Diario Oficial de Galicia, 10-06-2004, Núm. 111, Páx. 8278
Resolución do 28 de maio de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do Parque Eólico Serra da Loba, nos concellos de Aranga (A Coruña) e Guitiriz (Lugo), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A.
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 22 de marzo de 2004 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental do Parque Eólico Serra da Loba, nos concellos de Aranga (A Coruña) e Guitiriz (Lugo), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2004.
Ramón Ordás Badía
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto denominado Parque Eólico Serra da Loba, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 36 MW de potencia total nos concellos de Aranga (A Coruña) e Guitiriz (Lugo), constituído por 18 aeroxeradores modelo Gamesa G-80 de 2.000 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice X Vértice Y
585.000 4.793.000
586.500 4.793.500
587.000 4.793.000
588.000 4.794.000
590.000 4.793.000
589.000 4.791.000
590.000 4.791.000
589.000 4.790.000
586.500 4.790.000
586.000 4.792.000
A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano «Nova planta xeral. Parque Eólico Serra da Loba. Rev. 01. Plano nº 008. Febreiro 2004», do documento titulado «Nova planta xeral. Parque Eólico Serra da Loba. Febreiro 2004», tendo en conta que non se fará uso das posicións de reserva denominadas R-1 e R-2, dado que o parque está constituído por un máximo de 18 aeroxeradores.
As coordenadas UTM dos 18 aeroxeradores previstos son as seguintes:
Aeroxerador UTM X UTM Y
A-1 588.502,558 4.792.354,000
A-2 588.844,000 4.792.276,000
A-3 588.703,000 4.791.927,000
A-4 588.975,000 4.791.819,000
A-5 588.165,000 4.791.729,000
A-6 587.794,000 4.791.608,000
A-7 587.659,000 4.791.311,000
A-8 587.918,000 4.791.091,000
A-9 588.076,000 4.790.839,000
A-10 587.824,842 4.792.014,165
A-11 587.712,000 4.790.405,000
A-12 587.437,596 4.792.270,349
A-13 587.053,974 4.792.468,906
A-14 586.903,384 4.790.962,754
A-15 586.915,342 4.791.768,608
A-16 586.988,000 4.790.667,000
A-17 587.226,000 4.790.039,000
A-18 586.688,000 4.790.277,000
2. Condicións xerais.
2.1. Sobre a contaminación acústica.
Levarase a cabo o plan de seguimento do nivel de ruído proposto no estudo ambiental, tendo en conta que as medicións deberán ser efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico da entidade realizadora das medicións.
2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e/ou policía dos cursos de auga, así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización do órgano de bacía competente en cada caso, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outra amparada pola lexislación hidráulica que poidan atoparse no trazado das obras.
Ás saídas das drenaxes transversais e nos puntos onde a auga dos foxos se incorpore ao terreo, así como nos tramos de foxo en zonas de elevada pendente, instalaranse sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos.
Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, levando a cabo o plan de control proposto no EA.
Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como ao final destas e ata que se constate a ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control de calidade das augas proposto no estudo ambiental. Neste senso, non está permitido o lavado de maquinaria e utensilios nos cursos de auga.
2.3. Protección do solo.
Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que se axustarán ao establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
No caso de ter que realizar voaduras, disporanse os medios materiais necesarios (redes, lonas...) que eviten a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
Non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada, tendo que restauralos ao finalizar a obra.
A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.
2.4. Protección da fauna e vexetación.
2.4.1. Sobre a fauna.
Respecto á avifauna e aos morcegos, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores. A tal fin, levaranse a cabo os plans de seguimento de avifauna e quirópteros propostos no estudo ambiental.
2.4.2. Sobre a vexetación.
Previamente á corta de árbores realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que de ser o caso terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo.
2.5. Sobre a integración paisaxística.
Levarase a cabo o proxecto de restauración incluído no estudo ambiental, tendo que garantirse o mantemento da revexetación ao longo do tempo, para o que se efectuará un seguimento da súa efectividade e se adoptarán as medidas correctoras oportunas no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da revexetación.
Na fase de desmantelamento e abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo todas as actuacións necesarias para recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, incluíndo a revexetación de todas as zonas afectadas pola desmontaxe, conforme o proxecto de restauración presentado.
3. Condicións específicas.
3.1. Para a fase de obras.
3.1.1. Na execución das vías de acceso aos aeroxeradores A-14 e A-15 porase especial coidado en non alterar a capacidade hidráulica nin a calidade das augas dos regatos afectados, debendo detallarse as obras de paso e drenaxe así como as medidas protectoras e correctoras previstas para a realización destes cruzamentos, conforme o requirido no punto 4.1 da DIA.
3.1.2. A intervención nas zonas con presencia de breixeiras húmidas e vexetación de turbeira reducirase ao mínimo imprescindible, extremando a precaución na execución das obras e garantindo en todo momento o mantemento do réxime hídrico preexistente. Este aspecto deberá ser asegurado coa implementación dunha rede de drenaxe adecuada e a comprobación da súa idoneidade mediante o plan de seguimento hidrolóxico proposto no estudo ambiental.
3.1.3. O tramo de vía entre os aeroxeradores A-10 e A-12 deberá executarse por compactación, con lámina de xeotéxtil na base, se é o caso, e dotándoo das suficientes drenaxes transversais que garantan o libre fluxo de auga, debendo detallarse a solución construtiva adoptada segundo o requirido no punto 4.1 da DIA.
3.1.4. A cor da pintura de exteriores que se empregará no edificio de control harmonizará co contorno e terá acabado mate.
3.2. Sobre a contaminación acústica.
Do plan de seguimento do nivel de ruído proposto no EA poderase excluír o punto de control nº 5, dado que se atopa a máis dun quilómetro do aeroxerador máis próximo.
Os resultados das medicións incluirán, sen detrimento dos percentís L, L e L, o parámetro Leq.
3.3. Protección do patrimonio cultural.
Cara a evitar posibles afeccións establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural cun raio de 75 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico, así como a sinalización e balizamento con material non perecedoiro dos bens do patrimonio cultural recollidos na memoria de avaliación do impacto arqueolóxico.
Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Como anexo ao dito proxecto deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal de obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
En relación co impacto sobre o conxunto etnográfico de San Vitorio (cruceiro, ermida e pegadas de Roldán), levarase a cabo o balizamento do conxunto mediante un elemento estable e facilmente visible (valado de madeira).
Idéntica medida adoptarase na fronte dos túmulos GA27022007, GA15003033, GA15003109, GA27022004 e GA15003111 que dá á vía de acceso ao Cordal de Montouto.
No caso de ter que acometer obras de modificación das características da dita vía (en canto a firme, área de ocupación ou foxos, estas terán que ser informadas previamente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.
Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.
4. Documentación adicional.
Previamente ao inicio das obras o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen lle dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición das medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, un (1) exemplar da seguinte documentación:
4.1. Descrición detallada das obras de paso e drenaxe e das técnicas construtivas previstas na execución dos accesos aos aeroxeradores A-14 e A-15 e do tramo de vía entre os aeroxeradores A-10 e A-12, así como das medidas protectoras e correctoras que se adoptarán para garantír a preservación dos regatos e ecosistemas presentes nestas zonas, conforme o sinalado no punto 3.1 da DIA. Xuntarase plano en planta a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a rede de drenaxe prevista no parque.
4.2. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do punto 6.2 da DIA.
4.3. Copia da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización do proxecto de control e seguimento arqueolóxico das obras, conforme o indicado no punto 3.3 da DIA.
Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ao promotor o resultado da dita avaliación, non podendo proceder ao inicio das obras ata que conte co informe favorable desta dirección xeral sobre a documentación requirida.
Unha vez informado favorablemente por esta dirección xeral o cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicará ao órgano substantivo a data de inicio das obras e remitiralle, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, no que figuren todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.
5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá ao órgano substantivo, coa periodicidade indicada, a seguinte documentación:
5.1. Durante a execución das obras presentarase, con carácter trimestral, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, con medicións en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento, tendo en conta o sinalado no punto 3.2 da DIA.
c) Resultados do plan de control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe e seguimento de avifauna e quirópteros, conforme os puntos 2.2, 2.4 e 3.1 da DIA.
d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela.
e) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Xuntarase reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
5.2. Ao final das obras, comunicarase a data de posta en marcha do parque e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obra, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias e/ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos establecidos no estudo ambiental e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, drenaxes e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra) zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, e irán acompañadas dun plano de localización.
c) Plano «as built», a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.
d) Documentación acreditativa de ter notificado, por parte da empresa explotadora do parque, a pequena produción de residuos perigosos para a fase de funcionamento, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de produtor e xestor de residuos de Galicia.
5.3. Informe de seguimento ambiental, de periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes, tendo en conta que á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos ou ben por proposta motivada do promotor, poderase modificar o contido dos sucesivos informes ou a frecuencia dos controis e informes que se realizarán. Este informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido:
a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición, tendo en conta o punto 3.2 da DIA.
b) Resultados do plan de control da calidade das augas, se é o caso, funcionamento dos dispositivos de drenaxe, mantemento do réxime hídrico e condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo cos puntos 2.2 e 3.1 da DIA.
c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e quirópteros, conforme o punto 2.4.
d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica detallada, no que se describan os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado, drenaxes e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verificar a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Describiranse as posibles incidencias en relación a todos os aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora, e irán acompañadas dun plano de localización.
5.4. Informe previo ao abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono acompañado, se é o caso, dun informe indicando as posibles variacións respecto do previsto no plan de desmantelamento, xunto coa súa xustificación.
5.5. Informe posterior ao abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, remitirase un informe que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Irá acompañado de reportaxe fotográfica que reflita o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
6. Condicións adicionais.
6.1. O promotor poderá solicitar ao órgano ambiental, a través do órgano substantivo, a revisión das medidas indicadas nesta DIA, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando se propoñan novas medidas que permitan acadar os obxectivos e fins que se indican nesta declaración. Esta solicitude remitirase, presentando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas, no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta DIA polo órgano substantivo, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.
6.2. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, quen llo comunicará ao órgano ambiental.
6.3. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de cento vinte e tres mil cincocentos noventa euros con dous céntimos (123.590,02), correspondente ao orzamento de execución por contrata dos labores de restauración nas fases de obra (29.795,23 A) e desmantelamento (93.794,79 A) do parque.
6.4. Ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, o órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos que constan nesta DIA.
ANEXO I
Resumo do proxecto
O proxecto denominado Parque Eólico Serra da Loba, promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 18 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalará nos concellos de Aranga (A Coruña) e Guitiriz (Lugo), na zona de Serra da Loba. Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:
* Número de aeroxeradores: 18.
* Modelo: Gamesa G-80.
* Potencia unitaria por aeroxerador: 2.000 kW.
* Potencia total instalada: 36 MW.
* Altura das torres: 78 m.
* Diámetro do rotor: 80 m.
* Investimento previsto: 23.104.046 euros.
O proxecto contempla asemade a construción dunha subestación transformadora 20/66 kV para a transformación da enerxía producida no parque, que se evacuará a través dunha liña de alta tensión a 66 kV, obxecto de proxecto independente, e que xa conta con declaración de impacto ambiental. Como parte integrante da subestación proxéctase un edificio de control con despacho, almacén, aseo e vestiario, así como a sala de control e a de celas eléctricas.
A obra civil inclúe a execución de 7.097 m de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores, cunha largura de rodadura de 6 m e dotados de foxos de 0,50 m e drenaxes para a recollida e evacuación de augas pluviais, habilitándose pasos canadenses onde sexa necesario; plataformas de montaxe de 40x40 m e zapatas de planta cadrada de 14,5 m de lado. Ademais, prevese a execución duns 12.250 m de gabias para o soterramento do cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación e edificio de control, cunha largura de 80 cm.
Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área do parque está composta maioritariamente por mato de toxo e repoboacións de piñeiro, aparecendo en menor medida prados e cultivos no contorno das aldeas, vexetación de turbeira, breixeiras húmidas e carballeiras de Quercus robur mesturados con Betula alba. Nas marxes dalgúns cursos de auga existe vexetación de ribeira.
ANEXO II
Resumo das medidas preventivas e correctoras establecidas na documentación avaliada
Boas prácticas xerais de obra: na fase de obras adoptaranse unha serie de medidas preventivas para afectar o menos posible a calidade do aire, auga e solos da zona: mecánica preventiva da maquinaria para evitar derramos de aceite ou combustible, realización de operacións de limpeza e mantemento da maquinaria en talleres, estacións de servizo ou lugares convenientemente acondicionados (superficie impermeabilizada) onde os residuos ou verteduras sexan convenientemente xestionados, limitación das operacións de carga e descarga de materiais, escavacións e movementos de terra aos períodos en que a velocidade do vento sexa inferior a 10 km/h, rega das superficies, sen xeración de vertedura líquida, para minimizar a dispersión de po e partículas, redución de produtos de combustión mediante mantemento técnico da maquinaria.
Plan de xestión de verteduras e residuos: todos os residuos xerados durante as obras ou na fase de mantemento serán xestionados e almacenados axeitadamente primando, por esta orde, a minimización, a reutilización ou reciclaxe e a vertedura. Plan de xestión de aceites usados.
Outras medidas
* Evitar sempre a afección directa a leitos, prestando especial atención ás obras que se desenvolvan cerca destes.
* Cumprimento das medidas de protección do solo.
* Xestionar adecuadamente os residuos sólidos e perigosos e as augas residuais.
* Preservación da vexetación de ribeira.
* Non se acumulará terra nin refugallo de obra nin calquera outro tipo de materiais nas zonas de servidume dos cursos fluviais, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorregas, chuvias ou enchentes do caudal.
* Evitarase a fabricación de formigón na propia obra, co obxecto de diminuír o risco de contaminación das aguas. Así mesmo, evitaranse verteduras derivadas da súa utilización.
* Non se extraerá auga dos regatos para as obras ou abastecemento.
* Calquera alteración ou afección nas zonas de servidume dos cursos de auga precisará da autorización da Confederación Hidrográfica do Norte.
* Xestión de sobrantes de terras.
* Minimizaranse os movementos de terras.
* As dimensións de plataformas de montaxe, vías e foxos non excederán as mínimas requiridas.
* Achegar gradual da auga das drenaxes á rede hídrica, empregando trampas de sedimentos que se limparán con asiduidade, sobre todo na fase de obras.
* En noiros con pendente acusada empregaranse mallas antiescorrega.
* As tarefas de mantemento da maquinaria móbil durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria, seleccionaranse zonas para a realización destas tarefas, afastadas do cursos de auga e protexendo o solo con materiais impermeables.
* As augas residuais xeradas no edificio de control levaranse a unha fosa séptica.
* Estudo da intervención sobre a vexetación para a apertura de accesos e vías. Criterios de manexo da vexetación.
* Asistencia técnica ambiental e arqueolóxica na fase de replanteo. Cando se produzan achados de restos históricos de calquera tipo, interromperanse as obras e comunicaráselle ao director de obra, non debendo reiniciar a obra sen previa autorización.
* Restauración das superficies afectadas.
* Medida s anticolisión de avifauna e quirópteros. Seguimento de colisións.
* Medidas de escape de fauna nos pasos canadenses.
* Reposición e/ou indemnización de danos, tanto na fase de obras como na de funcionamento.
* Calendario de actuacións acorde coas medidas correctoras.
* Balizamento previo dos elementos que hai que protexer.
* Posta a terra de aeroxeradores e subestación.
* Programa de vixilancia ambiental (ruídos, drenaxes, aves, revexetación...)
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL