Diario Oficial de Galicia, 12-02-2007, Núm. 50, Páx. 3809
Resolución do 26 de febreiro de 2007, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Paradela, no concello de Paradela (Lugo), promovido pola empresa Paravento, S.L. (Expediente 104-EOL).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 26 de xaneiro de 2007, relativa ao proxecto do Parque Eólico Paradela (expediente 104-EOL) no concello de Paradela (Lugo), promovido pola empresa Paravento, S.L. e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2007.
Anxo Ramón Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 26 de xaneiro de 2007, relativa ao proxecto do Parque Eólico Paradela, no concello de Paradela (Lugo), promovido pola empresa Paravento, S.L. (Clave 2006/0369).
Antecedentes.
Por solicitude da empresa Paravento, S.L., a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dun parque eólico de 12 MW de potencia total no concello de Paradela (Lugo), constituído por 6 aeroxeradores de 2 MW de potencia nominal unitaria.
Dentro do procedemento de autorización administrativa do parque eólico, o proxecto sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental dado que está recollido no grupo 3.i do anexo I do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental (modificado polas leis 6/2001, do 8 de maio, 9/2006, do 28 de abril, e 27/2006, do 18 de xullo).
No anexo I resúmense as características básicas do proxecto e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada.
Mediante Resolución do 23 de setembro de 2004, da Delegación Provincial de Lugo da entón Consellería de Innovación, Industria e Comercio (publicada no DOG nº 52, do 16 de marzo de 2005), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e proxecto sectorial e o estudo de impacto ambiental das instalacións que comprende o referido parque eólico, constando durante o período de exposición pública a presentación dunha serie de alegacións que, no que respecta ao seu contido ambiental, foron tidas en conta, no que procede, ao longo da presente declaración.
Con data 1 de decembro de 2006 recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas como órgano substantivo por razón da materia, contendo os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza, Obras Públicas e Turismo, ademais dos emitidos polas delegacións provinciais de Lugo das consellerías de Sanidade e de Innovación e Industria. Non se recibiu o informe solicitado á Confederación Hidrográfica do Norte, polo que, transcorrido o prazo estipulado regulamentariamente, o órgano substantivo continuou coa tramitación do expediente.
O expediente inclúe asemade dúas addendas ao informe final do estudo de impacto arqueolóxico, a primeira delas elaborada para aclararlle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural algunhas dúbidas sobre a configuración final do parque, e a addenda II que, ademais de conter novas aclaracións e ampliacións da información arqueolóxica inicial, dá conta da aparición dun novo sitio arqueolóxico no ámbito do parque, coa conseguinte proposta de medidas correctoras.
Constan tamén no expediente unha serie de escritos e diversa documentación complementaria ao estudo ambiental, que o promotor foi presentando sucesivamente en resposta aos informes emitidos pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza durante a tramitación ambiental do proxecto. Sendo o derradeiro destes documentos, titulado Documentación complementaria ao estudo de impacto ambiental. Febreiro 2006, o que dá lugar ao cuarto e definitivo informe por parte da citada dirección xeral.
Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto do Parque Eólico Paradela, no concello de Paradela (Lugo), promovido pola empresa Paravento, S.L.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
A presente declaración refírese en exclusiva ao proxecto do Parque Eólico Paradela, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 12 MW de potencia total no concello de Paradela (Lugo), constituído por seis aeroxeradores de 2 MW de potencia nominal unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice UTM X UTM Y
1 618.073,185 4.734.748,145.
2 615.516,882 4.734.748,145.
3 614.634,957 4.733.049,395.
4 614.160,603 4.731.016,846.
5 619.000,163 4.731.000,038.
6 619.000,000 4.732.000,000.
A localización dos aeroxeradores e a infraestrutura asociada ao parque eólico serán as que se recollen no plano titulado Vexetación. Plano nº 02 incluído na Documentación complementaria ao estudo de impacto ambiental. Febreiro 2006.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección da atmosfera.
2.1.1. Sobre o po.
Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies prevista no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. Así mesmo, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2.1.2. Sobre o ruído.
Os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento do parque eólico non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o seu caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.
Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento do nivel de ruído proposto no estudo ambiental, coas particularidades sinaladas no punto 3.2.1 da DIA e tendo en conta que as medicións deberán ser efectuadas por entidade homologada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de vías, gabias de cableado...), así como calquera captación ou vertedura se é o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente, neste caso a Confederación Hidrográfica do Norte, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Non se afectarán, ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se poidan atopar na área de influencia das obras.
Así mesmo, respectaranse os mananciais que puidesen existir na zona, podendo ser parcialmente encanado o seu curso para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos a ceo aberto (sempre que as obras definitivas o permitan) cara ás correntes superficiais máis próximas.
3. Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que na rede viaria do parque se deberán dispoñer as estruturas de drenaxe transversal necesarias para elo, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación.
A achega das augas de drenaxe cara á rede hidrográfica deberá ser gradual, polo que á saída das drenaxes transversais e nos puntos onde a auga dos foxos se incorpore ao terreo, así como nos tramos de foxo en zonas de elevada pendente, disporanse sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento do sistema de drenaxe do parque, dos dispositivos de disipación de enerxía e das condicións de incorporación das augas de drenaxe cara á rede natural, co obxecto de comprobar se se producen fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais. Neste sentido, levaranse a cabo os oportunos labores de mantemento do sistema, adoptando as medidas protectoras ou correctoras necesarias no caso de producirse os citados fenómenos.
4. A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas.
5. Cando se realicen obras en zonas de elevada pendente, disporanse mallas antiescorregamento ou calquera outra medida apropiada para evitar arrastres de materiais ladeira abaixo.
6. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorregamento superficial.
7. Non estando previsto na documentación avaliada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra e que conten coas debidas autorizacións.
8. Non está permitido o lavado de maquinaria e utensilios nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo de impacto ambiental.
2.3. Protección do solo.
1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que se axustará ao establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
2. Procederase á delimitación das distintas zonas de obra mediante o seu balizamento, que se deberá manter en perfecto estado durante o transcurso das obras e ser retirado cando estas finalicen.
3. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.
4. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
5. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona salvo xustificación previa; neste caso seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes serán restaurados ao finalizar a obra.
6. Para a localización da zona destinada a parque de maquinaria, casetas de obra, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etc, seleccionarase unha localización de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica.
7. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
2.4. Xestión de residuos.
1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
2. O almacenamento temporal de residuos ata a súa entrega a xestor autorizado poderá realizarse nunha zona acondicionada para tal fin, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza.
3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de verteduras accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas poderán realizarse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.
4. Antes do inicio da fase de explotación do parque deberán terse retirados e xestionados a totalidade dos residuos de obra.
2.5. Protección da fauna e vexetación.
2.5.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído na documentación avaliada, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.
2. Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores.
Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, coas particularidades sinaladas nos puntos 3.2.2 e 3.5.2 da DIA. No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre as súas poboacións, adoptaranse as medidas necesarias para corrixir a dita situación, incluíndo a parada dos aeroxeradores, se é o caso.
Así mesmo, e tendo en conta que os aeroxeradores se situarán no contorno do Parque Eólico Serra das Penas, aplicarase o sinalado no punto 3.5.3 da DIA respecto dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a fauna debido á presenza das citadas instalacións.
2.5.2. Sobre a vexetación.
1. A roza e/ou eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregando sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.
En todo caso, calquera actuación de carácter inevitable levará asociada a restitución íntegra do espazo afectado na maior brevidade posible. Así mesmo, previamente á execución das obras delimitaranse fisicamente as zonas de actuación, co fin de minimizar as afeccións.
2. Previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
3. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos, que de ser o caso terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase a súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
2.6. Sobre a integración paisaxística.
1. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levarase a cabo o plan de restauración e revexetación incluído no estudo de impacto ambiental, tendo en conta as seguintes consideracións:
- Co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr o máis pronto posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras, os labores de restauración e revexetación deberán realizarse, sempre que sexa posible, paralelamente ao avance da obra, conforme as distintas superficies que hay que restaurar acadan o seu estado definitivo.
- As áreas obxecto de restauración e revexetación incluirán, ademais das sinaladas no plan presentado, a zona destinada a casetas de obra, parque de maquinaria e instalacións temporais de obra.
- No caso de necesitar achegas externas de terra vexetal por non ser suficiente a retirada previamente á execución das obras, sinalar que non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio e que calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada. Así mesmo, será admisible o uso de solos reciclados obtidos de acordo coa instrución técnica de residuos ITR/01.0/05, do 29 de xuño, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, referente á elaboración de solos reciclados a partir de residuos.
2. Co fin de mellorar a integración paisaxística do parque eólico e evitar a proliferación de pistas na zona, no caso de que como resultado da execución da rede viaria do parque deixe de usarse algún camiño ou vía preexistente a favor dos propios do parque, deberá procederse á súa restauración, aplicando para iso as técnicas descritas no plan de restauración presentado.
2.7. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto na documentación avaliada, deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos da presente declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, quen llo comunicará ao órgano ambiental.
- Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
- Os informes de seguimento ambiental resultantes do desenvolvemento deste programa, aos que se fai referencia ao longo do condicionado da declaración, serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, correspondéndolle a este o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración, conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión -se é o caso- do responsable do control do seguimento ambiental.
- No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural.
Levaranse a cabo as medidas correctoras recollidas no informe final do estudo de impacto arqueolóxico e na súa addenda II, aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes:
1. Cara a evitar posibles afeccións, establécense para esta obra unhas áreas de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico que se corresponderán coas reflictidas no punto 5.2.1 do informe final do estudo de impacto arqueolóxico. Para o novo xacigo tumular localizado na área do parque (PU050105W01/YA050105W01), a dita área de exclusión terá un raio de 50 metros, medidos desde o límite exterior do xacigo. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, previamente ao inicio das obras elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o seu transcurso, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
3. De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
4. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.
3.2. Fase previa ao inicio das obras.
1. Levaranse a cabo as campañas preoperacionais previstas nos plans de seguimento do nivel de ruído e de control da calidade das augas. Os resultados das ditas campañas incorporaranse aos informes de seguimento ambiental (tanto os de obra como os de funcionamento) para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
No que respecta aos puntos de control de niveis sonoros, substituirase o proposto en Paradela, moi afastado do parque, por outro no núcleo de Foilebar, que se localizará nas vivendas ou edificacións máis próximas aos aeroxeradores. Nos resultados das medicións deberá figurar o parámetro Leq, sen prexuízo de que se indiquen os percentís L90, L50 e L10.
2. Dado que entre as aves rapaces inventariadas na área do parque figuran dúas especies de rapinas do xénero Circus (tartaraña cincenta, Circus pygargus, e gatafornela C. cyaneus), que nidifican sobre o chan en ambientes de matogueira e polo tanto son susceptibles de verse afectadas polas obras, levaranse a cabo as comprobacións necesarias para determinar a existencia ou non de parellas reprodutoras na área de afección das infraestruturas e instalacións do parque.
No caso de detectarse a súa nidificación na zona afectada polas obras, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, incluíndo o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de raio en torno ao niño, onde se evitará calquera actuación ata a finalización do período reprodutor (podendo continuar coas obras noutra zona do parque) e outro perímetro de seguridade de 500 m, onde se limitarán ao máximo as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.
3. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 148.087 euros, dos cales 63.466 euros corresponden aos labores de restauración asociados á fase de obras e 84.621 euros aos da fase de desmantelamento e abandono do parque.
3.3. Fases de replanteo e obra.
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras de construción do parque.
2. Extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas identificadas no estudo ambiental como de potencial afección á rede hidrolóxica, adoptando o conxunto de medidas protectoras e correctoras propostas, así como calquera outra que resulte necesaria para a súa preservación. Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.
3. Prestarase especial atención ao desenvolvemento do plan de vixilancia de avifauna nesta fase, tendo en conta a presenza na zona de aves rapaces que nidifican no chan, de acordo co sinalado no punto 3.2.2 da DIA.
4. No caso de que as obras coincidan coas do parque Serra das Penas, atenderase ao sinalado na Documentación complementaria ao estudo de impacto ambiental. Febreiro 2006 respecto dos posibles efectos acumulativos sobre a calidade das augas do rego da Trapa, levando a cabo as medidas protectoras e de control propostas no dito documento.
5. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.7 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído (cuxas medicións se realizarán en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a medición), control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe, seguimento de avifauna, e control da presenza de parellas reprodutoras de rapinas do xénero Circus na área do parque, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.3, 2.2.8, 3.2.1 e 3.2.2 da DIA.
c) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos establecidos nela.
d) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Irá acompañado de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, en que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
3.4. Ao final da fase de obras.
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.7 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do indicado no estudo ambiental e no condicionado desta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etc. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos recollidos na documentación avaliada e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, foxos e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, en que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se levaron a cabo medidas protectoras e/ou correctoras.
3.5. Fase de funcionamento.
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de posta en marcha da instalación.
2. En relación co plan de seguimento de avifauna incluído no estudo ambiental, teranse en conta as seguintes consideracións:
- O raio que hai que revisar baixo os aeroxeradores nas visitas para a busca de exemplares mortos por colisión aumentarase ata os 70-80 metros, tendo en conta o tamaño do aeroxerador que se vai instalar no parque.
- O tempo de revisión por aeroxerador non será inferior aos 25-30 minutos.
- Nas anteditas visitas anotaranse tamén, de existir, as colisións de morcegos, incluíndo estes datos nos informes do plan de vixilancia ambiental.
3. Tendo en conta que o parque eólico obxecto desta DIA se situará no contorno do de Serra das Penas, co que compartirá infraestruturas como a subestación, o edificio de control e a liña de evacuación, levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a avifauna entre estes dous parques, así como coa súa liña de evacuación de enerxía se é o caso, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.
4. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.7 desta DIA, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes, un informe de seguimento ambiental co seguinte contido mínimo:
a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e tendo en conta o sinalado no punto 3.2.1 da DIA.
b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, do seguimento da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.3 e 2.2.8 da DIA.
c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, indicación das colisións de quirópteros se é o caso, e informe dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos), tendo en conta o sinalado nos puntos 3.2.2, 3.5.2 e 3.5.3 da DIA.
d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, en que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e hora e van acompañadas dun plano de localización.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben a solicitude motivada do promotor, poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se deberán realizar en anos posteriores.
3.6. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, establecendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Xunto con esta documentación presentarase o cronograma estimado de ditas actuacións.
3.7. Fase de abandono.
Durante a fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior.
3.8. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2007.
Joaquín Lucas Buergo del Río,
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
ANEXO I - Resumo do proxecto
O proxecto do Parque Eólico Paradela, promovido pola empresa Paravento, S.L., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por seis aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalará no concello de Paradela (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse ao longo dunha única aliñación na Serra de Andreade, dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:
- Número de aeroxeradores: 6.
- Modelo: Gamesa G 90.
- Potencia nominal unitaria: 2.000 kW.
- Potencia total instalada: 12 MW.
- Altura das torres: 78 m.
- Diámetro do rotor: 89,6 m.
- Orzamento: 8.462.086,93 euros.
Para a transformación e posterior evacuación da enerxía xerada no parque, así como para os labores de control, empregaranse as instalacións do veciño Parque Eólico Serra das Penas, promovido por Endesa Cogeneración y Renovables, S.A. e que xa conta con declaración de impacto ambiental, do 18 de setembro de 2006.
A obra civil inclúe a execución duns 2.545 metros de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores, cunha largura, de rodadura de 6 m e dotados de foxos e drenaxes para a evacuación de augas pluviais. Así mesmo, escavaranse uns 4.125 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación transformadora e o edificio de control do parque Serra das Penas, realizándose a interconexión nun punto intermedio en que se habilitará unha arqueta denominada arqueta fin de parque. A duración estimada da fase de obras é duns seis meses.
Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de implantación do parque está composta maioritariamente por repoboacións de piñeiro (mesturadas nalgunhas zonas con pés novos de bidueiro), breixeiras secas europeas e predios agrícolas dedicados a pasto para o gando.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
Na epígrafe de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes:
- Rega periodica de superficies para evitar a xeración de po, especialmente nos cruzamentos de estradas e nas proximidades de núcleos de poboación.
- As liñas de aeroxeradores, as pistas e o cableado discorrerán sen afectar en ningún caso a elementos xeomorfolóxicos de relevancia ou afloramentos rochosos que puidesen existir na área. Esta cuestión verificarase coidadosamente na fase de replanteo.
- Balizarase o contorno inmediato das zonas definidas como puntos de interese, con cinta visible, para evitar calquera alteración.
- Cando no contorno das liñas de aeroxeradores, das pistas ou das gabias de cableado existan formacións vexetais de interese ou exemplares valiosos de flora, procederase ao seu balizamento para impedir calquera afección derivada de actividades non planificadas.
- Procurarase evitar que as obras coincidan co periodo crítico de reprodución de aves, especialmente nos casos en que algún aeroxerador poida estar situado cerca dalgún lugar de nidificación de aves de presa.
- As dimensións de vías e superficies de explanación axustaranse ao mínimo imprescindible, co fin de reducir o impacto paisaxístico e os labores de restauración. Aproveitarase ao máximo a rede de camiños existentes.
- Evitarase afectar charcas e pequenos cursos temporais de auga na área do parque ou no seu contorno próximo, chegando incluso a introducir lixeiras modificacións no trazado de camiños de servizo, gabias de cableado ou emprazamento dos aeroxeradores para acadar o citado obxectivo.
- Os materiais procedentes de escavacións empregaranse na propia obra co obxecto de diminuír sobrantes. Non obstante, se existisen estes, así como restos de construción, levaranse a vertedoiro autorizado, sen abandonalos en ningún caso na área do parque.
- Os cambios de aceite e lavados de maquinaria efectuaranse en zonas específicas e sempre afastados de leitos fluviais ou charcas, para evitar contaminación das augas, tanto superficiais como subterráneas, por verteduras accidentais.
- Restauración da cuberta vexetal.
- Retirada previa, separación e correcto almacenamento da terra vexetal existente nas zonas onde se vaian realizar obras, para posteriormente empregala nos labores de restauración. Unha vez rematadas as obras procederase á descompactación das zonas de ocupación temporal para favorecer a revexetación.
- Retirada dos cadáveres de animais de certo tamaño que aparezan no parque ou no seu contorno para evitar colisións de aves preeiras.
No plan de control da calidade das augas e no de restauración e revexetación, inclúense máis medidas protectoras e correctoras específicas para cada un destes factores ambientais.
As medidas relativas á protección dos elementos do patrimonio cultural recóllense no informe final do estudo de impacto arqueolóxico e na súa addenda II, que figuran como separatas ao estudo de impacto ambiental.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

| TÍTULO | DATA PUBLICACIÓN | Sen datos dispoñibles |
|---|