Resolución do 30 de marzo de 2005, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 15 de marzo de 2005, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da actuación incluída no Plan Galicia: vía de alta capacidade Tui (incluído enlace autovía a Portugal), A Guarda (PO/03/009.00).

Diario Oficial de Galicia, 12-04-2005, Núm. 69, Páx. 6000
Resolución do 30 de marzo de 2005, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 15 de marzo de 2005, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da actuación incluída no Plan Galicia: vía de alta capacidade Tui (incluído enlace autovía a Portugal), A Guarda (PO/03/009.00). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o día 15 de marzo de 2005, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da actuación incluída no Plan Galicia: vía de alta capacidade Tui (incluído enlace autovía a Portugal), A Guarda (PO/03/009.00), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2005. Agustín Hernández Fernández de Rojas Director xeral de Obras Públicas Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 15 de marzo de 2005, relativa ao estudo informativo: Plan Galicia. Vía de alta capacidade: Tui (incluído enlace autovía a Portugal), A Guarda, nos concellos de Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave: 2005/0031. Antecedentes: A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 12 de febreiro de 2004, aprobou provisoriamente o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental do Plan Galicia: vía de alta capacidade Tui (incluído enlace autovía a Portugal, A Guarda (PO/03/009.00) nos concellos de Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda (Pontevedra). Este estudo informativo abrangue o conxunto de alternativas de traza posibles técnica, funcional e economicamente co fin de desenvolver unha vía de alta capacidade que conecte os núcleos de Tui e A Guarda, incluíndo o enlace coa autovía a Portugal. A lonxitude destas alternativas é aproximadamente duns 25 km. No anexo I resúmese o contido do estudo informativo e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental. Dado que o proxecto está comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese a trámite de avaliación de impacto ambiental. En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 19 de febreiro de 2004 publícase no DOG (nº 35) a Resolución do 13 de febreiro de 2004, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental do Plan Galicia: vía de alta capacidade Tui (incluído enlace autovía a Portugal), A Guarda. Durante este período foron presentadas alegacións por parte dos concellos do Rosal, Tomiño, e Tui, de diversos particulares, asociacións e comunidades de veciños. Destas alegacións as que teñen carácter ambiental foron tidas en conta, no que procede, no condicionado da DIA. Con data do 28 de xaneiro de 2005, ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no cal se inclúen os certificados de exposición ao público nas distintas dependencias, copia das alegacións presentadas nese período e os informes das direccións xerais de Saúde Pública, Patrimonio Cultural e Conservación da Natureza e de Confederación Hidrográfica do Norte, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e Deputación Provincial de Pontevedra. Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula, só para os efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudo informativo: Plan Galicia: vía de alta capacidade Tui (incluído enlace autovía a Portugal), A Guarda. Declaración de impacto ambiental: Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das citadas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo-, poderá ditar, só para os efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que fornezan una maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan atinxir os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta declaración, e non poderá comezar as obras, antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. A) Ámbito da declaración. O trazado ámbito desta DIA para a VAC Tui (incluído enlace autovía a Portugal) A Guarda, é a denominada alternativa nº 2, definida no documento Estudo informativo e impacto ambiental. Vía de alta capacidade: Tui (incluído enlace autovía a Portugal), A Guarda. Decembro 2003; pero coas variacións descritas no documento Estudo informativo e impacto ambiental. Vía de alta capacidade: Tui (incluído enlace autovía a Portugal), A Guarda. Proposta de trazado definitivo. Tomo complementario. Decembro 2004 e reflectidas no Plano de variantes. Alternativa 2, quedando a proposta definitiva de trazado coa configuración reflectida no plano Planta. Trazado definitivo; ambos planos incluídos no último documento nomeado. B) Condicións xerais. B.1) Fase de redacción do proxecto construtivo. 1. Redactarase un estudo da incidencia acústica adaptado á traza definitiva, e definiranse con detalle e incorporaranse ao proxecto definitivo as medidas correctoras necesarias para minimizar a afección sonora co fin de garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, no caso de que disporen delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda. 2. Localizaranse as zonas destinadas a instalacións auxiliares, acumulacións de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro e, tal como se especifica no estudo de impacto ambiental, procurarase que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes. 3. Proxectaranse nas zonas establecidas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria e para as zonas de formigonaxe, un sistema de recolla, condución e sedimentación da auga procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura destas augas cara ás correntes de auga. Así mesmo, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria, protexerase o solo con materiais impermeables. 4. Definiranse as vías auxiliares que se utilizarán no proceso construtivo, primando o uso da traza fronte a camiños locais preexistentes, e de ambas, fronte á apertura de novas vías. 5. Tal como se indica no estudo de impacto ambiental, evitarase modificar as redes de escorremento para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura colocando tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo. Así mesmo, estas estruturas dimensionaranse adecuadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Estas estruturas deberán poder ser utilizadas como paso por parte da microfauna (herpetofauna e micromamíferos), polo que os ditos pasos se deseñarán con largo suficiente e de forma que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, deben ser consideradas como pasos bidireccionais para a fauna, polo que estarán desprovistas de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, previndo que todas as especies que caian poidan saír. Así mesmo, nos casos en que a drenaxe transversal sirvan de paso para cursos fluviais con fauna piscícola, utilizaranse estruturas que non afecten o leito do curso fluvial nin os desprazamentos desta fauna nas épocas de estiaxe debido á escasa lámina circulante ou a elevada velocidade (é o caso das estruturas de tipo marco ou tubo). 6. No caso de se produciren sobrantes dos movementos de terras, seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o depósito, tendo en conta que, no caso de existiren no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no medio. 7. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, e evitaranse as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no medio. 8. Redactarase un proxecto de integración paisaxística no que se desenvolvan detalladamente as labores de revexetación descritas, de forma xenérica, no punto 13 do tomo 2 do documento Estudo informativo e impacto ambiental. Vía de alta capacidade: Tui (incluído enlace autovía a Portugal), A Guarda. Decembro 2003; e as recomendacións xurdidas do documento Addenda ao estudo de impacto ambiental. Afeccións sobre a zona de especial protección dos valores naturais LIC ES 1140007 Baixo Miño e sobre o conxunto de zonas húmidas do Poste-1 e 2; Pozas Redondas, Leiras Longas, Figueiró-1, 2, 3 e Figueiró-4. Setembro 2004. Así, neste proxecto definiranse os traballos segundo as diferentes zonas a revexetar (noiros en desmonte e terrapléns, contorno de embocaduras de pasos de fauna, instalacións e vías auxiliares, superficies baixo viadutos, etcétera). Ademais, respecto das especies que se utilizarán a revexetación, incluiranse, sempre que sexa técnica e economicamente posible, arbustos e árbores autóctonas da zona afectada, sobre todo no tocante á vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados pola traza, no caso de que esta se vexa afectada, co fin de protexer o ecosistema e mellorar a integración paisaxística da actuación. 9. Desenvolverase un novo programa de vixilancia ambiental específico para a traza final da vía, baseado nas liñas xerais expostas no estudo de impacto ambiental e adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos desta declaración. O obxecto deste programa será garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación), a periodicidade dos controis, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso. Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que: - As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo tanto, faranse naqueles momentos en que poida existir una afección sobre os aspectos a controlar. - A toma de mostras, análisis e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán ir acompañadas de informe asinado polo técnico competente. - O cronograma será actualizado para cada informe e sempre deberá determinar os labores de restauración e de revexetación. B.2) Fase de implantación. Procederase ao balizamento ou, se é o caso, á sinalización das zonas de obra e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen. Queda expresamente prohibida a ocupación de terreos alén dos previstos. Ademais, tamén se procederá ao balizamento ou, se é o caso, á sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no entorno do proxecto, basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural; co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles. B.3) Fase de obras e explotación. 1. Levaranse a cabo as medidas indicadas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras. 2. Cumprirase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de disporen delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda. 3. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Confederación Hidrográfica do Norte. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispor da autorización do xestor da dita rede. 4. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais, restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción. 5. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra, se for o caso, nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.6 da DIA, deberá contarse cos correspondentes permisos. 6. Ao rematar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, no caso de estas non se encontraren situadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente ao remate daquelas. 7. Non estando prevista a colocación de factorías de formigón nin de aglomerado asfáltico, estas procederán de instalación ou instalacións externas que conten coas súas correspondentes autorizacións. 8. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que está a levar a cabo esta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de se xeraren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na propia obra. Caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado. 9. No caso de se precisar material procedente de canteiras para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais a utilizar para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonaxes, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente, etcétera) procedan de instalacións de reciclaxe de residuos de construción e demolición. 10. A xestión da terra vexetal que se utilice na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras, realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou escorregamento do material almacenado, para o cal se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior da morea, etcétera). Así mesmo, as moreas disporanse, como máximo, con alturas de ata 2 m e, no caso de que o período de almacenamento sexa prolongado, procederase a realizar labores de mantemento consistentes en regas periódicas, remocións periódicas, fornecemento de fertilizantes minerais e sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con aportes de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica. 11. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución da obra. Terase en conta que, se tecnicamente resulta posible, non se eliminarán os tocos, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais. Para a realización de cortas das especies arbóreas, debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. 12. Os restos vexetais que se xeren deberán ser xestionados adecuadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos sobre o terreo, deberán ser triturados e esparexidos homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo. 13. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou a reutilización fronte a vertedura. Estes residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, que estarán situados na zona de instalacións auxiliares ás obras, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa situación. Ao remate das obras e antes do inicio da fase de explotación, deberanse ter retirado e xestionado adecuadamente a totalidade dos residuos de obra. 14. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación o antes posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso de seren precisas, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser a estendedura de mantas de fibras naturais. 15. Extremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. 16. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística definidos no proxecto ao que se fai referencia no punto B.1.8 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas. 17. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras for preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo. 18. No caso de afectar fontes e/ou captacións de auga existentes no ámbito da traza, estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais. 19. Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan utilizadas na execución do proxecto, procedéndose á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso. 20. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, e realizaranse os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos. 21. No caso de que como resultado de levar a cabo o programa de vixilancia ambiental indicado no punto B.1.9 desta DIA, se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. 22. No caso de producirse ou demostrarse algún imprevisto que ocasione unha afección ao espazo natural protexido Baixo Miño, tomaranse inmediatamente as medidas adecuadas para paliar a dita afección, sendo o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra quen decidirá sobre a conveniencia da solución a adoptar, así como as actuacións precisas para corrixir os efectos provocados. Así mesmo, calquera modificación do proxecto que teña algunha afección sobre o medio natural, requirirá o seu informe correspondente. C) Condicións específicas. C.1) Fase previa á de redacción do proxecto construtivo. 1. Desenvolveranse as medidas sinaladas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para os elementos patrimoniais capela e cruceiro de San Lourenzo e castro do Cotarel (GA36055019), e elaborase unha prospección arqueolóxica intensiva da totalidade da superficie que se verá afectada polo trazado e nun ámbito de 200 m a cada lado desde o límite exterior da zona de ocupación. O antedito debe ser informado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. En calquera caso, no que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, observarase disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 2. Realizarase un estudo de corredores faunísticos no ámbito da traza co obxecto de propoñer a execución de pasos artificiais e específicos para a fauna (de pequeno, mediano e gran tamaño). Deberá incluírse a adecuada revexetación das embocaduras destes para canalizar a fauna cara ás ditas zonas. Estas actuacións de revexetación integraranse, así mesmo, no proxecto a que se fai referencia no punto B.1.8 desta DIA. Deberá ser remitido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe. C.2) Fase de redacción do proxecto construtivo. 1. Redactarase un programa de actuacións sobre o patrimonio cultural conforme o indicado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en relación co sinalado no punto C.1.1. da DIA, e no cal se inclúan as medidas para levar a cabo previamente ao inicio das obras indicadas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O antedito debe ser sometido a informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. En calquera caso, no que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, observarase o disposto pola citada dirección xeral. 2. Consideraranse no deseño do proxecto construtivo as recomendacións derivadas do informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, en atención ao estudo indicado no punto C.1.2 desta DIA. 3. No deseño das estruturas de paso sobre a rede fluvial interceptada pola traza (viadutos) considerase a disposición de estribos e zapatas a máis de 5 metros a cada lado do leito, co obxecto de protexer a vexetación de ribeira que forma parte do ecosistema fluvial e facilitar o tránsito da fauna e dos pescadores. 4. Dada a existencia de numerosas entidades de poboación no contorno do proxecto (Tui, Randufe, Os Carballos, Os Gaios, A Toxeira, A Gandariña, Piñeiro, Bouzón, A Ponte, As Regadas, A Chan, A Pedra, A Rocha, O Souto, Solleiro, San Bento, Gabín, etcétera), co obxecto de minimizar as afeccións sobre a poboación, no deseño das voaduras, así como na planificación dos métodos de execución, incluiranse as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais grosos. Así mesmo, na planificación das voaduras que se realicen naqueles treitos próximos ao espazo natural protexido Baixo Miño evitarase a súa realización entre os meses de febreiro e xullo, ambos incluídos. 5. Ademais de cumprir os condicionados indicados no punto B.1.9, o programa de vixilancia ambiental deberá determinar especificamente os seguintes aspectos: - Plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras, indicando metodoloxía, periodicidade e límites que se imporán aos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona do curso fluvial afectado. Considerase que, como mínimo, os parámetros que se analizarán son os seguintes: temperatura, materias en suspensión, pH, oxíxeno disolto, condutividade e aceites e produtos lubricantes. - Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da vía, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites a impor, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. - Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación do sistema, de xeito que cumpra a súa función dun modo efectivo. En todos os casos se situarán os puntos de control propostos nun plano a escala 1:5.000 ou maior detalle. C.3) Fase de replanteo. 1. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto correspondente ao dominio público hidráulico, deberá disporse da autorización oportuna emitida pola Confederación Hidrográfica do Norte. 2. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo que se procederá ao balizado ou sinalización adecuada dos treitos dos cursos fluviais afectados polas obras (ríos da Furnia, Cereixo da Briña, Tamuxe, Pego e regatos Os Bravos, de Fábrica, etcétera), co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puidesen supor a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes. C.4) Fase de obras. A Dirección Xeral de Obras Públicas, levará a cabo o programa de vixilancia ambiental desenvolvido no proxecto construtivo segundo o indicado nos puntos B.1.9 e C.2.5 desta DIA para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan: a) Trimestralmente: - Cronograma actualizado das obras. - Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental que cumpra cos condicionantes desta DIA. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano coa localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas. - Representación en plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman. b) Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do programa de vixilancia ambiental que reflita o cumprimento de todas as medidas correctoras establecidas no estudo, así como as impostas pola DIA, en concreto: - Informe en que se reflita o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras respecto do proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto anterior. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano coa localización. - Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución. C.4) Fase de explotación. A Dirección Xeral de Obras Públicas elaborará anualmente un informe, incluíndo o seguinte: - Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido no proxecto construtivo segundo o solicitado nos puntos B.1.9 e C.2.5 desta DIA. - Reportaxe fotográfica onde se reflita a integración paisaxística da actuación, indicando a data e a hora da toma, así como a localización dos puntos de toma das fotografías nun plano. - Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa. Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2005 José Manuel Álvarez-Campana Gallo Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I - Descrición do trazado avaliado no estudo de impacto ambiental A vía de alta capacidade Tui-A Guarda, incluído o enlace coa autovía a Portugal, está situada na provincia de Pontevedra, esténdese polos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui e ten unha lonxitude aproximada de 25 km. Propóñense cinco alternativas para a súa comparación mediante un estudo multicriterio, tendo en conta factores económicos, técnicos e ambientais. A alternativa finalmente proposta e a nº 2. Descrición da traza da alternativa escollida: Ten a súa orixe á altura do enlace de Tui da autovía A55, ata o final da traza no p.k. 24+400, onde conecta mediante unha intersección coa actual PO-552 (antiga C-550), no límite leste do núcleo urbano da Guarda. A partir da súa orixe, a alternativa seleccionada percorre ao longo do seu primeiro treito de 3,2 km ata o núcleo rural do Cruceiro, bordeando este polo norte. A partir do Cruceiro a alternativa discorre ao longo dun segundo treito de 8,6 km. O trazado vira para dirección sudoeste en dirección ao núcleo da Costa, próxima á PO-552 e descende e cruza a PO-350 no p.k. 3+873, ademais de salvar en viaduto o río da Furnia. Pasando o viaduto, a traza continúa cunha serie de aliñacións circulares ata o enlace de Tomiño, propóndose este do tipo diamante. No seu percorrido, bordea polo sur a aldea rural de Piñeiro, e seguindo na mesma dirección, tamén cruza polo sur a aldea da Ponte e A Chan. Neste punto o trazado proxéctase de forma que se salvará un espazo público na Rabadeira para equipamento deportivo e cultural. Antes de chegar ao enlace de Tomiño situado na Carballa, a traza salva en viaduto o río Cereixo no p.k. 8+340, para continuar ata a estrada PO-552 entre A Rocha e O Solleiro e entre A Costa e Os Cruceiros. A PO-552 crúzase en desmonte no p.k. 11+043 pasando a alternativa polo sur da dita comarcal e pola marxe do río Miño; neste punto a traza desvíase en dirección sudoeste con maior ángulo por un terreo practicamente chan e bordeando Solaveiga, onde finaliza o treito. A partir de aquí, comeza o terceiro treito de 2,6 km ata o enlace coa PO-552, salvando mediante un paso inferior prefabricado o río Pego no p.k. 12+085 e mediante viaduto o río dos Bravos e o regato da fábrica conxuntamente. Este pequeno treito remata desviando a traza cara ao leste, e no p.k. 14+470 proponse un enlace tipo pesa con camiños existentes, a C-550 e a nova vía en execución do acceso á ponte internacional. Unha vez pasado o enlace, comeza outro pequeno treito de 3,1 km, discorrendo en terraplén maiormente entre Soutelo e A Gándara pertencente ao núcleo de Goián. A traza desvíase en dirección leste cara á aba da serra de Argallo. Neste treito proxéctase unha serie de pasos inferiores para dar permeabilidade á alternativa. Chegando á aba da serra comeza o último treito, que consta nesta alternativa de 6,9 km. Bordea o núcleo de Tabagón polo norte para descender e salvar en viaduto o val do río Tamuxe de 600 m de lonxitude. Pasando o viaduto, na falta de 2,5 km para rematar e seguindo dirección sudoeste, cruza pola Cumieira a PO-354 e penetra no termo municipal da Guarda, neste punto ata conectar coa actual PO-552 mediante una intersección tipo rotonda. Descrición da traza proposta: No entanto, como consecuencia da análise de informes, observacións e alegacións presentadas durante a exposición pública, a Dirección Xeral de Obras Públicas propón a aprobación desta traza pero coas seguintes variacións: - Axuste da traza co obxecto de non afectar parcelas de uso industrial pertencentes ao polígono industrial de Tui. - Axuste da traza co obxecto de non segregar parte meridional do núcleo de poboación de San Salvador de Piñeiro. - Adición dun ramal de enlace entre a VAC e a PO-340 co obxecto de facilitar a accesibilidade ao polígono industrial de Tomiño e á PO-344. - Axuste da traza co obxecto de minimizar as afeccións sobre o conxunto de zonas húmidas do Poste, Pozas Redondas, Leiras Longas e Figueiró. - Adición dun enlace no Rosal no p.k. 21+050. - Ampliación do viaduto sobre o Tamuxe que orixinariamente remataba no p.k. 21+900, ata superar o paso inferior situado no p.k. 22+018. - Adición duna intersección co polígono industrial da Guarda-O Rosal á altura do p.k. 23+400. ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental Fase de proxecto construtivo: Co fin de minimizar a afección ás zonas húmidas de Pozas Redondas, Leiras Longas e Figueiró, realizarase un un estudo de detalle axeitando a traza nesta zona co fin de reducir a ocupación do proxecto sobre as zonas húmidas anteriormente indicadas. No caso de non ser tecnicamente posible, preverase a construción de viadutos sobre eles. Fase de obras. * Medidas de carácter xeral: - Planificación e balizamento das superficies de actuación. - Adecuación de zonas específicas para a realización do mantemento e reparación da maquinaria, localizadas fóra de calquera espazo natural protexido e a máis de 100 m de calquera curso natural de auga, e dotaranse dos elementos de protección suficientes (impermeabilización de solos, sistema de recolla de verteduras accidentais, tratamento de augas, etcétera). - Localización de instalacións e elementos auxiliares de obra fóra de calquera espazo natural protexido e afastados dos cursos fluviais e de núcleos de poboación. - Xestión e almacenamento provisorio de residuos perigosos. Habilitarase un espazo específico nas zonas de mantemento e reparación de maquinaria, e realizarase a xestión de acordo coa lexislación vixente. - Control do movemento da maquinaria. - Colocación de barreiras de retención de sedimentos. Definiranse no proxecto construtivo. * Medidas específicas. Sobre a atmosfera: - Humectación das superficies núas polas cales exista un tránsito habitual de maquinaria ou vehículos de obra. - Aqueles vehículos destinados ao transporte de materiais fóra da zona de obras e que poidan producir po deberán proceder a cubrir a carga. - Correcta posta a punto dos sistemas de captación de po na maquinaria destinada a realización de perforacións. - A maquinaria que se utilice na obra, no que respecta ás emisións gasosas, cumprirá o establecido na lexislación vixente e disporá da documentación de posta a punto. - No que respecta a aquelas accións que poidan xerar incremento nos niveis sonoros, a execución destas estará limitada ao período comprendido entre as oito da mañán e as dez da noite. Os traballos a realizar fóra deste período deberán estar explicitamente aprobados pola dirección da obra. Sobre as augas: - Deseño dun sistema de drenaxe que asegure a drenaxe transversal e a permeabilidade da rede de drenaxe superficial, co fin de minorar a afección producida pola interceptación de valgadas, ríos e regatos. - Emprego de mallas de retención de sedimentos naqueles lugares en que se requira. - No que respecta aos viadutos sobre os ríos, no proxecto construtivo evitarase que as cimentacións ocupen o seu leito. - Restauraranse as marxes que resultasen afectadas mediante revexetación. Sobre os solos: - Retirarase e amorearase a terra vexetal. Estas moreas non superarán os tres metros de altura e situaranse fóra do dominio público hidráulico e de terreos susceptibles de asolagamentos. No caso de que o período de amoreamento sexa inferior a un ano, procederase á análise da terra vexetal amoreada co fin de determinar a dose de sementeira de gramíneas e leguminosas necesaria, así como a adición de fertilizantes. - Procurarase a compensación entre desmonte e terraplén, e no caso de existiren sobrantes estes entregaranse a un xestor autorizado. Se é necesario material para os terrapléns, este será de procedencia debidamente autorizada. - No proxecto construtivo contemplarase a presentación dun plan viario de accesos para a execución da obra. - Priorizarase o uso das vías existentes e/ou a súa adecuación fronte a execución de vías novas. - Evitarase a construción das vías provisionais nas zonas de dominio público hidráulico. - Incluirase no proxecto construtivo un proxecto de restauración nas seguintes zonas: noiros de desmonte e terraplén, zonas de parque de maquinaria e de obras, vías provisorias, plataformas de traballo e aquelas zonas non necesarias para a explotación da vía. Sobre a flora: - Naquelas zonas onde se produce a ocupación significativa de zonas húmidas e/ou ribeiras proponse que no proxecto construtivo se inclúa a creación de asolagamentos habilitados para a vexetación acuática e palustre, cunha superficie análoga á superficie afectada polo proxecto e situándoa o máis próxima posible á área afectada. Sobre a fauna: - Adaptaranse os pasos de drenaxe co obxecto de servir tamén como elementos que permitan a permeabilidade da fauna. Con este fin todos as drenaxes transversais se sobredimensionarán, aumentando a sección ata 1,80 m de diámetro. A tipoloxía será de tubos de formigón que se dotarán dun pequeno resalte lateral, co fin de permitir o paso a pequenos mamíferos, réptiles e anfibios naquelas drenaxes en que se prevexa o paso permanente de auga. - No caso de que a saída da drenaxe non se efectúe directamente sobre un cano de baixada, executarase unha pequena plataforma que permita o paso da fauna de maneira bidireccional pola drenaxe. - Nos canos da baixada asociados a obras de drenaxe, acondicionados como pasos de fauna, minimizarase o efecto barreira dos chanzos. - Na creación de hábitats húmidos deberase permitir o uso preferente polos anfibios. - Habilitaranse, na medida do posible, a creación de espazos baleiros nos viadutos para que poidan ser empregados polos morcegos como refuxios diúrnos ou de inverneira. Sobre servizos e servidumes: - Manterase a continuidade e servizo da rede de estradas e camiños existentes na zona. Todas as infraestruturas viarias existentes serán repostas, definindo previamente á execución das obras os posibles itinerarios alternativos, coa finalidade de reducir riscos viarios e molestias á poboación. Sobre o patrimonio cultural: - Establécense unha serie de medidas no estudo arqueolóxico incluído na memoria do estudo informativo. Fase de explotación. Sobre minimización de procesos erosivos: - As augas da plataforma da vía serán conducidas mediante canos de baixada e foxos ás drenaxes máis próximas. - Os noiros de desmonte deberán contar cun foxo de garda para a protección do desmonte. Cando sexa necesaria a construción de canos de baixada, deberase prever a instalación de elementos antierosión na súa saída. - Co fin de prever a aparición de fenómenos erosivos nos terrapléns, deberá evitarse a entrada de auga procedente da plataforma e proceder á súa condución cara os canos de baixada, cando sexa posible, laterais. Contarán con elementos antierosión na súa saída. - As augas conducidas aos estribos dos viadutos contarán con canos de baixada e difusores de enerxía. Cando se proxecten desaugadoiros no taboleiro do viaduto, e cando sexa posible, conduciranse as augas os canos de baixada asociados aos piares, evitando o desaugamento libre. Sobre a fauna: - Restrinxiranse os accesos á vía co fin de evitar os atropelos. Colocarase un cerramento perimetral, máis laxo na parte superior e máis chouso na inferior, e soterrada pola parte inferior. Así mesmo, este cerramento deberá cumprir a función de canalizar a fauna cara os pasos e/ou drenaxes; así, no caso de viadutos, esta estará disposta de maneira que se axuste á finalización do terraplén, e non ao inicio do estribo. Sobre o ruído: - Na fase de redacción do proxecto construtivo procederase á valoración en detalle da posible afección sobre o confort sonoro das vivendas máis próximas á vía. No caso de que se superen os límites establecidos na lexislación, preverase a instalación de pantallas acústicas naqueles lugares onde se prevexa afección significativa.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
resII30032005.pdf Galego
resII30042005.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles