Diario Oficial de Galicia, 15-04-2005, Núm. 72, Páx. 6238
Resolución do 4 de abril de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Sabucedo, no concello de Ourol (Lugo), promovido pola empresa Eólicos do Morrazo, S.L.
En cumprimento do disposto no artigo 5º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 21 de marzo de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Sabucedo, no concello de Ourol (Lugo), promovido pola empresa Eólicos do Morrazo, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2005.
Ramón Ordás Badía
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os sos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou a solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto do Parque Eólico Sabucedo, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico limitado a 13,20 MW de potencia total no concello de Ourol (Lugo), constituído por 7 aeroxeradores GAMESA G-80 de 2.000 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice X Vértice Y
610.000 4.824.200
610.000 4.824.943
607.750 4.825.500
607.108 4.823.359
609.235 4.823.359
A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano estruturas do proxecto. Plano nº 3. Xullo 2004, do estudo de impacto ambiental.
En relación coa liña de evacuación de enerxía, dado que é obxecto de proxecto independente, non se considera incluída no ámbito desta declaración, tendo que solicitar o promotor a pertinente cualificación ambiental perante esta dirección xeral, por tratarse dun proxecto incluído no anexo II da Lei 6/2001, de 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección da atmosfera.
1. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies prevista no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar.
2. Os niveis de presión sonora nas vivendas máis próximas ao parque non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.
Para tal fin, levarase a cabo un seguimento do nivel de ruído durante as fases de construción e funcionamento do parque, tendo en conta que as medicións deberán ser realizadas por entidade homologada por esta dirección xeral.
2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de viais, gabias de cableado...), así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización do organismo de conca competente, neste caso Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras.
3. Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que nos viais de acceso disporanse tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación.
A achega das augas destas drenaxes á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía nas súas saídas e nos puntos onde a auga das cunetas se incorpore ao terreo, co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, téndose que adoptar as medidas correctoras oportunas no caso de producirse os citados fenómenos.
4. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial.
5. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo ambiental.
6. Tal como se recolle no proxecto, as augas residuais que se xeren no edificio de control serán levadas ata a fosa séptica prevista, que se deberá manter periodicamente para garantir o seu correcto funcionamento, xestionando os lodos obtidos conforme ao estipulado regulamentariamente.
7. Non estando previsto na documentación presentada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.
2.3. Protección do solo.
1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización das infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
2. Na realización de voaduras disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en sitio autorizado.
3. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao finalizar a obra.
4. Para a localización da zona destinada a casetas de obra, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica.
5. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
2.4. Xestión de residuos.
1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
2. O almacenamento temporal de residuos ata a súa entrega a xestor autorizado realizarase nunha zona acondicionada para tal fin, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza.
3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.
4. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.
2.5. Protección da fauna e vexetación.
2.5.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.
2. No caso de que nos viais de acceso se instalen pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou os dous laterais abertos.
2.5.2. Sobre a vexetación.
1. Previamente á corta de arboradura terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
2. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase a súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
2.6. Protección do patrimonio cultural.
No que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, rexerá o disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tanto no relativo á localización final de infraestruturas e instalacións como ás medidas de control e seguimento arqueolóxico e calquera outra a adoptar ao longo das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución de terreos, en todo o ámbito do parque eólico.
2.7. Sobre a integración paisaxística.
1. Adoptaranse medidas que maximicen a integración paisaxística do centro de control. A cor da pintura de exteriores será acorde co contorno e de acabado mate.
2. Se na zona existisen afloramentos rochosos singulares con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.
3. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes dos viais, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal.
Para tal fin, levarase a cabo o plan de restauración e revexetación incluído no estudo de impacto ambiental, tendo en conta as seguintes consideracións:
- Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse paralelamente ao avance da obra, conforme as distintas superficies a restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr unha meirande integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.
- Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo a súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. Minimizarase o estendido de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.
- Deberá realizarse un seguimento da efectividade dos labores de restauración en todas as fases, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións efectuadas. Incrementarase a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación, levando a cabo medidas adicionais de restauración se o éxito desta non é o axeitado.
- Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada.
- No caso de que como consecuencia da execución da rede viaria do parque quede algún camiño ou sendeiro morto que na fase de funcionamento non vaia dar ningún servizo, deberase reintegrar na paisaxe, revexetándoo en toda a súa extensión.
2.8. Sobre o Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
Así mesmo, co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo.
3. Condicións específicas.
3.1. Fase previa ao inicio das obras.
1. Levaranse a cabo as campañas preoperacionais relativas aos plans de seguimento do nivel de ruído (tendo en conta o sinalado no punto 3.2.1 da DIA), control da calidade das augas e seguimento de avifauna se é o caso. Os resultados das ditas campañas incorporaranse aos informes de seguimento ambiental, tanto os de obra como os de funcionamento, para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
2. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 116.580 euros, correspondente ao orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociadas á fase de obras, segundo o plan de restauración presentado. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo iso no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996.
3.2. Fase de obras.
1. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído ao que se fai referencia no punto 2.1.2 da DIA, seleccionaranse como puntos de control os núcleos de Cabanas, A Rega, O Coutado, Loibá, Tiñade e Canto de Arriba/A Cadavosa, nos que só será necesario realizar medicións cando se estean executando obras preto dos ditos puntos.
2. Á vista da configuración da rede hidrográfica na zona do parque, asociada a valgadas de elevada pendente, extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de potencial afección á dita rede, adoptando as medidas protectoras e correctoras propostas, así como calquera outra necesaria para a súa preservación, en especial aquelas que impidan arrastres ou caídas de materiais ladeira abaixo cara á dita rede. Esta cuestión será obxecto de especial seguimento durante a fase de obras.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.8 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe e seguimento de avifauna (incluíndo, de terse levado a cabo, os resultados de novas campañas preoperacionais), conforme o sinalado nos puntos 2.1.2, 2.2.3, 2.2.5 e 3.1.1 da DIA.
c) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos previstos nela.
d) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a tódolos compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflita a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
3.3. Ao final da fase de obras.
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque trala finalización destas, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos recollidos no estudo ambiental e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado dos viais, cunetas e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflita a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.
3.4. Fase de funcionamento.
1. En relación co plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, terase en conta que as visitas para a detección de aves mortas por colisión terán unha frecuencia mensual, co obxecto de diminuír a perda de cadáveres por acción dos animais preeiros. No caso de que se efectúen experimentos para o cálculo dunha taxa de desaparición propia para a zona deste parque, poderá revisarse a dita frecuencia.
En cada visita revisaranse os 7 aeroxeradores instalados e o raio a revisar será de 70-80 m, tendo en conta o tamaño do aeroxerador que se prevé instalar. Nas anteditas visitas anotaranse tamén as posibles colisións de morcegos, incluíndo estes resultados nos informes do plan de vixilancia ambiental.
2. Tendo en conta que no contorno próximo do parque eólico obxecto desta DIA se atopa actualmente en funcionamento o parque de Muras II e a medio prazo está prevista a construción dos de Ourol e Pena Ventosa (co que compartirá infraestruturas -subestación transformadora e liña de evacuación á rede xeral-), levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos e sinérxicos) sobre a avifauna e os morcegos entre estes parques, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.
3. Co obxecto de diminuír molestias e procurar a maior protección posible da poboación de lebre (Lepus capensis) existente na zona, na medida do posible limitarase o tránsito de vehículos alleos aos labores de mantemento do parque.
4. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo un informe de seguimento ambiental, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes. Terase en conta que á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben por proposta motivada do promotor, poderase modificar o contido dos sucesivos informes ou a frecuencia dos controis e informes a realizar. O dito informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido:
a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición. Terase en conta que a frecuencia das medicións será mensual durante o primeiro semestre, podéndose logo variar en función dos resultados obtidos.
b) Resultados do plan de control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.3 e 2.2.5 da DIA.
c) Resultados do plan de seguimento de avifauna (incluíndo posibles colisións de quirópteros) e informe dos posibles efectos acumulativos, tendo en conta o sinalado nos puntos 3.4.1 e 3.4.2 da DIA.
d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado dos viais, cunetas, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto (indicando datas das visitas), así como a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
3.5. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitirá ao órgano substantivo un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación, acompañado, se é o caso, dun informe no que se recollan as posibles variacións respecto do previsto no plan de desmantelamento, xunto coa súa xustificación.
3.6. Fase de abandono.
Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo todas as actuacións necesarias para recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, conforme ao plan de restauración presentado. Terase en conta, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e centro de control, restauración dos viais creados para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe.
3.7. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
ANEXO I - Resumo do proxecto
O proxecto denominado parque eólico de Sabucedo, promovido pola empresa Eólicos do Morrazo, S.L., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 7 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, para instalar no concello de Ourol (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:
* Número de aeroxeradores: 7.
* Modelo: Gamesa G-80.
* Potencia unitaria por aeroxerador: 2.000 kW.
* Potencia total instalada: limitada a 13,20 MW.
* Altura da torre: 67 m.
* Diámetro do rotor: 80 m.
* Investimento previsto: 15.486.862,85 euros.
Para a transformación da enerxía producida no parque empregarase a subestación 30/132 kV do Parque Eólico Pena Ventosa, co que tamén compartirá a liña de evacuación á rede xeral. A interconexión do parque de Sabucedo coa dita subestación realizarase mediante unha liña aérea de media tensión a 30 kV, duns 6 quilómetros de lonxitude, obxecto de proxecto independente, aínda que aparece reflitida nalgún plano do estudo ambiental.
A obra civil prevé a execución duns 2.235 m de viais de acceso e servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento de 180 m de camiños existentes, cunha anchura de rodadura de 6 m e dotados de cunetas e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Asemade, escavaranse uns 1.805 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores co centro de control do parque, cuxo trazado vai paralelo e colindante aos viais na maior parte do percorrido.
Segundo o estudo de impacto ambiental, a vexetación na área de implantación do parque está composta case exclusivamente por matogueira de toxo e breixo e repoboacións de piñeiro. Algo máis afastadas aparecen repoboacións de piñeiro e eucalipto e cultivos e pasteiros no contorno das zonas habitadas.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
Na epígrafe de medidas protectoras e correctoras do estudo ambiental inclúense basicamente as seguintes:
Atmosfera.
- Rega das superficies máis afectadas polo paso de maquinaria, cando as obras coincidan co período de estiaxe.
- Circulación de maquinaria a velocidades baixas e en horario diurno, para minimizar as molestias por emisións sonoras.
Solo e vexetación.
- Respectar ao máximo a vexetación existente na zona, incluída a vexetación arbustiva, non eliminado nigún pé arbóreo ou arbustivo que non sexa estritamente necesario.
- Delimitar as zonas de obra, impedindo a circulación de maquinaria e a realización de obras fóra da área. A zona de obra reducirase ao mínimo imprescindible. As zonas e vías auxilares de obra que non formen parte das estruturas do aproveitamento delimitaranse e serán integramente restauradas e revexetadas ao finalizar as obras.
- Restauraranse e revexetaranse os terreos afectados polas gabias do cableado, así como polos viais e as plataformas de montaxe, levando a cabo o plan de revexetación.
- Retirada, amoreamento e conservación da terra vexetal, para ser posteriormente empregada nas labores de restauración.
Augas.
- Os posibles lavados de cubas de formigón e outras ferramentas non serán nunca realizados nos leitos.
- Realización das obras en épocas de menor precipitación, especialmente os movementos de terras nas zonas de máxima pendente.
- Canalización das augas mediante cunetas axeitadas e pasos transversais nos novos viais. Nas saídas dos pasos transversais nos que o risco de erosión sexa máis crítico instalaranse disipadores de enerxía, como diques de pedra.
- Nos traballos de movementos de terras procurarase reducir a pendente dos amoreamentos de terra e disporanse mallas ou barreiras de retención para evitar que os materiais poidan ser arrastrados polas precipitacións.
- Minimización das afeccións á vexetación e inmediata revexetación das zonas afectadas.
Fauna.
- Procurarase evitar que as obras coincidan co período crítico de reprodución das aves, e a ser posible, dos mamíferos presentes na área do parque.
- Evitaranse cortas innecesarias de matogueira.
- A liña de evacuación axustarase ás disposicións do Decreto 275/2001.
Paisaxe.
Tratamento paisaxístico de viais.
- Nos viais empregaranse materiais que non supoñan contraste coas gamas cromáticas do terreo. A anchura da pista non superará os 6 m salvo situacións puntuais e necesidades excepcionais.
- Reduciranse as modificacións do terreo, evitando a creación de noiros de desmonte e terraplén de considerable altura.
- Restauración de noiros dos novos accesos.
Control dos sobrantes de escavacións.
- Os sobrantes xerados na construción do parque serán transportados a lugar apto para tal fin, distinguindo a xestión entre residuos de obra e terras sobrantes.
- En nigún caso se procederá a estender, terraplenar ou verter os sobrantes de escavación en lugares non aptos.
Revexetación.
- Restauración de todos os terreos afectados pola obra, prevendo achega de terra vexetal e sementeira con especies adaptadas ao contorno.
- Revexetación adicional con arbustivas en zonas de matogueira e plantación dalgún pé de piñeiro nas zonas afectadas que os tivesen con anterioridade.
- Plan de restauración que inclúe as fases de obra e desmantelamento do parque.
Outras.
- As liñas eléctricas de conexión entre aeroxeradores e entre estes e o centro de control irán soterradas en gabia, evitándose o impacto paisaxístico, debendo restaurarse a vexetación afectada.
Socioeconomía.
- Reduciranse ao mínimo as posibles afeccións a muros de separación de parcelas ou de suxeición de bancais. En todo caso, se resultasen afectados, serán repostos.
As medidas protectoras e correctoras relativas ao patrimonio cultural recóllense no informe final do estudo de impacto arqueolóxico, que figura como anexo ao estudo ambiental.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL