Resolución do 28 de maio de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da L.A.T. 220 kV Subestación Suído-Subestación A Graña, nos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra), promovido pola empresa Eurovento, S.L.

Diario Oficial de Galicia, 30-06-2004, Núm. 125, Páx. 9381
Resolución do 28 de maio de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da L.A.T. 220 kV Subestación Suído-Subestación A Graña, nos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra), promovido pola empresa Eurovento, S.L. En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 2 de marzo de 2004, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental, do proxecto L.A.T. 220 kV Subestación Suído-Subestación A Graña, nos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra), promovido pola empresa Eurovento, S.L. que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 28 de maio de 2004. Ramón Ordás Badía Director xeral de Industria, Enerxía e Minas Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora: * Proxecto. Liña 220 kV S.E. Suído - S.E. A Graña. Xullo 2002 * Estudo de impacto ambiental da liña 220 kV Suído-A Graña. Setembro 2002. * Documentación complementaria para a Dirección Xeral de Conservación da Natureza. L.A.T. Suído-A Graña. Abril 2003. * Documentación relativa a puntos de interese turístico, do 1 de marzo de 2004, Esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. 1. Ámbito da declaración. Esta declaración refírese en exclusiva á instalación dunha liña eléctrica de alta tensión a 220 kV, en simple circuíto, con partida proxectada na subestación do Suído e remate na da Graña, de 10.102 m de lonxitude, con cadeas de illadores e cable de terra e fibra óptica OPGW, sobre apoios metálicos de celosía. A traza discorrerá polos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra), segundo o reflictido no plano alternativa de traza seleccionada. Plano 5.1 do estudo de impacto ambiental, sendo as coordenadas UTM dos 50 apoios previstos as que figuran no punto de descrición do proxecto do dito estudo. 2. Protección das augas e leitos fluviais. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e/ou policía dos cursos de auga, así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización do órgano de conca competente en cada caso, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outra amparada pola lexislación hidráulica que poidan atoparse no trazado das obras. Extremaranse as precaucións na execución do acceso ao apoio 24, de xeito que non se altere a capacidade hidráulica nin a calidade das augas dos regatos afectados, debendo detallarse as obras de paso e drenaxe así como as medidas protectoras e correctoras previstas para a realización dos ditos cruces, conforme o requirido no punto 7.1 da DIA. Calquera operación de formigonaxe próxima aos leitos dos ríos deberase realizar en condicións que eviten a derrama de formigón. Así mesmo, non está permitido o lavado de maquinaria e utillaxe nos cursos de auga. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de forte pendente próximas a estes, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. 3. Xestión de residuos. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e, se é o caso, desmantelamento da L.A.T., deberán ser xestionados en función da súa natureza e de acordo coa lexislación vixente, primando a súa reciclaxe ou reutilización fronte a vertedura. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 4. Protección da fauna e vexetación. 4.1. Sobre a fauna. Respecto á avifauna, ademais de comprobar a adopción das medidas de deseño consideradas en proxecto, prestarase especial atención ao desenvolvemento da campaña previa de detección de rapaces nidificantes proposta no estudo ambiental, que se prolongará o tempo necesario para verificar a presenza ou non de efectivos reprodutores. Neste sentido, deberá dispoñerse dunha proposta preliminar de medidas que se vaian adoptar no caso de resultados positivos, conforme ao requirido no punto 7.2 da DIA. Na fase de explotación levarase a cabo o plan de seguimento proposto no estudo ambiental, co fin de detectar se se producen colisións e/ou electrocucións de aves co tendido, debendo completarse coas cuestións sinaladas no antedito punto da DIA. Así mesmo, efectuarase unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna da liña e dos parques eólicos Deva e Tea, co obxecto de detectar a aparición ou non de efectos acumulativos e/ou sinérxicos sobre as poboacións de aves, en especial das aves rapaces, de acordo co estudo de sinerxias incluído no EsA. 4.2. Sobre a vexetación. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira haberá que aterse ao disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos. 5. Protección do patrimonio cultural. Cara a evitar posibles afeccións establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do Patrimonio Cultural cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. Para os bens do patrimonio etnográfico establécese unha área de exclusión de 25 m de raio, medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. No caso concreto do elemento Cruz Votiva de Salcedo (ES010824D01), non se poderán realizar movementos de terra na área de exclusión de 25 m, aínda que o tendido si poderá instalarse á distancia proxectada (15 m). Así mesmo, na fase de obra será necesario o balizamento do dito elemento con material non perecedoiro, a unha distancia mínima de 15 m ao seu arredor. Previamente ao inicio das obras elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que se considerará: * A sinalización, na fase previa ao inicio das obras, dos elementos do Patrimonio Cultural (tanto arqueolóxicos como etnográficos), de acordo co estudo de impacto arqueolóxico. * O control e seguimento arqueolóxico das obras de acordo coas medidas correctoras recollidas no dito estudo. * Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. 6. Sobre a integración paisaxística. Levarase a cabo o proxecto de restauración ambiental e paisaxística incluído no estudo ambiental, tendo que garantirse o mantemento da revexetación ao longo do tempo, para o que se efectuará un seguimento da súa efectividade e se adoptarán as medidas correctoras oportunas no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da revexetación. Os labores de restauración deberán realizarse, na medida do posible, conforme as distintas superficies que se vaian restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de favorecer a súa integración paisaxística o máis pronto posible. 7. Documentación adicional. Previamente ao inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen lle dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición das medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, un (1) exemplar da seguinte documentación: 7.1. Descrición detallada das obras de paso e drenaxe previstas na execución do acceso ao apoio 24, así como das medidas protectoras e correctoras que se vaian adoptar para garantir a preservación dos regatos existentes nesta zona, conforme ao sinalado no punto 2 da DIA. 7.2. Addenda ao plan de seguimento de avifauna, na que se consideren os seguintes puntos: - Medidas que se adoptarán no caso de resultados positivos na campaña previa de detección de parellas reprodutoras de aves rapaces na área da L.A.T. - Na selección dos apoios e/ou vaos de control que se revisarán deberán terse en conta, aínda que supoña un maior esforzo de mostraxe, as conclusións derivadas da campaña preoperacional efectuada (incluíndo polo tanto o tramo de liña máis próximo ao cañon do río Avia e o seu contorno), e aquelas que se obteñan da campaña previa ás obras para a detección de posibles parellas nidificantes de aves rapaces. - A distribución mensual das visitas de prospección deberá revisarse considerando que un dos períodos de maior risco de colisión e electrocución e o dos primeiros voos dos polos. 7.3. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do punto 9.3 da DIA. 7.4. Copia da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización do proxecto de control e seguimento arqueolóxico das obras, conforme o indicado no punto 5 da DIA. Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ao promotor o resultado da dita avaliación, non podendo proceder ao inicio das obras ata que conte co informe favorable desta dirección xeral sobre a totalidade da documentación requirida. Unha vez informado favorablemente por esta dirección xeral o cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicaralle ao órgano substantivo a data de inicio das obras e remitiralle, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, no que figuren todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista. 8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicaráselle inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, coa periodicidade indicada, a seguinte documentación: 8.1. Durante a execución das obras presentarase, con carácter trimestral, un informe de obras co seguinte contido mínimo: a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización. b) Resultados da campaña previa de detección de rapaces nidificantes proposta no Plan de seguimento de avifauna, e medidas protectoras e correctoras adoptadas neste senso, se é o caso. c) Informe onde se detallen os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos incluídos ou derivados dela. d) Informe de avance da obra onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e da hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade respecto ao total. 8.2. Ao final das obras comunicarase a data de posta en servizo da liña e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo: a) Definición dos imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, en relación a todos os aspectos incluídos nesta DIA, e descrición detallada do estado final da área afectada. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os amoreamentos, estado da rúa de seguridade, limpeza da área, zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano en planta, dotado de coordenadas UTM, a escala 1:10.000 ou maior detalle, onde se reflictan todas as accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se efectuaron medidas protectoras e/ou correctoras. 8.3. Informe de seguimento ambiental, de periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de explotación da liña e anual os seguintes, tendo en conta que á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos ou ben por proposta motivada do promotor, se poderá modificar o contido dos sucesivos informes ou a frecuencia dos controis e informes que se van realizar. Este informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido: a) Resultados do plan de seguimento de avifauna e informe valorativo dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos entre a liña e os parques eólicos Deva e Tea, conforme o sinalado no punto 4.1 da DIA. b) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados das actuacións de integración paisaxística efectuadas, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado da rúa de seguridade, labores de mantemento realizados, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. 8.4. Informe previo ao abandono: no caso de preverse o desmantelamento da liña, no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación, remitirase un informe onde se describan todas as actuacións previstas na fase de desmantelamento e abandono, contemplando, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada de amoreamentos e condutores, demolición de peanas en superficie, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. 8.5. Informe posterior ao abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono da liña, remitirase un informe que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. 9. Condicións adicionais. 9.1. O órgano substantivo comunicaralle a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ao promotor. 9.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Porén, o promotor poderá solicitarlle ao órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acadar os obxectivos e fins que se indican nesta declaración. Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ao promotor, quen non poderá comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto. 9.3. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, quen o comunicará ao órgano ambiental. 9.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e no caso de que poida producir efectos adversos significativos sobre o medio ambiente deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental. 9.5. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de dezasete mil catrocentos setenta e oito euros con sesenta e nove céntimos (17.478,69), correspondente ao orzamento do proxecto de restauración ambiental e paisaxística incluído no estudo ambiental. 9.6. Ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, o órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos que constan na presente DIA. 9.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determinar as causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos. 9.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder a adoptar as medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente. 9.9. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia. ANEXO I: Resumo do proxecto A liña eléctrica prevista, de 220 kV en simple circuíto, conectará a subestación de Suído coa da Graña, mediante un tendido de 10.102 m de lonxitude total sobre 50 apoios metálicos de celosía. A traza discorrerá polos concellos da Cañiza e Covelo, na provincia de Pontevedra. Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de influencia da L.A.T. está composta maioritariamente por matogueira de toxo e breixo. No contorno dalgún curso de auga aparecen breixeiras húmidas e vexetación de ribeira. Medidas preventivas e correctoras * Todos os residuos xerados durante a fase de construción serán xestionados de acordo co disposto na lexislación vixente. * Os traballos de mantemento e reparación de maquinaria realizaranse en talleres autorizados cando sexa posible. Cando non sexa posible, realizaranse na zona de instalacións de obra do parque eólico de Deva. * O aprovisionamento de formigón realizarase desde planta debidamente autorizada situada fóra da obra. * No caso de deterioración dalgunha infraestrutura ou instalación preexistente debido aos traballos de construción da liña, restaurarase de xeito que recupere as súas condicións previas ao inicio das obras. * Os amoreamentos serán de patas desiguais para minimizar os movementos de terras nos lugares que así o aconsellen. * No caso de coincidir a apertura do acceso ao apoio 24 con períodos secos, procederase á humectación continua da vía e das zonas de movementos de terras. * Os motores serán revisados para controlar as emisións de gases. * No caso de que sexa necesaria a execución temporal de foxos colectores ou obras de paso, executaranse de tal xeito que permitan a incorporación da auga drenada á rede hidrográfica de modo gradual, para o que se instalarán deflectores que reduzan a enerxía da auga, evitando fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos. * O replanteo levarase a cabo precisando ao máximo os límites das obras e a localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, co obxecto de ocupar só os terreos previstos. A sinalización e balizamento manterase en bo estado durante o transcurso das obras ata a súa finalización. * Procederase á retirada e amoreamento da terra vexetal, tanto nos apoios como na construción do acceso ó apoio 24. Esta terra será debidamente amoreada e empregada posteriormente nos labores de restauración. * Nos movementos de terras axustarase ao máximo o volume de desmonte co de terraplén para minimizar o material sobrante. A circulación de vehículos e maquinaria realizarase estritamente polas zonas definidas, co fin de reducir a compactación do solo. * A eliminación da vexetación herbácea e arbustiva reducirase ao estritamente necesario e realizarase mediante sistemas de roza, con rozadoras de cadeas, martelos ou coitelas, axustándose ás superficies de actuación proxectadas. Os restos vexetais serán triturados e esparexidos uniformemente sobre o terreo. * En relación coas aves, realizaranse comprobacións periódicas de acordo co plan de vixilancia. Como medida protectora optouse pola traza da liña que evita aqueles espazos de maior interese para a avifauna, como o nacemento e o cañon do río Avia. * A liña cumpre dabondo coas prescricións establecidas no Decreto 275/2001, do 4 de outubro, polo que se establecen determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento ás que se deberán someter as instalacións eléctricas de distribución, a pesar de que non atravesa ningunha ZEPA nin incide sobre espazos naturais protexidos. * Tamén xa en fase de deseño, e tendo en conta a existencia de aves rapaces, procedeuse a aumentar a lonxitude da cadea de ailladores a 2,70 m, o que fai practicamente imposible os episodios de electrocución. * Para minimizar a posible accidentalidade por colisión de aves co cable de terra, seleccionouse un cable OPGW con sección de 114,9 mm e diámetro de 15,6 mm. * As medidas adoptadas para a minimización do impacto visual foron tomadas na fase de definición do proxecto, seleccionando a traza de menor impacto visual. Así mesmo, coidarase que as superficies revexetadas se desenvolvan correctamente. * Seguimento arqueolóxico das obras. * Plan de restauración ambiental e paisaxística. ANEXO II: Resumo dos informes A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite un primeiro informe favorable ao estudo de impacto ambiental, aceptando as medidas correctoras do informe final do estudo de impacto arqueolóxico, cunha serie de condicionantes que se incluirán na correspondente declaración ambiental. Nun segundo informe, ante a solicitude de aclaracións por parte do promotor en relación coa área de exclusión asignada ao elemento Cruz Votiva de Salcedo (ES010824D01), sinala que para o caso concreto do dito elemento se mantén a área de exclusión de 25 m ao redor do elemento, o que implica que non se poderán realizar movementos de terra na dita área, aínda que si se poderá instalar o tendido eléctrico á distancia proxectada (15 m). Así mesmo, na fase de obra, será necesario o balizamento do elemento con material non perecedoiro, a unha distancia mínima de 15 m arredor do elemento. Para o resto da obra, mantense o establecido no informe inicial. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite un primeiro informe no que describe o proxecto e a súa situación con respecto aos espazos protexidos, indicando que o lugar onde se encrava non ten ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espazos naturais, aínda que se atravesa un afluente do río Tea, río que na meirande parte do seu percorrido está proposto como Lugar de Importancia Comunitaria, agás na parte alta, por onde transcorre o proxecto. A continuación efectúa unha serie de consideracións sobre a documentación presentada: discrepancias na codificación dos hábitats naturais da zona, preservación das fragas, ecosistemas fluviais e vexetación de ribeira e características que deberían ter os planos de perfís lonxitudinais da liña para unha boa visualización da posible afección sobre a vexetación. No segundo informe, sobre a Documentación complementaria para a Dirección Xeral de Conservación da Natureza. L.A.T. Suído-A Graña. Abril 2003, consideran cubertos e aclarados os aspectos requiridos no primeiro informe, e sinalan que de cumprirse todo o exposto non hai motivos para non estimar unha adecuada integración ambiental do proxecto, sendo determinantes, en todo caso, a boa execución das obras e o cumprimento do plan de vixilancia. A Dirección Xeral de Obras Públicas indica que a realización do proxecto deberá respectar a Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ao uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten aos terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada. A Dirección Xeral de Turismo considera, no último informe emitido, que a actuación que se pretende levar a cabo influiría negativamente no contorno de certos puntos turísticos e que gran parte do impacto que se orixinaría é de competencia medioambiental. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emite informe favorable, que inclúe un resumo do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos organismos consultados e unha proposta de condicionado ambiental. A Confederación Hidrográfica do Norte sinala a falta de concreción das obras de drenaxe e de paso que se construirán no acceso ao apoio 24. Así mesmo, lembra a necesidade de obter a preceptiva autorización para os cruzamentos de cauces pola liña, polas obras de drenaxe ou paso, talas e plantacións e calquera outro uso ou actividade que supoña un obstáculo para a corrente en réxime de avenidas ou poidan ser causa de degradación ou deterioración do dominio público hidráulico. ANEXO III: Resumo das alegacións ambientais As CMVMC de Petán e A Graña sinalan a existencia dunha repoboación de piñeiros e unha zona de breixeiras húmidas na área de influencia da L.A.T., alegan impacto paisaxístico da liña, cruzamentos de leitos fluviais, expoñen unha serie de medidas correctoras que deberían terse en conta na execución da obra e solicitan ter coñecemento da documentación de seguimento ambiental. A Asemblea do Suído maniféstase contraria á instalación de parques eólicos e L.A.T. nas serras do Suído e Faro de Avión, facendo mención aos seus valores faunísticos, florísticos e paisaxísticos, aos que consideran afectados polo conxunto das instalacións existentes ou previstas na zona. O Grupo Erva presenta escrito de alegacións cunha serie de consideracións sobre a fauna e flora existentes no espacio natural río Tea (que dista uns 6 quilómetros da zona de implantación da L.A.T.) e outras referidas á fase de obras e ao contido do estudo ambiental, sinalando que non considera completo o inventario da fauna e vexetación e que existirá impacto paisaxístico e arqueolóxico.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
resIII28052004.pdf Galego
resIII28052004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles