Diario Oficial de Galicia, 22-08-2006, Núm. 161, Páx. 13181
Resolución do 7 de agosto de 2006, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Valsagueiro, no concello de Dumbría (A Coruña), promovido pola empresa Desarrollos Eólicos, S.A. (Expediente IN661A 04/8).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, o 4 de xullo de 2006, relativa ao proxecto do Parque Eólico Valsagueiro no concello de Dumbría (A Coruña), promovido pola empresa Desarrollos Eólicos, S.A. e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2006.
Anxo Ramón Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, o 4 de xullo de 2006, relativa ao proxecto do Parque Eólico Valsagueiro, no concello de Dumbría (A Coruña), promovido pola empresa Desarrollos Eólicos, S.A. (clave: 2006/0035).
Antecedentes.
Por solicitude da empresa Desarrollos Eólicos, S.A. (DESA), a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria da Coruña iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dun parque eólico de 32,5 MW de potencia total no concello de Dumbría (A Coruña), constituído por 25 aeroxeradores de 1.300 kW de potencia nominal unitaria.
Dentro do procedemento de autorización administrativa do parque eólico, o proxecto sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental dado que está considerado no grupo 3.i do anexo I do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental.
No anexo I resúmense as características básicas do proxecto e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada.
Mediante Acordo do 2 de novembro de 2004, da Delegación Provincial da entón Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña (publicado no DOG nº 228, do 23 de novembro), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e proxecto sectorial e o estudo de impacto ambiental das instalacións que comprende o referido parque eólico, constando durante o período de exposición pública a presentación de alegacións con contido ambiental por parte de Carmen Franco Santos e do Concello de Dumbría. No referente á alegación de Carmen Santos, hai que sinalar que o proxecto conta co informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública, e no que respecta á do Concello de Dumbría, os aspectos ambientais foron tidos en conta, no que procede, no condicionamento da declaración, ademais de alcanzaren un acordo o concello e o promotor froito do cal xurdiu un convenio de colaboración asinado por ambas as partes.
O 15 de febreiro de 2006 recíbese nesta consellería o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas como órgano substantivo por razón da materia, que contén os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza, Obras Públicas, Saúde Pública e Turismo, ademais dos emitidos polo organismo autónomo Augas de Galicia e pola Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria da Coruña.
O expediente contén así mesmo os documentos Valoración ambiental da modificación do proxecto de execución do parque eólico de Valsagueiro, no municipio de Dumbría (A Coruña) e Addenda modificativa do proxecto de execución do Parque Eólico Valsagueiro, nos cales se describen e valoran ambientalmente unha serie de modificacións introducidas no proxecto por instancia da Dirección Xeral de Urbanismo co obxecto de adecuar o proxecto ao Plan sectorial eólico de Galicia.
Inclúe así mesmo escritos da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (pertencente á Dirección Xeral da Marina Mercante do Ministerio de Fomento) nos cales se considera a compatibilidade do parque eólico co futuro radar para o control do tráfico marítimo fronte ás costas galegas que se situará no lugar de Chan das Lagoas (Dumbría, A Coruña), cuestión xurdida a teor do primeiro informe emitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.
O 5 de xuño de 2006 recíbese unha copia do convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Desarrollos Eólicos, S.A. para o estudo dos efectos dos parques eólicos sobre as poboacións de lobos, xurdido como consecuencia do informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
O 27 de xuño de 2006 ten entrada, a través da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, un escrito aclaratorio do promotor en relación coa poligonal do parque.
Finalizada a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto do Parque Eólico Valsagueiro, no concello de Dumbría (A Coruña), promovido pola empresa Desarrollos Eólicos, S.A.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionamentos adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais desto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto do parque eólico de Valsagueiro, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 32,5 MW de potencia total no concello de Dumbría (A Coruña), constituído por 25 aeroxeradores de 1.300 kW de potencia nominal unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice UTM X UTM Y
1 491.670 4.762.950
2 493.800 4.762.950
3 494.800 4.761.100
4 493.700 4.759.200
5 492.950 4.759.200
6 491.670 4.761.250
A localización dos aeroxeradores e a infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano Planta xeral. Plano nº 2 do documento Valoración ambiental da modificación do proxecto de execución do parque eólico de Valsagueiro, no el municipio de Dumbría (A Coruña).
2. Condicións xerais.
2.1. Protección da atmosfera.
Os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento do parque eólico non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, de ser o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.
2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de vías, gabias de cableado...) así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente, neste caso Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras.
Así mesmo, respectaranse os mananciais que puidesen existir na zona, podendo ser parcialmente encanado o seu curso para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos ás correntes superficiais máis próximas e a ceo aberto sempre que as obras definitivas o permitan.
3. A achega das augas procedentes do sistema de drenaxe do parque cara á rede hidrográfica deberá ser gradual, polo que á saída das drenaxes transversais e nos puntos onde a auga dos foxos se incorpore ao terreo, así como nos tramos de foxo en zonas de elevada pendente, disporanse sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe cara á rede natural, levando a cabo os labores de mantemento necesarios e adoptando as medidas protectoras ou correctoras oportunas (entre elas as indicadas no estudo ambiental) no caso de producírense os citados fenómenos. Neste sentido, levarase a cabo o plan de seguimento hidrolóxico proposto no estudo ambiental.
4. A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas.
5. Cando se executen obras en zonas de elevada pendente, deberán dispoñerse mallas antiescorrega ou calquera outra medida adecuada para evitar arrastre ou rodadura de materiais ladeira abaixo.
6. Non estando previsto na documentación presentada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.
7. Non está permitido o lavado de maquinaria e utensilios nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate a ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo de impacto ambiental.
2.3. Protección do solo.
1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que se axustará ao establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
2. Procederase á delimitación das distintas zonas de obra mediante o seu balizamento, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras e ser retirado cando estas finalicen.
3. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estas se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en localización autorizado.
4. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona salvo xustificación previa, no caso seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes serán restaurados ao finalizar a obra.
5. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
2.4. Xestión de residuos.
1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
2. O almacenamento temporal de residuos ata a súa entrega a xestor autorizado poderá realizarse nunha zona acondicionada para tal fin, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza.
3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramamentos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas poderán realizarse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.
4. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación do parque, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos producidos durante a obra.
2.5. Protección da fauna e vexetación.
2.5.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído na documentación avaliada, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.
2. Respecto á avifauna e aos morcegos, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores.
Para tal fin, levaranse a cabo os plans de seguimento de avifauna e quirópteros propostos na documentación avaliada, coas particularidades sinaladas no punto 3.6.2 da DIA. No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre as ditas poboacións, adoptaranse as medidas necesarias para corrixir a dita situación, entre elas as recolllidas na documentación avaliada.
Así mesmo, e tendo en conta que os aeroxeradores se situarán no contorno próximo do Parque Eólico Ponte Rebordelo, observarase o sinalado no punto 3.6.3 respecto dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a fauna debido á presenza das dúas instalacións.
2.5.2. Sobre a vexetación.
1. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregando sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.
En todo caso, calquera actuación de carácter inevitable levará asociada a restitución íntegra do espazo afectado coa maior brevidade posible. Así mesmo, previamente á execución das obras delimitaranse fisicamente as zonas de actuación, co fin de minimizar as afeccións.
2. Non se poderán afectar formacións distintas ás sinaladas na documentación avaliada sen antes facer a correspondente consulta, evitando especialmente calquera afección sobre formacións arbóreas autóctonas e ecosistemas intimamente ligados á auga (turbeiras, vexetación ripícola, sistemas lacustres...).
3. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que de ser o caso terá que contar coa preceptiva autorización.
2.6. Sobre a integración paisaxística.
1. Se os afloramentos rochosos existentes na zona tivesen interese xeomorfolóxico ou paisaxístico deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.
2. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levarase a cabo o proxecto de restauración incluído no estudo de impacto ambiental, coas seguintes consideracións:
- As áreas obxecto de restauración e revexetación incluirán, ademais das sinaladas no proxecto, o contorno das obras de drenaxe e as zonas de amoreamento de materiais e de instalacións de obra. As plataformas de montaxe dos aeroxeradores deberán ser revexetadas na súa totalidade, podéndose deixar un camiño de acceso á porta do aeroxerador para os vehículos de mantemento.
- No caso de necesitar achegas externas de terra vexetal, esta non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio. En todo caso, calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada. Así mesmo, será admisible o uso de solos reciclados obtidos de acordo coa Instrución Técnica de Residuos ITR/01.0/05, do 29 de xuño, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, referente á elaboración de solos reciclados a partir de residuos.
3. Co fin de mellorar a integración paisaxística do parque eólico e evitar a proliferación de pistas na zona, procederase á restauración daqueles tramos de camiños ou vías que queden duplicados ou sen servizo tras a execución da rede viaria do parque. A non adopción desta medida nalgún tramo concreto deberá xustificarse adecuadamente.
2.7. Sobre o Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionamento desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionamento da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes cos novos problemas xurdidos.
Para tal fin, tomando como base o plan de seguimento proposto no estudo de impacto ambiental (que terá que adaptarse no que proceda ás modificacións de proxecto recollidas no documento Valoración ambiental da modificación do proxecto de execución do parque eólico de Valsagueiro, no municipio de Dumbría (A Coruña), deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos desta declaración.
Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, quen o comunicará ao órgano ambiental.
- Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
- Os informes de seguimento ambiental resultantes do desenvolvemento deste programa, a que se fai referencia ao longo do condicionamento da declaración, serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, correspondéndolle a este o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionamento da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión -de ser o caso- do responsable do control do seguimento ambiental.
- No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicaráselle inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilos. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural.
Levaranse a cabo as medidas correctoras propostas no anexo de avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto (tanto o que figura no estudo de impacto ambiental como no documento de valoración ambiental da modificación do proxecto), aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes:
- Para evitar posibles afeccións, establécese para esta obra unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico de 200 m de radio, medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
- En relación co impacto sobre o xacigo Mámoa de Casa Vella (GA15034009), a dita área de exclusión terá un radio de 100 m. A realización de calquera tipo de obra nesta área precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
- Previamente ao inicio das obras, procederase á sinalización e balizamento con material non perecedoiro do devandito xacigo.
- Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, previamente ao inicio das obras elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o seu transcurso, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
- Baseándose nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
- Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.
3.2. Sobre a fauna.
Tendo en conta a importancia da poboación de lobo ibérico (Canis lupus signatus) existente ao nordeste da área de implantación do parque (constituída por un clan familiar reprodutor que serve de enlace entre as poboacións costeiras da zona de Muxía-Costa da Morte e as do resto do interior de Galicia), esta especie deberá ser obxecto de especial atención mediante a implementación dun exhaustivo plan de estudo e seguimento.
En síntese, o dito estudo debe permitir coñecer e valorar tanto a existencia de perturbacións nas poboacións de lobo debidas á construción e funcionamento de parques eólicos, como a súa vulnerabilidade a causa da mellora da accesibilidade orixinada pola apertura ou mellora de pistas nestas áreas. Realizaranse modelos preditivos e dinámicos, tendo en conta que se deberán abranguer varias zonas co obxecto de que sexan extrapolables ao conxunto da comunidade autónoma. Os resultados que se obteñan tanto do estudo como do seguimento serán determinantes á hora de establecer as limitacións que sexan pertinentes na xestión do parque eólico.
Para tal fin, desenvolverase o Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Desarrollos Eólicos, S.A. para o estudo dos efectos dos parques eólicos sobre as poboacións de lobos, por cuxa execución velará a comisión de seguimento a que se fai referencia na súa cláusula sétima. Así mesmo, ao abeiro da cláusula sexta, os resultados do seu desenvolvemento irán incorporándose, co contido e alcance que a dita comisión determine, nunha epígrafe específica dos informes do Programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se refire o punto 2.7 desta DIA.
Todo o anterior sen detrimento de cumprir ademais coas medidas protectoras específicas recollidas no documento Valoración ambiental da modificación do proxecto de execución do parque eólico de Valsagueiro, no municipio de Dumbría (A Coruña).
3.3. Fase previa ao inicio das obras.
1. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, o 1% do orzamento do proxecto na súa configuración final, ascendendo á cantidade de 261.415 euros. A dita proposta poderá ser revisada se o promotor presenta un novo orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociados á fase de obras que estea adaptado á dita configuración final (reflectida na addenda de modificación) e que ademais teña en conta as consideracións sinaladas no punto 2.6. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo isto no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o Decreto 455/1996.
3.4. Fases de replanteo e obra.
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras de construción do parque.
2. Extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica (tanto directas como indirectas), especialmente no cruzamento baixo o leito do rego do Hospital coa gabia de cableado que conectará os aeroxeradores coa subestación do Parque Eólico Ponte Rebordelo. Neste sentido, adoptaranse todas as medidas protectoras e correctoras precisas para a súa preservación e prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas, co fin de evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.
3. En relación co plan de seguimento da calidade das augas, deberá engadirse un punto de control na área de influencia da antedita obra de cruzamento do rego do Hospital. Por outra banda, considérase suficiente a toma de mostras en cada punto de control seleccionado cando se estean executando obras na súa zona de influencia, e non con carácter mensual en todos os puntos como se indica no plan presentado.
4. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental o que se refire o punto 2.7 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas e funcionamento da rede de drenaxe, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.3, 2.2.7 e 3.4.3 da DIA.
c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e, se é o caso, de quirópteros. Informe do desenvolvemento do convenio de colaboración relativo ao estudo das poboacións de lobo, segundo o sinalado no punto 3.2 da DIA.
d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos contemplados nela.
e) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e no plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no cal se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
3.5. Ao final da fase de obras.
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental o que se refire o punto 2.7 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe de fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como o resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do indicado no estudo ambiental e no condicionamento desta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos previstos no estudo ambiental e no condicionamento da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, foxos e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no cal se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.
3.6. Fase de funcionamento.
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de posta en marcha da instalación.
2. En relación cos plans de seguimento de avifauna e quirópteros propostos no estudo ambiental, teranse en conta as seguintes cuestións:
- O raio que se revisará baixo os aeroxeradores nas visitas para a detección de exemplares mortos por colisión será de 60 m como mínimo, dado o tamaño do aeroxerador que se vai instalar no parque.
- Na valoración dos limiares de alerta e inadmisible deberán considerarse referencias normativas, catálogos ou listas vermellas máis actualizadas que as que figuran no estudo de impacto ambiental.
3. Tendo en conta que o parque eólico obxecto desta DIA se situará no contorno próximo do de Ponte Rebordelo, co que compartirá infraestruturas como a subestación, o edificio de control e a liña de evacuación, levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a avifauna e os quirópteros entre estes dous parques, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.
4. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.7 desta DIA, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes, un informe de seguimento ambiental co seguinte contido mínimo:
a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.
b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, do seguimento da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.3 e 2.2.7 da DIA.
c) Resultados dos plans de seguimento de avifauna e quirópteros e informe dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos), tendo en conta o sinalado nos puntos 3.6.2 e 3.6.3 da DIA. Informe do desenvolvemento do convenio de colaboración relativo ao estudo das poboacións de lobo, segundo o sinalado no punto 3.2 da DIA.
d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, en que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase revisar o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se realizarán en anos posteriores.
3.7. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un cronograma estimado de todas as actuacións previstas para o desmantelamento e abandono da instalación. Xuntaráselle, se é o caso, un informe en que se sinalen as posibles variacións respecto do previsto no proxecto de restauración incluído no estudo ambiental, xunto coa súa xustificación.
3.8. Fase de abandono.
Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo todas as actuacións necesarias para recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, conforme o proxecto de restauración presentado.
3.9. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2006.
Joaquín Lucas Buergo del Río
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I - Resumo do proxecto
O proxecto do Parque Eólico Valsagueiro, promovido pola empresa Desarrollos Eólicos, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 25 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalará no concello de Dumbría (A Coruña). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:
- Número de aeroxeradores: 25.
- Modelo: Izar-Bonus 1.3 MW.
- Potencia nominal unitaria: 1.300 kW.
- Potencia total instalada: 32,5 MW.
- Altura de torre: 55 m.
- Diámetro de rotor: 62 m.
- Orzamento (do modificativo): 26.141.573,36 euros.
Para a transformación e posterior evacuación da enerxía xerada no parque empregaranse as instalacións do Parque Eólico Ponte Rebordelo, situado nas proximidades e cuxo promotor tamén é Desarrollos Eólicos, S.A. En concreto, farase uso da subestación transformadora 20/66 kV, que será obxecto de ampliación para permitir maior capacidade de evacuación, e da L.A.T. a 66 kV que vai desde dita subestación ata a de Mazaricos, que foi obxecto da Decisión do 6 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sobre a necesidade ou non de avaliación de impacto ambiental.
A obra civil, considerando xa os datos da addenda de modificación do proxecto, inclúe a execución de 3.357 m de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores e a modificación de 3.818 m de camiños existentes. Terán unha anchura de rodadura de 5 m e irán dotados de foxos e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Así mesmo, escavaranse 8.587 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación transformadora e o edificio de control situados en terreos do Parque Eólico Ponte Rebordelo. A duración estimada da fase de obras é duns 9 meses.
Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de implantación do parque está composta maiormente por breixeiras secas europeas e repoboacións de eucalipto con diferentes graos de desenvolvemento. Con moita menor representación aparecen parcelas dedicadas a prados.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
No punto de medidas protectoras e correctoras do estudo ambiental inclúense basicamente as seguintes:
Sobre a atmosfera.
- Cumprirase coa normativa de emisións de gases e partículas.
- Rega de pistas en período estival.
- Os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar.
- Mantemento da maquinaria para reducir as emisións de ruído e gases.
- Cumprirase coa normativa de emisións sonoras.
- Seguimento de niveis de ruídos nas fases de obra e funcionamento.
Sobre o solo.
- A obra civil axustarase ao especificado no proxecto. No caso de variacións, procederase a realizar a correspondente valoración ambiental.
- A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.
- Retirada e mantemento da capa de terra vexetal para o seu posterior emprego nos labores de restauración.
- Nos movementos de terras tratarase de equilibrar ao máximo o volume de desmonte co de terraplén. No caso de que exista material sobrante das escavacións, non quedará depositado na área de obra ou proximidades, sendo transportado ao vertedoiro de entullos autorizado máis próximo. Se non fose posible, os sobrantes depositaranse en lugares axeitados para tal fin, que en ningún caso deberán ter pendente elevada.
- A zona de instalacións de obra e acopios localizarase nunha área de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastada de cursos de auga e xacigos arqueolóxicos.
- Todos os terreos afectados pola execución das obras serán somentidos a restauración ambiental, prevendo descompactación, extendido de terra vexetal e implantación de vexetación.
- O mantemento de maquinaria e as reparacións realizaranse en talleres.
- Disporanse vertedeiros para todos os residuos de obra.
Sobre a hidroloxía.
- Revexetación de zonas espidas.
- Para evitar verteduras accidentais de substancias contaminantes, os cambios de aceite e lavados de maquinaria realizaranse en zonas específicas afastadas de cursos de auga.
- Non se modificará directamente a rede hidrolóxica da zona sen autorización expresa do organismo de bacía.
- Para evitar afeccións aos cursos de auga superficial, evitarase o trazado de pistas sobre estes, así como a circulación de maquinaria e vehículos. Se fose inevitable o paso, acondicionarase un paso seguro sen eliminar a vexetación de ribeira.
- O cruzamento da gabia de cableado polo rego de Hospital realizarase con máquina-topo á profundidade de 1 metro por debaixo do leito e contando coa autorización do organismo de bacía.
- Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de material ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial.
- Deseño adecuado da rede de drenaxe artificial do parque.
- Plan de seguimento da calidade das augas e da rede de drenaxe.
- Recollida dos aceites e graxas procedentes das tarefas de mantemento do parque en recipientes axeitados.
Sobre a vexetación.
- A obra civil axustarase ao especificado no proxecto, procurando que a afección á vexetación sexa a mínima posible. No caso de afección a zonas non previstas, procederase a realizar a correspondente valoración ambiental.
- Desenvolvemento do proxecto de restauración.
- Realizarse un seguimento da efectividade dos labores de restauración en todas as fases, incrementando a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación.
- Tratamento dos residuos xerados tras a corta e poda de vexetación (torado e trituración, queima controlada ou traslado a vertedoiro segundo a súa natureza).
- Previamente á corta de vexetación arbórea realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
Sobre a fauna.
- A ocupación de hábitats limitarase estritamente ás zonas proxectadas, evitando zonas especialmente sensibles.
- Tras a análise de alternativas, o deseño final do parque evita a afección a charcas, zonas de afloramentos rochosos e refuxios de quirópteros (casas vellas, muíños, cavidades naturais).
- Recomendación de circular a velocidades baixas coa maquinaria de obra para diminuír a posibilidade de atropelos de fauna.
- Non se prevé nun principio a colocacion de pasos canadenses, pero se fosen precisos irían dotados de medidas de escape de pequenos vertebrados que puidesen caer ao foxo.
- Seguimento de avifauna tanto na fase de obra como na de funcionamento.
- En función dos resultados obtidos no seguimento en fase de funcionamento, podería formularse o establecemento dun período de parada para os aeroxeradores máis conflitivos en canto a colisións, a determinadas horas do día e durante os períodos de maior actividade, o aumento do contraste das pas dos aeorxeradores sobre o fondo visual...).
- Retirada de animais de certo tamaño que aparezan mortos na zona do parque, para evitar a atracción de animais preeiros que puidesen colisionar cos aeroxeradores.
- Estudo e seguimento das poboacións de quirópteros na área do parque.
Sobre a paisaxe.
- Na fase de deseño e proxecto considerouse o trazado de pistas coa mínima lonxitude posible, menor movemento de terras, e maior aproveitamento dos camiños e pistas existentes.
- O trazado axústase o máximo posible á topografía do terreo.
- As gabias de cableado discorren na medida do posible xunto ás vías, evitando así maior ocupación do solo.
- Revexetación tras o remate das obras.
- Os aeroxeradores terán cor branca, gris clara ou similar e acabado semimate.
- Transformadores no interior dos aeroxeradores, evitando casetas exteriores.
As medidas relativas á protección dos elementos do patrimonio cultural recóllense no correspondente anexo do estudo de impacto ambiental e, para as modificacións introducidas posteriormente no proxecto, no anexo nº 1 do documento Valoración ambiental da modificación do proxecto de execución do parque eólico de Valsagueiro, no municipio de Dumbría (A Coruña).
No dito documento inclúense esencialmente as mesmas medidas protectoras e correctoras que figuran no estudo de impacto ambiental, agás no relativo á protección da fauna, no que se incorporan medidas específicas para a protección da poboación de lobo ibérico (Canis lupus signatus) existente nas inmediacións da área do parque.
Neste sentido, sinálase que dado que a época máis sensible para a especie é a comprendida entre marzo e xuño, é recomendable que nestes meses se executen as obras máis afastadas da zona de Chan das Lagoas, de xeito que se manteña unha banda sen obras duns 3,5 quilómetros. Ao respecto desta poboación de lobo, o documento incorpora como anexo un informe valorativo da posible afección que lle podería causar a construción do parque, considerando finalmente compatible a instalación sempre que, ademais da anteriormente sinalada, se observen as seguintes medidas:
- Mantemento adecuado da maquinaria para que os ruídos xerados sexan os mínimos posibles.
- A obra civil axustarase de maneira exacta ao especificado no proxecto, procurando que a afección sobre a vexetación, e polo tanto sobre os hábitats, sexa a mínima posible.

- Reposición de toda vexetación que sexa destruída polas obras e ao final da vida útil do parque, polo seu desmantelamento.
- Circulación da maquinaria de obra a velocidades baixas para eliminar a posibilidade de atropelos.
Outras medidas incluídas neste documento son:
- Pavimentación dos 30 metros iniciais da vía principal de acceso ao parque desde a estrada AC-3404, para evitar contaminación térrea da estrada por parte dos vehículos procedentes do parque.
- Formigonado dun tramo desta vía principal que discorre por unha zona de elevada pendente (superior ao 12%), para evitar ter que facer un desmonte de grandes dimensións, co conseguinte risco de fenómenos erosivos en época de chuvias.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL