Diario Oficial de Galicia, 02-06-2004, Núm. 105, Páx. 7854
Resolución do 24 de maio de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 23 de marzo de 2004, relativa ao proxecto da nova estrada para a conexión da PO-330 coa PO-331 en Valadares (Vigo) (PO/03/045/01), no concello de Vigo (Pontevedra).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 23 de marzo de 2004, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto da nova estrada para a conexión da PO-330 coa PO-331 en Valadares (Vigo) (PO/03/045/01), no concello de Vigo (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2004.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Director xeral de Obras Públicas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 23 de marzo de 2004, relativa ao proxecto da nova estrada para a conexión da PO-330 coa PO-331 en Valadares (Vigo) (PO/03/045/01), no concello de Vigo (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.
Antecedentes:
A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 15 de maio de 2003, aprobou provisionalmente o proxecto de trazado dunha nova estrada para a conexión das estradas PO-330 e PO-331, no concello de Vigo, concretamente na parroquia de Valadares.
Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
No anexo I resúmese o contido do proxecto e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data 22 de maio de 2003 publícase no DOG (nº 98) a Resolución do 16 de maio de 2003, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o documento «Proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da nova estrada de conexión da PO-330 coa PO-331 en Valadares (Vigo). Marzo 2003».
Con data do 5 de decembro de 2003 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no cal se inclúen os certificados de exposición ao público nas distintas dependencias e os informes do Concello de Vigo, de Augas de Galicia e das direccións xerais de Saúde Pública, Conservación da Natureza e Patrimonio Cultural e copia das alegacións presentadas durante o período de exposión ao público por Elisardo Dacosta Torres, en nome do Centro Veciñal e Cultural de Valadares, o alegante opina que o trazado da Dirección Xeral de Obras Públicas non cumprirá os obxectivos de desconxestión do tráfico e propón un trazado alternativo.
Á vista do informe da Unidade Técnica de Medio Ambiente do Concello de Vigo solicitouse documentación que tivo entrada o 20 de xaneiro de 2004. O 1 de marzo de 2004 ten entrada un segundo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, acerca dunha documentación solicitada no seu primeiro informe debido a que moi próxima á traza se localiza unha mámoa, concretamente a Mámoa da Gándara.
Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto da nova estrada para a conexión da PO-330 coa PO-331 en Valadares (Vigo), promovida pola Dirección Xeral de Obras Públicas.
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nestea DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
A) Ámbito da declaración.
Esta declaración de impacto ambiental refírese ás obras proxectadas no documento «Proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da nova estrada de conexión da PO-330 coa PO-331 en Valadares (Vigo). Marzo 2003», na parroquia de Valadares, no concello de Vigo, pero tendo en conta a modificación indicada no punto C.4 Protección do patrimonio, desta DIA, no que respecta á supresión da vía máis próxima á Mámoa de Gándara.
Polo tanto, a configuración final da estrada corresponderá á que se reflicta no plano solicitado no punto D.5.1 desta DIA.
B) Condicións xerais.
1. Protección da atmosfera.
1.1. Sobre a emisión de po e gases.
1.1.1. Os camións irán equipados con lonas ou toldos durante o transporte de materiais, segundo o artigo 14.2º do Regulamento xeral de circulación.
1.1.2. A maquinaria utilizada no proceso construtivo deberá cumprir coa normativa vixente en materia de emisións que lle resulte de aplicación.
1.1.3. Empregaranse captadores de po nos equipamentos de perforación e levaranse a cabo as medidas necesarias para minimizar as previsibles emisións durante as voaduras.
1.1.4. Co fin de evita-las posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de obras, debido á acción da maquinaria e aos movementos de terra, levarase a cabo a rega de camiños e zonas de obra e o recubrimento cun toldo impermeable das moreas de terra nos períodos de seca.
1.2. Sobre a contaminación acústica.
1.2.1. Aplicarase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica así como o estipulado pola ordenanza municipal do Concello de Vigo.
2. Protección das augas e leitos.
2.1. Ademais de nas instalacións auxiliares, habilitaranse tamén nos formigonados balsas de decantación ás que se bombeará a auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga.
2.2. Non estando definida no estudo presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, areas ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.
2.3. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captación de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice á rede de sumidoiros da zona cómpre dispoñer da autorización do xestor da dita rede.
3. Protección dos solos.
3.1. Na selección das zonas destinadas á localización dos lugares para amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos e instalacións auxiliares, primará o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, procurando que estean situados en espazos carentes de valores ambientais relevantes. Achegarase plano a escala axeitada segundo se solicita no punto D.1 desta DIA.
3.2. No caso de definición de vías auxiliares, primará o uso da propia traza fronte á de vías locais preexistentes e, de ambos, fronte a apertura de novas vías. Estes deben ser reflictidos no plano requirido no punto D.2 desta DIA.
3.3. Ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non estean situadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente ao remate daquelas.
3.4. A terra vexetal que se utilizará na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras amorearase, como máximo, con alturas de ata 1,5 m, e estas moreas deberán facerse de xeito que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) e de xeito que non se produza un movemento en masa ou esvaramento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etcétera).
No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica.
3.5. No caso de ter que realizar tarefas de mantemento e reparación da maquinaria, non apta para circular por estrada, na zona de obras, protexerase o solo con materiais impermeables e disporanse os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras. No caso da maquinaria apta para circular por estrada, estes labores levaranse a cabo en talleres autorizados.
3.6. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas.
4. Sobre os residuos.
4.1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución, e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
4.2. Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, situados na zona de instalacións de obra, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza. A localización dos contedores e bidóns para o almacenamento temporal dos residuos, deberase reflictir no plano requirido no punto D.1.
4.3. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.
5. Protección da vexetación.
5.1. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra. Así mesmo, procederase ao balizamento, ou á sinalización de todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental situadas no contorno afectado polo proxecto, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre elas. Esta medida levarase a cabo na fase de replanteo.
5.2. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. A corta de vexetación cinguirase á estrictamente necesaria para a execución da obra, e, se é tecnicamente posible, os cepos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.
5.3. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira do río Amial (ou Zamáns) aplicarase o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e á resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.
5.4. Os restos vexetais que se produzan, deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ao solo.
5.5. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente por medios mecánicos.
6. Protección da paisaxe.
6.1. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies espidas, procederase á súa revexetación o antes posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso de ser necesarias adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.
6.2. Desenvolverase un proxecto de integración paisaxística, describindo os traballos que se efectuarán nas diferentes zonas (zonas de amoreamentos de materiais, de almacenamento de residuos, instalacións auxiliares, accesos temporais, desmontes, terrapléns, rotondas, illas, etcétera), tal como se solicita no punto D.4 da DIA.
6.3. Os acabamentos finais das actuacións deberán realizarse co deseño e materiais que integren as devanditas obras no contorno.
7. Protección dos servizos existentes.
7.1. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras é preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse indicar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.
C) Condicións específicas.
1. Fase de replanteo.
1.1. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo tanto procederase ao balizadamento ou sinalización axeitada dos tramos do río Amial (ou Zamáns), co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puideran supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.
2. Fase de obras.
2.1. Evitarase a deterioración así como calquera influencia negativa sobre os hábitats fluviais, protexendo en todo momento a vexetación de ribeira.
2.2. Prohíbese verter no propio leito do río restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite de maquinaria de construción.
2.3. Non se depositarán na zona de servidume nin en lugares próximos ningún tipo de material que poida incorporar ao río por escorregas ou cheas.
2.4. Tendo en conta que nos movementos de terra, non se atopa compensado o volume de desmonte co de terrapén, os sobrantes, uns 10.000 m, deben ser xestionados axeitadamente e dispoñer dos correspondente permisos para o seu depósito.
Realizarase unha proposta de zonas para o depósito destes sobrantes tal como se solicita no punto D.3 desta DIA.
3. Fase de explotación.
3.1. Tal como se indica no estudo de impacto ambiental, instalaranse pantallas acústicas nas zonas da estrada nas que existan vivendas situadas dentro das isófonas correspondentes a 55 dB (A). Non obstante, tendo en conta que esta estrada se sitúa moi próxima a estas vivendas e, ademais, pola proximidade cunha zona industrial, espérase gran densidade de tráfico pesado. Se durante a fase de seguimento e control do nivel de ruído e vibracións nestas se detectase que se superan os límites permitidos na lexislación vixente en materia de ruídos e vibracións, substituiranse as pantallas vexetais por pantallas acústicas altamente absorbentes.
4. Protección do patrimonio cultural.
4.1. Co fin de evitar a afección sobre a área de respecto da Mámoa da Gándara (GA 36057073), levarase a cabo o seguinte:
- A supresión da vía máis próxima ao túmulo.
- A realización dunha sondaxe arqueolóxica, de xeito manual, na área máis próxima ao túmulo afectada polas obras. Para levar a cabo esta sondaxe elaborarase un proxecto que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
- Dada a proximidade da obra, co fin de evitar afeccións posteriores deberán adoptar as medidas oportunas que garantan a súa conservación. No caso de que o xacigo quede en terreos de propiedade pública, deberase elaborar un proxecto de posta en valor, que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Remitiranse a esta dirección xeral as autorizacións emitidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización dos anteditos proxectos, tal como se indica no punto D.5 desta DIA.
4.2. Presentarase perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural un proxecto de control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos que será especialmente intensivo na área de respecto do túmulo. Remitirase a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para levar a cabo o antedito proxecto a estas dependencias tal e como se indica no punto D.5.3 desta DIA.
4.3. A aparición de calquera resto arqueolóxico durante a fase de obra ou no seu seguimento arqueolóxico poñerase de inmediato en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que tomará as medidas cautelares oportunas. Consignarase no proxecto definitivo unha partida orzamentaria de imprevistos para o caso de ser necesaria a realización das actuacións arqueolóxicas derivadas do control e seguimento.
4.4. Os traballos arqueolóxicos faranse con cargo ao financiamento do proxecto.
4.5. Calquera modificación do proxecto de trazado da vía obxecto desta DIA, deberá ser comunicado o antes posible, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
D) Documentación adicional.
Previamente ao comezo do proceso construtivo, o promotor remitirá a esta dirección xeral para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso se puidesen derivar, un (1) exemplar da seguinte documentación:
1. Plano onde se sinale a localización das instalacións auxiliares, zonas de amoreamentos de materiais e zonas de almacenamento de residuos. Irá acompañado dunha memoria onde consten os equipamentos destinados a previr a xeración de impactos adicionais de cada unha das instalacións previstas, así como unha definición suficiente das súas funcións.
2. Definición, incluíndo cartografía, da localización dos vieiros de obra, xustificando a apertura de novos vieiros no caso de que se precisen. Irá acompañado dunha memoria onde consten os impactos adicionais de cada un dos accesos previstos, así como unha definición suficiente das medidas correctoras que se adoptarán.
3. Proposta de zonas para o depósito do material sobrante dos movementos de terra, xustificando ambientalmente a localización destas.
4. Proxecto de integración paisaxística, no que se describan os traballos que se realizarán en cada unha das zonas que hai que revexetar (zonas de amoreamentos de materiais, de almacenamento de residuos, instalacións auxiliares, accesos temporais, desmontes, terrapléns, rotondas, illas, etcétera), xa que o presentado na documentación avaliada os describe dun xeito moi xeral. Xuntarase un plano onde se observe cada unha destas zonas.
5. No que respecta á protección do patrimonio cultural, remitirase o seguinte:
5.1. Plano a escala 1:1.000 no que se reflicta o proxecto modificado debido á supresión da vía para evitar a afección á Mámoa da Gándara. Así mesmo, completarase a representación gráfica cunha explicación escrita das modificacións efectuadas.
5.2. Autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización da sondaxe arqueolóxica na Mámoa da Gándara.
5.3. Autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do proxecto de control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos.
5.4. No caso de que a Mámoa da Gándara se sitúe en terreos de propiedade pública, autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do proxecto de posta en valor deste ben.
6. Ampliarase o programa de vixilancia ambiental incluído no estudo de impacto ambiental co seguinte:
6.1. Proposta de plan de seguimiento e control dos ruídos producidos na fase de obras na contorna do proxecto, indicando os puntos, metodoloxía e frecuencia das medicións, xa que no documento presentado soamente se ten en conta a fase de explotación da estrada. Así mesmo, incluirase un plano onde se reflictan os puntos de mostraxe nun plano.
6.2. Proposta de plan de seguimento e control do estado do sistema de drenaxe para a fase de explotación.
6.3. Notificación do responsable ambiental tal e como se require no punto F.3 da DIA.
Unha vez avaliada a citada documentación, remitirase á Dirección Xeral de Obras Públicas o seu resultado, non podendo proceder ao comezo das obras ata que non conte con informe favorable desta dirección xeral sobre a totalidade da documentación requirida.
E) Programa de seguimento e vixilancia ambiental.
Realizarase o programa de vixilancia e seguimento ambiental ao que se refire o estudo de impacto ambiental, adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos desta declaración, e remitíndoo ao órgano ambiental para a súa avaliación previa ao comezo das obras.
O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Todas as medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto F.3 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.
No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Tendo en conta o anterior, a Dirección Xeral de Obras Públicas deberá elaborar os seguintes informes:
1. Trimestralmente, durante a fase de obras:
1.1. Cronograma actualizado das obras.
1.2. Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental aprobado. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ao proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora.
1.3. Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.
2. Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do programa de vixilancia e seguimento ambiental que reflicta o cumprimento de todas as medidas correctoras contempladas no estudo así como as impostas na DIA, en concreto:
2.1. Informe no que se reflicta o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras con respecto ao proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto E.1 desta DIA. Incluirá unha reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
3. Seguimento ambiental anual, contando desde o inicio da explotación. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:
3.1. Memoria resumo do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental aprobado, en que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. Incluirá unha reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data e hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano.
F) Condicións adicionais.
1. O promotor poderá solicitar ao órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando se propoñan novas medidas que permitan acadar os obxectivos e fins que se indican nesta declaración. Esta solicitude remitirase, presentando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas, no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a esta DIA, non podendo comenzar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.
2. Ante a manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, o órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos que constan nesta DIA.
3. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ao órgano ambiental.
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2004.
José Manuel Álvarez-Campana Gallo
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I
Resumo do proxecto
Este proxecto ten como obxecto desconxestionar as estradas PO-330 e PO-331 no tramo que rodea ao polígono industrial da Pasaxe, que soportan unha grande intensidade de tráfico a causa da forte actividade do polígono, agravada polo estacionamento de vehículos na estrada e pola circulación transversal, tanto de vehículos como de peóns. A totalidade do proxecto sitúase no concello de Vigo, na parroquia de Valadares.
O trazado ten a súa orixe na estrada PO-330 (Vigo-Vincios) no concello de Vigo, xusto no límite do concello de Gondomar (onde se atopa o citado polígono industrial) cunha rotonda de raio 22 m, onde tamén conflúen outros accesos secundarios da zona para continuar cun tramo recto de 145 m seguido por unha curva de raio amplo (250 m). O trazado desenvólvese de xeito descendente practicamente durante todo o percorrido cunha pendente de 6,5%.
Remata o trazado con outra rotonda de raio 25 m que se proxecta sobre a PO-331 (O Porriño-Gondomar). A lonxitude total é de 336,221 m.
ANEXO II
Resumo das medidas protectoras e correctora propostas no estudo de impacto ambiental
- Medidas de corrección hídrica: evacuar o sistema de drenaxe lonxitudinal a leitos preexistentes.
- Prevención do ruído do tráfico: instalación de pantallas acústicas vexetais, nas zonas que, segundo o estudo de impacto acústico, se poidan ver afectadas.
- Medidas de recuperación ambiental e integración paisaxística: aproveitamento da terra vexetal, hidrosementeira en noiros de desmonte e terraplén e revexetación de rotondas e illas. As zonas que se revexetarán incluirán as zonas onde estean as instalacións para as obras, camiños de paso para camións e maquinaria, zonas de vertedoiro e áreas de préstamo.
- Restricións espaciais á actividade da obra: establécese unha zonificación preventiva gradual que condicione o uso do territorio polas instalacións de obra e outros elementos auxiliares da obra.
- Restricións temporais á actividade de obra: restrixiranse as actividades aos horarios laborais ao uso.
- Prevención de verteduras: tanto nas instalacións de obra (instalando foxos perimetrais e balsas de protección) como na propia actividade de obra (prescición de verteduras, xestión de residuos tóxicos).
- Medidas previas á obra: inclúe a prospección e control arqueolóxico previo, a sinalización e balizamento de áreas sensibles, a preparación e acondicionamento das instalacións auxiliares de obra e a aprobación do programa de xestión ambiental da obra.
- Medidas ao finalizar a obra: inclúen os tratamentos de recuperación ambiental ás zonas afectadas polas instalacións auxiliares da obra, así como a retirada dos balizamentos de protección.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL