Diario Oficial de Galicia, 15-11-2005, Núm. 219, Páx. 18285
Resolución do 4 de outubro de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Punta Maeda, no concello de Mañón (A Coruña), promovido por Sociedad Eólica Punta Maeda, S.L.
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 26 de xullo de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de Parque Eólico Punta Maeda, no concello de Mañón (A Coruña), promovido por Sociedad Eólica Punta Maeda, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2005.
Anxo R. Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
A presente declaración refírese en exclusiva ao proxecto do Parque Eólico Punta Maeda, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 13,2 MW de potencia total no concello de Mañón (A Coruña), constituído por 7 aeroxeradores Enercon E-70 de 2.000 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice X Vértice Y
605.825 4.847.466
604.700 4.846.750
604.040 4.846.000
604.200 4.845.720
604.870 4.846.180
605.957 4.847.226
A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano Estruturas do proxecto. Plano nº 3. Xullo 2004, do estudo de impacto ambiental.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección da atmosfera.
Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies prevista no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar.
2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruces de vías, gabias de cableado...), así como calquera captación e/ou vertido, precisará da autorización do organismo de conca competente, neste caso Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras.
3. Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que nas vías de acceso deberán preverse tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación.
A achega das augas destas drenaxes cara á rede hidrográfica deberá ser gradual, instalando dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía nas súas saídas e nos puntos onde a auga das cunetas se incorpore ao terreo, co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, téndose que adoptar as medidas correctoras oportunas no caso de producirse os citados fenómenos. Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento hidrolóxico proposto no estudo ambiental.
4. A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos ou incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega ou calquera outra medida necesaria para evitar o arrastre de materiais ladeira abaixo.
5. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo de impacto ambiental.
6. Non estando previsto na documentación presentada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.
2.3. Protección do solo.
1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización das infraestruturas e instalacións proxectadas, que se axustará ao establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
2. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.
3. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
4. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao finalizar a obra.
5. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
2.4. Xestión de residuos.
1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte ao vertido.
2. O almacenamento temporal de residuos ata a súa entrega a xestor autorizado realizarase nunha zona acondicionada para tal fin, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza.
3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles vertidos.
4. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.
2.5. Protección da fauna e vexetación.
2.5.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.
2. Respecto á avifauna e os morcegos, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores. Para tal fin, levaranse a cabo os plans de seguimento de avifauna e quirópteros propostos no estudo de impacto ambiental.
2.5.2. Sobre a vexetación.
1. Previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
2. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que de ser o caso terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
2.6. Protección do patrimonio cultural.
No que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, observarase o disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tanto no relativo á localización final de infraestruturas e instalacións como ás medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias, as de control e seguimento arqueolóxico e calquera outra que haxa que adoptar ao longo das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución de terreos, en todo o ámbito do parque eólico.
2.7. Sobre a integración paisaxística.
1. Adoptaranse medidas que maximicen a integración paisaxística do edificio de control. A cor da pintura de exteriores será acorde co contorno e de acabado mate.
2. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes das vías, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal.
Para tal fin, levarase a cabo o plan de restauración e revexetación incluído no estudo de impacto ambiental, tendo en conta as seguintes consideracións:
- Co fin de evitar fenómenos erosivos e acadar o máis pronto posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras, os labores de restauración deberán realizarse paralelamente ao avance destas, conforme as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, sempre que as condicións climatolóxicas e a época do ano sexan apropiadas para a revexetación.
- Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. Minimizarase o estendido de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.
- No caso de necesitar achegas externas de terra vexetal, estes deberán provir de amoreamentos ou zonas debidamente autorizadas. Se a pesar do anterior a cantidade de terra vexetal necesaria para a restauración resulta deficitaria, poderá substituírse por solos artificiais obtidos baixo autorización administrativa da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
- Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada, do mesmo xeito que nas restantes zonas incluídas no plan de restauración.
2.7. Sobre o Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais profundos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán estar asinados por un técnico da dita entidade.
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo.
3. Condicións específicas.
3.1. Fase previa ao inicio das obras.
1. Levarase a cabo a campaña preoperacional relativa ao plan de control da calidade das augas e seguimento de avifauna, se é o caso, de acordo co previsto no estudo ambiental. Os resultados destas campañas incorporaranse aos informes de seguimento ambiental, tanto os de obra coma os de funcionamento se é o caso, para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
2. A vía principal que se pretende executar paralela á devasa farase sobre este co fin de evitar a afección á vexetación de breixeiras secas europeas.
3. Eliminarase a vía nova coa que se pretende unir o aeroxerador A2 co A1 e pola contra, proponse que o acceso ao aeroxerador A1 se efectúe desde o aeroxerador A3. De este modo conseguirase unha menor afección ao hábitat de interese comunitario 4030, debendo restaurarse a superficie afectada co mesmo hábitat.
4. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 92.512,94 euros, correspondente ao orzamento de execución por contrata das labores de restauración asociadas á fase de obras, segundo o plan de restauración. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta esta fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo isto no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996.
3.2. Fase de obras.
1. Á vista da configuración da rede hidrográfica na zona do parque, asociada a valgadas de elevada pendente, extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de potencial afección á dita rede, adoptando as medidas protectoras e correctoras propostas, así como calquera outra necesaria para a súa preservación, en especial aquelas que impidan arrastres ou caídas de materiais ladeira abaixo ou cara á dita rede. Esta cuestión será obxecto de especial seguimento durante a fase de obras.
2. Prestarase especial atención ao desenvolvemento do plan de vixilancia de avifauna nesta fase, tendo en conta a existencia, de rutas migratorias e a ZEPA Costa da Mariña occidental. Cómpre subliñar que os resultados que se obteñan dos plans de vixilancia serán determinantes á hora de decidir se se manterá funcionando o parque, ou de ser o caso, as datas en que se deban realizar paradas biolóxicas.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.7 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas e da rede de drenaxe, seguimento de avifauna e de quirópteros.
c) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación con todos os aspectos recollidos nela.
d) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación con todos os compoñentes do proxecto. Xuntarase reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade concreta.
3.3. Ao final da fase de obras.
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe de fin de obras co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do estudo ambiental e o establecido nesta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación con todos os aspectos recollidos no estudo ambiental e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, subestación e edificio de control, estado das vías, cunetas e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.
3.4. Fase de funcionamento.
1. En relación co plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, terase en conta que en cada visita para a detección de aves mortas por colisión, se revisarán os 7 aeroxeradores instalados. O radio que se revisará baixo cada aeroxerador será de 70-80 m, tendo en conta o tamaño do aeroxerador que se ten previsto instalar. As mesmas consideracións observaranse no desenvolvemento do plan de seguimento de quirópteros.
2. Tendo en conta que no contorno do parque eólico obxecto desta DIA existen actualmente outros parques en funcionamento (Coriscada e O Vicedo...) ou cuxa construción está prevista a medio prazo (Espasante, Monte Cacho, O Faro), levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a avifauna e os morcegos entre o conxunto das instalacións mencionadas no estudo de efectos sinérxicos incluído no estudo ambiental, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo un informe de seguimento ambiental, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes. Terase en conta que á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben a proposta motivada do promotor, poderase modificar o contido ou a frecuencia dos controis e informes que realizar en anos posteriores. Este informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido:
a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.
b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.3 e 2.2.4 da DIA.
c) Resultados dos plans de seguimento de avifauna e quirópteros, tendo en conta o sinalado no punto 3.4.1.
d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado dos viais, cunetas, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
3.5. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitirá ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, prevendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e subestación, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Xunto con esta documentación presentarase o cronograma estimado destas actuacións.
3.6. Fase de abandono.
Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior.
3.7. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntaráselle reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
ANEXO I - Resumo do proxecto
O proxecto denominado Parque Eólico Punta Maeda, promovido pola Sociedade Eólica Punta Maeda, S.L., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 7 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalará no concello de Mañón (A Coruña). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:
* Número de aeroxeradores: 7.
* Modelo: Enercom E-70.
* Potencia nominal unitaria: 2.000 kW.
* Potencia total instalada:13,2 MW.
* Altura de torre: 67 m.
* Diámetro de rotor: 71 m.
* Investimento previsto: 16.046.807,46 euros.
O proxecto prevé asemade o uso dunha subestación transformadora compartida con outros promotores eólicos da zona, e dun edificio de control e proteccións que albergará as células de media tensión 30 kV, os servizos auxiliares e os equipos de medida e control do parque.
A obra civil inclúe o acondicionamento duns 177 m de vías existentes e de 680 m de devasas e a construción de 743 m de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores, cun largo de rodadura de 5,50 m e dotados de cunetas e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Habilitaranse pasos canadenses cando sexa necesario, que irán dotados de medidas para o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foso. Asemade, escavaranse 434 m de gabias non coincidentes cos camiños para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación transformadora e o edificio de control do parque.
Segundo o estudo de impacto ambiental, a vexetación na área de implantación do parque está composta maiormente por matogueira de breixo e toxo, aparecendo en menor medida escasas zonas de pasto e prantacións de eucaliptos e piñeiro do país nas zonas baixas da ladeira.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
Na epígrafe de medidas protectoras e correctoras do estudo ambiental inclúense basicamente as seguintes:
Protección da atmosfera.
- Rega das superficies afectadas pola obra.
- Control do tráfico de camións e maquinaria.
Protección do solo e da cuberta vexetal.
- Respectar a vexetación da zona.
- Delimitar as zonas de obra.
- Restaurar e revexetar gabias e vías.
- Separar selectivamente a primeira capa de solo ao realizar calquera escavación.
Protección das augas.
- Evitar o lavado de cubas e ferramentas na obra.
- Realización de obras en máxima pendente en épocas de menores chuvias.
- Canalización da auga de escorrega, mediante a realización de cunetas.
- Reducir a pendente dos amoreamentos de terra e dispoñer barreiras de retención para evitar que os materiais poidan ser arrastrados polas precipitacións.
- Minimización das afeccións á vexetación e inmediata revexetación das zonas afectadas.
Protección da fauna.
- Procurarase evitar que as obras coincidan co período de tempo crítico de reprodución das aves e, a ser posible, dos mamíferos presentes no parque, especialmente nos casos en que algún aeroxerador se atope emprazado nas proximidades dalgunha zona de nidificación de especies de aves de rapiña.
Protección da paisaxe.
- O acondicionamento dos accesos realizarase con materiais que non supoñan contraste coas gamas cromáticas do terreo.
- Reduciranse ao mínimo as posibles afeccións do terreo e as afeccións aos muros de separación de parcelas e bermas.
- Procederase á restauración das cunetas.
- As liñas eléctricas irán soterradas nos tramos comprendidos entre aeroxeradores así como nos tramos entre estes e os centros de control.
- Os sobrantes xerados na construción serán depositados nun lugar apto para tal fin.
- En ningún caso se procederá a estender ou verter en lugares non aptos os sobrantes de escavación.
- Procederase á recuperación dos solos mediante a achega de terra vexetal reservada previamente e á sementeira e/ou plantación de especie autóctonas presentes na zona.
Asemade, establécese un plan de vixilancia ambiental, durante o cal se verificará a predición de impactos e a efectividade das medidas correctoras propostas.
Este plan abrangue a vixilancia durante as obras da permeabilidade territorial e servizos afectados, protección da calidade da atmosfera, as emisións acústicas, do sistema hidrolóxico, a protección dos ecosistemas, a protección da fauna e a eficacia das medidas correctoras, así como a vixilancia durante a explotación da efectividade da recuperación e restauración vexetal e paisaxística, o seguimento da calidade das augas, dos niveis de ruído, da efectividade das proteccións e mantemento da fauna e, en particular, da avifauna.
As medidas protectoras e correctoras relativas á protección dos elementos do patrimonio cultural recóllense no informe complementario á prospección arqueolóxica intensiva no parque eólico de Punta Maeda, que se presenta como separata ao estudo de impacto ambiental.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL