Diario Oficial de Galicia, 26-04-2006, Núm. 80, Páx. 6652
Resolución do 21 de marzo de 2006, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental relativa ao proxecto modificado da L.A.T. 132 kV sub. parque eólico de Larouco-apoio 46 da L.A.T. Xinzo-Verín, nos concellos de Xinzo de Limia e Cualedro (Ourense), promovido por Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, e non poderá comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese en exclusiva á instalación dunha liña eléctrica aérea de alta tensión a 132 kV, en simple circuíto, con partida proxectada na subestación transformadora do parque eólico de Larouco e remate no apoio nº 46 da liña a 132 kV Xinzo-Verín, de 6.689 m de lonxitude, cun condutor por fase e cable de terra e fibra óptica OPGW, sobre apoios metálicos de celosía.
A traza discorrerá polos concellos de Cualedro e Xinzo de Limia (Ourense), de acordo co reflectido nos planos Situación do proxecto. Planta detalle. Plano nº 2 do estudo de impacto ambiental, coas modificacións que figuran nos planos Perfil, planta e cruzamentos. Follas 01, 04 e 05 do documento Anexo de modificación ao proxecto, de maio de 2005, agás para o que puidese derivar do punto 3.1.1 desta DIA.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como os cruzamentos, captacións e/ou verteduras, precisarán da autorización do órgano de bacía competente, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se poidan atopar na área de influencia das obras.
3. Extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de potencial afección á rede hidrolóxica (contorno dos apoios 20 e 23) adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para que non se altere a súa capacidade hidráulica nin a calidade das augas. Así mesmo, levarase a cabo o control de visu indicado no estudo ambiental.
4. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais, nin en zonas de forte pendente próximas a estes, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias, cheas ou escorrega superficial.
5. O formigón para as cimentacións dos apoios será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra e que conten coas debidas autorizacións.
6. Calquera operación de formigonado próxima aos leitos dos ríos deberase realizar en condicións que eviten a derrama de formigón. Así mesmo, non está permitido o lavado de maquinaria e ferramentas nos cursos de auga.
2.2. Protección do solo.
1. A circulación de maquinaria restrinxirase aos accesos previstos e, de ser o caso, á rúa de seguridade da liña.
2. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
3. Nos terreos de forte pendente utilizaranse apoios con patas desiguais co fin de minimizar o terreo afectado polas escavacións e empregaranse mallas antiescorrega que impidan a caída de materiais ladeira abaixo.
4. No caso de deterioración de estradas, camiños, sendeiros ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de instalación da liña, deberán restituírse ao estado previo ao inicio das obras.
5. A realización do proxecto deberá respectar a Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, no que se refire ao uso e defensa destas (realización de cruzamentos, distancias dos apoios ás arestas de explanación...).
2.3. Xestión de residuos.
1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento da liña eléctrica deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
2. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramas accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas poderán realizarse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.
3. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.
2.4. Protección da fauna e vexetación.
2.4.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación na rúa de seguridade, así como as tarefas de mantemento periódico, escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións (que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental) implementando, en todo caso, as medidas necesarias para non alterar a fauna.
2.4.2. Sobre a vexetación.
1. Con carácter xeral, respectarase ao máximo posible a vexetación arbórea existente na área de implantación da liña, en especial as formacións de frondosas autóctonas e a vexetación de ribeira.
En calquera caso, para a corta do arboredo previamente terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. Así mesmo, para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira observarase o disposto na lexislación vixente de aplicación.
2. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar aparición de enfermidades ou pragas.
2.5. Sobre a integración paisaxística.
1. Os afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico existentes na zona deberán ser preservados, sen que se vexan afectados polas obras, tanto as de execución de accesos -se é o casocomo as de instalación dos apoios.
2. Todas as superficies alteradas ou deterioradas pola execución das obras (instalación dos apoios, execución de novos accesos...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal.
Para tal fin, levaranse a cabo os traballos de restauración e revexetación propostos no estudo ambiental, tendo que garantirse o mantemento da revexetación ao longo do tempo, para o que se efectuará un seguimento da súa efectividade e se adoptarán as medidas correctoras oportunas no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da revexetación.
2.6. Sobre o Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da devandita entidade.
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural.
1. En relación coa modificación da traza entre os apoios 20 e 24, previamente á súa execución será preciso o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o documento Anexo de modificación. Estudo de avaliación de impacto arqueolóxico da L.E. a 132 kV (SC) St. Larouco-Ap. 46 L/St. Xinzo-St. Verín, Ourense.
2. Levaranse a cabo as medidas correctoras propostas no documento Estudo de avaliación de impacto arqueolóxico da L.E. a 132 kV (SC) St. Larouco-Ap. 46 L/St. Xinzo-St. Verín (Ourense). Memoria, aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes:
- De cara a evitar posibles afeccións establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico de 200 m de raio, medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
- Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do proxecto. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso dela, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O devandito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
- En relación co impacto sobre o xacigo Cortiñas da Neve/Casa dos Mouros (GA32028018) establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno deste ben do patrimonio arqueolóxico de 120 m de raio, medidos desde o límite exterior do ben. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
- Os accesos de nova creación á traza terán que contar cunha prospección arqueolóxica que se realizará no marco do proxecto de control e seguimento arqueolóxico.
- Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
- Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.
3.2. Fase previa ao inicio das obras.
O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 9.056,32 euros, correspondente ao orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociados á fase de obras, segundo o plan de restauración presentado. Para a fase de desmantelamento e abandono da liña proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo iso no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996.
3.3. Fases de replanteo e obra.
1. Na planificación e execución dos accesos aos apoios terase en conta a información contida no estudo ambiental, así como os criterios que se sinalan a continuación, ademais do restante condicionado establecido nesta DIA:
- Tal e como se sinala no estudo ambiental, na planificación de accesos primará sempre o máximo aproveitamento da rede de pistas e camiños existentes, así como o emprego da propia rúa de seguridade, co fin de minimizar a construción de novos accesos.
- De ter que realizar algún novo acceso, procurarase que sexa por rodadura, empregando métodos de roza que permitan unha rápida rexeneración da cuberta vexetal orixinaria e implementando as medidas necesarias para evitar a formación de rodeiras e asolagamentos.
- No caso de que sexa preciso facer algún acceso por explanación, evitarase a afección directa ou indirecta a calquera ecosistema de interese, basicamente as formacións arbóreas autóctonas.
- O trazado axustarase o máximo posible á topografía do terreo, para minimizar os movementos de terras. O modelado dos noiros resultantes (se é o caso) evitará formas demasiado artificiais, procedendo á súa revexetación o máis pronto posible. Cando sexa necesario irán dotados de foxos e, de ser o caso, de drenaxes transversais, para evitar fenómenos erosivos e asolagamentos. Adoptaranse as medidas precisas para evitar desprendementos e arrastres de materiais en zonas de forte pendente.
- Independentemente do tipo de acceso, previamente á súa execución delimitarase fisicamente o trazado para evitar sobredimensionamentos e tránsito incontrolado de maquinaria fóra da zona.
- No caso concreto do acceso ao apoio 21 (que se atopa nunha zona con presenza de bidueiros), cumprirase co conxunto de medidas propostas no estudo de impacto ambiental (execución por rodadura, trazado sinuoso respectando os exemplares arbóreos...). Así mesmo, na montaxe do dito apoio prescindirase do guindastre habitual, facéndoo por tramos mediante un guindastre pluma sobre carroceta, para minimizar a corta de arboredo.
- Aqueles accesos que non vaian ser empregados durante a fase de funcionamento da liña deberanse reintegrar na paisaxe, revexetándoos en toda a súa extensión.
- Elaborarase un estudo de accesos (con información sobre as características e lonxitude de cada un deles, maquinaria que se vai empregar na execución e descrición, valoración e cuantificación do medio natural afectado) que se remitirá á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe. Para as cuestións de índole arqueolóxica observarase o sinalado no punto 3.1 da DIA.
2. En relación coa apertura e mantemento da rúa de seguridade baixo a liña, teranse en conta as seguintes consideracións:
- A rúa de seguridade deberá estar limpa en todo momento de vexetación incompatible coa liña. As dimensións mínimas da rúa determinaranse en función da lexislación sectorial aplicable; non obstante, e dependendo da topografía do terreo, dos ventos e do tipo de vexetación existente, o largo determinarase de xeito que se minimize o risco de lumes nestas zonas e, de producirse estes, se impida a súa propagación e se faciliten as tarefas de extinción.
- Neste sentido, recoméndase realizar unha selvicultura preventiva, preferentemente a realización de devasas nas zonas limítrofes á rúa, polo que o promotor ou propietario da liña deberá establecer as servidumes de suficiente amplitude para poder realizar sen contratempos os devanditos labores. No desenvolvemento destes labores primarán os criterios técnicos e o respecto á bioloxía das especies implicadas.
- Como excepción ao exposto nos parágrafos anteriores, deberase respectar ou, de ser o caso, reducir a afección ao mínimo imprescindible, a vexetación de ribeira e outras árbores e mouteiras singulares, así como as especies autóctonas, singulares e/ou protexidas.
- De todos os xeitos, as accións baixo a liña consensuaranse coas subdireccións xerais de Defensa Contra os Incendios Forestais e de Espazos Naturais e Biodiversidade.
3. Na eliminación de vexetación para a execución de accesos, montaxe dos apoios e apertura da rúa de seguridade non se poderán afectar formacións distintas das previstas no estudo ambiental sen antes facer a correspondente consulta. No caso de que sexa preciso afectar significativamente máis vexetación da prevista (superar nun 30% o número de exemplares a afectar segundo o estudo ambiental) deberase comunicar ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza e obter a súa conformidade antes de executar as obras.
4. De acordo co sinalado no estudo ambiental, co fin de evitar molestias á avifauna de interese asociada aos rochedos existentes no contorno dos apoios 8 e 9 (merlo rubio Monticola saxatilis e bufo real Bubo bubo), nestas zonas evitarase a execución de obras entre o 1 de abril e o 20 de xullo. O persoal de obra deberá estar informado da devandita limitación, indicándoselle, así mesmo, que se restrinxirá a circulación de maquinaria nas inmediacións destes rochedos.
5. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Informe onde se detallen os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental, así como de todos aqueles controis que deriven do cumprimento do condicionado desta declaración.
c) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Xuntaráselle reportaxe fotográfica (con indicación de data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade respecto ao total.
3.4. Ao final da fase de obras.
1. En relación coa protección da avifauna fronte ás colisións, comprobarase a correcta colocación dos dispositivos salvapaxaros propostos no estudo ambiental entre os apoios 20 e 23, entre o inicio da liña e o vértice V-6 e nos puntos de cruzamento con outras liñas eléctricas (entre os apoios 12 e 13, 14 e 15, 19 e no entroncamento coa L.A.T. Xinzo-Verín).
2. Co obxecto de efectuar o seguimento e a vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.6 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses, contados desde o remate dos traballos, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras co seguinte contido mínimo:
a) Definición dos imprevistos e continxencias acontecido durante a realización das obras, en relación a todos os aspectos previstos no estudo ambiental e nesta DIA, e descrición detallada do estado final da área afectada.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os apoios, estado da rúa de seguridade, limpeza da área, zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, tramos con salvapaxaros, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflictan todas as accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se adoptaron medidas protectoras e/ou correctoras.
3.5. Fase de funcionamento.
1. Respecto á avifauna, levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental e a valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna da liña obxecto desta DIA e o parque eólico ao que lle dará servizo, co fin de detectar a aparición ou non de efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) debidos á presenza das citadas instalacións. No caso de producirse este tipo de efectos, adoptaranse as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas, entre elas as sinaladas no estudo ambiental.
Ademais do anterior, procederase á revisión periódica do estado dos dispositivos anticolisión instalados, tendo que garantir a súa operatividade durante a vida útil da liña, polo que deberán ser substituídos cando perdan a súa funcionalidade.
2. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor remitirá ao órgano substantivo un informe de seguimento ambiental con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de explotación da liña e anual os seguintes. O devandito informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido:
a) Resultados do plan de seguimento de avifauna e informe de seguimento dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos), conforme o sinalado no punto 1 deste número da DIA.
b) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados das actuacións de restauración efectuadas, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado da rúa de seguridade, labores de mantemento realizados, etcétera. Detallaranse os controis ambientais efectuados para verificar a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e no condicionado da declaración. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase modificar o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se van realizar en anos posteriores.
3.6. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da liña, o promotor remitirá ao órgano substantivo un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación, acompañado, se é o caso, dun informe no que se recollan as posibles variacións respecto do previsto no plan de desmantelamento presentado, xunto coa súa xustificación.
3.7. Fase de abandono.
Ao longo da fase de desmantelamento e abandono da liña, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo todas as actuacións necesarias para recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, conforme o plan de restauración presentado. Preverase, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada de apoios e condutores, demolición de peañas en superficie, restauración dos accesos creados para uso exclusivo da liña, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe.
3.8. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e a vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono da liña, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntaráselle unha reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2006.
Anxo. R. Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
ANEXO I - Resumo do proxecto
A liña eléctrica prevista, de 132 kV e simple circuíto, conectará a subestación do parque eólico de Larouco co apoio nº 46 da liña a 132 kV Xinzo-Verín, permitindo así a evacuación da enerxía xerada na segunda fase do devandito parque, ao mesmo tempo que contribúe á mellora do servizo eléctrico nas zonas de Xinzo de Limia e Verín.
O proxecto inicial prevía un tendido cunha lonxitude total de 6.439 m cuxos primeiros 38 m (entre o apoio 1 e a subestación do parque eólico Larouco) ían soterrados en gabia. O resto da traza, 1.401 m en aéreo, sustentábase sobre un total de 26 apoios metálicos de celosía.
No proxecto modificado o tramo soterrado pasará a ser aéreo e terá unha lonxitude de 34 m e o tramo entre os apoios 20 e 24 desviarase lixeiramente para deixar espazo para a construción dunha explotación porcina, sendo a lonxitude deste tramo de 1.325 m. Na configuración final a liña terá unha lonxitude de 6.689 m en aéreo, sobre os mesmos 26 apoios. Disporá de cadeas de illadores de vidro con 10 pratos, cable de terra e fibra óptica OPGW e os condutores serán do tipo LA-180, con disposición en triángulo. A traza discorrerá polos concellos de Cualedro (maiormente) e Xinzo de Limia, na provincia de Ourense.
Segundo o estudo ambiental, a vexetación na área de influencia da L.A.T. está composta maiormente por matogueira de toxo, breixo e xesta, así como por terreos de cultivo e prados naturais. Entre a vexetación arbórea atópanse pequenas monteiras de frondosas autóctonas (principalmente rebolos, aínda que tamén aparecen carballos e castiñeiros), plantacións de piñeiros e pequenas monteiras de bidueiros. Asociada ás marxes dos regatos do Muíño e do afluente do regato Augatallada atópase vexetación de ribeira, con presenza de bidueiros, salgueiros, carballos, rebolos e algunha outra especie acompañante.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
Na epígrafe de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes:
A. Sobre o ambiente atmosférico.
Contra o ruído:
- Posta a punto dos motores da maquinaria co fin de reducir os ruídos xerados polo seu tránsito.
- Limitarase a velocidade dos camións, evitando as aceleracións e freadas fortes.
- Toda a maquinaria utilizada estará homologada e cumprirá coa normativa existente sobre emisión de ruídos. As emisións sonoras deberán axustarse ao establecido no Real decreto 245/1989, do 27 de febreiro, sobre determinación e limitación da potencia acústica admisible de determinado material e maquinaria de obra.
- A realización das obras deberá levarse a cabo estritamente en período diúrno (7.00 am-22.00 pm).
- No caso de superar significativamente os 60 dB (B) nas vivendas máis próximas, adoptaranse medidas adicionais de corrección, como a instalación temporal de pantallas acústicas portátiles, nos lugares precisos.
- En todo caso, observarase o establecido na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica de Galicia, segundo as limitacións que nela se indican respecto ao confort sonoro.
Contra a emisión de po:
- Procederase á rega das superficies de actuación para evitar a produción de po, especialmente nos períodos máis secos.
- Nos períodos de vento con dirección ás vivendas máis próximas, adoptaranse as medidas necesarias de xeito que os niveis de partículas sedimentables non superen os límites establecidos polo Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, do 22 de decembro, de protección do ambiente atmosférico.
- Os amoreamentos de terra deberán humedecerse coa periodicidade suficiente, en función da humidade atmosférica, temperatura e velocidade do vento, de xeito que non se produza o arrastre de partículas. En todo caso, se isto non fose suficiente, cubriranse os amoreamentos mediante mallas ou lonas que eviten a emisión de po.
- Cubriranse con lonas as caixas dos camións que transporten materiais procedentes da escavación.
B. Sobre o medio edáfico (solo).
- Antes do inicio das obras, definirase exactamente a localización de depósitos para as terras e lugares de amoreamento, para as instalacións auxiliares e o parque de maquinaria: zonas de mínima pendente, protexidas de riscos de esvaramento, de asolagamento e de arrastres por efecto da choiva, e protexidas de zonas de paso de maquinaria.
- A capa edáfica ou superficial do solo separada durante as escavacións utilizarase posteriormente na recuperación das superficies alteradas; para iso separarase e amorearse nos lugares indicados, en moreas de altura non superior a 1,5 m e coa mínima duración de almacenamento posible para evitar a degradación do recurso.
- En ningún caso esta terra vexetal se poderá mesturar cos estériles procedentes da escavación ou con calquera outro tipo de residuo ou entullos, garantindo, así mesmo, que non se deteriore por erosión hídrica ou compactación polo paso da maquinaria.
- Os materiais sobrantes das escavacións, excedentes de terra e outros residuos, serán xestionados conforme a súa natureza. Segundo a normativa vixente serán entregados a xestor autorizado.
- As tarefas de mantemento de equipamento e maquinaria móbil realizaranse fóra da zona de obras, en instalacións axeitadas para tal fin.
- Levarase a cabo a correcta xestión dos aceites dos equipamento e maquinaria ao longo da fase de obras. Estes serán recollidos en contedores axeitados e entregaranse a un xestor autorizado.
- Realizarase un control topográfico preciso dos límites de escavación e de depósito, axustándose aos sinalados no proxecto.
- Realizarase unha delimitación exacta das zonas de obra, quedando prohibido invadir terreos fóra dos delimitados segundo proxecto.
- Cumprirase coas indicacións do proxecto de restauración.
- No referente aos accesos de nova apertura, definiranse con precisión na fase de replanteo e montaxe de apoios por medio de estacas, sempre empregando camiños e pistas existentes. Procurarase que a creación destes accesos se efectúe por rodadura, recorrendo a accesos por explanación só nos lugares onde a morfoloxía do terreo así o exixa (forte pendente, existencia de desniveis no terreo...).
- De xeito concreto, no caso do acceso ao apoio 21 (que se atopa nunha zona de bidueirais), proponse que sexa por rodadura e, na medida do posible, serpenteante, sorteando os exemplares arbóreos existentes. Ademais, como medida excepcional, na montaxe utilizarase unha pluma sobre carroceta, prescindindo do guindastre e efectuando a montaxe do apoio por tramos. Así non será necesario cortar máis árbores para deixar o espazo habitual para a montaxe dun apoio.
C. Medidas contra a erosión.
- Evitarase, na medida do posible, que as obras coincidan cos períodos de elevada pluviosidade.
- Levarase a cabo o acondicionamento e revexetación das áreas afectadas, desenvolvento o proxecto de restauración redactado para o efecto (anexo 7 do estudo).
- En caso necesario, utilizaranse medios físicos (mallas antierosión) para evitar calquera proceso deste tipo.
- Vixiarase a evolución da restauración efectuada na fase de construción.
D. Sobre as augas.
- Utilizarase exclusivamente o trazado das vías (estradas, pistas e rodeiras) existentes.
- Os accesos de nova creación realizaranse conforme o proposto nas medidas correctoras sobre o solo.
- Non se permitirá que as formigoneiras descarguen o sobrante de formigón nin limpen o contido da cubas nas zonas de obras non autorizadas.
- Evitaranse os períodos máis chuviosos, co fin de minimizar o risco de achega de partículas ao medio fluvial, concretamente nos lugares de cabeceira dos regatos próximos aos apoios 20 e 23.
- Levarase a cabo un control de visu da cabeceira do rego afluente do regato de Augatallada, situado nas proximidades do apoio 20, e da cabeceira do regato do Muíño, próximo ao apoio 23, co fin de vixiar que non se produzan achegas de partículas como consecuencia das obras de instalación deste.
E. Sobre a vexetación.
- Só se eliminará a vexetación que sexa imprescindible mediante técnicas de roza axeitadas que favorezan a revexetación por especies autóctonas nas diferentes zonas afectadas polas obras.
- Aqueles exemplares arbóreos que sexa necesario eliminar deberán ser marcados antes do inicio das obras polos responsables do plan de vixiancia; non se poderán afectar outros que non fosen marcados. En todo caso, intentarase retirar estes exemplares de xeito que poidan ser implantados novamente noutras zonas anexas.
- As rozas, cortas e rareos de superficies con vexetación non se poderán levar a cabo mediante incendios controlados, independentemente da localización e calidade ecolóxica da vexetación presente.
- O tránsito da maquinaria realizarase exclusivamente polas áreas marcadas para o efecto.
- Unha vez finalizadas as obras e no posible coincidindo con elas, procederase á revexetación das superficies afectadas mediante a descompactación, remodelado e reposición da capa de solo previamente reservada e posterior plantación de especies propias da zona, tal e como se recolle no Plan de restauración elaborado para o efecto (anexo 7 do estudo ambiental).
- Como proposta específica para minimizar a afección á vexetación arbórea presente entre os apoios 20 e 22, teranse en conta as indicacións efectuadas na epígrafe de medidas para a protección do solo, de xeito que se eviten ao máximo os danos sobre a zona de bidueiros na contorna do apoio 21.
- Comprobarase a eficacia, viabilidade e adecuación das sementeiras.
- O mantemento da vexetación (podas selectivas) deberá realizarse por medios manuais; quedará prohibido tanto o uso de maquinaria pesada como de herbicidas. Para a realización destas podas seguiranse prácticas silvícolas adecuadas.
F. Sobre a fauna.
Fase de construción:
- Evitaranse, na medida do posible, ruídos intensos e vibracións na época de cría das especies nidificantes na zona.
- Levaranse a cabo as medidas de recuperación da cuberta vexetal co fin de que as especies recolonicen a zona o máis pronto posible.
- Verificarase que a liña cumpre as disposicións do Decreto 275/2001, do 4 de outubro, polo que se establecen determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento ás que se deberán someter as instalacións eléctricas de distribución.
- Proponse a colocación de dispositivos anticolisión entre o inicio da liña e o vértice V6, entre os apoios 20 e 23 (por constituír unha zona sensible pola proximidade de frondosas) e nas zonas de cruzamento con outras liñas eléctricas (entre os apoios 12 e 13, 14 e 15, 19 e no entroncamento coa liña Xinzo-Verín).
Fase de funcionamento:
- Levarase a cabo dun xeito preciso o plan de vixilancia de avifauna proposto no estudo ambiental. En función dos seus resultados poderíase aumentar o balizamento con salvapaxaros no caso de detectarse colisións ou outro tipo de medidas no caso de producirse electrocucións.
G. Sobre a paisaxe.
- As instalacións provisionais de obra situaranse en zonas pouco visibles e a súa cor será pouco rechamante, utilizando os terreos de menor valor ecolóxico.
- Cumprirase especialmente coas medidas relativas á restauración e á xestión de residuos.
- Evitarase a dispersión de residuos polo lugar e o os arredores, principalmente envases de plástico.
- O acabamento dos apoios é mate, o que permite unha maior integración cromática.
H. Sobre o patrimonio arqueolóxico.
- Levaranse a cabo as medidas preventivas e correctoras sinaladas no estudo de impacto arqueolóxico (anexo 6 do estudo ambiental).
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL