Non se estraerá auga dos regatos para as obras ou abastecemento.
- Calquera alteración ou afección nas zonas de servidume dos cursos de auga precisará da autorización do organismo competente.
- Xestión de sobrantes de terras.
- Mantemento dos acopios de terra vexetal destinados á restauración.
- Minimizarase o movemento de terras ao máximo.
- As dimensións das plataformas de montaxe, vías e foxos non sobrepasarán as mínimas requiridas.
- Achega gradual da auga procedente das drenaxes transversais cara á rede hídrica, empregando trampas de sedimentos que se limparán con asiduidade, sobre todo na fase de obras.
- En noiros con pendente acusada empregaranse mallas antiescorremento.
- As tarefas de mantemento da maquinaria móbil durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramamentos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria, seleccionaranse zonas para a realización destas tarefas, afastadas do cursos de auga e protexendo o solo con materiais impermeables.
- As augas residuais xeradas no edificio de control levaranse a unha fosa séptica.
- Medidas anticolisión de avifauna e quirópteros. Seguimento de colisións.
- Reposición e/ou indemnización de danos, tanto na fase de obras como na de funcionamento.
- Calendario de actuacións acorde coas medidas correctoras.
- Balizamento previo dos elementos que hai que protexer.
- Posta a terra de aeroxeradores e subestación para evitar a corrosión.
- Programa de vixilancia ambiental (ruídos, drenaxes, avifauna, revexetación...).
As medidas relativas á protección dos elementos do patrimonio cultural recóllense na memoria de avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto, incluída no tomo II do estudo de impacto ambiental. No anexo á avaliación de impacto arqueolóxico, de setembro de 2005, recóllense medidas relativas a unha modificación do proxecto, consistente en que a gabia do cableado entre os aeroxeradores B-2 e B-1 pasará a discorrer pola marxe esquerda da vía e non pola dereita como estaba previsto inicialmente, e que vén motivada pola aparición dun novo túmulo con posterioridade á elaboración da memoria arqueolóxica.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL