Resolución do 5 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no día 5 de decembro de 2003, relativa ao proxecto de trazado e construción das obras de desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida VRG-4.1, treito: autoestrada A-9-Sanxenxo (clave PO/00/089.1).

Diario Oficial de Galicia, 15-04-2004, Núm. 72, Páx. 5316
Resolución do 5 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no día 5 de decembro de 2003, relativa ao proxecto de trazado e construción das obras de desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida VRG-4.1, treito: autoestrada A-9-Sanxenxo (clave PO/00/089.1). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 5 de decembro de 2003, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de trazado e construción da obra de desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida VRG-4.1, treito: autoestrada A-9-Sanxenxo (clave PO/00/089.1). Santiago de Compostela, 5 de abril de 2004. Agustín Hernández Fernández de Rojas Director xeral de Obras Públicas Declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 5 de decembro de 2003, relativa ao proxecto de trazado e construción da obra de desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida VRG-4.1, treito: autoestrada A-9-Sanxenxo (clave PO/00/089.1), nos concellos de Barro, Meis, Ribadumia, Meaño e Sanxenxo (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. (Clave 2003/0286). A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece que os proxectos públicos ou privados consistentes na realización das obras, instalacións ou calquera outra actividade comprendida no seu anexo I deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental. O proxecto de trazado contempla as obras de desdobramento da vía rápida do Salnés, entre o enlace coa estrada autonómica C-531 e o enlace co núcleo de Sanxenxo, que discorre polos concellos de Barro, Meis, Ribadumia, Meaño e Sanxenxo. Dado que entre os proxectos contemplados no antedito anexo I se acha a construción de autoestradas e autovías, vías rápidas e estradas convencionais de novo trazado, procédese a formular a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia. Con data do 22 de maio de 2003 (DOG nº 98) publícase a Resolución do 16 de maio de 2003, da Subdirección Xeral de Estradas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental. Con data do 4 de novembro de 2003 recíbese o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, que contén os certificados de exposición ao público, copia das alegacións e os informes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Dirección Xeral de Saúde Pública, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, de Augas de Galicia, de Deputación Provincial de Pontevedra e dos concellos de Meis, Ribadumia, Meaño e Sanxenxo. Unha vez cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de trazado e construción da obra de desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida VRG-4.1, treito: autoestrada A-9-Sanxenxo (clave PO/00/089.1), nos concellos de Barro, Meis, Ribadumia, Meaño e Sanxenxo (Pontevedra), promovido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia. No anexo I inclúese un resumo do proxecto e as medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental (EIA). No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos dos distintos organismos consultados. O resultado destas consultas tívose en conta, no que procede, no condicionado desta DIA. O anexo lll inclúe un resumo das alegacións recibidas como resultado do trámite de información pública. O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Obras Públicas e o órgano ambiental a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se encontran os seguintes documentos presentados polo promotor: Proxecto de trazado e construción da obra de desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida VRG-4.1, treito: autoestrada A-9-Sanxenxo (clave PO/00/089.1), nos concellos de Barro, Meis, Ribadumia, Meaño e Sanxenxo (Pontevedra). Estudo de impacto ambiental do proxecto de trazado e construción da obra de desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida VRG-4.1, treito: autoestrada A-9-Sanxenxo (clave PO/00/089.1), nos concellos de Barro, Meis, Ribadumia, Meaño e Sanxenxo (Pontevedra). A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, alén das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de existir contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. A) Ámbito da declaración. Esta declaración refírese en exclusiva ás obras proxectadas no proxecto de trazado e construción da obra de desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida VRG-4.1, treito: autoestrada A-9-Sanxenxo, na configuración correspondente ao plano nº 2.1. Plano de conxunto. Planta recollido no estudo de impacto ambiental. B) Condicionado. 1. Protección da atmosfera. 1.1. Sobre as emisións de po e gases. 1.1.1. Os camións irán equipados con lonas ou toldos durante o transporte de materiais, segundo indica o artigo 14.2º do Regulamento xeral de circulación. 1.1.2. A maquinaria utilizada no proceso construtivo deberá cumprir coa normativa vixente en materia de emisións que lle resulte de aplicación. 1.2. Sobre a contaminación acústica. 1.2.1. Adoptaranse as medidas correctoras necesarias para garantir que os niveis de presión sonora orixinados na fase de obra e funcionamento non supoñan unha alteración substancial da presión sonora soportada actualmente no ámbito territorial da nova infraestrutura. Para iso, atenderase en todo caso, ao establecido na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica, e no Decreto 150/1999, Regulamento de protección contra a contaminación acústica. 1.2.2. En consecuencia, deberanse desenvolver os estudos de detalle necesarios para valorar a afección sonora prevista e propor as medidas correctoras axeitadas. O estudo de detalle deberá ser presentado ante o órgano ambiental de acordo co indicado no punto 9.1. 1.2.3. Así mesmo, elaborarase un plan de seguimento de ruídos, tanto para a fase de obra como para a de explotación, que se implementará no programa de seguimento e vixilancia ambiental solicitado no punto 9.9, onde se indicarán os puntos, metodoloxía e frecuencia das medicións, ben como a maquinaria en funcionamento e obras que se estean a realizar no momento das medicións. 2. Protección das augas e leitos fluviais. 2.1. Previamente a calquera afección do dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia, debéndose considerar nestas actuacións as normas sinaladas no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa. 2.2. Evitarase a deterioración, así como calquera influencia negativa sobre os hábitats fluviais, protexendo a vexetación de ribeira. Así, prohíbese a colocación dos piares dos viadutos dentro dos leitos e os estribos estarán afastados polo menos 5 m do leito. Presentarase detalle destas estruturas conforme se indica no punto 9.2 desta DIA. 2.3. Deberá restaurarse e/ou respectarse o paso do rego da Armenteira e a súa estación de captura, que se acha entre os p.k. 6+342 e 6+800. Presentarase estudo de detalle tal e como se indica no punto 9.3 desta DIA. 2.4. Procederase ao balizamento ou sinalización axeitada dos tramos da rede fluvial inscritos no ámbito de afección da infraestrutura, co obxecto de os preservar de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización deses espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puidesen supor a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes. 2.5. En fase de obra, disporanse sistemas que impidan ou controlen a chegada, a través de procesos de escorremento superficial, de materiais procedentes dos movementos de terras e escavacións ás augas continentais. Estes sistemas definiranse tal e como se require no punto 9.4 desta DIA. 2.6. As drenaxes transversais do sistema viario realizaranse de xeito que non se modifique o actual réxime hídrico da zona. A tal fin deberase presentar un estudo da localización de todos os dispositivos de drenaxe necesarios, tanto transversais como lonxitudinais, de acordo co requirido no punto 9.5 desta DIA. Elaborarase tamén un plan de seguimento da rede de drenaxe, tanto para a fase de obra como para a de explotación, que se implementará no programa de seguimento e vixilancia ambiental solicitado no punto 9.9. 2.7. Co obxecto de realizar o control da calidade das augas durante a fase de obras e a de explotación, realizarase unha proposta de seguimento que se implementará no programa de seguimento e vixilancia solicitado no punto 9.9. Con respecto aos puntos de toma de mostras, deberanse incluír os puntos de vertedura das balsas tipo desengraxador das instalacións auxiliares de produción indicadas no EIA, e dos sistemas de control dos procesos de escorremento ao leito co obxecto de controlar a calidade dos efluentes vertidos ao medio fluvial. 3. Protección dos solos. 3.1. Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas co fin de delimitar as distintas zonas de obra, mediante o seu balizamento, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras e ser retirado cando estas finalicen, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. 3.2. Na selección das zonas destinadas ás instalacións auxiliares, primará o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, evitando, en todo caso, a súa localización sobre ou na contorna de zonas vulnerables: dominio público hidráulico, bosques climácicos, núcleos de poboación e bens patrimoniais, de maneira que estas se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes. Fornecerase plano á escala axeitada, segundo se solicita no punto 9.6. 3.3. Non se realizará a apertura de novos accesos á obra, tal e como se indica no EIA, recorrendo á rede de camiños preexistentes. 3.4. Calquera material procedente de canteira que se precisar para o desenvolvemento das obras deberá proceder de canteiras autorizadas. 3.5. Previamente ás operacións de movemento de terras retirarase a camada de terra vexetal da zona, que será almacenada tal e como se indica no EIA para estendela posteriormente en todas as zonas previstas no proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico. A terra vexetal para recuperar será almacenada formando lombas de 2 m de altura suficientemente separadas para permitir os movementos da maquinaria entre elas. Realizaranse afondamentos na cara superior co fin de evitar arrastres, prohibíndose o paso de maquinaria sobre elas para evitar a compactación. No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado, realizaranse labores de mantemento consistentes en regas e remexeduras periódicas, fornecemento de fertilizantes minerais e sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con fornecemento de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica. 4. Xestión de residuos. 4.1. Todos os residuos que se xeraran como consecuencia da execución e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. 4.2. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramamentos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispondo os medios necesarios para a recolla de posibles verteduras. 4.3. Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a un xestor autorizado, situados na zona de instalacións de obra, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza. A localización dos contedores e bidóns para o almacenamento temporal dos residuos deberase reflectir no plano requirido no punto 9.6 da DIA. 4.4. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberá terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 5. Protección da fauna e vexetación. 5.1. Sobre a fauna. 5.1.1. Farase un estudo específico co obxecto de valorar as afeccións ou impactos da nova autovía sobre a fauna co obxecto complementario de valorar a posibilidade da creación de pasos de fauna específicos e realizar as propostas correspondentes. Neste estudo terase en conta a permeabilidade transversal que actualmente presenta a VRG-4.1. Este estudo deberá ser presentado ante o órgano ambiental de acordo co indicado no punto 9.7 e nel localizaranse os pasos de fauna necesarios para garantir a permeabilidade da obra neste senso. Estes pasos poderán ser específicos para a fauna ou ben poderán ser ampliacións e adecuacións de obras de drenaxe transversal. 5.1.2. As obras de drenaxe adaptadas como pasos de fauna deberán ser de tipo pórtico evitando os pasos tipo marco ou tubo, xa que estes xeran unha elevada velocidade e unha lámina de auga con cota moi baixa. Así mesmo, este tipo de pasos provoca unha maior afección ao leito do río. 5.1.3. En caso de que tecnicamente non sexa posible o anterior, deberanse xustificar as infraestruturas que se van instalar, garantindo que co seu deseño non se xeren no punto de paso láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade e que se reduza a lonxitude do paso o máximo posible. A totalidade do sistema de drenaxe debe ser considerado como paso bidireccional de fauna e, por tanto, desprovisto de estruturas de caída vertical que impidan o retorno. Así mesmo, o deseño de todos os elementos de drenaxe deberá prever que todas as especies que caian neles poidan saír. 5.1.4. Realizaranse plantacións nas bocas dos pasos para facilitar a súa integración no ambiente, crear un efecto pantalla e minimizar as reticencias da fauna para atravesalos. Do mesmo xeito, estas plantacións servirán de localizadores dos pasos durante a fase de explotación. 5.1.5. Para minimizar o risco de atropelos, a nova vía quedará perfectamente cerrada en todo o seu perímetro mediante un chousume de malla metálica tipo cinexético cunha altura non menor de 1,50 m, de xeito que imposibilite o paso de calquera especie. A luz de malla na parte máis próxima ao chan será o suficientemente pequena para impedir o paso de fauna de pequeno tamaño. A malla irá enterrada no terreo nunha profundidade suficiente para impedir o acceso de animais escavadores. 5.1.6. Colocaranse portelos de escape simples ou dobres nos puntos máis adecuados a tal fin, como poden ser zonas próximas a obras de drenaxe ou zonas onde a traza, despois de xerar desmontes ou terrapléns de importancia, aproxime a súa rasante co terreo. 5.1.7. Incorporarase ao programa de seguimento e vixilancia ambiental o seguimento da eficacia das estruturas de drenaxe transversal como puntos de paso para a fauna e, se procede segundo os resultados do estudo indicado no punto 9.7, dos pasos específicos para fauna cunha implementación que derive das conclusións do estudo que se realizará en atención ao estipulado anteriormente. 5.1.8. Tanto os labores de roza como a realización das voaduras realizarase fóra da época de cría. 5.1.9. Realizaranse as medidas compensatorias referentes á perda de hábitat do Coenagrium mercuriale, tal e como se describen no EIA. O control desta medidas incorporarase ao plan de vixilancia e seguimento ambiental requirido no punto 9.9 da DIA. 5.2. Sobre a vexetación. 5.2.1. Previamente á corta de arboreado, realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes e no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 11 de abril. A corta de vexetación limitarase á estritamente necesaria para a execución de obra. 5.2.2. En fase de implantación, procederase ao balizamento, ou á sinalización de todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental situadas no espazo afectado polo proxecto, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre elas. 5.2.3. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente con medios mecánicos. 6. Protección da paisaxe. 6.1. Redactarase un novo proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico no cal a dotación da semente na hidrosementeira deberá ser de 300 kg/ha. Así mesmo, deberán revexetarse as zonas de ribeira afectadas, ben como as bocas dos pasos de fauna proxectados. Naqueles noiros que teñan pendentes moi inclinadas realizarase unha hidrosementeira suave cunha dotación de sementes de 100-200 kg/ha reforzada cunha emenda calcario-magnesiana para favorecer a fixación dos fungos e liques. 6.2. Naquelas zonas afectadas polos movementos de terras, escavacións e, en xeral, sobre todas aquelas superficies que, a consecuencia da realización das obras, queden desprovistas de vexetación, procederase á aplicación dos procedementos de restauración e revexetación proxectados o antes posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso de seren necesarias, adoptaranse as correspondentes medidas correctoras adicionais para evitar a erosión, como pode ser estender mantas de fibras naturais. 6.3. Vixiarase a evolución da revexetación, procedendo á reposición das marras ou calvas que poidan aparecer nas sementeiras ou plantacións de árbores e arbustos. 6.4. Os acabamentos finais das actuacións deberanse realizar co deseño e materiais que integren as devanditas obras no ambiente. 7. Protección do patrimonio. 7.1. Deberase corrixir a memoria técnica da prospección arqueolóxica intensiva, presentando o informe que sobre ela emita a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural nestas dependencias tal e como se indica no punto 9.8, quedando esta DIA condicionada ao indicado no devandito informe. 7.2. A resolución de autorización que o órgano competente formule deberá quedar condicionada ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural indicado no punto anterior. 8. Protección dos servizos existentes. 8.1. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras cómpre cortar o paso dalgunha vía, deberanse indicar rutas alternativas que presten o mesmo servizo. 9. Documentación adicional. Previamente ao inicio do proceso construtivo, o promotor remitirá ao órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puidesen derivar, dous (2) exemplares da seguinte documentación: 9.1. Estudo de detalle para valorar a afección sonora prevista pola construción e funcionamento da nova infraestrutura e, se procede, proposta das medidas correctoras axeitadas. 9.2. Detalle da configuración e características dos viadutos de paso sobre a rede fluvial segundo se indica no punto 2.2, así como a preceptiva autorización do organismo de bacía correspondente. 9.3. Estudo de detalle da solución proposta para restaurar ou respectar o paso do rego da Armenteira e a súa estación de captura, segundo se indica no punto 2.3. 9.4. Definición dos sistemas destinados a previr a contaminación das augas a consecuencia dos procesos de escorremento superficial en fase de movementos de terras, e das balsas de decantación dos procesos de formigonaxe, segundo se indica no punto 2.5. 9.5. Detalle da configuración e características das obras de drenaxe transversal en atención ao sinalado nas condicións 2.6. 9.6. Plano a escala 1/5.000 onde se sinale a localización das instalacións auxiliares, localización de sobrantes ou zonas de almacenamento das obras segundo se prevexa. Irá acompañado dunha memoria onde consten os equipamentos destinados a previr a xeración de impactos adicionais de cada unha das instalacións previstas, así como unha definición suficiente das súas funcións. Inclúense aquí tanto instalacións auxiliares como lugares destinados á realización de amoreamentos e zonas de almacenamento de residuos. 9.7. Estudo específico co obxecto de valorar as afeccións ou impactos da nova autovía sobre a fauna segundo se indica no punto 5.1.1. 9.8. Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre memoria técnica da prospección arqueolóxica intensiva. 9.9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado no presentado no EIA e os controis derivados das condicións desta DIA. 9.10. Proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico baseado no presentado no EIA e conforme o sinalado nas condicións 3.5 e 6.1. 9.11. Notificación do responsable ambiental tal e como se require no punto 11.2 desta DIA. Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ao promotor o seu resultado, que non poderá proceder ao inicio das obras ata que conte co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. 10. Programa de seguimento e vixilancia ambiental. Redactarase un novo programa de seguimento e vixilancia ambiental para o seguimento e control dos impactos e da eficacia das medidas correctoras establecidas no estudo de impacto ambiental e nas condicións desta declaración, que se presentará segundo o indicado no punto 9.9. O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir as diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Todas as medicións e análises deberán ser realizadas por unha entidade homologada ou acreditada e os resultados deberán estar asinados por un técnico desa entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 11.2 desta DIA, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental. Nos casos en que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo propóndose as medidas correctoras precisas para as corrixir. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade Ambiental. Tendo en conta o anterior, o promotor deberá realizar o plan de vixilancia e seguimento ambiental aprobado, que se deberá plasmar nos seguintes informes: 10.1. Trimestralmente, durante a fase de obras. 10.1.1. Cronograma actualizado das obras. 10.1.2. Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental aprobado. Indicaranse, cando for o caso, as variacións producidas con respecto ao proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas que servirán de albo ambiental. 10.1.3. Representación nun plano, utilizando como base o plano nº 2.1. Plano de conxunto. Planta dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman. 10.2. Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do programa de vixilancia e seguimento ambiental que reflicta o cumprimento de todas as medidas correctoras previstas no estudo, así como as impostas na DIA e, en concreto: Informe en que se reflicta o estado da vía e dos traballos de restauración levados a cabo, indicando, se for o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras con respecto ao proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto 10.1. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. Estado da restauración, especialmente nas zonas de ribeira e onde se leven a cabo plantacións e sementeiras. 10.3. Seguimento ambiental anual, contando desde o inicio da explotación. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos: 10.3.1. Memoria resumo do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental aprobado, en que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. Incluirá unha reportaxe fotográfica onde se reflicta o estado de restauración da actuación, indicando a data e a hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano. 11. Condicións adicionais. 11.1. As condicións sinaladas nesta DIA son de obrigado cumprimento para o promotor. Non entanto, este poderá solicitar ao órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de as modificar ou cambiar por outras naqueles casos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas, permitan atinxir os obxectivos e metas que se fixan nesta declaración de impacto ambiental. Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, presentando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ao promotor, que non poderá comezar os traballos antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto. 11.2. Co obxecto de conseguir a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable disto, notificando o seu nomeamento ao órgano ambiental. 11.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberase elaborar tendo en conta a variable ambiental e, no caso de que poida producir efectos adversos significativos, deberá ser notificado previamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación e comunicará, tamén, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental. 11.4. Ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, o órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, só para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos que constan nesta DIA. 11.5. Se, unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de efecto severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata seren determinadas as causas que xeran os mencionados impactos e seren corrixidas. 11.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor das condicións impostas nesta DIA poderá ser causa suficiente para proceder a adoptar as medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente. 11.7. Deberanse efectuar os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia. Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2003. José Manuel Álvarez-Campana Gallo Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I Descrición do proxecto e medidas protectoras e correctoras 1. Obxecto do proxecto. O proxecto de trazado contempla as obras de desdobramento da vía rápida do Salnés, entre o enlace coa estrada autonómica C-531 e o enlace co núcleo de Sanxenxo, que discorre polos concellos de Barro, Meis, Ribadumia, Meaño e Sanxenxo. O obxecto do proxecto é reducir a conxestión existente na vía rápida do Salnés en épocas estivais, festivos e de fin de semana debido á existencia de importantes centros turísticos e de ocio na zona. Así mesmo, trátase dunha vía cunha elevada sinistrabilidade, debido ás boas características xeométricas da traza e da mencionada concentración de tráfico, sinistrabilidade que se reducirá co desdobramento previsto no proxecto. 2. Descrición do trazado. O trazado do desdobramento defínese de acordo coa obra existente no referente ao alzado e á coordinación planta-alzado. Debido ás características da obra do proxecto, o desdobramento producirase por unha ou outra marxe para minimizar a afección ás vivendas existentes. A lonxitude do tramo é de 17 km. 3. Características técnicas. A vía resultante do desdobramento tratarase dunha autovía A-80. Contémplanse carrís de 3,75 m de largo con beiravías exteriores de 2,5 m e interiores de 1 m, con calzadas separadas mediante mediana. 4. Resumo de medidas protectoras e correctoras. Humidificación sistemática de vías. Prohíbese a queima de residuos ou calquera tipo de material. Correcta sinalización durante as obras. Noiros proxectados con alturas non excesivas e suavizando as pendentes. Revexetaranse os noiros, para o que se reutilizará a terra vexetal que será acumulada en lombas. As instalacións auxiliares, tales como plantas de machuqueo, areas, formigonaxe e asfaltamento, se as houber, deberán contar cun sistema de xestión de residuos tóxicos e perigosos que incluirá un sistema de almacenaxe temporal. Este sistema de almacenaxe deberá contar coas adecuadas medidas de seguranza e capacidade. As instalacións auxiliares de produción contarán cun adecuado deseño das súas plataformas e contornos que permita a contención e canalización do escorremento de choiva, os seus arrastres e posibles verteduras. Para isto disporán dun foxo perimetral que conduza o efluente a unha balsa de recolla de efluentes de tipo desengraxador. O foxo e a balsa terán suficiente capacidade como para recoller o escorremento superficial da enxurrada de 25 anos. Prohíbese a realización de verteduras líquidas ou sólidas nos fondos de valgada, leitos de regatos e leitos de eixes hídricos. Se se producen verteduras ou derramamentos accidentais ou intencionados, aplicaranse as medidas disciplinarias que a dirección de obra coide oportunas, estando a empresa contratista obrigada á retirada inmediata dos materiais e á súa xestión. Garantirase a continuidade dos pasos de fauna existentes. Medida compensatoria encamiñada á conservación da Coenagrion mercuriale consistirá na adecuación de medios acuáticos e hidrófilos á presencia da especie. Para isto trataranse as ribeiras e implantarase vexetación característica procedente das zonas marxinais ou afectadas directamente polo trazado. Instalarase unha rede que garanta a permanencia dos adultos ata a posta dos ovos, que será colocada en maio-agosto. Posteriormente trasladaranse adultos da poboación afectada e controlarase a primeira xeración analizando o número de individuos que emerxan entre maio e setembro do ano seguinte. Evitaranse as voaduras entre febreiro e xullo. Establécense áreas prohibidas e áreas restrinxidas da actividade e instalación de obras, así como áreas prioritarias de extracción de materiais. Non se considera necesaria a apertura de novos camiños. A empresa contratista obterá a súa cualificación no Rexistro de Produtores de Residuos Tóxicos e Perigosos. As verteduras ou amoreamentos de sobrantes terán carácter de vertedoiros, quedando, por tanto, sometidos ás esixencias e prescricións destes. Recuperaranse as áreas afectadas polas instalacións auxiliares. ANEXO II Resultado da consultas efectuadas A Dirección Xeral de de Conservación da Natureza emite informe en que conclúe: A obra non afecta ningún espazo natural protexido. Deberase ter en conta o seguinte para minimizar as afeccións ao medio natural: Prever zonas de amoreamento e préstamos, localizando os vertedoiros de terras permanentes e temporais en zonas de mínima afección ecolóxica, paisaxística ou de pouco interese natural. Evitar depositar residuos ou productos sólidos en zonas onde os escorrementos de auga produzan arrastres a ríos ou regos. As augas cumprirán en todo momento o preceptuado no artigo 80 sobre a calidade mínima esixible ás augas continentais do Decreto 130/1997. Establecer a recolla, almacenamento, conservación e/ou xestión da terra vexetal afectada polas obras, utilizándose nas zonas degradadas. Humectación e/ou esparexemento de materiais pulverulentos. Evitar deterioración ou calquera tipo de influencia negativa nos hábitats fluviais, protexendo en todo momento a vexetación de ribeira. Os estribos dos viadutos colocaranse polo menos a 5 m a cada lado do leito, e os piares non se colocarán dentro del. Nos cursos fluviais evitarase a colocación de pasos marco ou tubos debido á escasa lámina de auga circulante por eles no verán, que dificulta os desprazamentos da fauna piscícola. Deberase restaurar e/ou respectar o paso do rego da Armenteira e a súa estación de captura (atópase entre os p.k. 6+342 e 6+800). Os detalles construtivos deberán informarse. Evitarase modificar os leitos ou zonas de escorremento para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo das obras. As superficies e tramos abandonados afectados polas obras ou aquelas zonas que se pretenda repoboar recuperaranse ou revexetaranse con especies autóctonas e locais da zona, debéndose levar a cabo o seguimento da súa evolución. Estabilización de noiros evitando procesos erosivos. Tomaranse as medidas necesarias para evitar derramamentos accidentais dos tanques de almacenamento de produtos tales como aceites, graxas e carburantes. Integración estética das obras. A corta da vexetación limitarase estritamente á necesaria para a execución da obra e consonte as autorizacións pertinentes. Delimitarase correctamente o terreo que ocuparán os labores do proxecto. Esta medida é de carácter imprescindible e preventivo. A roza dos labores propostos será fóra da época de cría, garantindo a protección e asegurando o éxito reprodutivo da fauna existente. Se durante a execución do proxecto se produce calquera afección ao medio natural, tomaranse inmediatamente medidas para reducir o dano ocasionado, comunicándoo previamente ao Servizo Provincial de Espazos Naturais e Biodiversidade. Calquera modificación do proxecto que teña algunha afección sobre o medio natural requirirá o seu informe correspondente. A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable sen detrimento das competencias doutros organismos. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe en que conclúe: Advirte que a memoria técnica da prospección arqueolóxica intensiva presenta numerosas deficiencias e non se fai unha correcta valoración do impacto que o trazado da referida obra produce sobre os elementos do patrimonio cultural, comunicándolle esta circunstancia ao arqueólogo director dos traballos. Non pode emitir informe mentres non se faga unha correcta valoración do impacto que a fase construtiva da referida estrada pode producir sobre os diferentes elementos do patrimonio cultural. Deberase contemplar ademais un programa de medidas protectoras e correctoras axeitado. Á vista do exposto, solicita que se tomen as medidas oportunas que garantan a protección do Patrimonio Cultural. Augas de Galicia emite informe en que conclúe: Deberase incluír na parte de lexislación a sectorial relativa ao dominio público hidráulico e ao Plan Hidrolóxico Galicia Costa. Non se fornece definición xeométrica dos pasos sobre leitos. Emite informe favorable sobre o estudo de impacto ambiental, lembrando a necesidade de solicitar as preceptivas autorizacións previas. A Demarcación de Estradas do Estado en Galicia emite informe en que indica que non se afecta a autoestrada A-9 e solicita o detalle da sinalización vertical para o seu informe. A Deputación Provincial de Pontevedra emite informe favorable, indicando os seguintes aspectos ambientais: Débese garantir a continuidade dos pasos de fauna existentes na vía actual. Débense evitar a afección a zonas de vexetación ripícola e zona de bosque autóctono, evitando a colocación nelas, das instalacións auxiliares. Será necesario realizar un seguimento do patrimonio cultural na zona desde o inicio das obras e que nalgún caso fará necesario o traslado dalgúns elementos. O Concello de Meis emite informe en que solicita a construción de accesos á vía rápida ao seu paso pola parroquia de San Salvador de Meis nos lugares do Marco (entrada) e O Redondelo (saída), aproveitando o trazado das pistas realizadas pola concentración parcelaria. O Concello de Ribadumia emite informe favorable. O Concello de Meaño emite informe en que indica que a traza afecta directamente tres vivendas situadas nos lugares da Igrexa, Outeiro e Vista Alegre, da parroquia de Covas, polo que considera que se debería revisar o trazado neste tramo por tratarse de vivendas unifamiliares habitadas. Tamén solicita que no trazado se teñan en conta os servizos municipais existentes afectados. O Concello de Sanxenxo emite informe en que indica que o Plan Xeral de Ordenación Municipal prevé a conexión do solo urbanizable nº 15, onde se construirá un parque empresarial, coa VRG-4.1, polo que no desdobramento da vía rápida debería preverse esta conexión. Así mesmo, solicita a inclusión no proxecto da execución da vía de conexión entre a vía rápida e a estrada comarcal 550 que discorra polo futuro parque empresarial. ANEXO III Resumo de alegacións José Varela García alega que é propietario dun predio urbano directamente afectado pola traza. Nel sitúase unha vivenda en que habita o seu fillo e a súa familia. Solicita a revisión do deseño da rotonda de dirección Barrantes-Cambados e A Armenteira de forma que se compatibilice coa vivenda, realizando tamén as medidas ambientais necesarias co fin de preservar a salubridade das obras que se van executar. María Carmen Maquieira Pérez alega que unha leira da súa propiedade se reflite no proxecto con outro propietario. Solicita que se corrixan estes datos. Elvira Moldes Serantes alega que unha leira da súa propiedade se reflite no proxecto con outro propietario, indicándose tamén o seu uso como piñeiral cando en realidade o cultivo único é de albariño. Solicita que se corrixan estes datos.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
RES05042004.pdf Galego
RES05042004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles