Resolución do 27 de outubro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 1 de outubro de 2004, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da Vía de Alta Capacidade Ferrol-Barreiros (conexión A-8). Treito: O Barqueiro-San Cibrao (LU/00/063.00).

Diario Oficial de Galicia, 08-11-2004, Núm. 217, Páx. 15221
Resolución do 27 de outubro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 1 de outubro de 2004, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da Vía de Alta Capacidade Ferrol-Barreiros (conexión A-8). Treito: O Barqueiro-San Cibrao (LU/00/063.00). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 1 de outubro de 2004, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da Vía de Alta Capacidade Ferrol-Barreiros (conexión A-8). Treito: O Barqueiro-San Cibrao (LU/00/063.00), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2004. Agustín Hernández-Fernández de Rojas Director xeral de Obras Públicas Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 1 de outubro de 2004, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da Vía de Alta Capacidade Ferrol-Barreiros (conexión A-8), treito: O Barqueiro-San Cibrao (LU/00/63.0), nos concellos de Xove, Viveiro e O Vicedo (Lugo), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave: 2004/0221. Antecedentes: A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 3 de xuño de 2003, aprobou provisionalmente o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8), treito: O Barqueiro-San Cibrao, nos concellos de Xove, Viveiro e O Vicedo (Lugo). O citado estudo informativo ten como obxecto unir a Autovía do Cantábrico, ao seu paso por Barreiros, con Ferrol, para conseguir, deste modo, desconxestionar a N-642 entre San Cibrao e O Vicedo. No anexo I resúmese o contido do estudo informativo e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental. Dado que o proxecto se encontra comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese a trámite de avaliación de impacto ambiental. En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 1 de agosto de 2003 publícase no DOG nº 148 a Resolución do 24 de xullo de 2003, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8), treito: O Barqueiro-San Cibrao. Someteuse tamén a información pública no concello de Cervo xa que, aínda que o trazado non o afecta, o final do percorrido proposto condicionará o trazado do treito seguinte que si afectará este concello. Durante este período foron presentadas alegacións por parte dos concellos de Cervo, Xove, O Vicedo e Viveiro, de diversos particulares, asociacións, comunidades de veciños e pola Universidade de Santiago de Compostela. Destas alegacións, unha gran parte referíanse aos subtreitos Covas-Viveiro sur e Viveiro sur-Celeiro que quedan fóra do ámbito desta DIA; do resto, as que teñen carácter ambiental foron tidas en conta, no que procede, no condicionado da DIA. Con data do 6 de agosto de 2004 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no cal se inclúen os certificados de exposición ao público do Servizo Provincial de Estradas de Lugo, da Dirección Xeral de Obras Públicas e dos concellos de Xove, Viveiro, O Vicedo, Cervo, copia das alegacións presentadas e os informes dos citados concellos, da Demarcación de Costas do Estado en Galicia, das direccións xerais de Conservación da Natureza, Saúde Pública, Patrimonio Cultural e Recursos Mariños, de Augas de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo. Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudo informativo e estudo de impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros, treito: O Barqueiro-San Cibrao, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a alternativa proposta pola Dirección Xeral de Obras Públicas para o trazado da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8), para o treito entre O Barqueiro e San Cibrao é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das citadas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. A) Ámbito da declaración. O trazado ámbito desta DIA para a VAC Ferrol-Barreiros, no treito O Barqueiro-San Cibrao, é o seguinte: - Subtreito O Barqueiro-Covas: configúrao unha combinación das alternativas A4 e A2, definidas no documento Estudo informativo e impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8). Treito: O Barqueiro-San Cibrao (clave: LU/00/63.0). Abril 2003, nunha lonxitude de 9,1 km. O trazado parte da beira esquerda do río Sor e o cruza aproveitando a ponte existente; así, entre os p.k. 0+000-3+500 o trazado corresponde á alternativa A4; entre os p.k. 3+500-5+100 establécese un treito de conexión entre as alternativas A4 e A2, e a partir do 5+100 adaptase á alternativa A2 ata o final deste subtreito. - Subtreitos Covas-Viveiro sur e Viveiro sur-Celeiro: pendentes de definición no planeamento urbanístico do concello de Viveiro, polo que queda fóra do ámbito desta DIA. - Subtreito Celeiro-Xove: correspóndese coa alternativa D4, definida no documento Estudo informativo e impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8). Treito: O Barqueiro-San Cibrao (clave: LU/00/63.0). Abril 2003, cunha lonxitude de 8,4 km. De acordo coa configuración reflectida no plano nº 2 Proposta de aprobación de estudo informativo. Tramo: O Barqueiro-San Cibrao, recollido no Documento de aprobación. Estudo informativo e impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8). Treito: O Barqueiro-San Cibrao (clave: LU/00/63.0). Xullo 2004. B) Condicións xerais. B.1) Fase de redacción do proxecto construtivo. 1. Co obxecto de cumprir o estipulado no punto 8º do artigo 4 da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, deberase adaptar o estudo de impacto acústico á traza definitiva. Definiranse con detalle as medidas correctoras que se van implantar naqueles puntos nos cales, segundo o estudo acústico, se superen os límites establecidos tanto na citada lei como, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos afectados, que garantan o cumprimento dos anteditos límites. O estudo de impacto acústico realizarase con base no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. 2. Localizaranse as zonas destinadas a instalacións auxiliares, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, así como das vías auxiliares, utilizando para a súa elección os criterios indicados no estudo de impacto ambiental. 3. Deseñarase un sistema de recollida, condución e decantación das augas procedentes da zona de instalacións auxiliares, de lavado de camións e maquinaria e dos formigonados. 4. Evitarase modificar as zonas de escorrega para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo da infraestrutura. Neste sentido, deberanse colocar tantos pasos de auga como valgadas teña o terreo, e dimensionaranse axeitadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Esta medida será utilizada como paso pola pequena fauna, polo que os ditos pasos se deseñarán co largo suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, debe ser considerado como paso bidireccional da fauna, polo tanto estará desprovisto de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, prevendo que todas as especies que caian poidan saír. 5. No caso de existencia de sobrantes procedentes dos movementos de terra, localizaranse as zonas de depósito destes. Para a elección destas zonas utilizaranse os criterios indicados no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. 6. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, e evitaranse as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno. 7. Redactarase un proxecto de integración paisaxística no cal se desenvolvan detalladamente os labores de restauración vexetal e integración paisaxísticas descritas, dun xeito moi xeral, no estudo de impacto ambiental; así, neste proxecto definiranse os traballos segundo sexa a zona que se vai revexetar (noiros de desmonte e terraplén, enlaces, beiras dos leitos fluviais afectados, instalacións e vías auxiliares, etcétera). Ademais, no que respecta ás especies que se van utilizar na revexetación, incluiranse, sempre que sexa técnica e economicamente posible, arbustos e árbores autóctonas da zona afectada, sobre todo no referente á vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados pola traza, co fin de protexer o ecosistema e mellorar a integración paisaxística da actuación. 8. Desenvolverase un novo programa de vixilancia ambiental, baseado nas liñas xerais expostas no proposto no estudo de impacto ambiental e adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos desta declaración. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación) a periodicidade, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso. Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que: - O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá recoller os labores de integración paisaxística. - As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas; polo tanto, realizaranse naqueles momentos en que poida existir unha afección sobre os aspectos que se van controlar. - As tomas de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán vir acompañadas de informe asinado polo técnico competente. B.2) Fase de replanteo. Tal como se indica no estudo de impacto ambiental, realizarase o balizamento e sinalización das zonas de obra e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, o que se deberá manter en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto. Ademais, tamén se procederá a balizar e/ou a sinalar todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto, basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles. B.3) Fase de obras e explotación. 1. Co fin de evitar posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera, procederase ao recubrimento cun toldo impermeable dos camións que transporten material e ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras. 2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de que dispoña dela, nas ordenanzas municipais dos concellos sobre os que discorre o trazado. 3. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispor da autorización do xestor da dita rede. 4. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.5, deberase contar cos correspondentes permisos. 5. Ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se encontren localizadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente á finalización daquelas. 6. Non estando definida, no estudo presentado, a reserva dunha zona para a fabricación de formigón ou aglomerado asfáltico, estes serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da DIA coa inclusión da planta ou plantas. 7. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado. 8. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que, parte dos materiais que se van usar para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco esixentes xeotecnicamente, etcétera) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición. 9. A xestión das terras vexetais que se van utilizar na restauración das zonas degradadas e retirada previamente ao proceso de movemento de terras realizarase conforme o proposto no estudo de impacto ambiental. No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado, procederase a realizar labores de mantemento consistentes en regas periódicas, remocións periódicas, achega de fertilizantes minerais e sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica. 10. Tal como se especifica no estudo de impacto ambiental, no caso de ter que realizar labores de mantemento e reparación da maquinaria non apta para circular por estrada na zona de obras, protexerase o solo con materiais impermeables e disporanse os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras. Esta mesma medida levarase a cabo na zona de lavado de camións e maquinaria. 11. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución da obra, e, se tecnicamente resulta posible, non se eliminarán os cepos; sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. 12. Os restos vexetais que se xeren deberán ser xestionados adecuadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos sobre o terreo, deberán ser triturados e esparexidos homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo. 13. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos. 14. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de que sexan precisas, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais. 15. Extremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. 16. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística indicados no punto B.1.7 desta DIA, vixilando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas. 17. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo. 18. No caso de afectar a fontes e/ou captacións de auga existentes no ámbito da traza, estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais. 19. No caso de que, como resultado de levar a cabo o programa de vixilancia ambiental indicado no punto B.1.8 desta DIA, se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. C) Condicións específicas. C.1) Fase de proxecto de trazado previo á redacción do proxecto construtivo. Realizarase unha prospección arqueolóxica intensiva da totalidade da superficie que se verá afectada polo trazado e nun ámbito de 200 m a cada lado desde o límite exterior da zona de ocupación. O dito traballo terá que ser levado a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo cun proxecto que deberá aprobar a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Incluiranse os resultados desta prospección arqueolóxica intensiva, así como as medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos do patrimonio cultural, no proxecto de trazado definitivo que deberá ser remitido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o seu informe vinculante. C.2) Fase de redacción do proxecto construtivo. 1. No deseño final do proxecto construtivo terase en conta o informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, polo que se deberán desenvolver as medidas correctoras, o programa de actuacións patrimoniais e incluírse un plan de control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, que debe ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, previamente ao inicio das obras. 2. Dada a existencia de numerosas entidades de poboación no contorno do proxecto, co obxecto de minimizar as afeccións sobre a poboación, no deseño das voaduras, así como na planificación dos métodos de execución, incluiranse as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais grosos. 3. No caso das estruturas de paso sobre a rede fluvial configuradas como obras de fábrica e/ou viadutos (viaduto de Cavas, viaduto da Pena, viaduto do Guilán, etcétera) asegurarase no seu deseño o feito de que non se coloque ningún piar dentro dos leitos e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado daqueles. Así mesmo, retiraranse todos os recheos temporais efectuados para a execución dos piares. As restantes obras de drenaxe transversal serán de tipo pórtico, evitando na medida do posible adoptar pasos tipo marco ou tubo. O deseño destas infraestruturas debe garantir que non se xeran, no punto de paso, láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, ademais de que se minimiza a lonxitude do paso ao máximo posible. 4. Ademais de cumprir os condicionados indicados no punto B.1.8, o programa de vixilancia ambiental deberá recoller especificamente os seguintes aspectos: - Plan de control da calidade de auga dos cursos fluviais afectados polas obras, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona do curso fluvial co fin de analizar os seguintes parámetros: temperatura, materias en suspensión, pH, osíxeno disolto, condutividade e aceites e produtos lubricantes. - Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da vía, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites que se van impoñer, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. - Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación, de xeito que cumpra a súa función dun modo efectivo. En todos os casos, situaranse os puntos de mostraxe propostos nun plano a escala 1:5.000 ou maior detalle. C.3) Fase de replanteo. 1. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto, deberase dispor da autorización emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización do seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos e das actuacións arqueolóxicas que procedan en función do establecido no punto C.1 desta DIA. 2. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo que se procederá ao balizamento ou sinalización axeitada dos treitos da totalidade dos cursos fluviais afectados (ríos Sor, de Guilán, da Rigueira, arroios de Cavas, da Pena e outros), co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puidesen supor a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes. 3. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto correspondente ao dominio público hidráulico, deberase dispor das autorizacións oportunas emitidas por Augas de Galicia. Para iso, remitirase o proxecto de trazado ou construtivo a este organismo co fin de que emita as anteditas autorizacións e para que comprobe as posibles afeccións de dereitos de terceiros en aproveitamentos hidráulicos. C.4) Fase de obras. 1. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados pola traza (ríos Sor, de Guilán, da Rigueira, arroios de Cavas, da Pena e outros) debe considerarse o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos. 2. Prohíbese verter nos propios leitos dos cursos fluviais, así como sobre as marxes e láminas de auga asociadas á ría do Barqueiro, restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite de maquinaria de construción. 3. A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental desenvolvido no proxecto construtivo segundo o indicado no punto B.1.8 e C.2.4 para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan: a) Trimestralmente - Cronograma actualizado das obras. - Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental que cumpra cos condicionantes desta DIA. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas continentais. - Representación en plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman. b) Antes da emisión da acta de recepción: memoria-resumo da aplicación do programa de vixilancia ambiental que reflita o cumprimento de todas as medidas correctoras recollidas no estudo así como as impostas pola DIA, en concreto: - Informe no cal se reflita o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras respecto do proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto anterior. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización. - Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. C.5) Fase de explotación. A Dirección Xeral de Obras Públicas elaborará anualmente un informe, incluíndo o seguinte: - Memoria do seguimento realizado, de acordo co programa de vixilancia a mbiental desenvolvido no proxecto construtivo, segundo o solicitado nos puntos B.1.7 e C.2.4 desta DIA. - Reportaxe fotográfica onde se reflita a integración paisaxística da actuación, indicando a data e a hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano. - Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa. Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2004. José Manuel Álvarez-Campana Gallo Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I - Resumo do estudo informativo O obxecto deste estudo informativo é estudar as posibles alternativas para mellorar as comunicacións da zona norte de Galicia, unindo a autovía do Cantábrico ao seu paso por Barreiros con Ferrol, no treito entre O Barqueiro e San Cibrao. O treito obxecto deste estudo subdivídese pola súa vez en catro subtreitos, establecendo diferentes alternativas para cada un deles: - Subtreito A: O Barqueiro-Covas (5 alternativas). - Subtreito B: Covas-Viveiro sur (5 alternativas). - Subtreito C: Viveiro sur-Celeiro (3 alternativas). - Subtreito D: Celeiro-San Cibrao (4 alternativas). As características principais das alternativas planeadas resúmense na seguinte táboa. Preséntanse alternativas en vía rápida (VR80, VR100) e en estrada convencional (C80, C100), con velocidade de proxecto 100 e 80 km/h. Treito: O Barqueiro-Covas    Alternativa: A1       Tipo de vía C 100       Características xerais:          Lonxitude: 10,0 km          Nº de enlaces: 0          Lonxitude viaduto: 0 km          Lonxitude túnel: --    Alternativa: A2       Tipo de vía VR80       Características xerais:          Lonxitude: 9,1 km          Nº de enlaces: 1          Lonxitude viaduto: 600 km          Lonxitude túnel: --    Alternativa: A3       Tipo de vía VR80       Características xerais:          Lonxitude: 8,8 km          Nº de enlaces: 1          Lonxitude viaduto: 700 km          Lonxitude túnel: --    Alternativa: A4       Tipo de vía VR100       Características xerais:          Lonxitude: 10,1 km          Nº de enlaces: 2          Lonxitude viaduto: 170 km          Lonxitude túnel: --    Alternativa: A5       Tipo de vía C80       Características xerais:          Lonxitude: 10,4 km          Nº de enlaces: 0          Lonxitude viaduto: 0 km          Lonxitude túnel: -- Treito: Covas-Viveiro Sur    Alternativa: B1       Tipo de vía VR80       Características xerais:          Lonxitude: 10,3 km          Nº de enlaces: 1          Lonxitude viaduto: 1.870 km          Lonxitude túnel: --    Alternativa: B 2       Tipo de vía VR80       Características xerais:          Lonxitude: 8,4 km          Nº de enlaces: 2          Lonxitude viaduto: 1.540 km          Lonxitude túnel: --    Alternativa: b3       Tipo de vía VR80       Características xerais:          Lonxitude: 9,6 km          Nº de enlaces: 2          Lonxitude viaduto: 1.800 km          Lonxitude túnel: --    Alternativa: B4       Tipo de vía VR100       Características xerais:          Lonxitude: 8,0 km          Nº de enlaces: 2          Lonxitude viaduto: 2.230 km          Lonxitude túnel: --    Alternativa: B5       Tipo de vía C80       Características xerais:          Lonxitude: 2,6 km          Nº de enlaces: 0          Lonxitude viaduto: 0 km          Lonxitude túnel: -- Treito. Viveiro Sur-Celeiro    Alternativa: C1       Tipo de vía VR80       Características xerais:          Lonxitude: 10,9 km          Nº de enlaces: 4          Lonxitude viaduto: 2.180 km          Lonxitude túnel: --    Alternativa: C 2       Tipo de vía VR80       Características xerais:          Lonxitude: 10,4 km          Nº de enlaces: 4          Lonxitude viaduto: 2,120 km          Lonxitude túnel: 320    Alternativa: C3       Tipo de vía VR80       Características xerais:          Lonxitude: 8,5 km          Nº de enlaces: 3          Lonxitude viaduto: 2.990 km          Lonxitude túnel: 250 Treito: Celeiro-San Cibrao    Alternativa: D1       Tipo de vía VR80       Características xerais:          Lonxitude: 10,3 km          Nº de enlaces: 3          Lonxitude viaduto: 710 km          Lonxitude túnel: --    Alternativa: D 2       Tipo de vía VR80       Características xerais:          Lonxitude: 10,8 km          Nº de enlaces: 3          Lonxitude viaduto: 710 km          Lonxitude túnel: --    Alternativa: D 2       Tipo de vía VR80       Características xerais:          Lonxitude: 10,8 km          Nº de enlaces: 3          Lonxitude viaduto: 1.150 km          Lonxitude túnel: --    Alternativa: D3       Tipo de vía VR100       Características xerais:          Lonxitude: 10,2 km          Nº de enlaces: 3          Lonxitude viaduto: 760 km          Lonxitude túnel: --    Alternativa: D4       Tipo de vía VR100       Características xerais:          Lonxitude: 8,4 km          Nº de enlaces: 3          Lonxitude viaduto: 620 km          Lonxitude túnel: -- Proponse no estudo informativo como alternativa seleccionada a conformada polos seguintes subtreitos A5-B5-C1-D4. No entanto, como consecuencia da análise de informes, observacións e alegacións presentadas durante a exposición pública, a Dirección Xeral de Obras Públicas propón a aprobación dun trazado conformado do seguinte xeito: Subtreito A: O Barqueiro-Covas. Neste treito, a solución elixida procede da combinación das alternativas A4 e A2, cunha lonxitude total de 9,1 km. Entre os p.k. 0+000-3+500, selecciónase a alternativa A4, a que se apoia no itinerario marcado pola actual LU-862 e contén dous enlaces (ponte O Barqueiro, p.k. 1+500 e O Vicedo, p.k. 3+500). O trazado ascende desde a ribeira do río Sor por Area Longa ata o Monte Brañoso, onde inicia a variante ao núcleo do Vicedo. A variante bordea o núcleo polo sur, atravesando Serantes e Valdesuso por un territorio con escasas edificacións. A variante a O Vicedo conclúe arredor do p.k. 3+500 evitando as perigosas curvas da zona das Congostras. Entre os p.k. 3+500-5+100 establécese un treito de conexión entre as alternativas A2 e A4, que ascende cunha pendente máxima do 6%. Desde o p.k. 5+100, o trazado adáptase á alternativa A2, limitando a súa pendente máxima ao 6% para permitir a súa futura conversión a autovía. Este último treito presenta tres viadutos cunha lonxitude total de 600 m. Atravesa un territorio accidentado minimamente poboado cun trazado sinuoso. Bordea polo norte os montes Faro e Castilla e mantense en paralelo ao FEVE Ferrol-Gijón, atravesado no p.k. 8+210. Cruza os arroios da Pena e Cavas e accede á LU-862 no Folgueiro, onde se sitúa o enlace do Folgueiro. Treitos B e C: Covas-Viveiro sur e Viveiro sur-Celeiro. Este treito queda pendente de definición no planeamento urbanístico por parte do Concello de Viveiro. O planeamento desenvolverá unha vía que dea continuidade ao trazado da VAC Ferrol-Barreiros aprobada, que capte de maneira axeitada o tráfico interior de Viveiro, e que sexa técnica, económica e ambientalmente viable. Treito D: Celeiro-Xove. O trazado deste treito axústase á alternativa D4 seleccionada no estudo informativo, con características de corredor de velocidade de proxecto 100 km/h. A pendente máxima limitarase ao 5% para permitir o mantemento da velocidade de proxecto no seu desdobramento. Presenta 8,4 km de lonxitude e tres enlaces nos p.k. 3+400 (Xove oeste), 5+700 (Xove leste) e 8+400 (San Cibrao). A lonxitude total de viaduto é de 620 m. O primeiro treito difire das restantes alternativas xa que se apoia na actual LU-862, minimizando o terraplén. Por iso é necesario planear a reposición da actual vía nuns 600 m. Atravesa a vía FEVE no p.k. 1+200 e novamente a LU-862 no p.k. 1+700. Desde aí, o trazado mantense ao sur da LU-862. Desde o seu inicio, o trazado ascende cunha pendente do 5% ata atravesar o río Guilán á altura do Cruceiro, e presenta o enlace de Xove oeste moi próximo ao parque empresarial de Xove. Rodea o núcleo de Xove polo sur, conectándoo co enlace de Xove leste, desde onde inicia un descenso suave ata o río Rigueira (viaduto 280 m). Unha vez cruzado o río, o trazado vira cara ao norte para conectar, no enlace de San Cibrao, coa LU-540. Cómpre sinalar que este estudo informativo se concibe con características de corredor (vía rápida desdobrable a autovía). Para iso, os trazados finalmente seleccionados apóianse nas alternativas estudadas no estudo informativo, pero reducirase a pendente máxima a un 5% para os treitos de velocidade de proxecto 100 km/h e do 6% para o treito con velocidade de proxecto 80 km/h. Estes parámetros deberán ser considerados nos proxectos construtivos que desenvolvan os treitos propostos, así como tipoloxía de enlaces e lonxitude de pasos superiores. ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental Medidas protectoras: * Protección da atmosfera. - Propóñense regas periódicas en épocas de baixa pluviometría, con camións cuba sobre vías e zona de traballo así como sobre as áreas de amoreamento de materiais e proximidades de núcleos de vivendas. Estará prohibida a queima de monte baixo, leñas, aceites, plásticos, etcétera e calquera tipo de fogueira non autorizada pola dirección da obra. * Minimización da contaminación acústica. - Levarase a cabo o correcto mantemento da maquinaria de modo que permita o cumprimento da lexislación vixente en materia de emisión de ruídos. Así mesmo, en zonas habitadas prohíbese a actividade de maquinaria fóra do período diúrno. * Control de riscos xeolóxicos. Os noiros propostos serán: - Terrapléns: 3H/2V. - Desmontes: 4H/5V. * Protección da paisaxe. Con carácter xeral, o asentamento de entulleiras, vertedoiros, zonas de préstamos, parques de maquinaria, vías de acceso a obra, etcétera, atenderá ás seguintes normas: - Preservación de áreas con elevada calidade natural. Quedarán excluídas para o asentamento de préstamos, vertedoiros ou instalacións auxiliares os terreos de alto valor agrolóxico, as zonas próximas a cursos de auga e, en xeral, os solos con especial valor paisaxístico, ecolóxico ou con vexetación de ribeira. - Utilizaranse áreas degradadas para evitar novos impactos sobre o medio. - Afastamento dos núcleos de poboación. - Evitaranse áreas afectadas por riscos naturais (inundación, esvaramentos de ladeiras) e influencias sobre a drenaxe de bacías naturais. - Terase en conta a reducida bacía visual e baixa calidade paisaxística da zona que se vai afectar. - Máxima proximidade á traza para evitar afeccións a áreas naturais e impactos derivados do transporte de materiais. - Afastamento de xácigos seguros ou posibles. - Afastamento de posibles puntos de paso de fauna vertebrada de interese. - Nos vertedoiros, evitar pendentes superiores ao 20%. - Facilidade de restauración morfolóxica e revexetación da zona afectada polas obras ou instalacións auxiliares. * Protección e conservación de solos. - Delimitación, previa ao comezo das obras, do terreo afectado por elas. Destinarase un espazo ás instalacións auxiliares á obra (parque de maquinaria, almacenamento de materiais, etcétera). - O mantemento de maquinaria realizarase na zona destinada para tal fin, evitando afeccións ao solo por derramas accidentais. Se é posible, o dito mantemento realizarase en talleres autorizados. - Realizarase un movemento de terras selectivo; os solos fértiles amorearanse en montóns de altura non superior a 1,5 m que logo se utilizarán na rexeneración de novas superficies. - Os residuos xerados xestionaranse conforme a lexislación vixente, primando a reutilización e a reciclaxe fronte á vertedura. Os sobrantes de terra serán depositados en vertedoiros autorizados. - En caso de almacenamento temporal de residuos, mentres non sexan entregados a xestor autorizado, localizaranse dentro da zona de obra, en superficies delimitadas e sinaladas, en colectores ou outros medios que eviten afeccións ao solo. - Para atenuar os procesos erosivos, disporanse elementos de desaugamento que minimicen a escorrega sobre os noiros e implantarase unha cuberta vexetal sobre as novas superficies. * Protección da calidade das augas. - Quedan prohibidas verteduras de calquera tipo de material ou substancia ás augas superficiais; así mesmo, decantaranse as augas residuais orixinadas nas instalacións auxiliares. - Previamente á execución das obras, procederase ao replanteo e balizamento da zona de traballo no ámbito dos puntos de paso sobre a rede fluvial. Prohíbese a utilización de marxes, ribeiras e zonas de servidume dos leitos como lugar para o depósito de materiais, parque de maquinaria e, en xeral, todas as actividades que supoñan risco de contaminación de augas ou alteración de ecosistemas asociados. - Disporanse, nos arredores dos puntos de paso sobre a rede fluvial, barreiras de retención de sedimentos en fase de obra e balsas de decantación en fase de explotación. Así mesmo, disporanse redes que eviten a proxección de materiais durante as voaduras. - Restauraranse as marxes e zonas que rodean piares e estribos. - Para evitar afeccións a augas subterráneas, as instalacións de obras e parque de maquinaria situaranse nas zonas de maior impermeabilidade. * Protección das formacións vexetais. - Previamente á roza, procederase ao balizamento perimetral das formacións vexetais de maior valor ecolóxico, co obxecto de evitar ocupacións e deterioracións innecesarias. - Respectarase a vexetación existente. No replanteo marcaranse de maneira clara as árbores que hai que protexer e eliminar, establecendo protección individual das árbores e eliminando a vexetación mediante roza. - Serán informados os operarios da obra do significado da sinalización. - Nas zonas de ribeira, recoméndase axustar as operacións ao espazo estritamente necesario para a implantación de elementos de drenaxe, prohibíndose ao longo da traza a disposición de materiais residuais que se realice en valgadas e fondos de val. * Protección da comunidade faunística. - Programar as voaduras fóra do período de reprodución e cría das especies faunísticas. - Na medida do posible, os piares e as estruturas de apoio deberán quedar fóra do leito e das súas marxes. - Crearanse pasos transversais para fauna, reforzaranse os cerramentos nas inmediacións dos pasos e incluiranse dispositivos de escape. Así mesmo, limitaranse as verteduras de subprodutos de obra. * Protección da permeabilidade territorial. - Restituiranse as vías de comunicación mediante pasos superiores ou inferiores e viadutos. - Proxéctanse enlaces de maneira que as grandes arterias de comunicación quedan conectadas coa vía de alta capacidade cada 3 km. - Durante a fase de obra sinalaranse convenientemente os itinerarios alternativos e regaranse as vías de rodadura, especialmente nas zonas próximas ás áreas cultivadas e ás vivendas habitadas. * Protección do patrimonio cultural. - Farase un seguimento arqueolóxico durante os traballos de movementos de terras, pondo especial atención nos puntos próximos ao trazado, onde foron inventariados xácigos ou elementos de interese cultural. Esta medida será contrastada, ratificada ou modificada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Medidas correctoras: * Afección por ruído. - Colocaranse pantallas para a protección acústica naqueles puntos indicados no estudo de impacto ambiental, vexetais en zonas de baixa e media densidade e pantallas absorbentes de fábrica en zonas con alta densidade de edificacións. Unha vez encaixada a traza definitiva, extrapolarase o deseño de pantallas á totalidade de edificacións afectadas. * Integración morfolóxica da obra. - Procederase ao redondeo das arestas. - Evitarase o refino excesivo da superficie, que dificulta a colonización vexetal. - Evitarán formas acanaladas paralelas que facilitan a formación de gabias. - Nos desmontes en rocha deixaranse formas irregulares, similares ás existentes no estado natural do solo. * Afección ao réxime hídrico. - Os leitos de maior entidade sálvanse mediante viadutos, cuxas estruturas de apoio se deseñarán de maneira que non afecten o leito nin as formacións de ribeira. - No caso de pequenos leitos de réxime variable, e mesmo estacionais, serán restaurados mediante unha ampla rede de drenaxe que resolva a circulación dos ditos leitos e a recolla de pluviais ao longo da vía. * Afección ao solo agrícola. - Retirarase unha capa de 30 cm de solo fértil que se amoreará ao longo da traza en moreas que non superen os 1,5 metros de altura, engadindo cada 50 cm 1 kg/m de compost ou esterco. Estes solos serán utilizados logo nos labores de revexetación. * Restauración vexetal e integración paisaxística. - Tratamento de noiros en desmonte e terraplén: procurarase adaptar os noiros á topografía existente e revexetaranse mediante hidrosementeira, plantación directa, etcétera, sempre que non sexan escavados na rocha. - Tratamento de enlaces: utilizaranse bosquetes arbóreos ou arbustivos, ata alcanzar un 25% de cobertura, así como hidrosementeiras ou sementeiras manuais. - Tratamento en marxes dos cursos de auga: realizaranse plantacións nos estribos dos viadutos para favorecer a súa integración. - Tratamento das zonas de obra: realizarase cando menos un subsolado dos terreos afectados pola compactación e a plantación de especies arbóreas preexistentes. - Tratamento de vertedoiros: revexetaranse para limitar os procesos erosivos. * Medidas correctoras para a fauna. - Crearanse pasos específicos para fauna, cerramentos e adecuaranse os elementos existentes ou unidades de obra de nova instalación (viadutos, drenaxes, pasos inferiores) para mellorar a permeabilidade transversal para a fauna. * Integración e restauración paisaxística. Desde o punto de vista construtivo: - Limitar ao máximo as zonas de ocupación e vías de acceso a obra. - Redondear as arestas dos noiros e reducir as dimensións destes. - Definir o amoreamento de vertedoiros e préstamos con limitación total das áreas protexidas ou catalogadas e de especial interese. - Realización dun bo deseño das estruturas cun sentido estético. - Adaptación do trazado ás curvas de nivel. Desde o punto de vista paisaxístico: - Protexer a vexetación que non se vexa afectada polas obras. - Achegar especies autóctonas presentes no contorno. - Crear novos espazos con árbores e arbustos. - Integrar a vexetación en todo o conxunto. - Estudar con detalle a agrupación de árbores en curvas, en especial as convexas. - Identificar a vía no horizonte visual. - Colocar fitos de orientación en cada cambio de dirección. - Nas pontes pouco elevadas, dar continuidade ás plantacións partindo do solo natural. * Patrimonio cultural. - Realizarase unha prospección arqueolóxica intensiva da área afectada e un control e seguimento arqueolóxico das obras e escavacións en xácigos con risco de afección.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res27102004.pdf Galego
res29102004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles