Resolución do 6 de setembro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de Parque Eólico Xiabre, nos concellos de Caldas de Reis, Catoria e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), promovido pola empresa Energía de Galicia, S.A. (Engasa).

Diario Oficial de Galicia, 11-10-2004, Núm. 198, Páx. 13917
Resolución do 6 de setembro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de Parque Eólico Xiabre, nos concellos de Caldas de Reis, Catoria e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), promovido pola empresa Energía de Galicia, S.A. (Engasa). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 19 de xullo de 2004 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental do parque eólico Xiabre, nos concellos de Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), promovido pola empresa Energía de Galicia, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2004. Ramón Ordás Badía Director xeral de Industria, Enerxía e Minas Declaración de impacto ambiental. Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. 1. Ámbito da declaración. A presente declaración refírese en exclusiva ao proxecto do parque eólico Xiabre, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 21 MW de potencia total (aínda que estará limitado a 20 MW por Resolución do 3 de marzo de 2003 da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 13 de novembro de 2002) nos concellos de Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), constituído por 14 aeroxeradores NEG-MICON 72C/1500 de 1.500 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM: Vértice X             Vértice Y 525.712,4        4.719.142 525.260,4        4.718.842 524.352,4        4.720.219 523.524,4        4.720.558 523.736,4        4.721.000 524.742,4        4.720.588 526.166,4        4.721.670 526.372,4        4.721.242 525.012,4        4.720.204 A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano Estructruas do proxecto. Lámina 3. Xullo 2003, do estudo de impacto ambiental. As coordenadas UTM dos 14 aeroxeradores previstos son as seguintes: Aeroxerador        UTM X            UTM Y 1                     523.780         4.720.670 2                     524.040         4.720.660 3                     524.200         4.720.500 4                     524.390         4.720.420 5                     524.620         4.720.350 6                     525.510         4.719.040 7                     524.984         4.720.434 8                     525.380         4.720.760 9                     525.787         4.721.072 10                   526.210         4.721.370 11                   524.950         4.719.890 12                   525.150         4.719.610 13                   525.310         4.719.390 14                   525.400         4.719.210 2. Condicións xerais. 2.1. Protección da atmosfera. Os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. 2.2. Protección das augas e leitos fluviais. Realizarase un control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe e de disipación de enerxía previstos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, co obxecto de comprobar se se producen fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos nestes puntos. De producirse estes, adoptaranse as medidas correctoras previstas no estudo ambiental. Non estando previsto na documentación avaliada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións. 2.3. Protección do solo. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estas se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada, tendo que restauralos ao finalizar a obra. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase as vías e zonas acondicionadas para o efecto. Para a localización da zona de instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e apartado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica. No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras. 2.4. Protección da fauna e vexetación. 2.4.1. Sobre a fauna. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental. Nos pasos canadenses que se instalen para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poden consistir, entre outras, nunha rampla de subida ou un foxo con laterais abertos. 2.4.2. Sobre a vexetación. Previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme ao disposto no Regulamento de montes. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo. 2.5. Sobre o Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicáraselle inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificándolle o seu nomeamento ao órgano substantivo. 3. Condicións específicas. 3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural. Levaranse a cabo as medidas correctoras recollidas no Estudo de Impacto Arqueolóxico. Informe Final, aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de planeamento, execución de obra e restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico, así como a sinalización e balizamento con material non perecedoiro dos bens do patrimonio cultural recollidos no antedito documento. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso desta, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión. Consonte aos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de planeamento se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. 3.2. Sobre a integración paisaxística. 1. Co fin de dotar dun novo valor cultural o parque, levarase a cabo a proposta de pintado artístico das torres dos aeroxeradores recollida no documento anexo ao estudo de impacto ambiental do Parque Eólico Monte Xiabre. Análises do pintado artístico das torres dos aeroxeradores. 2. En relación co plan de restauración presentado, teranse en conta as seguintes consideracións: - Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse paralelamente ao avance da obra, conforme as distintas superficies a restaurar acaden o seu estado definitivo, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr unha meirande integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio. - Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada. - Non se considera axeitada a tipoloxía de revexetación denominada 2a, que presenta a plantación de especies arbóreas (piñeiro e eucalipto) nas gabias de cableado, subestación e contorno dos aeroxeradores, cun marco de plantación de 32x32 m, que excede con moito a superficie alterada polas ditas obras e confire una carácter lineal á restauración, non acorde co contorno. Así mesmo, nas plataformas dos aeroxeradores non é correcto plantar especies arbóreas por motivos técnicos e de mantemento (non poderían acceder os guindastres ante unha eventual reparación do aeroxerador). - Estímase suficiente empregar a tipoloxía de revexetación 1 (que xa inclúe especies arbustivas na mestura de sementes), que se aplicará en todas as superficies alteradas polas obras (marxes das vías, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais e de instalacións de obra...). Á vista do anterior, non se ve xustificado restrinxir a restauración ao 20% da superficie alterada como se propón no plan de restauración. Así mesmo, hai que sinalar que na restauración das marxes das vías con perfil 1V:2H considérase factible e necesario o emprego de terra vexetal co obxecto de garantir unha adecuada revexetación destas zonas. 3.3. Fase previa ao inicio das obras. 1. Levaranse a cabo os traballos previstos na campaña preoperacional do plan de seguimento de avifauna, de acordo co sinalado no estudo ambiental, incorporando os seus resultados ao primeiro informe de seguimento de avifauna durante a fase de obras. 2. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, o 1% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de 187.545,88 euros. A dita proposta poderá ser revisada se o promotor presenta un orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociados á fase de obras, que teña en conta as cuestións sinaladas no punto 3.2.2 desta DIA. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo iso no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996. 3.4. Fase de obras. 1. Á vista das conclusións do estudo acústico incluído no estudo ambiental, e tendo en conta que o núcleo de poboación máis próximo aos aeroxeradores atópase a unha distancia duns 1.200 m, non se estima necesario levar a cabo un plan de seguimento do nivel de ruído durante a fase de construción do parque. 2. Á vista da información achegada no estudo ambiental, non se estima necesario levar a cabo o seguimento da calidade das augas proposto, sen prexuízo da necesidade de controlar o funcionamento dos sistemas de drenaxe e as condicións de incorporación das augas á rede natural, tal e como se establece no punto 2.2 da DIA. 3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.5 desta DIA o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo: a) Cronograma de obras actualizado, con toda as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización. b) Resultados do plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, incluíndo no primeiro dos informes os resultados da campaña preoperacional, tal e como se sinala no punto 3.3.1 da DIA. c) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos contemplados nela. d) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade. 3.5. Ao final da fase de obras. 1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo: a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos contemplados no estudo ambiental e no condicionado da declaración. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, gabias e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras. 3.6. Fase de funcionamento. 1. O plan de seguimento do nivel de ruído proposto no estudo ambiental poderá restrinxirse ao punto de control situado no Condado, así como á obtención dos niveis sonoros a distancias de 0, 50, 100 e 200 m do aeroxerador nº 1, o máis próximo ao dito punto, co obxecto de verificar as predicións do estudo acústico e obter datos de campo do nivel de ruído xerado polo modelo de aeroxerador a instalar no parque. 2. En consonancia co sinalado no punto 3.4.2 da DIA, non se estima necesario levar a cabo o seguimento da calidade das augas proposto, sen prexuízo de controlar o correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe, estado dos disipadores de enerxía e condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural. 3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un informe de seguimento ambiental, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes. Terase en conta que á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben por proposta motivada do promotor, poderase modificar o contido dos sucesivos informes ou a frecuencia dos controis e informes a realizar. O dito informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido: a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, tendo en conta o sinalado no punto 3.6.1, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición. b) Resultados do plan de seguimento de avifauna. c) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se describan os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, gabias, plataformas de montaxe, gabias do cableado, control de drenaxes e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto (indicando datas das visitas), así como a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. 3.7. Fase previa ao abandono. No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un documento técnico onde se describan todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, contemplando, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e subestación, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando a esta documentación presentarase o cronograma estimado das ditas actuacións. 3.8. Fase de abandono. Ao longo da fase de abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior. 3.9. Fase posterior ao abandono. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. ANEXO I - Resumo do proxecto O proxecto denominado Parque Eólico Xiabre, promovido pola empresa Energía de Galicia, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 14 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada nos concellos de Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración. As características básicas do proxecto presentado son as seguintes: * Número de aeroxeradores: 14. * Modelo: Neg-Micon 72C/1.500. * Potencia unitaria por aeroxerador: 1.500 kW. * Potencia total instalada: 21 MW. * Altura das torres: 78 m. * Diámetro do rotor: 72 m. * Investimento previsto: 18.754.588,62 euros. O proxecto inclúe así mesmo a construción dunha subestación transformadora 20/66 kV cun edificio de control anexo, que albergará a sala de control e a de celas eléctricas, un despacho e o vestiario con aseo, dotado de fosa séptica. O acabado do edificio será acorde co contorno, con revestimento de pedra e cuberta de tella. A obra civil inclúe a execución duns 2.910 m de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento doutros 8.370 m, cun largo de rodadura de 5 m e dotados de gabias e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Disporanse pasos canadenses cando sexa necesario. Así mesmo, prevese a execución duns 6.760 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación e edificio de control. Segundo o estudo ambiental, a vexetación na área de implantación do parque está composta maiori tariamente por matogueira de toxo, breixo e xesta, bosques mixtos de piñeiro e eucalipto e repoboacións recentes de piñeiros. ANEXO II - Resumo das medidas preventivas e correctoras contempladas na documentación avaliada. No epígrafe de medidas preventivas e correctoras do estudo ambiental inclúense basicamente as seguintes: * Previamente ao inicio da construción do parque procederase ao balizamento das zonas de afección. * Tanto na fase de construción como na de funcionamento, no caso de derramo de combustibles ou lubricantes, extraerase o terreo afectado e xestionarase adecuadamente. * Durante o funcionamento realizarase unha adecuada xestión de aceites e residuos da maquinaria, entregándose a xestor autorizado. * Retirada e conservación da terra vexetal. Descompactación do terreo para permitir a adecuada revexetación. * Respectaranse os leitos naturais susceptibles de ser afectados, garantíndose que se manteña o réxime de caudais e a velocidade do fluxo hídrico. * Non se acumulará nos leitos naturais nin nas zonas de servidume terra, entullos, material sobrante da construción ou calquera outro tipo de substancia contaminante que puidese incorporarse aos cursos de auga por escorrega ou enchentes do caudal. * Evitarase na medida do posible o arrastre de sólidos en supensión. * Prohibirase o lavado de utensilios e materias de obra nos ríos e regatos. * Vixilarase con especial atención os posibles procesos erosivos ocasionados polas drenaxes das vías, tomándose as medidas oportunas para solventar impactos non valorados con anterioridade. * Drenaxes transversais en vías, en puntos xa determinados, colocando elementos disipadores de enerxía á saída para evitar a erosión. * No caso de aparecer taxóns florísticos de especial interese, introduciranse desvíos puntuais en vías ou gabias de cableado para evitar a afección, e no caso de que non sexa posible procederase á retirada e traslado de exemplares, actuación que será supervisada por especialistas botánicos. * Emprego dos sobrantes e estériles na propia obra. Non se crearán entulleiras incontroladas, nin se abandonarán materiais de construción ou restos de escavacións nas proximidades das obras. No caso de existir sobrantes, levaranse fóra da zona ao vertedoiro autorizado. * A subestación construirase en pedra con cuberta de lousa, con características similares ás da zona. * O tratamento dos fustes dos aeroxeradores (pintado artístico) é obxecto dun anexo independente, que inclúe unha simulación infográfica do resultado final. * En relación coa protección da avifauna, o modelo de aeroxerador seleccionado reduce o número de máquinas que se van instalar. Así mesmo, teñen unha menor velocidade de xiro que os aeroxeradores máis pequenos. * A separación entre aeroxeradores é dun mínimo de 150 m, de xeito que non se limite o tránsito de avifauna entre eles. * O tendido eléctrico entre aeroxeradores será soterrado e a futura liña de evacuación disporá de elementos salvapaxaros. * Limitarase na medida do posible o acceso incontrolado de persoas ao parque. * Eliminaranse os cadáveres detectados co fin de evitar colisións de aves depredadoras. * Plan de restauración, desenvolvido nun anexo do estudo ambiental. * Mellora da zona recreativa situada ao sur do aeroxerador 1, con colocación de novas mesas e grellas. Limitación da posibilidade de incendios forestais, mediante limpeza e roza da vexetación. Plan de seguridade contra lumes forestais. * Medidas compensatorias para as poboacións cinexéticas, contemplando a construción de dúas balsas bebedoiro a media ladeira en zonas de escorrega natural. Outras medidas previstas en función dos resultados do plan de vixilancia nas fases de obra e funcionamento do parque son as seguintes: * Rega das superficies potencialmente produtoras de po (vías, amoreamentos temporais...). * Reducir a velocidade de circulación dos vehículos. * Vixilancia das operacións de carga-descarga e transporte de materiais. * Instalación de pantallas antivento nos casos de niveis moi elevados de po. * Os noiros e terrapléns terán unhas proporcións alto-largo de 1V:2,5H. * A pé de noiro e na parte superior dos terrapléns construiranse gabias para a evacuación de augas de chuvia, co fin de evitar erosión dos camiños e zonas adxacentes.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res06092004.pdf Galego
res06092004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles