Diario Oficial de Galicia, 23-01-2004, Núm. 37, Páx. 2416
Resolución do 23 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico ampliación Serra do Burgo, nos concellos de Montederramo e Chandrexa de Queixa (Ourense), promovido pola empresa Eólicas del Sil, S.A. (Expediente IN661A 01/10-3 A.T.)
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 22 de decembro de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental, do proxecto do parque eólico ampliación Serra do Burgo, nos concellos de Montederramo e Chandrexa de Queixa (Ourense), promovido pola empresa Eólicas del Sil, S.A. que se transcribe como anexo a esta resolución.
Ramón Ordás Badía
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
ANEXO
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:
- Proxecto Parque Eólico de Ampliación de Serra do Burgo.
- Estudio de Impacto Ambiental do Parque Eólico de ampliación de Serra do Burgo (Ourense). Novembro 2001.
- Estudio de impacto arqueolóxico do parque eólico de ampliación de Serra do Burgo (Chandrexa de Quiexa, Montederramo, Ourense).
- Informe valorativo.
- Anexo ó Informe Valorativo. Estudio de impacto arqueolóxico da ampliación do Parque Eólico da Serra do Burgo (Chandrexa de Quiexa, Montederramo, Ourense).
A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado Parque eólico ampliación Serra do Burgo, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 11,9 MW de potencia total nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo (Ourense), constituído por 14 aeroxeradores modelo GAMESA G-58 de 850 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice X Vértice Y
627.000 4.683.350
630.000 4.683.350
631.000 4.686.000
633.000 4.688.000
635.000 4.688.000
635.000 4.680.000
627.000 4.680.000
Atendendo ó exposto no punto 7 desta DIA, procederase ó desprazamento dos aeroxeradores 9 e 10, nas condicións sinaladas no citado punto. A localización final destes aeroxeradores establecerase, se é o caso, unha vez sexa recibida, avaliada e informada favorablemente a documentación requirida no punto 10.1 desta DIA.
A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle nos planos caminos de acceso. Planta. Plano 3.1 e canalizacións eléctricas. Planta xeral. Plano 3.2, do estudio de impacto ambiental, agás para o que derive do parágrafo anterior, así como da documentación requirida no punto 10.2 da DIA.
As coordenadas UTM dos 12 aeroxeradores con posicións definidas son as seguintes:
Aeroxerador UTM X UTM Y
1 628.547 4.681.958
2 628.531 4.682.231
3 628.426 4.682.342
4 628.407 4.682.457
5 628.835 4.682.936
6 628.760 4.683.047
7 633.966 4.687.759
8 633.034 4.683.231
11 633.428 4.687.053
12 633.597 4.687.924
13 633.686 4.687.846
14 633.738 4.687.763
2. Protección da atmosfera.
Levarase a cabo o plan de seguimento do nivel de ruído proposto no Esa, tendo en conta que as medicións deberán ser efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico da entidade realizadora das medicións.
3. Protección das augas e leitos fluviais.
Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e/ou policía dos cursos de auga (cruzamento de vías, gabias de cableado...) así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización da Confederación Hidrográfica do Norte, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
Extremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección directa á rede hidrolóxica, adoptando tódalas medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. Isto é extensible á concavidade existente preto dos aeroxeradores nº 5 e 6, na que se acumula auga de chuvia creando un biotopo singular, que será respectado.
As obras non poderán afecta-la calidade e volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público, tendo prioridade este servicio fronte a calquera outro.
Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos fluviais.
Non estando previsto no estudio ambiental a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.
No caso de que a solución que finalmente se adopte en relación coa gabia do cableado que une os aeroxeradores 8 ó 11 coa subestación sexa o cruzamento do río Rabal, levarase a cabo o plan de control de calidade das augas proposto no estudio ambiental, estimándose suficiente que se restrinxa ó punto de control nº 4.
Sen detrimento do anterior, para a totalidade do parque levarase a cabo o plan de seguimento e control da rede de drenaxe, que se desenvolverá de acordo coa proposta incluída no anexo 4 do estudio ambiental.
4. Protección do solo.
Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustarán ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.
Non se poderán efectuar préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, tendo que restauralos ó finaliza-la obra.
Para a localización das instalacións de obra seleccionarase unha localización de baixo valor ambiental, escasa pendente e alonxado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica, reflictindo a localización prevista no plano requirido no punto 10.3 desta DIA.
No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.
A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas.
5. Xestión de residuos.
Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da construcción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte a vertedura.
Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.
6. Protección da fauna e vexetación.
6.1. Sobre a fauna.
Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores, tanto deste parque como os do seu contorno.
Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto no Esa e unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna deste parque e os de Pena da Cruz, ampliación Pena da Cruz e Serra do Burgo. Neste sentido, presentarase a documentación requirida no punto 10.5 da DIA.
Por outra banda, tendo en conta a presencia na zona dunha serie de aves rapaces relevantes pola súa sensibilidade e vulnerabilidade, como as aguias real, perdigueira e cobreira (Aquila chrysaetos, Hieraaetus fasciatus, Circaetus gallicus), a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), deberá facerse un estudio destas especies na área do parque e as súas proximidades, especialmente pormenorizado da aguia real, que afonde na caracterización local da poboación e nos riscos que as afectarían, presentando a documentación requirida no punto 10.4 da DIA.
Respecto ós morcegos, realizarase o seguimento de quirópteros proposto no estudio ambiental e, no mesmo sentido que para a avifauna, unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento dos parques indicados.
6.2. Sobre a vexetación.
En relación co cruzamento do río Rabal, pertencente ó LIC denominado Macizo Central, por parte da gabia do cableado que conecta ós aeroxeradores 8 ó 11 coa subestación do parque eólico Serra do Burgo, estudiaranse alternativas para evita-lo dito cruzamento, protexendo deste xeito os valores naturais da zona, entre eles a vexetación ripícola. En todo caso, ademáis de xustifica-la solución adoptada, é necesaria unha adecuada descrición do medio e das obras, así como a identificación e valoración dos impactos previstos. Neste sentido, presentarase a documentación requirida no punto 10.2 da DIA.
Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que de se-lo caso terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase a súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.
7. Protección do patrimonio cultural.
Cara a evitar posibles afeccións, establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así mesmo, evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.
En relación co impacto sobre os elementos do patrimonio cultural Cruces do Termo Cumio do Outeiro, os aeroxeradores 9 e 10 terán que desprazarse fóra do ámbito de protección legal dos ditos bens, presentando para tal fin a documentación requirida no punto 10.1 da DIA.
Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito do parque eólico, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
Durante as fases de replanteo e execución de obra revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
Conforme os resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.
Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.
8. Sobre a paisaxe.
Tendo en conta o interese xeomorfolóxico e paisaxístico dos afloramentos rochosos existentes na serra, especialmente na zona de Cumes de Outerio, estes deberán ser preservados de calquera dano.
9. Restauración.
Tódalas superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes das vías, gabias, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Así mesmo, terá que garantirse o mantemento da revexetación ó longo do tempo.
Para tal fin, levaranse a cabo o proxecto de restauración e o plan de seguimento da revexetación incluídos no estudio ambiental.
Os labores de restauración e revexetación asociados á fase de obras deberán realizarse paralelamente ó avance destas, conforme as distintas superficies que se reatauren acaden o seu estado definitivo, co fin de consegui-la integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.
Ó finaliza-las obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada.
Na fase de desmantelamento e abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo tódalas actuacións necesarias para recupera-la situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, incluíndo a revexetación de tódalas zonas afectadas pola desmontaxe, conforme o plan de restauración presentado.
10. Documentación adicional.
Previamente ó inicio das obras o promotor presentará, a través do órgano substantivo, quen lle dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición das medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que deriven, dous (2) exemplares da seguinte documentación:
10.1. Proposta de desprazamento dos aeroxeradores 9 e 10 de xeito que se localicen fóra do ámbito de protección legal das Cruces do Termo Cumio de Outeiro, conforme o sinalado no punto 7 da DIA. Incluirase, sen detrimento de calquera outra información, un plano de detalle a escala axeitada e listaxe de coordenadas UTM das novas posicións.
10.2. En relación co cruzamento do río Rabal pola gabia do cableado, presentarase un documento técnico onde se estudien alternativas para evita-lo dito cruzamento, xustificando en calquera caso a solución adoptada. De seleccionarse a alternativa do cruzamento, terá que efectuarse unha completa descrición do medio afectado e das obras previstas, e unha identificación e valoración dos impactos, prestando especial atención á preservación dos valores naturais protexidos, sen esquece-lo propio ecosistema fluvial.
Unha vez emitido informe favorable por esta dirección xeral a documentación requirida nos puntos anteriores, presentaranse un (1) exemplar de:
10.3. Plano en planta, nunha única folla a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a poligonal do parque e tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, incorporando as modificacións que deriven dos puntos anteriores. Diferenciaranse, en cores ou grafía distintiva, as vías preexistentes das de nova construcción e aquelas que se van acondicionar, indicando na lenda a lonxitude de cada tipo e a das gabias do cableado. Reflictiranse o punto de acceso ó parque, os elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela e a localización prevista da zona de instalacións de obra, parque de maquinaria e amoreamento de materiais.
10.4. Estudio das aves rapaces na área do parque e as súas proximidades, conforme o sinalado no punto 6.1 da DIA, prestando especial atención á aguia real Aquila chrysaetos. Deberá ser elaborado por técnico/s especializado/s na materia e virá asinado polo/s autor/es, constando a súa titulación e acreditación do coñecemento da materia. Afondará tanto na caracterización local da poboación (zonas de nidificación, cría, campeo...), como nos riscos que afectarían as especies, sobre todo como consecuencia da implantación dos parques eólicos na zona. Con terá unha exposición detallada das medidas que se van aplicar para palia-los posibles impactos e un plan de seguimento específico, que contemplará un aumento da periodicidade do seguimento no caso de detecta-la súa presencia e a posibilidade de para-lo funcionamento dos aeroxeradores nos días en que as condicións meteorolóxicas sexan moi desfavorables.
10.5. Proposta metodolóxica para a detección e valoración de posibles impactos acumulativos e/ou sinérxicos que se poidan producir sobre a avifauna e quirópteros pola presencia dos parques eólicos Pena da Cruz, ampliación Pena da Cruz, Serra do Burgo e o parque obxecto desta DIA, con determinación de limiares e proposta de medidas correctoras específicas.
10.6. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do punto 12.3 da DIA.
10.7. Copia da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización do proxecto de control e seguimento arqueolóxico das obras, conforme o indicado no punto 7 da DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen contar coa citada autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o resultado da dita avaliación, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta dirección xeral sobre a totalidade da documentación requirida.
Unha vez emitido informe favorable por esta dirección xeral do cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicaralle ó órgano substantivo a data de inicio das obras e remitiralle, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, no que figuren tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.
11. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
No caso de que durante o seguimento ambiental se detectasen, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicaráselle inmediatamente ó órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle ó órgano substantivo, coa periodicidade indicada, a seguinte documentación:
11.1. Durante a execución das obras presentarase, con carácter trimestral, un informe de obras que como mínimo inclúa:
a) Cronograma de obras actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ó total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, con medicións en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento. As medicións serán efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral, e os informes presentaranse asinados por técnico desa entidade.
c) Resultados do plan de control da rede de drenaxe, calidade das augas (se é o caso) e seguimento de avifauna e quirópteros, conforme os puntos 3 e 6.1 da DIA.
d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración levados a cabo, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela.
e) Informe de avance da obra, xunto con de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a tódolos compoñentes do proxecto. Nas fotografías indicarase a data e hora, xunto cun plano de localización.
f) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución respecto ó total, referido a tódolos elementos que conforman o proxecto.
11.2. Ó final das obras, comunicarase a data de posta en marcha do parque e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final destas trala súa finalización, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias e/ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e bio masa vexetal; descrición detallada do estado final da área afectada en relación a tódolos aspectos recollidos no estudio ambiental e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, drenaxes e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, xunto cun plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.
d) Documentación acreditativa de ter notificado, por parte da empresa explotadora do parque, a pequena producción de residuos perigosos para a fase de funcionamento, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.
11.3. Informe ambiental semestral, para presentar desde o inicio da fase de explotación, durante os dous primeiros anos desta. Incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:
a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.
b) Resultados do plan de control dos dispositivos de drenaxe e das condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co punto 3 da DIA.
c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e quirópteros, conforme o punto 6.1.
d) Informe dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos, conforme o que derive da documentación requirida no punto 10.5 da DIA.
e) Informe, xunto con reportaxe fotográfica detallada, na que se describan os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado, drenaxes e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verifica-la eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Describiranse as posibles incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e a hora, xunto cun plano de localización.
11.4. Informe ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, con carácter xeral, os contidos do informe descrito no punto anterior.
Non obstante o anterior, á vista dos resultados obtidos no seguimento ou por proposta motivada do promotor, poderase modifica-lo contido do dito informe ou a frecuencia dos controis que se van realizar.
11.5. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación, xunto con, se é o caso, un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto no plan de desmantelamento, xunto coa súa xustificación.
11.6. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, remitirase un informe xunto cunha de reportaxe fotográfica, que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas.
12. Condicións adicionais.
12.1. O órgano substantivo comunicaralle a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.
12.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental son de obrigado cumprimento para a empresa promotora.
Nembargantes, o promotor poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.
Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá a súa avaliación, comunicándolle o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.
12.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificándolle o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen llo comunicará ó órgano ambiental.
12.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberase elaborar tendo en conta a variable ambiental, e no caso de que poida producir efectos adversos significativos sobre o ambiente deberá serlle notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Ava liación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.
12.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixa-lo órgano substantivo, a cantidade de cento cincuenta e tres mil douscentos sesenta euros con sete céntimos (153.260,70), correspondente ó orzamento dos labores de restauración nas fases de obra (59.564,82 A) e desmantelamento (93.695,88 A) do parque.
Non obstante o anterior, se á vista dos condicionados establecidos nesta DIA o importe do aval variase significativamente, o promotor poderá solicita-la súa revisión, remitindo para tal fin un novo orzamento adaptado á configuración final do parque.
12.6. Ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, o órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan nesta DIA.
12.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.
12.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.
12.9. Deberanse efectua-los trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2004.
José Manuel Álvarez-Campana Gallo
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I
Resumo do proxecto
O proxecto denominado Parque eólico ampliación Serra do Burgo, promovido pola empresa Eólicas del Sil, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 14 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, nos concellos de Chan drexa de Queixa e Montederramo (Ourense). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:
- Número de aeroxeradores: 14.
- Modelo: GAMESA G-58.
- Potencia unitaria por aeroxerador: 850 kW.
- Potencia total instalada: 11,9 MW.
- Altura das torres: 55 m.
- Diámetro do rotor: 58 m.
- Investimento previsto: 8.909.105,14 euros.
A obra civil inclúe a execución de 3.950 m de vías de acceso ós aeroxeradores, cun largo de rodadura de 4 m e dotados de foxos e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Prevese a execución duns 16.800 m de gabias de conducción do cableado, cun largo de 60 cm.
Medidas preventivas e correctoras.
O estudio ambiental inclúe unha proposta ben desenvolvida de medidas protectoras e correctoras, diferenciando as fases de obra e funcionamento, que se centran nos seguintes puntos:
Sobre a atmosfera, con medidas contra o ruído, emisión de po e gases e medidas para evita-los efectos causados polas voaduras.
Sobre o solo, detallando medidas xerais, retirada e amoreamento de terra vexetal, control da compactación e medidas contra a erosión.
Sobre as augas, vexetación, fauna, paisaxe, patrimonio arqueolóxico e medio socioeconómico.
Xúntase un plan de vixilancia de todas elas e doutros plans de seguimento específicos (ruído, augas, drenaxes, revexetación, avifauna, quirópteros...).
ANEXO II
Resumo dos informes
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite tres informes, sinalando nos dous primeiros unha serie de carencias na documentación ambiental, que impiden efectuar unha correcta avaliación do impacto do proxecto sobre o patrimonio cultural. O terceiro é favorable, aceptando as medidas correctoras propostas, cos seguintes condicionantes para incluír na correspondente declaración ambiental:
1. Cara a evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.
2. En relación co impacto sobre os elementos do patrimonio cultural Cruces do Termo Cumio do Outeiro, deberase levar a cabo a seguinte medida correctora:
- Desprazamento dos aeroxeradores 9 e 10 fóra do ámbito de protección legal dos bens.
3. Deberase realizar un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
4. Durante as fases de replanteo e de execución de obra revisaranse os impactos e valorarase a apliación das correspondentes medidas correctoras.
5. Conforme os resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.
6. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite informe no que describe o proxecto e a actividade eólica na zona, así como a situación respecto ós espacios protexidos, indicando que o lugar onde se enclava o parque non posúe ningunha figura de protección de espacios naturais dende o punto de vista global, aínda que o foxo do cableado interfire coa proposta de LIC denominada Macizo Central, no seu cruzamento co río Rabal. Con respecto a este cruzamento, aínda que se estiman válidos os criterios expostos para o cruzamento, indican que é necesaria unha adecuada descrición do medio e das obras previstas, así como a identificación e valoración dos impactos. Así mesmo, estudiarase a posibilidade de non efectua-lo cruzamento, eliminando así a afección.
En relación coa documentación, efectúan as seguintes consideracións:
1. Vexetación: estudiarase con máis profundidade o tema do río Rabal. Lembran a necesidade de contar co Servicio Provincial de Conservación da Natureza e solicita-las oportunas autorizacións no tema da vexetación de ribeira.
2. Aves e quirópteros: asociadas ás formacións vexetais da zona existen varias especies de aves rapaces de interese. Entre estas destaca a aguia real, da que se deberá facer un estudio que afonde na caracterización local de poboación e nos riscos que afectarían a especie como consecuencia dos parques eólicos da zona. Intensificarase a intensidade do seguimento e incluso pararanse os aeroxeradores cando as condicións atmosféricas sexan desfavorables. Extremarase a minuciosidade no seguimento de aves e quirópteros.
3. Drenaxe: respectarase a concavidade do terreo existente entre os aeroxeradores 5 e 6, na que se acumula auga creando un biotopo singular. Respectaranse os afloramentos rochosos, sobre todo os dos Cumes de Outeiro.
4. Paisaxe. Será crucial a integración paisaxística do proxecto, cumpríndose co plan de restauración.
5. Con independencia do previsto no plan de vixilancia do estudio ambiental, durante o replanteo e execución do proxecto deberanse efectua-los controis oportunos para garantir que non se produzan impactos imprevistos, sobre todo nas poboacións de aves. No momento en que se detecte un posible impacto tomaranse as medidas necesarias para evitalo, comunicando ó correspondente Servicio de Conservación da Natureza tal situación, así como as medidas que se van adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de producir afección, mentres o organismo competente non se pronuncie.
A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.
A Dirección Xeral de Turismo emite informe de incidencia turística que inclúe os seguintes puntos: características do proxecto e localización, idoneidade turística de instalación do parque, impacto visual na paisaxe, principios normativos nos que se basea o informe e conclusións, indicando que o impacto visual na paisaxe sería importante, e dada a orografía da zona, imposible de amortecer. Non obstante o anterior, o feito da existencia de dous parques eólicos na zona fai que a valoración global do impacto da ampliación poida ser cualificada como moderada, estimándose unha incidencia turística asumible.
A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental.
A Confederación Hidrográfica do Norte emite informe favorable o estudio de impacto ambiental no relativo exclusivamente ó dominio público hidráulico e ás súas zonas de servidume e policía. Compróbase que no lugar de instalación dos aeroxeradores só discorren augas pluviais de forma ocasional, e que dado que se trata dunha divisoria de montañas non son presumibles afeccións importantes ó dominio público hidráulico. Nembargantes, compróbase que un dos camiños atravesaría o Rego da Touza, e que as canalizacións eléctricas cruzarían os cauces do regato do Rial e do río Rabal. Para a realización destas obras de cruzamento, así como para calquera posible vertedura de augas residuais, deberá obterse previamente a autorización administrativa deste organismo de conca.
ANEXO III
Resumo das alegacións
Alfredo Álvarez González e Fernando González Álvarez, propietarios de terreos na zona, alegan cuestións non ambientais sobre as parcelas da súa propiedade. No referente a cuestións ambientais, sinalan o impacto acústico producido pola instalación.
José Blanco Blanco, como secretario da CMVMC de Serro, alega impacto ambiental, naturalístico, radioeléctrico, turístico e paisaxístico do proxecto do parque eólico.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL