Resolución do 25 de maio de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da L.A.T 66 kV P.E. Couto de San Sebastián-sub. Portodemouros, nos municipios de Silleda, Vila de Cruces (Pontevedra), Touro e Arzúa (A Coruña), promovido pola empresa Enel Unión Fenosa Renovables, S.A.

Diario Oficial de Galicia, 02-06-2005, Núm. 105, Páx. 9590
Resolución do 25 de maio de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da L.A.T 66 kV P.E. Couto de San Sebastián-sub. Portodemouros, nos municipios de Silleda, Vila de Cruces (Pontevedra), Touro e Arzúa (A Coruña), promovido pola empresa Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 29 de abril de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto da L.A.T 66 kV P.E. Couto de San Sebastián-sub. Portodemouros, nos municipios de Silleda, Vila de Cruces (Pontevedra), Touro e Arzúa (A Coruña), promovido pola empresa Enel Unión Fenosa Renovables, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 25 de maio de 2005. Ramón Ordás Badía Director xeral de Industria, Enerxía e Minas Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. 1. Ámbito da declaración. Esta declaración refírese en exclusiva á instalación dunha liña eléctrica de alta tensión a 66 kV para interconexión das subestacións do Parque Eólico Couto de San Sebastián e as centrais hidroeléctricas de Touro e Brandariz coa subestación de Portodemouros, que comprende as seguintes instalacións: - Liña soterrada a 66 kV, de 1.833,6 m de lonxitude, desde a subestación do Parque Eólico Couto de San Sebastián ata o apoio nº 1, onde comeza a liña aérea en simple circuíto. - Liña aérea a 66 kV, de 17.403 m de lonxitude en simple circuíto, sobre apoios metálicos de celosía, desde o citado apoio nº 1 ata o apoio nº 59, onde se converte en liña de dobre circuíto tras confluir nela o circuíto proveniente da central hidroeléctrica de Touro. - Liña aérea a 66 kV, de 211 m de lonxitude, entre os apoios nº 59-A e 59, para a conexión da central hidroeléctrica de Touro co apoio nº 59 da liña. - Liña aérea a 66 kV, de 2.720 m de lonxitude en dobre circuíto, sobre apoios metálicos de celosía, desde o apoio nº 59 ata o nº 67, apoio no que se integra, mediante transacción aéreo-subterránea, a liña soterrada de 50 m de lonxitude que ven da central hidroeléctrica de Brandariz. - Liña aérea a 66 kV de 2.734 m de lonxitude en dobre circuíto, sobre apoios metálicos de celosía, desde o apoio nº 67 ata o apoio nº 75 de fin de liña, efectuándose neste último unha transacción aéreo-subterránea de 420,1 m de lonxitude, para a conexión coa subestación de Portodemouros. A traza discorrerá polos concellos de Silleda, Vila de Cruces (Pontevedra), Touro e Arzúa (A Coruña), conforme o reflectido na serie de 6 planos titulados Plano de emplazamiento incluídos no tomo II do estudo de impacto ambiental. 2. Condicións xerais. 2.1. Protección das augas e leitos fluviais. 1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e/ou policía dos cursos de auga, así como os cruzamentos, captacións e/ou verteduras, precisarán da autorización do organismo de conca competente, neste caso Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. 2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidraúlica que poidan atoparse na área de influencia das obras. 3. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais nin en zonas de forte pendente próximas a estes, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias, cheas ou escorrega superficial. 2.2. Protección do solo. 1. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado. 2. Nos terreos de forte pendente utilizaranse apoios con patas desiguais co fin de minimizar o terreo afectado polas escavacións e empregaranse mallas antiescorrega que impidan a caída de materiais ladeira abaixo. 3. No caso de deterioración de estradas, camiños, carreiros ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de instalación ou mantemento da liña, deberán repoñerse ao estado previo ao inicio das obras. 2.3. Protección da fauna e vexetación. 2.3.1. Sobre a fauna. Para levar a cabo os labores de roza e roza de vexetación na rúa de seguridade, así como as tarefas de mantemento periódico, escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións (que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental), implementando, en todo caso, as medidas necesarias para non alterar a fauna. 2.3.2. Sobre a vexetación. 1. A eliminación de vexetación para a instalación dos apoios e a execución de novos accesos, se é o caso, reducirase ao estritamente necesario. 2. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira haberá que aterse ao disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, previamente á corta de arboradura terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. 3. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas. 2.4. Protección do patrimonio cultural. No que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, haberá que se ater ao disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tanto no relativo á localización final de infraestruturas e instalacións (incluíndo accesos de nova creación, se é o caso) como ás medidas protectoras (áreas de cautela, balizamento...), as de control e seguimento arqueolóxico, prospeccións complementarias ou calquera outra que se vaia adoptar ao longo das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución de terreos en todo o ámbito da liña eléctrica. 2.5. Sobre a integración paisaxística. 1. Se existisen na zona afloramentos rochosos singulares con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras. No mesmo sentido, respectaranse as rutas de sendeirismo, áreas recreativas e demais instalacións para o tempo de lecer identificadas no estudo de impacto ambiental. 2. Todas as superficies alteradas ou deterioradas pola execución das obras (instalación dos apoios, execución de novos accesos...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levaranse a cabo as actuacións de restauración e revexetación descritas no informe de aclaracións tramitación ambiental. 25-11-2004, que substitúen as contidas no estudo de impacto ambiental. 3. Garantirase o mantemento da revexetación ao longo do tempo, para o que se efectuará un seguimento da súa efectividade e se adoptarán as medidas correctoras oportunas no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da revexetación. 4. Os labores de restauración deberán realizarse, na medida do posible, conforme as distintas superficies que se vaian restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de favorecer a súa integración paisaxística o máis pronto posible. 2.6. Sobre o Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo. 3. Condicións específicas. 3.1. Sobre a restauración. 1. En relación coa medida compensatoria proposta no proxecto de restauración e revexetación contido no informe de aclaracións tramitación ambiental. 25-11-2004, que consiste basicamente na plantación de catro exemplares de frondosas por cada unidade que sexa cortada (o que implica a plantación duns 10.968 exemplares aproximadamente), deberá presentarse o correspondente proxecto de repoboación, así como un plan dos tratamentos selvícolas que se vaian aplicar, para a súa valoración e aprobación por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. O promotor deberá consensuar coa devandita dirección xeral todo o relativo ao desenvolvemento e aplicación, tanto formal como temporal, da citada medida. 2. Outros aspectos relacionados coa medida proposta son os seguintes: - A repoboación de frondosas terá que localizarse na mesma área bioxeográfica da zona afectada pola liña, nunha zona que teña unha calidade de estación que permita o desenvolvemento das árbores frondosas. - Os terreos onde se asente a repoboación deberán ser subministrados pola empresa promotora da liña. - O número de exemplares que se vaia implantar será tal que na fase de fustal, unha vez efectuados os oportunos tratamentos selvícolas, se atopen representadas as 10.968 árbores previstas. 3.2. Fase previa ao inicio das obras. 1. Levaranse a cabo as campañas preoperacionais previstas no plan de seguimento de avifauna incluído no estudo ambiental, co fin de completar os datos sobre as poboacións de aves presentes na zona. Os resultados das ditas campañas incorporaranse aos informes de seguimento ambiental, tanto os de obra coma os de funcionamento, para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento. 2. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 54.415 euros, correspondente ao orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociados á fase de obras, segundo o plan de restauración presentado. Para a fase de desmantelamento e abandono da liña, se é o caso, proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo iso no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996. 3.3. Fases de replanteo e de obra. 1. Con carácter xeral para os tramos soterrados de liña, pero especialmente para os 1.200 m iniciais que discorren pola LIC Brañas de Xestoso, adxacentes a unha pista existente, observarase o cumprimento das seguintes medidas, que matizan ou amplían as propostas na documentación avaliada: - A largura da gabia axustarase estritamente ao sinalado no estudo ambiental (70 ou 110 cm segundo o número de ternas), evitando o sobredimensionamento. A escavación da gabia realizarase desde a propia pista, vixilando que non se produza tránsito de maquinaria fóra dela, para o que se procederá á sinalización e balizamento destes tramos. - Extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica pola realización dos cruzamentos soterrados, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. - As operacións de formigonado deberanse realizar en condicións que eviten a derrama de formigón e a contaminación das augas. Así mesmo, non está permitido o lavado de maquinaria e utillaxe nos cursos de auga. 2. No referente aos accesos á traza, terase en conta o seguinte: - Tal e como se sinala no estudo ambiental, na planificación de accesos primará sempre o máximo aproveitamento da rede de pistas e camiños existentes, así como o emprego da propia rúa de seguridade, co fin de minimizar a construción de novos accesos. - De ter que realizar algún novo acceso, para a elección do trazado terase en conta o conxunto da información achegada no estudo ambiental, así como os criterios de planificación e execución expostos no documento informe de aclaracións tramitación ambiental. 25-11-2004, subliñando que, sempre que sexa posible, os novos accesos se efectuarán por simple rodadura fronte aos que precisen movementos de terras. - Aqueles accesos que non vaian ser empregados durante a fase de funcionamento da liña deberanse reintegrar na paisaxe, revexetándoos en toda a súa extensión. 3. En relación coa apertura e mantemento da rúa de seguridade baixo a liña, teranse en conta as seguintes consideracións: - A rúa de seguridade deberá estar limpa de vexetación incompatible coa liña, de forma permanente e durante toda a vida útil da instalación. As dimensións mínimas da rúa determinaranse en función da lexislación sectorial aplicable; non obstante, e dependendo da topografía do terreo, dos ventos e do tipo de vexetación existente, a largura determinarase de xeito que se minimize o risco de lumes nestas zonas e, de producirse estes, se impida a súa propagación e se faciliten as tarefas de extinción. * Neste sentido, recoméndase realizar unha selvicultura preventiva, preferentemente a realización de áreas de devasas nas zonas lindantes á rúa, polo que o promotor ou propietario da liña deberá establecer as servidumes da suficiente amplitude para poder realizar, sen contratempos, os devanditos labores. * Como excepción ao exposto nos parágrafos anteriores deberase respectar ou, se é o caso, reducir a afección ao mínimo imprescindible, a vexetación de ribeira e outras árbores e rodeiras singulares, así como as especies endémicas, singulares e/ou protexidas. Para o cumprimento desta premisa, ademais de incorporar criterios ambientais nas medidas de manexo da vexetación arbórea (rúa de largura variable) e levar a cabo as actuacións sobre arboredo descritas no documento informe de aclaracións tramitación ambiental. 25-11-2004, recollerase, sempre que sexa posible, a sobreelevación de apoios naqueles puntos nos que a traza atravese as formacións arbóreas de maior interese ambiental, de xeito que os condutores acaden a maior altura posible sobre o arboredo, evitando así a súa corta ou poda. Así mesmo, e co mesmo obxectivo, a tensión dos condutores nestes tramos será a máxima tecnicamente posible. - De todos os xeitos, as accións baixo a liña consensuaranse coas subdireccións xerais de Defensa Contra Incendios Forestais e de Conservación de Espazos Naturais e Biodiversidade. 4. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo: a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización. b) Informe onde se detallen os resultados do seguimento efectuado de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e na documentación complementaria, así como todos aqueles controis que se deriven do cumprimento do condicionado desta declaración. c) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación de data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflita a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade respecto ao total. 3.4. Ao final da fase de obras. 1. En relación coa protección da avifauna fronte ás colisións, comprobarase a correcta colocación dos dispositivos salvapaxaros propostos no estudo ambiental nos tramos onde a liña atravesa os ríos Ulla e Deza. A este respecto, sinalar que de entre as tipoloxías de salvapaxaros presentadas no estudo, optarase por espirais de PVC de cor laranxa ou similar, habitualmente máis efectivas que as abrazadeiras colgantes de plástico negro. 2. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor presentará perante o órgano substantivo, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo: a) Definición dos imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, en relación a todos os aspectos recollidos no estudo ambiental e nesta DIA, e descrición detallada do estado final da área afectada. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os apoios, estado da rúa de seguridade, limpeza da área, zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, tramos con salvapaxaros, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflitan todas as accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se adoptaron medidas protectoras e/ou correctoras. 3.5. Fase de funcionamento. 1. Respecto á avifauna, ademais de levar a cabo o plan de seguimento proposto no estudo de impacto ambiental, efectuarase un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos sobre as poboacións de aves entre a liña obxecto desta DIA e o parque eólico ao que lle dará servizo, mediante unha valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos. Ademais do anterior, procederase á revisión periódica do estado dos dispositivos anticolisión instalados, tendo que garantir a súa operatividade durante a vida útil da liña, polo que deberán ser substituídos cando perdan a súa funcionalidade. 2. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se fai referencia no punto 2.6 da DIA, o promotor remitirá ao órgano substantivo un informe de seguimento ambiental, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de explotación da liña e anual os seguintes, tendo en conta que, á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben a proposta motivada do promotor, se poderá modificar o contido dos sucesivos informes ou a frecuencia dos controis e informes que se vaian realizar. O dito informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido: a) Resultados do plan de seguimento de avifauna, do control do estado dos dispositivos salvapaxaros e informe de seguimento dos posibles efectos acumulativos, tendo en conta o sinalado no punto 3.5.1 da DIA. b) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados das actuacións de integración paisaxística efectuadas, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado da rúa de seguridade, labores de mantemento realizados, etcétera. Detallaranse os controis ambientais efectuados para verificar a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e no condicionado da declaración. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. 3.6. Fase previa ao abandono. No caso de que se prevexa o desmantelamento da liña, no prazo de seis (6) meses previos á finalización da súa explotación, o promotor remitirá ao órgano substantivo un documento técnico onde se describan todas as actuacións necesarias para desmantelar a liña e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, recollendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada de apoios e condutores, demolición de peanas en superficie, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando a esta documentación presentarase o cronograma estimado destas actuacións. 3.7. Fase de abandono. Ao longo da fase de desmantelamento e abandono da liña, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior, se é o caso. 3.8. Fase posterior ao abandono. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono da liña, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflita o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. ANEXO I - Resumo do proxecto A liña eléctrica prevista, a 66 kV, conectará a subestación do Parque Eólico Couto de San Sebastián coa subestación eléctrica de Portodemouros, mediante un trazado principal ao que se interconectarán dous secundarios de interconexión das centrais hidroeléctricas de Touro e Brandariz, co fin de evacuar a enerxía producida polas citadas instalacións. O conxunto de actuacións localízase nos concellos de Silleda, Vila de Cruces (Pontevedra), Touro e Arzúa (A Coruña) e comprende as seguintes infraestruturas: - Liña soterrada a 66 kV, de 1.833,6 m de lonxitude, desde a subestación do Parque Eólico Couto de San Sebastián ata o apoio nº 1, onde comeza a liña aérea en simple circuíto. - Liña aérea a 66 kV, de 17.403 m de lonxitude en simple circuíto, sobre apoios metálicos de celosía, desde o citado apoio nº 1 ata o apoio nº 59, onde se converte en liña de dobre circuíto tras confluír nela o circuíto proveniente da central hidroeléctrica de Touro. - Liña aérea a 66 kV, de 211 m de lonxitude, entre os apoios nº 59-A e 59, para a conexión da central hidroeléctrica de Touro ao apoio nº 59 da liña. - Liña aérea a 66 kV, de 2.720 m de lonxitude en dobre circuíto, sobre apoios metálicos de celosía, desde o apoio nº 59 ata o nº 67, no que se integra, mediante transacción aéreo-subterránea, a liña soterrada de 50 m de lonxitude proveniente da central hidroeléctrica de Brandariz. - Liña aérea a 66 kV de 2.734 m de lonxitude en dobre circuíto, sobre apoios metálicos de celosía, desde o apoio nº 67 ata o apoio nº 75 de fin de liña, efectuándose neste último unha transacción aéreo-soterrada de 420,1 m de lonxitude, para a conexión coa subestación de Portodemouros. Polo tanto, o conxunto da traza da liña presenta unha lonxitude de 23.068 m en aéreo e uns 2.303 m soterrados. Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de influencia da LAT está composta maiormente por terreos de cultivo, incluíndo pasteiros, e repoboacións de piñeiro. En menor proporción aparecen bosques de frondosas e bosques mixtos (principalmente de carballos que se mesturan con eucaliptos e piñeiros), vexetación de ribeira (con ameneiros, castiñeiros, salgueiros e sobreiras) e matogueira de toxo e breixo. Asociados aos LIC Brañas de Xestoso e Sistema fluvial Ulla-Deza atópanse hábitats naturais de interese comunitario e prioritarios, basicamente formacións arbóreas que constitúen carballeiras, vexetación de ribeira e formacións de matogueira tipificadas como uceiras secas europeas e húmidas atlánticas meridionais de zonas mornas. ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada No punto de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes: 1. Fase de construción. - Os camións que transporten materiais peirentos cubriranse con lonas. - Rega con auga para evitar a xeración de po. - Correcto mantemento da maquinaria. Control das emisións gaseosas dos motores. - Adecuación da velocidade de circulación de vehículos. - Retirada, acopio, conservación e recuperación da terra vexetal. - Aproveitamento dos accesos existentes e a propia traza para a montaxe da liña. - Non se permitirá a circulación de vehículos fóra de vías e pistas de acceso. - Planificación e balizamento das superficies de actuación. - Xestión adecuada dos residuos producidos e prevención de posibles verteduras. Non se elaborará formigón na obra. As tarefas de mantemento realizaranse en talleres autorizados ou, se se efectúan na obra, adoptaranse medidas de protección. Traslado de residuos inertes a vertedoiro autorizado. Entrega de residuos perigosos a xestor autorizado. - Laboreo superficial. Descompactación do terreo na zona de obras. - Repercutir nos concellos afectados os impactos positivos. Emprego de man de obra local sempre que sexa posible. - Retirada de instalacións provisionais de obra. - Restitución de servizos e servidumes afectadas. - Disposición de sanitarios e xestión de efluíntes. - Reparación e aboamento de danos ocasionados polas obras. - Seguimento arqueolóxico. 2. Fase de explotación. - Instalación de dispositivos salvapaxaros nos tramos nos que a liña atravesa os ríos Ulla e Deza. Consistirán en espirais de PVC ou cintas colgantes de plástico, dispostas en disposición triangular cada 5 metros nos condutores (no tramo en simple circuíto) ou no cable de terra (no tramo en dobre circuíto). O deseño da liña mantén unha separación suficiente entre os elementos que a conforman e as posibles zonas de pousada, polo que inicialmente non se prevén medidas antielectrocución complementarias. - Reparación e aboamento de danos ocasionados durante as tarefas de mantemento. - Repercutir nos concellos afectados os impactos positivos. - Revexetación das superficies afectadas. - Comprobacións sobre a afección á avifauna. Medidas protectoras ou correctoras adicionais en función dos resultados que se vaian obtendo (limitación de obras en zonas de nidificación, aumento da frecuencia de mostraxes, novas medidas anticolisión...). Para cada unha destas medidas, o estudo de impacto ambiental inclúe unha completa táboa na que se indica o impacto ao que se dirixe a medida, o seu obxectivo, unha descrición detallada, a entidade responsable da xestión, as precaucións na súa execución e xestión e as necesidades de mantemento da medida ao longo do tempo. As medidas protectoras e correctoras relativas ao patrimonio cultural recóllense no informe final do estudo de impacto arqueolóxico, que se inclúe como anexo no tomo II do estudo de impacto ambiental. No documento informe de aclaracións tramitación ambiental. 25-11-2004, no que se amplía a información sobre as alternativas de trazado estudadas e a vexetación e hábitats naturais presentes ao longo da traza, inclúese un novo proxecto de revexetación (que inclúe, entre outras, medidas para a correcta retirada, amoreamento e conservación da terra vexetal e unha proposta de medidas compensatorias baseada na plantación de frondosas autóctonas), detállanse as diferentes actuacións que se vaian realizar sobre o arboredo naqueles tramos nos que a liña atravesa formacións de interese ambiental (que inclúen cortas e/ou podas para limitar o crecemento en altura de certas especies ou respectar integramente a vexetación presente nas beiras dos ríos) e se indican unha serie de criterios e medidas protectoras ou correctoras relacionadas cos accesos aos apoios no caso de que sexa preciso facer algún acceso de nova construción.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
RES25052005.pdf Galego
RES25052005.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles