Resolución do 5 de outubro de 2005 pola que se fai pública a declaración do impacto ambiental do proxecto de vertedura de augas residuais procedentes da planta regasificadora de gas natural licuado de Punta Promontorio, no concello de Mugardos (A Coruña), promovido por Regasificadora del Noroeste, S.A. (Reganosa). (Clave 0121/2005).

Diario Oficial de Galicia, 18-10-2005, Núm. 200, Páx. 16848
Resolución do 5 de outubro de 2005 pola que se fai pública a declaración do impacto ambiental do proxecto de vertedura de augas residuais procedentes da planta regasificadora de gas natural licuado de Punta Promontorio, no concello de Mugardos (A Coruña), promovido por Regasificadora del Noroeste, S.A. (Reganosa). (Clave 0121/2005). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de declaración do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 29 de xullo de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de vertedura de augas residuais procedentes da planta regasificadora de gas natural licuado de Punta Promontorio, no concello de Mugardos (A Coruña), promovido por Regasificadora del Noroeste, S.A. (Reganosa), que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2005. P.D. (Resolución 9-4-2003, DOG do 16 de abril) José Luis Romero Valeiras Director xeral do organismo autónomo Augas de Galicia Antecedentes Actualmente, a empresa Regasificadora del Noroeste, S.A. (Reganosa), está construíndo unha planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural no concello de Mugardos. En condicións normais de funcionamento proxectábase que a calor necesaria para a vaporización do gas natural licuado (GNL) fose acheghada por unha unidade combinada de electricidade e calor, podendo empregar como fonte de calor a auga de mar para o caso de funcionamento en condicións non habituais. Así, prevíase que os vaporizadores para empregar no funcionamento normal fosen dous de tipo SCV (vaporizadores de combustión somerxida) que conseguen a vaporización mediante a calor achegada polos gases de escape dunha turbina de coxeración, e un de reserva de tipo ORV (vaporizador de rack aberto), que emprega a calor cedida pola auga de mar. A capacidade unitaria de cada un destes vaporizadores de GNL estimábase en 160 t/h. Unha vez acadado o nivel de desenvolvemento da enxeñaría da planta, considerouse conveniente modificar o sistema de vaporización. A modificación proposta consiste en variar a distribución dos equipamentos empregados, aumentando a dous os vaporizadores ORV e reducindo a un os de tipo SCV. Esta modificación supón a eliminación da coxeración e a necesidade de obter unha nova autorización de vertedura de auga á ría. Á vista do anterior, e por solicitude da empresa Reganosa, o organismo autónomo Augas de Galicia (como órgano substantivo por razón da materia) iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de vertedura de augas residuais procedentes da planta regasificadora de gas natural licuado da empresa Reganosa en Punta Promontorio, no concello de Mugardos (A Coruña). Dentro do referido procedemento de autorización administrativa, o proxecto considerouse incluído no anexo II (grupo 9.k) da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, someténdose ao trámite de avaliación de impacto ambiental. Para a tramitación desta avaliación preséntase ante esta dirección xeral o estudo de impacto ambiental no que se inclúe, entre outra información, os seguintes documentos: - «Informe de dispersión de agua de mar procedente do sistema de vaporización de Reganosa e os seus posibles efectos sobre o medio mariño. Universidade de Santiago de Compostela (Estación de Bioloxía Mariña da Graña) e Universidade de Vigo (Laboratorio de Procesos de Separación Avanzada e Grupo de Oceanografía Física). Maio de 2004». - «Addenda ao Informe de dispersión de auga de mar procedente do sistema de vaporización de Reganosa e os seus posibles efectos sobre o medio mariño. Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo. Febreiro de 2005». O 20 de maio de 2005 (DOG nº 96), en cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990 e no Regulamento 1471/1989, someteuse a información pública mediante Anuncio do 6 de maio de 2005, do organismo autónomo Augas de Galicia, a documentación técnica e ambiental achegada polo peticionario para efectos de solicitude de autorización de vertedura. Posteriormente, o 15 xullo de 2005 recíbese na Consellería de Medio Ambiente o expediente ambiental do proxecto, remitido por Augas de Galicia, que contén, entre outros: - Certificado de información pública na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental acompañado de copia das alegacións presentadas por diversos particulares, así como por Adega-Trasancos; a Confraría de Pescadores San Telmo e a Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol; Ateneo Ferrolán; Plataforma de Veciños Cruceiro de Meha (Mugardos); Federación Roi Xordo de AAVV da zona urbana de Ferrol e a Asociación Cultural Fuco Buxán. - Solicitudes de informes e copias das respostas emitidas pola Dirección Xeral de Saúde Pública e a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. - Solicitudes de informes e reiteracións ás direccións xerais de Conservación da Natureza, Recursos Mariños, Patrimonio Cultural, Industria, Enerxía e Minas, así como ao Concello de Mugardos. O 19 de xullo de 2005 recíbese, remitido pola empresa promotora, a contestación ás alegacións presentadas. Así mesmo, recíbese copia do certificado de información pública no Concello de Mugardos. O 26 de xullo de 2005 recíbese na Consellería de Medio Ambiente, remitido por Augas de Galicia, o certificado de información pública nas súas dependencias indicando, así mesmo, a presentación dunha nova alegación fóra de prazo; e o 29 de xullo de 2005 recíbese o informe da Dirección Xeral de Recursos Mariños. Non tendo constancia das respostas ás solicitudes realizadas ás anteditas direccións xerais de Conservación da Natureza, Patrimonio Cultural, Industria, Enerxía e Minas, e ao Concello de Mugardos -tendo transcorrido o prazo legalmente establecido-, considérase cumprida a tramitación. Á vista do anterior, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 106/2004, do 27 de maio (e posterior corrección de erros), formula para os únicos efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de vertedura de augas residuais procedentes da planta regasificadora de gas natural licuado de Punta Promontorio, no concello de Mugardos (A Coruña), promovido pola empresa Reganosa, tendo en conta, no que procede, os informes recibidos, así como as alegacións de carácter ambiental presentadas. Declaración de impacto ambiental Visto que a modificación proposta, respecto á situación inicialmente proxectada, supón un aforro no consumo de gas natural de 72 MW térmicos (e polo tanto nas emisións de contaminantes á atmosfera NOx, CO e CO), que se compensan cos 69 MW térmicos obtidos do intercambio de calor coa auga de mar aproveitando de forma indirecta a enerxía renovable do sol. E examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto presentado é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta DIA, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, de manifestarse calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os únicos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. 1. Ámbito da declaración. Esta declaración refírese á modificación da distribución dos equipamentos empregados para a vaporización do GNL, á captación de auga da ría e á vertedura que se vai producir como consecuencia da operación da futura planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural da empresa Reganosa. A localización do proxecto, dentro do concello de Mugardos (A Coruña), será a que se recolle no plano nº 0002 titulado «Plot plan. Planta de almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos (A Coruña)» incluído no estudo ambiental. 2. Condicións xerais. 1) Procurarase a contratación de servizos e/ou produtos tendo en conta a variable ambiental, conforme os criterios amosados na guía publicada pola Consellería de Medio Ambiente na Colección Técnica de Medio Ambiente, titulada Comprando verde. 2) Procurarase utilizar as mellores técnicas dispoñibles tendentes á minoración da produción de residuos, verteduras, emisións e, en xeral, calquera aspecto contaminante. 2.1. Sobre a protección da atmosfera. 1) Levaranse a cabo todas as medidas correctoras necesarias, tanto na fase de obras como na de explotación, para minimizar a afección sonora e garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, no caso de que dispoña delas, nas ordenanzas municipais do Concello de Mugardos. 2) Minimizaranse as emisións de po e gases á atmosfera para o que, durante a fase de obras, se procederá a humectar as zonas de obra e vías, e a lavar as rodas dos camións de transporte de materiais (tanto á saída da zona de obra como no lugar de procedencia dos materiais) cando se dean condicións de seca e/ou fortes ventos, evitando en todo momento os asolagamentos e escorrementos. Así mesmo, cando estes camións transporten calquera material susceptible de ser posto en suspensión, deberán ir cubertos con lonas ou similar. 3) A maquinaria de obra cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispoñer de documentación acreditativa ao respecto. Neste sentido, levarase a cabo o correcto mantemento da maquinaria de obra para asegurar o cumprimento dos niveis de emisións de gases. 2.2. Sobre a protección das augas. 1) Non estando definida no estudo presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón ou agregados, no caso de que estes sexan necesarios, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións. 2) Extremaranse as precaucións na execución das obras co obxecto de non afectar o medio mariño, non depositando residuos ou produtos sólidos en zonas onde os escorrementos produzan arrastres de materiais, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. 3) As augas residuais que se poidan xerar nas casetas de obra deberán ser conducidas ata un sistema que garanta o seu axeitado tratamento, que deberá ser mantido periodicamente para asegurar o seu correcto funcionamento, entregando os residuos xerados a un xestor autorizado. 4) Todas aquelas operacións de obra que requiran o manexo de formigón e cementos, así como as operacións de escavacións, deberán realizarse en condicións de estanquidade, é dicir, illando a zona de traballo das augas, impedindo así o aumento de sólidos en suspensión e/ou materiais contaminantes. Así mesmo, prohíbese verter no ámbito mariño formigón ou cemento, aceites usados, graxas, ou calquera outro material, así como lavar nas súas augas materias, cubas ou ferramentas que estivesen en contacto con eles. 5) Os labores de mantemento e reparación de maquinaria realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de contaminación por derramamentos accidentais. Se isto non fose posible, dotaranse as zonas establecidas para a realización destas actividades dun sistema de recollida, condución e sedimentación da auga procedente da zona de obra, evitando que se produzan verteduras destas augas cara á ría e/ou ás augas continentais e protexerase o solo con materiais impermeables. 2.3. Sobre a xestión dos residuos. 1) Todos os residuos que se xeren como consecuencia da implementación do proxecto deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. 2) Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza. 3) Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos da obra. 4) Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos, sexan reciclados co fin de utilizalos na obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado. 2.4. Sobre a protección do solo. 1) Na realización das conducións de toma e saída das augas reducirase ao estritamente necesario a remoción de solo. 2) En caso de necesidade de toma de materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para a súa toma evitándose, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso, deberá atenderse á normativa vixente ao respecto. 3) No caso de que se xeren materiais sobrantes, seleccionaranse as zonas de depósito destes utilizando criterios ecolóxicos e tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. 4) Procurarase usar como vías auxiliares á obra as infraestruturas existentes, establecendo medidas encamiñadas ao mantemento destas. 5) Unha vez rematadas as obras, procederase á limpeza total das superficies afectadas por elas, así como á súa restauración, especialmente das zonas ocupadas por instalacións temporais. 2.5. Sobre a protección de infraestruturas ou instalacións preexistentes. 1) No caso de deterioración de calquera infraestrutura, instalación ou servizo preexistente, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras. 2.6. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental. A seguir establécense as condicións que de xeito xeral se deberán seguir na elaboración e execución do programa de vixilancia e seguimento ambiental. As condicións específicas que se deberán impoñer ao dito plan detállanse de xeito específico no punto 3.1.7) desta declaración: 1) O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. 2) Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que: - As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas; polo tanto, faranse naqueles momentos nos que poida existir una afección sobre os aspectos que se van controlar. - A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán ir acompañadas de informe asinado polo técnico competente. - Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste. 3) No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. De poñerse de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. 3) Condicións específicas. 3.1. Previamente ao inicio das obras. 1) Nesta fase o promotor deberá constituír un aval de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Esta dirección xeral propón como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade derivada da elaboración dun orzamento do custo que supón o cumprimento das medidas protectoras e correctoras incluídas na documentación avaliada así como as que deriven do cumprimento desta DIA. 2) Seleccionarase a zona en que se van localizar as instalacións de obra aproveitando, de ser posible, as instalacións executadas para a construción da planta regasificadora. 3) Seleccionarase o tipo e disposición de barreira antiturbidez que deberán empregar na execución das obras do sistema de captación e de vertedura, de xeito que se impida ou minimice a dispersión da fracción fina orixinada durante esta fase. 4) Dado que na descarga das verteduras á ría se poden producir fenómenos erosivos no leito (arrastres de materiais, resuspensión de finos, cambios na granulometría dos sedimentos...), definiranse sistemas de disipación de enerxía que eviten este fenómeno. 5) Definirase un calendario de obras que teña en conta os recursos marisqueiros e pesqueiros existentes na zona, tratando de evitar que as obras coincidan con períodos de desova, emerxencia de xuvenís e/ou recolección destas especies. 6) O foco emisor (cheminea do sistema SCV) responderá aos requirimentos de deseño, medicións e tomas de mostras establecidos regulamentariamente. 7) Definirase o programa de vixilancia e seguimento ambiental, que se baseará nas liñas xerais expostas no estudo ambiental, adaptándoo aos condicionantes xurdidos desta declaración e que inclúa, como mínimo: a) Campañas preoperacionais referentes aos indicadores ambientais obxecto de seguimento, que permitan coñecer a situación actual de partida no ámbito de actuación e área de influencia das actuacións proxectadas. O resultado destas campañas incorporarase nos sucesivos informes de seguimento ambiental co obxecto de poder establecer comparativas. b) Un plan de seguimento específico para o control da calidade das augas (do efluente e do medio receptor incluíndo as áreas onde se atopan os dous bancos marisqueiros e a praia de Bestarruza), dos sedimentos, da fauna bentónica e dos recursos marisqueiros, tanto para a fase de obra como para a de funcionamento. Este plan deberá: 1. Verificar as previsións indicadas no estudo ambiental relativas á inocuidade da vertedura. 2. Adaptarase ao estipulado na Orde do 13 de xullo de 1993 (instrución para o proxecto de conducións de verteduras desde terra). 3. Permitir coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos de calidade indicados na Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas; no Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, sobre a calidade das augas para a produción de moluscos e outros invertebrados mariños, modificado polo Decreto 571/1999, do 9 de abril, así como da restante lexislación vixente de aplicación ao respecto. 4. Coñecer o grao de cumprimento dos límites que estableza o organismo autónomo Augas de Galicia na súa autorización de vertedura, así como do indicado pola Dirección Xeral de Recursos Mariños. 5. Ademais do anterior, incluiranse especificamente o control: - Da temperatura en vertical con periodicidade mensual; este seguimento deberá facerse a tres profundidades (superficie, media e fondo) nun transecto que comprenderá puntos de mostraxe suficientes para poder comprobar a dirección que vai levar a auga de vertedura. - Da transformación da granulometría dos fondos, de ser o caso, para establecer os cambios que se produzan na composición, e estimar ata onde alcanza a influencia da corrente xerada e a gradual sucesión da transformación a medida que esta corrente perde enerxía. - Tendo en conta que as instalacións obxecto desta declaración forman parte do complexo da planta regasificadora, o nivel de ruído controlarase mediante a realización do plan de seguimento establecido para o conxunto da regasificadora. c) Un plan específico de mantemento e control que garanta que, no caso de pór en funcionamento o sistema de vaporización de tipo SCV, as emisións procedentes da combustión do gas natural cumpren co estipulado regulamentariamente. 3.2. Durante as obras. 1) Prestarase especial atención a non afectar o medio mariño, levando a cabo un control topográfico dos límites da zona de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que se deberán manter en perfecto estado durante o transcurso das obras, e será retirado cando estas finalicen. 2) No caso de que se xere material de dragado, utilizaranse criterios ecolóxicos para a elección do seu destino final. Así, realizaranse os oportunos estudos e/ou análises para valorar os seus efectos sobre o medio, escollendo para o seu depósito aquelas zonas nas que non se poñan en perigo valores ambientais. No caso de utilizar este material para a rexeneración de praias, será naquelas que dispoñan dunha area coa granulometría e calidade acordes coa do material obtido na dragaxe. En todo caso, deberase contar cos permisos e/ou autorizacións establecidas na lexislación vixente, tanto para realizar as dragaxes como para realizar o depósito dos materiais extraídos. 3) O sistema de captación de auga de mar dotarase dun sistema de filtración para evitar na medida do posible a aspiración de organismos acuáticos, microorganismos larvarios susceptibles de desenvolverse no interior das conducións e materias en suspensión que poidan danar a instalación. 4) Estudarase a posibilidade de reutilizar a auga xerada no sistema de vaporización tipo SCV en labores de limpeza da planta, minimizando deste xeito o consumo desta. 5) O sistema de vertedura proposto deberá dotarse de arquetas que permitan a toma de mostras de cada un dos efluentes producidos (proceso, pluviais e sanitarias). 6) Levarase a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental para esta fase, elaborando informes que trimestralmente se presentarán perante o órgano substantivo (os resultados do plan de vixilancia ambiental descrito no punto 3.1.7).b) deberán ser presentados tamén perante a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos). Estes informes incluirán os resultados das campañas preoperacionais. 3.3. Durante a fase de explotación. 1) Levarase a cabo un exhaustivo control dos sistemas proxectados, efectuando os necesarios mantementos periódicos, verificando así o seu correcto funcionamento co obxecto de evitar calquera episodio de contaminación. Neste sentido preveranse todas as medidas necesarias que se aplicarán en caso de hipotéticos accidentes, en función dos riscos previsibles, que puidesen supoñer unha afección ao medio. 2) Levarase a cabo a vixilancia estrutural da condución de vertedura segundo o estipulado no artigo 7.2º da Orde do 13 de xullo de 1993 (instrución para o proxecto de conducións de verteduras desde terra). 3) Minimizarase a utilización de produtos de limpeza e antifouling que poidan provocar efectos adversos no medio e así, segundo o proxectado, as canalizacións do sistema de captación de auga de mar terán un sistema de electrocloración para evitar fenómenos de biofouling (que consistirá nunha reacción electrocatalítica dun pequeno volume de auga de mar para xerar hipoclorito de sodio que se reinxecta de xeito controlado aos equipos susceptibles de ser atacados polo antedito fenómeno). Para eliminar o posible efecto que a descarga de trazas de cloro libre pode producir no punto de vertedura, proxéctase colocar un medidor de cloro libre en continuo das augas de proceso, engadíndolles bisulfito sódico para conseguir a súa decloración antes de ser vertidas á ría. Co mesmo fin, control da vertedura de cloro libre, deberase engadir ás medicións previstas a medición en continuo do posible cloro residual previamente á vertedura final e logo da adición do bisulfito sódico. Non obstante o anterior, de considerarse necesaria a utilización doutros produtos de limpeza e antifouling, usaranse aqueles debidamente autorizados segundo a lexislación vixente, de menor toxicidade e persistencia no medio. 4) Instalarase un analizador de hidrocarburos á saída das augas pluviais do separador de placas. Se o valor medido de hidrocarburos supera o valor de 10 ppm, recircularase o efluente ao sistema de tratamento. 5) Co fin de comprobar que as augas que se van descargar á ría non superan o salto térmico previsto de -6ºC, deberá medirse en continuo a temperatura do efluente do proceso antes da súa mestura co resto de caudais que se van verter. 6) Os lodos obtidos tanto no tratamento das augas sanitarias como das augas pluviais potencialmente contaminadas deberán entregarse a xestor autorizado para a súa correcta xestión. 7) Levarase a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental para esta fase, elaborando informes que trimestralmente se presentarán perante o órgano substantivo (os resultados do plan de vixilancia ambiental descrito no punto 3.1.7).b) deberán ser presentados tamén perante a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para coñecer o efecto da vertedura sobre as autorizacións marisqueiras, tendo en conta que, de observarse alteracións nelas como atrasos no crecemento, variacións nas pautas de recrutamento..., se deberán buscar puntos alternativos de vertedura con menor impacto sobre as especies explotadas). Estes informes incluirán os resultados das campañas preoperacionais. Á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben por proposta motivada do promotor, poderase modificar o contido dos sucesivos informes ou a frecuencia dos controis e informes que se van realizar. 3.4. Durante a fase de abandono. 1) Na fase de abandono, unha vez finalizada a explotación das instalacións levaranse a cabo todas as accións necesarias para recuperar a zona ocupada polo proxecto conforme un plan no que se describan todas as actuacións necesarias previstas para desmantelar as instalacións e recuperar a situación preoperacional prevendo, con carácter xeral, o desmantelamento e a retirada de calquera tipo de elemento susceptible de provocar contaminación así como dos materiais usados na explotación; todos estes elementos serán entregados a un xestor autorizado para a súa correcta eliminación así como a restitución dos terreos e servizos afectados polo desmantelamento. Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2005. Asdo. José Manuel Álvarez-Campana Gallo, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I: Resumo do proxecto Como consecuencia da modificación da distribución dos equipamentos empregados para a vaporización do GNL na futura planta de regasificación no concello de Mugardos (A Coruña), Reganosa ten presentada unha solicitude de autorización de vertedura. Para obter a dita autorización, a empresa ten presentado un proxecto no que se fai referencia ás diferentes liñas de efluentes: - Augas industriais: en condicións normais de operación, a regasificación do gas natural licuado levarase a cabo empregando intercambiadores de calor tipo ORV (Open Rack Vaporizer), utilizando auga de mar como fonte de calor e xerando unha vertedura de auga de mar que se verterá á ría cun salto térmico de -6ºC respecto das condicións de captación. En puntas de demanda (o que se prevé nunha operación menor do 15% do tempo total de funcionamento anual da planta), a calor será achegada pola auga quentada polos queimadores do SCV. Neste caso, o caudal que se vai verter será de 4,8 m/h, realizándose a medición en continuo do pH, engadíndose bicarbonato sódico para adecuación aos valores establecidos na lexislación vixente. - Augas pluviais potencialmente contaminadas: a auga de choiva caída nas superficies definidas como potencialmente contaminadas (vias e zonas con posibles derramas de gasóleo ou aceites lubricantes) serán recollidas e transportadas, mediante unha rede de colectores, a unha balsa de regulación de 500 m de capacidade e, desde alí, ao separador de placas ou decantador lamelar. A auga clarificada abandonará o separador a través dunha válvula de flotador dirixíndose, xunto co resto de pluviais non contaminados, ao sistema de descarga á ría, mentres que o aceite e hidrocarburo separado mediante o skimmer se enviarán por gravidade a un depósito de aceites que será baleirado por xestor autorizado. Neste sistema inclúense tamén as augas empregadas para a extinción de incendios en caso de emerxencia, estimándose un caudal de vertedura de 24.000 m/ano. - Augas pluviais non contaminadas: verteranse directamente á ría sen tratamento previo e estímanse en 27.400 m/ano. - Augas residuais domésticas: estimadas en 3.571 m/ano, serán tratadas nun sistema de depuración compacto consistente nunha estación de oxidación total con proceso biolóxico de lama activa de aireación prolongada e reixa de desbaste previo. A lama depositada no fondo do sistema é recirculada á cámara de aireación e, cando a concentración de lama é excesiva, extráese e entrégase a xestor autorizado. Finalmente, todas as augas residuais se recollen nun pozo de vertedura e desde alí realízase a súa vertedura por gravidade, a través de dúas tubaes similares ás empregadas na captación de auga de mar, cunha lonxitude aproximada duns 40,5 m desde a arqueta de descarga de augas da planta e diámetro de 2 m, que chegarán ata o límite de concesión outorgada a Reganosa, no dique da zona oeste, sendo as coordenadas UTM do punto de vertedura á ría de Ferrol: X=561.508; Y=4.812.547. O punto proposto para a captación de auga atópase separado uns 300 m do de vertedura na zona máis externa do dique, localizándose ambos dentro da concesión administativa para a execución e construción da planta de regasificación. O proxecto inclúe as instalacións de bombeo constituídas por tres bombas de aspiración, dúas en funcionamento e unha en reserva para o bombeo dun caudal (incluíndo o 10% de reserva) de 11.000 m/h de auga. Ademais, a planta estará dotada de dúas bombas de aspiración para o sistema contra incendios cunha capacidade unitaria de 1.560 m/h. Respecto do medio en que se localiza o proxecto, cabe sinalar que: - O medio mariño próximo á zona de proxecto, situada no concello de Mugardos (no interior da ría de Ferrol), destaca por ser receptor durante o verán do afloramento de sales nutrientes costeiros, o que orixina unha gran riqueza fitoplanctónica que é a base da súa produtividade potencial. - Os bancos marisqueiros máis próximos ao punto e vertedura son o de Santa Lucía, cunha extensión de 140.000 m, e o da Barca, cunha extensión de 160.000 m. - A única praia susceptible de ser considerada con respecto á vertedura é a praia de Bestarruza, aproximadamente a 2 km do punto de vertedura. Trátase dunha praia localizada nun contorno rural, con forma rectilínea, resgardada, cunha lonxitude de 500 m e unha ocupación estival media. Esta praia artificial é de recente creación e é unha zona de fondeadura de embarcacións. - A zona máis próxima á área do proxecto sometida a protección é o lugar de importancia comunitaria (LIC) Costa Ártabra, e o seu límite máis oriental dista 2 km do punto de vertedura da planta. ANEXO II: Resumo das medidas protectoras e correctoras Sobre as augas industriais. - As cantidades e salto térmico propostos son os mínimos posibles para acadar un rendemento axeitado dos vaporizadores ORV. - As tubaxes de captación incluirán un sistema de filtración que evite a aspiración de organismos acuáticos ou outros materiais que poden danar a instalación. - Un sistema de filtrado axeitado reterá tamén parte dos microorganismos larvarios susceptibles de desenvolverse máis tarde e dar lugar a biofouling no interior das tubaxes de captación, o que suporá tamén menos cantidade de hipoclorito no sistema de electrocloración. - Usarase a mínima cantidade posible de hipoclorito para o sistema de electrocloración que resulte eficaz. - As augas descargaranse á ría cun salto térmico de aproximadamente -6ºC, o que deberá ser comprobado antes da súa mestura co resto de caudais de auga que se van verter. - Instalarase un sistema para neutralizar os posibles ións de cloro que poidan saír do sistema e electrocloración cara ao mar (baseado nunha adición de bisulfito sódico). Sobre as augas pluviais. - Evitarase o contacto coa auga de choiva de calquera residuo non tratable polo sistema de depuración disposto. - Unha vez que pasen polo sistema de tratamento previsto, verteranse polo punto de descarga común das plantas á ría, pero deberá disporse unha arqueta para a toma de mostras deste efluente tras o seu tratamento e antes da mestura co resto dos efluentes. - En caso de incendio, a auga empregada do sistema DCI, que arrastrará sólidos, po químico e espuma, dirixirase tamén á rede de pluviais, deseñada xa para tales efectos, para ser clarificada antes da súa descarga á ría a través do punto común de vertedura da planta. - A planta disporá dun sistema de drenaxe capaz de captar a auga de choiva en practicamente calquera situación meteorolóxica e conducila ao sistema de decantación que se disporá para depurar tal efluente e vertelo á ría sen que supoña contaminación. Sobre as augas residuais domésticas. - As augas depuradas pola fosa séptica dirixiranse ao punto de vertedura da planta á ría, xunto coas pluviais e industriais. Non obstante, disporase dunha arqueta entre a saída da fosa séptica e o punto de mestura co resto de liñas para a toma de mostras e control de parámetros exixidos. - Disporase dunha fosa séptica para o tratamento das augas residuais domésticas, que será evacuada por xestor autorizado coa periodicidade que resulte eficiente para evitar a diminución do volume útil daquela. - A fosa limparase inmediatamente tras o cesamento da actividade ata o seu desmantelamento.
Data norma
Organismo
AUGAS DE GALICIA
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res05102005.pdf Galego
res05102005.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles