Diario Oficial de Galicia, 17-07-2007, Núm. 138, Páx. 12361
Resolución do 6 de xuño de 2007, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico do Vieiro, nos concellos de Bande e Verea (Ourense) promovido pola empresa Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A. (Expediente IN661 04/5-3 A.T.).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 28 de marzo de 2007, relativa ao proxecto do parque eólico do Vieiro, nos concellos de Bande e Verea (Ourense), promovido pola empresa Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A. e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2007.
Anxo Ramón Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
ANEXO
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 28 de marzo de 2007, relativa ao proxecto do parque eólico do Vieiro, nos concellos de Bande e Verea (Ourense), promovido pola empresa Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A. (Clave 2005/0487).
Antecedentes.
Por solicitude da empresa Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A., a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Ourense iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dun parque eólico de 20,4 MW de potencia total nos concellos de Bande e Verea (Ourense), composto por 24 aeroxeradores de 850 kW de potencia nominal unitaria.
Dentro do referido procedemento de autorización administrativa considerouse o proxecto, que está recollido no anexo II do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental (modificado polas leis 6/2001, do 8 de maio, 9/2006, do 28 de abril, e 27/2006, do 18 de xullo), como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
No anexo I resúmense as características básicas do proxecto e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada.
Mediante Resolución do 30 de novembro de 2004, da Delegación Provincial de Ourense da entón Consellería de Innovación, Industria e Comercio (publicada no DOG nº 233, do 30 de novembro de 2004), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental das instalacións que comprende o referido parque eólico, non constando a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.
O 14 de decembro de 2005 recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas como órgano substantivo por razón da materia, que contén os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza, Obras Públicas, Saúde Pública e Turismo, ademais dos emitidos pola Confederación Hidrográfica do Norte.
O expediente contén, así mesmo, os documentos Proxecto parque eólico O Vieiro. Anexo de actualización e Anexo de modificación do EIA do Aarque Eólico O Vieiro. Febreiro 2005, en que se describen e valoran ambientalmente unha serie de modificacións que foi preciso introducir no proxecto a teor do descubrimento dun conxunto de xacigos arqueolóxicos na área do parque, o cal obrigou a desprazar algúns aeroxeradores e a subestación. Así mesmo, buscouse a mellor solución para a preservación dos ditos xacigos coa diminución do número de máquinas que se van instalar. No documento Avaliación de impacto arqueolóxico do parque eólico do Vieiro, Ourense. Memoria, que se presentou como separata ao estudo de impacto ambiental, téñense en conta eses cambios. No expediente constan informes sobre a dita documentación de todos os organismos consultados durante a tramitación ambiental do proxecto.
O 16 de febreiro de 2007 ten entrada, a través do órgano substantivo, un terceiro informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, sobre o documento titulado P.E. O Vieiro. Xustificación do trazado proxectado entre os aeroxeradores 15 e 16. Marzo 2006 e sobre un escrito xustificativo do promotor do 19 de xullo de 2006, que en conxunto pretenden dar resposta a unha serie de consideracións contidas nos dous anteriores informes emitidos pola dita dirección xeral.
Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto do Parque Eólico O Vieiro, nos concellos de Bande e Verea (Ourense), promovido pola empresa Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionamentos adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto do Parque Eólico O Vieiro, que consiste, na súa configuración final, na instalación e explotación dun parque eólico de 20,4 MW de potencia total nos concellos de Bande e Verea (Ourense), constituído por 20 aeroxeradores (17 uds. de 850 kW de potencia unitaria e 3 de 2.000 kW) que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Ver referencia pdf "13800D034P045.PDF"
A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano titulado Disposición do parque. Planta xeral, incluído no Anexo de modificación do EIA do parque eólico do Vieiro. Febreiro 2005, agás para a subestación transformadora, que se desprazará cara á zona reflectida no plano Detalle área subestación modificada incluído na Memoria de avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto, e a vía entre os aeroxeradores 15 e 16, que se executará conforme ao plan parcial que figura no documento P.E. O Vieiro. Xustificación do trazado proxectado entre os aeroxeradores 15 e 16. Marzo 2006.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección da atmosfera.
2.1.1. Sobre o po.
Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies e demais medidas previstas no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. Así mesmo, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2.1.2. Sobre o ruído.
Os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento do parque eólico non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, de ser o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.
2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruces de vías, gabias de cableado…), así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente, neste caso, a Confederación Hidrográfica do Norte, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Non se afectarán, ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se poidan atopar na área de influencia das obras.
Así mesmo, respectaranse os mananciais que puidesen existir na zona, podendo ser parcialmente encanado o seu curso para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos a ceo aberto (sempre que as obras definitivas o permitan) cara ás correntes superficiais máis próximas.
3. Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que na rede viaria do parque se deberán dispoñer as estruturas de drenaxe transversal necesarias para iso, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación.
A incorporación das augas de drenaxe cara á rede hidrográfica deberá ser gradual, polo que á saída das drenaxes transversais e nos puntos onde a auga dos foxos se incorpore ao terreo, así como nos tramos de foxo en zonas de elevada pendente, disporanse sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento do sistema de drenaxe do parque, dos dispositivos de disipación de enerxía e das condicións de incorporación das augas de drenaxe cara á rede natural, co obxecto de comprobar se se producen fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais. Neste sentido, levaranse a cabo os oportunos labores de mantemento do sistema, adoptando as medidas protectoras e correctoras necesarias no caso de se produciren os citados fenómenos.
4. As augas residuais que se xeren no edificio de control serán levadas ata unha fosa séptica ou outro sistema que garanta o seu axeitado tratamento, debendo ser mantido periodicamente para garantir o seu correcto funcionamento.
5. A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas.
6. Cando se realicen obras en zonas de elevada pendente, disporanse mallas antiescorregamento ou calquera outra medida adecuada para evitar arrastres de materiais ladeira abaixo.
7. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorregamento superficial.
8. Non está permitido lavar maquinaria e utensilios nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo de impacto ambiental.
2.3. Protección do solo.
1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que se axustará ao establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
2. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.
3. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estas se producise, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
4. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona salvo xustificación previa, en cuxo caso se seleccionarán zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes serán restaurados ao finalizar a obra.
5. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras. Os elementos do parque non poderán supoñer un obstáculo para o uso das devasas existentes na zona.
2.4. Protección da fauna e vexetación.
2.4.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído na documentación avaliada, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.
2. No caso de que nas vías de acceso se instalen pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo. As ditas medidas poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou os dous laterais abertos.
3. Respecto á avifauna e aos morcegos, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e nos usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores.
Para tal fin, levaranse a cabo os plans de seguimento de avifauna e quirópteros propostos na documentación avaliada, coas particularidades sinaladas nos puntos 3.2.3, 3.5.2 e 3.5.3 da DIA. No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre as súas poboacións, adoptaranse as medidas necesarias para corrixir a dita situación (entre elas as recollidas na documentación avaliada), incluíndo o establecemento, se é o caso, dun período de parada dos aeroxeradores máis conflitivos.
2.4.2. Sobre a vexetación.
1. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregando sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.
2. Non se poderá afectar a formacións distintas ás sinaladas na documentación avaliada sen antes facer a correspondente consulta, evitando especialmente calquera afección sobre formacións arbóreas autóctonas e ecosistemas intimamente ligados á auga (turbeiras, vexetación ripícola, sistemas lacustres…). Neste sentido, observarase o sinalado no punto 3.3.3 da DIA.
En todo caso, calquera actuación de carácter inevitable levará asociada a restitución íntegra do espazo afectado coa maior brevidade posible. Así mesmo, previamente á execución das obras delimitaranse fisicamente as zonas de actuación, co fin de minimizar as afeccións.
3. Previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. Así mesmo, para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira, observarase o disposto na lexislación vixente de aplicación.
4. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
2.5. Sobre a integración paisaxística.
1. O acabado do edificio de control adecuarase ao tradicional da zona, de xeito que as fachadas, cuberta e peches se integren no contorno. A cor da pintura de exteriores será acorde co contorno e de acabado mate.
2. Se os afloramentos rochosos existentes na zona tivesen interese xeomorfolóxico ou paisaxístico deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.
3. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levarase a cabo o proxecto de restauración incluído no estudo de impacto ambiental, coas seguintes consideracións:
-Co fin de evitar a erosión e lograr o máis axiña posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras, os labores de restauración e revexetación deberán realizarse, na medida do posible, paralelamente ao avance da obra, conforme as distintas superficies que se restauraren alcanzan o seu estado definitivo.
-Nas superficies que se revexeten estenderase unha capa de terra vexetal duns 15 cm de espesor. No caso de necesitar achegas externas de terra vexetal por non ser suficiente a retirada previamente á execución das obras, hai que indicar que non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio, e que calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada.
-No que respecta á sementeira, a dose será como mínimo de 30 gr/m2 (300 kg/ha) e a proporción de cada grupo de especies na mestura axustarase, con carácter xeral, ás seguintes porcentaxes: 70% para o conxunto de gramíneas, 15% para as leguminosas e 15% para as arbustivas.
-Todas as especies que se empreguen na restauración deberán ser autóctonas e existentes na zona, compatibles co hábitat en que se vaian implantar e compatibles entre si, co obxecto de maximizar o éxito da restauración. No caso de empregar especies arbóreas, terase en conta o disposto na Orde do 17 de marzo de 2005, pola que se aproba a delimitación e a determinación dos materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución de diversas especies no territorio da Comunidade de Galicia.
-Deberá realizarse un seguimento da efectividade dos labores de restauración e revexetación en todas as fases, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras ou plantacións efectuadas. Incrementarase a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación, levando a cabo medidas adicionais de restauración se o éxito desta non é o axeitado.
4. Co fin de mellorar a integración paisaxística do parque eólico e evitar a proliferación de pistas na zona, no caso de que como resultado da execución da rede viaria do parque deixe de usarse algún camiño ou vía preexistente a favor dos propios do parque, deberá procederse á súa restauración, aplicando para iso o recollido no plan de restauración presentado, xunto co disposto nesta DIA.
5. Unha vez rematada a vida útil do parque, ou ben no caso de que este quedase fóra de servizo por calquera causa, procederase á desmontaxe e retirada de todos os seus compoñentes e á recuperación da situación preoperacional da zona ocupada pola instalación. Neste sentido, observarase o sinalado nos puntos 3.6 a 3.8 da DIA.
2.6. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto na documentación avaliada, deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos desta declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita alcanzar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:
-Co obxecto de alcanzar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, que o comunicará ao órgano ambiental.
-Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
-Os informes de seguimento ambiental resultantes do desenvolvemento deste programa, a que se fai referencia ao longo do condicionado da declaración, serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, correspondéndolle a este o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración, conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión, de ser o caso, do responsable do control do seguimento ambiental.
-No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicaráselle inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilos. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural.
Levaranse a cabo as medidas correctoras recollidas na Memoria de avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto, aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes:
1. Para evitar posibles afeccións establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural de 200 metros de raio, medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.
2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso desta, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
3. En relación co impacto crítico sobre o túmulo de Cinco Fontes, e tal e como se recolle na memoria arqueolóxica, a subestación e as súas infraestruturas anexas deberán ser desprazadas fóra do ámbito de protección legal de 200 metros, cara á área que figura no plano Detalle área subestación modificada.
4. En base aos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
5. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.
3.2. Fase previa ao inicio das obras.
1. Levarase a cabo a campaña preoperacional do plan de control da calidade das augas, de acordo co previsto no correspondente anexo do estudo ambiental. Os resultados da dita campaña incorporaranse aos informes de seguimento ambiental, tanto os de obra como os de funcionamento, se é o caso, para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
2. A zona destinada a parque de maquinaria, casetas de obra, amoreamentos de materiais, etc, desprazarase xunto coa subestación transformadora e as súas infraestruturas anexas cara á área que figura no plano Detalle área subestación modificada, no mesmo sentido que o sinalado no punto 3.1.3 da DIA.
3. Dado que entre as aves rapaces con nidificación probable na área do parque figuran dúas rapinas do xénero Circus (tartaraña cincenta Circus pygargus e gatafornela C. cyaneus), que nidifican sobre o solo en ambientes de matogueira con pasteiros e, polo tanto, son susceptibles de verse afectadas polas obras, levaranse a cabo as comprobacións necesarias para determinar a existencia ou non de parellas reprodutoras na área de afección das infraestruturas e instalacións do parque.
No caso de detectarse a súa nidificación na zona afectada polas obras, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, incluíndo o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de raio en torno ao niño, onde se evitará calquera actuación ata a finalización do período reprodutor (podendo continuar coas obras noutra zona do parque) e outro perímetro de seguridade de 500 m, onde se limitarán ao máximo as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.
4. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 287.940 euros, dos cales 123.403 € corresponden aos labores de restauración asociados á fase de obras e 164.537 € aos da fase de desmantelamento e abandono do parque.
3.3. Fases de replanteo e obra.
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras de construción do parque.
2. O percorrido da gabias do cableado deberá axustarse o máximo posible ao trazado das vías, tanto existentes como de nova construción, respectando en todo caso as áreas de exclusión dos xacigos arqueolóxicos presentes na área do parque, segundo o sinalado no punto 3.1 da DIA.
3. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, charcas permanentes ou temporais e zonas hidromorfas, adoptando cantas medidas protectoras e correctoras sexan necesarias para a súa preservación, ademais das sinaladas no estudo ambiental. Neste sentido, prestarase especial atención á sinalización e/ou balizamento das ditas zonas, para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria, vehículos de obra ou por calquera outra actividade asociada á execución do parque, así como á disposición dos elementos de drenaxe do parque.
No caso concreto da zona de brañas e breixeiras húmidas atlánticas existente entre os aeroxeradores 15 e 16, ademais de levar a cabo as medidas previstas no documento P.E. O Vieiro. Xustificación do trazado proxectado entre aeroxeradores 15 e 16. Marzo 2006 (prestando especial atención ao control do mantemento do réxime hídrico da zona), deberanse presentar medidas compensatorias que redunden en beneficio das poboacións e hábitats sinalados. A dita proposta deberá estar consensuada coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, coa que se coordinará todo o relativo ao desenvolvemento e aplicación das medidas que se propoñan.
4. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído que figura no estudo ambiental, nesta fase poderase efectuar unha medición en cada punto de control no momento en que se estean executando obras preto del, e non con carácter trimestral en todos os puntos como se desprende do plan presentado. Nos resultados das medicións que se van presentar nos informes de seguimento ambiental deberá figurar, sen detrimento dos percentís L90, L50 e L10, o parámetro Leq.
5. O mesmo será de aplicación para o plan de seguimento da calidade das augas, estimándose suficiente tomar mostras cando se estean executando obras na área de influencia de cada punto de control seleccionado, e non con carácter mensual ao longo das obras como se sinala no plan presentado.
6. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído (cuxas medicións se realizarán en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a medición), control da calidade das augas e funcionamento da rede de drenaxe, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.3, 2.2.8, 3.2.1 e 3.3.3 ao 3.3.5 da DIA.
c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e, se é o caso, de quirópteros, así como do control da presenza de parellas reprodutoras de rapinas do xénero Circus na área do parque, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.4.1 e 3.2.3 da DIA.
d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras, correctoras e compensatorias, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etc. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela.
e) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
3.4. Ao final da fase de obras.
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de execución do parque, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe de fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, xunto cun resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo da fase de obras obras e das medidas protectoras e correctoras adoptadas (tanto as indicadas no estudo ambiental como as derivadas desta DIA), incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etc. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos previstos na documentación avaliada e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, subestación e edificio de control, estado das vías, foxos e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras, correctoras e compensatorias, etc. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se levaron a cabo medidas protectoras e/ou correctoras.
3.5. Fase de funcionamento.
1. O promotor comunicará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de posta en marcha da instalación.
2. En relación co plan de seguimento de avifauna incluído no estudo ambiental, terase en conta que en cada visita para a detección de aves mortas por colisión revisarase como mínimo un 50% dos aeroxeradores instalados. O raio que se vai revisar baixo os aeroxeradores G-80/G-87 aumentarase ata os 70 metros. O tempo de revisión por aeroxerador non será inferior aos 25 minutos.
3. Tendo en conta que entre a avifauna cuxa presenza foi detectada ou é moi probable na área do parque figuran varias especies de aves rapaces (miñato Buteo buteo, aguia cobreira Circaetus gallicus, gatafornela Circus cyaneus, tartaraña cincenta Circus pygargus, falcón pequeno Falco subbuteo…), o desenvolvemento do plan de seguimento de avifauna será especialmente exhaustivo no relativo a este grupo de aves, moitas de cuxas especies posúen figuras legais de protección (Directiva aves 79/409/CEE e actualizacións posteriores, Catálogo Nacional de Especies Ameazadas -Real decreto 439/1990 e posteriores modificacións-, novo anexo II da Lei 4/1989) ou figuran en diversos catálogos e publicacións (Catálogo Provisional de Aves Nidificantes Ameazadas en Galicia, Libro Rojo de las Aves de España) que poñen de manifesto a importancia da súa conservación.
4. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor remitirá ao órgano substantivo, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes da súa vida útil, un informe de seguimento ambiental co seguinte contido mínimo:
a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.
b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, do seguimento da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.3, 2.2.8 e 3.2.1 da DIA.
c) Resultados dos plans de seguimento de avifauna e quirópteros, tendo en conta o sinalado no punto 2.4.1 da DIA.
d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, en que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado, contorno da subestación e do edificio de control e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras, correctoras ou compensatorias adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se van realizar en anos posteriores.
3.6. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, recollendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e a subestación, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando a esta documentación presentarase o cronograma estimado das ditas actuacións.
3.7. Fase de abandono.
Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior.
3.8. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2007. Joaquín Lucas Buergo del Río. Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
ANEXO I
Resumo do proxecto.
Na súa configuración final (tras introducir unha serie de modificacións para a preservación duns xacigos arqueolóxicos existentes na área), o proxecto do parque eólico O Vieiro, promovido pola empresa Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 20 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalarán nos concellos de Bande e Verea (Ourense). Os aeroxeradores distribuiranse pola zona denominada Lomas de Pena da Edra, dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto son as seguintes:
-Número de aeroxeradores: 20.
-Modelos: Gamesa G-52, G-80 e G-87.
-Potencia nominal unitaria: 850 kW (G-52, 17 uds.) e 2.000 kW (G-80 e G-87, 2 e 1 ud.).
-Potencia total instalada: 20,4 MW.
-Altura das torres: 55 m (G-52) e 67 m (G-80 e G-87).
-Diámetro de rotor: 52 m (G-52), 80 m (G-80) e 87 m (G-87).
-Orzamento: 16.453.690,52 euros.
Así mesmo, o proxecto prevé a construción dunha subestación transformadora 20/132 kV e un edificio de control anexo, dunha soa planta, que albergará os equipos de control e mando, a sala de celas eléctricas, un almacén, un aseo e unha sala de descanso do persoal. Instalarase tamén unha torre meteorolóxica de medicións a carón do aeroxerador nº 12. A evacuación da enerxía producida realizarase a través da subestación de Celanova, mediante unha liña eléctrica a 132 kV que foi obxecto da Decisión do 28 de xaneiro de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sobre a necesidade ou non de avaliación de impacto ambiental.
A obra civil inclúe uns 10.425 m de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores, cunha largura de rodadura de 6 m e dotados de foxos e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Así mesmo, escavaranse uns 6.930 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación transformadora e o edificio de control do parque. A duración estimada da fase de obras é duns 6 meses.
Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de implantación do parque está composta por toxeiras e repoboacións recentes (principalmente de piñeiro) sobre matogueira de toxo e piorno. No contorno preséntanse algúns lugares ocupados por comunidades de turbeira e breixeiras húmidas atlánticas, asociadas ás marxes dos regos que discorren pola zona.
ANEXO II
Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada.
No punto de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes:
Boas prácticas xerais de obra: na fase de obras adoptaranse unha serie de medidas preventivas para afectar o menos posible a calidade do aire, auga e solos da zona:
-Mecánica preventiva da maquinaria para evitar derramos de aceites ou combustibles.
-Realización de operacións de limpeza e mantemento da maquinaria en talleres, estacións de servizo ou lugares convenientemente acondicionados (coa superficie impermeabilizada) onde os residuos ou verteduras sexan convenientemente xestionados.
-Limitación das operacións de carga e descarga de materiais, escavacións e movementos de terra aos períodos en que a velocidade do vento sexa inferior a 10 km/h.
-Rega das superficies sen xeración de vertedura líquida, para minimizar a dispersión de po e partículas.
-Redución de produtos de combustión mediante mantemento técnico da maquinaria.
Plan de xestión de verteduras e residuos: todos os residuos xerados tanto na fase de obras como na de mantemento deberán ser xestionados adecuadamente de acordo coa súa tipoloxía, primando, por esta orde, a minimización, a reutilización ou a reciclaxe e a vertedura.
Outras medidas.
-A auga que se empregue para as regas e os lavados de rodas terá a mellor calidade posible.
-Plan de xestión de aceites usados. Medidas para evitar verteduras e contaminacións.
-Estudo da intervención sobre a vexetación para a apertura de accesos e vías. Minimizarase ao máximo posible a corta de árbores. Criterios de manexo da vexetación. Retirada de vexetación mediante roza.
-Asistencia técnica ambiental e arqueolóxica na fase de replanteo.
-Cando se produzan achados de restos históricos de calquera tipo, interromperanse as obras e comunicaraselle ao director de obra, non debendo reiniciar a obra sen autorización previa.
-Restauración das superficies afectadas.
-Evitar sempre a afección directa a leitos fluviais, prestando especial atención ás obras que se desenvolvan cerca destes.
-Cumprimento das medidas de protección do solo para evitar erosións e contaminación das augas.
-Xestionar adecuadamente os residuos sólidos e perigosos e as augas residuais.
-Preservación da vexetación de ribeira.
-Non se acumulará terra nin refugallos de obra nin calquera outro tipo de materiais nas zonas de servidume dos cursos fluviais, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorregamentos, chuvias ou crecidas do caudal.
-Evitarase a fabricación de formigón na propia obra, co obxecto de diminuír o risco de contaminación das aguas. Así mesno, evitaranse verteduras derivadas da súa utilización.
-Non se extraerá auga dos regatos para as obras ou abastecemento.
-Calquera alteración ou afección nas zonas de servidume dos cursos de auga precisará da autorización do organismo de bacía competente.
-Xestión de sobrantes de terras.
-Mantemento dos acopios de terra vexetal destinados á restauración.
-Minimizarase o movemento de terras ao máximo.
-As dimensións das plataformas de montaxe, vías e foxos non sobrepasarán as mínimas requiridas.
-Achega gradual da auga procedente das drenaxes transversais cara á rede hídrica, empregando trampas de sedimentos que se limparán con asiduidade, principalmente durante a fase de obras.
-En noiros con pendente acusada empregaranse mallas antiescorregamento.
-As tarefas de mantemento da maquinaria móbil durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria, seleccionaranse zonas para a realización destas tarefas, afastadas do cursos de auga e protexendo o solo con materiais impermeables.
-As augas residuais xeradas no edificio de control levaranse a unha fosa séptica que precisará, se é o caso, da autorización do organismo de bacía.
-Medidas anticolisión de avifauna e quirópteros. Seguimento de colisións.
-Reposición e/ou indemnización de danos, tanto na fase de obras como na de funcionamento.
-Calendario de obras acorde coas medidas protectoras e correctoras propostas.
-Balizamento previo dos elementos que hai que protexer.
-Posta a terra de aeroxeradores e subestación para evitar a corrosión.
-Programa de vixilancia ambiental (ruídos, drenaxes, avifauna, revexetación...).
As medidas relativas á protección dos elementos do patrimonio cultural recóllense no documento titulado Avaliación de impacto arqueolóxico do parque eólico do Vieiro, Ourense. Memoria, que figura como separata ao estudo de impacto ambiental.
No documento P.E. O Vieiro. Xustificación do trazado proxectado entre aeroxeradores 15 e 16. Marzo 2006, expóñense as medidas previstas para preservar o máximo posible as formacións de breixeira húmida atlántica existentes na área pola que discorrería o acceso aos aeroxeradores 15 e 16, que consisten basicamente en elevar a cota da vía na medida do posible e aumentar o número de dispositivos de drenaxe para garantir o mantemento do actual réxime hídrico da zona.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL