Resolución do 23 de xaneiro de 2004, da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico, pola que se acorda dar publicidade á declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do proxecto de planta de tratamento de efluentes da fábrica de Ence Pontevedra, promovido polo Grupo Ence, S.A.

Diario Oficial de Galicia, 05-04-2004, Núm. 66, Páx. 4830
Resolución do 23 de xaneiro de 2004, da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico, pola que se acorda dar publicidade á declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do proxecto de planta de tratamento de efluentes da fábrica de Ence Pontevedra, promovido polo Grupo Ence, S.A. Con data do 24 de xuño de 2003, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou declaración de impacto ambiental en relación co proxecto de planta de tratamento de efluentes da fábrica de Ence Pontevedra. Posteriormente, a devandita dirección xeral remitiu o seu texto definitivo a Augas de Galicia, como órgano substantivo no procedemento de autorización do vertido de augas residuais, incorporándose á resolución ditada con data do 9 de xullo de 2003 no expediente DH.V36.06528. De acordo co disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, RESOLVO: Dar publicidade á declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en relación co proxecto de planta de tratamento de efluentes da fábrica de Ence Pontevedra, que figura no anexo desta resolución. Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2004. Jesús Manrique Merino Subdirector xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico ANEXO Actualización da declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 23 de abril de 2003, relativa ao proxecto de planta de tratamento de efluentes fábrica de Ence Pontevedra, no concello de Pontevedra (Pontevedra), promovida por Grupo Empresarial Ence. Clave: 2002/0949, incluíndo os cambios derivados da modificación do 24 de xuño de 2003. Antecedentes O Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, establece que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no seu anexo I, se deberán someter a unha avaliación de impacto ambiental. Dado que entre os proxectos incluídos no antedito anexo I se atopan as plantas depuradoras de augas residuais con capacidade para máis de 150.000 habitantes equivalentes, procédese a formular a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de planta de tratamento de efluentes fábrica de Ence Pontevedra. O obxecto do proxecto é a construción dunha planta de tratamento de augas residuais industriais para un caudal de deseño de 46.400 m/día e coas seguintes fases: - Desbaste, peneiradura e entrada á estación de bombeo. - Sistema biolóxico de tratamento por oxidación mediante lamas activadas en dúas etapas. - Clarificación en dous decantadores secundarios. - Espesamento e prensadura de lamas. - Balsa de seguridade e regulación previa ao vertido. No anexo I resúmese o contido do proxecto e as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada. Con data do 15 de novembro de 2002, acórdase a tramitación urxente do procedemento de declaración de impacto ambiental do citado proxecto. Con data do 23 de xaneiro de 2003 (DOG nº 15) publícase o Anuncio do 9 de xaneiro de 2003, do Servizo de Vertidos de Augas de Galicia, pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental do citado proxecto. Con data do 12 de marzo de 2003 recíbese nesta dirección xeral o expediente ambiental do proxecto, remitido por Augas de Galicia, que contén os certificados de exposición ao público no concello e na Demarcación Galicia Sur de Augas de Galicia, e os informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da delegación territorial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, da delegación provincial da Consellería de Sanidade, e da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente. No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos, que foron tidos en conta, no que procede, no condicionado desta DIA. No anexo III resúmense as alegacións recibidas, que se teñen en conta, no que ao seu carácter ambiental se refire, no condicionado da DIA. Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de planta de tratamento de efluentes fábrica de Ence Pontevedra, no concello de Pontevedra, promovido por Grupo Empresarial Ence, S.A. O órgano substantivo para este proxecto é Augas de Galicia, pertencente á Consellería de Medio Ambiente, e o órgano ambiental a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada polo promotor: - Estudo de impacto ambiental. Proxecto planta de tratamento de efluentes fábrica de Ence Pontevedra. Agosto 2002. - Planta de tratamento de efluentes. Fábrica Ence Pontevedra. Maio 2002. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e na restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. 1. Ámbito da declaración. Esta declaración refírese en exclusiva á construción e explotación dunha planta de tratamento de augas residuais industriais no complexo do Grupo Empresarial Ence en Pontevedra, definida nos planos titulados planta xeral fábrica Ence Pontevedra e planta tratamento de efluentes fábrica de Pontevedra; incluídos no documento de 2002. 2. Protección da atmosfera. 2.1. Sobre a emisión de po e gases. 2.1.1. Co fin de evitar o levantamento excesivo de po, durante a fase de obras procederase á humectación das zonas de obra e ao lavado das rodas dos camións de transporte de materiais. Así mesmo, estes camións deberán ir cubertos con lonas ou similar. 2.1.2. Levarase a cabo o correcto mantemento da maquinaria de obra para asegurar o cumprimento dos niveis de emisións de gases. 2.2. Sobre o ruído. 2.2.1. Adoptaranse as medidas necesarias para que os niveis de ruído, producidos fundamentalmente durante as operacións de movemento de terras, medidos nas vivendas máis próximas á zona de obras, cumpran co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto. Para tal fin, presentarase un estudo acústico e un plan de seguimento do nivel de ruído, de acordo co requirido no punto 9.1. da DIA. 2.2.2. En todo caso, as obras restrinxiranse ao período diúrno. 3. Protección das augas. 3.1. Deberase especificar a solución que se vai adoptar para evitar o vertido de efluentes sen tratar durante a fase de obras. 3.2. Co fin de protexer a calidade das augas deberase levar a cabo un plan de vixilancia que permita detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se poidan prever actualmente. Neste caso, identificarase a orixe da alteración e adoptaranse as medidas oportunas para a súa corrección. Na definición do contido deste plan terase en conta que as augas que finalmente van recibir o efluente están clasificadas como zona de produción para moluscos e deberán cumprir os requisitos especificados no anexo IV do Real decreto 345/1993, sobre calidade das augas para a produción de moluscos e outros invertebrados mariños. Así mesmo, este plan deberá servir para vixiar que o vertido non afecta a calidade das praias do contorno. 3.3. As augas procedentes dos servizos hixiénicos destinados aos operarios durante as obras conduciranse ata o saneamento municipal, ou a un sistema de tratamento axeitado, que deberá ser definido, tal e como se require no punto 9.5. 4. Xestión de residuos. 4.1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción e explotación das instalacións deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe, reutilización ou valorización fronte ao vertido. Achegarase información sobre as características das lamas da depuradora e do seu destino en función destas características, segundo se require no punto 9.6. 4.2. Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia. 4.3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse nunha zona delimitada e dedicada para tal fin, que se reflectirá no plano requirido no punto 9.2. da DIA, dispoñendo dos medios necesarios para a recollida de posibles vertidos. Esta zona deberá estar situada o máis afastada posible da ría e contará con pavimento impermeable. 4.4. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberá terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 5. Protección do solo. 5.1. No caso de precisar materiais de préstamo para recheo deberán proceder de explotacións debidamente autorizadas. 5.2. O traxecto entre a obra e a canteira que subministre os materiais para o recheo considerarase como zona de obra, polo que se aplicarán as condicións impostas nesta DIA. 6. Protección da fauna. 6.1. Deberase realizar un estudo sobre a afección ás especies pesqueiras e marisqueiras debida ao vertido. 7. Protección do patrimonio cultural. 7.1. Dado que, segundo o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o proxecto non presenta ningunha afección a elementos do patrimonio cultural, non procede a imposición de condicións neste aspecto. 8. Fase de abandono das instalacións. 8.1. Ao longo da fase de abandono, unha vez rematada a vida útil da planta, procederase, con carácter xeral, á desmontaxe e retirada de calquera tipo de elemento susceptible de provocar contaminación, sendo entregados todos estes elementos a un xestor autorizado para a súa correcta xestión. 9. Documentación adicional. Previamente ao inicio das obras, o promotor presentará a través do órgano substantivo -quen o remitirá a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven- dous (2) exemplares da seguinte documentación: 9.1. Estudo acústico de acordo co Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, e proposta de plan de seguimento do nivel de ruído durante a fase de obras, conforme o exposto no punto 2.2 da DIA. 9.2. Plano en planta a escala 1:500 e dotado de coordenadas UTM, no que se reflictan as zonas onde se realizará o mantemento da maquinaria non móbil, almacenamento de materiais e residuos, e a localización das instalacións de obra. 9.3. Definición da solución para evitar o vertido sen depurar durante as obras, en cumprimento do indicado no punto 3.1. 9.4. Descrición da procedencia do contido en mercurio dos vertidos, aclarando se son produto dos arrastres con orixe nas materias primas ou da tecnoloxía empregada na planta. 9.5. Descrición do sistema de tratamento das augas residuais procedentes dos servizos hixiénicos, no caso de non ser conectado á rede. 9.6. Información sobre a xestión das lamas de depuradora, tendo en conta o indicado no punto 4.1. 9.7. Novo plan de vixilancia ambiental baseándose no proposto no estudo ambiental e na correspondente autorización de vertido, tanto na fase de obras coma na de funcionamento, especificando e xustificando, conforme a normativa vixente en cada caso, os indicadores ambientais seleccionados, controis que se van realizar, a súa periodicidade, puntos de toma de mostras e os limiares, que determinarán a existencia dunha posible afección, así como detalle das medidas protectoras e/ou correctoras que se deban tomar neses casos. 9.8. Orzamento detallado de execución por contrata das medidas protectoras e correctoras, que inclúa, así mesmo, o plan de vixilancia ambiental e garanta o cumprimento das condicións impostas nesta DIA e as medidas previstas no estudo ambiental. Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ao promotor o seu resultado, non podendo proceder ao inicio das obras ata que non conte co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental respecto da totalidade da documentación requirida. 10. Programa de vixilancia ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, dous (2) exemplares da seguinte documentación: 10.1. Durante a execución das obras: a) Con carácter mensual presentarase un cronograma de obras debidamente actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras de carácter ambiental. No cronograma figurará a data de actualización. Con carácter trimestral presentarase un informe de obras que inclúa: b) Informe do programa de vixilancia ambiental que se vai presentar de acordo co indicado no punto 9.7, no que se recolla se se empregou material de préstamo, a súa procedencia e análise, e se inclúa unha reportaxe fotográfica que reflicta o desenvolvemento dos traballos e o cumprimento de todas as medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo así como as impostas na DIA e a súa eficacia, e indicando as incidencias, os imprevistos e as continxencias acontecidas en relación a todos os aspectos incluídos ou derivados desta. Nas fotografías indicarase a data e a hora, incluíndo un plano de localización das tomas. c) Resultados das medicións do nivel de ruído producido na fase de construción, de acordo co indicado no punto 2.2 desta DIA e segundo a proposta requirida no punto 9.1. As medicións deberán ser realizadas por entidade homologada e no momento de máxima actividade. d) Plano en coordenadas UTM, a escala 1:500, onde se reflicta o avance dos traballos e a porcentaxe de execución das obras respecto ao total. e) No caso de que se produzan materiais sobrantes procedentes dos movementos de terras, deberanse presentar os resultados das análises que os caractericen e, en función destes resultados, presentarase unha proposta de xestión tendo en conta os criterios establecidos na lexislación vixente, presentando, se é o caso, a documentación de aceptación do xestor ó que se entregarán. Nos resultados das análises ou medicións feitas durante as obras, describiranse as accións de obra que se están a levar a cabo nese momento ou nas xornadas anteriores e que poidan repercutir nos resultados. 10.2. Ao final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en funcionamento das instalacións e presentarase un informe de fin de obras co seguinte contido mínimo: a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), medidas protectoras e correctoras levadas a cabo e resultado destas (control de eficacia), incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a todos os aspectos incluídos no estudo ambiental e no condicionado desta declaración. b) Plano, en coordenadas UTM, a escala 1:500, onde se reflictan todas as obras realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental. c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante as obras. Así mesmo, deberase presentar documentación acreditativa de terse dado de alta como produtor de residuos perigosos. d) Reportaxe fotográfica que recolla os aspectos máis salientables da actuación e que reflicta o estado final da obra. 10.3. Seguimento ambiental anual, contado desde o inicio da explotación da planta. Este informe anual incluirá, como mínimo, os seguintes contidos: a) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados, en concreto das lamas, aceites e outros residuos provenientes dos labores de mantemento da maquinaria que se realicen na planta. 10.4. Informe previo ao abandono: nun prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da planta, remitirase un programa de abandono das instalacións, que conterá as accións previstas polo promotor en cumprimento do punto 8 desta declaración. 10.5. Informe posterior ao abandono: nun prazo máximo de dous (2) meses contados desde a fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada aos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntarase reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono. No caso de que se detecten durante o seguimento ambiental que se vai efectuar, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. 11. Condicións adicionais. 11.1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de comezo de execución das obras. 11.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor. Sen embargo, este poderalle solicitar ao órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acadar os obxectivos e fins que se indican nesta declaración. Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a esta DIA. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicándolles o acordo adoptado ao promotor, quen non poderá comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto. 11.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e ser notificado previamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental. 11.4. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determinar as causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos. 11.5. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente. 11.6. O incumprimento total ou parcial, por parte do promotor, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adoptar as medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente. 11.7. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas protectoras e correctoras, así como para facer fronte aos posibles danos que se lle poidan causar ao medio, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro. A proposta de aval, que deberá fixar o órgano substantivo, establécese no 4% do orzamento de execución por contrata. 11.8. Esta declaración de impacto ambiental non exime o promotor de lles solicitar todos os permisos necesarios aos organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluídas as de carácter urbanístico. 11.9. O promotor queda obrigado a cumprir todas as disposicións que se diten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades. 11.10. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificándolle o seu nomeamento ao órgano ambiental. 11.11. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non se poderán iniciar os traballos ata que se cumpra este trámite. Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2003. José Luis Díez Yáñez, Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. ANEXO I Resumo do proxecto O obxecto do proxecto é a construción dunha planta de tratamento de augas residuais industriais para un caudal de deseño de 46.400 m/día e coas seguintes fases: - Desbaste, peneiradura e entrada á estación de bombeo. - Sistema biolóxico de tratamento por oxidación mediante lamas activadas en dúas etapas. - Clarificación en dous decantadores secundarios. - Espesamento e prensadura de lamas. - Balsa de seguridade e regulación previa ao vertido. Do tratamento actual aprovéitase o decantador que se empregará como balsa de seguridade. O resto de instalacións serán de nova construción. Medidas preventivas e correctoras Sobre a hidroloxía: - Extremaranse os controis no caso de que as obras coincidan coa época de choivas debido aos posibles arrastres de materiais. - Durante a explotación realizaranse controis periódicos no efluente previamente ao seu vertido á ría. Sobre o solo e a vexetación: - As instalacións e edificios que se constrúan como consecuencia da obra situaranse en lugares onde a súa afección sexa a mínima posible, aproveitando os camiños existentes para o paso de maquinaria. - A terra vexetal amorearase cumprindo os requisitos que garantan a súa calidade para a posterior rexeneración das zonas afectadas. - Os materiais sobrantes xerados serán xestionados segundo a súa natureza. - O mantemento dos equipos e da maquinaria realizarase fóra da zona de obra e, se isto non é posible, nunha zona dedicada para tal fin. As reparacións de maquinaria realizaranse en talleres autorizados. Sobre a fauna: - Será preciso avaliar a influencia da planta sobre a fauna da ría mediante controis periódicos. Sobre a atmosfera: - En épocas de seca recoméndase humedecer o terreo no que se estea a traballar. - A maquinaria deberá cumprir coa normativa de emisións. Sobre o ruído: - Cumprirase co establecido na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica. Sobre a paisaxe: - Na construción da instalación recoméndase que se coide o aspecto cromático dos depósitos e o deseño dos edificios das bombas, etcétera, con colores pouco rechamantes seguindo criterios de integración cromática e construtiva co medio en que se instalan. - Durante a explotación realizaranse tarefas de mantemento dos equipos das instalacións para manter en boas condicións o seu aspecto externo. Sobre as alteracións socioeconómicas: - Os postos de traballo deberán cubrirse con empresas e traballadores do concello de Pontevedra e a súa área de influencia. Sobre a fase de abandono: - No caso de que o complexo cese a súa actividade, a planta deberá desmantelarse, de xeito que se aproveiten todos os materiais posibles para a súa reutilización, reciclaxe ou valorización enerxética e, a continuación, se restaure a zona. ANEXO II Resultado das consultas realizadas A Dirección Xeral de Recursos Mariños, no seu informe, conclúe o seguinte: O proxecto presentado non permite facer unha correcta valoración ambiental xa que: - Non localizan o punto de vertido, nin as mostras tomadas respecto a este. - Fan referencias puntuais a datos de anos precedentes, pero non achegan datos históricos que permitan valorar se se cumpre o indicado na Lei das rías acerca dos microcontaminantes de tipo tóxico que non deberán aumentar ao longo do tempo. - As unidades empregadas non son equiparables ás da lexislación vixente. - Non indican a presenza na zona doutros vertidos nin os posibles efectos sinérxicos entre eles. En concreto, interesa coñecer o estado de vertido da empresa Elnosa, anexa a Ence, e que presentou solicitude para vertido conxunto. Non obstante, ao valorar o proxecto débense ter en conta os seguintes puntos: - Os límites de emisión de vertidos e os niveis de calidade das augas especificados na lexislación vixente débense cumprir en todo caso, independentemente dos acordados no convenio de colaboración. - O proxecto da planta de tratamento de efluentes non garante os valores de carga final de AOX e mercurio especificados no convenio. - Dada a elevada carga contaminante do vertido, deberíase aplicar o especificado no artigo 4.10º da Lei 8/2001, de protección da calidade das rías de Galicia, cando di nas autorizacións de vertido, Augas de Galicia poderá motivadamente impoñer a instalación de sistemas de medición e análise en continuo dos efluentes, así como de transmisión de datos en tempo real. - No anexo IV da citada Lei 8/2001, tamén indica que as emisións de mercurio só se admitirán nos vertidos que se produzan como consecuencia do arrastre inevitable deste metal contido nas materias primas usadas. Deberíase indicar se no caso de Ence o mercurio procede das materias primas ou da tecnoloxía que empregan na planta. A Demarcación de Costas en Galicia, do Ministerio de Medio Ambiente, resolve autorizarlle a Ence, S.A. a realización das obras abranguidas no proxecto de planta de tratamento de efluentes dentro dos bens de dominio público marítimo-terrestre da concesión da que é titular por Orde ministerial do 28 de xullo de 1979. A Consellería de Sanidade emite emite informe favorable condicionado á xestión final das lamas da depuradora. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable sobre o proxecto de planta de tratamento de efluentes. ANEXO III Resumo das alegacións presentadas O Pleno da Corporación do Concello de Pontevedra adoptou o seguinte acordo: Exposición de motivos: - É un feito asumido pola cidadanía pontevedresa que a situación do complexo Ence-Celulosas é desafortunada e que, polo tanto, habería que dar pasos para que nun futuro próximo se puidese trasladar a un lugar máis idóneo e, desta maneira, evitar o impacto ambiental e urbanístico que supón a situación. - É tamén unha demanda histórica pechar o ciclo produtivo, transformando a pasta de papel en produtos máis elaborados mediante plantas transformadoras situadas na Comarca de Pontevedra. - Estes dous factores non se deben resolver penalizando ningún dos aspectos, é dicir, nin debemos renunciar a pechar parcialmente o ciclo produtivo nin tampouco consolidar definitivamente o complexo na súa situación actual. Polo tanto, proponse a seguinte moción: - O Pleno do Concello de Pontevedra rexeita a situación da papeleira nos terreos actualmente ocupados polo complexo Ence-Elnosa. - O pleno da corporación demanda a instalación da papeleira en terreos da Comarca de Pontevedra, que sexan axeitados tanto desde o punto de vista urbanístico como ambiental. José Benito Andrade González, como membro da Asociación pola Defensa da Ría, indica o seguinte: - Non se pode considerar que Ence teña autorización de vertido, polo que non procede conceder unha renovación senón que a empresa debe comezar unha tramitación de autorización. - A autorización dun vertido nas condicións que se indican no expediente DH.V36.6528 suporía un flagrante incumprimento da lexislación española e europea en materia de límites para os vertidos realizados por estacións depuradoras de augas residuais a zonas sensibles. - A autorización dos vertidos a través do emisario submarino incumpre o estipulado na Orde do 13 de xullo de 1993, pola que se aproba a instrución para o proxecto de conducións de vertidos desde terra ao mar. Aínda que a autorización para a construción do emisario é anterior a esta orde, a auto rización que se pretende conceder debe estar acorde coa citada instrución que é aplicable a todos os vertidos que se realicen desde terra ao mar mediante conducións de vertido. - Na citada orde establécese que se debe xustificar baixo as condicións oceanográficas da localización e para as diferentes situacións de vertido, respéctanse os obxectivos de calidade establecidos polas normas vixentes para as distintas zonas de usos que se puidesen afectar polo vertido. - Tamén se indica que o tratamento das augas residuais urbanas se realizara segundo o que dispoña a normativa vixente, en función do número de habitantes equivalentes servidos, así como da sensibilidade da zona receptora. Igualmente, todo vertido ao mar de augas residuais industriais deberase someter a tratamentos específicos para respectar os valores límite e os obxectivos de calidade establecidos nas normas vixentes. Polo tanto, solicita: * Que se rexeite a solicitude de renovación de autorización e se revogue a autorización de conexión ao emisario submarino polas seguintes razóns: - Ence non dispón de autorización de vertido, polo que non procede a renovación senón a solicitude dunha nova autorización. - A solicitude pretende lexitimar vertidos que conculcan o Real decreto lexislativo 11/1995, do 28 de decembro, desenvolvido no Real decreto 509/1996, ao superar os límites que este real decreto establece. - A concesión de autorización para verter augas insuficientemente depuradas a unha zona sensible faría progresar o expediente de infracción por incumprimento da Directiva 91/271/CEE e a condena do Estado español ante o Tribunal das Comunidades Europeas por incumprimento de dereito comunitario. - Na solicitude preténdense segregar os vertidos de Elnosa, empresa pertencente ao Grupo Industrial Ence tal e como figura no convenio asinado coa Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, o que permitiría que o Grupo Ence seguise vertendo, sen licencia, substancias perigosas. - A solicitude non ten en conta a xeración de residuos e o seu destino final. - Na solicitude non se determina como se vai realizar a limpeza das balsas de decantación e estabilización que presentan unha fortísima contaminación de mercurio nos seus sedimentos. - Segundo se desprende da solicitude, preténdense mobilizar entullos entre os que é moi probable que se atopen residuos tóxicos e perigosos xerados polas industrias sen que exista un plan que permita controlar, separar e xestionar os que sexan susceptibles de encadrarse dentro da denominación de tóxicos e perigosos. Tendo en conta que Ence ten realizado actividades delitivas no que se refire á xestión de residuos segundo se recolle na sentenza ditada en decembro de 2002 pola Audiencia Provincial de Pontevedra contra Ence e Elnosa por delito ecolóxico continuado, é moi posible que a empresa pretenda camuflar estes residuos utilizándoos como material de recheo. * Que se prohiba expresamente o vertido dos efluentes das factorías do Grupo Ence, a través do emisario submarino, polas seguintes razóns: 1. Incúmprese o artigo 4.1º da Orde do 13 de xullo de 1993, ao non existir un proxecto que xustifique que, baixo as condicións oceanográficas da localización e para as diferentes situacións de vertido, se respectan os obxectivos de calidade establecidos polas normas vixentes para as distintas zonas de usos que puidesen ser afectados polo vertido. Tamén se incumpre o artigo 4.3º da mesma orde, onde di: «o tratamento das augas residuais urbanas realizarase segundo o que dispoña a normativa vixente, en función do número de habitantes equivalentes servidos, así como da sensibilidade da zona receptora. Igualmente, todo vertido ao mar de augas residuais industriais deberá someterse a tratamentos específicos para respectar os valores límite e os obxectivos de calidade establecidos nas normas vixentes». En efecto, os vertidos incumpren as condicións establecidas polo Real decreto 509/1996. 2. Non existe un Programa de vixilancia e control suficientemente detallado que permita, mediante os estudos periódicos que se establezan, a comprobación estrutural e funcional do emisario, o seguimento do impacto do vertido na calidade do medio mariño e o cumprimento dos obxectivos de calidade. Este programa debe detallar os procedementos e medios que se van empregar na inspección e mantemento preventivo dos elementos estruturais daquela, avaliando e cuantificando o custo que estas operacións lle representarán ao titular da instalación. Especificamente, débese programar a inspección de toda a lonxitude do treito somerxido da condución e dos seus principais elementos mediante o emprego de mergulladores ou instrumental somerxible. 3. Non existe un proxecto que teña en conta os parámetros oceanográficos que se indican na Orde do 13 de xullo de 1993: - Perfís de temperatura e salinidade na zona de vertido. - Coeficientes de dispersión da pluma. - Coeficientes de autodepuración dos parámetros non conservativos. - Biocenose inicial e contaminación de fondo. - Batimetría, xeofísica e xeotécnia. - Clima marítimo. - Dinámica litoral. 4. Non se efectuaron cálculos de tensións do emisario ás que obriga a Orde do 13 de xullo de 1993, tendo en conta, entre outras, as seguintes accións: - Tensións debidas ás curvaturas na súa localización definitiva. - Tensións debidas a posibles socavamentos por erosión no caso de emisarios apoiados sobre o fondo. - Cargas producidas polo material de recubrimento. Por esta razón non se coñece o estado en que se atopa o emisario submarino.
Data norma
Organismo
AUGAS DE GALICIA
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res23012004.pdf Galego
RES23012004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles