Resolución do 3 de xuño de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 30 de abril de 2004, relativa ao estudo informativo do Plan Galicia: variante de Negreira, nos concellos de Negreira e A Baña. (Clave AC/03/008.00.1).

Diario Oficial de Galicia, 14-06-2004, Núm. 113, Páx. 8427
Resolución do 3 de xuño de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 30 de abril de 2004, relativa ao estudo informativo do Plan Galicia: variante de Negreira, nos concellos de Negreira e A Baña. (Clave AC/03/008.00.1). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 30 de abril de 2004, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do Plan Galicia: variante de Negreira (AC/03/008.00.1), nos concellos de Negreira e A Baña, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas e que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2004. Agustín Hernández Fernández de Rojas Director xeral de Obras Públicas Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de data 30 de abril de 2004, relativa ao estudo informativo do Plan Galicia: variante de Negreira (AC/03/008.00.1), nos concellos de Negreira e A Baña (A Coruña) promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, clave 2004/0103. Antecedentes. A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa resolución do 18 de decembro de 2003, aprobou provisionalmente o estudo informativo do Plan Galicia: variante de Negreira, nos concellos de Negreira e A Baña (A Coruña). O antedito estudo informativo consiste na definición dunha variante entre as estradas AC-544 e AC-546 para evitar o tránsito do tráfico polo núcleo urbano de Negreira. No anexo I resúmese o contido do estudo informativo e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental. Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental. En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data 24 de decembro de 2003 publícase no DOG (nº 249) a Resolución do 18 de maio, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental do Plan Galicia: variante de Negreira. Con data 5 de decembro de 2003, ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no que se inclúen os certificados de exposición ao público nas distintas dependencias e os informes dos concellos de Negreira e da Baña, de Augas de Galicia e das direccións xerais de Saúde Pública, conservación da natureza e patrimonio cultural e copia das alegacións presentadas durante o período de exposición ao público. Feita a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula para os sós efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudo informativo do Plan Galicia: variante de Negreira, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. As alegacións presentadas durante o trámite de información pública polo Concello de Negreira, a Asociación de Vecinos de San Cipriano de Barcala e particulares afectados polas obras foron tidas en conta, no que procede, nos puntos C.2.2, C.2.3 e C.2.7 do condicionado da DIA. Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os sós efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que aporten unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, e non poderá comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. A) Ámbito da declaración. Esta declaración de impacto ambiental refírese ao proxecto desenvolvido no documento «Estudo informativo e avaliación ambiental. Variante de Negreira. Novembro 2003», para a denominada alternativa 2, coas seguintes modificacións: - A substitución do semienlace previsto no p.k. 0+000 por un enlace completo situado no p.k. 1+500, modificación resultante do período de información pública. - A indicada no punto C.1.1 desta DIA, no que respecta á modificación do trazado co fin de evitar a afección á área de protección legal do xacigo Os Cotóns do Castro (GA15056035). Polo tanto, a configuración final da estrada corresponderá á que se reflicta no plano solicitado no punto D.1 desta DIA. B) Condicións xerais. B.1) Fase de redacción do proxecto construtivo. 1. Co obxecto de cumprir o estipulado no punto 8º do artigo 4 da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, deberá realizarse un estudo do impacto acústico axustado á traza definitiva. En función do resultado deste estudo, proporanse medidas correctoras que garantan o cumprimento do disposto tanto na citada lei, como no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Negreira e A Baña. Estas medidas definiranse con detalle e incorporaranse ao proxecto definitivo. O estudo de impacto acústico realizarase baseándose no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. 2. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes. 3. Deseñarase un sistema de recollida, condución e decantación das augas procedentes da zona de instalacións auxiliares, de lavado de camións e maquinaria e dos formigonados. 4. Definir as vías auxiliares a utilizar no proceso construtivo, primando o uso da propia traza fronte á de vías locais preexistentes e, de ambos, fronte a apertura de novas vías. 5. O deseño das drenaxes transversais da vía deseñaranse de xeito que non se modifique o actual réxime hídrico da zona. 6. Incluirase o programa de vixilancia ambiental ao que se refire ao estudo de impacto ambiental, adaptándoo ao trazado definitivo así como aos novos condicionantes xurdidos desta declaración. O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, designarase un responsable desta. Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que: - A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán vir acompañadas de informe asinado polo técnico competente. - O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá contemplar os labores de restauración e revexetación. - Incorporaranse nos informes copia da documentación acreditativa da obtención dos permisos que sexa necesario requirir. B.2) Fase de replanteo. Procederase ao balizado, ou a sinalización de todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental situadas no contorno afectado polo proxecto, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre elas. B.3) Fase de obras e explotación. 1. Co fin de evitar as posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de obras, debido á acción da maquinaria e aos movementos de terra, levarase a cabo a rega de camiños e zonas de obra. Así mesmo, procederase ao recubrimento cun toldo impermeable dos camións que transporten material e ao lavado de rodas dos camións á saída da zona de obras. 2. Seguirase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica así como no estipulado, no caso de que dispoñan dela, nas ordenanzas municipais dos concellos de Negreira e A Baña. 3. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captación de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice á rede de sumidoiros da zona cómpre dispoñer da autorización do xestor da dita rede. 4. Tal como se especifica no estudo de impacto ambiental, ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen situadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional; isto mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente ao remate daquelas. 5. A xestión da terra vexetal que se vaia utilizar na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou deslizamento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etcétera). 6. No caso de ter que realizar tarefas de mantemento e reparación da maquinaria, non apta para circular por estrada, na zona de obras, protexerase o solo con materiais impermeables e disporanse os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras. 7. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. Estes residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, situados na zona de instalacións de obra, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 8. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra, e, se é tecnicamente posible, os cepos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. 9. Os restos vexetais que se produzan, deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ao solo. 10. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente por medios mecánicos. 11. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies espidas, procederase á súa revexetación na maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de seren necesarias adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais. 12. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística indicadas no estudo de impacto ambiental, vixiando a evolución da revexetación, procedendo a reposición de calvas e/ou marras que poidan aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e plantacións previstas. 13. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras é preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse indicar rutas alternativas que presten o mesmo servizo. 14. No caso de que como resultado de levar a cabo o programa de vixilancia ambiental indicado no punto B.1.6 desta DIA, se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. C) Condicións específicas. C.1) Fase previa á redacción do proxecto construtivo. 1. Tendo en conta que a alternativa seleccionada discorre a través do ámbito de protección legal do xacigo denominado Os Cotóns do Castro (GA15056035), estudarase unha modificación do trazado da vía nesa zona. 2. Levarase a cabo un traballo de campo específico, de cara a valorar o impacto producido sobre o patrimonio cultural polo trazado definitivo. Consistirá na realización dunha prospección arqueolóxica intensiva da totalidade da superficie que se verá afectada polo trazado e un ámbito de 200 m a cada lado desde o límite exterior da zona de ocupación. Este traballo terá que ser levado a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Os traballos arqueolóxicos faranse con cargo ao financiamento do proxecto. C.2) Fase de redacción do proxecto construtivo. 1. Incluiranse os resultados da prospección arqueolóxica intensiva á que se fai referencia no punto C.1.2 desta DIA, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos do patrimonio cultural, no proxecto construtivo do trazado definitivo, o que deberá ser remitido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante. 2. No caso de afectar ás fontes e captacións de auga existentes no ámbito da traza estableceranse as medidas precisas para procurar manter os seus usos actuais. 3. No ámbito do proxecto atópanse numerosos núcleos de poboación (Duomes de Arriba, Duomes de Abaixo, Triáns, Outeiros, etcétera), polo tanto, e co fin de minimizar as afeccións sobre a poboación terase en conta o seguinte: - Considerar a solución en viaduto ou túnel/falso túnel fronte á realización de grandes terrapléns e desmontes. Así mesmo, calquera destas solucións considéranse as máis axeitadas naquelas zonas en que na actualidade existan pasos para a fauna. - No deseño das voaduras así como na planificación dos métodos de execución incluiranse as medidas protectoras e correctoras necesarias co fin de minimizar as afeccións debidas a ruído, vibracións, po e proxeccións de materiais. 4. No que respecta ó viaduto sobre o río de Alvariña, este deseñarase de xeito que non se coloque ningún piar dentro do leito e os estribos se sitúen polo menos 5 m a cada lado del. 5. No caso de que se manteñan os terrapléns nas zonas onde a traza cruza co rego de Duomes e con outros dous máis, a obra de drenaxe transversal para o paso destes regos será de tipo pórtico evitando o pasos tipo marco ou tubo debido a escasa lámina de auga circulante por eles no verán que dificulta os desprazamentos da fauna piscícola. Así mesmo, o deseño destas infraestruturas que se vaian instalar debe garantir que non se xeran, no punto de paso, láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, e que se minimiza a lonxitude do paso o máximo posible. 6. Tendo en conta que se prevé un gran volume de sobrantes, seleccionarase, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o seu depósito. 7. Na parte do trazado que atravesa o denominado Val de Barcala, estableceranse medidas adicionais (aumentar a densidade de sementeira e/ou plantación, evitar formas demasiado artificiais nos noiros..) para maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno. C.3) Fase de replanteo. 1. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto deberá dispoñerse da autorización emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización do seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, para o que se redactará un proxecto para o control e seguimento arquelóxico durante estas fases que deberá ser presentado perante a antedita dirección xeral. 2. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo tanto procederase ao balizado ou sinalización axeitada dos tramos do río de Alvariña e dos outros cursos fluviais afectados, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puidesen supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes. C.4) Fase de obras. 1. Previamente a calquera afección ao dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía do río de Alvariña, rego de Doumes e dos outros leitos fluviais afectados pola traza, será preceptiva a autorización outorgada por Augas de Galicia. 2. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira do río de Alvariña, rego de Duomes e otros cursos fluviais afectados pola traza seguirase o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos. 3. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto C.2.6, deberá contarse cos correspondentes permisos. 4. A Dirección Xeral de Obras Públicas, levará a cabo o programa de vixilancia ambiental ao que se fai referencia no punto B.1.6 para esta fase, e deberá elaborar os seguintes informes: a) Trimestralmente - Cronograma actualizado das obras. - Memoria do seguimento realizado de acordo co Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental aprobado. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ao proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora. - Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman. b) Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do programa de vixilancia ambiental que reflicta o cumprimento de todas as medidas correctoras establecidas no estudo así como as impostas na DIA, en concreto: - Informe en que se reflicta o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras con respecto ao proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do antedito punto. Incluirá unha reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. C.5) Fase de explotación. A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental a que se fai referencia no punto B.1.6 desta DIA para esta fase e elaborará anualmente unha memoria resumo do seguimento realizado, en que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. Incluirá unha reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data e a hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano. D) Documentación adicional. Previamente ao comezo do proceso construtivo, o promotor remitiralle a esta dirección xeral para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puidesen derivarse, un (1) exemplar da seguinte documentación: 1. Plano a escala 1:15.000 onde se reflicta o trazado definitivo. Así mesmo, completarase a repre sentación gráfica cunha explicación escrita das modificacións efectuadas con respecto ao trazado da alternativa 2 proposta no estudo informativo. 2. Proposta de zonas para o depósito do material sobrante dos movementos de terra, xustificando ambientalmente a localización destas. 3. Estudo de impacto acústico, tanto da fase de obras como para a de explotación, tal como se indica no punto B.1.1 desta DIA, en que se inclúan as medidas protectoras e correctoras que se vaian establecer. Así mesmo, ampliarase a proposta para o control e seguimento da contaminación acústica incluída no programa de vixilancia ambiental do estudo de impacto ambiental, tanto durante as obras como na explotación da vía, indicando puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites que se vaian impoñer. Situaranse os puntos de mostraxe propostos nun plano a escala 1:15.000, ou maior detalle. 4. No que respecta á protección do patrimonio cultural, remitirase o seguinte: 4.1. Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o proxecto construtivo da traza definitiva. 4.2.-Autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do proxecto de control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos. 5. Notificación do/s responsable/s do control do seguimento ambiental. Unha vez avaliada a citada documentación, remitiráselle á Dirección Xeral de Obras Públicas o seu resultado, non podendo proceder ao comezo das obras ata que non conte con informe favorable desta dirección xeral sobre a totalidade da documentación requirida. Santiago de Compostela, 30 de abril de 2004. José Manuel Álvarez-Campana Gallo Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I Resumo do proxecto Actualmente, a pesar de que de que as intensidades de tráfico na zona non son elevadas, o tránsito actual das estradas AC-544 (antiga AC-450) e AC-546 (antiga AC-443) polo núcleo de Negreira obriga a tráfico de medio e longo percorrido a circular por unha travesía netamente urbana, sendo importantes as interferencias entre desprazamentos locais (rodados e peonís) e supralocais, que provocan frecuentes problemas de seguridade viaria na zona. Nestas condicíons formúlase a construción dunha variante de poboación que evite a travesía urbana do núcleo de Negreira polas estradas AC-544 e AC-546. Esta variante nace como continuación da futura variante de Ponte Maceira, na estrada AC-544, ata a conexión polo oeste coa estrada AC-546 (futuro acceso leste a Negreira). Desenvólvense tres alternativas de trazado, con características funcionais axeitadas para a súa completa viabilidade desde un punto de vista técnico, social, ecolóxico, administrativo, económico e estético: Alternativa 1: Posúe 6.059 m de lonxitude, e é a que discorre máis ao norte do núcleo de Negreira. O trazado parte da variante de Ponte Maceira, concretamente do viaduto que presenta esta actuación para salvar o leito do río Tambre, e discorre, na súa primeira parte, en dirección nordés, case paralela á AC-544. A conexión da variante coa estrada actual levarase a cabo coa construción dun semienlace. Alternativa 2: Posúe 5.661 m de lonxitude. Igual que a alternativa 1, parte da variante de Ponte Maceira e discorre en dirección noroeste, deixando o núcleo de Negreira ao sur. Ambas as alternativas comparten trazado en planta e alzado durante os primeiros 1.500 m, así como o semienlace de conexión coa estrada actual. Alternativa 3: A alternativa 3, de 5.066 m de lonxitude, é a única que discorre ao sur do núcleo de Negreira, e é a alternativa máis curta das analizadas. Parte, ao igual que as anteriores da variante de Ponte Maceira e leva, no seu inicio, dirección noroeste. Nos primeiros metros aproveita a traza da estrada AC-544, conectando no seu tramo final coa AC-546, onde se desenvolverá un semienlace de conexión entre ambas vías. Características comúns: - Raio mínimo: 250 m. - Pendente máxima: 6%. - Sección tipo 7/10: calzada única con dous carrís de 3,5 m de largo e beirarrúas de 1,5 m. En función do estudo xeolóxico, estudo de impacto ambiental, afeccións a distintos tipos de solo, afección ao patrimonio histórico e etnográfico, estudo de tráfico e estudo económico-financeiro, das tres alternativas seleccionadas considerouse a alternativa 2 como a máis favorable. Descrición da alternativa seleccionada: Nos 1.400 m iniciais, en alzado, a alternativa presenta un primeiro treito de subida no que se alcanza unha pendente máxima do 5% ao que sucede outro de baixada cunha inclinación do 3%. No p.k. 1+506 iníciase unha aliñación curva cara á dereita, de raio amplo, que separa a nova vía da actual estrada (AC-544) e fai que a variante tome dirección norte durante uns metros. Neste punto, ademais, iníciase unha subida na que se alcanza unha pendente do 6%, a máxima inclinación permitida pola norma para unha vía de estas características. Arredor do p.k. 1+700 iníciase unha curva cara á dereita durante a cal se mantén unha pendente ascendente do 6%, e que separa esta alternativa da estrada AC-544. Enlaza con outra curva, agora cara á esquerda, de raio amplo (1.500 m), ao remate da cal a nova vía cruza baixo a AC-444. Nesta zona constrirase un enlace de conexión entre ambas as vías, que constituirá o principal acceso ao núcleo urbano de Negreira. En alzado, esta última aliñación presenta, durante os primeiros 600 m, un pronunciado descenso, cunha inclinación do 6%, ao que segue un treito de subida forte (5,2%) coa que se alcanza a AC-444. A continuación o trazado describe un xiro cara á dereita cunha curva de gran raio (5.000 metros) coa que se evita o núcleo de Triáns. Uns metros antes de chegar a este, concretamente no p.k. 3+700, encóntrase o único viaduto desta alternativa, de 100 m de lonxitude, que permite salvar o val do río Albariña. A primeira parte desta curva é un descenso forte (6%), que dá paso, á altura do cruzamento sobre o río, a un treito de subida con idéntica porcentaxe de inclinación (6%). Unha vez superado o lugar de Triáns a variante describe unha curva cara á esquerda, de raio 600 m, que fai que a vía tome unha clara orientación oeste que se manterá xa ata o final. En alzado os primeiros 100 m desta aliñación son ascendentes, iniciándose a continuación un descenso pronunciado (6%). No p.k. 5+000 iníciase a última curva desta variante, cara á dereita, de raio amplo, que nos conduce ao final do treito, ao enlace coa estrada AC-546. Esta zona caracterízase pola suavidade do relevo, cun primeiro treito en subida cunha pendente do 0,5% e a continuación un descenso cunha inclinación do 1%. Na metade deste descenso chégase ao final. As características onduladas do terreo fan necesario adoptar como valores extremos dos parámetros xeométricos os establecidos para unha vía rápida R-80 (raio mínimo 250 m e pendente máxima 6%), aínda que debe destacarse o feito de que o raio mínimo só aparece nun treito de 40 m, nunha aliñación situada ao inicio do treito, na conexión coa variante de Ponte Maceira, presentando o resto de curvas un raio maior. A accesibilidade da variante asegúrase mediante a construción de tres enlaces: o semienlace de Ponte Maceira, no que unicamente se permitirán os movementos Bertamiráns-Negreira e Negreira-Bertamiráns, e os enlaces coa estrada AC-444 e AC-546 (enlace Negreira Oeste). Así mesmo, a permeabilidade transversal da vía conséguese mediante a construción de sete pasos superiores e un inferior. Estas estruturas, xunto coa reposición de seis camiños locais, permiten manter a rede de camiños existente. ANEXO II Resumo das medidas protectoras e correctoras Propostas no estudo de impacto ambiental Calidade do aire. - As obras realizaranse dentro da franxa de ocupación temporal que se delimitará no proxecto co fin de non alongar no tempo a duración dos impactos e molestias. - Regas nas zonas de circulación de vehículos e maquinaria, cubrirase a caixa dos camións e realizarase un mantemento axeitado da maquinaria e vehículos que interveñan na obra. - O plan de obra establecerá os horarios e quendas de traballo axeitados para os labores de arrinca, carga e descarga de material en desmontes, etcétera, tránsito de camións e maquinaria pesada, para evitar superar os niveis sónicos máximos admisibles. Entulleiras e zonas de préstamos. - Non se realizarán entulleiras máis que nos lugares acondicionados e sinalados para tal fin. Non se crearán entulleiras incontroladas nin se abandonarán materiais de construción ou outros residuos nas proximidades das obras. Todo o entullo e sobrantes de calquera tipo deberán ser retirados e transportados a vertedoiros autorizados, evitándose deste xeito a acumulación de lixo. - Tanto o entullo como outros residuos xerados pola construción serán retirados no prazo máis breve posible de tempo e sempre antes da recepción das obras. - Verificarase que as zonas de amoreamentos temporais de terra vexetal se sitúan en superficies explanadas ata que poida ser transportada aos lugares indicados ou ao seu destino final. - Os amoreamentos provisionais dos materiais excedentarios de escavación deberán instalarse en zonas axeitadas para iso, evitando as zonas próximas aos cursos de auga. - A localización do posible entullo, así como o seu tratamento e características finais deberán contar co visto e prace da Consellería de Medio Ambiente. - Os vertedoiros para os materiais excedentes de escavación que non poidan ser utilizados para satisfacer as necesidades da obra nunca deberán instalarse en: * Zonas arqueolóxicas ou catalogadas como de interese arqueolóxico. * Zonas de valor botánico e/ou faunístico. * Zonas catalogadas de alto valor hidroxeolóxico. Sobre o solo e os movementos de terra. - Limitarase a área de actuación mediante a sinalización do terreo que vai ser afectado co obxecto de concentrar o impacto sobre unha superficie maior da necesaria. - Onde exista a posibilidade de erosión ou onde así se indique, deberanse construír drenaxes e foxos axeitados, así como defensas con pedra, sacos térreos ou de calquera outro tipo. - Realizaranse as operacións de recuperación do terreo o máis pronto posible co obxecto de reducir o período de tempo en que o solo estea desprovisto de vexetación e exposto directamente á acción erosiva dos axentes naturais e antrópicos. - Levar a cabo plantacións co obxecto de rexenerar a cuberta vexetal danada, protexer fronte a axentes erosivos as superficies de terra orixinadas polas obras e integrar na paisaxe o contorno da traza. - Sinalaranse con medios axeitados a zona de ocupación temporal, limitando o tránsito de vehículos aos estritamente necesarios para o desenvolvemento das obras e accesos a propiedades colindantes. - Previamente ao abandono definitivo da zona procederase á descompactación do terreo para evitar posteriores problemas de infiltración e aireación dos solos mediante escarificado, e estenderase, naqueles lugares onde se retirase previamente a terra vexetal. - Retirarase o material sobrante das obras que se fose acumulando. - Realizarase unha axeitada xestión da terra vexetal que sexa extraída de tal xeito que se amoree en lugares aptos para iso, e sexa utilizada en actuacións posteriores co obxecto de conservar a capa superficial que é a que maior concentración de microorganismos e nutrientes acumula para o crecemento vexetal, así proxéctanse as seguintes actuacións: * Amoreamento en montículos ou cordóns, sen superar unha altura máxima de 1,5 m. * Para almacenamento superior a seis meses sementarase con leguminosas e gramíneas autóctonas. * Evitarase o paso de maquinaria pesada sobre a terra xa estendida. - Ao remate das obras, deberán axeitarse ou restaurarse todos os espazos directa ou indirectamente afectados polos vertedoiros provisionais. - O proxecto de recuperación do medio natural e integración paisaxística estuda as áreas afectadas por movementos de terra, desmontes e terrapléns, así como por movementos de maquinaria e, en xeral, por actuacións vinculadas á obra. - Os movementos de terras necesarios para a execución das obras realizaranse preferentemente nas épocas de outono-inverno. - Trataranse os noiros co obxecto de evitar a erosión e integrar os cortes visuais realizados no terreo no contorno. - Aplicaranse medidas correctoras da erosión en desmontes e terrapléns. Sobre ríos e arroios. - Realización dun control preciso dos movementos de terra nas proximidades do leito, realizando amoreamentos lonxe dos cursos de auga, co fin de evitar que aumente o nivel de sólidos en suspensión, gardando unha franxa de seguridade de 5 m. - Realizarase unha correcta sinalización do trazado das obras e limitaranse as actuacións no contorno do río Albariña, do río Barcala e doutros arroios menores. - Previamente ao inicio das obras realizarase un mantemento preventivo da maquinaria que se vaia empregar co fin de evitar posibles avarías que causen derrames accidentais. - Non se realizará ningunha actuación de reparación de maquinaria que poida xerar residuos perigosos na zona delimitada para as obras nin nas proximidades dos arroios e dos cursos de auga. O cambio dos aceites realizarase en talleres autorizados. - Os disolventes e desengraxantes para o mantemento da maquinaria e calquera outro residuo perigoso serán recollidos, almacenados, etiquetados e xestionados por un xestor autorizado para cada tipo de residuos. - Respectaranse as limitacións establecidas pola Lei de augas. - Os materiais sobrantes non se depositarán no leito dos arroios, nin nas súas proximidades. - Prohíbese o lavado de maquinaria nos cursos de auga da zona. - Aplicaranse as medidas preventivas e correctoras que se recollen para a vexetación no punto de integración paisaxística. Parque de maquinaria e planta de aglomerado. - O parque de maquinaria en ningún caso se localizará sobre zonas de vexetación de interese ou zonas de interese hidroxeolóxico, paisaxístico ou arqueolóxico. Construirase unha canle perimetral ao redor do parque de maquinaria e utilizaranse as correspondentes cubetas para o manexo e almacenamento de aceites e outros produtos de mantemento de maquinaria. - Na fase de abandono procederase á restauración dos terreos ocupados ás súas condicións iniciais: limpeza e descompactación dos solos. - No prego de prescricións técnicas deberá establecerse como condición para a contratación das obras das plantas de aglomerado asfáltico, as de clasificación e trituración de áridos, as extraccións de áridos e roca con destino á obra, así como os puntos que se destinen a vertedoiros de inertes, deberán contar coas autorizacións preceptivas e a previa declaración de impacto, se é o caso. Vexetación. - Procederase a delimitar a área de obras e a colocar algún tipo de valado ou sinalización. - Cando a traza afecte a zonas nas que a vexetación natural se presenta en estado óptimo de conservación ou exemplares de especies que, pola súa singularidade merecen unha protección especial, procederase o seu trasplante ás zonas que se determinen como localización definitiva. No caso de que isto non se puidese realizar plantaranse provisionalmente nas moreas de terra vexetal ata que poidan ser plantadas nas zonas previstas. - As zonas de ocupación temporal, acumulación de materiais e maquinaria de obra localizaranse na medida do posible, sobre zonas carentes de vexetación de interese. - No caso de que sexa estrictamente necesario crear pasos de maquinaria sobre os cursos de auga procederase inicialmente a marcar aqueles exemplares que deben ser cortados. Unha vez marcados cortaranse selectivamente e de xeito manual deixando un cepo que permita o paso da maquinaria e que garanta que unha vez finalizadas as obras sexa posible que volva crecer a árbore. Así mesmo, e co obxecto de non estender a afección a outras árbores acordoarase a zona inmediatamente seguinte á que se vai cortar. - Empregaranse os métodos de roza ao aire ou con trituradora. Os restos vexetais apartaranse á beira dereita da vía no sentido de avance, e distribuiranse pola superficie da pista unha vez concluídas as obras. - Naquelas superficies forestadas polas que atravese a pista e soamente para exemplares illados, tomaranse medidas para evitar os danos que poidan producirse polo impacto de máquinas nos troncos e ramas. Para iso, cubriranse os troncos con táboas de madeira de 2 cm de espesor agarradas con aramio de 2 mm. Fauna. - Se durante a fase de proxecto ou durante a obra se detectase a presenza de especies protexidas que puidesen verse afectadas directamente polas obras procederase a deseñar un calendario de traballo que respectará a época de cría delas. Así mesmo, para os cursos de auga da zona respectarase a época de desova ou posta dos peixes interrompendo calquera actuación que supoña unha pertubación do leito do río. - Vixiarase a presenza ou aumento da fauna oportunista ao redor dos vertedoiros e entulleiras, para o que se utilizarán soamente encravamentos que foran deseñados para este fin. - As propostas para a calidade das augas serán tamén axeitadas para as especies animais de hábitat acuático, entre as que se atopan especies protexidas como a londra ou varias especies de anfibios. Paisaxe. - Estruturas e pequenas obras de fábrica: prestarase especial atención ao deseño deste tipo de elementos, procurando que os seus materiais e formas se integren ao máximo no seu contorno paisaxístico, e presentando un rematado estético de calidade. Esta consideración é igualmente válida para as obras que solucionarán o cruzamento da vía proposta con outras de distinto rango. - Evitaranse os noiros verticais e optarase por noiros máis tendidos e cunha ou varias bermas. - Hidrosementeira, plantacións, construción de foxos de garda e baixantes, colocación de mantas orgánicas ou construción de muros ou chanzos nos noiros. - Unha vez finalicen as obras procederase ao desmantelamento das instalacións auxiliares, así como ao acondicionamento do terreo. - Inicialmente á obra procederase á delimitación da zona proposta para o encravamento das instalacións e/ou dos materiais. Ao finalizar a obra os restos de entullo xerado serán levados a vertedoiro autorizado, e a maquinaria e outros materiais serán tamén retirados na súa totalidade, isto realizarase no prazo máis breve posible e previamente á recepción das obras. Patrimonio arqueolóxico. - Prospección arquelóxica intensiva na fase sucesiva de elaboración de proxecto. - Control e seguimento dos movementos de terra que se realicen na fase de execución do proxecto. - Medidas correctoras específicas para cada unha das alternativas. Poboación. - Nos puntos onde sexa necesario iluminar a vía, farase do xeito máis axeitado para evitar os cegamentos á fauna e aos usuarios da vía. - Durante as horas de tránsito de vehículos pesados polas principais vías de uso público, realizarase a pertinente sinalización e balizamento delas e das saídas da área de obras, para evitar riscos de accidentes con outros usuarios. - A accesibilidade transversal redúcese a limitar o acceso dos camiños de servidume aos predios, polo efecto barreira que supón o novo trazado. Valorarase a reposición dos camiños afectados (para algúns usuarios suporá un maior percorrido no desprazamento habitual, aínda que non de grande importancia), así como a posta en marcha de camiños alternativos de acceso aos diferentes puntos no caso de que, durante as obras, sexa necesario cortar algún. - Realizaranse medicións dos niveis de emisión de ruídos durante a fase de construción e explotación garantindo así o cumprimento dos niveis estipulados na lexislación vixente ao respecto.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res03062004.pdf Galego
res03062004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles