Diario Oficial de Galicia, 11-10-2004, Núm. 198, Páx. 13901
Resolución do 28 de setembro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 1 de setembro de 2004 relativa ao proxecto de trazado da obra, incluída no Plan Galicia, de desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida da Barbanza (V.R.G. 1.1.). (Clave AC/03/036.01).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 1 de setembro de 2004, relativa ao proxecto de trazado do desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida da Barbanza (V.R.G. 1.1.), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2004.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Director xeral de Obras Públicas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 1 de setembro de 2004, relativa ao proxecto de trazado do desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida da Barbanza (V.R.G. 1.1) nos concellos de Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira (A Coruña) (AC/03/036.01), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave: 2004/0212.
Antecedentes.
A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa resolución do 9 de febreiro de 2004, aprobou provisionalmente o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental do desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida da Barbanza (V.R.G. 1.1) nos concellos de Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.
O obxecto do proxecto consiste no dedobramento da actual vía rápida da Barbanza, co fin de convertela en autovía e así reducir a accidentabilidade e os tempos de percorrido, mellorar a accesibilidade ós núcleos de poboación e aumentar a capacidade da vía. A lonxitude total do proxecto é de 39,45 km.
No anexo I resúmese o contido do proxecto e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.
Dado que o proxecto se encontra comprendido no anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 16 febreiro de 2004 publícase no DOG (nº 32) a Resolución do 10 de marzo de 2003, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental do desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida da Barbanza (V.R.G. 1.1). Durante este período foron presentadas alegacións por parte de diversos particulares, asociacións, comunidades de veciños e sociedades, polos concellos de Boiro e Rianxo e pola Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado. Destas alegacións as que teñen carácter ambiental foron tidas en conta, no que procede, no condicionado da DIA.
Con data do 5 de agosto de 2004, ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no que se inclúen os certificados de exposición ao público nas distintas dependencias, copia das alegacións presentadas nese período e os informes de Augas de Galicia, Demarcación de Costas de Galicia, e das direccións xerais de Saúde Pública, Recursos Mariños, Conservación da Natureza e Patrimonio Cultural.
Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de trazado do desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida da Barbanza (V.R.G. 1.1), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das citadas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar, para os úncos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A) Ámbito da declaración.
A presente declaración de impacto ambiental refírese ás obras proxectadas no proxecto de trazado do desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida da Barbanza (V.R.G. 1.1) nos concellos de Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, na configuración correspondente ao plano nº 000 «Situación» recollido no documento «Proxecto de trazado. Desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida da Barbanza. Tomo V. E.I.A. Memoria. Decembro 2003».
B) Condicións xerais.
B.1) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. Localizaranse as zonas destinadas a instalacións auxiliares, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, primando o uso dos espazos ocupados polo trazado fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.
2. Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, proxectarase nos formigonados un sistema de recollida, condución e sedimentación da auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algún vertido desta mestura a correntes de auga.
3. Definiranse as vías auxiliares que se utilizarán no proceso construtivo, primando o uso do trazado fronte ás vias locais preexistentes e, de ambas, fronte á apertura de novas vías.
4. Evitarase modificar as zonas de escorrega para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo da infraestrutura. Neste sentido, deberanse colocar tantos pasos de auga como valgadas teña o terreo, e dimensionaranse axeitadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación.
Esta medida será utilizada como paso pola pequena fauna, polo que os ditos pasos deseñaranse co largo suficiente e de maneira que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, debe ser considerado como paso bidireccional da fauna; polo tanto estará desprovisto de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, prevendo que todas as especies que caian poidan sair.
5. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, e evitaranse as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.
6. Redactarase un proxecto de integración paisaxística no que se desenvolvan detatalladamente os labores de revexetación descritos, dun xeito xeral, no «Proxecto de revexetación» incluído no documento «Proxecto de trazado. Desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida da Barbanza. Tomo VI. E.I.A. Anexos. Decembro 2003»; así, neste proxecto definiranse os traballos segundo sexa a zona que se vaia revexetar (noiros de desmonte e terraplén, beiras dos leitos fluviais afectados, instalacións e vieiros auxiliares, etcétera).
Incluirase neste proxecto o desmantelamento, a revexetación e a integración paisaxística dos tramos da actual vía rápida que coa construción da autovía queden en desuso.
Ademais, no que respecta as especies que se vaian utilizar na revexetación, incluiranse, sempre que sexa técnica e economicamente posible, arbustos e árbores autóctonos da zona afectada, sobre todo no referente á vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados polo trazado, no caso de que esta se vexa afectada, co fin de protexer o ecosistema e mellorar a integración paisaxística da actuación.
7. Desenvolverase un novo programa de vixilancia ambiental, baseado nas liñas xerais expostas no proposto no estudo de impacto ambiental e adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos da presente declaración.
O obxecto deste programa e o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudo ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación) a periodicidade, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá considerar os labores de restauración e revexetación.
- As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas; polo tanto, se realizarán naqueles momentos nos que poida existir unha afección sobre os aspectos que controlar.
- As tomas de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán vir acompañadas de informe asinado polo técnico competente.
B.2) Fase de replanteo.
Realizarase o balizado e a sinalización das zonas de obra e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto.
Ademais, tamén se procederá a balizar e/ou a sinalar todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto, basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles.
B.3) Fase de obras e explotación.
1. Co fin de evitar posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera, procederase ao recubrimento cun toldo impermeable dos camións que transporten material e ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de que dispoñan dela, nas ordenanzas municipais dos concellos de Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.
3. Para os vertidos que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que o vertido se realice cara á rede de sumidoiros da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.
4. Prohíbese verter nos propios leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como os cambios de aceite de maquinaria de construción.
5. Ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se encontren situadas sobre o propio trazado, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente ao remate daquelas.
6. Non estando definida, no estudo presentado, a reserva dunha zona para a fabricación de formigón ou aglomerado asfáltico, estes serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.
7. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na obra. En caso de que isto non sexa posible serán entregados a xestor autorizado.
8. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas.
Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se usen para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente, etcétera) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.
9. A xestión das terras vexetais que se vaian utilizar na restauración das zonas degradadas e, retirada previamente ao proceso de movemento de terras realizarase conforme ao indicado no estudo de impacto ambiental. No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado, procederanse a realizar labores de mantemento consistentes en regas periódicas, remocións periódicas, achegas de abonos minerais e sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica.
10. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou a reutilización fronte ao vertido.
Estes residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, que estarán situados na zona de instalacións auxiliares ás obras, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa situación.
Ao finalizar as obras e antes do inicio da fase de explotación, deberanse ter retirado e xestionado adecuadamente a totalidade dos residuos de obra.
11. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución da obra e se tecnicamente resulta posible, non se eliminarán os cepos; sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais. Así, a corta de vexetación cinguirase á estrictamente necesaria para a execución da obra, e co fin de evitar a deterioración así como calquera influencia negativa sobre os hábitats fluviais, protexendo en todo momento a vexetación de ribeira.
Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.
12. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados adecuadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. En caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e esparexidos homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ao solo.
13. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies denudadas, procederase á súa revexetación cóa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso de seren precisas adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.
14. Extremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación.
15. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística desenvoltos no proxecto ao que se fai referencia no punto B.1.6 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.
16. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.
17. No caso de afectar a fontes e/ou captacións de auga existentes no ámbito do trazado, estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais.
18. Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan utilizadas na execución do proxecto, procedéndose a reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.
19. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos.
20. No caso de que como resultado de levar a cabo o programa de vixilancia ambiental indicado no punto B.1.7 desta DIA, se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
21. No caso de producirse ou demostrarse algún imprevisto que ocasione unha afección ao medio natural, tomaranse inmediatamente as medidas adecuadas para paliar esta afección, sendo o Servizo Provincial de Conservación da Natureza da Coruña o que decidirá sobre a conveniencia da solución que adoptar, así como as actuacións precisas para corrixir os efectos provocados. Así mesmo, calquera modificación do proxecto que teña algunha afección sobre o medio natural, requirirá o seu informe correspondente.
C) Condicións específicas.
C.1) Fase previa á de redacción do proxecto construtivo.
1. Realizarase un estudo sobre dinámica mariña no ámbito da ría de Arousa co obxecto de valorar os impactos do desdobramento do viaducto sobre esta. Este estudo realizarase segundo o indicado no artigo 93 do Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas e será remitido á Dirección Xeral de Recursos Mariños para o seu informe.
2. Elaboraranse memoria e planos xustificativos dos recheos, tanto temporais como definitivos, previstos no marco da execución do desdobramento do viaducto sobre a ría de Arousa, que deberán ser remitidos á Dirección Xeral de Recursos Mariños para o seu informe preceptivo e vinculante.
3. O trazado afecta aos xacementos arqueolóxicos GA15033017 (A Cabana), GA15072011 (Mámoa de Piñeiro), GA15072013 (Mámoa de Monte da Pena), GA150720856 (Mámoa de Monte da Pena 3); polo tanto establécense as seguintes medidas cautelares:
- GA15033017 (A Cabana): localizarase exactamente a situación do elemento e estudaranse as solucións construtivas precisas para evitar a afección.
- GA15072011 (Mámoa de Piñeiro): axustarase o trazado o que sexa posible, de maneira que se evite ou, de ser o caso, se minimice o máximo a afección sobre o xacemento. Así mesmo, propoñeranse as medidas correctoras precisas para asegurar a salvagarda do xacemento.
- GA15072013 (Mámoa de Monte da Pena): escavarase a totalidade da superficie do xacemento e o seu contorno significativo afectado polas obras; para isto desenvolverase un proxecto específico de intervención arqueolóxica, que deberá ser aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
- GA150720856 (Mámoa de Monte da Pena 3): modificarase o vial de servizo neste punto de forma que se evite a afección sobre o xacemento. Así mesmo, propoñeranse as medidas correctoras precisas para asegurar a salvagarda do xacemento.
Estas medidas deben ter informes, ou de ser o caso, a aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural previamente a levalas a cabo, polo que se desenvolverán nun documento que se remitirá á antedita dirección xeral.
En calquera caso, deberá realizarse unha prospección arqueolóxica intensiva para o que será necesario presentar un proxecto, asinado por técnico competente, que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Esta prospección terá como obxectivo axudar a definir os axustes necesarios para cada un dos elementos patrimoniais afectados polo trazado.
C.2) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. Consideraranse no deseño do proxecto construtivo as recomendacións derivadas dos informes emitidos pola Dirección Xeral de Recursos Mariños e pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural respectivamente, en atención aos estudos indicados na letra C.1 da presente DIA.
2. Incluirase un documento no que se desenvolvan as medidas correctoras propostas na «Memoria do proxecto de estudo de impacto sobre o patrimonio cultural (prospección arqueolóxica extensiva) da área afectada polas obras do proxecto de trazado e E.I.A. Desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida da Barbanza» incluída no documento «Proxecto de trazado. Desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida da Barbanza. Tomo VI. E.I.A. Anexos. Decembro 2003», así como as derivadas dos informes que emita a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con respecto ao solicitado no punto C.1.3.
Este documento incluirá o proxecto para o control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución de obra e restitución dos terreos, que deberá ser presentado ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a súa autorización.
3. Definirase ao maior detalle técnico posible o procedemento de execución do desdobramento do viaducto sobre a ría de Arousa, incluíndo informa ción sobre a superficie que se ocupará temporal e permanentemente, medidas de prevención e protección fronte a riscos ambientais e definición da zona de seguridade. No deseño deste procedemento, considerarase a necesidade ineludible de manter sempre un paso para a auga a través da zona de obras, a de retirar todos os recheos temporais efectuados para a execución dos piares e as conclusións que deriven do estudo da dinámica mariña no ámbito da ría de Arousa.
4. Dada a existencia de numerosas entidades de poboación no contorno do proxecto, co obxecto de minimizar as afeccións sobre a poboación, no deseño das voaduras, así como na planificación dos métodos de execución, incluiranse as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais grosos.
5. Definiranse con detalle e incorporaranse ao proxecto definitivo as medidas correctoras para minimizar a afección sonora propostas no «Estudo de ruídos» incluído no documento «Proxecto de trazado. Desdobramento (conversión en autovía) da vía rápida da Barbanza. Tomo VI. E.I.A. Anexos. Decembro 2003», co fin de garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, e, no caso de que dispoña delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.
6. No caso das estruturas de paso sobre a rede fluvial configuradas como obras de fábrica e/ou viadutos, asegurarase no seu deseño o feito de que non se coloque ningún piar dentro dos leitos e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado daqueles.
As restantes obras de drenaxe transversal serán de tipo «pórtico» evitando, na medida do posible, adoptar pasos tipo «marco» ou «tubo». O deseño destas infraestruturas debe garantir que non se xeran, no punto de paso, láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, ademais de que se minimiza a lonxitude do paso o máximo posible.
7. No caso de que se produzan sobrantes dos movementos de terras, seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o depósito.
8. Ademais de cumprir os condicionados indicados no punto B.1.7, o programa de vixilancia ambiental deberá recoller específicamente os seguintes aspectos:
- Plan de seguimento da calidade das augas da ría de Arousa durante a fase de construción do desdobramento do viaduto, tendo en conta o seguinte:
* As análises que se realizasen deberán incluír todos os parámetros establecidos no Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, polo que se establecen as normas de calidade das augas e da produción de moluscos e outros invertebrados mariños vivos.
* Tomaranse como mínimo tres puntos de mostraxe situados sobre a autorización marisqueira.
* O seguimento da porcentaxe de sólidos en suspensión debe ser realizado en continuo nos momentos da realización de recheos ou da retirada de materiais co fin de poder detectar incrementos puntuais.
- Plan de control da calidade de auga dos cursos fluviais afectados polas obras, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona do curso fluvial afectada, co fin de analizar os seguintes parámetros: temperatura, materias en suspensión, pH, osíxeno disolto, condutividade e aceites e produtos lubricantes.
- Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da vía, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites que impoñer, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.
- Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación do mesmo, de xeito que cumpra a súa función dun modo efectivo.
C.3) Fase de replanteo.
1. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto correspondente ao dominio público hidráulico e dominio público marítimo terrestre, deberá dispoñerse das autorizacións oportunas emitidas polos órganos da administración correspondentes en cada caso.
2. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico e do dominio público marítimo terrestre, polo que se procederá ao balizado ou sinalización adecuada dos treitos da totalidade dos cursos fluviais afectados (río Sar, Imo, Coroño, Lérez, etcétera) e do treito da ría de Arousa afectado polas obras do desdobramento do viaduto sobre ela, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puideran supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.
3. Comunicarase o inicio deste proceso á Dirección Xeral de Recursos Mariños e á Confraría de Pescadores de Rianxo, co obxecto de que se poida proceder á retirada dos moluscos afectados polo desdobramento do viaduto sobre a ría de Arousa para a súa comercialización ou resementado.
C.4) Fase de obras.
1. En referencia ao proceso de desdobramento do viaduto sobre a ría de Arousa teranse en conta as seguintes prescricións:
- As obras realizaranse preferentemente en períodos de marea baixa, evitando en todo caso os momentos de máxima corrente.
- Disporase unha barreira de xeotéxtil de separación entre o terreo natural e o achegado para o recheo, así como por enriba deste.
- Colocarase una barreira de protección ao redor da zona de traballo, barreira que debe ter capacidade de retención de sólidos en suspensión, aceites e hidrocarburos.
2. Para os recheos que se efectúen na ría de Arousa no desdobramento do viaduto existente deberá contarse previamente coa correspondente autorización, de acordo co indicado na Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas.
3. Evitarase a disposición de residuos ou produtos sólidos en zonas onde os escoamentos produzan arrastres aos cursos fluviais coa conseguinte contaminación de augas continentais, extremando a precaución no río Corozo, que alimenta a braña «Charca de Abanqueiro».
4. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados polo trazado, considerarase o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.
5. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto C.2.7, deberá contarse cos correspondentes permisos.
6. Debido a que a captación de auga para abastecemento do núcleo de Boiro se sitúa augas abaixo do cruzamento da vía sobre o río Corozo, en caso de producirse algún vertido de substancias perigosas, comunicarase o feito inmediatamente á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade da Coruña e á Central de Emerxencias de Galicia.
7. Tendo en conta a consideración de ben de interese cultural que acada o cruceiro de Manselle, afectado criticamente polo trazado, previamente ao inicio das obras de desmontaxe e traslado, deberase presentar para o seu informe e autorización pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o correspondente proxecto técnico no que se sinale a nova situación e se definan as actuacións que se vaian realizar e os criterios e materiais que se vaian empregar que, en todo caso, se axustarán aos tradicionais.
8. A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental desenvolto no proxecto construtivo segundo o indicado no punto B.1.7 e C.2.8 para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan:
a) Trimestralmente:
- Cronograma actualizado das obras.
- Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental que cumpra cos condicionantes da presente DIA. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas mariñas e continentais.
- Representación en plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman.
b) Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do programa de vixilancia ambiental que reflita o cumprimento de todas as medidas correctoras recollidas no estudo así como as impostas pola DIA, en concreto:
- Informe no que se reflita o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras respecto do proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes da epígrafe anterior. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir xunto cun plano de localización.
- Resultados dun plano de seguimento dos ruídos, realizando medidas acústicas nos puntos indicados no programa de vixilancia ambiental.
- Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.
C.4) Fase de explotación.
A Dirección Xeral de Obras Públicas elaborará anualmente un informe, incluíndo o seguinte:
- Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolto no proxecto construtivo segundo o solicitado nos puntos B.1.7 e C.2.8 desta DIA.
- Reportaxe fotográfica onde se reflita a integración paisaxística da actuación, indicando a data e a hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano.

A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2004.
José Manuel Álvarez-Campana Gallo.
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I- Resumo do proxecto
O proxecto consiste na transformación en autovía da vía rápida da Barbanza, nunha lonxitude de 39,45 km. O novo trazado supón a reducción da lonxitude da vía actual en case un quilómetro e unha transformación da velocidade de proxecto de 60 km/h a 100 km/h.
As características principais da nova vía son:
- Velocidade de proxecto: 100 km/h.
- Raio mínimo: 485 m (excepcional 450 m).
- Pendente máxima: 6,5 %
- Calzadas separadas e dous carrís por sentido de 3,5 m, beiravías interiores de 1 m e exteriores de 2,5 m e mediana de 1,2 m.
- Noiros de terraplén 3H/2V e de desmonte variables, segundo as características xeolóxicas da zona.
A actuación divídese en cinco treitos, situados entre as localidades que se indican en cada un e coincidindo cos enlaces de acceso ás localidades:
Treito 1: Padrón-A Vacariza.
Entre os P.P.Q.Q. 0+000 e 10+600, aproximadamente. Neste treito proponse o desdobramento da calzada mediante a ampliación desta cara a unha das marxes.
No alzado mantense a cota coa estrada existente, salvo nas proximidades do P.Q. 2+000 no que, debido a existencia dunha estrutura de paso do gaseoduto, se eleva a cota da rasante uns seis metros para evitar a necesidade de novas escavacións e, polo tanto, a actuación sobre a dita estructura.
Treito 2: A Vacariza-Rianxo.
Entre os P.P.Q.Q. 11+100 e 17+000. Neste treito realizarase un desdobramento rectificando as aliñacións de raio inferior ao mínimo.
Entre os P.P.Q.Q. 11+100 e 11+700 realizarase unha variante de trazado para eliminar unha curva de raio 250 m; así mesmo, entre os P.P.Q.Q. 13+500 e 14+000, e nos últimos 1.300 m, realizarase outra variante de trazado para a rectificación dunha sucesión de curvas de raio 250 m.
Treito 3: Rianxo-Boiro norte.
Entre os P.P.Q.Q. 17+000 e 23+000. Neste treito, dadas as características xeométricas actuais e a localización en zona urbana, prodúcese unha modifi cación substancial do treito coa inclusión dunha variante de trazado e a redución dos parámetros xeométricos para producir a menor afección posible. Considérase a modificación da tipoloxía de Boiro norte e a duplicación do viaduto sobre a ría de Arousa duns 400 m de lonxitude.
Treito 4: Boiro norte-A Pobra do Caramiñal.
Entre os P.P.Q.Q. 23+200 e 30+000. Este treito, ao igual que o anterior, discorre na maioría da súa lonxitude por zona urbana consolidada. O tratamento, polo tanto, consiste en provocar a mínima afección posible.
Treito 5: A Pobra do Caramiñal N-Ribeira.
Entre os P.P.Q.Q. 30+000 e 41+000. Neste tramo desdóbrase a plataforma modificando exclusivamente as curvas de raio reducido.
ANEXO II: Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental
Fase de construción:
Sobre o solo.
* Retirarase e almacenarase a terra vexetal das zonas que serán ocupadas polo trazado, para ser utilizada no tratamento dalgúns noiros, así como para rexenerar as zonas afectadas polas obras, as instalacións auxiliares e as zonas de préstamos e vertedoiros. Os lugares de amoreamento da terra vexetal serán o máis chans posibles, evitando os asolagamentos. No caso de reutilizala, as moreas non superarán os dous metros de altura; no caso de abandonala, a altura máxima será de 50 cm e a revexetación deberá ser inmediata.
* Os cambios de aceite e as repostaxes faranse en núcleos urbanos próximos. Se isto non é posible, habilitaranse zonas nas instalacións auxiliares da obra. Para iso cubrirase o solo con lona impermeable asociada a un treito que a cubra da choiva e levarase un control dos vertidos que puideran producirse, procedendo a eliminalos e tratalos como residuos perigosos, segundo a lexislación vixente.
Sobre o sistema hidrolóxico.
* O parque de maquinaria e as instalacións auxiliares instalaranse nunha zona onde as augas superficiais non se vexan afectadas. Construirase unha drenaxe ao redor do terreo destinado a albergar estas instalacións.
* Realizarase un control do movemento de terras cando este se realice nas inmediacións dos leitos, extremaranse as precaucións en distancias inferiores a 5 m. Cumprirase o establecido no R.D. 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e o R.D. 1315/1992, de modificación parcial do citado regulamento.
* A escavación na zona de préstamos e vertedoiro non afectará o nivel freático.
* Non se realizará o lavado nin o mantemento da maquinaria en zonas distintas ás destinadas para o efecto; para iso dentro da zona das instalacións auxiliares, localizarase o lavadoiro de maquinaria, cunha soleira de formigón e unha balsa de decantación.
* Todos os residuos producidos na obra serán clasificados e segregados en orixe, segundo a lexislación vixente. No caso dos residuos perigosos, contactarase cun xestor autorizado de residuos pola Xunta de Galicia, que se encargará do seu tratamento e xestión.
* Se non é posible utilizar as infraestruturas existentes nas vilas próximas para asentar oficinas, duchas e vestiarios, depuraranse as augas residuais de maneira que cumpran os parámetros de vertido á rede de saneamento.
Sobre a atmosfera.
* Co fin de controlar as emisións de po xerado polo movemento de maquinaria, efectuaranse regas periódicas das zonas de obra.
* Para o control das emisións de gases e partículas contaminantes procedentes dos motores de combustión interna das máquinas aplicarase a Directiva 97/68/CE, do 16 de decembro, referida ao control das emisións de dióxido de nitróxeno, partículas, fumes negros e outros contaminantes.
Sobre a vexetación e control da erosión
* Utilizaranse, se é preciso, especies autóctonas nas plantacións que se realicen no contorno da obras, ou hidrosementeira da zona afectada, para posibilitar a recuperación da cuberta vexetal orixinal e conseguir un eficiente control da erosión e unha maior integración paisaxística.
* Para controlar a erosión, realizarase a revexetación o antes posible, instalaranse foxos de guarda na cabeceira do desmonte para evitar a erosión da auga de escorrega e coídos revestidos á saída das obras de drenaxe para evitar a erosión das soleiras.
* Os vertedoiros e/ou zonas de préstamo situaranse en zonas sen vexetación de interese.
Sobre a fauna.
* A composición da fauna de vertebrados da zona non xustifica a construción de pasos específicos. Ademais, ao consistir o proxecto nun desdobramento, a fauna xa está habituada ao tránsito de vehículos e os pequenos mamíferos, anfibios e réptiles poden utilizar as drenaxes transversais, os pasos baixo autovía e os viadutos como puntos de paso.
* Efectuaranse plantacións con especies autóctonas nas embocaduras das obras de drenaxe co fin de ofrecer cobertura e refuxio aos animais que intenten cruzar polas ditas obras.
* Farase un control exhaustivo dos posibles vertidos na zona de obras próxima aos ríos para que non se produzan episodios de contaminación que podan afectar á fauna.
* Durante a fase de construción evitarase realizar voaduras no período de reprodución das aves a unha distancia inferior a 2,5 km, debido a que estes traballos poden supoñer a fuxida e o abandono das crías.
Sobre o patrimonio.
* Seguimento e control arqueolóxico dos traballos de roza para facilitar a detección de elementos que non puideron ser localizados durante a prospección inicial.
* Este seguimento terá un carácter continuo nos seguintes puntos:
-Treito 2, entre os pq 1+100 e 1+500.
-Treito 2, entre os pq 3+800 e 4+100.
* Se durante a execución dos traballos ou durante a roza se detectasen novos elementos arqueolóxicos ou de patrimonio cultural, pararanse as obras no sector afectado para definir as estratexias de protección axeitadas que deberán ser aprobadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
* O control e seguimento arqueolóxico será realizado por un equipo de arqueólogos autorizado por Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
* Teranse en conta as normas de planeamento municipal dos concellos afectados.
* Instalaranse as zonas de préstamo e vertedoiro fóra de zonas de riqueza en elementos patrimoniais.
Sobre a paisaxe.
* Non se deberán verter indiscriminadamente materiais con diferentes granulometrías, senón en primeiro lugar os de gran tamaño e en último os seixos e areas, que serán cubertos por unha capa de 20 cm de terra vexetal sementada con gramíneas e arbustivas.
* Revexetaranse as zonas ocupadas polos vertedoiros con especies autóctonas que garantan unha mellor integración no contorno.
* Repoñerase a calidade ambiental das áreas estremeiras co trazado afectadas co fin de que os usos do solo poidan ser restituídos.
* Realizarase unha limpeza xeral da zona afectada á finalización das obras.
Fase de explotación.
Sobre a fauna.
* Realizarase un mantemento periódico dos sistemas de drenaxe e da sinalización vertical.
Control da erosión.
* Realizaranse plantacións selectivas naquelas zonas que requiran unha nova actuación que non fora prevista no plan de revexetación ou que sufriran marras posteriores ao período de garantía, co fin de evitar fenómenos erosivos. Así mesmo, e co mesmo fin, dispoñeranse os oportunos elementos de desaugadoiro que minimicen a escorrega superficial sobre os noiros.
Control de drenaxes.
* Executarase unha rede de drenaxes que evite que a rede natural poida verse modificada afectando os leitos máis próximos.
Control do ruído:
* Instalacións de pantallas acústicas artificiais nos puntos máis próximos á estrada. No resto dos puntos realizaranse estudos que determinen a necesidade ou non de implantar medidas correctoras do ruído con posterioridade á posta en servizo da estrada.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL