Diario Oficial de Galicia, 13-12-2004, Núm. 240, Páx. 17049
Resolución do 30 de novembro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 20 de outubro de 2004, relativa ao proxecto de trazado do enlace de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e a autovía A-52. (Clave: OU/03/042.01.1).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data 20 de outubro de 2004, relativa ao proxecto de trazado do enlace de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e a autovía A-52 (OU/03/042.01.1), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2004.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Director xeral de Obras Públicas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 20 de outubro de 2004, relativa ao proxecto de trazado do enlace de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e a autovía A-52 (OU/03/042.01.1), nos concellos de Toén e Ourense (Ourense), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave: 2004/0235
A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 25 de febreiro de 2004, aprobou provisionalmente o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental do enlace de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e a autovía A-52, nos concellos de Toén e Ourense (Ourense).
O presente proxecto planéase como resolución do enlace entre a autoestrada Santiago de Compostela-Ourense (AP-53) no seu final coa autovía das Rías Baixas (A-52), e as estradas N-120 e OU-402. Para iso establécense tres alternativas, sempre mantendo a conexión principal coa autovía A-52 con ramais directos para os movementos principais para velocidade específica de 80 km/h e ramais de inferiores características para os enlaces coas restantes estradas a conectar.
No anexo I resúmese o contido do proxecto de trazado e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.
Dado que o proxecto se encontra comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data 9 de marzo de 2004 publícase no DOG (nº 48) a Resolución do 3 de marzo de 2003, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental do enlace de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e autovía A-52.
Durante este período foron presentadas alegacións por parte dos concellos de Ourense e Toén, de diversos particulares, grupos políticos, asociacións e comunidades de veciños. Destas alegacións as que teñen carácter ambiental foron tidas en conta, no que procede, no condicionado da DIA.
Con data 17 de setembro de 2004, ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no que se inclúen os certificados de exposición ao público nas distintas dependencias e os informes dos concellos de Toén e Ourense, copia das alegacións presentadas e os informes da Confederación Hidrográfica do Norte e das direccións xerais de Saúde Pública, de Conservación da Natureza e de Patrimonio Cultural.
Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula para os sós efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) proxecto de trazado do enlace de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e autovía A-52, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a alternativa proposta pola Dirección Xeral de Obras Públicas para o trazado do enlace de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e autovía A-52 é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das citadas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os sós efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A) Ámbito da declaración.
A presente declaración de impacto ambiental refírese ao proxecto desenvolvido no documento Proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental do enlace de conexión da autoestrada Santiago da Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e autovía A-52. Febreiro 2004, para a denominada Alternativa B, segundo a configuración reflectida no plano nº 13.1 Planta xeral da opción seleccionda incluído no tomo II do antedito documento anexo nº 20. Estudo de impacto ambiental.
B) Condicións xerais.
B.1) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. Co obxecto de cumprir o estipulado no punto 8 do artigo 4º da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, integraranse as medidas correctoras que garantan o cumprimento do disposto tanto na citada lei como, no caso de que dispoña delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Toén e Ourense. Estas medidas aplicaranse a aqueles puntos para os que foi estimado un nivel de inmisión superior ao legalmente establecido no estudo acústico adxunto ao estudo de impacto ambiental; definiranse con detalle, orzamentaranse e incorporaranse ao proxecto definitivo.
2. Localizaranse as zonas destinadas a instalacións auxiliares, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, e, tal como se indica no estudo de impacto ambiental, procurarase que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.
3. Deseñarase un sistema de recollida, condución e decantación das augas procedentes da zona de instalacións auxiliares, de lavado de camións e maquinaria e dos formigonados.
4. Definiranse as vías auxiliares a utilizar no proceso construtivo, primando o uso da traza fronte ás vías locais preexistentes e, de ambos, fronte á apertura de novas vías.
5. O deseño das drenaxes transversais do viario realizarase de maneira que non se modifique o actual réxime hídrico da zona.
Tal como se propón no estudo de impacto ambiental, estes elementos serán utilizados como paso pola microfauna, polo que se levarán a cabo as medidas sinaladas nese documento, ademais deseñaranse co largo suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Considéranse como paso bidireccional da fauna, polo tanto estarán desprovistos de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, prevendo que tódalas especies que caian poidan saír.
6. Incluirase o proxecto de restauración vexetal achegando no estudo de impacto ambiental.
7. Incluirase o programa de vixilancia ambiental achegando no estudo de impacto ambiental adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos da presente declaración.
O obxecto deste programa e o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudo ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación) a periodicidade, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá prever os labores de integración paisaxística.
- As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo tanto realizaranse naqueles momentos nos que poida existir unha afección sobre os aspectos a controlar.
- As tomas de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán vir acompañadas de informe firmado polo técnico competente.
B.2) Fase de replanteo.
Tal como se indica no estudo de impacto ambiental realizarase o balizado e sinalización das zonas de obra e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas e daqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto (masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural) o que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto.
B.3) Fase de obras e explotación.
1. Levaranse a cabo as medidas indicadas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Toén e Ourense.
3. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Confederación Hidrográfica do Norte de España. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor de dita rede.
4. Ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se encontren situadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente á finalización daquelas.
5. Non estando definida, no estudo presentado, a reserva dunha zona para a fabricación de formigón ou aglomerado asfáltico, estes serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.
6. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na obra. En caso de que isto non sexa posible serán entregados a xestor autorizado.
7. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas.
Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se vaian usar para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos xeotecnicamente pouco exixentes, etcétera) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.
8. A xestión da terra vexetal para utilizar na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou deslizamento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etcétera).
No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegar de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica.
9. No caso de ter que realizar labores de mantemento e reparación da maquinaria non apta para circular por estrada na zona de obras, protexerase o solo con materiais impermeables e disporanse os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.
10. Tal como se propón na documentación achegada respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución da obra. Tendo en conta que, se tecnicamente resulta posible, non se eliminarán os cepos; sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.
Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.
11. Os restos vexetais que se xeren deberán ser xestionados adecuadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos sobre o terreo, deberán ser triturados e esparexidos homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.
12. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos.
13. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso de seren precisas, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.
14. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística indicados no punto B.1.6 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.
15. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fora preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.
16. No caso de afectar a fontes e/ou captacións de auga existentes no ámbito da traza, estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais.
17. No caso de que como resultado de levar a cabo o programa de vixilancia ambiental indicado no punto B.1.7 desta DIA, se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
C) Condicións específicas.
C.1) Fase previa á redacción do proxecto construtivo.
Desenvolverase unha intervención arqueolóxica consistente na realización de sondaxes valorativas sobre os elementos arqueolóxicos denominados A-5 Os Casares (Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense) e A-6 Os Anguieiros (Santa María de Fea, Toén), co fin de determinar o potencial arqueolóxico, a extensión e características dos mesmos. Os resultados desta intervención deberán ser remitidos á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe.
C.2) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. Realizarase un programa de actuacións sobre o patrimonio que deberá ser aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo, onde, ademais do control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, se inclui rán as actuacións que se deriven da condición C.1. da presente DIA.
2. Calquera modificación do trazado do proxecto obxecto desta DIA terá que ser comunicada, coa maior brevidade posible, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
3. Realizaranse os axustes de deseño necesarios nas obras de drenaxe proxectadas de forma que cumpran coas recomendacións establecidas no punto 5.2.2.2.1 da instrución de estradas 5.2.1.C; así como nas normas 2.1.5.1.4 (caudal máximo de enchente); 2.1.5.1.12 (vías de comunicación) e 2.1.5.1.13 (condicións que deben cumprir as obras a realizar no dominio público hidráulico) do Plan hidrolóxico Norte I (Real decreto 1664/1998). O proxecto construtivo remitirase á Confederación Hidrográfica do Norte de España para o seu informe.
Ademais, estudarase a afección do ramal OUR-402/AP-53 no réxime de correntes do río Miño para un período de retorno de 500 anos en consonancia coa norma 2.1.5.1.12 (vías de comunicación) do Plano Hidrolóxico Norte I (R.D. 1664/1998).
O proxecto construtivo remitirase á Confederación Hidrográfica do Norte de España para o seu informe.
4. Integraranse nos planos adxuntos ao proxecto construtivo todos os elementos do patrimonio de carácter etnográfico e arquitectónico incluídos no Catálogo de Bens para Protexer do PXOM de Ourense, xunto cos seus contornos de protección delimitados no antedito plan xeral, que se sitúen dentro do ámbito da franxa sobre a que se realizou a prospección arqueolóxica intensiva, en concreto os elementos dos núcleos rurais de Casar do Mato e Santa Cruz de Arrabaldo.
5. Dada a existencia de entidades de poboación no contorno do proxecto (Casar do Mato, Santa Cruz de Arrabaldo, etcétera), co obxecto de minimizar as afeccións sobre a poboación, terase en conta o seguinte:
- No deseño das voaduras, así como na planificación dos métodos de execución destas, incluiranse as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais grosos. Estas actuacións serán obxecto dun especial seguimento.
- No proxecto de restauración vexetal ao que se fai referencia no punto B.1.6 da DIA, estableceranse para as zonas da traza máis próximas ás zonas poboadas, sempre que sexa posible, medidas adicionais (aumentar a densidade de sementeira e/ou plantación, evitar formas demasiado artificiais nos noiros, etcétera) para maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.
6. No caso do viaduto sobre o río Miño, asegurarase no seu deseño o feito de que os estribos ou zapatas se sitúen como mínimo a 5 m a cada lado do leito, para facilitar o tránsito da fauna terrestre e anfibia así como permitir o paso aos pescadores.
Evitarase, na medida do posible, que as obras coincidan cos períodos de desova, de emerxencia de xuvenís e cando se produzan picos nos movementos migratorios das especies piscícolas do río.
Alterarase o mínimo posible a morfoloxía do leito fluvial polas obras.
7. Definiranse os pasos exclusivos para fauna (en concreto no plano nº 14.1 Medidas correctoras incluído no estudo de impacto ambiental localízase un destes pasos) de tal xeito que dispoñan das dimensións axeitadas para as especies ás que van dirixidos e se localicen en zonas frecuentemente utilizadas por elas, ademais proxectarase a plantación de árbores e arbustos autóctonos e locais para atraer e canalizar a fauna cara a eles.
8. Ademais de cumprir os condicionados indicados no punto B.1.7 o programa de vixilancia ambiental a incluír no proxecto construtivo deberá prever especificamente os seguintes aspectos:
- Respecto ao plan de control da calidade de auga do río Miño indicado no estudo de impacto ambiental, completarase a lista dos parámetros a analizar cos seguintes: oxíxeno disolto, condutividade e aceites e produtos lubricantes. As tomas de mostras realizaranse augas arriba e augas abaixo do treito do río afectado polas obras.
- Ampliar o plan de seguimento dos ruídos ao que se fai mención no estudo de impacto ambiental, tanto para a fase de obras como durante a explotación da vía, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites para impoñer, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.
- Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación do mesmo, de xeito que cumpra a súa función dun modo efectivo.
En todos os casos, situaranse os puntos de mostraxe propostos nun plano a escala 1:5.000, ou maior detalle.
C.3) Fase de replanteo.
1. Desenvolvemento do Programa de Actuacións sobre o Patrimonio conforme se resolva a condición C.2.1 da presente DIA.
Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto deberase dispoñer da autorización emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización do devandito Programa de Actuacións sobre o Patrimonio (intervencións e seguimento e control arqueolóxico).
Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases de obra, ou no caso de que aparezan novos elementos non detectados ata o momento, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras precisas. Terase en conta que, na fase de replanteo, revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas protectoras e correctoras.
Informarase o equipo de control e seguimento arqueolóxico da localización das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, viais de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que poidan afectar a elementos do patrimonio cultural, deberase comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural coa maior brevidade posible.
2. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto correspondente ao dominio público hidráulico, deberase dispoñer das autorizacións oportunas emitidas pola Confederación Hidrográfica do Norte de España.
3. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo que se procederá ao balizado ou sinalización adecuada do treito afectado do río Miño, co obxecto de preservalo de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puideran supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.
C.4) Fase de obras.
1. Prohíbese verter nos leitos do río Miño restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como os cambios de aceite de maquinaria de construción.
2. A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental a que se fai referencia nos puntos B.1.7 e C.2.8 da DIA para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan:
a) Trimestralmente:
- Cronograma actualizado das obras.
- Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado. Incluirase unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas do río Miño.
- Representación en plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman.
b) Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do programa de vixilancia ambiental que reflicta o cumprimento de todas as medidas correctoras previstas no estudo así como as impostas pola DIA, en concreto:
- Informe no que se reflicta o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras respecto do proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto anterior. Incluirase unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.
- Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.
C.5) Fase de explotación.
A Dirección Xeral de Obras Públicas elaborará anualmente un informe, incluíndo o seguinte:
- Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolto no proxecto construtivo segundo o solicitado nos puntos B.1.7 e C.2.8 desta DIA.
- Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data e a hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano.

A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2004.
José Manuel Álvarez-Campana Gallo
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I - Resumo do proxecto de trazado
O proxecto consiste na realización dun enlace entre a autopista Santiago de Compostela-Ourense (AP-53), a autovía A-52 e as estradas N-120 e OU-402.
Para a realización deste enlace no proxecto proxéctanse tres alternativas de trazado (A, B e C) que afectan a tres termos municipais: Punxín (soamente na alternativa C), Toén e Ourense, provincia de Ourense.
As tres alternativas localízanse nun espazo moi próximo entre si, polo que os condicionantes topográficos e ambientais son os mesmos para as tres alternativas planeadas, con excepción da conexión coa N-541 proposta na alternativa C, que afecta a unha zona nova ao cruzar o río Barbantiño na busca da citada estrada nacional.
Seleccionarase finalmente a alternativa B como a menos impactante desde o punto de vista ambiental.
Descrición da solución adoptada:
O comezo deste enlace proposto nesta alternativa sitúase, ao igual que nas restantes, no p.q. 84+700 do tronco da autoestrada AP-53, coa sección formada por dous carrís de 3,5 m, beiravías exteriores de 2,5 m e interiores de 1 m e mediana de 1,5 m.
A conexión coa estrada N-120, realízase ao norte do río Miño, mediante un semi-enlace composto por dous ramais directos a Santiago de Compostela que conflúe nunha glorieta a nivel coa N-120, en Santa Cruz de Arrabaldo. A partir desta glorieta repóñense, ademais das dúas conexións de ambas direccións da N-120, unha estrada local de acceso á estación de Santa Cruz.
A conexión coa OU-402, realizarase simultaneamente á da autovía A-52, tras o cruzamento do tronco da autoestrada sobre o río Miño mediante un viaduto, realizando a bifurcación dos catro carrís (dous cada calzada) cara e desde a A-52 e a OU-402, desde o p.q. 86+900 da AP-53. Os carrís da dereita (exteriores) diríxense cara a unha nova glorieta proxectada na OU-402, ao norte da A-52, mentres que os carrís da esquerda (interiores) convértense nos ramais directos de conexión entre as dúas vías de alta capacidade.
A conexión coa A-52, baseándose en estudos de tráfico que concluíron que os movementos máis importantes de tráfico produciranse entre a AP-53 e a A-52 en dirección Ourense, realizarase mediante dous ramais directos que enlazan estas direccións, mentres que os movementos entre a AP-53 en sentido Vigo pódense realizar unicamente a través dun enlace existente na A-52 e outro dos novos da AP-53 coa OU-402 e coa N-120. Será necesaria a construción dun gran viaduto sobre o río Miño entre o p.q. 86+580 e o 86+900 do tronco, alcanzando unha lonxitude superior aos 400 m.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental
Medidas protectoras-preventivas.
1. Protección á atmosfera:
Encamiñadas a diminuír a xeración de po durante as operacións asociadas ao movemento de terras, tránsito de maquinaria, voaduras e asfaltado.
Entre as medidas a aplicar no transporte atópanse as seguintes:
- Realización de regas periódicas con auga ou con estabilizantes químicos, especialmente en días de forte vento, en días secos e en zonas próximas a núcleos de poboación. Os lugares de rega serán os camiños de acceso a obra, eixo da traza e todas as zonas que supoñan movementos de terra ou xeración de po.
- Utilización de toldos ou lonas plásticas para cubrir o camión cando o material é transportado.
- Control das emisións de gases e partículas procedentes dos motores de combustión interna das máquinas e vehículos de obra, que deberán axustarse en todo momento aos valores regulamentarios.
Así mesmo, estará terminantemente prohibida a queima de monte baixo, leña, aceites, plásticos, etcétera e calquera tipo de fogueira non autorizada pola dirección de obra.
2. Minimización da contaminación acústica:
Establécense unha serie de medidas para atenuar o ruído producido pola maquinaria, como son:
- Utilización de compresores e perforadoras de baixo nivel sónico, martelos pneumáticos e hidráulicos e, en xeral, maquinaria con carcasas protectoras de motores.
- Emprego de materiais resilientes, como a goma, a fibra de vidro ou a espuma de poliuretano para amortecer o ruído xerado polo choque do material contra as superficies metálicas e as vibracións desde os equipos ás estruturas que os soportan.
- Non descargar o material desde altura, especialmente se é groso.
3. Control de riscos xeolóxicos:
Co fin de evitar riscos de deslizamentos dos noiros, deberanse deseñar adecuadamente mediante pendentes tendidas ou abancalamentos. Así mesmo deberanse dispoñer os elementos de desaugadoiro oportunos para minimizar a escorreita irregular sobre os noiros.
4. Protección e conservación de solos:
Estableceranse unha serie de medidas co obxecto de restrinxir a superficie afectada polas obras, así como definir os procedementos que permitan amorear e reutilizar a terra vexetal nos labores de revexetación. Para iso levaranse a cabo as seguintes medidas de protección do solo:
- Procederase ao balizamento, mediante a delimitación do terreo que vaia ser afectado polas obras, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o terreo e se reduza o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para tal efecto.
- Delimitarase un espazo destinado á acollida das instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zona de almacenamento de materiais, etcétera), localizados en espazos que carezan de valores ambientais relevantes. Reduciranse, na medida do posible, as áreas de amoreamento de materiais e maquinaria, restrinxindo o movemento de maquinaria ao parque de maquinaria e ás pistas abertas provisionalmente.
- Os residuos xerados durante a execución das obras xestionaranse conforme a lexislación vixente. En caso de levar a cabo o almacenamento temporal de residuos, mentres non sexan entregados a un xestor autorizado, situarase dentro da zona de obras en superficies delimitadas e sinalizadas nas que se disporán contedores ou outros medios necesarios para evitar posibles afeccións ao solo.
- Os labores de mantemento da maquinaria de obra non apta para circular por estrada realizaranse dentro da zona habilitada para iso no parque de maquinaria, dispoñendo dos medios necesarios para evitar calquera afección ao solo por derramos accidentais. En caso de maquinaria apta para circular por estrada, o mantemento realizarase en talleres autorizados.
- Nos procesos de despexe e roza da cuberta vexetal, retiraranse as capas fértiles do solo, a denominada terra vexetal, que será amoreada en diversos puntos a unha altura non superior a 2 m e posteriormente será empregada na restauración vexetal das superficies afectadas pola obra.
- As terras sobrantes serán levadas a vertedoiro autorizado. Na localización de canteiras, zonas de préstamo, vertedoiros e instalacións auxiliares quedarán excluídos todos os solos protexidos segundo os diferentes planeamentos vixentes, como son as ribeiras do Miño e do Barbantiño.
- Revexetaranse os noiros de desmonte e terraplén o antes posible para minimizar a erosión que se puidera producir e mellorar a estrutura do solo mediante as achegas de materia orgánica que favorecen a infiltración.
5. Protección da calidade das augas:
Durante a fase de obras poñeranse en práctica unha serie de medidas para reducir o risco de contaminación das augas superficiais. Estas medidas son:
- Previamente á execución das obras, procederase ao replanteo e balizado nos puntos de interceptación cos leitos, evitando así as afeccións innecesarias á rede hídrica.
- Estará prohibida a vertedura de calquera tipo de material ou substancia ás augas superficiais, extremándose as precaucións en talleres e zonas de amoreamentos de produtos perigosos (lubricantes, combustibles, etcétera).
- Prohíbese o uso de marxes fluviais e ribeiras (entendendo como tales a banda de 20 m de largo en ambas marxes do leito) e zonas de servidume ou policía como lugar para o depósito de materiais, parque de maquinaria e, en xeral, todas aquelas actividades que supoñan un risco de contaminación das augas ou alteración do ecosistema asociado.
- Inmediatamente despois de finalizar as obras no contorno dos leitos, levarase a cabo a restauración das marxes fluviais alteradas.
- Os estribos e os piares do viaduto sobre o río Miño situaranse a unha distancia mínima de 5 metros da vexetación de ribeira.
- Durante a fase de execución instalaranse barreiras de retención de sedimentos, constituídas por balas de palla, nas proximidades do punto de cruzamento co río Miño, para evitar a contaminación das augas.
No tocante ás augas subterráneas, nas zonas onde a vulnerabilidade dos materiais á contaminación é maior extremaranse as precaucións tanto en fase de construción como durante a súa explotación.
6. Protección da vexetación:
Estableceranse as seguintes medidas durante a fase de execución, co fin de protexer a vexetación existente na área afectada polas obras:
- Na fase de replanteo, previo á roza, sinalarase de forma clara e distinta as árbores a protexer e aquelas que serán eliminadas. Así mesmo, procederase ao balizamento perimetral de todas aquelas formacións vexetais de maior valor ecolóxico presentes no contorno do espazo afectado polo proxecto, como é o caso da Carballeira de Santa Cruz, situada a un cento de metros da zona de obras.
- Respectarase todo tipo de vexetación que non estea afectada directamente pola execución da obra.
- Estableceranse proteccións individuais dos exemplares singulares.
- A eliminación da vexetación da área que se vai revexetar será sempre mediante sistema de roza que facilite a revexetación natural.
- Elaborarase un calendario de sinalización, execución e retirada de proteccións e sinalizacións.
- Informarase a todos os operarios da obra da importancia da conservación da vexetación e do significado da sinalización.
- Trasladaranse ao viveiro ou transplantaranse noutros puntos aqueles exemplares de maior entidade.
7. Protección da fauna:
As medidas protectoras que se van aplicar son as seguintes:
- Minimizar as zonas de ocupación mediante balizamento.
- Dar continuidade ao cerramento lonxitudinal da vía de maneira que dirixa á fauna cara aos pasos transversais, incorporando estruturas que permitan o escape dos animais que accidentalmente accederan á calzada e o seu atropelo, especialmente en áreas próximas aos enlaces.
- Adecuar o deseño das obras de drenaxe transversal para permitir o paso da herpetofauna e os mamíferos de pequeno tamaño a través deles reducindo a súa mortalidade. As saídas das drenaxes protexeranse da erosión mediante soleiras e restau rarase a vexetación do contorno. No interior do paso instalarase unha pequena pasarela lateral para favorecer o paso dos pequenos vertebrados.
- Planificar o calendario das obras, prestando especial interese aos períodos de reprodución e cría das especies faunísticas presentes á hora de programar as voaduras.
8. Protección da paisaxe:
Durante o proceso construtivo nas zonas de cruzamento coas Ribeiras do Miño, área recoñecida como espazo natural nas normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Ourense, deberanse extremar as medidas de protección encamiñadas a garantir a súa conservación. Para iso procederase ao balizamento previo do mesmo co fin de delimitar a zona de ocupación estrita do trazado, protexendo o leito e as súas ribeiras, así como a fauna e vexetación asociadas, e acoutar a afección aos ditos hábitats. Así, teranse en conta as medidas expostas con anterioridade respecto da protección dos solos, calidade das augas, vexetación, etcétera, que serán igualmente aplicables a este espazo.
Complementariamente ao deseño do viaduto, evitarase a disposición de piares na zonas de leito de augas medias, separándose os estribos deste en distancias mínimas de 5 m para facilitar a permeabilidade lonxitudinal asociada ao río.
9. Protección do medio natural:
Durante as obras, será frecuente a interrupción do viario debido ao parque de maquinaria ou polo movemento de terra, polo que o tráfico normal verase dificultado polo paso continuo de camións e vehículos pesados. En todos os casos adoptarán as seguintes medidas:
- Sinalarase adecuadamente a obra e regularase o tráfico.
- Sinalaranse convenientemente os itinerarios alternativos ata a fin da obra, cando se repoña o viario orixinal.
- Minimizarase o efecto xerado polo movemento de terras, tránsito de maquinaria, etcétera, mediante a rega dos viais de rodadura, especialmente nas zonas próximas ás áreas cultivadas e ás vivendas habitadas.
10. Protección do patrimonio cultural:
Recoméndase realizar un seguimento arqueolóxico a pé de obra por parte dun equipo técnico durante a fase de remoción de terras, que será o encargado de indicar o protocolo que hai que seguir no caso de que aparezan novos afloramentos.
Medidas correctoras.
1. Corrección de afección por ruído:
Co fin de minimizar a contaminación acústica procederase á instalación de pantallas acústicas reflectantes ou absorbentes de fábrica no contorno das zonas con alta densidade de edificacións e pantallas vexetais nas zonas con media e baixa densidade.
2. Integración morfolóxica da obra:
Adoptaranse as seguintes medidas para atenuar o impacto xerado por consecuencia do movemento de terras e integrar paisaxisticamente a obra:
- Procederase ao redondeo das arestas.
- Evitarase o refino excesivo da superficie xa que constitúe un inconveniente para a posterior colonización vexetal.
- Nos desmontes escavados na rocha deixaranse as formas irregulares que mostren morfoloxías similares ás existentes no estado natural do solo.
- Evitaranse formas verticais, a xeito de canles, paralelas producidas polos dentes das pas das máquinas escavadoras, xa que facilitan o proceso de formación de fochas.
3. Medidas correctoras por afección ao réxime hídrico:
Durante a fase de explotación realizarase un control do correcto mantemento das obras de drenaxe transversal e deberase poñerse especial coidado para evitar posibles verteduras ao leito.
4. Medidas correctoras para a conservación de vexetación e solos:
Son as mesmas que as protectoras-preventivas.
5. Medidas correctoras para a protección da fauna:
Poden ser de dous tipos: pechamentos e adecuacións de drenaxes, nos que se inclúen todas aquelas modificacións de elementos existentes ou unidades de obra de nova instalación para mellorar a permeabilidade transversal e limitar a mortalidade asociada á explotación da nova vía.
6. Medidas correctoras para a conservación do patrimonio cultural:

7. Restauración vexetal e integración paisaxística:
Para recuperar as superficies afectadas e lograr a integración paisaxística da área afectada polas obras, levarase a cabo a restauración da cuberta vexetal de acordo co establecido no proxecto de restauración vexetal. En liñas xerais, consiste na adaptación ao terreo natural coa minimización dos movementos de terras, adaptando os noiros resultantes á orografía da zona.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL