Resolución do 28 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da L.A.T. 132 kV Boimente-Buio e liña 30 kV Parque Eólico Rioboo, nos concellos de Cervo, Xove e Viveiro (Lugo), promovido pola empresa Eurovento, S.L. (Expediente 01/126-2, 5691).

Diario Oficial de Galicia, 08-03-2004, Núm. 47, Páx. 3053
Resolución do 28 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da L.A.T. 132 kV Boimente-Buio e liña 30 kV Parque Eólico Rioboo, nos concellos de Cervo, Xove e Viveiro (Lugo), promovido pola empresa Eurovento, S.L. (Expediente 01/126-2, 5691). En cumprimento do disposto no artígo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 10 de novembro de 2003 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto da L.A.T. 132 kV Boimente-Buio e liña 30 kV parque eólico Rioboo, nos concellos de Cervo, Xove e Viveiro (Lugo), promovido pola empresa Eurovento, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2004. Ramón Ordás Badía Director xeral de Industria, Enerxía e Minas ANEXO Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora: - Proxecto tramo 2 - liña 132 kV Biomente-Buio e liña 30 kV Parque Eólico Rioboo. Xuño 2001, - Avaliación de impacto ambiental do tramo 2 da liña de alta tensión aérea 132 kV Biomente-Buio e liña 30 kV Parque Eólico Rioboo. Xullo 2001, - Tramo 2 da liña de alta tensión aérea 132 kV Biomente-Buio e liña 30 kV Parque Eólico Rioboo. Documentación complementaria para a Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Agosto 2003, A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sen prexuízo do disposto no artigo 6.4º do Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. En calquera caso, a prelación da documentación é a seguinte: declaración de impacto ambiental, tramo 2 da liña de alta tensión aérea 132 kV Biomente-Buio e liña 30 kV Parque Eólico Rioboo. Documentación complementaria para a Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Agosto 2003, Avaliación de impacto ambiental do tramo 2 da liña de alta tensión aérea 132 kV Biomente-Buio e liña 30 kV Parque Eólico Rioboo. Xullo 2001, por esta orde. 1. Ámbito da declaración. Esta declaración refírese en exclusiva ó tramo 2 da liña eléctrica aérea de alta tensión a 132 kV e 30 kV, para interconexión da subestación de Boimente coa futura subestación do parque eólico de Buio, de 5.214 m de lonxitude, composta por dous circuítos ata o apoio nº 14 e un circuíto ata o apoio nº 13, con illadores e cable de terra OPGW, sobre apoios metálicos de celosía. A traza discorrerá polos concellos de Cervo, Xove e Viveiro, na provincia de Lugo, segundo o plano titulado Situación localización. Código: GAL BUIO EI-V-01 do estudio de impacto ambiental, agás para os apoios nº 20, 22 e 23 dos cales a localización se reflicte no plano incluído no documento titulado tramo 2 da liña de alta tensión aérea 132 kV Boimente-Buio e liña 30 kV Parque Eólico Rioboo. Documentación complementaria para a Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Agosto 2003, sendo as coordenadas UTM dos apoios as seguintes: Nº apoio        UTM X            UTM Y 13               619.621         4.828.397 14               619.920         4.828.407 15               620.360         4.828.422 16               620.563         4.828.429 17               620.897         4.828.440 18               621.160         4.828.449 19               621.400         4.828.457 20               621.507         4.828.461 21               621.692         4.828.467 22               622.011         4.828.288 23               622.304         4.828.123 24               622.588         4.827.964 25               622.796         4.827.859 26               622.957         4.827.868 27               623.056         4.827.880 28               623.294         4.827.909 29               623.602         4.827.935 30               623.752         4.827.939 31               624.016         4.827.927 32               624.412         4.827.909 33               624.663         4.827.898 2. Protección da atmósfera. 2.1. Sobre a emisión de po. Co fin de diminuí-la emisión de po á atmosfera, que se poida producir pola execución dos viais de acceso e polos labores de escavación para a cimentación dos apoios, procederase, en períodos de seca, á humectación das zonas onde se estean realizando estes traballos, especialmente nas zonas poboadas e nas que teñan vexetación de interese. 2.2. Sobre a contaminación acústica. Os niveis de presión sonora non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto. A tal fin, proporase un seguimento do nivel de ruído durante a fase de construcción da liña, conforme o requirido no punto 11.2 desta DIA. Terase en conta que as medicións deben ser efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral, e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico da entidade realizadora da medición. 3. Protección das augas e leitos fluviais. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación ou vertedura, precisará da autorización do órgano de conca competente segundo o caso, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, axustándose ás directrices do Plan hidrolóxico de Galicia-costa. As obras non poderán afecta-la calidade e volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público dos núcleos e das zonas de afección das construccións, tendo prioridade este servicio fronte a calquera outro. Extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica, adoptando tódalas medidas protectoras e correctoras necesarias. Nos terreos próximos ós cursos de auga, instalaranse mallas ou outros dispositivos para evita-la escorrega, impedindo a incorporación de sólidos ás augas. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume e policía dos cursos fluviais e áreas hidromorfas, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga. Non estando previsto no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este, necesariamente, será provisto desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións. 4. Protección do solo. Realizarase unha delimitación das zonas de obra, estando prohibido invadir terreos fóra dos inicialmente previstos. A circulación de maquinaria restrinxirase ós accesos. Aproveitarase ó máximo a rede de camiños xa existentes, co fin de minimiza-la construcción de novos tramos de acceso, segundo o indicado no estudio ambiental. No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós traballos de instalación da liña, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras. A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada. Para a localización das zonas de instalacións de obra seleccionarase unha localización de baixo valor ambiental, escasa pendente e alonxado de calquera curso de auga, zona hidromorfa ou área de protección arqueolóxica. Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terrapléns. No caso de que se produzan sobrantes de terras, estes deberán ser levados a lugar autorizado por órgano competente. Nos terreos de forte pendente utilizaranse apoios con patas desiguais co fin de minimiza-lo terreo afectado polas escavacións. A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente ós labores de escavación e exec ución de accesos, e amoreada coas seguintes características, dependendo do seu uso final: - No caso de reutilizala na restauración, os amoreamentos non superarán os dous metros de altura. - No caso de abandono, a altura máxima permitida dos amoreamentos será de 50 cm, e a revexetación deberá ser inmediata. Os lugares de amoreamento de terra vexetal estarán fóra do tránsito da maquinaria, para evita-la súa compactación, de xeito que non perda a súa calidade e poida ser empregada posteriormente nos labores de restauración. No caso de que pasen máis de seis meses deberá airearse. Así mesmo, a zona de localización debe ter pendentes suaves e escaso valor ambiental. 5. Xestión de residuos. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento da L.A.T. deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de verteduras accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras. Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. Mentres non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra. 6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais. 6.1. Sobre a fauna. As medidas antielectrocución e anticolisión deberán axustarse ó estipulado no artigo 11 do Decreto 275/2001, do 4 de outubro, polo que se establecen determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento ás que se deberán somete-las instalacións eléctricas de distribución. Co fin de comprobar que as ditas medidas se axustan ó antedito decreto, deberase presentar un documento no que se recollan e describan as medidas anticolisión e entielectrocución para empregar ó longo da L.A.T., segundo o requirimento no punto 11.3 desta DIA. Respecto á avifauna, adoptaranse as medidas preventivas e correctoras descritas na documentación avaliada e levarase a cabo un plan de seguimento de avifauna. A tal fin deberase presentar unha proposta de seguimento da avifauna, co fin de comprobar se se producen colisións e/ou electrocucións de aves co tendido, segundo o requirido no punto 11.3 desta DIA. Así mesmo, efectuarase unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna da L.A.T. e dos parques eólicos da zona. A tal fin, presentarase unha proposta de seguimento de posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos sobre a avifauna, conforme o requirido no punto 11.4 desta DIA. Esta proposta deberá incluír, como mínimo, a metodoloxía para empregar, definición de limiares e medidas en caso de acada-los anteditos limiares. O alcance e contido da dita proposta será consensuado coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza. 6.2. Sobre a vexetación. A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario e seguindo os criterios da lexislación vixente, polo que se deberá mante-la zona de servidume en condicións que impidan a propagación de lume e, se é o caso, faciliten a súa extinción. As rúas deberán estar limpas de todo tipo de vexetación incompatible coas liñas eléctricas de forma permanente e durante toda a vida útil da liña eléctrica e as súas dimensións mínimas determinaranse en función da lexislación sectorial aplicable; non obstante, e dependendo da topografía do terreo, ventos e do tipo da vexetación determinarase a anchura delas, minimizando o risco de lumes nestas zonas. Con respecto ó indicado no parágrafo anterior, recoméndase realizar unha silvicultura preventiva, preferentemente a realización de áreas cortalumes, nas zonas colindantes ás rúas, polo que as empresas promotoras ou propietarias das liñas deberán establece-las servidumes da suficiente amplitude co fin de poder realizar, sen contratempos, os devanditos labores. Como excepción ó indicado nos parágrafos anteriores, deberanse conservar ou, se é o caso, producir unha mínima afección á vexetación de ribeira, árbores e monteiras singulares, especies endémicas, singulares e/ou protexidas. No caso dos accesos ós apoios por rodadura, deberanse utilizar métodos de roza que permitan unha rápida rexeneración da cuberta vexetal orixinaria, a excepción dos que transcorran por debaixo do tendido. En calquera caso, previamente á corta de arborado realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira rexerá o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos. Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse a súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo e diminuí-lo risco de incendios forestais. Tódolos terreos afectados, deteriorados ou deforestados pola execución das obras (instalación dos apoios, execución de accesos...) deberán ser restaurados e revexetados, restituíndo a vexetación autóctona presente na zona e favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Asemade, garantirase o mantemento da revexetación ó longo do tempo. Aqueles accesos que non vaian ser empregados durante a fase de funcionamento da liña deberanse reintegrar na paisaxe, revexetándoos en toda a súa extensión. Para tal fin, presentarase un proxecto de revexetación para as fases de obra e desmantelamento da L.A.T., segundo o requirido no punto 11.5 desta DIA. 6.3. Sobre os hábitats naturais. Prestarase especial atención en non compromete-la persistencia dos hábitats naturais prioritarios e de interese comunitario presentes na área de influencia da liña, principalmente turbeiras, asegurando o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable, tal como se establece na Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres. A dirección de obra deberá dispoñer de planos detallados da distribución dos hábitats de interese comunitario e áreas para preservar, e será asesorada en todo momento das condicións para a súa protección. En calquera caso, durante as fases de replanteo, apertura ou acondicionamento de accesos e instalación da liña, realizarase un seguimento por parte do equipo de seguimento ambiental do proxecto, co obxecto de verificar que non se producen impactos imprevistos e que se adoptan as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación, tanto as indicadas na documentación avaliada como as establecidas nesta declaración. No caso de que se detectase algún impacto non previsto na documentación presentada polo promotor ou na presente declaración, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, poñendo en coñecemento desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a incidencia detectada, quen a avaliará e informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias. 7. Protección do patrimonio cultural. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito da obra, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Os accesos de nova creación terán que contar cunha prospección arqueolóxica que se realizará no marco do porxecto de control e seguimento. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. 8. Protección dos valores paisaxísticos. O conxunto de elementos que configuran a liña, principalmente os accesos de nova creación, os noiros e os terrapléns, deberán integrarse na paisaxe. Se os afloramentos rochosos existentes na zona tivesen interese xeomorfolóxico ou paisaxístico deberán ser preservados de calquera dano. Se isto implicase o desvío dalgunha infraestructura ou instalación, rexerá o indicado no punto 13.4 desta DIA. 9. Outras medidas. No referente ó cruzamento entre liñas, atenderase ó disposto no Decreto 3151/1968, do 23 novembro, polo el que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión (BOE nº 311, do 27 de decembro) e a súa corrección de erros (BOE nº 58, do 8 de marzo). 10. Fase de abandono. Ó longo da fase de abandono, unha vez rematada a vida útil da liña de alta tensión, procederase, con carácter xeral, á desmontaxe e retirada dos apoios, retirada de calquera tipo de elemento susceptible de provocar contaminación, sendo entregados todos eles a xestor autorizado para a súa correcta eliminación e/ou reciclaxe. Así mesmo, restauraranse os accesos creados para a desmontaxe da liña. A este respecto, deberase presentar un plan de desmantelamento e abandono da liña, que inclúa o custo do desmantelamento dos apoios, así como a restauración e revexetación das zonas afectadas pola desmontaxe, de acordo co requirido no punto 11.6 da DIA. 11. Documentación adicional. Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación: 11.1. Novo plano en planta da traza da L.A.T., a escala 1:10.000 ou maior detalle, no que se recollan as novas localizacións dos apoios nº 20, 22 e 23. 11.2. Proposta de plan de seguimento de ruídos, segundo o requirido no punto 2.2 da presente DIA. 11.3. Descrición e definición dos sistemas anticolisión e antielectrocución e proposta de plan de seguimento de aves, segundo o requirido no punto 6.1 da presente DIA. 11.4. Proposta metodolóxica para a detección e valoración de posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos, segundo o requirido no punto 6.1 da presente DIA. 11.5. Proxecto de revexetación dos terreos afectados polas obras, segundo o requirido no punto 6.2 da presente DIA. 11.6. Plan de desmantelamento da L.A.T. unha vez terminada a súa vida útil, segundo o requirido no punto 10 da presente DIA. 11.7. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia. 11.8. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto. Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a totalidade da documentación requirida. Unha vez emitido informe favorable por esta dirección xeral sobre o cumprimento dos puntos ante riores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio das obras, remitindo, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, que conteña tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista. 12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, coa periodicidade indicada, tres (3) copias da seguinte documentación: 12.1. Durante a execución das obras, presentarase con carácter trimestral: a) Cronograma de obras actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ó total. No cronograma figurará a data de actualización e os sucesivos cronogramas virán numerados correlativamente. b) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias ou imprevistos acontecidos, protección dos hábitats naturais, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento das condicións establecidas na declaración, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano en planta, dotado de coordenadas UTM, a escala 1:10.000 ou maior detalle, onde se reflicta o avance dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ó total, referida ós distintos elementos que conforman o proxecto: accesos, implantación de apoios, tendido de cables, así como un lista da localización dos apoios en coordenadas UTM. d) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, conforme o punto 2.2 da DIA. 12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en funcionamento da liña e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras co seguinte contido mínimo: a) Definición dos imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, en relación a tódolos aspectos incluídos nesta DIA, e descrición detallada do estado final da área afectada. b) Plano en planta, dotado de coordenadas UTM, a escala 1:10.000 ou maior detalle, onde se reflictan tódalas accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental. c) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os apoios, rúas para o tendido dos cables, estado de limpeza da área, en especial das zonas de instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. 12.3. Informe de seguimento ambiental, de periodicidade semestral a contar desde o inicio da posta en servicio da liña, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos: a) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados do plan de restauración e revexetación, indicando os avances no proceso de rexeneración da cuberta vexetal en tódalas zonas afectadas polas obras, e aquelas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. b) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o indicado no punto 6.1 da DIA. c) Informe dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos, conforme o punto 6.1 e o que se derive da documentación requirida no punto 11.4 da DIA. Á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos de explotación da liña, establecerase a periodicidade e contidos dos sucesivos informes de seguimento ambiental. 12.4. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da liña, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto no plan para presentar de acordo co punto 11.5 da DIA, xunto coa súa xustificación. 12.5. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. 13. Condicións adicionais. 13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor. 13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración. Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto. 13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental. 13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e será notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando asemade se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental. 13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó medio e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento para realizar. O importe definitivo do aval, que será actualizable, proporase cando o promotor presente o orzamento completo do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.5 e 11.6 da presente DIA. 13.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera intre e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente. 13.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos. 13.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente. 13.9. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia. Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2003. José Manuel Álvarez-Campana Gallo Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I Resumo do proxecto A liña prevista prevé a instalación do segundo tramo da L.A.T. que interconectará a subestación de Boimente coa futura subestación do parque eólico de Buio e estará composta por dous circuítos ata o apoio nº 14 e por un circuíto ata o apoio nº 13, con cable de terra e fibra óptica OPGW, con illadores, sobre apoios metálicos de celosía. As medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada inclúen as seguintes: - Utilización de pistas forestais existentes para o acceso ós apoios. - Apertura de ocos para a cimentación das patas realizarase manualmente ou con maquinaria nas localizacións de bo acceso. - Montaxe manual dos apoios. - Axustarse ó establecido na lexislación vixente no referente a campos electromagnéticos. - Vixilancia e control da posible deterioración das masas arbóreas. - Acondicionamento e rehabilitación das áreas afectadas pola L.A.T. - Evitarase a ocupación temporal ou permanente das zonas hidromorfas e preservar absolutamente as formacións de turbeira de maior interese. - De cara a evita-la electrocución teranse en conta as recomendacións establecidas para tendidos doutras rexións. ANEXO II Resumo das consultas a organismos A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental da L.A.T., cos seguintes condicionantes para incluír na correspondente declaración de impacto ambiental: 1. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito da obra, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 2. Os accesos de nova creación terán que contar cunha prospección arqueolóxica que se realizará no marco do proxecto de control e seguimento. 3. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras. 4. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, emite dous informes ó longo da tramitación do proxecto de referencia. No primeiro informe expón: A meirande parte do proxecto atravesa a proposta de LIC denominada Serra do Xistral. A figura de protección anterior vén corrobora-lo elevado valor natural da área onde se pretende face-lo proxecto. Nembargantes, á luz da información avaliada, estimamos que o trazado da L.A.T., tal e como se presenta, pode integrarse adecuadamente. De todos modos, esta integración debe pasar por adoptar unha serie de medidas que maximicen a integración, entre as que temos as seguintes: 1. Sacaranse tódolos apoios que se localicen sobre zonas de turbas, en concreto os tipificados cos números 20, 22 e 23. De todos modos calquera outro apoio que se atope sobre zona turbosa deberá ser desprazado. 2. Ademais dos apoios, deberá obviarse calquera acción que poida altera-los sistemas turbosos. 3. A colocación dos apoios buscará aproximarse no posible ás infraestructuras viarias existentes. 4. Metodoloxía para a colocación e transporte das torretas debe ser detalladamente descrita, ademais debe incluír entre os seus criterios o de menor impacto posible (viais novos para facer, forma e materiais e/ou maquinaria para empregar na colocación...). 5. Deberán adoptarse as medidas adecuadas para evita-las electrocucións e choques das aves, describiranse adecuadamente e expoñeranse para a súa análise. 6. Deberá establecer un plan de seguimento para a avifauna durante a vida útil. 7. Adoptaranse as medidas que sexan necesarias para que ningún curso fluvial se vexa afectado. Esta non afección debe incluír a do mantemento dos seus ecosistemas, reais ou potenciais, por extensión a vexetación de ribeira. 8. Nin que dicir ten que a afección ó espacio natural protexido será a mínima posible e imprescindible, obviándose calquera acción susceptible de producirse fóra da área de influencia deste. Ademais, no tratamento das rúas é de ter en conta unha serie de aspectos, que xorden habida conta das reunións efectuadas coa Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais desta mesma Consellería de Medio Ambiente. Os motivos básicos que nos levan a este cambio de posicionamento son: 1. O número de incendios que teñen como causa certa as liñas eléctricas é importante, se ben se sospeita que un número maior podería ser atribuído a esta causa. É por tanto necesario, toma-las medidas conducentes a minimiza-lo risco de incendios, por isto, o emprego das rúas por onde discorren as liñas eléctricas como cortalumes, é primordial para a diminución do risco. Así mesmo, estas liñas, se teñen as dimensións axeitadas, diminuirán os cortalumes para realizar no monte e diminuirán consecuentemente, o impacto ambiental por acumulación de infraestructuras deste tipo. 2. A adopción de medidas axeitadas, impedirá a aparición de incendios ocasionados polos curtocircuítos provocados polas liñas, fundamentalmente naquelas liñas máis antigas e peor conservadas. 3. Por outra banda, non se comentou nada sobre a dificultade da extinción baixo as liñas aéreas de alta tensión e o perigo que encerra, dado que non é posible a utilización de medios aéreos nestas zonas tendo que realiza-lo ataque de modo directo, con auga e batelumes, por iso a conveniencia de mante-las rúas limpas de toda vexetación para o acceso do combatente ó lume, permitindo que se realicen con menor dificultade os tendidos de mangueira e aproveitando a propia rúa como posible vía de escape en caso de necesidade. Polo anteriormente exposto reconsideramos a nosa posición no tocante ó mantemento, baixo certos criterios, de determinada vexetación baixo as liñas eléctricas, coidando como máis oportuno a consideración dos seguintes aspectos: Os titulares de tendidos eléctricos deben mante-la zona de servidume sobre a que se desenvolven devanditos tendidos en condicións de impedi-la propagación do lume e facilita-la súa extinción. As liñas eléctricas de alta tensión, de evacuación ou distribución, deberán considerarse para efectos da Lei e Regulamento de incendios forestais como instalacións industriais. En relación coa apertura e mantemento das rúas nas zonas onde discorren as liñas de distribución de enerxía eléctrica, as súas dimensións mínimas veñen definidas, tanto na Lei e Regulamento de incendios forestais como nos decretos 3151/1968 e 275/2001. É dicir, as rúas deberán estar limpas de todo tipo de vexetación de forma permanente e durante toda a vida útil da liña eléctrica, nos montes situados dentro do territorio da comunidade autónoma. No tocante ás dimensións mínimas das rúas, estas determinaranse en función da lexislación sectorial aplicable, non obstante, e dependendo da topografía do terreo, ventos e da vexetación determinarase a súa anchura, minimizando o risco de lumes en estas zonas. Sería ideal, realizar unha silvicultura preventiva, preferentemente a realización de áreas cortalumes, nas zonas colindantes ás rúas, polo que as empresas promotoras ou propietarias das liñas deberán establece-las servidumes da suficiente amplitude co fin de poder realizar, sen contratempos, devanditos labores. De todos modos poñeranse en contacto coa Subdirección Xeral de Defensa Contra Incendios Forestais para consensua-las accións baixo as liñas. Como excepción ó exposto atrás si se debe respecta-la vexetación de ribeira, así como outras árbores e mouteiras singulares, así como especies endémicas, singulares e/ou protexidas. No segundo informe, emitido sobre o documento titulado tramo 2 da liña de alta tensión aérea 132 kV Boimente-Buio e liña 30 kV Parque Eólico Rioboo. Documentación complementaria para a Direc ción Xeral de Conservación da Natureza. Agosto 2003, conclúe o seguinte: As medidas recollidas na documentación axústanse ó requirido, non estimando facer ningunha anotación. Só lembramos que as fases de execución e seguimento serán fundamentais para o cumprimento da non afección a turbeiras. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emite informe favorable, cun resumo do proxecto e da tramitación realizada, acompañándoo dunha proposta de condicionado ambiental que inclúe os seguintes puntos: * Ámbito territorial da actuación. * Protección do solo. * Protección da fauna e flora. * Protección de valores arqueolóxicos e etnográficos. * Outras medidas. * Recuperación situación orixinal tras fase de explotación. * Programa de vixilancia e seguimento ambiental. * Condicións xerais. * Condicións específicas. * Condicións adicionais. O organismo autónomo Augas de Galicia emite un informe que inclúe a descrición das unidades de coñecemento na zona onde se localizará a L.A.T., un resumo das características do proxecto avaliado, cruzamentos de cursos pola traza e posibles impactos da L.A.T. nas fases de obra e explotación, acompañándose do seguinte condicionado: En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallos neles, no caso de que estes se producisen, prohibíndose o lavado de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos leitos dos regos afectados. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que trala construcción da L.A.T., a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras. As obras non poderán afecta-la calidade nin o volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público dos núcleos e das zonas de afección das construccións, xa que os servicios de abastecemento terán prioridade fronte a calquera outro, segundo as prescricións establecidas na proposta do Plano Hidrolóxico de Galicia-Costa. Un condicionante básico para entender desta área sería que a futura autorización reflectise que a instalación se axustará ó cumprimento do Plano Hidrolóxico de Galicia-Costa e ás súas directrices, en todos aqueles aspectos que lle sexan de afección. Segundo se desprende do estudio, con motivo da execución da liña e do seu trazado, así como de posibles construccións de accesos ou viais ou canalizacións eléctricas prodúcense cruzamentos con diferentes arroios e cursos fluviais, ou ben se por algunha causa se interrompe algún sistema de abastecemento das parroquias dos concellos afectados, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo en todo caso preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia, segundo o establece o R.D. 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas, texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo. En definitiva, considérase que as instalacións obxecto deste informe non producen alteracións importantes relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre a cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras, durante a fase de construcción e período de explotación, especificadas no presente informe. Á vista da documentación enviada, non se formulan obxeccións á proposta realizada, agás as medidas especificadas no informe.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res28012004.pdf Castellano
RES28012004.pdf Galego
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles