Diario Oficial de Galicia, 29-12-2006, Núm. 249, Páx. 19081
Resolución do 4 de decembro de 2006, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 6 de novembro de 2006, relativa ao proxecto sectorial da área loxística e intermodal do porto seco de Monforte de Lemos, no concello de Monforte de Lemos (Lugo). (Clave 2005/0460).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 6 de novembro de 2006, relativa ao proxecto sectorial da área loxística e intermodal do porto seco de Monforte de Lemos, no concello de Monforte de Lemos, Lugo. (Clave 0460/2005).
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2006.
Mar Chao López
Directora xeral de Transportes
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 6 de novembro de 2006, relativa ao proxecto sectorial da área loxística e intermodal do porto seco de Monforte de Lemos, no concello de Monforte de Lemos (Lugo), promovido pola Dirección Xeral de Transportes e Xestur Lugo. (Clave 0460/2005).
Antecedentes.
O Consello da Xunta de Galicia acordou, no 7 de abril de 2005, declarar como de incidencia supramunicipal o proxecto sectorial da área loxística e intermodal do porto seco de Monforte de Lemos promovido pola Dirección Xeral de Transportes e Xestur Lugo.
O Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, establece a obrigatoriedade de someter a unha avaliación de impacto ambiental os proxectos declarados como de incidencia supramunicipal.
En aplicación da referida normativa, corresponde o sometemento do proxecto sectorial da área loxística e intermodal do porto seco de Monforte de Lemos ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
O proxecto sectorial obxecto desta declaración de impacto ambiental ten como obxecto a ordenación dunha superficie de 307.053 m situada na continuidade da estación de ferrocarril existente ao norte do núcleo de Monforte de Lemos, para o desenvolvemento dunha área loxística e intermodal no concello do mesmo nome.
No anexo I resúmese o contido da actuación e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas no estudo ambiental.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, o 3 de maio de 2005 publícase no DOG nº 84, a Resolución do 25 de abril de 2005, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se inicia o trámite de información pública do proxecto sectorial e do estudo de impacto ambiental da área loxística e intermodal do porto seco de Monforte de Lemos, (Lugo). Durante este período de información pública foron presentados alegacións polo Concello de Monforte de Lemos e particulares. Estas alegacións, no que respecta ao seu contido ambiental, tivéronse en conta, no que procede, no condicionado desta declaración.
No 29 de novembro de 2005 a Dirección Xeral de Transportes remite á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o contido íntegro do proxecto sectorial da area loxística e Intermodal do porto seco de Monforte de Lemos, no cal se inclúen o estudo ambiental e os informes desa dirección xeral sobre as alegacións presentadas e as cuestións suscitadas nos informes sectoriais derivados da tramitación do antedito proxecto.
O 10 de outubro de 2006 recíbense na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, remitidos pola Dirección Xeral de Transportes, copia dos informes emitidos polas direccións xerais de Patrimonio Cultural e de Conservación da Natureza, do Concello de Monforte de Lemos e da Confederación Hidrográfica do Norte, así como diversos informes da Dirección Xeral de Transportes e do equipo redactor do proxecto en resposta aos informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural e de Calidade e Avaliación Ambiental.
Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, (e posteriores correccións de erros), formula, só para os efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto sectorial da área loxística e intermodal do porto seco de Monforte de Lemos, no concello de Monforte de Lemos (Lugo), promovido pola Dirección Xeral de Transportes e Xestur-Lugo.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto presentado é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente DIA, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, de manifestarse calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar só para os efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que proporcionen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre que as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración e non poderá comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese en exclusiva ás actuacións de implantación dunha área loxística e intermodal no concello de Monforte de Lemos (Lugo), nunha superficie duns 307.053 m delimitada:
- Ao norte por Ribasaltas e a canle de Regado Val de Lemos (marxe esquerda).
- Ao sur pola estación de ferrocarril e Rioseco.
- Ao leste pola canle de rega do Val de Lemos (marxe esquerda).
- Ao oeste pola estrada C-546.
O ámbito desta DIA comprenderá tanto a fase de obras como a de explotación da área loxística e intermodal, polo que o condicionado que segue vinculará a construción e o funcionamento das instalacións e/ou empresas que no futuro se desenvolvan nela.
B. Condicións xerais
B.1. Fase de redacción do proxecto de urbanización
1. Definirase a localización das zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios, etcétera), primando o uso da superficie ámbito da área loxística fronte a calquera outra, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes e lonxe de correntes de auga.
2. Definiranse as medidas precisas para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendedura de mantas de fibras naturais, etcétera).
3. Deseñaranse os condutos da rede de saneamento, de abastecemento, de electricidade e de comunicacións, exteriores á zona industrial, sempre que sexa posible, de xeito que discorran por vieiros ou camiños existentes, co fin de minimizar a afección a zonas non antropizadas.
4. Desenvolverase o programa de vixilancia ambiental proposto no estudo ambiental, coas modificacións xurdidas do cumprimento desta DIA. Este programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudo ambiental e no condicionado da presente declaración, incorporando procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa deberá permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación) a periodicidade, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian a utilizar en cada caso.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, designarase un/s responsable/s desta.
- As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e, polo tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.
- A toma de mostras, análises e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas.
- Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis, poderán ser revisados con base nos resultados obtidos.
B.2. Na fase de implantación.
1. Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto. Este balizamento e sinalización deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, e serán retirados cando estas finalicen.
2. No caso de que sexa necesario crear vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas.
B.3. Na fase de obras e explotación.
1. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello de Monforte de Lemos.
2. A maquinaria empregada no proceso construtivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ao respecto.
3. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción.
4. Non estando prevista a colocación de factorías de formigón nin de aglomerado asfáltico, estes procederán de factoría ou factorías externas que conten coas súas correspondentes autorizacións.
5. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra e, se é tecnicamente posible, os tocos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.
6. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.
7. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ao solo.
8. A terra vexetal retirada por mor das obras será recollida, almacenada e conservada axeitadamente para a súa posterior utilización nos labores de restauración.
9. As rozas, movementos de terras e outros traballos que puideren prexudicar a fauna na súa época de cría faranse na medida do posible fóra do dito período. No caso de que isto non sexa posible, iniciaranse antes do comezo do período máis sensible, evitando que a afección se produza sobre animais en reprodución.
10. Instalaranse chousumes de arame e cercas, así como os medios necesarios para minimizar os atropelos de fauna na área loxística, tanto na fase de obras como na de explotación
11. No que respecta á xestión de residuos, terase en conta o seguinte:
- Adoptaranse as medidas técnicas e economicamente viables para reducir a cantidade de residuos xerados.
- Todos os residuos que se xeren nas obras ou na explotación do parque empresarial deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
- Adoptaranse as medidas correctoras oportunas co obxecto de que os residuos se almacenen en condicións axeitadas de hixiene, seguranza e segregación, garantindo en todo caso que se impida calquera afección ao ambiente. En relación con este aspecto, e no que respecta aos residuos perigosos, cumpriranse as normas técnicas vixentes relativas ao envasado, etiquetaxe e almacenamento establecidas na lexislación vixente.
- Os traslados dos residuos perigosos realizaranse de acordo co indicado na normativa vixente.
- No caso dos residuos urbanos ou asimilables a urbanos, é competencia do concello a súa xestión; no entanto, cando se trata de residuos urbanos que non se producen nos domicilios particulares, os concellos poden obrigar aos posuidores a facerse cargo deles directamente ou ben poden chegar a un acordo sobre a forma de facerse cargo.
- Valorarase a posibilidade de reservar unha zona, cunha superficie mínima de 2.500 m, para a instalación du punto limpo industrial que dea servizo á área loxística. Neste lugar realizarase a recolla selectiva e xestión dos residuos especiais producidos nas industrias instaladas nesta área.
12. Nos labores de mantemento de cunetas e sistemas de drenaxe evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente por medios mecánicos.
13. Porase en coñecemento de todo o persoal de obra e dos usuarios da área loxística as medidas de carácter ambiental que deberán ser adoptadas e/ou respectadas.
14. Se con motivo da execución do proxecto ou calquera actividade relacionada con esta (tránsito de maquinaria, transporte de material, etcétera) se producira o deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das actuacións.
15. Previamente á implantación de calquera instalación ou empresa na área loxística comprobarase que, ademais de cumprir coas especificacións urbanísticas, dispón dos medios necesarios para o cumprimento do indicado no proxecto sectorial (minimización de consumo eléctrico e de auga, prevención da contaminación por verteduras, ruídos e emisións á atmosfera). O antedito será independentemente do trámite ambiental a que, se é o caso, deban someterse.
16. No caso de que as actividades que se vaian instalar na área loxística encontren no anexo I do Real decreto 9/2005, do 14 de xaneiro, polo que se establece a relación de actividades potencialmente contaminantes do solo e os criterios e estándares para a declaración de solos contaminados, os titulares deberán cumprir cos requisitos desta norma.
17. Se durante o programa de vixilancia e seguimento ambiental se detectan impactos, imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilas. De poñerse de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
C. Condicións específicas.
C.1. Fase de redacción do proxecto de urbanización.
1. Estudarase a posibilidade da xestión conxunta mediante instalación dun centro específico para a clasificación e almacenamento dos residuos industriais xerados nas instalacións e empresas da área loxística que funcione a modo de transferencia dos residuos desde as empresas produtoras ata os xestores finais. Esta instalación deberá dispor da autorización preceptiva por parte desta dirección xeral para o almacenamento de residuos.
2. Realizarase un inventario das fontes e/ou captacións de auga existentes no ámbito da área loxística ou no seu contorno que se poidan ver afectados polas obras, establecendo as medidas a levar a cabo durante as obras para procurar manter os usos actuais.
3. As modificacións ou afeccións ás obras da infraestrutura e rega do Val de Lemos deberán ser expresamente autorizadas pola Confederación Hidrográfica do Norte co conseguinte condicionado, logo de solicitude por parte do organismo titular das obras.
4. No ámbito da area loxística atópanse o regato de Arroxo e a canle de rega do Val de Lemos, que posto que son tributarios do río Cabe (lugar de importancia comunitaria coa denominación Río Cabe) non deberían ver alterada a calidade biolóxica e fisicoquímica das súas augas debido a verteduras accidentais e/ou arrastres por mor das obras e/ou explotación da área, polo que se deberán ter en conta as seguintes medidas:
* Para a realización de verteduras, xa sexan da rede de augas pluviais como da de residuais, deberá contarse coas preceptivas autorizacións administrativas emitidas pola Confederación Hidrográfica do Norte.
* Respectaranse as servidumes de paso.
* Serase extremadamente coidadoso na realización de movementos de terra para evitar chegadas de materiais ás augas, programando a realización destes traballos, na medida do posible, fóra dos períodos chuviosos.
* Nas zonas de obra próximas ao regato e /ou canle en que sexa preciso traballar con formigón e cemento, habilitaranse balsas de decantación cando sexan previsibles fugas para evitar calquera vertedura destes materiais, mesturados ou non con auga.
* Tal e como se propón na documentación presentada, adoptaranse as medidas necesarias para non comprometer a rede natural de drenaxe, permitindo o fluxo das augas a velocidade axeitada.
* De ser o caso, primarase a canalización a ceo aberto fronte ao entubamento.
* Nunca se deberán atravesar correntes de auga coa maquinaria sen utilizar pontellas ou estruturas similares
* Nos pasos de vías sobre os cursos, a parte inferior da estrutura empregada deberá quedar cando menos 50 cm por baixo do leito natural do río e a súa pendente nunca sobrepasará o 1%, debendo evitarse a saída nun salto de auga que produza o socavamento do leito fluvial augas abaixo e/ou impida o remonte das especies piscícolas. Asemade é necesario levar a cabo o mantemento das estruturas.
* Cando se proxecten pontes ou pórticos, estes deberán estar sobredimensionados para evacuar o máximo caudal previsto e dar saída aos materiais de arrastre do río. Evitaranse a instalación de muretes e apoios de cachotes dentro da zona de máximas enchentes ordinarias.
5. Referente ás actuacións propostas de desviación e canalización do regato de Arroxo, indícase que suporían a eliminación de vexetación de ribeira e a destrución de hábitats faunísticas asociados, polo que a súa realización non se encontra plenamente xustificada. Neste senso, deberíanse integrar o curso de auga natural e os corredores de vexetación ripícola no deseño da área loxística, respectando a vexetación de ribeira e a fauna existentes.
Non obstante, no suposto de considerar imprescindible a desviación do curso e/ou algunha canalización, logo da súa axeitada xustificación e logo de autorización por parte da Confederación Hidrográfica do Norte, á hora de proxectala terase en conta que os cambios na rede de drenaxe deben minimizarse, calculando axeitadamente as dimensións dos pasos de auga e tomando as precaucións necesarias para non deteriorar a calidade das augas evitando o arrastre de terra aos cursos de auga.
No suposto anterior, o proxecto construtivo de desviación do curso remitirase á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe e nel establecéronse a preservación da vexetación de ribeira e do contorno, conservando cando menos aquelas árbores que presenten características compatibles co seu transplante. Esta vexetación empregarase dentro do plan de restauración da futura canle intentando crear un hábitat asociado similar ao que existe na actualidade. Estes traballos serían dirixidos por persoal cualificado e, en calquera caso, solicitaranse as correspondentes autorizacións para a corta da vexetación que non reúna as características axeitadas para a súa posterior utilización.
6. Remitirase unha copia do proxecto de urbanización á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe; no cal se detallará, en relación coa protección do edificio do intercambiador e as súas estruturas anexas, a solución final de cotas e acabamentos e o encontro da nova estrutura da plataforma intermodal co muro e elementos férreos existentes, definindo un recubrimento que os separe e protexa, así como o deseño da zona verde que rodea ao edificio que se axustará ao requirido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural nos seus informes.
En todo caso, a protección do edificio do intercambiador e as súas estruturas anexas pasará por conservar a estrutura xiratoria existente e poder entender o seu funcionamento orixinal, mantendo o círculo o máis posible de xeito que a continuidade del sexa lexible.
7. Estudarase a posibilidade de que as augas pluviais tratadas (ou polo menos unha parte delas) sexan empregadas na rega das zonas verdes e deste xeito reutilizar os recursos dispoñibles, sempre asegurando que a auga teña a calidade necesaria para asegurar o éxito das sementeiras e/ou plantacións e, co fin de que non se produzan asolagamentos, a cantidade sexa a correcta segundo a capacidade de acollida do terreo.
No entanto, e para os sistemas de rega que sexa necesario instalar, terase en conta que estes sistemas, ademais de cumpriren a súa función de forma axeitada, sexan na medida do posible de baixo consumo hídrico.
8. Dada a existencia de vivendas no contorno do proxecto, no caso de que se precise a realización de voaduras para o movemento de terras, deseñaranse estas e planificaranse os seus métodos de execución incluíndo as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais graúdos.
9. Na documentación avaliada faise referencia á existencia de sobrantes dos movementos de terras pese a reutilización dunha parte destes sobrantes nos labores de construción. Respecto a isto, seleccionaranse utilizando criterios ecolóxicos as zonas onde se realizará o depósito, tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se encontren naturalizados e integrados no ambiente. Previamente ao depósito destes sobrantes, contarase, se é o caso, cos correspondentes permisos.
10. Detallaranse os labores de integración paisaxística baseándose nas medidas descritas no estudo de impacto ambiental, definindo con detalle os traballos que se efectuarán segundo sexa a zona a revexetar (noiros de desmonte e terraplén, zonas verdes, depósitos de sobrantes, instalacións e vieiros auxiliares, etcétera) así como os materiais que se utilizarán nestes traballos.
Terase en conta o seguinte:
- Sempre que sexa técnica e economicamente posible, empregaranse especies herbáceas, arbustivas e arbóreas habituais da zona, co obxecto de garantir a súa viabilidade e reducir posteriores labores de mantemento.
- Para o deseño das zonas verdes, deberán detallarse os labores para a integración paisaxística dos distintos elementos que o conforman, así como os traballos que se vaian efectuar durante a fase de explotación da área loxística para o mantemento destes elementos sen que se degraden e se convertan en elementos discordantes nesta zona de uso público.
- Respecto da pantalla vexetal que se propón implantar para garantir a integración paisaxística da área loxística e diminuír a súa visibilidade desde o contorno próximo, así como para reducir o nivel sonoro, terase en conta que, unha parte significativa das árbores que a compoñan serán de folla perenne co fin de maximizar o efecto pantalla e:
* No perímetro sur da área loxística nos espazos onde non se proxectan áreas verdes, estas árbores disporanse en triángulo cun marco de plantación axeitado para que cumpra a súa función correctamente e,
* No resto das zonas, plantaranse creando unha masa vexetal que contribúa a ocultar as futuras edificacións e/ou instalacións cunha distribución das árbores irregular de xeito que se evite un acabamento demasiado artificial.
Asemade, respectarase sempre que sexa posible a vexetación de ribeira do curso de auga que atravesa o ámbito. En caso contrario, deberá levarse a cabo unha revexetación adecuada da súa ribeira do mesmo.
Terase en conta, ademais, que os acabamentos finais das actuacións deberán realizarse con deseño, cores e materiais que integren as devanditas obras no medio.
11. Ademais do indicado no punto B.1.4, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente durante a fase de obras o seguinte:
- Plan de control mensual no regueiro de Arroxo e na canle de rega do Val de Lemos, valorando a necesidade de aumentar esta frecuencia durante a realización das obras que afecten directamente este curso.
Nas anteditas augas:
* Tomaranse mostras de auga en que se analizarán os seguintes parámetros: pH, sólidos en suspensión, materias sedimentables, condutividade, temperatura, oxíxeno disolto, aceites, graxas, bioindicadores (macroinvertebrados) e aqueles que permitan coñecer en todo momento o grao de cumprimento do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.
* Empregarase como albo o resultado dunha toma de mostras realizada antes do comezo das obras.
Asemade, no caso do regato de Arroxo, manteranse os anteditos controis durante o primeiro ano de funcionamento da área loxística e, en función dos resultados que se vaian obtendo valorarase a necesidade ou non de continuar co dito seguimento.
- Inspección visual diaria de todos os cursos de auga que se poidan ver afectados polas obras, co obxecto de detectar posibles afeccións por vertiduras, desprendementos de rochas, corrementos de terras, etc.
- Plan de control trimestral do nivel de ruído no contorno da área afectada. Os puntos de medición tomaranse nas edificacións habitadas máis próximas ao ámbito do parque. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. Dada a localización futura da área loxística (preto da estrada C-646 e da estación de ferrocarril), recoméndase efectuar medicións preoperacionais da presión sonora para coñecer o nivel de ruído existente, empregando os resultados obtidos como albo.
- Control e seguimento arqueolóxico durante as fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos en todo o ámbito do proxecto. A tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo a este proxecto, deberase recoller na cartografía empregada polo persoal da obra durante o transcurso dela, un plano coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela. O plano incorporará os textos necesarios para a súa compresión.
Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.
Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.
C.2. Na fase de implantación.
1. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, balizando ou sinalizando adecuadamente o treito do regueiro de Arroxo e da canle de rega do Val de Lemos, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización destes espazos, así como das ribeiras, marxes e zona de servidume como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de reposición e, en xeral, todas aquelas actividades que poidan supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.
C.3. Fase de obras.
1. Serán obxecto de especial e estrito seguimento a implantación das medidas protectoras e correctoras a que se fai referencia no punto C.1.4. desta DIA para evitar as afeccións sobre os cursos fluviais existentes no ámbito.
2. Desenvolveranse os traballos de integración paisaxística vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que poidan aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.
3. O promotor do proxecto responsabilizarase de que se execute o programa de vixilancia ambiental que hai que desenvolver segundo o indicado nos puntos B.1.4. e C.1.11 desta DIA para esta fase. Deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan:
a) Trimestralmente:
- Cronograma actualizado das obras.
- Memoria do seguimento realizado de acordo co novo programa de vixilancia ambiental, redactado para dar cumprimento aos condicionantes da presente DIA e na cal se indicará, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado.
- Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora e deben ir acompañadas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluirase a análise de referencia para o control da calidade das augas continentais e dos ruídos.
- Representación en plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman.
b) Antes da emisión da acta de recepción:
- Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado en que quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA.
- Informe, se é o caso, das variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado.
- Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora e debendo ir acompañadas dun plano de localización.
- Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.
C.4. Fase de explotación.
1. Unha vez rematadas as obras, existirán parcelas que quedarán desprotexidas e expostas ás inclemencias do tempo ata a instalación das correspondentes naves empresariais, polo que se tomarán as pertinentes medidas para evitar esta afección, mediante a revexetación canto antes destas superficies núas ou recollendo os escorregamentos en balsas de decantación temporais, que se xestionarán e controlarán para o seu correcto funcionamento.
2. No que respecta ao sistema de tratamento das augas pluviais (tanque de tormenta e desareador) previamente vertedura ao medio terase en conta que este sistema debe manter a súa funcionalidade en condicións óptimas, polo que a recolla dos lodos debe ser periódica.
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2006.
Joaquín Lucas Buergo del Río
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I - Resumo do proxectado
O obxecto do proxecto sectorial da área loxística e intermodal do porto seco de Monforte de Lemos é a creación de solo urbanizado para a implantación empresarial cunha boa rede de comunicacións tanto viaria como de ferrocarril, co obxecto de desenvolver o transporte de mercadorías no contorno de Monforte de Lemos.
A súa localización, en continuación da estación de ferrocarril existente ao norte do núcleo de Monforte de Lemos, vén condicionada pola existencia da plataforma loxística de mercadorías de Monforte de Lemos.
Os 307.053 m que conforman o ámbito organízanse nas seguintes zonas:
* Parcelas de uso industrial e terciario: 175.417,5 m.
* Equipamentos públicos: 19.321 m
* Zonas verdes e parcelas de servizos: 55.534,3 m.
* Rede viaria e aparcadoiro asociado: 40.766 m.
* Aparcadoiros: 4.338 m.
* Plataforma intermodal: 11.676 m.
No que respecta aos servizos que se van implantar, defínense os seguintes:
- Accesos.
As conexións viarias están coordinadas coas previsións de sistemas xerais recollidos no avance do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Monforte de Lemos e son compatibles coa conexión viaria exterior proxectada para conectar coa LU-933, nunha primeira fase, e coa LU-546, a futura circunvalación de Monforte e a vía rápida Sarria-Monforte.
- Zonificación e parcelación.
A área loxística distribúese en cuarteiróns homoxéneos con fondos de parcela similares. A tipoloxía de parcela proposta é de industria acaroada para as parcelas de menor tamaño mentres que para as grandes propóñense edificacións illadas.
Os equipamentos de uso público localízanse ao oeste da área.
Os espazos libres destinados a zonas verdes localízanse en dúas grandes zonas, unha ao norte do ámbito, paralela á canle de rega existente, e outra ao sur do ámbito.
Os aparcadoiros públicos necesarios disporanse ao longo do sistema viario e nunha parcela exclusiva ao norte do ámbito e próxima á plataforma intermodal, ao equipamento e ás parcelas de uso terciario, que debido ao seu pequeno tamaño non disporán de aparcadoiro privado.
- Rede viaria.
A área loxística estrutúrase mediante dúas vías perpendiculares entre si que percorrerán o ámbito de leste a oeste.
A sección adoptada de vías de 26 m distribúese en 8 m de calzada, con dous carrís de 4 m de largo, dúas bandas de aparcadoiro a ambos os lados de 5 m e beirarrúa a ambos os lados de 4 m de largo.
A vía ao oeste do ámbito, con dirección norte/sur, varía a súa sección nos puntos de conexión ás vías urbanas existentes reducíndose progresivamente para adecuarse á sección desas vías. Deste xeito no punto norte disporase aparcadoiro só a un dos lados da calzada.
- Abastecemento de auga.
Disporase baixo as beirarrúas e zonas verdes, prevéndose tomas para a totalidade das parcelas.
A rede estará composta por tubaxe de polietileno de alta densidade.
Proxectaranse dúas conexións de servizo ao polígono seguindo as indicacións da compañía de abastecemento: un primeiro punto na rede de abastecemento existente na zona norte do polígono en Barrio-Ribasaltas, e outro punto de conexión ao sudeste da área loxística, próxima ao acceso.
- Saneamento.
A rede de saneamento será separativa. A tubaxe será de PVC e as conexións ás redes existentes realizaranse nun punto ao sudeste do polígono próximo ao acceso.
A rede de augas pluviais contará con imbornais para a recolla das augas a ambos os lados da calzada, vertendo nun tubo canalizado baixo o eixe do aparcadoiro. Esta rede contará cos seus respectivos tanques de tormenta e desareadores previos a cada unha a verteduras ao regato de Arroxo. A rede de augas residuais discorrerá baixo os aparcadoiros.
A empresa que xestiona a depuradora existente no Carballo indicará as condicións de vertedura á mesma de xeito que, se algunha das industrias que no futuro se asenten no polígono non as cumpre, deberán dispor do seu propio sistema de depuración.
- Enerxía eléctrica.
A rede de media tensión situarase baixo beirarrúas ou zonas verdes e a de baixa tensión situarase soterrada baixo os aparcadoiros anexos á calzada ou beirarrúas.
Para a iluminación pública deséñase unha disposición pareada con lámpadas de vapor de sodio.
- Telefonía.
A rede de telefonía localizarase baixo as beirarrúas en tubos de PVC.
- Gas.
A liña que une a rede do municipio co sector da área loxística executarase en polietileno cun diámetro mínimo de 160 mm. A traza e dimensionamento da rede de distribución interior revisaríase unha vez que se coñezan as necesidades enerxéticas en cada parcela.
A área de estudo atópase delimitada pola canle de rega do Val de Lemos, canle que forma parte do río Cabe, afluente do río Sil e que discorre moi preto desta zona. Asemade, pola área de actuación discorre un pequeno regato coñecido co nome de regueiro de Arroxo, que desemboca no río Cabe.
A topografía do ámbito de actuación é chá e ondulada, sen grandes relevos, rodeada por unha bancada ascendente de montañas que pechan a depresión excepto cara ao sudeste, onde esta barreira queda cortada polo tramo do río Cabe no seu descenso ata o río Sil.
No referente aos usos do solo, caracterízase por pradarías e terras de cultivo que substituíron a vexetación autóctona da zona mesturadas cos núcleos rurais concentrados arredor da actual estrada N-54.
Segundo indica a Dirección Xeral de Conservación da Natureza no seu informe, a vexetación da zona caracterízase principalmente por un mosaico de prados, monte baixo e formacións de ribeira.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras
A) Medidas protectoras.
1. Medidas protectoras sobre a atmosfera.
a) Contra a emisión de gases e po.
* Regas periódicas principalmente nas épocas de baixa pluviometría, tanto sobre a zona de actuación como sobre a zona de acumulación de materiais.
* Evitarase a concentración excesiva de maquinaria e, se for necesario o transporte de material poeirento, taparanse con lonas as caixas dos camións.
* Vixiarase que a maquinaria cumpra coa normativa vixente e controlaranse os prazos de revisión das ITV.
* Antes do comezo das obras, todos os vehículos e maquinaria que se empreguen nelas garantirán mediante as revisións pertinentes o correcto axuste de motores, adecuación da potencia da maquinaria ao traballo que van realizar, emprego de catalizadores e correcto estado dos tubos de escape.
* Apagaranse as máquinas durante descansos e paradas prolongadas.
* Prohibirase a queima de residuos, materiais excedentes, restos vexetais ou calquera outro tipo de resto procedente da execución das obras.
* No caso de que no ámbito se poidan integrar industrias con potenciais efectos acumulativos na atmosfera que precisen de seguimento ambiental, o seguimento realizarase dun xeito coordinado entre as ditas empresas e de xeito que exista unha única rede de mostraxe.
b) Contra a contaminación acústica.
* Utilización de compresores e perforadoras de baixo nivel sónico, martelos pneumáticos e hidráulicos e, en xeral, maquinaria con carcasas protectoras de motores.
* Emprego de materiais resistentes, como a goma, a fibra de vidro e espuma de poliuretano, para amortecer o ruído xerado polo choque de material contra as superficies metálicas e as vibracións desde os equipamento ás estruturas que os soportan.
* Non se efectuarán descargas de material desde alturas.
* Os niveis de presión sonora durante as obras non superarán os límites establecidos na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.
* Non se realizará ningunha acción en período nocturno se non é estritamente necesario e, nese caso, baixo a autorización da dirección de obra.
* Prohibirase o uso de sirenas, bucinas ou outros medios sonoros de sinalización, excepto naqueles labores en que sexa necesario para evitar riscos e accidentes.
* Reducirase o tráfico, na medida do posible, mediante a utilización de vehículos de maior tamaño.
* Durante a fase de funcionamento verificarase nas licenzas o cumprimento do establecido na normativa vixente en materia de ruídos e regularanse os usos e horarios das actividades.
c) Contra a contaminación lumínica.
* Durante a fase de obras aproveitarase ao máximo as horas de luz prolongándose a iluminación só no caso de que sexa estritamente necesario.
* Deseño da iluminación pública co obxecto de garantir a minimización da contaminación lumínica e un mellor uso da enerxía.
2. Medidas protectoras sobre a xeoloxía e xeomorfoloxía.
* Realizarase un estudo xeotécnico previo ao inicio das obras para determinar a profundidade das escavacións.
* Na realización das explanacións eliminaranse os 0,50 a 0,80 m superiores co fin de retirar o espesor da terra vexetal existente.
* Utilizaranse todas as obras de drenaxe que sexan precisas para dar continuidade á rede natural do terreo e evitar asolagamentos superficiais.
* Reutilizaranse os materiais escavados sempre que sexa posible.
3. Medidas protectoras sobre a edafoloxía.
a) Control da superficie de ocupación
* Ao inicio das obras procederase á delimitación (balizamento) do terreo afectado por elas incluíndo a superficie de ocupación das instalacións auxiliares.
* Habilitarase un espazo destinado ás instalacións auxiliares das obras (parque de maquinaria, zona de depósito de residuos, etcétera) nunha zona sen valor edafolóxico ou xa degradada e fóra dos núcleos habitados. Unha vez rematadas as obras, procederase á recuperación e rexeneración de todas aquelas áreas dedicadas a instalacións auxiliares.
* Os labores de mantemento de maquinaria non apta para circular por estrada realizaranse dentro da zona habilitada para isto, dispoñendo dos medios necesarios para evitar calquera afección ao solo por derramos. Neste senso construirase unha gabia perimetral impermeabilizada para recoller as verteduras accidentais, así como unha balsa de decantación.
* O mantemento da maquinaria apta para circular por estrada realizarase en talleres autorizados.
* Na fase de construción, sinalizaranse debidamente os límites de afección establecidos, axustándose a circulación da maquinaria ao dito espazo.
* Aproveitaranse ao máximo os accesos existentes, evitando a apertura doutros novos. En todo caso, de ser necesaria a creación de novos accesos á obra, logo da súa correcta xustificación, limitarase ao máximo a superficie afectada por eles.
b) Xestión de residuos perigosos.
* A recolla de aceites usados e outros residuos perigosos realizarase de xeito que se evite a mestura con outro tipo de residuos.
* Os envases que conteñan aceites usados concibiranse de xeito que non se produzan perdas ou escapes e sexan resistentes aos golpes que se poidan producir nas operacións de manipulación e almacenamento.
* As etiquetas de identificación conterán o tipo de residuo, nome do produtor, código de identificación, datas de envasado e pictograma indicando as súas características fisico-químicas, toxicolóxicas e efectos específicos sobre a saúde humana.
* A acumulación dos residuos realizarase en compartimentos estancos impermeabilizados provistos de elementos de retención no caso de fugas ou verteduras. Se as condicións o permiten, disporase baixo teito para evitar o contacto con auga de chuvia e disporase unha rede de drenaxe perimetral que recolla as augas de escorregamento.
* O almacenamento dos residuos realizarase nunha zona acondicionada para tal fin e por un período non superior aos seis meses.
* Os depósitos, envases e sistemas de impermeabilización someteranse a revisións periódicas.
c) Xestión de residuos inertes.
* Habilitarase un espazo correctamente sinalizado para a acumulación dos residuos inertes producidos nas obras, lonxe de cursos fluviais e zonas habitadas.
* O destino final destes residuos será, no caso das terras e sobrantes, a reutilización noutras obras ou vertedoiro autorizado; no caso dos lodos das balsa de decantación, vertedoiro de residuos inertes e, no caso de plásticos e metais, un xestor ou valorizador autorizado.
d) Xestión de residuos urbanos e asimilables a urbanos.
* Instalaranse contedores correctamente sinalizados para a recolla de residuos sólidos urbanos xerados na obra (restos de comida, plásticos, vidro, papel cartón, etcétera).
* O tratamento deste tipo de residuos pode ser o depósito controlado nun vertedoiro municipal, a incineración ou a compostaxe (fracción orgánica).
* Os restos vexetais que se produzan trituraranse e transportaranse á estación de compostaxe, en pequenas cantidades usaranse para contribuír ao enriquecemento da terra vexetal, queimaranse de xeito controlado previa autorización ou transportaranse en pequenas cantidades a puntos limpos.
* No caso de que se produza o abandono dalgunha das empresas implantadas na futura área loxística, procederase á desmontaxe e retirada de calquera tipo de elemento susceptible de provocar contaminación.
4. Medidas protectoras sobre as augas.
* Rede separadora de augas pluviais e de residuais que se definirá no proxecto de urbanización.
* A rede de pluviais incorporarase ao rego de Arroxo en tres puntos. Esta rede contará cos seus respectivos tanques de tormenta e desareadores de xeito que se evite a descarga de elementos contaminantes.
* Prevese a condución das verteduras á depuradora existente no Carballo. No caso de que algunha das empresas que se instalen na área loxística non cumpran os límites e condicións de vertedura establecidas pola empresa xestora da depuradora, esta deberá ter o seu propio sistema de depuración.
* Evitarase a localización das zonas de acumulación, parque de maquinaria e todas aquelas actividades que supoñan risco de contaminación potencial, nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en leiras próximas.
* As verteduras de obra instalaranse preferentemente naquelas zonas impermeables e de escaso valor ecolóxico.
* As verteduras de aceites e graxas da maquinaria de obra, así como os lodos procedentes da balsa de decantación, serán recollidos por un xestor autorizado de acordo coa lexislación vixente.
* Prohibirase a utilización de auga dos canles fluviais para operacións de limpeza de maquinaria ou ferramentas así como as verteduras de calquera substancia ás augas.
* De ser necesaria a apertura de camiños de obra, estes quedarán fóra das proximidades de cursos fluviais e prohibirase a circulación de maquinaria sobre eles.
* No caso de fortes chuvias e se se detecta risco de lixiviación, cubriranse os materiais con lonas e estableceranse as medidas axeitadas para evitar calquera tipo de verteduras ou arrastres ata os cursos, como o establecemento de gabias perimetrais de recolla de augas. Evitaranse tamén zonas de asolagamentos ou sedimentación nos puntos de incorporación á rede natural.
* Para evitar que cheguen os sedimentos ás augas superficiais, controlarase o movemento de terras cando este se leve a cabo nas inmediacións dos cursos. Neste senso controlarase a canalización proposta realizando as operacións preferentemente durante a época de estiaxe.
* Nas proximidades das canles fluviais, e en previsión de arrastre de sólidos durante a realización das obras, instalaranse barreiras de retención.
* Revexetaranse as marxes fluviais, tanto as de nova creación como as que queden desprovistas de vexetación.
5. Medidas protectoras sobre as formacións vexetais.
* Protección daquelas áreas destinadas a zonas verdes, tratando de reducir ao máximo a superficie de ocupación e limitando a afección sobre as formacións presentes, fundamentalmente no caso daqueles exemplares de maior porte ou interese.
* Tomaranse medidas para evitar a xeración de incendios mediante a prohibición expresa de levar a cabo queimas, tanto de vexetación rozada como de calquera material procedente da obra.
* Levarase a cabo un plan de restauración daquelas zonas que fosen desprovistas de vexetación para minimizar o impacto e protexer o solo da erosión derivada de factores meteorolóxicos.
* Regarase o sistema foliáceo das especies vexetais próximas á obra que presenten acumulación de po.
6. Medidas protectoras sobre a fauna.
* Planificaranse os calendarios do proceso construtivo prestando especial interese aos procesos de reprodución e cría das especies faunísticas presentes á hora de programar as actividades máis molestas.
* Advertirase a todos os operarios da fase de construción da posible presenza de vertebrados na zona co obxecto de reducir, na medida do posible, o risco de atropelos e/ou enterramentos.
7. Medidas protectoras sobre a paisaxe.
* Para a localización das zonas de acumulación de materiais, así como o parque de maquinaria, escolleranse zonas de baixa calidade natural e paisaxística, escasa bacía visual, que presente facilidade de restauración para a súa pronta recuperación, así como ausencia de afección sobre comunidades faunísticas.
* Procederase á revexetación de todas as superficies que resultasen denudadas mediante o emprego de especies herbáceas, arbustivas ou arbóreas. A revexetación realizarase o antes posible para evitar fenómenos erosivos e será obxecto de seguimento para garantir a recuperación das áreas afectadas.
* Eliminarase calquera residuo que puider quedar tras as obras.
* Coidarase a estética das fachadas das futuras instalacións, principalmente daquelas que sexan visibles desde as distintas vías.
* Prohibirase o emprego de materiais de difícil conservación, así como a utilización nos exteriores de pinturas facilmente alterables polos axentes atmosféricos ou de combinacións agresivas de cor. Asemade, prohíbese o emprego de fibrocemento na súa cor natural nas cubertas de edificacións visibles.
* As construcións auxiliares e instalacións complementarias das industrias trataranse cos acabamentos empregados na edificación principal.
* Prohíbese a utilización dos espazos libres privados para depósito de materiais, lixos ou calquera outra actividade que puider danar a estética do parque.
8. Medidas protectoras sobre o medio socioeconómico.
* Extremaranse as precaucións en relación coa atmosfera (emisión de gases contaminantes e po, así como a emisión de ruído).
* Procurarase evitar a interrupción de calquera vía, formulando sempre percorridos alternativos que deberán sinalarse convenientemente.
* Restituiranse os camiños e outras infraestruturas que resulten afectadas polas obras.
* Na fase de explotación potenciarase o emprego de man de obra local.
B) Medidas correctoras.
1. Medidas correctoras sobre a atmosfera.
a) Corrección da afección á calidade do aire.
* Controlaranse as emisións contaminantes produto das distintas actividades que se desenvolvan dentro da área loxística.
* Controlarase a emisión de cheiros que produzan incomodidade ou molestias aos núcleos de poboación.
* Fomentarase o transporte colectivo mediante o establecemento de percorridos e zonas de parada apropiados á necesidade do conxunto de traballadores.
b) Corrección da afección polo ruído.
* Na fase de explotación as actividades que se desenvolvan na área loxística e intermodal deberán cumprir o disposto en materia de ruídos e vibracións na normativa vixente.
* Proporanse pantallas vexetais naqueles puntos en que a inmisión sonora supere os límites establecidos. As pantallas escolleranse de xeito que se integren do mellor xeito posible no contorno.
* Sinalaranse límites de velocidade dentro do parque e regularanse os usos e horarios das actividades.
2. Medidas correctoras sobre as augas.
* Cumpriranse as disposicións básicas incluídas na normativa vixente aplicable para que a vertedura, condución, tratamento e control das augas residuais garantan en todo momento a protección da saúde humana, o ambiente e os recursos naturais.
3. Medidas correctoras sobre a xeoloxía e xeomorfoloxía.
* Reutilizarase a maior parte do volume de material escavado.
Sempre que sexa posible, o volume de desmonte reutilizarase para a execución de noiros e terrapléns e a terra vexetal empregarase nos labores de axardinamento.
* O volume excedentario de material producido localizarase nun lugar axeitado que supoña o menor impacto posible ao medio, como pode ser nunha canteira activa ou inactiva para o seu emprego nos labores de restauración da canteira.
4. Medidas correctoras sobre a edafoloxía.
* Procederase á retirada, acumulación e conservación dos solos para a súa posterior utilización nos labores de revexetación.
5. Restauración vexetal e integración paisaxística.
a) Revexetación.
* Procederase á revexetación de todas aquelas zonas denudadas polas actuacións, así como as destinadas a zona de acumulación de materiais, parque de maquinaria, accesos intermedios ou calquera outra instalación adicional necesaria no transcurso dos traballos.
* Creación dunha pantalla vexetal no perímetro de actuación, así como nas zonas verdes.
* Emprego de especies propias da zona nas plantacións.
* Sementeiras e hidrosementeiras de gramíneas, logo de subministración de terra vexetal para a revexetación dos noiros.
b) Integración paisaxística.
* Os rótulos empregados axustaranse ás normas municipais, se existiren, e realizaranse a base de materiais inalterables.
* Permítense os revocaduras sempre que estean ben rematadas, estando as empresas beneficiarias obrigadas ao seu mantemento e conservación.
6. Medidas correctoras sobre o patrimonio cultural.
* Segundo se desprende da prospección realizada, deberanse adoptar unha serie de medidas encamiñadas á corrección da afección provocada sobre os bens culturais presentes no ámbito da actuación e o seu contorno.
7. Medidas correctoras sobre o consumo enerxético e o consumo de auga.
* Primarase a instalación de empresas que utilicen estratexias de xestión encamiñadas á minimización do consumo enerxético e de auga.
* A través de estudos enerxéticos valorarase o uso eficiente de enerxía e, no caso contrario, formularanse alternativas economicamente viables para a redución do consumo.
* As empresas que se implanten na área loxística e intermodal contarán cun manual de boas prácticas ambientais en que se recollerá a necesidade de reducir o consumo enerxético e de auga a través do establecemento de determinadas pautas de comportamento e que se porá en coñecemento de todos os operarios.
* Levarase a cabo un control do consumo de auga, así como a vixilancia das perdas de auga.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL