Resolución do 23 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico ampliación Pena da Cruz, nos concellos de Montederramo e Chandrexa de Queixa (Ourense), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (Expediente IN661A 01/11-3 A.T.).

Diario Oficial de Galicia, 03-02-2004, Núm. 22, Páx. 1518
Resolución do 23 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico ampliación Pena da Cruz, nos concellos de Montederramo e Chandrexa de Queixa (Ourense), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (Expediente IN661A 01/11-3 A.T.). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 10 de decembro de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental, do proxecto do parque eólico ampliación Pena da Cruz, nos concellos de Montederramo e Chandrexa de Queixa (Ourense), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2004. Ramón Ordás Badía Director xeral de Industria, Enerxía e Minas ANEXO Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora: - Proxecto de execución. Parque eólico ampliación Pena da Cruz, do 11-3-2002. - Estudio de impacto ambiental. Parque eólico ampliación Pena da Cruz. Tomo I. Memoria. Planos. Xaneiro 2002. - Estudio de impacto ambiental. Parque eólico ampliación Pena da Cruz. Tomo II. Anexos. Decembro 2001. - Estudio de visibilidade do parque eólico ampliación Pena da Cruz desde o mosteiro de Santa María de Montederramo. Xuño 2003. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. 1. Ámbito da declaración. A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado parque eólico ampliación Pena da Cruz, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 10,2 MW de potencia total nos concellos de Montederramo e Chandrexa de Queixa (Ourense), constituído por 12 aeroxeradores modelo Gamesa G-58 de 850 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM: Vértice X Vértice Y 630.000 4.685.750 629.246 4.685.750 627.495 4.684.004 628.806 4.683.352 629.502 4.683.352 A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle nos planos da planta xeral de instalacións. Nº plano P-04 e sistema colector. Nº plano P-20, do estudio de impacto ambiental. As coordenadas UTM dos 12 aeroxeradores previstos son as seguintes: Aeroxerador UTM X UTM Y 1 627.772,863 4.684.038,374 2 628.102,000 4.684.306,000 3 628.428,100 4.684.621,000 4 628.954,000 4.684.328,000 5 628.903,000 4.684.507,500 6 628.822,200 4.684.666,000 7 628.786,200 4.684.875,000 8 629.298,101 4.685.264,018 9 629.267,900 4.685.494,500 10 628.771,666 4.683.879,867 11 628.860,682 4.683.717,691 12 628.949,699 4.683.555,515 2. Protección da atmosfera. 2.1. Sobre a emisión de po. Os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po, deberán ir cubertos con lonas ou similar. 2.2. Sobre a contaminación acústica. Os niveis de presión sonora no parque e vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica. Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento do nivel de ruído proposto no EsA, tendo en conta que pode reducirse o número de puntos de control, mantendo só os identificados cos números 2, 3, 8, 9 e 10. 3. Protección das augas e leitos fluviais. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, nin interferindo na rede natural de drenaxe, co fin de evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos fluviais. A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos ou incorporación de sólidos ás augas. Á vista da información achegada no estudio ambiental, e tendo en conta o cumprimento das medidas protectoras e correctoras propostas nel e as establecidas nesta DIA, non se estima necesario levar a cabo o plan de seguimento da calidade das augas, non así o de control da rede de drenaxe e seguimento hidrolóxico, que se desenvolverá de acordo coa proposta incluída no anexo 5 do estudio ambiental. 4. Protección do solo. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustará ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. A circulación de vehículos e maquinaria de obra no parque restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto. Na realización de voaduras disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) que impidan a proxección de fragmentos de rocha ó contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en emprazamento autorizado. Non se poderán efectuar préstamos na zona, salvo xustificación previa. En todo caso, deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, tendo que restauralos ó finaliza-la obra. Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un emprazamento de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica, reflictindo a localización prevista no plano requirido no punto 10.1 desta DIA. A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. 5. Xestión de residuos. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da construcción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 6. Protección da fauna e vexetación. 6.1. Sobre a fauna. Nos pasos canadenses que se instalen para impedi-lo paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ó foxo, que poden consistir, sen detrimento doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou face-lo foxo cun ou os dous laterais abertos. Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola presencia dos aeroxeradores, tanto deste parque como os do seu contorno. Así mesmo, tendo en conta que na área ocupada polo parque poden existir zonas de cría de rapina cincenta (Circus pygargus) e gatafornela (Circus cyaneus), haberá que efectua-las prospeccións necesarias para localizalas e adopta-las medidas precisas para a súa preservación. Para tal fin, levarase a cabo un plan de seguimento de avifauna e unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna deste parque e os de Pena da Cruz e Serra do Burgo. Neste senso, o plan de seguimento de avifauna proposto no estudio ambiental debe ser revisado e completado, presentando a documentación requirida no punto 10.2 da DIA. Respecto ós morcegos, realizarase o seguimento de quirópteros proposto no estudio ambiental e unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento deste parque e os de Pena da Cruz e Serra do Burgo. 6.2. Sobre a vexetación. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo. 7. Protección do patrimonio cultural. Cara a evitar posibles afeccións, establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así mesmo, evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas. En relación co impacto sobre o xacigo Túmulo de Campo das Poulas, deberase sinalizar este elemento nos planos de obra. Tamén se deberá conserva-lo muro de pedra que pecha o predio onde se empraza o elemento. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito do parque eólico, polo que, previamente ó inicio das obras, se elaborará un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión. Durante as fases de replanteo e execución de obra revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras. De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. 8. Sobre a paisaxe. Se os afloramentos rochosos existentes na serra tivesen interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser preservados de calquera dano. 9. Restauración. Tódalas superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes das vías, foxos, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levarase a cabo o plan de revexetación incluído no estudio ambiental, tendo en conta que na restauración asociada á fase de obras a plataforma de montaxe dos aeroxeradores terá que ser restaurada en toda a súa extensión, podéndose deixar un camiño de acceso á porta do aeroxerador. Garantirase a efectividade da revexetación e o seu mantemento ó longo do tempo, levando a cabo un seguimento específico, a intensidade do cal se incrementará no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da revexetación. Os labores de restauración e revexetación asociados á fase de obras deberán realizarse paralelamente ó avance da obra, conforme as distintas superficies que hai que restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de acada-la integración paisaxística das zonas alteradas dende un principio. Ó finaliza-las obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada. Na fase de desmantelamento e abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo tódalas actuacións necesarias para recupera-la situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, incluíndo a revexetación de tódalas zonas afectadas pola desmontaxe, conforme o plan de restauración presentado. 10. Documentación adicional. Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición das medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, un (1) exemplar da seguinte documentación: 10.1. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a poligonal do parque e tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas. Diferenciaranse, en cores ou grafía distintiva, as vías preexistentes das de nova construcción e aquelas que hai que acondicionar, indicando na lenda a lonxitude de cada tipo e a das gabias do cableado. Reflectiranse tamén o punto/os de acceso ó parque, os elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela e a localización prevista da zona de instalacións de obra, parque de maquinaria e amoreamento de materiais. 10.2. Revisión do plan de seguimento de avifauna, recollendo metodoloxías específicas para os distintos grupos de aves susceptibles de ser afectadas polo parque (rapaces diúrnas e nocturnas, paseriformes e outras especies). Desenvolverase a parte do plan correspondente á fase de obras, prestando especial atención á localización e preservación de parellas nidificantes de Circus pygargus e C. cyaneus, conforme o sinalado no punto 6.1 da DIA. Na metodoloxía para a detección de colisións preverase a revisión do 75% dos aeroxeradores por visita, indicando o tempo de prospección por aeroxerador. Deta llarase a proposta de medidas protectoras e correctoras, tanto en obra como en funcionamento. Poden tomarse como referencia os plans presentados e os resultados obtidos no seguimento dos parques eólicos Pena da Cruz e Serra do Burgo, adaptándoos ás particularidades do presente parque. Incluirase tamén unha proposta metodolóxica para a detección e valoración de posibles impactos acumulativos e/ou sinérxicos que se poidan producir sobre a avifauna e quirópteros pola presencia dos parques eólicos Pena da Cruz, Serra do Burgo e o parque obxecto da presente DIA, con determinación de limiares e proposta de medidas correctoras específicas. 10.3. En relación co orzamento da fase de desmantelamento e abandono, presentarase o descomposto da desmontaxe dos aeroxeradores, especificando maquinaria, tempos e man de obra empregados. 10.4. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do punto 12.3 da DIA. 10.5. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras (referida á contrata ou contratas que vaian executa-lo parque), de acordo co Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia. 10.6. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico das obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto. Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o resultado da dita avaliación, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta dirección xeral sobre a totalidade da documentación requirida. Unha vez informado favorablemente por esta dirección xeral o cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicaralle ó órgano substantivo a data de inicio das obras e remitirá, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, no que figuren tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista. 11. Programa de vixilancia e seguimento ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuanti ficar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. No caso de que durante o seguimento ambiental se detectasen, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicaráselle inmediatamente ó órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle ó órgano substantivo, coa periodicidade indicada, a seguinte documentación: 11.1. Durante a execución das obras presentarase, con carácter trimestral, un informe de obras que como mínimo inclúa: a) Cronograma de obras actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ó total. No cronograma figurará a data de actualización. b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, con medicións en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento. As medicións serán efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral e os informes presentaranse asinados por técnico desa entidade. Os puntos de control serán os sinalados no punto 2.2 desta declaración. c) Resultados do plan de control da rede de drenaxe, seguimento de avifauna e, se é o caso, de quirópteros, conforme os puntos 3 e 6.1 da DIA. d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias ou imprevistos acontecidos, labores de restauración levadas a cabo, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. e) Informe de avance da obra, xunto coa reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a tódolos compoñentes do proxecto. Nas fotografías indicarase a data e hora e xuntarase un plano de localización. f) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución respecto ó total, referido a tódolos elementos que conforman o proxecto. 11.2. Ó final das obras, comunicarase a data de posta en marcha do parque e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo: a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final destas trala súa finalización, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal; descrición detallada do estado final da área afectada en relación a tódolos aspectos previstos no estudio ambiental e no condicionado da declaración. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, drenaxes e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións da obra, zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, xunto cun plano de localización. c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, en que se reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras. d) Documentación acreditativa de ter notificado, por parte da empresa explotadora do parque, a pequena producción de residuos perigosos para a fase de funcionamento, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia. 11.3. Informe ambiental semestral, que se presentará desde o inicio da fase de explotación, durante os dous primeiros anos desta. Incluirá, como mínimo, os seguintes contidos: a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición. b) Resultados do plan de control dos dispositivos de drenaxe e das condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co punto 3 da DIA. c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e quirópteros, conforme o punto 6.1. d) Informe dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos, conforme o que se derive da documentación requirida no punto 10.2 da DIA. e) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica detallada, no que se describan os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado, drenaxes e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verifica-la eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Describiranse as posibles incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora, xunto cun plano de localización. 11.4. Informe ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, con carácter xeral, os contidos do informe descrito no punto anterior. Non obstante o anterior, á vista dos resultados obtidos no seguimento ou a proposta motivada do promotor, poderase modifica-lo contido do dito informe ou a frecuencia dos controis que hai que realizar. 11.5. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación, xunto, se é o caso, cun informe indicando as posibles variacións respecto do previsto no plan de desmantelamento, xunto coa súa xustificación. 11.6. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, remitirase un informe acompañado de reportaxe fotográfica, que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. 12. Condicións adicionais. 12.1. O órgano substantivo comunicaralle a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor. 12.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Sen embargo, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración. Nesta circunstancia, o promotor realizaralle a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avalia ción, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto. 12.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control desta, notificándolle o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen llo comunicará ó órgano ambiental. 12.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e no caso de que poida producir efectos adversos significativos deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando asemade se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental. 12.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de douscentos sesenta e oito mil cincocentos corenta e dous euros con noventa e dous céntimos (268.542,92). O importe definitivo do aval, que será actualizable, poderá propoñerse cando se dispoña da documentación requirida no punto 10.3 da DIA. 12.6. Ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, o órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan na presente DIA. 12.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos. 12.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente. 12.9. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Gali cia, conforme o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia. Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2003. José Manuel Álvarez-Campana Gallo Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I Resumo do proxecto O proxecto denominado parque eólico ampliación Pena da Cruz, promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 12 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, nos concellos de Montederramo e Chandrexa de Queixa (Ourense). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración. As características básicas do proxecto presentado son as seguintes: Número de aeroxeradores: 12. Modelo: Gamesa G-58. Potencia unitaria por aeroxerador: 850 kW. Potencia total instalada: 10,2 MW. Altura das torres: 55 m. Diámetro do rotor: 58 m. Investimento previsto: 6.713.573 euros. A obra civil inclúe a execución duns 5.200 m de vías de acceso ós aeroxeradores, cunha largura de rodadura de 5 m e dotados de foxos e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Prevese a execución duns 4.340 m de gabias de conducción do cableado, cunha largura de 60-80 cm. Medidas preventivas e correctoras. Boas prácticas xerais de obra: na fase de construcción desenvolveranse unha serie de medidas preventivas para afecta-lo menos posible a calidade do aire, auga e solos: revisión da maquinaria, xestionando os residuos obtidos, limitación das operacións de carga e descarga de materiais, escavación e movementos de terra nos períodos en que a velocidade do vento sexa inferior a 10 km/h, rega das superficies, sen xeración de vertedura líquida, para minimiza-la dispersión de po e partículas, reducción de productos de combustión mediante mantemento técnico da maquinaria. Plan de xestión de verteduras e residuos: tódolos residuos xerados durante as obras ou na fase de mantemento serán xestionados e almacenados axeitadamente. Xestión de aceites usados. Solos, augas e leitos fluviais. - Evitar sempre a afección directa a leitos, prestando especial atención ás obras que se desenvolvan cerca destes. - Xestionar adecuadamente os residuos sólidos e perigosos e as augas residuais. - Preservación da vexetación de ribeira. - Non se acumulará terra nin refugallos de obra nin calquera outro tipo de materiais nas zonas de servidume dos cursos fluviais para evita-la súa incorporación ás augas no caso de escorregas, chuvias ou crecidas do caudal. - Evitarase a fabricación de formigón na propia obra, co obxecto de diminuí-lo risco de contaminación das augas. Así mesmo, evitaranse verteduras derivadas da súa utilización. - Non se estraerá auga dos regatos para as obras ou abastecemento. - Calquera alteración ou afección nas zonas de servidume dos cursos de auga precisará da autorización da Confederación Hidrográfica do Norte. - Xestión de sobrantes de terras. - Minimizarase o movemento de terras. - Achega gradual da auga das drenaxes á rede hídrica, empregando trampas de sedimentos que se limparán con asiduidade, sobre todo na fase de obras. - En noiros con pendente acusada, empregaranse mallas antiescorrega. - As tarefas de mantemento da maquinaria móbil durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria, seleccionaranse zonas para a realización destas tarefas, afastadas do cursos de auga e protexendo o solo con materiais impermeables. - As augas residuais xeradas no edificio de control levaranse a unha fosa séptica. Outras medidas. - Deseño da intervención sobre a vexetación para a apertura de accesos e vías. Criterios de manexo da vexetación. - Asistencia técnica ambiental e arqueolóxica na fase de replanteo. - Restauración das superficies afectadas. - Medidas de deseño para evita-la colisión de avifauna e morcegos. Seguimento de colisións. - Reposición e/ou indemnización de danos. - Calendario de actuacións acorde coas medidas correctoras. - Balizamento previo dos elementos que hai que protexer. - Posta a terra. - Programa de vixilancia ambiental (ruídos, aves, revexetación...). ANEXO II Resumo dos informes A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental e ás medidas correctoras da súa memoria da avaliación do impacto arqueolóxico, cos seguintes condicionantes que se incluirán na declaración ambiental: 1. Cara a evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas. 2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e logo do inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano en que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión. 3. Durante as fases de replanteo e de execución de obra revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras. 4. De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. 5. En relación co impacto sobre o xacigo Túmulo de Campo das Poulas, deberase levar a cabo a seguinte medida correctora: - Deberase sinaliza-lo elemento nos planos de obra. Deberase conserva-lo muro de pedra que pecha o predio onde se empraza o elemento. 6. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite informe cun epígrafe introductorio en que describe o parque previsto e indica que constitúe unha ampliación do parque eólico Pena da Cruz, actualmente en funcionamento, existindo polo tanto unha continuidade, que aumenta considerablemente se temos en conta que na zona existe outro parque eólico contiguo ó de Pena da Cruz e en funcionamento, o de Serra do Burgo. Os aeroxeradores romperán de maneira significativa a paisaxe natural da zona, téndose que considera-la presencia de máis parques desde o punto de vista paisaxístico. Estiman de interese que antes de proceder á ampliación e co fin de aproveitar experiencias anteriores, sería apropiado comproba-los resultados dos respectivos plans de vixilancia ambiental e das medidas correctoras levadas a cabo nos dous parques que existen en funcionamento na zona, sobre todo no referido a aves e quirópteros. En definitiva, valorarase a factibilidade da integración paisaxística da ampliación e a integración desta co parque primixenio e o contiguo. Indican que a zona do proxecto non ten ningunha figura de protección das establecidas na Lei 9/2001, de conservación da natureza de Galicia, nin tampouco está dentro dunha zona proposta para Rede Natura 2000. En relación co presente parque e á vista da documentación, efectúan as seguintes consideracións: 1. Cancelas canadenses; implementaranse medidas de escape para os pequenos vertebrados que poidan caer ó foxo das cancelas. 2. Algunhas das aves rapaces, como a rapina cincenta (Circus pygargus) ou a gatafornela (Circus cyaneus) poden ter zonas de cría no interior da área de afección do proxecto, polo que habería que localizalas e adopta-las medidas precisas para a súa preservación. 3. Non se abrirán canteiras de préstamos na zona. As vías adecuaranse á topografía da zona. O modelado dos noiros evitará formas demasiado artificiais. Adoptaranse as medidas necesarias para evitar desprendimentos, sobre todo nas zonas de pendente. Os noiros, desmontes, vías e foxos estarán protexidos contra a erosión. Controlarase a erosión na rede de drenaxe do parque, instalando sistemas de disipación de enerxía e barreiras de sedimentos. A deterioración de infraestructuras como consecuencia da execución e explotación do proxecto deberá ser restaurado. 4. As gabias do cableado irán baixo as pistas de nova execución ou paralelas a estas. No caso de transcorrer paralelamente a pistas existentes ou que se van acondicionar, achegaranse o máximo posible a estas. En todo caso, as gabias do cableado non levarán como recheo materiais que xeren efecto presa. 5. Sería moito máis adecuado o emprego de aeroxeradores de maior potencia unitaria, co que se reduciría o número de aeroxeradores que instalarán e por conseguinte a afección ó medio. 6. En zonas puntuais atópanse rochedos constituídos por bolos graníticos, que son elementos singulares e característicos da paisaxe do lugar, polo que instamos a que se respecte a súa integridade e localización. A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada. A Dirección Xeral de Turismo emite informe de incidencia turística que inclúe os seguintes puntos: características do proxecto e localización, idoneidade turística de instalación do parque, avaliación do impacto turístico-ambiental, principios normativos en que se basea o informe e conclusións, indicando que o impacto visual na paisaxe sería significativo, e dada a orografía da zona, imposible de amortecer. Non obstante o anterior, o feito da existencia doutros parques eólicos na zona fixo que perdera en parte os valores turísticos e que, debido ó peso que ten a paisaxe natural nos valores turísticos, considérase que a avaliación da repercusión do proxecto débese facer desde un punto de vista ambiental. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental. A Confederación Hidrográfica do Norte informa favorablemente o estudio de impacto ambiental no relativo exclusivamente ó dominio público hidráulico e ás súas zonas de servidume e policía. Compróbase que no lugar de construcción do parque só discorren augas pluviais de forma ocasional, e que dado que se trata dunha divisoria de montañas non son presumibles afeccións importantes ó dominio público hidráulico. De existir algún cruzamento de liñas sobre o dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e policía, ou verteduras de augas residuais, deberá obterse previamente autorización administrativa do organismo de bacía.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
RES23012004.pdf Galego
res23012004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles