Diario Oficial de Galicia, 03-03-2005, Núm. 43, Páx. 3616
Resolución do 3 de febreiro de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico singular de Ponteceso (Monte da Barda), no concello de Ponteceso (A Coruña), promovido polo Concello de Ponteceso.
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 20 de outubro de 2004, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico singular de Ponteceso (Monte da Barda), no concello de Ponteceso (A Coruña), promovido polo Concello de Ponteceso, que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2005.
Ramón Ordás Badía
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta.
Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto do parque eólico singular de Ponteceso (Monte da Barda), que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 3 MW de potencia total no concello de Ponteceso (A Coruña), constituído por 2 aeroxeradores modelo AE 1500, de 1.500 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice X Vértice Y
506.500 4.792.650
507.615 4.792.650
507.615 4.791.840
507.000 4.791.840
507.000 4.790.500
507.500 4.790.000
506.500 4.789.000
505.750 4.789.000
505.250 4.789.500
506.500 4.790.750
A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano Parque Eólico Monte da Barda. Planta Xeral. Plano nº 1 do estudo de impacto ambiental, agás para o que puidese derivarse do punto 3.3.1 da DIA.
As coordenadas UTM dos 2 aeroxeradores previstos son as seguintes:
Aeroxerador UTM X UTM Y
1 507.184 4.792.516
2 507.360 4.792.395
2. Condicións xerais.
2.1. Protección das augas e leitos fluviais.
A achega das augas de drenaxe á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía á saída das drenaxes e nos puntos de incorporación da auga dos foxos ao terreo, co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, adoptando as medidas correctoras oportunas, ademais das sinaladas no estudo ambiental, no caso de producirse os citados fenómenos.
Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras.
2.2. Protección do solo.
Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada, tendo que restauralos ao finalizar a obra.
Para a localización da zona de instalacións de obra seleccionarase unha localización de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica.
No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
2.3. Protección da fauna e vexetación.
2.3.1. Sobre a fauna.
Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario incluído no estudo ambiental, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.
No caso de instalar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderán consistir, entre outras, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou os dous laterais abertos.
2.3.2. Sobre a vexetación.
Previamente á corta de arboradura terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo.
2.4. Sobre a integración paisaxística.
Se os afloramentos rochosos existentes na zona tivesen interese xeomorfolóxico ou paisaxístico deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.
Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada.
2.5. Sobre o Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
Así mesmo, co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural.
1. Cara a evitar posibles afeccións establécense, para esta obra, unhas áreas de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural que se corresponderán coas que figuran no apartado 5.2.1 Áreas de exclusión do estudo de impacto arqueolóxico. A realización de calquera tipo de obra nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso dela, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
3. Levarase a cabo a sinalización e balizamento con material non perecedoiro dos xacementos arqueolóxicos Petroglifo do Monte Faro (YA040303M01) e Coviña 2 de Monte Faro (YA040323M02).
4. En función dos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.
5. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.
3.2. Fase previa ao inicio das obras.
1. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, o 1% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de 27.045,54 euros. Esta proposta poderá ser revisada se o promotor presenta un orzamento de execución por contrata das labores de restauración asociadas á fase de obras. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo iso no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996.
3.3. Fases de replanteo e obra.
1. Tal e como se recolle no modificado do proxecto e no estudo ambiental, a gabia de cableado de interconexión dos aeroxeradores co centro colector discorrerá paralelamente e á mínima distancia posible de estradas, camiños ou pistas de terra, co obxecto de minimizar a afección sobre o solo e a vexetación.
Non obstante, a gabia deberá quedar fóra da liña límite de edificación do novo trazado aprobado no proxecto de acondicionamento da estrada AC-424 Ponteceso-Corme.
Á vista do anterior, o trazado definitivo da gabia deberá consensuarse coa Dirección Xeral de Obras Públicas, tendo en conta que se resultase necesario introducir algunha modificación no seu percorrido, para seleccionar a nova traza terase en conta, a efectos ambientais, a información do estudo ambiental e o condicionado establecido nesta DIA, coidando especialmente que discorra apoiándose en infraestruturas existentes.
Así mesmo, a realización dos cruzamentos deberá coordinarse coa execución das obras de acondicionamento da estrada.
2. Á vista da información achegada no estudo acústico, durante esta fase non se estima necesario levar a cabo o seguimento do nivel de ruído proposto no estudo ambiental.
3.4. Ao final da fase de obras.
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.5 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos e o estado final do parque trala finalización das obras, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo de acordo co estudo ambiental e o establecido nesta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos recollidos no estudo ambiental e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, foxos e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora, xunto cun plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, en que se reflita a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.
3.5. Fase de funcionamento.
1. O plan de seguimento do nivel de ruído para esta fase poderá restrinxirse a un punto de control na Capela de Nosa Sra. do Faro, no que será suficiente unha medición con frecuencia semestral.
2. En relación co plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, terase en conta que as visitas para a detección de aves mortas por colisión terán unha frecuencia mensual, co obxecto de diminuír a perda de cadáveres por acción de animais preeiros.
O tempo de inspección dedicado a cada aeroxerador será duns 30 minutos, debéndose revisar como mínimo un raio de 60 m ao redor cada máquina. Nas anteditas visitas anotaranse tamén as posibles colisións de morcegos, incluíndo estes resultados nos informes do plan de vixilancia ambiental.
3. Tendo en conta que a instalación prevista se situará a menos de 2 quilómetros do Parque Eólico Corme G-3, levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos e/ou sinérxicos sobre a avifauna e os morcegos entre os dous parques, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.
4. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle anualmente ao órgano substantivo, un informe de seguimento ambiental que incluirá, como mínimo, o seguinte contido:
a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, tendo en conta o sinalado no punto 3.5.1.
b) Resultados do plan de seguimento de avifauna e quirópteros e informe dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos, tendo en conta o sinalado nos puntos 3.5.2 e 3.5.3 da DIA.
c) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se describan os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado, control de drenaxes e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto (indicando datas das visitas), así como a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben a solicitude motivada do promotor, poderase modificar o contido ou frecuencia dos controis e informes que se vaian realizar en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento.
3.6. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un documento técnico onde se describan todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, contemplando, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e centro colector, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Xunto con esta documentación presentarase o cronograma estimado das ditas actuacións.
3.7. Fase de abandono.
Ao longo da fase de abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior.
3.8. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflita o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
ANEXO I - Resumo do proxecto
O proxecto denominado parque eólico singular Monte da Barda, promovido polo Concello de Ponteceso, consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 2 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se vai instalar no concello de Ponteceso (A Coruña). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:
* Número de aeroxeradores: 2.
* Modelo: AE-1500.
* Potencia unitaria por aeroxerador: 1.500 kW.
* Potencia total instalada: 3 MW.
* Altura das torres: 60/70 m.
* Diámetro do rotor: 74 m.
* Investimento prevista: 2.704.554,47 euros.
O proxecto inclúe así mesmo un centro colector e de control do parque, que se disporán nun mesmo edificio prefabricado de formigón, en que conflúen as liñas soterradas de media tensión que proveñen dos aeroxeradores. Deste edificio sairá un tramo de 22 m de liña aérea que conecta o edificio cunha liña existente a 20 kV de Unión Fenosa Distribución, a través da que se realizará a evacuación da enerxía producida no parque.
A obra civil inclúe a execución de 580 m de vías de acceso aos aeroxeradores, cun largo de rodadura de 4 m e dotados de foxos e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Así mesmo, prevese a escavación dunha gabia de 5.200 m de lonxitude para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores co centro colector e de control do parque. Esta gabia discorrerá gardando paralelismo con pistas de terra (nos tramos inicial e final) e coa estrada AC-424 no tramo intermedio.
Segundo o estudo ambiental, a vexetación na área de implantación do parque está composta maiormente por matogueira de toxo, breixo e xesta, con estrato herbáceo de gramíneas. O estrato arbóreo está representado por repoboacións de piñeiro e eucalipto.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo ambiental
Na epígrafe de medidas protectoras e correctoras do estudo ambiental inclúense basicamente as seguintes:
* Rega do terreo en época seca, sen que se produzan asolagamentos ou regueiros, para evitar a xeración de po. Manteranse a pé de obra os medios necesarios para o cumprimento da dita medida.
* A maquinaria de obra deberá cumprir coa normativa de emisións e dispor de documentación que así o acredite. Os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similares.
* Evitarase a concentración de maquinaria e procurarase o espazamento e a non coincidencia das operacións.
* Cumprirase cos límites de ruídos establecidos na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica.
* Limitarase a velocidade de condución da maquinaria na zona de obras. A maquinaria de obra deberá estar homologada e cumprirá coa normativa de ruídos. Realizaranse as pertinentes revisións dos vehículos, que estarán ao día nas inspeccións técnicas.
* Verificación de posibles interferencias na recepción de sinais de telecomunicacións na zona, e no caso de que existan proporase a instalación dun novo repetidor.
* Se a execución das obras coincidise con época de chuvias, extremaranse os controis, xa que se poden provocar arrastres de materiais dando lugar a un aumento de nutrientes e sólidos en suspensión nos leitos.
* En ningún caso se permitirá a vertedura de entullo, lixo e refugallo no contorno da obra ou en calquera outro lugar non autorizado. Tampouco se permitirá a vertedura de áridos aos leitos próximos.
* Extremaranse as precaucións sobre verteduras accidentais de materiais de construción, aceites, combustibles e residuos, retirando a vertedura o máis pronto posible, no caso de producirse.
* Disporase dunha zona adecuada para a realización das operacións de repostaxe. O mantemento e reparacións de maquinaria realizarase no exterior do parque, en talleres autorizados.
* Todas as escavacións cubriranse o máis rápido posible.
* Revexetación das zonas alteradas.
* Durante os labores de curado do formigón das zapatas instalarase un sistema de recollida das augas de curado, que serán recollidas e tratadas axeitadamente.
* As augas residuais que se xeren nos servizos hixiénicos deberán ser tratadas en fosa séptica ou noutro sistema de depuración deseñado para tal fin.
* Non se modificará a rede hidrolóxica nin se realizarán captacións ou verteduras sen a autorización expresa de Augas de Galicia. Evitarase o trazado de pistas sobre a rede de drenaxe natural.
* Realizaranse drenaxes transversais que permitan o movemento da auga en superficie nas mesmas condicións que na actualidade.
* As obras axustaranse exactamente ao sinalado no proxecto. Delimitaranse e balizaranse todas as zonas de obra.
* Aproveitaranse vías existentes para o paso de maquinaria, construíndo só o estritamente necesario.
* A construción de vías levarase a cabo unha vez se teña protexido a vexetación das marxes para evitar que sexa danada pola maquinaria ou amoreamentos de terra.
* Evitarase sacar vehículos fóra das vías que estean acondicionadas e sinalizadas para o uso por maquinaria pesada.
* Retirada, amoreamento e mantemento da terra vexetal, que será empregada nos labores de restauración. A restauración dos noiros comezarase de xeito inmediato, a medida que se vaian realizando os desmontes e terrapléns.
* No suposto de que fosen precisas voaduras, disporanse os medios que impidan a proxección de fragmentos de rocha. De producirse estes, deberán ser retirados.
* O formigón transportarase desde as plantas de fabricación en formigoneiras, evitando instalacións provisionais.
* Todos os terreos afectados serán restaurados, contemplando a descompactación, escarificado, nivelado, estendido de terra vexetal e revexetación.
* As gabias soterradas situaranse o máis cerca posible de camiños ou vías existentes.
* Prohíbese o lavado de camións e formigoneiras na instalación.
* Os materiais, residuos e produtos sobrantes almacenaranse en lugares adecuados e xestionaranse de acordo coa lexislación vixente.
* Levaranse a cabo as tarefas cotiás de mantemento e limpeza das zonas de obra.
* Trazado de vías seguindo as curvas de nivel, evitando grandes movementos de terras e a creación de desmontes e terrapléns.
* Aproveitarase ao máximo a rede de camiños existentes.
* Os aeroxeradores serán de cor branca mate para reducir a súa visibilidade.
* Cando o trazado dalgunhas vías ou accesos cruce valados para o gando, acondicionaranse pasos para o gando e vehículos. Se é necesario desmontalas, logo serán repostas ao seu estado orixinal.
* Limitarase a velocidade dos vehículos de obra para evitar atropelos accidentais.
* Durante a execución da obra estudarase a densidade e diversidade de aves para estimar posibles alteracións respecto da situación preoperacional, tendo en conta o abandono temporal da fauna. Na fase de funcionamento controlarase a mortandade por colisión cos aeroxeradores, así como as variacións na densidade e diversidade.
* Sinalizaranse os aeroxeradores para avitar colisións de aeronaves, conforme a normativa OACI.
* Medidas de protección dos bens do patrimonio cultural, recollidas no estudo de impacto arqueolóxico que se inclúe como anexo ao estudo ambiental.
* Os postos de traballo que se xeren cubriranse, sempre que sexa posible, con man de obra local. Do mesmo xeito, procurarase adquirir materiais, servizos e maquinaria á empresas da zona.
* Desmontaxe do parque eólico unha vez remate a súa vida útil, recuperando a zona con vexetación autóctona.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL