Diario Oficial de Galicia, 12-01-2007, Núm. 9, Páx. 548
Resolución do 31 de outubro de 2006, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da L.A.T. 66 kV P.E. Casa-P.E. Montouto-sub. Sidegasa, nos concellos de Guitiriz (Lugo), Aranga e Curtis (A Coruña), promovido pola empresa Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. (Clave 0115/2006).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 28 de xullo de 2006, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto da L.A.T. 66 kV P.E. Casa-P.E. Montouto-sub. Sidegasa, nos concellos de Guitiriz (Lugo), Aranga e Curtis (A Coruña), promovido pola empresa Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. (clave: 0115/2006), que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2006.
Anxo R. Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, só para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que fornezan unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
A presente declaración refírese en exclusiva ao proxecto dunha liña eléctrica de alta tensión a 66 kV en simple circuíto, de 26.027 m de lonxitude total, para interconexión das subestacións dos parques eólicos de Casa e Cordal de Montouto coa subestación de Sidegasa, e que comprende as seguintes instalacións:
- Liña aérea a 66 kV, de 12.644 m de lonxitude en simple circuíto, sobre apoios metálicos de celosía, desde a subestación do parque eólico de Casa ata o apoio nº 46, de entroncamento coa derivación do parque eólico Cordal de Montouto.
- Liña aérea a 66 kV, de 2.625 m de lonxitude en simple circuíto, desde a subestación do parque eólico Cordal de Montouto ata o apoio nº 46 citado no punto anterior.
- Liña aérea a 66 kV, de 9.002 m de lonxitude en simple circuíto, sobre apoios metálicos de celosía, desde o apoio nº 46 de entroncamento coa derivación Cordal de Montouto ata o apoio nº 78 fin de liña, onde comeza o tramo soterrado de 1.711 m de lonxitude, con final na subestación de Sidegasa.
A traza discorrerá polos concellos de Guitiriz (Lugo), Aranga e Curtis (A Coruña), conforme o reflectido no plano titulado Plano de situación L.A.T. 66 kV incluído no tomo II do estudo de impacto ambiental, agás para o que se derive do punto 3.1 desta DIA.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como os cruzamentos, captacións ou verteduras, se é o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente en cada caso, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidraúlica que poidan atoparse na área de influencia das obras.
Así mesmo, respectaranse os mananciais que puideren existir na zona, e o seu curso pode ser parcialmente encanado para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos ás correntes superficiais máis próximas e a ceo aberto sempre que as obras definitivas o permitan.
3. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, pozas temporais ou permanentes e zonas hidromorfas, adoptando toda as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación, ademais das indicadas no estudo ambiental. Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.
4. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de forte pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias, cheas ou escorremento superficial.
5. Calquera operación de formigonaxe próxima aos leitos dos ríos deberase realizar en condicións que eviten o derramo de formigón. Asemade, non está permitido o lavado de maquinaria e utillaxe nos cursos de auga.
2.2. Protección do solo.
1. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se produciren, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
2. Nos terreos de forte pendente utilizaranse apoios con patas desiguais co fin de minimizar o terreo afectado polas escavacións e empregaranse mallas antiescorremento que impidan a caída de materiais ladeira abaixo.
3. Para a localización da zona ou zonas destinadas a casetas de obra, parque de maquinaria, almacenamento de materiais e residuos, etcétera, seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica.
4. No caso de deterioración de estradas, camiños, carreiros ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de instalación ou mantemento da liña, deberán restituirse ao estado previo ao inicio das obras.
5. A realización do proxecto deberá respectar a Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, no que se refire ao uso e defensa destas (realización de cruzamentos, distancias dos apoios ás arestas de explanación...).
2.3. Protección da fauna e vexetación.
2.3.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación na vía de seguranza, así como as tarefas de mantemento periódico, escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións (que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental), implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar á fauna.
2. Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de colisións e/ou electrocucións de aves co tendido, así como identificar posibles tramos e/ou apoios problemáticos neste sentido. Asemade, e tendo en conta que a liña obxecto desta DIA dará servizo a dous parques eólicos, deberá efectuarse un seguimento dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) que puideren producirse pola presencia conxunta das citadas instalacións.
Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, coas particularidades sinaladas nos puntos 3.3, 3.4 e 3.6 da DIA. No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre as poboacións de aves, adoptaranse as medidas adicionais oportunas para corrixir esta situación.
2.3.2. Sobre a vexetación.
1. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregando sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.
En calquera caso, tomaranse as precaucións oportunas para non afectar os valores naturais que estean protexidos pola lexislación vixente. No caso de detectar algún destes elementos, procederase á súa delimitación, así como á adopción das medidas precisas para garantir a súa preservación.
2. Respectarase ao máximo posible a vexetación arbórea existente na área de implantación da liña, en especial as formacións de frondosas autóctonas e a vexetación de ribeira.
En calquera caso, para a corta de arboredo previamente terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. Asemade, para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira observarase o disposto na lexislación vixente de aplicación.
3. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
2.4. Sobre a integración paisaxística.
1. Se ao longo de traza existisen afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados sen que se vexan afectados polas obras.
2. Todas superficies alteradas ou deterioradas pola execución das obras (instalación dos apoios, execución de novos accesos...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal.
Para tal fin, levaranse a cabo os traballos de restauración e revexetación propostos no estudo de impacto ambiental, tendo que garantirse o mantemento da revexetación ao longo do tempo, para o cal se efectuará un seguimento da súa efectividade e se adoptarán as medidas correctoras oportunas no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da revexetación.
3. Os labores de restauración deberán realizarse, na medida do posible, conforme as distintas superficies a restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de favorecer a súa integración paisaxística o máis axiña posible.
4. Garantirase o mantemento da revexetación ao longo do tempo, para o cal se efectuará un seguimento da súa efectividade e se adoptarán as medidas correctoras oportunas no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da revexetación.
2.5. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto na documentación avaliada, deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo, se é o caso, aos condicionantes xurdidos da presente declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Asemade, teranse en conta as seguintes consideracións:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, quen o comunicará ao órgano ambiental.
- Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
- Os informes de seguimento ambiental resultantes do desenvolvemento deste programa, aos cales se fai referencia ao longo do condicionado da declaración, serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, correspondéndolle a este o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión -se for o caso- do responsable do control do seguimento ambiental.
- No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural.
Levaranse a cabo as medidas correctoras propostas no informe de avaliación do impacto cultural do proxecto, incluído no tomo II do estudo de impacto ambiental e aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes:
1. Para evitar posibles afeccións, establécese para esta obra unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Neste sentido, en relación co impacto do proxecto sobre os xacigos Medoña do Monte das Lamas (GA15032017, no contorno do apoio nº 69), Mámoa nº 3 das Modias (sen catalogar) e Mámoa nº 4 das Modias (sen catalogar) -ambas na zona do apoio nº 1- deberanse retirar fóra do ámbito de exclusión de 50 m todos os elementos do proxecto (apoios e tendido eléctrico).
Nos ámbitos de protección legal dos xacigos arqueolóxicos (raio de 200 metros medidos desde o límite exterior do ben), non se poderá executar ningún tipo de obra non prevista na documentación avaliada.
2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do proxecto. Para tal fin, previamente ao inicio das obras elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso dela, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural, xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
Para as obras que se executen nos ámbitos de protección legal dos xacigos arqueolóxicos (raio de 200 metros), o control e seguimento arqueolóxico deberá realizarse a pé de obra.
3. Os accesos á L.A.T. que sexan de novo trazado deberán contar cunha avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural, que se realizará no marco do proxecto de control e seguimento arqueolóxico da L.A.T. Os resultados desta avaliación deberán remitirse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe.
4. Previamente ao inicio das obras deberase proceder á sinalización, con material non perecedoiro, dos xacigos arqueolóxicos a que se fai referencia no informe final do estudo de impacto cultural do proxecto.
5. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
6. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.
3.2. Sobre a restauración.
1. En relación coa medida compensatoria proposta no proxecto de revexetación, consistente na plantación de dous exemplares de frondosas por cada unidade que sexa cortada (o que implica a plantación duns 17.166 pés), o promotor deberá consensuar coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza todo o relativo ao desenvolvemento e aplicación da citada medida, sen prexuízo de calquera outro informe, autorización ou permiso que sexa necesario por parte doutros organismos.
2. Outros aspectos relacionados coa medida proposta son os seguintes:
- A repoboación de frondosas terá que localizarse na mesma área bioxeográfica da zona afectada pola liña, nunha zona que teña unha calidade de estación que permita o desenvolvemento das árbores frondosas.
- Os terreos onde se asente a repoboación serán subministrados pola empresa promotora da liña.
- O número de exemplares a implantar será tal que na fase de fustal, unha vez efectuados os oportunos tratamentos silvícolas, se atopen representadas as 17.166 árbores previstas.
- Os resultados do desenvolvemento da dita medida irán incorporándose nunha parte específica dos informes do programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se refire o punto 2.5 desta DIA.
3.3. Fase previa ao inicio das obras.
1. Levaranse a cabo as campañas preoperacionais previstas no plan de seguimento de avifauna incluído no estudo ambiental, co fin de completar os datos sobre as poboacións de aves presentes na zona. Os resultados destas campañas incorporaranse aos informes de seguimento ambiental, tanto os de obra como os de funcionamento, para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
2. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 44.703,68 euros, correspondente ao orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociados á fase de obras, segundo o proxecto de revexetación presentado. Para a fase de desmantelamento e abandono da liña (se é o caso) proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo isto no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996.
3.4. Fases de implantación e obra.
1. O promotor comunicará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras de execución da liña.
2. Dado que entre as aves rapaces inventariadas na área de afección da liña figuran dúas rapinas do xénero Circus (tartaraña cincenta (Circus pygargus) e gatafornela (Circus cyaneus), que nidifican sobre o chan en ambientes de matogueira e polo tanto son susceptibles de verse afectadas polas obras, levaranse a cabo as comprobacións necesarias para determinar a existencia ou non de parellas reprodutoras na área de afección directa dos apoios e accesos da liña.
No caso de detectarse a súa nidificación na zona afectada polas obras, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, incluíndo o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de raio arredor do niño, onde se evitará calquera actuación ata a finalización do período reprodutor (podendo continuar coas obras noutro tramo da liña) e outro perímetro de seguranza de 500 m, onde se limitarán ao máximo posible as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.
3. Previamente aos labores de apertura da vía de seguranza verificarase a ausencia de avifauna nidificante de interese nos pés implicados. En caso afirmativo, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor.
En especial, atenderase á presenza de aves rapaces, dado que na zona se inventariaron varias especies (tanto diurnas como nocturnas) que aniñan en árbores, e moitas delas gozan de figuras legais de protección.
4. No referente aos accesos á traza, terase en conta o seguinte:
- Tal e como se sinala no estudo ambiental, na planificación de accesos primará sempre o máximo aproveitamento da rede de pistas e camiños existentes, así como o emprego da propia vía de seguranza, co fin de minimizar a construción de novos accesos.
- De ter que realizar algún novo acceso, para a escolla do trazado terase en conta o conxunto da información fornecido no estudo ambiental, en especial os criterios de planificación e execución expostos no seu número 2.3, subliñando que, sempre que sexa posible, os novos accesos se efectuarán por simple rodadura fronte aos que precisen movementos de terras.
- Aqueles accesos que non vaian ser empregados durante a fase de funcionamento da liña deberanse reintegrar na paisaxe, revexetándoos en toda a súa extensión.
- Elaborarase un estudo de accesos (con información sobre as características e lonxitude de cada un deles, maquinaria a empregar na execución e descrición, valoración e cuantificación do medio natural afectado) que se remitirá á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe.
5. En relación coa apertura e mantemento da vía de seguranza da liña, teranse en conta as seguintes consideracións:
- A vía de seguranza deberá estar limpa en todo momento de vexetación incompatible coa liña. As dimensións mínimas da rúa determinaranse en función da lexislación sectorial aplicable; non obstante, e dependendo da topografía do terreo, dos ventos e do tipo de vexetación existente, o largo determinarase de xeito que se minimize o risco de lumes nestas zonas e, de producirse estes, se impida a súa propagación e se faciliten as tarefas de extinción.
- Neste sentido, recoméndase realizar unha silvicultura preventiva, preferentemente a realización de áreas atallalumes nas zonas colindantes á vía, polo que o promotor ou propietario da liña deberá establecer as servidumes da suficiente amplitude para poder realizar sen contratempos os devanditos labores. No desenvolvemento destes labores primarán os criterios técnicos e o respecto á bioloxía das especies implicadas.
- Como puntualización ao exposto nos parágrafos anteriores deberase respectar ou, se for o caso, reducir a afección ao mínimo imprescindible, na vexetación de ribeira e outras árbores e mouteiras singulares, así como nas especies autóctonas, singulares e/ou protexidas.
Neste sentido, extremaranse as precaucións na execución do cruzamento sobre o río Requeixo entre os apoios 16 e 17, no ámbito do LIC Parga-Ladra-Támoga. Verificarase que, de acordo co estudo ambiental, non resulta precisa a corta ou apeo de exemplares arbóreos nesta zona. No caso contrario, procederase á sobreelevación dos apoios para que os condutores acaden maior altura sobre o arboredo.
- De todos os xeitos, as accións baixo a liña consensuaranse coas subdireccións xerais de Defensa Contra os Incendios Forestais e de Espazos Naturais e Biodiversidade.
6. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.5 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Informe onde se detallen os resultados do seguimento efectuado de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental, así como de todos aqueles controis que deriven do cumprimento do condicionado desta declaración.
c) Informe de avance da obra onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e da hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade respecto do total.
3.5. Ao final da fase de obras.
1. En relación coa protección da avifauna fronte ás colisións, comprobarase a correcta colocación dos dispositivos salvapaxaros propostos no estudo ambiental en certos tramos da traza identificados como sensibles para a avifauna.
A este respecto, sinálase que de entre as tipoloxías de salvapaxaros propostas no estudo, se optará por espirais de PVC de cor laranxa ou similar, habitualmente máis efectivas que as abrazadeiras colgantes de plástico negro.
2. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.5 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe de fin de obras co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras, así como un resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras, medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do indicado no estudo ambiental e no condicionado desta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos determinados na documentación avaliada e no condicionado desta declaración.
b) Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os apoios, estado da vía de seguranza, limpeza da área, zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, tramos con salvapaxaros, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflictan todas as accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se adoptaron medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias.
3.6. Fase de funcionamento.
1. O promotor comunicará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de entrada en servizo da liña eléctrica.
2. Respecto á avifauna, ademais de levar a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, efectuarase un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre as poboacións de aves entre a liña obxecto desta DIA e os parques eólicos a que dará servizo, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.
Ademais do anterior, procederase á revisión periódica do estado dos dispositivos anticolisión instalados, tendo que garantir a súa operatividade durante a vida útil da liña, polo que deberán ser substituídos cando perdan a súa funcionalidade.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.5 desta DIA, o promotor remitirá ao órgano substantivo, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento da liña e anual os seguintes, un informe de seguimento ambiental co seguinte contido mínimo:
a) Resultados do plan de seguimento de avifauna, estado dos dispositivos salvapaxaros e informe de seguimento dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos), conforme o sinalado no punto 3.6.2.
b) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, en que se recollan os resultados das actuacións de restauración efectuadas, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado da vía de seguranza, labores de mantemento realizados, etcétera. Detallaranse os controis ambientais efectuados para verificar a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e no condicionado da declaración. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se realicen en anos posteriores.
3.7. Fase previa ao abandono.
No caso de que a liña vaia quedar fóra de servizo (por finalización da vida útil dos parques eólicos a que dá servizo ou por calquera outra causa), no prazo dos seis (6) meses previos á finalización da súa explotación, o promotor remitirá ao órgano substantivo un documento técnico onde se describan todas as actuacións necesarias para desmantelar a liña e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, prevendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada de apoios, illadores e condutores, demolición de peañas en superficie, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando esta documentación, presentarase o cronograma estimado destas actuacións.
3.8. Fase de abandono
Ao longo da fase de desmantelamento e abandono da liña, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no número anterior.
3.9. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono da liña, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
ANEXO I - Resumo do proxecto
A liña eléctrica prevista, a 66 kV, conectará a subestación do parque eólico de Casa, no concello de Guitiriz (Lugo), coa subestación eléctrica de Sidegasa (Curtis, A Coruña), co fin de evacuar a enerxía xerada no citado parque eólico. Á altura do apoio nº 46 prevese o entroncamento dunha derivación proveniente do parque eólico Cordal de Montouto, permitindo así que o dito parque evacúe tamén a través desta liña.
O conxunto da liña ten unha lonxitude de 26.027 metros, dos cales 24.316 corresponden á traza aérea (sobre un total de 88 apoios) e 1.711 ao tramo soterrado. Dos 24.316 m en aéreo, 2.625 corresponden á derivación para a interconexión do parque eólico Cordal de Montouto. O tramo soterrado comeza a partir do apoio nº 78 e chega ata o remate da liña na subestación de Sidegasa, discurrendo baixo vías do polígono en que se sitúa a dita subestación.
A traza atravesa os concellos de Guitiriz (Lugo), Aranga e Curtis (A Coruña) e comprende as seguintes infraestruturas:

Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de influencia da L.A.T. está composta por terreos de cultivo e prados, repoboacións de piñeiro e eucalipto, matogueiras secas, vexetación de ribeira, carballeiras e outras formacións caducifolias. Con moita menor representación, aparecen pequenas extensións de matogueira húmida, xeralmente asociadas ao contorno de cursos fluviais.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
Na parte de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes:
Fase de construción.
- Os camións que transporten materiais poirentos cubriranse con lonas. Evitarase o exceso de enchemento. Limitarase a velocidade de circulación.
- Rega con auga para evitar a xeración de po.
- Correcto mantemento da maquinaria. Control das emisións gasosas dos motores.
- Adecuación da velocidade de circulación de vehículos.
- Retirada, acumulación, conservación e recuperación da terra vexetal.
- Laboreo superficial. Descompactación do terreo na zona de obras.
- Aproveitamento dos accesos existentes e a propia traza para a montaxe da liña.
- Non se permitirá a circulación de vehículos fóra de vías e pistas de acceso.
- Planificación e balizamento das superficies de actuación.
- Identificación e sinalizacion dos pés de vexetación afectados para que a eliminación de vexetación sexa a mínima imprescindible.
- Xestión adecuada dos residuos producidos e prevención de posibles verteduras.
- Correcto almacenamento temporal de produtos e materiais de construción. Non se elaborará formigón na obra. As tarefas de mantemento realizaranse en talleres autorizados ou, se se efectúan na obra, adoptaranse medidas de protección. Traslado de residuos inertes a vertedoiro autorizado. Entrega de residuos perigosos a xestor autorizado.
- Disposición de sanitarios móbiles durante as obras e xestión de efluentes.
- Repercutir nos concellos afectados os impactos positivos. Emprego de man de obra local sempre que sexa posible.
- Retirada de instalacións provisorias de obra.
- Restitución de servizos e servidumes afectadas.
- Reparación e pagamento de danos ocasionados polas obras.
- Desprazamentos de apoios, cables e áreas de servidume no caso de afección de xacigos arqueolóxicos. Seguimento arqueolóxico.
Fase de explotación.
- Instalación de dispositivos salvapaxaros nas zonas máis sensibles da liña. Consistirán en espirais de PVC ou fitas colgantes de plástico, dispostas en triángulo cada 5 metros nos condutores. Entre os tramos identificados, nos cales se detectou avifauna de porte medio ou grande, basicamente rapinas forestais, figuran os seguintes:
* Zona forestal e de prados entre os apoios 1, 2 e 3.
* Cruzamento do río Requeixo e subsidiarios, entre os apoios 12 e 18.
* Ámbito forestal do Monte da Croa, entre os apoios 25-30.
* Cruzamentos dos regos de Porto Anxán, Landoeira e do Coto, entre os apoios 32-34, 42-43 e 44-46.
* Zona forestal de Montouto, entre os apoios 46.8 e 46.
* Cruzamentos dos regos de Portos e do Picho (apoios 60-62 e 64-65).
* Cruzamento do río Mandeo e as súas brañas, entre os apoios 68-71.
- O deseño da liña mantén unha separación suficiente entre os elementos que a conforman e as posibles zonas de pousada, polo que inicialmente non se prevén medidas antielectrocución adicionais.
- Reparación e pagamento de danos ocasionados durante as tarefas de mantemento.
- Repercutir nos concellos afectados os impactos positivos.
- Revexetación das superficies afectadas.
Para cada unha destas medidas, o estudo de impacto ambiental inclúe unha completa táboa en que se indica o impacto ao cal se dirixe a medida o seu obxectivo, unha descrición detallada, a entidade responsable da xestión, as precaucións na súa execución e xestión e as necesidades de mantemento da medida ao longo do tempo.
Sen carácter exhaustivo, outras medidas que aparecen dispersas ao longo do estudo ambiental ou nalgún dos seus anexos son as seguintes:
- A lonxitude das cadeas de illadores cumprirá para os casos máis desfavorables coas distancias mínimas de seguranza recollidas no Decreto 275/2001, do 4 de outubro, polo que se establecen determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento a que se deberán someter as instalacións eléctricas de distribución.
- Criterios relacionados cos accesos aos apoios: máximo aproveitamento de pistas existentes, primarán os accesos por rodadura sobre os que requiran escavación; no caso de que sexa preciso facer algún acceso de nova construción, adoptaranse medidas de protección da vexetación, de integración paisaxística, de control da erosión...
- Prohibirase o emprego de explosivos durante o período de reprodución de avifauna.
As medidas protectoras e correctoras relativas ao patrimonio cultural recóllense no informe final do estudo de impacto cultural, que se inclúe no tomo II do estudo de impacto ambiental.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL