Diario Oficial de Galicia, 11-11-2004, Núm. 220, Páx. 15428
Resolución do 3 de novembro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 20 de outubro de 2004, relativa ao proxecto de trazado do semienlace sentido Ourense, de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-525 nas proximidades de Piñor (OU/03/042.01.3).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 20 de outubro de 2004, relativa ao proxecto de trazado do semienlace sentido Ourense, de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-525 nas proximidades de Piñor (OU/03/042.01.3), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2004.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Director xeral de Obras Públicas
Declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 20 de outubro de 2004, relativa ao proxecto de trazado e estudio de impacto ambiental do semienlace sentido Ourense, de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-525 nas proximidades de Piñor (OU/03/042.01.3), no concello de Piñor (Ourense), promovido pola Dirección Xeral de Obras Publicas, clave 2004/0234.
Antecedentes.
A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 25 de febreiro de 2004, aprobou provisionalmente o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental do semienlace sentido Ourense de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-525 nas proximidades de Piñor (Ourense).
Este proxecto ten por obxecto a resolución do enlace entre a estrada N-525 nas proximidades de Piñor e a autoestrada Santiago-Ourense en sentido Ourense, completando así o semienlace de Dozón en sentido Santiago de Compostela.
No anexo I resúmese o contido do proxecto de trazado e no anexo II resúmense as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.
Dado que o proxecto se encontra comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 9 de marzo de 2004 publícase no Diario Oficial de Galicia (nº 48), a Resolución do 25 de febreiro de 2004, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental do semienlace sentido Ourense de conexión coa autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-525 nas proximidades de Piñor.
Durante este período foron presentadas alegacións por parte dos concellos de Piñor e Toén, de diversos particulares, da Asociación de Veciños de Penouzo e da ASEPI (Asociación de Comerciantes de Piñor). Destas alegacións, as que teñen carácter ambiental foron tidas en conta, no que procede, no condicionado da DIA.
Con data do 17 de setembro de 2004 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no que se inclúen os certificados de exposición ao público nas distintas dependencias, copia das alegacións presentadas neste período, e os informes de Confederación Hidrográfica do Norte, Dirección Xeral de Ferrocarrís, e das direccións xerais de Saúde Pública, Conservación da Natureza e Patrimonio Cultural.
Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental do semienlace sentido Ourense de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-525 nas proximidades de Piñor (Ourense).
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a alternativa proposta pola Dirección Xeral de Obras Públicas para o trazado do semienlace sentido Ourense, de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-525 nas proximidades de Piñor, é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das citadas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os únicos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que contribúan a unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A) Ámbito da declaración.
Esta declaración de impacto ambiental refírese ás obras proxectadas no proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental do semienlace sentido Ourense, de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-525 nas proximidades de Piñor (Ourense), para a denominada alternativa B, segundo a configuración reflectida no plano nº 11.1 Planta xeral da opción seleccionada, incluído no tomo II do antedito documento anexo nº 20: estudo de impacto ambiental.
B) Condicións xerais.
B.1) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. Localizaranse as zonas destinadas a instalacións auxiliares, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, primando o uso dos espazos ocupados polo trazado fronte a calquera outro, e, tal como se indica no estudo de impacto ambiental, procurarase que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.
2. Deseñarase un sistema de recollida, condución e decantación das augas procedentes da zona de instalacións auxiliares, de lavado de camións e maquinaria e dos formigonados.
3. Definiranse as vías auxiliares que se vaian utilizar no proceso construtivo, primando o uso do trazado fronte ás vías locais preexistentes e, de ambas fronte á apertura de novas vías.
4. O deseño das drenaxes transversais do viario realizarase de forma que non se modifique o actual réxime hídrico da zona.
Tal como se propón no estudo de impacto ambiental, estes elementos serán utilizados como paso pola microfauna, polo que se levarán a cabo as medidas sinaladas nese documento; ademais, deseñaranse co largo suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Considéranse como paso bidireccional da fauna, polo tanto, estarán desprovistos de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, previndo que todas as especies que caian poidan saír.
5. Incluirase o proxecto de restauración vexetal achegado no estudo de impacto ambiental.
6. Incluirase o programa de vixilancia ambiental achegado no estudo de impacto ambiental adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos desta declaración.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación) a periodicidade, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá prever os labores de integración paisaxística.
- As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas; polo tanto, realizaranse naqueles momentos nos que poida existir unha afección sobre os aspectos que controlar.
- As tomas de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán estar acompañadas de informe asinado polo técnico competente.
B.2) Fase de replanteo.
Tal como se indica no estudo de impacto ambiental, realizarase o balizado e a sinalización das zonas de obra e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas e daqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto (masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural), o que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto.
B.3) Fase de obras e explotación.
1. Levaranse a cabo as medidas indicadas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de que dispoña delas, nas ordenanzas municipais do Concello de Piñor.
3. Para os vertidos que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Confederación Hidrográfica do Norte de España. No caso de que o vertido se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.
4. Ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se encontren situadas sobre o propio trazado, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente á finalización daquelas.
5. Non estando definida, no estudo presentado, a reserva dunha zona para a fabricación de formigón ou aglomerado asfáltico, estes serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.
6. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.
7. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas.
Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se usen para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos xeotecnicamente pouco exixentes, etcétera) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.
8. A xestión da terra vexetal que se vaia utilizar na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou esvaramento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etcétera).
No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica.
9. No caso de ter que realizar labores de mantemento e reparación da maquinaria non apta para circular por estrada na zona de obras, protexerase o solo con materiais impermeables e disporanse os medios necesarios para a recollida de posibles vertidos.
10. Tal como se propón na documentación achegada respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución da obra, tendo en conta que, se tecnicamente resulta posible, non se eliminarán os cepos, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.
Para a realización de cortas das especies arbóreas, debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.
11. Os restos vexetais que se xeren deberán ser xestionados adecuadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos sobre o terreo, deberán ser triturados e esparexidos homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.
12. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando estes labores exclusivamente por medios mecánicos.
13. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso de seren precisas, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.
14. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística indicados no punto B.1.5 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.
15. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fora preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.
16. No caso de que como resultado de levar a cabo o programa de vixilancia ambiental indicado no punto B.1.6 desta DIA, se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais fortes ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
C) Condicións específicas.
C.1) Fase previa á redacción do proxecto construtivo.
En referencia ao paso da vía sobre o Camiño de Santiago (Vía da Prata), redactarase un proxecto técnico específico, en coordinación cos técnicos da Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo, onde se definan detalladamente as obras que se vaian executar: tipo de estrutura de paso superior, dimensións, materiais, acabados e integración paisaxística.
C.2) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. Realizaranse os axustes de deseño necesarios nas obras de drenaxe proxectadas de forma que cumpran coas recomendacións establecidas no punto 5.2.2.2.1 da instrución de estradas 5.2.1.C; así como coas normas 2.1.5.1.4 (caudal máximo de enchente); 2.1.5.1.12 (vías de comunicación) e 2.1.5.1.13 (condicións que deben cumprir as obras que se realicen no dominio público hidráulico) do Plan Hidrolóxico Norte I (Real decreto 1664/1998).
O proxecto construtivo deberá ser remitido á Confederación Hidrográfica do Norte de España para o seu informe.
2. Realizarase un programa de actuacións sobre o patrimonio que deberá ser aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo, onde, ademais do control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, se incluirán as actuacións que deriven da condición C.1. desta DIA.
3. Calquera modificación do trazado do proxecto obxecto desta DIA terá que ser comunicada, coa maior brevidade posible, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
4. Dada a existencia de entidades de poboación no contorno do proxecto (Carballeda, O Reino, etcétera), co obxecto de minimizar as afeccións sobre a poboación, terase en conta o seguinte:
- No deseño das voaduras, así como na planificación dos métodos de execución destas, incluiranse as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais grosos. Estas actuacións serán obxecto dun especial seguimento.
- No proxecto de restauración vexetal a que se fai referencia no punto B.1.5 da DIA, estableceranse para as zonas do trazado máis próximas ás zonas poboadas, sempre que sexa posible, medidas adicionais (aumentar a densidade de sementeira e/ou plantación, evitar formas demasiado artificiais nos noiros, etcétera) para maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.
5. Ademais de cumprir os condicionados indicados no punto B.1.6, o programa de vixilancia ambiental que se inclúa no proxecto construtivo deberá recoller especificamente os seguintes aspectos:
- Ampliar o plan de seguimento dos ruídos ao que se fai mención no estudo de impacto ambiental, tanto para a fase de obras como durante a explotación da vía, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites que impoñer, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.
- Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación deste, de xeito que cumpra a súa función dun modo efectivo.
En todos os casos, situaranse os puntos de mostraxe propostos nun plano a escala 1:5.000, ou maior detalle.
C.3) Fase de replanteo.
1. Desenvolvemento do programa de actuacións sobre o patrimonio conforme se resolva a condición C.2.2 desta DIA.
Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto, deberase dispoñer da autorización emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización do devandito programa de actuacións sobre o patrimonio (intervencións e seguimento e control arqueolóxico).
Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases de obra, ou no caso de que aparezan novos elementos non detectados ata o momento, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras precisas. Terase en conta que, na fase de replanteo, se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas protectoras e correctoras.
Informarase o equipo de control e seguimento arqueolóxico da localización das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que poidan afectar a elementos do patrimonio cultural, deberase comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural coa maior brevidade posible.
2. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto correspondente ao dominio público hidráulico, deberase dispoñer das autorizacións oportunas emitidas pola Confederación Hidrográfica do Norte de España.
3. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo que se procederá ao balizado ou sinalización adecuada dos treitos afectados dos ríos Asneiros e Fontes, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puideran supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.
C.4) Fase de obras.
1. Prohíbese verter nos leitos dos ríos Asneiros e Fontes, así como dos regatos estacionais existentes na zona, restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como os cambios de aceite de maquinaria de construción.
2. A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental a que se fai referencia nos puntos B.1.6 e C.2.5 da DIA para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan:
a) Trimestralmente:
- Cronograma actualizado das obras.
- Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado. Incluirase unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora.
- Representación en plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman.
b) Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do programa de vixilancia ambiental que reflicta o cumprimento de todas as medidas correctoras incluídas no estudo así como as impostas pola DIA, en concreto:
- Informe no que se reflicta o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras respecto do proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto anterior. Incluirase unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.
- Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.
C.5) Fase de explotación.
A Dirección Xeral de Obras Públicas elaborará anualmente un informe, incluíndo o seguinte:
- Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolto no proxecto construtivo segundo o solicitado nos puntos B.1.6 e C.2.5 desta DIA.
- Reportaxe fotográfica onde se reflita a integración paisaxística da actuación, indicando a data e a hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano.

A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa. Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2004. José Manuel Álvarez-Campana Gallo, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
ANEXO I - Resumo do proxecto de trazado
O proxecto consiste na realización dun enlace entre a autoestrada Santiago de Compostela-Ourense (AP-53), e a N-525 nas proximidades de Piñor.
Para a realización deste enlace no proxecto proxéctanse tres alternativas de trazado (A, B e C) que afectan ao termo municipal de Piñor.
As tres alternativas localízanse nun espazo moi próximo entre si, polo que os condicionantes topográficos e ambientais son os mesmos para as tres alternativas planeadas.
Selecciónase finalmente a alternativa B como a menos impactante desde o punto de vista ambiental.
- Alternativa A.
O punto de inicio do enlace sitúase na estrada N-525, moi próximo ao núcleo de poboación de Carballeda, polo sur. O ramal de enlace N-525-Ourense cruza a autoestrada mediante un paso superior á altura do p.k. 64+550.
O trazado parte da N-525 de forma perpendicular a esta, cunha recta duns 106 m seguida dunha aliñación curva de raio 450 m con clotoides en ambos os extremos. Continúa o treito cunha clotoide, para posteriormente bifurcarse en dous ramais que forman o enlace.
O ramal 1 Ourense-N-525 segue cunha aliñación curva de 130 m de raio, seguida de dúas aliñacións curvas de raios 450 e 250 m para enlazar finalmente coa autoestrada.
O ramal 2 N-525-Ourense continúa desde a bifurcación coa aliñación circular de 450 m de raio, para pasar a outra aliñación curva de raio 55 m unha vez se cruza cun paso superior á autoestrada. O trazado deste ramal segue cunha aliñación recta duns 48 m e por último unha aliñación curva de 300 m de raio antes de enlazar finalmente coa autoestrada.
O paso superior do ramal 2 sobre a autoestrada localízase no p.k. 64+551 desta última e no p.k. 0+591 do ramal. A lonxitude do paso é de 58 m.
Esta alternativa presenta o inconveniente da proximidade ao termo de Carballeda. A cuña de entrada ao enlace en sentido N-525-Ourense chega á zona urbana.
- Alternativa B.
O punto de inicio do enlace sitúase na estrada N-525, de forma centrada entre os termos de Carballeda e O Reino. O ramal de enlace N-525-Ourense cruza a autoestrada mediante un paso superior á altura do p.k. 64+550.
O trazado parte da N-525 de forma perpendicular a ela, nunha zona curva da nacional, cunha recta, seguida dunha curva cara ao norte, de raio 600 m. Nesta curva prodúcese a bifurcación do treito unificado.
O ramal 1 Ourense-N-525 a partir desta última curva prosegue con varias aliñacións curvas, a primeira delas de 120 m de raio, seguida doutra de pequeno desenvolvemento de 450 m, onde o ramal discorre aproximadamente paralelo á autoestrada. A última aliñación antes do entroncamento na autoestrada é unha curva de raio 250 m, tamén con pouco desenvolvemento.
O ramal 2 N-525-Ourense continúa coa aliñación curva de raio 600 m do treito unificado, para seguir posteriormente ao cruzamento da autoestrada con outra aliñación curva de raio 55 m; a seguinte aliñación é unha recta duns 30 m de lonxitude seguida dunha aliñación curva de 300 m antes do entroncamento coa autoestrada.
O paso superior do ramal 2 sobre a autoestrada localízase no p.k. 64+557 desta última e no p.k. 0+660 do ramal. A lonxitude do paso é de 58 m.
- Alternativa C.
Este semienlace ten o seu punto de inicio, ao igual que a alternativa B, de forma centrada entre os termos de Carballeda e O Reino. O ramal de enlace tipo trompeta N-525-Ourense cruza a autoestrada mediante un paso superior á altura do p.k. 64+550.
O trazado parte da N-525 de forma perpendicular a ela, nunha zona curva da nacional, cunha recta seguida dunha curva cara ao norte de raio 300 m. Seguidamente ten unha recta na que se produce a bifurcación do treito unificado.
O ramal 1 Ourense-N-525 a partir da recta na que se bifurca continúa con varias aliñacións curvas, a primeira delas de 500 m de raio, seguida doutra de pequeno desenvolvemento de 450 m onde o ramal xa discorre aproximadamente paralelo á autoestrada. A última aliñación antes do entroncamento na autoestrada é unha curva de raio 250 m, tamén con pouco desenvolvemento.
O ramal 2 N-525-Ourense continúa coa aliñación recta ata cruzar mediante o paso superior a autoestrada. A continuación ten unha aliñación circular de 50 m de raio, seguida doutra curva de raio 1.000 m previa ao entroncamento coa autoestrada.
O paso superior do ramal 2 sobre a autoestrada localízase no p.k. 64+566 desta última e no p.k. 0+656 do ramal. A lonxitude do paso é de 60 m.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental
Medidas protectoras-preventivas.
1. Protección á atmosfera.
Encamiñadas a diminuír a xeración de po durante as operacións asociadas ao movemento de terras, tránsito de maquinaria, voaduras e asfaltado. Entre as medidas que hai que aplicar no transporte encóntranse as seguintes:
- Realización de regas periódicas con auga ou con estabilizantes químicos, especialmente en días de forte vento, en días secos e en zonas próximas a núcleos de poboación. Os lugares de rega serán os camiños de acceso a obra, eixo do trazado e todas as zonas que supoñan movementos de terras ou xeración de po.
- Utilización de toldos ou lonas plásticas para cubrir o camión cando se transporte o material.
- Control das emisións de gases e partículas procedentes dos motores de combustión interna das máquinas e vehículos de obra, que deberán axustarse en todo momento aos valores regulamentados.
Así mesmo, estará terminantemente prohibida a queima de monte baixo, leña, aceites, plásticos, etcétera, e calquera tipo de fogueira non autorizada pola dirección de obra.
2. Minimización da contaminación acústica.
Establécense unha serie de medidas para atenuar o ruído producido pola maquinaria, como son:
a) Evitar calquera acción xeradora de ruídos durante a noite, entre as 22.00 e as 8.00 horas nas inmediacións de núcleos urbanos e casas habitadas dispersas.
b) Prohibición do uso de sirenas, bucinas ou outros medios sonoros de sinalización, excepto naqueles labores en que sexa necesario para evitar riscos de accidentes tales como avisos de voaduras ou sinalización de marcha atrás de vehículos pesados.
c) Mantemento regular da maquinaria (inspeccións e emisións de vehículos de obra, revisión dos silenciadores de motores, posibles avarías de tubos de escape, etc.).
3. Control de riscos xeolóxicos.
Co fin de evitar riscos de esvaramentos dos noiros, deberanse tomar as seguintes medidas:
a) Deberá realizarse un estudo xeotécnico previo no que se determine o nivel freático e así tomar as medidas oportunas ao respecto.
b) Deberanse deseñar adecuadamente os noiros, para evitar riscos de esvaramentos destes, mediante un deseño con pendentes tendidas ou socalcos.
c) Deberanse dispoñer os oportunos elementos de desaugadoiro, que minimizarán a escorrega irregular sobre os noiros xerados.
4. Protección e conservación de solos.
Estableceranse unha serie de medidas co obxecto de restrinxir a superficie afectada polas obras, así como definir os procedementos que permitan amorear e reutilizar a terra vexetal nos labores de revexetación. Para iso levaranse a cabo as seguintes medidas de protección do solo:
- Procederase ao balizamento, mediante a delimitación do terreo que vaia ser afectado polas obras, de forma que se minimice a afección do proxecto sobre o terreo e se reduza o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para tal efecto.
- Delimitarase un espazo destinado á acollida das instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zona de almacenamento de materiais, etc.), localizados en espazos que carezan de valores ambientais relevantes. Reduciranse, na medida do posible, as áreas de amoreamento de materiais e maquinaria, restrinxido o movemento de maquinaria ao parque de maquinaria e ás pistas abertas provisionalmente.
- Os residuos xerados durante a execución das obras xestionaranse conforme a lexislación vixente. En caso de levar a cabo o almacenamento temporal de residuos, mentres non sexan entregados a un xestor autorizado, situaranse dentro da zona de obras en superficies delimitadas e sinalizadas nas que se disporán colectores ou outros medios necesarios para evitar posibles afeccións ao solo.
- Os labores de mantemento da maquinaria de obra non apta para circular por estrada faranse dentro da zona habilitada para iso, no parque de maquinaria, dispoñendo dos medios necesarios para evitar calquera afección ao solo por derramas accidentais. En caso de maquinaria apta para circular por estrada, o mantemento farase en talleres autorizados.
- Nos procesos de despexe e roza da cuberta vexetal, retiraranse as capas fértiles do solo, a chamada terra vexetal, que será amoreada en diversos puntos a unha altura non superior a 2 m e posteriormente será empregada na restauración vexetal das superficies afectadas pola obra.
- Revexetaranse os noiros de desmonte e terraplén o antes posible para minimizar a erosión que se puidera producir e mellorar a estrutura do solo mediante as achegas de materia orgánica que favorecen a infiltración.
5. Protección da calidade das augas.
Durante a fase de obras poñerase en práctica unha serie de medidas para reducir o risco de contaminación das augas superficiais. Estas medidas son:
- Previamente á execución das obras, procederase ao replanteo e balizamento nos puntos de interceptación cos leitos, evitando así as afeccións innecesarias á rede hídrica.
- Estará prohibido o vertido de calquera tipo de material ou substancia ás augas superficiais, extremándose as precaucións en talleres e zonas de amoreamentos de produtos perigosos (lubricantes, combustibles; etc.).
- Prohíbese o uso de marxes fluviais e ribeiras (entendendo como tales a banda de 20 m de largo en ambas as marxes do leito) e zonas de servidume ou policía como lugar para o depósito de materiais, parque de maquinaria e, en xeral, todas aquelas actividades que supoñan un risco de contaminación das augas ou alteración do ecosistema asociado.
- Inmediatamente despois de finalizar as obras no contorno dos leitos, levarase a cabo a restauración das marxes fluviais alteradas.
- Durante a fase de execución instalaranse barreiras de retención de sedimentos para evitar a contaminación das augas.
No tocante ás augas subterráneas, nas zonas onde a vulnerabilidade dos materiais á contaminación é maior extremaranse as precaucións tanto en fase de construción como durante a explotación.
6. Protección da vexetación.
Estableceranse as seguintes medidas durante a fase de execución, co fin de protexer a vexetación existente na área afectada polas obras:
- Na fase de replanteo, previa á roza, sinalaranse de forma clara e distinta as árbores que se deben protexer e aquelas que serán eliminadas. Así mesmo, procederase ao balizamento perimetral de todas aquelas formacións vexetais de maior valor ecolóxico presentes no contorno do espazo afectado polo proxecto.
- Respectarase todo tipo de vexetación que non estea afectada directamente pola execución da obra.
- Estableceranse proteccións individuais dos exemplares singulares.
- A eliminación da vexetación da área que se vaia revexetar será sempre mediante sistema de roza que facilite a revexetación natural.
- Elaborará un calendario de sinalización, execución e retirada de proteccións e sinalizacións.
- Informarase a todos os operarios da obra da importancia da conservación da vexetación e do significado da sinalización.
- Trasladaranse ao viveiro ou transplantaranse noutros puntos aqueles exemplares de maior entidade.
7. Protección da fauna.
As medidas protectoras que se aplicarán son as seguintes:
- Minimizar as zonas de ocupación mediante balizamento.
- Dar continuidade ao cerramento lonxitudinal da vía de maneira que dirixa a fauna cara aos pasos transversais, incorporando estruturas que permitan o escape dos animais que accidentalmente accedan á calzada e o seu atropelo, especialmente en áreas próximas aos enlaces.
- Adecuar o deseño das obras de drenaxe transversal para permitir o paso da herpetofauna e os mamíferos de pequeno tamaño a través deles reducindo a súa mortalidade. As saídas das drenaxes protexeranse da erosión mediante soleiras e restaurarase a vexetación do contorno. No interior do paso instalarase unha pequena pasarela lateral para favorecer o paso dos pequenos vertebrados.
- Planificar o calendario das obras, prestando especial interese aos períodos de reprodución e cría das especies faunísticas presentes á hora de programar as voaduras.
8. Protección da paisaxe.
Co fin de lograr a maior integración paisaxística posible deste tipo de actuacións, seguiranse os seguintes criterios:
- Preservación de áreas con elevada calidade natural. Así, quedarán excluídas para a instalación de préstamos, vertedoiros ou instalacións auxiliares de obra, os terreos cun alto valor agrolóxico, as zonas próximas a cursos de auga e, en xeral, os solos con especial valor paisaxístico, ecolóxico ou de interese cultural así como as superficies arborizadas con alto/medio valor ecolóxico ou con vexetación de ribeiras.
- Utilización de áreas degradadas ambientalmente na actualidade para evitar novos impactos sobre o medio.
- Afastamento dos núcleos de poboación próximos co obxecto de evitar molestias aos habitantes.
- Evitar áreas afectadas por riscos naturais (asolagamento, esvaramento de ladeiras, etc.) e prevención de influencias sobre a drenaxe de cuncas naturais.
- Reducida cunca visual e baixa calidade paisaxística da zona que se vaia afectar.
- Facilidade de restauración morfolóxica e revexetación da zona afectada polas obras ou instalacións auxiliares permitindo unha integración desta no contorno.
9. Protección do medio natural.
Durante as obras, será frecuente a interrupción do viario debido ao parque de maquinaria ou polo movemento de terra, polo que o tráfico normal se verá dificultado polo paso continuo de camións e vehículos pesados. En todos os casos adoptaranse as seguintes medidas:
- Sinalarase adecuadamente a obra e regularase o tráfico.
- Sinalaranse convenientemente os itinerarios alternativos ata a fin da obra, cando se repoñerá o viario orixinal.
- Minimizarase o efecto xerado polo movemento de terras, tránsito de maquinaria, etc., mediante a rega das vías de rodadura, especialmente nas zonas próximas ás áreas cultivadas e ás vivendas habitadas.
10. Protección do patrimonio cultural.
Recoméndase realizar un seguimento arqueolóxico a pé de obra por parte dun equipo técnico durante a fase de remoción de terras, que será o encargado de indicar o protocolo que se debe seguir en caso de que aparezan novos afloramentos.
Medidas correctoras.
1. Corrección de afección por ruído.
Na identificación de impactos, estableceuse que non é necesaria a implantación de medidas correctoras para a afección por ruído, posto que non se alcanzan os niveis de emisión sonora límite propostos na lexislación autonómica.
2. Integración morfolóxica da obra.
Adoptaranse as seguintes medidas para atenuar o impacto xerado a consecuencia do movemento de terras e integrar paisaxisticamente a obra:
- Procederase ao redondeo das arestas.
- Evitarase o refinamento excesivo da superficie, xa que constitúe un inconveniente para a posterior colonización vexetal.
- Nos desmontes escavados na rocha deixaranse as formas irregulares que mostren morfoloxías semellantes ás existentes no estado natural do solo.
- Evitaranse formas verticais, a xeito de canle, paralelas producidas polos dentes das pas das máquinas escavadoras, xa que facilitan o proceso de formación de fochas.
3. Medidas correctoras por afección ao réxime hídrico.
Serán a instalación de obras de drenaxe coas dimensións adecuadas que permitan a libre circulación das augas procedentes de escorrega. Durante a fase de explotación deberá controlarse o correcto mantemento destas obras co fin de garantir o seu adecuado funcionamento.
4. Medidas correctoras para a conservación de vexetación e solos.
Son as mesmas que as protectoras-preventivas.
5. Medidas correctoras para a protección da fauna.
Poden ser de dous tipos: cerramentos e adecuacións de drenaxes transversais, en que se inclúen todas aquelas modificacións de elementos existentes ou unidades de obra de nova instalación para mellorar a permeabilidade transversal e limitar a mortalidade asociada á explotación da nova vía.
6. Restauración vexetal.
Para recuperar as superficies afectadas e lograr a integración paisaxística da área afectada polas obras, levarase a cabo a restauración da cuberta vexetal de acordo co establecido no proxecto de restauración vexetal. En liñas xerais, consiste na adaptación ao terreo natural coa minimización dos movementos de terras, adaptando os noiros resultantes á orografía da zona.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL