Diario Oficial de Galicia, 15-11-2005, Núm. 219, Páx. 18291
Resolución do 4 de outubro de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico de Casa, nos concellos de Guitiriz e Vilalba (Lugo), promovido por Enel Unión Fenosa Renovables, S.A.
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 1 de agosto de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico de Casa, nos concellos de Guitiriz e Vilalba (Lugo), promovido por Enel Unión Fenosa Renovables, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2005.
Anxo R. Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou a solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto do parque eólico de Casa, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 29,9 MW de potencia total nos concellos de Guitiriz e Vilalba (Lugo), constituído por 13 aeroxeradores Izar-Bonus de 2.300 kW de potencia nominal unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice X Vértice Y
597.000 4.790.000
599.000 4.790.000
601.000 4.787.000
599.000 4.783.000
A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle nos planos «Planta general. Escala 1:2.000», incluídos no «Anexo relativo á ampliación de documentación do EIA do P.E. Casa. Mayo 2005» (que xa incorporan o lixeiro desprazamento do aeroxerador A-2 respecto da posición que figura no estudo ambiental), agás para o que se derive do punto 2.6 desta DIA.
En relación coa liña de evacuación de enerxía, non se considera incluída no ámbito desta declaración dado que é obxecto de proxecto independente, tendo que ser autorizada e aprobada polo órgano substantivo, estando suxeita, se é o caso, á tramitación ambiental que lle sexa de aplicación.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección da atmosfera.
1. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies e demais medidas previstas no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar.
2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruces de viais, gabias de cableado...), así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización do organismo de conca competente, neste caso a Confederación Hidrográfica do Norte, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras.
3. A achega das augas das drenaxes transversais previstas cara á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía nas súas saídas, así como nos puntos onde a auga das gabias se incorpore ao terreo, co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, téndose que adoptar as medidas correctoras oportunas no caso de producirse os citados fenómenos. A frecuencia destes controis será mensual durante a execución das obras e semestral na fase de funcionamento, intensificando o seguimento despois de períodos de fortes chuvias.
4. Na execución de obras en zonas de elevada pendente empregaranse mallas antiescorrega ou calquera outra medida necesaria para evitar o arrastre de materiais ladeira abaixo.
5. As augas residuais que se xeren no edificio de control deberán ser conducidas ata unha fosa séptica ou calquera outro sistema que garanta o seu axeitado tratamento, debendo ser mantido periodicamente para garantir o seu correcto funcionamento.
2.3. Protección do solo.
1. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
2. Se se producise deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
3. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao finalizar a obra.
4. Para a localización da zona de instalacións temporais de obra (casetas de obra, parque de maquinaria, zonas de amoreamentos de materiais e almacenamento de residuos...), seleccionarase un emprazamento de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica.
2.4. Xestión de residuos.
1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
2. O almacenamento temporal de residuos ata a súa entrega a xestor autorizado poderá realizarse nunha zona acondicionada para tal fin, atendendo os criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a presenza destes residuos.
3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.
2.5. Protección da vexetación.
1. Previamente á corta de arboradura terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
2.6. Protección do patrimonio cultural.
1. No que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, haberá que aterse ao disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tanto no relativo á localización derradeira de infraestruturas e instalacións como ás medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias, as de control e seguimento arqueolóxico e calquera outra a adoptar ao longo das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución de terreos, en todo o ámbito do parque eólico.
Ante a necesidade de desprazar algunha infraestrutura do parque fóra da área de exclusión de 50 m do xacemento GA27022083 (As Modias), para a elección do novo trazado deberá terse en conta, para os efectos ambientais, a información do estudo de impacto ambiental e o seu anexo de impacto arqueolóxico, así como o condicionado establecido nesta DIA. Así mesmo, terase en conta que o novo trazado deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
2.7. Sobre a integración paisaxística.
1. Se na zona existisen afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.
2. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes das vías, contorno das obras de drenaxe e da subestación, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal.
Para tal fin, levarase a cabo o plan de restauración e revexetación incluído no estudo de impacto ambiental, tendo en conta as seguintes consideracións:
- Co fin de evitar fenómenos erosivos e acadar o máis pronto posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras, os labores de restauración realizaranse paralelamente ao avance das obras, conforme as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, sempre que as condicións climatolóxicas e a época do ano sexan apropiadas para a revexetación.
- De acordo co sinalado no «Anexo relativo á ampliación de documentación do EIA do P.E. Casa. Maio 2005», a proporción de arbustivas na mestura incrementarase ata o 50%, sendo a dose total de semente que se vai empregar de 30 gr/m (300 kg/ha).
- No caso de necesitar achegas externas de terra vexetal, estes deberán provir de amoreamentos ou zonas debidamente autorizadas. Se malia do anterior a cantidade de terra vexetal necesaria para a restauración resulta deficitaria, poderá substituírse por solos artificiais obtidos baixo autorización administrativa da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
- No caso de que como consecuencia da execución da rede viaria do parque quede algún camiño ou sendeiro morto que non vaia dar ningún servizo na fase de funcionamento, salvo xustificación en contra deberase reintegrar na paisaxe, revexetándoo en toda a súa extensión.
2.8. Sobre o Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas na documentación avaliada e no condicionado da Declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre infraestruturas existentes.
1. En relación co cambio de localización da caseta de vixilancia de incendios forestais e da base de helicópteros de Santa Cruz para permitir o emprazamento do aeroxerador A-8, haberá que aterse ao que dispoña o Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais da Consellería de Medio Ambiente, debendo consensuar coa dita unidade administrativa todo o relativo á localización e tipoloxía da caseta, así como o alcance das outras medidas compensatorias ás que se fai referencia no documento «Anexo relativo á ampliación de documentación do EIA do P.E. Casa. Maio 2005».
En todo caso, para a elección do novo lugar deberá terse en conta, para os efectos ambientais, a información do estudo de impacto ambiental e da restante documentación avaliada, así como o condicionado establecido nesta declaración.
3.2. Fase previa ao inicio das obras.
1. Tendo en conta o sinalado no punto 2.6 desta DIA, estudaranse trazados alternativos para as infraestruturas que sexa preciso desprazar fóra da área de exclusión de 50 m do xacemento GA27022083 (As Modias).
2. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio natural e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, o 1% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de 238.231 euros. A dita proposta poderá ser revisada se o promotor presenta un orzamento de execución por contrata (que inclúa xustificación de medicións, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais e orzamento total de execución material) dos labores de restauración asociadas á fase de obras e que estea adaptado á configuración final do parque resultante do sinalado nos puntos 2.6 e 3.2.1 da declaración.
Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo iso no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996.
3.3. Fase de obras.
1. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído, os puntos de control nos que se realizarán medicións durante esta fase serán os correspondentes aos núcleos de Vilasilvestre, Reboutas e Cruz dos Campos, os máis próximos aos aeroxeradores, nos que só será necesario efectuar unha medición cando se estean executando obras preto deles.
2. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.8 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído e do control do funcionamento da rede de drenaxe, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.3 e 3.3.1.
c) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuadas, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela.
d) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
3.4. Ao final da fase de obras.
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.8 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e o establecido nesta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos recollidos no estudo ambiental e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, foxos e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.
3.5. Fase de funcionamento.
1. En relación coa proposta de puntos de control do plan de seguimento do nivel de ruído, considérase conveniente realizar medicións nos núcleos de Vilasilvestre, Reboutas e Cruz dos Campos, os máis próximos aos aeroxeradores, así como no emprazamento do parque, co fin de caracterizar axeitadamente a posible influencia sonora dos aeroxeradores.
2. En relación co Plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, terase en conta que o radio a revisar baixo cada aeroxerador nas visitas para a busca de aves accidentadas por colisión será de 70-80 m, tendo en conta do tamaño do aeroxerador que se prevé instalar. Nas anteditas visitas anotaranse tamén as posibles colisións de morcegos, incluíndo estes resultados nos informes do Plan de vixilancia ambiental.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.8 desta DIA, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un informe de seguimento ambiental con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes. O dito informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido:
a) Resultados do Plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e tendo en conta o sinalado no punto 3.5.1. A frecuencia das medicións será mensual durante o primeiro semestre, podéndose logo variar en función dos resultados obtidos.
b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e do Plan de seguimento de avifauna (incluíndo posibles colisións de quirópteros) tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.3 e 3.5.2 da DIA.
c) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben a solicitude motivada do promotor, poderase modificar o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se vaian realizar en anos posteriores.
3.6. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, recollendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e subestación, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando a esta documentación presentarase o cronograma estimado das ditas actuacións.
3.7. Fase de abandono.
Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior.
3.8. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
ANEXO I - Resumo do proxecto
O proxecto denominado parque eólico de Casa, promovido pola empresa Enel Unión Fenosa Renovables, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 13 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalará nos concellos de Guitiriz e Vilalba (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:
* Número de aeroxeradores: 13.
* Modelo: Izar-Bonus.
* Potencia nominal unitaria: 2.300 kW.
* Potencia total instalada: 29,9 MW.
* Altura da torre: 80 m.
* Diámetro de rotor: 82,4 m.
* Orzamento previsto: 23.823.121,51 euros.
O proxecto recolle así mesmo a construción dunha subestación transformadora 66/20 kV para evacuación da enerxía producida á rede xeral, a través dunha liña eléctrica a 66 kV obxecto de proxecto independente segundo se indica no estudo ambiental. Anexo á subestación disporase o edificio de control, que albergará os equipos de control e mando, a sala de celas eléctricas, un almacén, os vestiarios e un aseo.
A obra civil prevé a execución duns 2.440 m de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento de 2.770 m de pistas ou camiños existentes, cunha largura de rodadura de 6 m e dotados de foxos e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Así mesmo, escavaranse uns 5.125 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación e o edificio de control, cun trazado que vai paralelo e lindante ás vías na maior parte do percorrido.
Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de implantación do parque está composta maiormente por repoboacións de piñeiro de diversas especies e por matogueira de toxo e breixo. Nalgúns puntos mellor conservados as plantacións de piñeiros están mesturadas con pequenas mouteiras de carballo.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
No punto de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes:
Sobre o solo.
- Sempre que sexa posible empregaranse as vías existentes para o acceso ao parque e para a execución das gabias de cableado, evitando así que a circulación de maquinaria e a zona de obras se estenda máis do necesario.
- As vías de nova construción evitarán as áreas de maior pendente. Respectarase a cuberta vexetal existente e minimizaranse os movementos de terras e a realización de desmontes e noiros.
- A terra vexetal almacenarase para a súa posterior utilización na restauración.
- No caso de que existan sobrantes de escavación utilizaranse na medida do posible para as plataformas dos aeroxeradores e nas gabias de cableado, e se houbese excedentes levaranse a vertedoiro autorizado.
- Os noiros das vías recubriranse o máis pronto posible de terra vexetal para proceder á revexetación.
- A pintura non conterá chumbo e as pastillas de freo non conterán amianto.
- As superficies ocupadas polo parque de maquinaria e polas plataformas de montaxe limitaranse ao mínimo imprescindible. Observaranse as medidas de seguridade necesarias para evitar a vertedura de combustibles, lubricantes ou outros fluídos.
- A localización do parque de maquinaria seleccionarase atendendo a criterios de permeabilidade do terreo e ausencia de redes de drenaxe, asegurando que tras o seu desmantelamento se realiza a súa limpeza e revexetación. Como paso previo, se se detecta compactación, procederase ao subsolado da zona.
- Os aceites serán de longa duración e a ser posible os vehículos industriais cambiarán os aceites en talleres autorizados.
- A restauración de solos e revexetación acometerase inmediatamente despois de finalizada a obra co fin de minimizar a aparición de fenómenos erosivos.
- Porase coidado nos labores de mantemento das instalacións para evitar posibles verteduras ou derramas accidentais.
Sobre a calidade do aire.
- Control das emisións de gases da maquinaria e vehículos empregados na obra, que deberán estar ao día na ITV.
- Rega periódica de superficies en tempos de seca, compactación de vías e limitación da velocidade dos vehículos, todo iso co fin de diminuír a emisión de po.
Rede de drenaxe e calidade das augas.
- As vías irán dotadas de foxos para a recollida de augas pluviais.
- Nas zonas de elevada pendente adoptaranse as medidas necesarias para minguar o efecto erosivo da auga, mediante foxos con tubos drenantes, revestimento de formigón ou revexetación do propio foxo, segundo proceda.
- Pasos salvafoxos cando sexa necesario.
- Evitaranse as verteduras de aceites, graxas, formigóns, etcétera, ao solo e ás augas, establecendo as medidas oportunas para o tratamento destes residuos producidos en obra por xestores autorizados. Non se almacenerá este tipo de residuos no parque.
Protección da vexetación.
- Antes do inicio das obras procederase ao replanteo de detalle das áreas de actuación, evitando na medida do posible as afeccións sobre as formacións vexetais de maior interese.
- Reduciranse ao mínimo as operacións de roza de cuberta vexetal, limitándoas a aqueles puntos nos que sexa absolutamente necesario.
- Como primeiro labor de obra procederase a delimitar e construír na medida do posible a vía de servidume aos aeroxeradores, de forma que sirva de vía única nos movementos de persoal e maquinaria ao longo do parque eólico, impedíndose a circulación polo resto da área.
- Delimitaranse e balizaranse convenientemente as áreas de actuación evitando calquera afección á cuberta vexetal excluída destas áreas.
- As plataformas das cimentacións e as de montaxe dos aeroxeradores quedarán cubertas por unha capa de solo fértil que facilitará o restablecemento da cuberta vexetal.
- No caso de que sexa necesaria a roza de vexetación de interese na zona (breixeira seca), tomarase nota do seu estado inicial para tratar de efectuar unha revexetación na mesma zona coas mesmas especies autóctonas existentes. Todas as especies empregadas na revexetación serán existentes na zona ou representantes da súa vexetación climática.
- Medidas para minimizar os riscos de incendios forestais: precaución por parte das contratas, dotación de materiais básicos de extinción, evitar prender lume na obra, sobre todo en época de estiaxe e depósito dos materiais combustibles procedentes das rozas (dos que se prevé xerar un escaso volume) en vertedeiro municipal.
Protección da fauna.
- Os movementos de persoal e maquinaria deberán limitarse ás áreas previamente establecidas para o efecto, empregando nos desprazamentos as vías de acceso aos aeroxeradores.
- Evitaranse na medida do posible as voaduras para gabias, cimentacións, etc., recorrendo a medios mecánicos.
- Evitarase o uso de axentes biocidas no mantemento da vexetación do contorno dos aeroxeradores.
- Comprobación periódica da non existencia de zonas de alimentación próximas que puidesen atraer aves preeiras.
- Supresión ou acondicionamento de iluminación nocturna. Se fose imprescindible, empregarase exclusivamente luz vermella.
Protección da paisaxe.
- Control de sobrantes de escavacións; os sobrantes que non se empreguen na propia obra serán trasladados a vertedeiro autorizado de inertes.
- Os solos que puidesen resultar manchados por aceites ou gasoil serán entregados a xestor autorizado, os restos de formigón, cemento e todo tipo de entullos tamén serán retirados a vertedoiro controlado.
- Os materiais empregados na mellora do firme e na construción de novas vías seleccionaranse de xeito que non supoñan contraste coas gammas cromáticas do contorno.
- As instalacións anexas (edificio de control e subestación transformadora) manterán tipoloxías construtivas e acabados acordes coas tradicionalmente existentes e propios da comarca.
- As liñas eléctricas entre aeroxeradores irán soterradas.
- Proxecto de revexetación.
Sobre a poboación.
- Procurarase que a man de obra que se vai empregar na construción do parque proceda dos concellos do contorno.
- Tamén se procurará que o persoal de mantemento sexa da zona, tras impartirlle os oportunos cursos de formación.
As medidas protectoras e correctoras relativas á protección dos elementos do patrimonio cultural recóllense na memoria arqueolóxica incluída no estudo ambiental e nun anexo que se presentou posteriormente como separata ao dito estudo ambiental.
No documento «Anexo relativo á ampliación de documentación do EIA do P.E. Casa. Maio 2005» inclúense unha serie de medidas protectoras e correctoras que matizan ou amplían as do estudo ambiental en relación coa execución de vías, movementos de terras, protección da rede hidrolóxica, vexetación, préstamos e sobrantes de terras, fauna, proxecto de revexetación e outras consideracións. Nese último punto fan referencia á cuestión suscitada ao redor de localización do aeroxerador A-8 nas proximidades dunha caseta de vixilancia de incendios forestais e dunha base de helicópteros, sinalando ao respecto que a empresa promotora acordou cos responsables a modificación do lugar destas estruturas, así como outras medidas compensatorias, para poder instalar o dito aeroxerador na localización prevista.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL