Diario Oficial de Galicia, 24-07-2006, Núm. 142, Páx. 11896
Resolución do 3 de xullo de 2006, da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 3 de maio de 2006, relativa ao proxecto de repoboación do monte de Trabada, no concello de Trabada (Lugo), promovido pola Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Monte de Trabada. (Clave 0145/2005), así como a súa revisión.
En cumprimento do disposto no artigo 5, punto 7º, do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 3 de maio de 2006, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental relativa ao proxecto de repoboación do monte de Trabada, no concello de Trabada (Lugo), promovido pola Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Monte de Trabada, que figura no anexo, así como a revisión da devandita declaración, do 16 de xuño de 2006, que se incorpora como anexo III.
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2006.
Alberte Blanco Casal
Director xeral de Montes e Industrias Forestais
ANEXO
O 6 de xuño de 2005, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais remítelle a esta dirección xeral a documentación técnica e o estudo de impacto ambiental relativos a un proxecto de repoboación forestal, co obxecto de proceder ao trámite ambiental correspondente.
O obxecto do proxecto é a repoboación forestal do monte de Trabada, no concello de Trabada (Lugo), actuando sobre unha superficie dunhas 1.026 ha. As especies que ocuparán maior superficie serán o eucalipto e as coníferas. Prevese tamén a separación das masas de eucalipto mediante a plantación de faixas de frondosas (Quercus sp., Prunus sp.), a plantación de ameneiros nas marxes dos ríos e de castiñeiros nalgúns puntos específicos.
O proxecto cualificouse como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental por estar recollido nos grupos 1.a e 9.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental. No anexo I resúmense as características básicas do proxecto e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada.
Mediante Resolución do 5 de xullo de 2005, da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais (publicada no DOG nº 141, do 22 de xullo de 2005), someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental do referido proxecto, non constando a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.
Con data do 31 de marzo de 2006 recíbese nesta consellería o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais como órgano substantivo por razón da materia, que contén, xunto co seu informe, os resultados da información pública e os informes emitidos pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, o organismo de bacía (Confederación Hidrográfica do Norte), a Delegación Provincial en Lugo da Consellería de Cultura e Deporte e o concello afectado.
Ademais do proxecto de repoboación e o plan de xestión, a documentación técnica do expediente inclúe o documento Modificación do proxecto de repoboación do monte de Trabada, situado no termo municipal de Trabada (Lugo), no cal se describen as modificacións introducidas no proxecto por petición dos diversos axentes implicados na repoboación, motivadas basicamente pola reorganización da propiedade como resultado do proceso de concentración parcelaria levado a cabo na zona.
Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula, só para os efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de repoboación do monte de Trabada, no concello de Trabada (Lugo), promovido pola SAT Monte de Trabada.
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, só para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese ás actuacións de repoboación forestal que se van desenvolver no monte de Trabada, na parroquia de Trabada (concello de Trabada, Lugo) sobre unha superficie total dunhas 1.026 ha, de acordo co descrito no proxecto de repoboación e a súa posterior modificación de abril de 2005.
A distribución de monteiras e especies axustarase ao reflectido nos planos Monteiras de repoboación e Distribución por especies do documento Modificación do proxecto de repoboación do monte de Trabada, situado no termo municipal de Trabada (Lugo), agás para o que derive dos puntos 2.3 e 2.5 desta declaración.
2. Condicionado.
2.1. Protección do solo, das augas e leitos fluviais.
1. Adoptaranse todas as medidas necesarias para minimizar os efectos que sobre os leitos fluviais (sexan estes permanentes ou temporais) poidan ter as actuacións mecánicas que se van realizar no monte; a contribución de sólidos en suspensión, a erosión laminar e outros procesos erosivos asociados á perda da cuberta vexetal, a modificación de canles, etc. Entre as ditas medidas teranse en conta as seguintes:
- Os labores de preparación do terreo realizaranse preferentemente en tempo seco, evitando os meses en que as precipitacións sexan máis abundantes e, polo tanto, exista maior risco de erosión. Segundo a documentación achegada e en función das características pluviométricas da zona, estes meses irían de decembro a febreiro.
- Procurarase non deixar solo nú nestes meses á espera da plantación, aínda que non se realicen actividades silvícolas no terreo.
- En monteiras con pendentes superiores ao 10% daráselles preferencia aos labores de preparación do terreo adaptados ás curvas de nivel, evitando actuacións en dirección da máxima pendente.
- En monteiras con pendente elevada (> 20%) porase un especial coidado no control do subsolado, debéndose levantar o subsolador durante 2 m cada 10 m para evitar formación de regueiros e arrastres de materiais.
- Non se acumularán terras ou pedras procedentes dos labores de preparación do terreo nas zonas de servidume dos cursos fluviais nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial.
- O paso da maquinaria polas canles temporais existentes no monte debe estar limitado, para evitar a súa alteración.
2. Na eliminación das cepas reducirase ao mínimo imprescindible o emprego de métodos químicos como o glifosato ou similares, pola posible afección que puidesen ter sobre os leitos fluviais. A roza da vexetación será sempre por medios mecánicos ou manuais, tal e como se recolle no proxecto.
En calquera caso, non se fará uso de fitocidas nunha banda de 5 m a cada lado dos leitos, que coincidirá coa zona de servidume. Con carácter xeral non se fará uso destes produtos en épocas de choivas.
3. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e de policía dos cursos de auga precisará da autorización do organismo de bacía competente, neste caso a Confederación Hidrográfica do Norte, conforme se establece no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2.2. Protección da fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación previos á repoboación, así como os coidados posteriores de roza, escolleranse as datas en que menos molestias produzan á fauna da zona. Non se empregarán métodos distintos aos sinalados na documentación avaliada.
2. Tendo en conta que entre a avifauna cuxa presenza foi detectada na área que se vai repoboar se atopa a gatafornela (Circus cyaneus), ave rapaz que nidifica sobre o solo en ambientes de matogueira e, polo tanto, é susceptible de verse afectada polos labores de roza, levaranse a cabo as comprobacións oportunas para determinar a existencia ou non de parellas reprodutoras na área de actuación.
No caso de detectarse a súa nidificación, establecerase un perímetro de exclusión duns 500 m de raio arredor do niño, onde se evitará calquera actuación ata a finalización do período reprodutor (podendo continuar cos traballos noutras monteiras) e outro perímetro de seguridade de 500 m, onde se limitarán as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.
3. No referente aos labores de silvicultura posterior (podas, rareos, cortas...) e corta final, previamente á súa execución verificarase a ausencia de avifauna nidificante de interese nos pés implicados. En caso afirmativo, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor.
En especial, atenderase á presenza de aves rapaces, moitas de cuxas especies teñen figuras legais de protección (Directiva Aves 79/409/CEE e actualizacións posteriores; Real decreto 439/1990, polo que se regula o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas, novo anexo II da Lei 4/1989) ou figuran en diversos catálogos e publicacións (Catálogo provisional de aves nidificantes ameazadas en Galicia, Libro vermello das aves de España), o que pon de manifesto a importancia da conservación deste grupo de aves.
4. Controlarase o bo mantemento da maquinaria en canto a emisións sonoras, procurando en todo caso que os niveis non superen os habituais do laboreo agrícola.
2.3. Protección da vexetación e dos hábitats naturais.
1. Vista a importancia ecolóxica da banda lineal existente no bordo do río Trabada, deberán terse en conta as seguintes condicións para realizar unha actuación coas mínimas afeccións ambientais e para que o proxecto non cause prexuízo á integridade do Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Río Eo, ao cal pertence o leito do río Trabada:
- Ademais de respectar a vexetación de ribeira existente (tanto na zona de servidume do leito como nas zonas contiguas a esta, independentemente do largo que teña a faixa arborizada), deberán plantarse ameneiros (Alnus glutinosa) nunha banda de 12,5 m a cada lado do río Trabada, xunto con outras especies de ribeira que favorezan a biodiversidade, como bidueiros (Betula celtiberica), salgueiros (Salix atrocinerea), freixos (Fraxinus sp.) ou mesmo carballos (Quercus robur).
- Co fin de facilitar o crecemento das frondosas plantadas na dita banda lineal, deberase establecer unha banda de transición entre estas especies e as plantacións de eucaliptos. Esta banda pode estar constituída por especies de crecemento intermedio (como o Pinus pinaster) para que non se dificulte o desenvolvemento das frondosas autóctonas.
- En ningún caso se procederá á eliminación da vexetación riparia existente para a súa substitución polas especies frondosas mencionadas no proxecto (Alnus glutinosa, Prunus avium, Quercus rubra...), dada a importancia de manter inalterados estes corredores ecolóxicos desde o principio e xa que carece de sentido a substitución da vexetación existente por outra similar.
2. Tendo en conta a grande importancia dunha boa defensa contra os incendios forestais, terase en consideración que na zona de repoboación existen moitos outros ríos e regatos que constitúen bandas frescas e húmidas que poden actuar como importantes devasas, ademais de ter unha función ecolóxica moi importante. Por conseguinte, en todos estes leitos, ademais de preservar a vexetación de ribeira existente (independentemente do largo da faixa arborizada), ampliarase o largo da banda actual ata os 12,5 m no caso de que sexa máis estreita, para que actúen cortando na medida do posible o avance de posibles incendios forestais. A dita medida, ademais de aumentar a porcentaxe de frondosas que se debe plantar, contribuiría á diversidade ecolóxica e á mellora da integración paisaxística da repoboación.
3. A porcentaxe de frondosas que se van plantar deberá acadar como mínimo o 20% da superficie de repoboación, o que suporá unhas 205 ha.
Para acadar a dita superficie, ademais das actuacións sinaladas nos puntos anteriores, terase en conta a opción de estender a predios estremeiros ou ocupar a totalidade da parcela coa plantación de frondosas prevista nalgúns predios de menor tamaño, co obxecto de obter masas frondosas non lineais de maior envergadura. Para o caso da plantación de Prunus avium e Quercus rubra podería aplicarse, por exemplo, ás parcelas nº 519, 520, 522, 412, 413, 417, 418, 490, 491 e 492, entre outras. No caso de Castanea x hybrida-Alnus glutinosa poderían seleccionarse, entre outros, os predios nº 220, 510, 511 e 526 ata 529.
4. Nas zonas en que se planten especies de ribeira, os labores de roza e de preparación do terreo restrinxiranse a unha preparación manual e puntual, co fin de contribuír a manter a estabilidade dos leitos dos ríos e as súas marxes fronte ás enchentes extraordinarias e a escorrega.
5. Tal e como se indica na documentación avaliada, respectaranse todas as formacións de frondosas que actualmente existen no monte, o que supón a preservación dunhas 96 ha de arboredo. Esta condición será de aplicación estean ou non integradas as masas na superficie que se reservou para masa común no proceso de concentración parcelaria.
Neste sentido será prioritaria, en consonancia co sinalado na documentación avaliada, a preservación da denominada Fraga do Bizarro, pola súa especial singularidade e valor ecolóxico. Tamén se inclúe entre as formacións a respectar a Fraga da Belosiña.
6. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira observarase o disposto na lexislación vixente de aplicación. A plantación de especies arbóreas nas marxes dos ríos requirirá autorización do organismo de bacía, neste caso a Confederación Hidrográfica do Norte.
7. De ser necesaria a corta doutro tipo de arboredo, previamente terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no regulamento de montes.
8. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
2.4. Xestión dos residuos.
1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da actuación deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou a reutilización fronte á vertedura.
2. Adoptaranse as medidas oportunas para que os residuos se almacenen en condicións axeitadas de hixiene, seguridade e segregación, garantindo en todo caso que se impida calquera afección ao ambiente.
O almacenamento temporal ata a súa entrega a un xestor autorizado realizarase nunha zona habilitada para tal fin (preferiblemente na zona dedicada a instalacións temporais de obra para ter un maior control destes), cumprindo os criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza.
3. Os labores de mantemento e reparación da maquinaria empregada nos traballos de repoboación realizaranse en talleres autorizados sempre que sexa posible, eliminando así o risco de derramas accidentais de substancias contaminantes. Cando non sexa posible polas características da maquinaria, estas tarefas poderán realizarse na zona destinada a instalacións temporais de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recolla de posibles verteduras.
2.5. Protección do patrimonio cultural.
1. En relación co xacigo Marco da Pena Verde (GA27061001), deberá deixarse unha área de 15 m ao seu redor sen que se produzan remocións de terras (subsolado para a plantación) nin plantacións, debendo manter a árbore máis próxima que se plante unha distancia superior aos 15 m. Así mesmo, deberá deixarse baleiro de plantación todo o ángulo do predio identificado na cartografía co nº 6, situado ao norte da zona obxecto de repoboación, no Rodal II.
2. En relación co xacigo Mámoa de Pico Grande (GA27061017), verificarase que en todo momento se mantén a distancia superior a 100 m que, segundo se desprende do proxecto, existe entre o dito elemento e o predio que se vai repoboar máis próximo.
3. En previsión de que na zona afectada pola repoboación puidesen existir novos xacigos arqueolóxicos imposibles de localizar na actualidade debido á mesta vexetación que cobre a maior parte dos predios, deberán ser informados os servizos técnicos de Arqueoloxía da Delegación Provincial da Consellería de Cultura e Deporte, da finalización dos labores de roza e previamente ao inicio do subsolado, co fin de poder inspeccionar os terreos antes de calquera remoción de terras, para poder evitar afeccións aos elementos do patrimonio cultural.
2.6. Outras medidas.
1. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Para os devanditos efectos proponse como importe do aval, que deberá ser fixado polo órgano substantivo, a cantidade de 35.816 euros, correspondente ao 1 % do orzamento do proxecto.
2. Para a localización da zona destinada a instalacións temporais de obra (módulos comedor, aseos portátiles, casetas de obra...), parque de maquinaria, almacenamento de residuos, etcétera, seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e alonxado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica. O dito lugar deberá ser restaurado ao finalizar a obra, plantando as especies previstas no proxecto, polo que preferiblemente se localizará nunha das últimas monteiras que se van repoboar.
3. Para o emprego de lodos de depuradora como fertilizante orgánico, será preciso contar con todos os permisos que resulten necesarios segundo a lexislación vixente, garantindo en calquera caso que o seu uso non produza afeccións ao medio natural, tanto pola súa composición como polo lugar e o modo de aplicación.
4. Se co motivo da actuación se producise algunha deterioración de estradas, pistas ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente, deberán restituírse ao seu estado previo ao desenvolvemento do proxecto.
5. Durante os anos posteriores á plantación cumpriranse as condicións establecidas nesta declaración que sexan de aplicación a cada unha das operacións de mantemento que se realicen: a reposición de marras, rozas, podas, rareos, cortas, tratamentos fitosanitarios...
2.7. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir as alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento incluído no estudo ambiental para as fases de execución e de mantemento posterior, deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos desta declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se elabore neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. No seu desenvolvemento teranse en conta as seguintes consideracións:
- Os informes de seguimento ambiental resultantes do desenvolvemento deste programa serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, a quen lle corresponde o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración conforme o establecido na normativa ambiental.
- No caso de que como resultado deste seguimento se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicaráselle inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificándolle o seu nomeamento ao órgano substantivo, quen llo comunicará ao órgano ambiental.
Como informes do programa de seguimento ambiental achegaranse, como mínimo, un informe ao final da actuación (nun prazo non superior aos tres meses desde o remate dos labores de repoboación) e logo, anualmente, un informe da explotación cuxa periodicidade se poderá ir axustando en función dos resultados que se vaian obtendo no seguimento
Estes informes virán acompañados dunha reportaxe fotográfica e planos de apoio e deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión, de ser o caso, do responsable do control do seguimento ambiental.
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2006.
Joaquín Lucas Buergo del Río,
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
ANEXO I - Resumo do proxecto
O proxecto ten por obxecto a restauración da cuberta vexetal dunhas 1.026 ha (segundo a modificación do proxecto de repoboación) no monte de Trabada, na parroquia de Trabada (concello de Trabada, Lugo).
A zona obxecto de repoboación atópase na actualidade practicamente desarborizada debido ao aproveitamento que se realizou co gallo do proceso de concentración parcelaria na parroquia. Existen tan só unhas 95 ha arborizadas con eucaliptos, ademais da vexetación de ribeira asociada ao río Trabada e a outros regatos da zona.
As especies que ocuparán maior superficie de plantación serán o eucalipto (unhas 724 ha) e os piñeiros (unhas 202 ha). Así mesmo, efectuarase a separación das masas de eucalipto mediante a plantación de faixas de frondosas, a plantación de ameneiros nas marxes dos ríos e de castiñeiros nalgúns puntos específicos.
As especies e superficies que se ten previsto plantar son as seguintes, segundo se desprende da modificación do proxecto de repoboación:
Especie; superficie (ha); porcentaxe superficie (%).
Eucalipto (Eucaliptus globulus); 723,82; 70,53.
Coníferas (Pinus pinaster e Pinus radiata); 201,91; 19,68.
Frondosas (Alnus glutinosa, Prunus avium, Quercus rubra e Castanea x hibrida); 100,43; 9,79.
Total: 1.026,16 y 100.
A superficie que se vai repoboar estrutúrase en 24 monteiras, sendo as densidades e os marcos de plantación por grupos de especies as seguintes:
Densidade(pés/ha); marco plantación.
Eucalipto: 1.111; 3 x 3 m.
Coníferas: 1.428; 3,5 x 2 m.
Frondosas: 816; 3,5 x 3,5 m.ç
Os labores previos á repoboación comprenden a eliminación da cuberta vexetal arbustiva mediante a roza mecanizada en faixas de 2 m de largo (empregando rozadora de martelos axustada a tractor forestal) e eliminación das cepas químicas mediante aplicación localizada de glifosato nos tocos. A continuación efectuarase unha preparación do solo mediante subsolado con tractor forestal de cadeas ou ben un afochado mecanizado con retroaraña cando a elevada pendente así o exixa. Logo da emenda do solo (con fertilizantes orgánicos e inorgánicos) realizarase a plantación, que será manual independentemente do grao de mecanización que se poida acadar nas monteiras. A planta será subministrada a raíz núa ou en envase, segundo a especie de que se trate.
Como labores posteriores á repoboación prevese a reposición de marras (admisible ata o 10%), a roza da matogueira (manual ou mecanizada segundo a zona) e os traballos de silvicultura (con tratamento diferenciado para cada especie).
A densidade actual de pistas, vías de saca e devasas considérase suficiente para darlle servizo ao monte, polo que non se fai necesaria a apertura de novas vías, tan só o acondicionamento dalgúns tramos que se atopan deteriorados. Para cubrir as necesidades do persoal participante na obra, prevense como instalacións temporais de obra dous módulos comedor de 60 m e outros dous de aseo portátiles.
No ámbito da actuación atópase o río Trabada (afluente do río Eo), que forma parte do Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Río Eo e que actualmente está declarado zona de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril. O dito espazo non se verá alterado polo proxecto de repoboación, no cal tamén se ten en conta a preservación doutras carballeiras singulares (Fraga do Bizarro, Fraga da Belosiña...), da vexetación de ribeira en xeral (asociada aos regatos que discorren pola área de actuación) e dalgunhas monteiras de frondosas que permanecen tras o proceso de concentración parcelaria levado a cabo na zona, que en conxunto supoñen unhas 96 ha de arboredo.
ANEXO II - esumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
Na epígrafe de medidas protectoras e correctoras do estudo ambiental inclúense basicamente as seguintes:
Sobre o solo.
- Nas zonas de maior pendente, á hora de realizar os traballos de repoboación e o aproveitamento das masas, evitaranse no posible as perdas de solo utilizando as técnicas e os medios necesarios para iso.
- A roza será superficial para protexer na medida do posible a estabilidade do solo.
- O material vexetal procedente da roza incorporarase de novo ao solo para que este teña unha contribución de nutrientes.
- Realizaranse encalados que aumenten o pH do solo, mellorando así a dispoñibilidade de nutrientes.
- No caso de xurdir unha avaría de maquinaria, debe existir no lugar da plantación un recipiente plástico para recoller as verteduras e trasladalas a un lugar axeitado.
Sobre as augas.
- Se se producisen rodeiras polo paso da maquinaria, serán eliminadas mediante fresadora para evitar acumulacións de auga e fenómenos erosivos.
- Evitarase a vertedura de aceites ou calquera outra substancia contaminante.
- Tras a preparación do solo, a plantación efectuarase o máis axiña posible para evitar a erosión no terreo e a formación de regueiros.
- Empregaranse produtos altamente biodegradables e non contaminantes.
- A aplicación de herbicidas realizarase en días con condicións climatolóxicas adecuadas, evitando os días de choiva, os excesivamente calorosos ou con vento. Evitarase actuar cedo pola mañá, para que o produto non se disolva co orballo.
Sobre a vexetación.
- Procederase á revexetación coas especies sinaladas no proxecto.
- Os traballos de recuperación da cuberta vexetal abordaranse coa maior brevidade posible co fin de facilitar a recolonización vexetal e evitar os procesos erosivos.
- Dadas as malas características do solo nalgunhas zonas do monte, empregarase planta micorrizada para facilitar o asentamento das novas plantas e mellorar o seu crecemento nos primeiros anos.
- Elixirase planta de calidade, rexeitando aqueles exemplares de dubidosa calidade co fin de obter o menor número de marras e os mellores pés no futuro.
- As plantas de Eucaliptus globulus terán a variedade xenética suficiente para obter unha masa sa. Todas as plantas terán as mellores condicións de idade, tamaño, desenvolvemento, forma de cultivo e de transplante para acadar o mellor resultado da repoboación.
- As distintas monteiras de corta estarán separadas entre si por frondosas caducifolias, creando así corredores verdes.
- Terase o maior coidado á hora de facer os tratamentos silvícolas.
- Os rareos realizaranse de xeito que se eviten danos aos pés que queden no monte.
- Aplicaranse herbicidas sistémicos, de acción foliar e biodegradables.
Sobre a fauna.
- Evitarase a realización de cortas de mellora e demais traballos con maquinaria en época de cría.
- Respectaranse os pés das especies que poidan servir de alimento para a fauna.
- Plantaranse especies de frondosas que poidan darlle acubillo e alimento á fauna.
- Dentro do monte manteranse espazos de protección que non se verán afectados polo proxecto.
- Dentro da área do proxecto (na parcela 189) crearase unha zona denominada refuxio de caza onde se plantarán cereais.
Sobre a atmosfera.
- A maquinaria será manexada por profesionais para evitar aceleróns e uso indebido.
- Os traballos que se van realizar axustaranse ao horario entre as 10.00 e as 18.00 horas para minimizar as posibles molestias por emisións sonoras.
- Mantemento preventivo adecuado da maquinaria.
- Utilizaranse equipamentos de protección personal.
- No caso de ser necesario, tomaranse medidas adicionais anti-ruído, como instalación de silenciadores nos equipamentos móbiles.
Paisaxe.
- Combinaranse especies de frondosas caducifolias de crecemento medio-lento entre as frondosas de crecemento rápido, para crear pantallas visuais e corredores verdes con cambios de cor de follas.
- Seguiranse as curvas de nivel á hora de facer a plantación.
- Realizarase a plantación no menor tempo posible.
- Á hora de deseñar o plan de repoboación evitáronse as formas demasiado xeométricas e as liñas rectas e favoreceuse a descontinuidade de liñas e o apoio en masas arbóreas existentes.
- Nos bordos da repoboación prevese a plantación de frondosas caducifolias co fin de integrala na paisaxe circundante.
- Evitouse o deseño de monteiras onde os límites non sexan perpendiculares ou paralelos ás curvas de nivel.
Residuos.
- Os envases de planta non reutilizables serán recollidos e trasladados a un centro de procesado de plásticos.
- O aceite das máquinas recollerase en bidóns e trasladarase a unha planta de reciclaxe.
- Os sacos e envases onde se subministran os fertilizantes e biocidas terán tratamento especial adecuado.
- O resto de residuos xerados pola presenza de actividade humana no monte serán recollidos nun contedor e trasladados a un vertedoiro onde sexan correctamente eliminados.
ANEXO III - Revisión do 16 de xuño de 2006 da declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 3 de maio de 2006, relativa ao proxecto de repoboación do monte de Trabada, no concello de Trabada (Lugo), promovido pola Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Monte de Trabada. (Clave: 2005/0145).
A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia o 3 de maio de 2006.
No punto 2.3.3 da antedita declaración indicábase que a porcentaxe de frondosas para plantar debía acadar como mínimo o 20% da superficie de repoboación, o que suporía unhas 205 ha. A dita porcentaxe estableceuse co obxectivo de evitar grandes masas monoespecíficas de eucalipto na zona que se ía repoboar, ao mesmo tempo que se procuraba unha maior biodiversidade e valor ambiental para o conxunto da repoboación. Así mesmo, no punto 2.3.5 sinalábase a necesidade de respectar todas as formacións de frondosas existentes actualmente no monte, que segundo a documentación avaliada supoñían unhas 96 ha de arboredo.
Ao respecto destes obxectivos, o 5 de xuño de 2006 ten entrada na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, remitido pola Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais da Consellería do Medio Rural, o documento titulado Proxecto de repoboación do monte de Trabada-Lugo. Anexo complementario ao impacto ambiental, no cal se achega unha visión máis detallada dos traballos previos levados a cabo para definir o ámbito do futuro proxecto de repoboación, co obxecto de que se revisen os citados obxectivos por consideralos suficientemente acadados.
No dito documento fundaméntase o anterior indicando que nos traballos previos xa se considerou un modelo de xestión do monte orientado cara ao uso sustentable dos terreos, maximizando a produción sen sacrificar por iso o respecto das zonas máis sensibles ou de maior valor ecolóxico existentes no conxunto da superficie susceptible de someterse a repoboación.
Algunha destas zonas de alto valor ecolóxico que foron excluídas en fases iniciais da superficie susceptible de repoboación (como a Fraga da Becerreira, de 128,53 ha de superficie, ou bosques de ribeira de destacable extensión ao norte e noroeste do monte) non se reflectiron nin computaron debidamente no estudo de impacto ambiental como zonas para respectar, xa que quedaban total ou parcialmente fóra do perímetro que finalmente se considerou no proxecto de repoboación.
Dos datos que figuran na nova documentación despréndese que no conxunto do monte e o seu contorno, isto é, na superficie inicialmente considerada como susceptible de repoboación, a superficie total de frondosas existentes ascende a 201,75 ha, que serán preservadas integramente. Dado que no proxecto de repoboación a superficie dedicada para frondosas de nova implantación é de 100,43 ha, unha vez executada a superficie total de frondosas no conxunto do monte será de 302,18 ha.
Por outra banda, no proxecto resérvase unha superficie adicional de 8,79 ha dedicada a refuxio de caza, na cal se efectuará unha sementeira de cereais para que sirva de alimento e protección a especies de caza menor. Así mesmo, dentro do ámbito da repoboación atópanse unhas 32,97 ha de pasteiros que contribúen a manter a heteroxeneidade de usos e a diversidade ecolóxica.
Coa nova información achegada, pode considerarse que co traballo previo realizado na definición do proxecto se conseguen basicamente os obxectivos de diversidade ecolóxica e de integración paisaxística que se pretendían acadar con certas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, polo que esta dirección xeral estima a súa revisión nos termos que a continuación se sinalan:
* No punto 2.3. Protección da vexetación e os hábitats naturais, introdúcense as seguintes modificacións:
1. O punto 2.3.1 queda redactado como segue:
Vista a importancia ecolóxica da banda lineal existente no bordo do río Trabada, deberán terse en conta as seguintes condicións para realizar unha actuación coas mínimas afeccións ambientais e para que o proxecto non lle cause prexuízo á integridade do Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Río Eo, ao cal pertence o leito do río Trabada:
- Naquelas parcelas estremeiras ao leito do río nas cales estean previstas actuacións, ademais de respectar a vexetación de ribeira existente (independentemente do largo da faixa arborizada), ampliarase o largo da banda actual ata os 12,5 m no caso de que sexa máis estreita, mediante a plantación de ameneiros (Alnus glutinosa) xunto con outras especies de ribeira que favorezan a biodiversidade, como bidueiros (Betula celtiberica), salgueiros (Salix atrocinerea), freixos (Fraxinus sp.) ou mesmo carballos (Quercus robur).
- Co fin de facilitar o crecemento das frondosas plantadas na dita banda lineal, deberase establecer unha banda de transición entre esas especies e as plantacións de eucaliptos previstas. Dado que as bandas de Prunus avium e Quercus rubra previstas no proxecto poden cumprir esta función, unicamente haberá que recualas para que se afasten do bordo do leito os 12,5 m sinalados no punto anterior.

2. Suprímese o punto 2.3.3.
3. A condición establecida no punto 2.3.5 aplicarase a todas as formacións mencionadas no documento Proxecto de repoboación do monte de Trabada-Lugo. Anexo complementario ao impacto ambiental e reflectidas no plano de zonas de conservación. Plano nº 1, o que implica a preservación de 201,75 ha de frondosas preexistentes.
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2006.

Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO RURAL
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL