Resolución do 30 de marzo de 2005, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 15 de marzo de 2005, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da actuación incluída no Plan Galicia: variante de Noia (AC/03/008.00.2).

Diario Oficial de Galicia, 12-04-2005, Núm. 69, Páx. 5990
Resolución do 30 de marzo de 2005, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 15 de marzo de 2005, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da actuación incluída no Plan Galicia: variante de Noia (AC/03/008.00.2). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, de 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data 15 de marzo de 2005, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da actuación incluída no Plan Galicia: variante de Noia (AC/03/008.00.2), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2005. Agustín Hernández Fernández de Rojas Director xeral de Obras Públicas Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de data 15 de marzo de 2005 relativa ao estudo informativo: Plan Galicia: variante de Noia (AC/03/008.00.2), nos Concellos de Lousame, Noia e Outes (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. (Clave: 2005/0016). Antecedentes. A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 9 de marzo de 2004, aprobou provisionalmente o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental: Plan Galicia: variante de Noia (AC/03/008.00.2) nos concellos de Lousame, Noia e Outes (A Coruña). O estudo informativo obxecto desta DIA abarca o conxunto de alternativas de trazado posibles co fin de desenvolver unha variante que desvíe o tráfico do núcleo urbano de Noia. No anexo I resúmese o contido do proxecto e no anexo II as medidas preventivas e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental. Dado que o proxecto se encontra comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental. En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data 17 de marzo de 2004 publícase no DOG (nº 54) a Resolución do 10 de marzo de 2004, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental: Plan Galicia: variante de Noia. Durante este período foron presentadas alegacións por parte de diversos particulares, asociacións, sociedades, fundacións e confraría de pescadores. Asemade foron presentadas alegacións fóra de prazo por parte do Concello de Noia e Plataforma pola Defensa da Ría de Noia. Destas alegacións as que teñen carácter ambiental foron tidas en conta, no que procede, no condicionado da DIA. Con data 21 de xaneiro de 2005, ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no que se inclúen copia dos certificados de exposición ao público nas distintas dependencias, copia das alegacións presentadas e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Saúde Pública, Conservación da Natureza e Recursos Mariños así como de Augas de Galicia e da Dirección General de Costas. Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 106/2004, do 27 de maio, (e posterior corrección de erros), formula para os sos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudo informativo: Plan Galicia: variante de Noia, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Declaración de impacto ambiental. Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das citadas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os sos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. a) Ámbito da declaración. A presente declaración de impacto ambiental refírese ás obras definidas no documento Estudo Informativo e Avaliación Ambiental. Variante de Noia. Febreiro 2004, na configuración correspondente á recollida no plano nº 27 Planta General. Variante de Noia Alternativa 2 incluído no tomo 3 Documento nº 3: Anexos (I). Febreiro 2004 do devandito documento, discorrendo a totalidade do trazado polo Concello de Noia. b) Condicións xerais. b.1) Fase de redacción do proxecto construtivo. 1. Adaptarase o estudo acústico achegando no estudo de impacto ambiental (incluído no tomo 3 do Estudo Informativo e Avaliación Ambiental. Variante de Noia. Febreiro 2004) á traza definitiva, e definiranse con detalle e incorporaranse ao proxecto definitivo as medidas correctoras necesarias para minimizar a afección sonora co fin de garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, no caso de que dispoña delas, nas ordenanzas municipais do concello de Noia. 2. Localizaranse as zonas destinadas a instalacións auxiliares, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, e tal como se especifica no estudo de impacto ambiental procurarase que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes. 3. Proxectaranse nas zonas establecidas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria e para as zonas de formigonado, un sistema de recollida, condución e sedimentación da auga procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura destas augas cara ás correntes de auga. Asemade, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables. 4. Definiranse as vías auxiliares a utilizar no proceso construtivo, primando o uso da traza fronte a camiños locais preexistentes e, de ambas, fronte á apertura de novas vías. 5. Dada a previsible necesidade de toma de materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para a súa toma; debéndose evitar, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de toma de préstamo. Neste último caso, deberá atenderse á normativa vixente respecto diso. 6. Evitarase modificar as redes de escorreita para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura. Neste marco, deberanse colocar tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionaranse adecuadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Estas estruturas deberán poder ser utilizadas como paso pola pequena fauna. 7. En todos os cursos de auga continuos con fauna piscícola planificarase, na medida do posible, a construción de viadutos, pontes ou arcos prefabricados para influír o menos posible sobre o ecosistema fluvial. Ademais, para a vexetación de ribeira que forma parte do ecosistema fluvial deberanse colocar os estribos ou zapatas das pontes ou arcos prefabricados a máis de 5 metros de cada lado do leito para facilitar o tránsito da fauna terrestre e anfibia así como permitir o paso aos pescadores. 8. Desenvolverase un novo programa de vixilancia ambiental específico para o trazado final da vía, baseado nas liñas xerais expostas no estudo de impacto ambiental e adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos da presente declaración. O obxecto deste programa será garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudo ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación), a periodicidade dos controles, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso. Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que: - As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo tanto, faranse naqueles momentos nos que poida existir una afección sobre os aspectos que se van controlar. - A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán ir acompañadas de informe firmado polo técnico competente. - O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá prever os labores de restauración e de revexetación. b.2) Fase de replanteo. Procederase ao balizado, ou se é o caso, á sinalización das zonas de obra e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen. Queda expresamente prohibida a ocupación de terreos más alá dos previstos. Ademais, tamén se procederá ao balizado, ou se é o caso, á sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto, basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural; co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles. b.3) Fase de obras e explotación. 1. Levaranse a cabo as medidas indicadas no estudo de impacto ambiental relativas á calidade do aire, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras. 2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de que dispoña delas, nas ordenanzas municipais do concello de Noia. 3. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede. 4. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais e no medio mariño restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción. 5. Ao rematar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se encontren situadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente ao remate daquelas. 6. Ao non estar definida, no estudo presentado, a reserva dunha zona para a fabricación de formigón ou aglomerado asfáltico, estes deberán proceder de planta ou plantas alleas á obra, que deben contar coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión desta declaración a inclusión da planta ou plantas. 7. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo por esta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na propia obra. En caso de que esto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado. 8. Tal como se indica no estudo de impacto ambiental e no punto b.1)5. da presente DIA no caso de que se precise material procedente de canteiras para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais a utilizar para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente, etcétera) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición. 9. A xestión das terras vexetais a utilizar na restauración das zonas degradadas e, retirada previa ao proceso de movemento de terras realizarase conforme o establecido no estudo de impacto ambiental. 10. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución da obra. Terase en conta que, se tecnicamente resulta posible, non se eliminarán os tocóns, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación asociada ás ribeiras dos cursos fluviais afectados pola traza, considerarase o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos río. 11. Os restos vexetais que se xeren deberán ser xestionados adecuadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos sobre o terreo, deberán ser triturados e esparexidos homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo. 12. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou a reutilización fronte á vertedura. Estes residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, que estarán situados na zona de instalacións auxiliares ás obras, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa situación. Ao remate das obras e antes do inicio da fase de explotación, deberanse ter retirado e xestionado adecuadamente a totalidade dos residuos de obra. 13. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso de seren precisas adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais. 14. Extremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica e medio mariño, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. 15. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística definidos no proxecto ao que se fai referencia no punto c.1)6. desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas. 16. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fóra preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo. 17. No caso de afectar a fontes, acuíferos e/ou captacións de auga existentes no ámbito da traza, estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais. 18. Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan utilizadas na execución do proxecto, procedéndose á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso. 19. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando ditos labores exclusivamente por medios mecánicos. 20. No caso de que como resultado de levar a cabo o programa de vixilancia ambiental indicado no punto b.1)8. desta DIA, se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os lumiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. 21. No caso de producirse ou demostrarse algún imprevisto que ocasione unha afección ao LIC Esteiro do Tambre, tomaranse inmediatamente as medidas adecuadas para paliar a dita afección, sendo o Servizo Provincial de Conservación da Natureza da Coruña quen decidirá sobre a conveniencia da solución a adoptar, así como as actuacións precisas para corrixir os efectos provocados. Asemade, calquera modificación do proxecto que teña algunha afección sobre o medio natural, requirirá o seu informe correspondente. c) Condicións específicas. c.1) Fase previa á de redacción do proxecto construtivo. 1. Elaboraranse memoria e planos xustificativos dos recheos, tanto temporais como definitivos, previstos no marco da execución do viaduto sobre a ría de Muros e Noia, incluíndo planos das plataformas de acceso da maquinaria, zona de seguridade, así como a forma e métodos para a realización das zapatas e piares do viaduto, descrición da duración aproximada das obras, período de comezo e remate, modo de execución, etcétera, que deberán ser remitidos á Dirección Xeral de Recursos Mariños e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe. 2. Previamente á finalización do proxecto de trazado, definirase con precisión o trazado xeométrico da variante e as tipoloxías estruturais baseándose nun estudo completo da dinámica litoral no ámbito da ría de Muros e Noia no que se determine a influencia que a construción do viaduto sobre a devandita ría exercerá sobre os hábitats e recursos mariños, en especial os bancos marisqueiros. Este estudo realizarase segundo o indicado no artigo 93 do Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas e será remitido á Dirección Xeral de Recursos Mariños e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe. 3. Se do estudos anteriores se derivase afeccións a hábitats de interese comunitarios recollidos pola Directiva 92/43/CEE asociados ao LIC Esteiro do Tambre (como previsiblemente será o caso da ocupación física da plataforma, recheos ou zapatas do viaduto), elaborarase unha Memoria de Medidas Compensatorias destinadas á reposición de, polo menos, a mesma superficie dos hábitats que resultasen afectados. Deberá ser remitida á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe. 4. Realizarase un estudo de corredores faunísticos no ámbito da traza co obxecto de propoñer a execución de pasos artificiais e específicos para a fauna. Deberá incluírse a adecuada revexetación das embocaduras destes para canalizar a fauna cara a ditas zonas. As ditas actuacións de revexetación integraranse así mesmo no proxecto ao que se fai referencia no punto c.1)6. desta DIA. Deberá ser remitido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe. 5. Deberá realizarse unha prospección arqueolóxica intensiva que terá que ser levada a cabo por técnico arqueólogo competente, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Polo que o dito proxecto deberá ser remitido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe. 6. Redactarase un proxecto de integración paisaxística no que se desenvolva detalladamente a adaptación do deseño do viaduto á paisaxe da ría así como os labores de revexetación descritos, de forma xenérica, no punto 10 Medidas preventivas e protectoras incluído no documento Estudo Informativo e Avaliación Ambiental. Variante de Noia. Tomo 3 de 4. Febreiro 2004, e as recomendacións xurdidas do Anexo ao Estudo de Impacto Ambiental: Estudio de Afección á Rede Natura 2000. Variante de Noia. Setembro 2004. Así, neste proxecto definiranse os traballos segundo as diferentes zonas a revexetar (noiros en desmonte e terrapléns, contorno de embocaduras de pasos de fauna, instalacións e vías auxiliares, etcétera). Ademais, respecto das especies a utilizar na revexetación, incluiranse, sempre que sexa técnica e economicamente posible, arbustos e árbores autóctonas da zona afectada, sobre todo no tocante á vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados pola traza, no caso de que esta se vexa afectada, co fin de protexer o ecosistema e mellorar a integración paisaxística da actuación. c.2) Fase de redacción do proxecto construtivo. 1. Considerarase dun xeito estrito no deseño do proxecto todas as recomendacións derivadas de todos os informes emitidos polas direccións xerais de Recursos Mariños, e Conservación da Natureza respectivamente, especialmente en atención aos estudos indicados no punto c.1) da presente DIA, desenvolvendo con detalle: - as medidas correctoras e/ou compensatorias sobre os recursos mariños e medio natural que se deriven, - e o sistema, metodoloxía, factores e parámetros obxecto de vixilancia ambiental, detallando os puntos de control e os limiares. Neste senso o Proxecto Construtivo deberá ser informado polas direccións xerais de Recursos Mariños e Conservación da Natureza. 2. Redactarase un programa de actuacións sobre o patrimonio cultural que contará co indicado pola Dirección de Patrimonio Cultural nos seus informes, incluído o derivado do exposto no punto c.1)5. En calquera caso, no que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural estarase ao disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 3. Definirase co maior detalle técnico posible o procedemento de execución do viaduto sobre a ría de Muros e Noia, incluíndo información sobre a superficie a ocupar temporal e permanentemente, medidas de prevención e protección fronte a riscos ambientais e definición da zona de seguridade. No deseño deste procedemento, considerarase a necesidade ineludible de manter sempre un paso para a auga a través da zona de obras, a de retirar todos os recheos temporais efectuados para a execución dos piares e as conclusións que se deriven do estudo da dinámica mariña no ámbito da ría de Muros e Noia. 4. Dada a existencia das entidades de poboación de Eiroa, Barro, Agra do Barro, A Forcadela, Taramancos e Noia no contorno do proxecto, co obxecto de minimizar as afeccións sobre a poboación; no deseño das voaduras, así como na planificación dos métodos de execución, incluiranse as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais grosos. 5. Definiranse con detalle e incorporaranse ao proxecto definitivo as medidas correctoras para minimizar a afección sonora derivadas dos resultados do estudo a realizar conforme sinala o punto b.1)1. da presente DIA; co fin de garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica , e, no caso de que dispoña de elas, nas ordenanzas municipais do concello de Noia. 6. No caso de que finalmente se xeren materiais sobrantes procedentes dos movementos de terra localizaranse as zonas de depósito destes. Para a elección destas zonas utilizaranse os criterios indicados no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. 7. En relación co punto c.2)1., o programa de vixilancia ambiental deberá, ademais de cumprir os condicionados indicados no punto b.1) 8. e o descrito no devandito punto c.2)1., contemplar especificamente, salvo xustificación debidamente motivada, os seguintes aspectos: a) Plan de seguimento da evolución tanto do sedimento como dos recursos marisqueiros que permita avaliar e prever as posibles perdas na fase de construción e nos primeiros anos da fase de explotación. b) Plan de seguimento da dinámica mariña que permita avaliar o grado de afección dos piares da ponte nos recursos marisqueiros debido a procesos de sedimentación e erosión. c) Plan de seguimento da calidade das augas da ría de Muros e Noia durante a fase de construción do viaducto, que permitirá coñecer o grado de cumprimento dos obxectivos de calidade das augas indicadas na lexislación vixente de aplicación ao respecto e que terá en conta o seguinte: * As análises a realizar deberán incluír todolos parámetros establecidos no Real decreto 345/1993, de 5 de marzo, polo que se establecen as normas de calidade das augas e da produción de moluscos e outros invertebrados mariños vivos. * Tomaranse como mínimo seis puntos de mostraxe situados sobre a autorización marisqueira afectada como nas dúas máis próximas. * O seguimento da porcentaxe de sólidos en suspensión debe ser realizada en continuo nos momentos da realización de recheos ou da retirada de materiais, co fin de poder detectar incrementos puntuais. O programa de vixilancia ambiental, no referente aos aspectos anteriores, deberá ser informado pola Dirección Xeral de Recursos Mariños. 8. Ademais de cumprir os condicionados indicados no punto b.1)8., o programa de vixilancia ambiental deberá tamén contemplar especificamente os seguintes aspectos: a) Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da vía, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites a impoñer, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. b) Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando que se levan a cabo os labores de limpeza e conservación do mesmo, de xeito que cumpra a súa función dun modo efectivo. c.3) Fase de replanteo. 1. Previamente a calquera actuación sobre ao ámbito do proxecto correspondente ao dominio público hidráulico e/ou ao dominio público marítimo-terrestre, deberá dispoñerse da autorización oportuna emitida por Augas de Galicia e pola Dirección Xeral de Costas respectivamente. 2. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico e marítimo-terrestre, polo que se procederá ao balizado ou sinalización adecuada dos treitos inscritos en ambas zonas, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos así como as ribeiras, marxes e zona de servidume (no caso do dominio público hidráulico) e zona de servidume de tránsito (no caso do dominio público marítimo-terrestre) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puideran supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes. 3. Comunicarase o inicio deste proceso á Dirección Xeral de Recursos Mariños e á Confraría de Pescadores de Noia, co obxecto de que se poida proceder á retirada dos moluscos afectados pola execución do proxecto sobre a ría de Muros e Noia para a súa comercialización ou resementado. c.4) Fase de obras. 1. En referencia ao proceso de execución do viaducto sobre a ría de Muros e Noia teranse en conta as seguintes prescricións: - As obras realizaranse preferentemente en períodos de marea baixa, evitando en todo caso os momentos de máxima corrente. - Disporase unha barreira de xeotéxtil de separación entre o terreo natural e o achegado para o recheo, así como por enriba deste. - Colocarase una barreira de protección ao redor da zona de traballo, barreira que debe ter capacidade de retención de sólidos en suspensión, aceites e hidrocarburos. A implantación destas medidas así como as medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias ás que se fai referencia no punto c.2)1. desta DIA, serán obxecto de especial e estrito seguimento para evitar as afeccións sobre o LIC Esteiro do Tambre, tendo en conta o seu valor desde o punto de vista ecolóxico (hábitat singular de especies de flora e fauna) como socioeconómico (zona de marisqueo). 2. Para os recheos a efectuar no proceso de execución do viaduto sobre a ría de Muros e Noia, deberá contarse previamente coa correspondente autorización, de acordo co indicado na Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas. 3. Así mesmo previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto c.2)6., deberase contar cos correspondentes permisos. 4. A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental desenvolvido no proxecto construtivo segundo o indicado nos puntos b.1)8., c.2)1., c.2)7. e c.2)8. desta DIA para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan: a) Trimestralmente: - Cronograma actualizado das obras. - Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental que cumpra cos condicionantes da presente DIA. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano coa localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionales da presión sonora e da calidade das augas mariñas e sedimentos. - Representación en plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman. b) Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do programa de vixilancia ambiental que reflita o cumprimento de todas as medidas correctoras recollidas no estudo así como as impostas pola DIA, en concreto: - Informe no que se reflicta o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras respecto do proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do apartado anterior. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano coa localización. - Resultados do plan de seguimento dos ruídos, realizando medidas acústicas nos puntos indicados no Programa de Vixilancia Ambiental. - Resultados do plano de seguimento da calidade das augas, dinámica mariña e sedimentos realizando medidas nos puntos indicados no Programa de Vixilancia Ambiental. - Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución. c.5) Fase de explotación. A Dirección Xeral de Obras Públicas elaborará anualmente un informe, incluíndo o seguinte: - Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido no proxecto construtivo segundo o solicitado nos puntos b.1)8., c.2)1., c.2)7. e c.2)8. desta DIA. - Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data e a hora da toma, así como a localización dos puntos de toma das fotografías nun plano. - Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa. Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2005. José Manuel Álvarez-Campana Gallo Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I - Descrición do proxecto. Este estudo informativo abarca o conxunto de alternativas de trazado posibles técnica, funcional e economicamente para a construción dunha variante de poboación ás estradas AC-543 e AC-550 ao seu paso polo núcleo de Noia, de xeito que a variante quede conectada á nova Vía de Alta Capacidade Brión-Noia. As características básicas do trazado tidas en conta á hora de desenvolver as distintas alternativas son as correspondentes a unha estrada R-80, tanto en planta coma en alzado: raio mínimo (259 metros), pendente máxima (6%) e sección tipo 7/10 (calzada única con dous carrís de 3,5 metros de anchura e beiravías de 1,5 metros). Preséntanse catro alternativas que parten ao noroeste de Noia na conexión coa Vía de Alta Capacidade Brión-Noia, nas proximidades da actual estrada AC-543, e conflúen no núcleo de Taramancos, ao sudoeste da localidade, xa na marxe esquerda da ría. A alternativa 1 de 9.512 metros de lonxitude, conta con dous viadutos. A alternativa 2 posúe 3.687 metros de lonxitude prevendo a construción dun só viaduto. A alternativa 3 ten unha lonxitude de 5.507 metros e conta con tres viadutos. A alternativa 4 de 5.459 metros de lonxitude, conta con tres viadutos, a partir do segundo viaducto que permite cruzar a ría de Noia coincide ata o enlace final, tanto en planta como en alzado, coa alternativa 3. Despois de realizar un estudo de alternativas desde o punto de vista técnico, funcional, social, ambiental e económico, elixiuse a alternativa 2. Descrición da alternativa escollida: Posúe 3.687 metros de lonxitude e iníciase ao norte de Noia, entre os núcleos de Eiroa e Carrasido. Na súa primeira parte a variante discorre en dirección sur e está formada por unha recta de 260 metros que se corresponde, en alzado, cun treito de baixada do 3%, aumentando progresivamente a porcentaxe de inclinación a partir do punto medio desta aliñación ata acadar un valor do 6%. De seguido entra nunha curva cara a dereita de radio 375 metros que achega a alternativa á ría e fai que tome unha orientación sudoeste que xa non abandonará ata o remate no enlace final coa AC-550, ao oeste do núcleo de Taramancos. No PK 0+719 iníciase unha recta de aproximadamente 2.500 metros de lonxitude en medio da que se atopa o único viaduto desta alternativa. Este, de 1.360 metros de lonxitude, iníciase no quilómetro 1+000 e permite pasar sobre a ría de Noia. Os último 400 metros da variante están formados por dúas curvas enlazadas, a primeira cara á esquerda e a segunda cara á dereita, que nos conducen ao enlace final coa AC-550, ao oeste do núcleo de Taramancos. En medio da primeira das aliñacións prodúcese unha variación en alzado, deixando paso a subida existente ata ese punto a un descenso no que se intenta adecuar a pendente da alternativa á da estrada actual. ANEXO II - Resumo das medidas preventivas e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental. Sobre a calidade do aire. * As obras realizaranse dentro da franxa de ocupación temporal que se delimitará para tal efecto no proxecto. * Durante a fase de obras: - Regas frecuentes na zona e trasfega de vehículos e maquinaria. - Curriranse con toldos ou similar a caixa dos camións que transporten calquera material susceptible de ser posto en suspensión. - Controlarase o perfecto estado dos motores e revisarase se contan coa correspondente inspección técnica de vehículos. - Estableceranse os horarios e quendas de traballo axeitados para os labores de arranque, carga e descarga de material en desmontes, tránsito de camións e maquinaria pesada, etcétera. * Durante a fase de explotación: - Colocaranse pantallas tipo placa absorbente, pantallas vexetais ou diques de terra para a protección acústica, nos tramos da vía que afecten a zonas residenciais cando se superen os niveis máximos admisibles. Sobre as entulleiras e zonas de préstamo. - Non se realizarán entulleiras máis que nos lugares acondicionados e sinalizados para tal fin. Todos os entullos e sobrantes de calquera tipo deberán ser retirados e transportados a vertedoiros autorizados no prazo máis breve de tempo posible, e antes da recepción das obras. - Verificarase que as zonas de amoreamento de terra vexetal se sitúan en superficies explanadas ata que poida ser transportada aos lugares indicados ou ao seu destino final. - Os amoreamentos provisionais dos materiais sobrantes da escavación, deberán instalarse nas zonas axeitadas para iso, evitando as zonas próximas aos cursos de auga e ser tratados para evitar o seu transporte pola auga de choiva ou vento, mediante o seu cubrimento, regas ou calquera outro procedemento. - Estudarase a posibilidade de uso das canteiras presentes na zona evitando os impactos derivados de novas explotacións. - Os vertedoiros nunca poderán instalarse en zonas catalogadas como de interese arqueolóxico, zonas de valor botánico e/ou faunístico e de alto valor hidroxeolóxico. - Nos lugares definitivos de depósito dos materiais sobrantes da obra, deberá garantirse a conservación do material e que a distribución ou o amoreamento do mesmo sexa o axeitado, e isto non supoña unha alteración da paisaxe do contorno, así como outros efectos prexudiciais sobre ningún elemento do medio. Sobre o solo e os movementos de terra. Para minimizar ou corrixir o risco da erosión sobre os solos. - Sinalizarase o terreo que vai ser afectado. - Construiranse drenaxes e cunetas apropiadas, así como defensas con pedra, sacos terreiros ou de calquera outro tipo para evitar a erosión. - Levaranse a cabo plantacións para rexerar a cuberta vexetal danada, protexer a terra orixinada polas obras fronte as accións erosivas e integrar na paisaxe o contorno da traza. As operacións de recuperación do terreo realizaranse o máis pronto posible. Para reducir a compactación debida ao paso de maquinaria pesada. - Limitarase o tránsito de vehículos ao estritamente necesario para a realización das obras e accesos ás propiedades colindantes, sinalizando a zona de ocupación temporal. - Previamente ao abandono definitivo da zona procederase á descompactación do terreo, á escarificación dos solos e á retirada de todo o material sobrante das obras. Sobre a ocupación do solo. - Xestionarase axeitadamente a terra vexetal extraída co obxecto de utilizala en actuacións posteriores. - Antes de que se produza o movemento de terras previsto, retirarase o solo selectivamente e amorearase de xeito efectivo evitando zonas próximas aos cursos de auga. Sobre os movementos de terra. - Ao final das obras, adecuaranse ou restauranse todos os espazos directa ou indirectamente afectados polos vertedoiros provisionais. - Os movementos de terras necesarios para a execución das obras realizaranse preferentemente nas épocas de outono-inverno. - Trataranse todos os noiros para a súa integración no contorno e evitar a erosión. Sobre os ríos e arroios. - Garantirase ao non afección aos recursos de auga, tanto superficiais como soterrados, polo que: - Realizarase un control preciso dos movementos de terra nas proximidades dos cursos de auga, gardando unha franxa de seguridade de 5 m. - Realizarase a correcta sinalización do trazado das obras limitando as actuacións no contorno dos cursos de auga presentes na área de actuación. - Previamente ao inicio das obras realizarase un mantemento preventivo da maquinaria a empregar. - Non se realizará ningunha reparación de maquinaria que poida xerar residuos perigosos na zona delimitada para as obras nin nas proximidades de arroios ou cursos de auga. Os cambios de aceite levaranse a cabo en talleres autorizados. O lavado da maquinaria queda prohibido nos cursos de auga da zona. - Respectaranse as limitacións establecidas pola Lei de augas. - Os materiais sobrantes non se depositarán no curso dos arroios nin nas súas proximidades, evitando así o arrastre ou aporte de sólidos a eles. Sobre o esteiro do Tambre. - Aplicaranse todas as medidas correctoras establecidas para os ríos e arroios no referente a garantir a calidade das súas augas. - Delimitarase a zona de actuación de xeito que non se afecte a máis superficie da necesaria e evitarase actuar en épocas de cría ou en hábitats onde se instalen en inverno as aves acuáticas. Sobre parque de maquinaria e planta de aglomerado. - O parque de maquinaria non se localizará sobre zonas de vexetación, zonas de interese hidroxeolóxico, paisaxístico ou arqueolóxico nin en zonas costeiras pola súa posible afección ás augas, areais, xunqueiras, carrizais, etcétera. - O emprazamento elixido para o parque deberá evitar derramos e verteduras de substancias perigosas que poidan contaminar os solos e/ou cursos próximos. - Encargarase a xestión dos aceites usados de maquinaria ou outros residuos tóxicos, a unha empresa ou xestor autorizado. - En fase de abandono, procederase á restauración dos terreos ocupados ás súas condicións iniciais de limpeza e descompactación. - Unha vez situado o parque construirase unha gabia perimetral ao redor, e utilizaranse as correspondentes cubetas para o manexo e almacenamento de aceites e outros produtos de mantemento da maquinaria. - O prego das prescricións técnicas deberá establecer como condición para a contratación das obras que as plantas de aglomerado asfáltico, as de clasificación e trituración de áridos, as extraccións de áridos e rocha con destino á obra así como os puntos que se destinen a vertedoiros inertes, que conten coas autorizacións preceptivas e a previa declaración na categoría que lle corresponda. Sobre a vexetación. - Delimitarase a área de obras e colocarase algún tipo de valado ou sinalización que impida que a maquinaria e vehículos accedan fóra desta zona. Esta medida será especialmente rigorosa nas áreas de interese botánico, como é no caso da vexetación de ribeira ou a propia do estuario. - Cando a traza afecte a zonas nas que a vexetación natural se atope en estado óptimo de conservación ou a exemplares de especies que, pola súa integridade ou estado de conservación merecen unha protección especial, procederase ao seu transplante ás zonas que se determinen como localización definitiva. - Se algunha destas especies vexetais inventariadas non puidesen ser transplantadas directamente á súa nova localización, plantaranse provisionalmente no amoreamentos de terra vexetal ata que poidan ser plantadas nas zonas previstas. - As zonas de ocupación temporal, acumulación de materiais e maquinaria de obra localizaranse, na medida do posible, sobre zonas carentes de vexetación de interese. - No caso de que sexa estritamente necesario crear pasos de maquinaria sobre os cursos de auga, procederase inicialmente a marcar aqueles exemplares que deban ser cortados. Unha vez marcadas cortaranse selectiva e manualmente deixando un tocón que garante que unha vez finalizadas as obras sexa posible que volva a crecer a árbore. Asemade para non estender a afección acordonarase a zona inmediatamente seguinte a que se vai cortar. - A masa arbustiva rozarase de xeito que o impacto sobre o solo sexa o mínimo. Os restos vexetais apartaranse ao bordo dereito da pista no sentido de avance, e distribuiranse pola superficie da pista unha vez concluídas as obras. - Mentres duren as obras, naquelas zonas arboradas polas que atravesa a pista e só para exemplares illados, tomaranse medidas para evitar os danos que poidan producirse polo impacto de máquinas nos troncos e ramas. Para iso, cubriranse os troncos con táboas de madeira de 2 cm de espesor agarradas con aramio de 2 mm. Sobre a fauna. - Se se detecta a presenza de especies protexidas que puideran verse afectadas respectarase a época de cría das mesmas. Así mesmo evitarse actuar en hábitats onde se instalen en inverno as aves acuáticas. - Respectarase a época de freza ou posta dos peixes interrompendo calquera actuación que supoña a perturbación do curso ou leito do río. - Vixiarase a presenza ou aumento da fauna oportunista ao redor das verteduras e entulleiras. Sobre a paisaxe. Co obxecto de conseguir a integración paisaxística terase en conta o seguinte: - Prestarase especial atención ao deseño do viaduto e ás obras que solucionarán o cruzamento da vía proposta con outras de distinto rango, procurando que os seus materiais, formas e cores se integren ao máximo no contorno paisaxístico dos mesmos e presenten un acabado estético de calidade. - Evitaranse noiros moi verticais, optando polas solucións que consistan nun noiro máis tendido e cunha ou varias bermas, dependendo da altura, conseguindo así noiros máis favorables para a colonización tanto das especies herbáceas como arbustivas e arbóreas minimizando os problemas relacionados coa perda de terra por mor da choiva. - Terase en conta que a revexetación é a técnica que consigue a maior integración e adecuación paisaxística dos noiros en terraplén e desmonte. - Unha vez finalizadas as obras, procederase ao desmantelamento das instalacións provisionais, así como ao acondicionamento do terreo, retirándose os restos de entullos, maquinaria e outros materiais. Sobre o patrimonio arqueolóxico. - Na fase de redacción de proxecto realizaranse as prospeccións arqueolóxicas pertinentes nas zonas nas que se determinarán afeccións a arqueoloxía. Os resultados das mesmas teranse en conta no deseño do proxecto. - Como norma cautelar no desenvolvemento dos traballos, ante o achado de calquera resto pararanse os traballos e informarase ao órgano competente, o que deberá pronunciarse sobre o feito (prospección, desvío da traza, escavación...). Unha vez cumpridos os requirimentos emitidos polo organismo con competencias en cultura, continuarán as obras. - Prospección intensiva na fase sucesiva de elaboración do proxecto. - Control e seguimento dos movementos de terras que se realicen na fase de execución do proxecto. - Establécense unha serie de medidas correctoras particulares para a alternativa 1. Sobre a poboación. - Nos puntos onde sexa necesario, iluminarase a vía axeitadamente para evitar os deslumbramentos á fauna e aos usuarios da vía. - Sinalizaranse as principais vías de uso público durante as horas de tránsito de vehículos pesados polas mesmas. - Valorarase a reposición dos camiños afectados polas obras así como a posta en marcha de camiños alternativos de acceso aos diferentes puntos, no caso de que sexa necesario cortar algún. - Realizaranse medicións dos niveis de emisión de ruídos durante a fase de construción e explotación garantindo así o cumprimento dos niveis estipulados na lexislación vixente ao respecto. Sobre a economía local. - Unha vez coñecido o alcance real da posible afección durante a fase de obras aos areais do Esteiro do Tambre, presumiblemente na fase de proxecto, estudiaranse medidas compensatorias para arranxar o prexuízo económico aos mariscadores. - Delimitarase e sinalizarase axeitadamente a zona de actuación, de xeito que non se afecte a máis superficie da estritamente necesaria. Sobre a integración paisaxística. - Integración paisaxística da obra. - Restitución, na medida do posible, da vexetación orixinal afectada pola obra. - Control dos procesos erosivos nas novas superficies descubertas. - Estabilización a longo prazo dos noiros orixinados. Sobre o LIC Esteiro do Tambre e os hábitats incluídos nel (medidas específicas incluídas no documento Anexo ao Estudo de Impacto Ambiental: Estudo de Afección á Rede Natura 2000. Variante de Noia. Setembro 2004). - As sondaxes e catas necesarios para a redacción do proxecto construtivo efectuaranse sempre fóra da zona do LIC. - Cando a actuación discorra polo LIC, e especialmente por algún dos hábitats inventariados, evitarase afectar a máis superficie que a ocupada pola traza; para iso deseñaranse camiños de acceso, parque de maquinaria, entulleiras, vertedoiros dos materiais sobrantes de escavación, amoreamentos, e instalacións provisionais fóra e o máis afastadas posible desta zonas. - En todas as superficies desprovistas de vexetación por mor das obras, levaranse a cabo plantacións con especies autóctonas e locais da zona. - Tódalas augas que procedan da zona de obras deberán someterse a un sistema de desbaste e decantación de sólidos. - Deberanse colocar cantos pasos de auga sexan necesarios para evitar o efecto presa. Deseñaranse de xeito que poidan ser utilizados tamén como paso de fauna. - As zapatas ou piares do viaduto colocaranse a máxima distancia posible, a máis de 5 metros de cada lado da beira para facilitar o paso da fauna terrestre e anfibia, así como o paso dos pescadores. - Na fase de proxecto evitarase a colocación dos piares do viaduto dentro dos hábitats presentes no LIC e cartografados. No caso de que non fora tecnicamente posible, evitarase unha ocupación do terreo maior da necesaria. - Cando a pesar das restrincións da zona de ocupación ao máximo, a traza discorra polos hábitats incluídos no LIC e afecte a vexetación natural, procederase ao seu transplante ás zonas que se determinen como localización definitiva. - Debido o alto valor paisaxístico dalgunhas zonas na área de actuación, durante a fase de redacción de proxecto deberanse analizar en detalle os parámetros necesarios para conseguir a integración paisaxística da infraestrutura.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res30032005.pdf Galego
res30032005.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles