Resolución do 31 de outubro de 2006 pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial do parque de reserva empresarial de Begonte.

Diario Oficial de Galicia, 14-11-2006, Núm. 219, Páx. 16728
Resolución do 31 de outubro de 2006 pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial do parque de reserva empresarial de Begonte. En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 11 de abril de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial do parque de reserva empresarial de Begonte (Lugo), promovido polo IGVS e o Concello de Begonte, que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2006. Mª Teresa Táboas Veleiro Conselleira de Vivenda e Solo Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 11 de abril de 2005 relativa ao proxecto sectorial do parque de reserva empresarial de Begonte (Lugo), promovido polo IGVS e o Concello de Begonte. Clave: 2003/2006. O Consello da Xunta de Galicia, con data do 23 de outubro de 2003, acordou declarar a actuación urbanística obxecto desta declaración como de incidencia supramunicipal. Tendo en conta o indicado no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, dentro do procedemento de aprobación substantiva que leva a cabo a Dirección Xeral de Urbanismo, con data do 1 de setembro de 2003, con base no artigo 10 do Decreto 80/2000, cualificouse o proxecto como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental. O proxecto sectorial obxecto desta declaración de impacto ambiental ten como obxecto regular a implantación territorial dun parque empresarial en Begonte, cunha superficie de actuación dunhas 107 ha. No anexo I resúmese o contido da actuación e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo ambiental. En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 26 de maio de 2004 publícase no DOG (nº 100) a Resolución do 14 de maio de 2004, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental do proxecto sectorial do parque empresarial de Begonte. Durante este período foron presentadas alegacións por parte de catro comunidades de montes en man común. As consideracións ambientais destas foron tidas en conta, no que procede, no condicionado desta declaración, en concreto nos puntos B.1.4, B.3.1, B.3.8, B.3.12, C.2.1, C.2.6, C.2.8 e C.2.9. Con data do 11 de febreiro de 2005 tivo entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Urbanismo, no cal se inclúen o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a copia das alegacións presentadas. Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 106/2004, do 27 de maio, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto sectorial do parque empresarial de Begonte (Lugo), promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e polo Concello de Begonte. Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a actuación é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. A. Ámbito da declaración. Esta declaración refírese exclusivamente ás actuacións recollidas no documento titulado Proxecto sectorial do parque de reserva empresarial de Begonte. Xaneiro 2003. Tendo en conta o ámbito desta DIA, o condicionado que segue vinculará a construción e o funcionamento das instalacións ou empresas que no futuro se desenvolvan na zona industrial. B. Condicións xerais. B.1. Fase de redacción do proxecto de urbanización. 1. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios, etcétera), primando o uso da superficie ámbito do parque fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes. Así mesmo, definirase para as anteditas zonas un sistema de recollida, condución e sedimentación da auga procedente da zona de obra, evitando que se produza o vertido destas augas cara ás correntes de auga sen tratamento previo. Así mesmo, nas zonas destinadas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables. 2. Determinaranse as medidas correctoras que se van adoptar para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles, seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendido de mantas de fibras naturais, etcétera). 3. No caso de que se prevexa a produción de sobrantes dos movementos de terras, seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o depósito, tendo en conta que, tal como se indica no estudo de impacto ambiental, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte ao doutras zonas. O antedito levarase a cabo sempre que sexa técnica e economicamente viable e os ocos non se atopen naturalizados e integrados no contorno. 4. No caso de que, como consecuencia do tráfico derivado das obras, se prevexa a interferencia das vías de comunicación empregadas habitualmente polos veciños, estudiaranse vías alternativas, de xeito que se minimicen as molestias a estes. 5. O deseño do sistema de iluminación pública realizarase de xeito que se minimice a contaminación lumínica mediante o emprego de lámpadas de baixa intensidade dirixidas ao chan e se prime o aforro enerxético. 6. Redactarase un proxecto de integración paisaxística dos espazos alterados polas obras, describindo os traballos que se efectuarán nas diferentes zonas. No que respecta ás zonas verdes empregaranse, sempre que sexa técnica e economicamente posible, especies herbáceas, arbustivas e arbóreas habituais da comarca co obxecto de garantir a súa viabilidade e reducir posteriores labores de mantemento. Terase en conta na redacción deste proxecto que os acabados finais das actuacións deberán realizarse co deseño e materiais que integren as devanditas obras no contorno. 7. Desenvolvemento do programa de vixilancia ambiental proposto no estudo ambiental, coas modificacións xurdidas ao redactar o proxecto de urbanización, así como as derivadas do cumprimento desta DIA. Este programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, incorporando procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa deberá permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación) a periodicidade, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso. Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que: - Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, designarase un/s responsable/s desta. - As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e, polo tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control. - A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas. B.2. Fase de replanteo. Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto. Este balizado e sinalización deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, e serán retirados cando estas finalicen. B.3. Fase de obras e explotación. 1. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello de Begonte. 2. A maquinaria empregada no proceso construtivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ao respecto. 3. Co fin de evitar posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera, ademais de adoptar as medidas indicadas no estudo de impacto ambiental, comprobarase que os remolques dos camións empregados no transporte de materiais poeirentos están cubertos e procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras. 4. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción. 5. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra, de ser o caso, nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.3 da DIA, deberá contarse cos correspondentes permisos. 6. Non estando prevista a colocación de plantas de formigón nin de aglomerado asfáltico, estas procederán de planta ou plantas externas que conten coas súas correspondentes autorizacións. 7. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra e, se é tecnicamente posible, os cepos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais. 8. Sinalizarase a zona de obras e, no caso de que sexa necesario facer uso de vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas. 9. No que respecta aos residuos, terase en conta que: - Con carácter xeral, todos os residuos que se xeren como consecuencia das actuacións previstas serán xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a súa valorización ou reutilización fronte ao vertido. - Os residuos almacenaranse en contedores, en condicións de seguridade e hixiene, ata a súa entrega a xestor autorizado. - Ao rematar as obras e antes do inicio da fase de explotación, deberanse ter retirados e xestionados adecuadamente a totalidade dos residuos de obra. - No caso de que se prevexa depositar os restos de biomasa no terreo, procederase ao seu triturado e espallado homoxéneo, co obxecto de facilitar a súa incorporación ao solo. - Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, valorarase a posibilidade de empregar materiais procedentes de plantas de reciclaxe de residuos da construción e demolición (para bases o subbases das vías, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, etcétera). 10. Nos labores de mantemento de cunetas e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente por medios mecánicos. 11. Desenvolveranse os traballos de integración paisaxística definidos no proxecto a que se fai referencia no punto B.1.6 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas. 12. Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan utilizadas como consecuencia desta actuación, procedéndose á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso. 13. Previamente á implantación de calquera instalación ou empresa no parque comprobarase que, ademais de cumprir coas especificacións urbanísticas, dispón dos medios necesarios para o cumprimento do indicado nas ordenanzas do parque indicadas no estudo de impacto ambiental no referente aos residuos, integración paisaxística, efluentes e/ou emisións co fin de que estas non ocasionen afeccións ao medio. Ademais, exixiráselles que adopten medidas para favorecer o aforro enerxético. O antedito será independente do trámite ambiental a que deban someterse, de ser o caso. 14. No caso de abandono dalgunha das instalacións que se implanten no parque procederase, con carácter xeral, á desmontaxe e retirada de calquera tipo de elemento susceptible de provocar contaminación, sendo entregados todos estes elementos a un xestor autorizado para unha correcta eliminación. 15. Porase en coñecemento de todo o persoal de obra e dos usuarios do parque as medidas de carácter ambiental que deberán ser adoptadas e/ou respectadas. 16. No caso de que as actividades que se vaian instalar no parque empresarial se atopen no anexo I do Real decreto 9/2005, do 14 de xaneiro, polo que se establece a relación de actividades potencialmente contaminantes do solo e os criterios e estándares para a declaración de solos contaminados, os titulares deberán cumprir cos requisitos desta norma. 17. Se durante o programa de vixilancia e seguimento ambiental se detectan impactos, imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilos. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais profundos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. C. Condicións específicas. C.1. Fase previa á redacción do proxecto constructivo. Tendo en conta que se proxecta realizar a captación para a rede de abastecemento no río Ladra e o vertido da rede de saneamento no río Parga, asemade das autorizacións correspondentes da administración hidráulica, incorporaranse as determinacións que ao respecto poida determinar a Dirección Xeral de Conservación da Natureza sobre estas actuacións. En calquera caso, esta dirección xeral observará o disposto pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza no que respecta á protección deste espazo. C.2. Fase de redacción do proxecto de urbanización. 1. Incorporaranse as medidas indicadas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e elaboraranse os documentos solicitados neste informe co fin de que esa dirección xeral emita as correspondentes autorizacións. En calquera caso, no que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, observarase ao disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 2. Resérvase unha zona, cunha superficie mínima de 2.500 m, para a instalación dun punto limpo industrial ou centro verde que dea servizo ao parque empresarial. Neste lugar realizarase a recollida selectiva e xestión dos residuos especiais producidos nas industrias instaladas neste parque. 3. Tendo en conta que as actuacións proxectadas van afectar o río Ladra, o Parga e o rego da Rega, determinaranse, en función das intervencións proxectadas, medidas protectoras e correctoras específicas para evitar afeccións á calidade da auga e preservar e potenciar, na medida da posible, as características ecolóxicas propias dos cursos de auga e as súas ribeiras. Consideraranse nestas medidas o indicado na autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza sinalada no punto C.1 desta DIA. 4. No que respecta a implantación dos diferentes servizos á zona industrial que polas súas características puideran ser obxecto do seu propio trámite ambiental, deberá ser levado a cabo previamente a súa execución. 5. No que respecta aos condutos da rede de abastecemento e de saneamento exteriores á zona industrial, procurarase sempre que sexa posible que discorran por vías ou camiño existentes, co fin de minimizar a afección a zonas non antropizadas. 6. Tendo en conta que a estación depuradora de augas residuais (EDAR) que se vai implantar se sitúa moi próxima ao núcleo de poboación da Rega, esta deberá dispor das medidas necesarias que eviten a xeración ou, de ser o caso, minimicen a produción de malos cheiros. 7. Deseñarase unha condución entre a balsa de pluviais e a EDAR, co fin de derivar a auga que polas súas características supere os límites impostos na autorización de vertido. 8. Dada a existencia de numerosas vivendas no contorno do proxecto, en concreto no oeste do ámbito, e dado que é previsible a utilización de voaduras para o movemento de terras, no deseño destas, así como na planificación dos métodos de execución, incluiranse as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais grosos. 9. Ademais dos condicionados indicados no punto B.1.7, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente durante a fase de obras o seguinte: - Plan de control trimestral da calidade de auga do cursos fluviais Parga, Ladra e rego da Rega (para este último, sempre que leve caudal suficiente). Os parámetros que se medirán serán: pH, sólidos en suspensión, materias sedimentables, condutividade, temperatura, oxíxeno disolto e aceites e graxas. Empregarase como branco o resultado dunha toma de mostras realizada antes do comezo das obras. Tal como se indicaba no punto B.1.7 a toma de mostras será representativa da obra, polo tanto as correspondentes aos ríos Parga e Ladra levaranse a cabo no momento de executar as obras para a captación e para o punto de vertido, respectivamente. - Plan de control trimestral do nivel de ruído no contorno da área afectada: para a elección dos puntos de medición teranse en conta as zonas habitadas máis próximas. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. C.3. Fase de obras. 1. Para os vertidos que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Confederación Hidrográfica do Norte. 2. Serán obxecto de especial e estrito seguimento a implantación das medidas protectoras e correctoras ás que se fai referencia no punto C.2.3 desta DIA, para evitar as afeccións sobre os ríos Ladra e Parga, tendo en conta a súa inclusión nun espazo protexido. 3. O promotor do proxecto responsabilizarase de que se execute o programa de vixilancia ambiental desenvolvido no proxecto de urbanización segundo o indicado nos puntos B.1.7 e C.2.9 desta DIA para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan: a) Trimestralmente: - Cronograma actualizado das obras. - Memoria do seguimento realizado de acordo co novo programa de vixilancia ambiental, redactado para dar cumprimento aos condicionantes desta DIA e na cal se indicará, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado. - Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, e deberán ir acompañadas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse a análise de referencia para o control das augas e dos ruídos. - Representación en plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman. b) Antes da emisión da acta de recepción: - Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, en que quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA. - Informe, de ser o caso, das variacións introducidas ó longo das obras respecto do proxectado. - Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, e deberán ir acompañadas dun plano de localización. - Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución. C.4. Fase de explotación. 1. No caso de que os vertidos da balsa de pluviais non cumpran os límites impostos na autorización de vertido emitida pola Confederación Hidrográfica do Norte, derivaranse á EDAR pola condución instalada para tal fin, para o seu tratamento previo. Co fin de que esta balsa presente unha cadencia que manteña a funcionalidade do sistema de decantación en condicións óptimas, a recollida dos lodos debe ser periódica. Así mesmo, estes lodos serán entregados a un xestor autorizado para a súa correcta eliminación. 2. Tendo en conta que parte das augas pluviais se derivarán ás zonas verdes para seren tratadas por infiltración ou a cauces para rega, debe comprobarse a súa viabilidade para este uso. ANEXO I - Descrición da actuación O obxecto do proxecto sectorial do parque de reserva empresarial de Begonte é a creación dunha zona industrial na localidade de Baamonde-Pacios, dentro dunha área susceptible de clasificarse como solo urbanizable delimitado de uso industrial, localizada entre a estrada N-634, a autovía Lugo-A Coruña e a reserva para a autovía do Cantábrico, conformando unha superficie de 107 ha. O ámbito dividirase nas seguintes zonas: - Uso industrial. - Sistema de equipamento privado: - Equipamento comercial. - Equipamento social. - Sistema de equipamento público. - Sistemas de espazos libres de dominio e uso público. - Zonas verdes. - Infraestruturas e servizos. - Rede viaria principal, accesos, reserva e aparcadoiros asociados. Servizos de que se dotará o parque e conexións coa rede de servizos xerais: - Rede de abastecemento: captación no río Ladra e bombeo ata unha estación de tratamento de augas potables (ETAP), localizada nas proximidades da captación. A auga depurada canalizarase por impulsión a través da rede de camiños veciñais e predios, ata atravesar o sector na súa parte central de leste a oeste, polo víal proxectado, ata chegar a un depósito para o abastecemento do parque por gravidade. No interior do parque a rede de abastecemento distribuirase ás diferentes parcelas baixo as beirarrúas e os solos sen pavimentar. - Rede de sumidoiros das augas residuais: no interior do parque disporanse conducións das augas residuais producidas en cada parcela para conducilas a unha estación depuradora de augas residuais (EDAR), desde onde sairá un colector das augas depuradas ata o río Parga. - Rede de sumidoiros das augas pluviais: as conducións das augas pluviais localizaranse baixo os aparcadoiros, para seren evacuadas ata unha balsa onde serán decantadas e vertidas ao cauce non permanente da Rega. A situación próxima da EDAR permitiría se fose preciso a incorporación a ela das augas do primeiro lavado das rúas. As augas pluviais de noiros, cunetas e escorregas superficiais non recollidas pola rede de evacuación verteranse nas zonas verdes para tratamento mediante infiltración ao terreo e as sobrantes verteranse a cauces para rega existentes na zona. - Rede de enerxía eléctrica: no interior do parque a rede de media tensión distriburase soterrada baixo a calzada na zona de aparcadoiros ata os centros de transformación, a de baixa tensión disporase aérea sobre postes de formigón ou soterrada baixo beirarrúas ou zonas verdes. No que respecta á conexión coa rede exterior, considérase o tendido dunha nova liña desde a subestación eléctrica de Vilalba, cun trazado aproximado de 17 km. - Rede de iluminación pública: postes de formigón. - Rede de telecomunicacións: baixo as beirarrúas. ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental Fase I: planeamento e proxecto. Establecemento nas ordenanzas do proxecto relativas a: - Emisións gasosas. - Parámetros de vertido de augas residuais en sumidoiros: aceites e graxas, mesturas explosivas, materiais nocivos, refugallos sólidos ou viscosos, substancias tóxicas, materiais coloreados, materiais quentes, refugallos corrosivos, gases ou vapores, índices de calidade, refugallos radioactivos. - Ruídos. - Condicións de uso (paisaxe). - Proxecto informativo completo e veraz. - Tramitación correcta do expediente de expropiación. - Estudos previos de implantación. Fase II: urbanización. Previamente á execución das obras: - Delimitación da actuación de obra co fin de diminuír a perda e a alteración de formacións vexetais polo tránsito de maquinaria. - Analizaranse con detalle os mananciais existentes coa finalidade de preservalos integramente. - A corta de vexetación realizarase con base nas autorizacións pertinentes. - Fomento da capacidade contratadora de empresas e man de obra local. Execución dos traballos: - Limitar os movementos de maquinaria pesada. - Humectación durante os labores de movementos de terra. - Sinalización axeitada e moderación das velocidades de regulación do tráfico. - Control e seguimento dos vertidos durante os traballos. - Os terreos sobrantes da execución das obras trasladaranse a vertedoiros autorizados e/ou empregaranse en restauración de préstamos ou antigas extraccións e/ou canteiras abandonadas. - Os vertedoiros de sobrantes estarán localizados en zonas de mínima contaminación ecolóxica, paisaxística e de pouco interese natural. - Se durante a execución dos traballos se chega a producir calquera afección ao medio, tomaranse inmediatamente as medidas necesarias para reducir o dano ocasionado, comunicándoo o antes posible ao Servizo de Conservación da Natureza, que decidirá sobre a conveniencia das medidas que hai que tomar, así como as actuacións precisas para corrixir os efectos provocados. - Execución de rede separativa de sumidoiros. - Captación de augas de escorrega de vías e demais zonas pavimentadas. - Estabilización de noiros mediante as pendentes axeitadas. - Plantación de noiros. - Drenaxe de augas subterráneas. - Plantación de zonas verdes. - Execución de zonas peonís e sendeiros para protexer a zona verde. - Sinalización axeitada de obra. - Regulación do tráfico. Fase III: explotación comercial do parque empresarial. - Verificación nas licenzas de actividades insalubres, molestas e perigosas ás limitacións de ordenanzas e normativa vixente. - Tramitación dos estudos de impacto, efectos ou incidencia ambiental relativos ás industrias que así o requiran. - Control e seguimento das medidas correctoras de cada industria. - Establecemento de sancións se son precisas. - Sinalización axeitada e moderación das velocidades, regulación do tráfico. - Regulamentación de usos e horarios de actividades. - Medidas de niveis sonoros. - Mantemento de xardíns. - Depósito de vertido de lixo, papeleiras. - Verificación das características edificatorias na licenza de obra. - Política axeitada de fomento do emprego local. - Axudas á implantación e/ou traslado de industrias. - Reordenación do sector e terreos estremeiros. - Control das industrias da zona.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE VIVENDA E SOLO
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
resII31102006.pdf Galego
RESIII31102006.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles