Diario Oficial de Galicia, 10-08-2004, Núm. 154, Páx. 11504
Resolución do 25 de xuño de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do Parque Eólico Serra do Páramo, nos concellos de Sarria e O Páramo (Lugo), promovido pola empresa Virandel, S.L.
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 2 de xuño de 2004, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do Parque Eólico Serra do Páramo, nos concellos de Sarria e O Páramo (Lugo), promovido pola empresa Virandel, S.L. que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2004.
Ramón Ordás Badía
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto presentado é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente DIA, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os únicos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que contribúan a unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
A presente declaración refírese en exclusiva ao proxecto denominado Parque Eólico Serra do Páramo, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 16,5 MW de potencia total nos concellos de Sarria e Páramo (Lugo), constituído por 11 aeroxeradores modelo Fuhrländer MD70 MW de 1.500 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice X Vértice Y
617.130,00 4.740.245,00
626.355,00 4.744.855,00
627.225,00 4.740.805,00
622.630,00 4.737.820,00
617.130,00 4.737.820,00
A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que que se recolle no plano Planta xeral. Disposición de elementos. Plano complementario. Plano número 2.1. do Reformado do proxecto de execución: Parque Eólico Serra do Páramo. Potencia instalada 16,5 MW. 1ª fase. Outubro-2003, agás para o que derive do cumprimento do exposto no punto 3.1. da presente DIA.
As coordenadas UTM dos 11 aeroxeradores previstos son as seguintes:
Aeroxerador UTM X UTM Y
1 623.647 4.741.557
2 623.534 4.741.630
3 623.312 4.740.944
4 622.895 4.741.091
5 623.099 4.740.943
6 623.437 4.740.739
7 622.382 4.740.835
8 622.261 4.740.960
9 622.955 4.740.295
10 621.879 4.740.252
11 622.276 4.739.825
2. Condicións xerais.
2.1. Sobre a protección da atmosfera.
Os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar.
Os niveis de presión sonora na zona de actuación e nas vivendas máis próximas, durante as fases de construción e funcionamento do parque, tal como se establece nas medidas correctoras do estudo ambiental, non poderán superar os valores límites de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, asemade, de ser o caso, o establecido ao respecto nas ordenanzas municipais dos concellos afectados.
Para tal fin, levarase a cabo un seguimento do nivel de ruído durante as fases de construción e funcionamento do parque tendo en conta as localidades que se atopen máis próximas á zona de actuación, debendo contar cun plan de control do nivel de ruído, ao abeiro do Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica (DOG nº 100, do 27 de maio).
2.2. Sobre a protección das augas e leitos fluviais.
Para a realización das obras do proxecto que afecten o dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e policía, precisarase da correspondente autorización da Confederación Hidrográfica del Norte así como da autorización para vertido de augas residuais.
As obras non poderán afectar a calidade e o volume das augas que teñen por finalidade o abastecemento público, tendo prioridade este servizo fronte a calquera outro.
Realizarase un control do correcto funcionamento dos dispositivos de drenaxe e disipación de enerxía que se recollen na documentación avaliada, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias no caso de producirse fenómenos erosivos, asolagamentos ou deposición de sólidos.
2.3. Sobre a protección do solo.
Para a localización da zona de instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área protección arqueolóxica.
No caso de realización de voaduras disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) que eviten a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. En todo caso, deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada, tendo que restauralos ao finalizar a obra.
2.4. Sobre a xestión de residuos.
Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución do proxecto, en todas as súas fases, deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte ao vertido.
De ser necesaria a realización de almacenamentos temporais de residuos, estes disporanse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, na zona de instalacións de obra, atendendo os criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia co obxecto de evitar calquera afección ao medio.
Ao finalizar as obras, e antes do inicio da explotación, deberá terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos xerados.
2.5. Sobre a protección da fauna.
No caso de instalar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poden consistir, entre outras, nunha rampla de subida ou foxo con laterais abertos.
2.6. Sobre a integración paisaxística.
Levarase a cabo a restauración de todas as superficies afectadas pola execución das obras (marxes das vías, cunetas, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe...) incluídas as correspondentes ao desmantelamento e abandono do parque, de acordo cun plan de restauración que defina e valore economicamente estas actuacións e que inclúa memoria, planos, prego de condicións e orzamento, individual para cada fase, que conteña medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.
Deberá realizarse un seguimento da efectividade dos labores de restauración en toda as fases, incrementando a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación.
Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada.
2.7. Sobre á protección de infraestruturas ou instalacións preexistentes.
No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalacións preexistente debido aos labores de construción e/ou funcionamento do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
A realización do proxecto deberá respectar a Lei 4/1994, de estradas de Galicia, en concreto, no que atinxe ao uso e defensa destas.
As obras, edificacións, pechamentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.
2.8. Sobre o programa de seguimento e vixilancia ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Todas as medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo.
No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais fortes ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural.
Levaranse a cabo as medidas correctoras incluídas no documento Avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural da planta definitiva do proxecto de Parque Eólico Serra do Páramo T.M. de (Sarria, O Páramo e Paradela, Lugo). Informe memoria co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Para evitar posibles afeccións, establecerase para esta obra unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 100 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
En relación co impacto fondo sobre os túmulos 12 e 15, o trazado da liña soterrada de M.T. deberá discorrer pola marxe norte da vía, o máis afastada posible dos xacementos. No referente ao conxunto dos túmulos 2-7 e o conxunto dos túmulos 9 e 10, o trazado da liña soterrada discorrerá fóra da súa área de exclusión. Así mesmo, deberase buscar outra alternativa á construción da vía que atravesa o conxunto de túmulos 12-14 para dar servizo ao aeroxerador número 11, alternativa que deberá contar con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico, para tal fin, e previo ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqeuolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Durante a fase de execución de obra procederase á inspección dos terreos rozados e dos perfís das gabias.
A sinalización e o balizamento dos xacementos arqueolóxicos recollidos no estudo de impacto farase na fase de replanteo ou, en todo caso, en momentos previos ao inicio das obras.
De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos se valorará a aplicación das corrrespondentes medidas correctoras.
Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo cos Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.
3.2. Para a fase previa ao inicio das obras.
O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio natural e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, o 4% do investimento, ascendendo á cantidade de seiscentos trinta e un mil douscentos corenta e nove con vinte e nove céntimos de euro (631.249,2892 euros). Este importe poderá ser revisado se o promotor presenta un orzamento do plan de restauración correspondente á fase de obra como á de desmantelamento e abandono do parque no que se inclúan as partidas correspondentes á desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e transformadores e demais materiais usados na explotación, inutilización do cableado así como a restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe, podéndose descontar os ingresos pola venda da chatarra procedente destas estruturas. Tanto para a restauración na fase de obra como na de desmantelamento, debe dispoñerse do orzamento de execución de contrata.
3.3. Para a fase de obras.
Levarase a cabo o plan de seguimento do nivel de ruído tal como se indica no punto 2.1. desta declaración.
Levarase a cabo o plan de restauración de acordo co indicado no punto 2.6. desta declaración.
Aplicaranse medidas correctoras co fin de evitar o máximo impacto visual, ben por medio de pantallas vexetais que eviten a visión desde o Camiño de Santiago, ou tomando calquera outra medida que deberá ser consensuada coa Dirección Xeral de Turismo.
Durante a execución das obras, co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, presentarase ante o órgano substantivo, con carácter trimestral, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, con medicións en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento no momento da medición, tendo en conta o indicado no punto 2.1. da presente DIA.
c) Resultados do funcionamento da rede de drenaxe e do estudo cero do plan de seguimento de aves proposto no estudo ambiental.
d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos incluídos ou derivados dela.
e) Informe de avance da obra onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Irá xunto con de reportaxe fotográfica (con indicación de data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflita a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade respecto ao total.
3.4. Ao final das obras.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor presentará ante o órgano substantivo, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obra, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos recollidos no estudo ambiental e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estados das vías, cunetas e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora.
c) Plano as built a escala 1.5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.
3.5. Para a fase de funcionamento.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, semestralmente durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anualmente os seguintes e tendo en conta que á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben por proposta motivada do promotor, se poderá modificar o contido dos sucesivos informes ou a frecuencia dos controis e informes para realizar. Este informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido:
a) Resultado do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.
b) Resultado do plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, tendo en conta que, as visitas para a detección de aves mortas por colisión terán unha frecuencia mensual, revisaranse os 11 aeroxeradores instalados e anotaranse tamén as posibles colisións de morcegos.
c) Resultados do funcionamento dos dispositivos de drenaxe.
d) Informe no que se describan os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, plataformas de montaxe, gabias do cableado, drenaxes e cunetas e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados (indicando as datas das visitas) para verificar a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela e irá xunto coa reportaxe fotográfica (con indicación da data e da hora da toma das fotografías e do plano de puntos de toma).
3.6. Previo ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, un plan onde se describan todas as actuacións previstas na fase de desmantelamento e abandono incluíndo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e transformadores e demais materiais usados na explotación, inutilización do cableado así como a restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Xunto con esta documentación presentarase o cronograma estimado destas actuacións.
3.7. Para a fase de abandono.
Na fase de abandono levaranse a cabo toda as actuacións necesarias para recuperar a zona ocupada polo proxecto conforme o plan requirido no punto anterior da presente DIA.
3.8. Posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Irá xunto con reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
ANEXO I: Resumo do proxecto.
O proxecto denominado Parque Eólico Serra do Páramo, promovido pola empresa Virandel, S.L., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 11 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalará nos concellos de Sarria e O Páramo (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características técnicas do proxecto presentado son as seguintes:
* Número de aeroxeradores: 11.
* Modelo: Fuhrländer MD70 MW.
* Potencia unitaria por aeroxerador: 1.500 kW.
* Potencia total instalada: 16,5 MW.
* Altura das torres: 65 m.
* Diámetro do rotor: 70 m.
* Produción neta anual prevista: 42.272 MWh/ano.
* Investimento previsto: 15781232,23 euros.
A subestación transformadora 20/132 kV que recolla a enerxía producida polos aeroxeradores, situarase no interior do propio polígono de estudo, no concello do Páramo, estando a súa parte cuberta na mesma edificación do centro de control do parque, convenientemente separados e con accesos independentes.
O centro de control que albergará a sala de celas e de control así como o taller, almacén, vestiarios e aseos, construirase en obra de fábrica e o seu acabado exterior adecuarase á tipoloxia construtiva da zona. O edificio estará dotado de sistema de abastecemento de auga, contando cunha fosa séptica para a depuración de augas residuais.
A obra civil inclúe a adecuación de vías existentes e construción de novos camiños para acceso aos aeroxeradores, así como a construción de gabias soterradas de cableado.
Segundo o estudo ambiental, a formación que constitúe a maior parte da cuberta vexetal da zona prevista de instalación dos aeroxeradoes é, fundamentalmente, matogueiras de toxo e uceira (monte baixo). Na zona de estudo tamén se atopan algunhas man
chas de repoboación forestal a base de piñeiros e prados.
ANEXO II: Resumo das medidas correctoras incluídas na documentación avaliada.
Protección da atmosfera.
* En seca procederase á humectación onde se estean realizando movementos de terra, co fin de evitar levantamento excesivo de po e non afectar de xeito substancial a cuberta vexetal.
* Os niveis de presión sonora na zona de actuación e vivendas próximas non poderán superar os valores límites de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.
Protección das augas.
* Non se acumularán terras, entullos, restos de obras nin calquera outro tipo de materiais ou substancias en zonas de servidume dos cursos fluviais, para evitar a súa incorporación a tales cursos.
* Non se levará a cabo o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga.
* Instalaranse trampas de sedimentos ou mallas para controlar a escorrega e reducir ao mínimo o uso de materiais de recheo.
* O formigón sera provisto dende planta ou plantas localizadas fóra de obra e que conten coas debidas autorizacións.
* As instalacións de obra situaranse lonxe de calquera zona hidromorfa (temporal ou permanente) ou curso de auga.
* Os labores de mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construción realizanrase en talleres autorizados, eliminando así o risco de contaminación por derrames accidentais. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (non autorizada para circular por estradas, por exemplo), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obras, protexendo o solo con materiais impermeables.
* Os aceites, graxas e outros residuos xerados nestas tarefas de mantemento deberán ser recollidos en contedores axeitados e entregados a un xestor autorizado debidamente acreditado. Mentres non se produza a súa entrega ao xestor, estes contedores almacenaranse na zona destinada a instalacións de obra, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente, sinalizando claramente a súa presenza.
* Na fase de funcionamento, os aceites dos transformadores eléctricos, graxas e calquera outro residuo que se poida xerar, deberá ser xestionado conforme a súa natureza, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. Os contedores almacenaranse no edificio ata a súa entrega ao xestor. Respecto dos residuos perigosos xerados, o promotor deberá tramitar a correspondente inscrición no rexistro de pequeno produtor de residuos perigosos.
* As augas residuais trataranse nunha fosa séptica.
Protección do solo.
Na fase de construción:
* A dotación de infraestruturas realizarase coidadosamente e tendo en conta os efectos dos factores ambientais analizados no estudo ambiental, fundamentalmente a pluviometría, réxime de ventos, grao da pendente e a natureza do solo, de xeito que se minimice este impacto.
* Control topográfico preciso dos límites da zona de obras e escavacións e un balizado previo destes, estando prohibido invadir terreos fóra dos inicialmente proxectados. O balizado de obra manterase en perfecto estado durante o seu transcurso sendo retirado cando esta finalice.
* A circulación da maquinaria restrinxirase ás vías.
* Reducirase ao estritamente necesario o movemento de terras e a ocupación derivada dos labores de obra civil: apertura de vías, construción de gabias, esplanacións, amoreamentos.
* Nos movementos de terras equilibrarase ao máximo o volume de desmonte co de terraplén. En calquera caso, se tras o recheo das gabias e ocos existise aínda material sobrante das escavacións, será levado a cabo e depositado en lugar autorizado por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisarse materiais de préstamo, deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada.
* Estabilizaranse inmediatamente os noiros, terrapléns e os materiais mobilizados, empregando mallas para evitar deslizamentos.
* Os amoreamentos de terra vexetal e outros materiais de préstamo con altura máxima de 1,5 m e con criterios de mantemento que garantan a conservación das súas propiedades e grao de humidade. En épocas de seca procederase á humectación continua tanto dos amoreamentos como das zonas de esplanación.
* Minimizarase a superficie ocupada para todas as instalacións necesarias durante esta fase.
* Preservaranse os afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou botánico.
* Adecuarase a superficie de ocupación polas plataformas eólicas necesarias para a instalación dos aeroxeradores ás condicións topográficas da zona e reducirase na medida do posible esta superficie.
* Minimizarase a compactación tanto nas plataformas eólicas como nas zonas non afectadas inicialmente polas instalacións de forma directa, pero que serán utilizadas para a manobra da maquinaria.
* Nas plataformas debe favorecerse unha certa vexetación que minimice o impacto sobre a vexetación e o paisaxístico pero sen prexuízo de manter a consistencia necesaria para a realización das manobras.
* Controlarase o diámetro de perforación nas voaduras e evitarase o sobredimensionamento.
* Recubriranse os materiais procedentes da escavación nas bases dos aeroxeradores, nas gabias e nos noiros. En todo caso realizarase a revexetación de todas as zonas núas ou que recibiran achegas, incluíndo noiros pedregosos.
* As vías terán superficies de cores escuras, de xeito que se a saburra que se use é de cores claras, deben engadirse en superficie pequenas cantidades de horizontes humíferos.
* Todos os residuos xerados durante a fase de construción, lixo, entullos, así como os materiais sobrantes de obra, serán xestionados de acordo coa súa natureza e retirados cando esta remate, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. Neste sentido permitirase a reciclaxe ou reutilización fronte ao vertido.
* Realizarase un control e vixilancia continuados dos labores de obra especialmente durante a apertura de vías, construción das zapatas e instalación dos aeroxeradores, así como o seguimento estrito do Plan de Seguimento e Vixilancia Ambiental (PSVA) proposto.
* Realizarase un control de eficacia, para verificar que as medidas correctoras propostas son suficientes. Se durante esta fase de construción se comprobará a existencia de formacións que requiran especial preservación, procederase a un replanteo dos labores de execución de obra civil alí onde sexa necesario coa introdución de medidas.
Na fase de operación e funcionamento do parque:
* Acondicionamento e rehabilitación das zonas que foran afectadas, procedendo en primeiro lugar á redistribución dos amoreamentos procedentes do movemento de terras.
* Recuperación da morfoloxía superficial, acabado e sustentación de terrapléns e noiros.
* Restauración dos solos alterados para favorecer a reinstalación da vexetación orixinal.
Na fase de abandono do parque:
* Retiraranse os aeroxeradores e os transformadores.
* Inutilizarase o cableado soterrado nas gabias.
* Acondicionamento e rehabilitación das zonas que foran afectadas por labores de desmantelamento da instalación, seguindo en cada caso concreto as medidas correctoras recollidas anteriormente.
Protección da fauna, vexetación e hábitats.
Fauna.
* Na fase de proxecto seleccionase a tecnoloxía de control e funcionamento, velocidades de arrinque e parada, sistema de freado, operación e mantemento, para evitar no posible os episodios de colisión de aves e quirópteros así como os episodios de electrocución durante a fase de funcionamento do parque.
* Durante a fase de obras e de funcionamento realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre as súas poboacións e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola construción e presenza do parque. Así mesmo, realizarase unha mostraxe trimestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque para comprobar a súa afección sobre as aves.
Vexetación.
* A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ao estritamente necesario, levandose a cabo sempre mediante sistemas de roza que favorezan a revexetación das especies do lugar.
* Reducirase o grao de ocupación e compactación derivado da acción de calquera tipo de obra civil.
* Para maior seguridade, durante a fase inicial de desenvolvemento do PSVA, levaríase a cabo un recoñecemento de detalle da evolución estacional das especies e comunidades de interese, co fin de afinar na eficacia das medidas correctoras propostas e evitar os efectos das accións de proxecto que puideran transformalas.Non se espera a utilización ou modificación da vexetación de ribeira, no caso que así fora, precisarase a autorización correspondente.
* Antes de levar a cabo a corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, conforme o disposto no Regulamento de montes.
* Xestionarase a biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización non procedéndose á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo e diminuír o risco de incendios forestais.
Hábitats naturais.
As drenaxes transversais das vías distribuiranse de xeito que non se modifique o actual réxime hídrico da zona. Realizarase un control do seu funcionamento simultáneo cos da fauna.
A achega das augas fluviais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas de disipación de enerxía co fin de evitar modificacións do caudal habitual dos regos, erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos.
Restauración.
* Todos os terreos afectados pola execución das obras recuperaranse mediante revexetación que restitúa na medida do posible a vexetación autóctona presente na zona. Será unha actuación progresiva, de xeito que se leve a cabo conforme as diferentes superficies para restaurar que acaden o seu estado definitivo, co fin de controlar os fenómenos erosivos, arrastres de materiais e acadar unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.
* Na fase de abandono, procederase á retirada dos aeroxeradores, xa que son 100% achatarrables. As bases cubriranse de terra ocultándoas e practicarase unha posteror revexetación. As edificacións poden transformarse nun centro lúdico ou cultural para aproveitamento dos veciños da zona.
Protección dos valores paisaxísticos.
* Empregaranse cores pouco chamativas e tonos mate no acabado dos aeroxeradores.
* As liñas eléctricas previstas no interior do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, telefónicas, etc, irán soterradas e procurarase un trazado paralelo á aliñación dos aeroxeradores.
* O edificio de control adaptarase á tipoloxía das edificacións da zona para a súa maior integración na zona de implantación.
* Coidarase a distribución dos aeroxeradores atendendo á perspectiva desde as estradas mái próximas.
Protección do patrimonio cultural.
Realizarase un proxecto arqueolóxico que autorizará a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL