Resolución do 20 de novembro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico de Buio, nos concellos de Xove, Cervo, O Valadouro e Viveiro (Lugo), promovido pola empresa Eurovento, S.L. Unipersonal.

Diario Oficial de Galicia, 02-01-2004, Núm. 1, Páx. 56
Resolución do 20 de novembro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico de Buio, nos concellos de Xove, Cervo, O Valadouro e Viveiro (Lugo), promovido pola empresa Eurovento, S.L. Unipersonal. En cumprimento do disposto no artígo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 20 de outubro de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico de Buio, nos concellos de Xove, Cervo, O Valadouro e Viveiro (Lugo), promovido pola empresa Eurovento, S.L. Unipersonal, que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2003. Ramón Ordás Badía Director xeral de Industria, Enerxía e Minas Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora: - Parque eólico de Buio. Proxecto. Marzo de 2001. - Parque eólico de Buio. Estudio de impacto ambiental. Marzo 2001. - Información complementaria sobre a instalación de parques eólicos na serra de Buio promovidos por Eurovento, S.L. Estudio valorativo dos posibles impactos ambientais acumulativos ou sinérxicos. Decembro 2001. - Estudio de impacto ambiental. Parque eólico de Buio. Información complementaria. Xuño de 2002. - LIC serra do Xistral e parques eólicos de Buio e Rioboo. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sen prexuízo do disposto no artigo 6.4º do Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. 1. Ámbito da declaración. A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado parque eólico de Buio, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 48,1 MW de potencia total nos concellos de Xove, Cervo, O Valadouro e Viveiro (Lugo), constituído por 37 aeroxeradores modelo Bazán-Bonus de 1.300 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM: Vértice X              Vértice Y 619.500               4.825.000 627.000               4.825.000 627.000               4.828.800 619.500               4.827.100 622.000               4.827.100 622.000               4.828.800 Tendo en conta os condicionados establecidos no punto 6.3 da DIA en relación ós aeroxeradores 15, 16 e 32 ó 37 e as súas infraestructuras asociadas, a disposición destas infraestructuras e instalacións establecerase, se é o caso, unha vez sexa recibida, avaliada e informada favorablemente a documentación requirida no punto 10.1 da DIA. A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle no plan distribución xeral. Accesos y gabias. Código GAL BUI OG-01 V-01. Plan 03 do estudio de impacto ambiental, agás para o que se derive do parágrafo anterior. As coordenadas UTM dos 29 aeroxeradores con posicións definidas son as seguintes: Aeroxerador          UTM X         UTM Y 1                       626.316      4.827.290 2                       626.439      4.827.205 3                       626.562      4.827.119 4                       624.590      4.827.726 5                       624.691      4.827.616 6                       624.803      4.827.508 7                       624.920      4.827.433 8                       625.063      4.827.374 9                       625.201      4.827.314 10                     623.533      4.827.567 11                     622.606      4.827.434 12                     622.914      4.827.513 13                     623.958      4.827.370 14                     623.001      4.827.226 17                     623.274      4.826.889 18                     623.400      4.826.806 19                     623.525      4.826.724 20                     623.657      4.826.637 21                     624.838      4.826.556 22                     624.033      4.826.511 23                     624.228      4.826.466 24                     624.384      4.826.378 25                     622.685      4.826.181 26                     622.745      4.826.043 27                     622.805      4.825.905 28                     622.927      4.825.815 29                     623.068      4.825.737 30                     623.270      4.825.699 31                     623.438      4.825.610 Liña de evacuación de enerxía. A liña de evacuación de enerxía do parque, que é obxecto de proxecto independente, está sometida actualmente a trámite de avaliación de impacto ambiental, de acordo coa información que consta nesta dirección xeral. 2. Protección da atmosfera. 2.1. Sobre a emisión de po. Os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po, deberán ir cubertos con lonas ou similar. 2.2. Sobre a contaminación acústica. Os niveis de presión sonora no parque e vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica. Para tal fin, levarase a cabo un seguimento do nivel de ruído durante as fases de construcción e funcionamento do parque, debendo presentarse un novo plan de control do nivel de ruído, de acordo co requirido no punto 10.3 da DIA. 3. Protección das augas e leitos fluviais. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamento de vías, gabias de cableado...) así como calquera captación e/ou verteduras, precisará da autorización de Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. Estas actuacións deberán axustarse ás directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa. As obras non poderán afectar á calidade e volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público dos núcleos e das zonas de afección das construccións, tendo prioridade este servicio fronte a calquera outro. As drenaxes das vías distribuiranse de xeito que non se modifique o actual réxime hídrico da zona, nin as súas condicións de hidromorfía. Para tal fin, deberase presentar un estudio da localización dos dispositivos de drenaxe necesarios (tanto transversais como lonxitudinais), que incluirá un plan de control do seu funcionamento, de comprobación do mantemento do réxime hídrico preexistente e verificación das condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, de acordo co requirido no punto 10.4 desta DIA. A achega das augas das drenaxes á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar erosión, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ós cursos naturais. Extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica, tanto directas como indirectas, adoptando tódalas medidas protectoras e correctoras necesarias e contando durante a súa realización coa supervisión do técnico de seguimento ambiental do proxecto. Non se acumularán terras, entullo, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga ou en áreas hidromorfas, nin interferindo na rede natural de drenaxe, co fin de evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos fluviais. A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais ladeira abaixo. Non estando previsto no estudio ambiental a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións. Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como ó final destas e ata que se constate a ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control de calidade das augas proposto no estudio ambiental. 4. Protección do solo. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustarán ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. A circulación de vehículos e maquinaria de obra no parque restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas ó efecto. As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas na documentación ambiental ou, se é o caso caso, aquelas que se deriven da documentación requirida no punto 10.1.3 da DIA, non permitíndose o seu sobredimensionamento. Na realización de voaduras disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) que impidan a proxección de fragmentos de rocha ó contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado. Se trala finalización das obras existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. Así mesmo, non se poderán efectuar préstamos na zona, salvo xustificación previa. En todo caso, deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, téndose que restauralos ó finaliza-la obra. Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga, zona hidromorfa ou área de protección arqueolóxica, reflictindo a localización prevista no plano requirido no punto 10.2 desta DIA. No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras. A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. 5. Xestión de residuos. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da construcción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia. En tanto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación disporanse no edificio de control do parque. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres legalmente establecidos, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria, estas tarefas poderán realizarse na zona de instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras. Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais. 6.1. Sobre a fauna. Nos pasos canadenses que se instalen para impedi-lo paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ó foxo, que poden consistir, entre outras, nunha rampla de subida ou foxo con laterais abertos. Estas medidas describiranse axeitadamente, conforme o requirido no punto 10.5 da DIA. Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola presencia dos aeroxeradores, tanto deste parque como os do seu contorno. Para tal fin, levarase a cabo un plan de seguimento de avifauna e unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna dos parques contemplados no documento Información complementaria sobre a instalación de parques eólicos na serra de Buio promovidos por Eurovento, S.L. Estudio valorativo dos posibles impactos ambientais acumulativos ou sinérxicos. Decembro 2001. Neste sentido, o plan de seguimento de avifauna proposto no estudio ambiental debe ser revisado, presentando a documentación requirida no punto 10.6 da DIA. 6.2. Sobre a vexetación. A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose mediante sistemas de roza. Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, e tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo. 6.3. Sobre os hábitats naturais. Prestarase especial atención en non compromete-la persistencia dos hábitats naturais prioritarios e de interese comunitario presentes no polígono do parque, asegurando o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable, tal como se establece na Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres. Con este obxectivo, os aeroxeradores 32 ó 37, xunto coas súas infraestructuras asociadas, terán que redistribuírse fóra da área delimitada como lugar de importancia comunitaria (LIC) e tendo en conta, para a selección dos novos lugares e a disposición das infraestrcuturas asociadas (vías, gabias do cableado, plataformas de montaxe...), que non se poderán localizar en zonas de turba. Para tal fin, deberá presentarse unha proposta de localización alternativa dos anteditos aeroxeradores e infraestructuras asociadas, dentro da poligonal reflictida nesta DIA, en zonas nas que se garanta a preservación dos hábitats naturais existentes, de acordo co requirido no punto 10.1 da DIA. No que respecta ós aeroxeradores 15 e 16, estudiarase a posibilidade de desprazalos para que se localicen o máis afastado posible da unidade de turbeira existente, incluíndo as propostas neste sentido no documento sinalado no parágrafo anterior. As infraestructuras de apoio (vías, gabias do cableado...) que poidan afectar a zonas de turba deberán estar deseñadas para que a afección sexa a mínima imprescindible, manténdose en todo caso as condicións de non deterioración das unidades de turbeira. Os criterios de deseño para o cumprimento da citada premisa recolleranse así mesmo na documentación requirida no punto 10.1 da DIA. Con carácter xeral para todo o parque, non se realizarán incisións en áreas turbosas e outras áreas hidromorfas, evitando a súa deterioración e a modificación das súas condicións de hidromorfía. A dirección de obra deberá dispoñer de planos detallados da distribución dos hábitats de interese comunitario e áreas que hai que preservar, e será asesorada en todo momento das condicións para a súa protección. Así mesmo, estas zonas deberán ser balizadas previamente ó inicio das obras para evitar posibles afeccións. En calquera caso, durante as fases de replanteo e execución de obra realizarase un seguimento en campo co obxecto de verificar que se respectan os valores polos que o espacio natural foi protexido e comprobar que non se producen impactos imprevistos e se adoptan as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación, tanto as indicadas na documentación avaliada como as establecidas na presente DIA. 7. Protección do patrimonio cultural. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito do parque eólico, polo que, previamente ó inicio das obras, se elaborará un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Durante a fase de execución de obra procederase á inspección dos terreos rozados e dos perfís das gabias de conducción do cableado. A sinalización dos xacigos arqueolóxicos recollidos no estudio de impacto arqueolóxico efectuarase na fase de replanteo ou, en todo caso, en momentos previos ó inicio das obras. En función dos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. 8. Sobre a paisaxe. O acabado exterior do edificio de control adecuarase ó tradicional da zona, con revestimento de pedra e cuberta de lousa. A cor da pintura de exteriores será acorde co contorno e de acabado mate. Os afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico existentes na zona deberán ser preservados de calquera dano. Se isto comportase o desvío dalgunha infraestructura ou instalación, seguirase o indicado no punto 12.4 desta DIA. 9. Restauración. Tódalas superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes das vías, foxos, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Así mesmo, terá que garantirse o mantemento da revexetación ó longo do tempo. Para tal fin, levarase a cabo o plan de recuperación de solos e vexetación incluído no estudio ambiental, realizando un seguimento da súa efectividade, incrementando a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación. Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse paralelamente ó avance da obra, conforme as distintas superficies a restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de acada-la integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio. Minimizarase o estendido de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas. Ó finaliza-las obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura auxiliar, procedendo á recuperación da zona afectada. Na fase de desmantelamento e abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo tódalas actuacións necesarias para recupera-la situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, incluíndo a restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque e a revexetación de tódalas zonas afectadas pola desmontaxe, conforme o indicado no plan de restauración presentado. 10. Documentación adicional. Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición das medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, catro (4) exemplares da seguinte documentación: 10.1. Documento técnico onde se detallen as propostas para o cumprimento dos condicionados establecidos no punto 6.3 da DIA en relación coa protección dos hábitats naturais presentes no polígono do parque, co seguinte contido: 10.1.1. Proposta de localización alternativa dos aeroxeradores 32 ó 37 e as súas infraestructuras asociadas. 10.1.2. Proposta de desprazamento dos aeroxeradores 15 e 16 para que se afasten o máis posible da unidade de turbeira. 10.1.3. Criterios de deseño e técnicas constructivas das infraestructuras de apoio (vías, gabias do cableado...) que poidan afectar a zonas de turba, de xeito que a afección sexa a mínima imprescindible. Con carácter xeral para tódalas propostas incluirase, sen prexuízo de calquera outra documentación ou planos de detalle necesarios para a súa correcta descrición, un plano en planta a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflictan os límites do LIC e as modificacións propostas en relación á situación inicial, relativizándoas cos hábitats naturais e os elementos do patrimonio cultural existentes, de acordo coa documentación presentada. Xuntarase a pertinente valoración ambiental e a reportaxe fotográfica das novas localizacións, listaxe de coordenadas UTM dos novos lugares e informe arqueolóxico das modificacións que hai que efectuar. Unha vez que conte co informe favorable desta dirección xeral a documentación requirida no punto anterior, presentaranse tres (3) exemplares de: 10.2. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a poligonal do parque e tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, incorporando as modificacións que se deriven do documento anterior. Diferenciaranse, en cores ou grafía distintiva, as vías preexistentes dos de nova construcción e aqueles que hai que acondicionar, indicando na lenda a lonxitude de cada tipo e a das gabias do cableado. Reflictiranse así mesmo o punto/os de acceso ó parque, os elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela e a localización prevista da zona de instalacións de obra, parque de maquinaria e acopio de materiais. 10.3. Novo plan de seguimento do nivel de ruído, actualizado conforme a Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e o Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento da antedita lei, adaptado, se é o caso, á configuración final do parque, no que como mínimo se inclúa: - Proposta xustificada de puntos de control, centrándose nas vivendas existentes a menos dun quilómetro dos aeroxeradores e incluíndo como mínimo un punto de medición ó pe dun aeroxerador e a 200 m deste. A proposta reflictirase nun plano a escala mínima 1:25.000, no que figuren as instalacións previstas, acompañado dunha táboa coa distancia de cada punto de control ó aeroxerador máis cercano. - Metodoloxía para a realización das medicións, indicando a frecuencia tanto na fase de obras como na de funcionamento, podéndose diminuí-la frecuencia proposta no plan presentado. - Resultados dunha medición na fase preoperacional, en tódolos puntos propostos. As medicións deben ser efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral e o informe de resultados debe estar asinado polo técnico da entidade realizadora da medición. Indicarase a velocidade do vento durante o período de medición. 10.4. Estudio xustificado da localización dos dispositivos de drenaxe previstos, tanto transversais como lonxitudinais, adaptado á disposición final do parque. Indicarase a área drenada por cada infraestructura de drenaxe, reflictíndoas nun plano en planta a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM. Detallaranse as medidas protectoras e correctoras previstas nas zonas de afección á rede hidrolóxica (directas e indirectas), describiranse os sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía que hai que instalar nas drenaxes e nos puntos de vertedura dos foxos e proporase un plan de control do seu funcionamento, así como de comprobación do mantemento do réxime hídrico preexistente e das condicións de incorporación das augas de drenaxe ó medio natural. 10.5. Descrición dos sistemas de escape de pequenos vertebrados que hai que instalar nos pasos canadenses, de acordo co indicado no punto 6.1 da DIA. 10.6. Revisión do plan de seguimento de avifauna presentado, que inclúa, con carácter xeral, os contidos sinalados no seu momento nas declaracións de impacto ambiental dos parques eólicos Rioboo e Gamoide, estremeiros co presente. Pode tomarse como referencia o novo plan presentado para o parque eólico Gamoide. Malia o anterior, considérase oportuno que se revise a proposta de radio que hai que inspeccionar baixo os aeroxeradores nas visitas para a detección de colisións de avifauna, tendo en conta o diámetro do rotor do aeroxerador que hai que instalar nos tres parques indicados. 10.7. Novo orzamento do plan de restauración, tanto para a fase de obras como para a de desmantelamento e abandono, adaptado á configuración final do parque resultante do establecido na presente DIA. Presentarase individualizado para cada fase e incluirá medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata. 10.8. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do indicado no punto 12.3 da DIA. 10.9. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras (referida á contrata ou contratas que vaian executa-lo parque), de acordo co Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia. 10.10. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico das obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto. Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o resultado da dita avaliación, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta dirección xeral sobre a totalidade da documentación requirida. Unha vez recibido informe favorable por esta dirección xeral sobre o cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio das obras e remitirá, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, no que figuren tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista. 11. Programa de vixilancia e seguimento ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. No caso de que durante o seguimento ambiental se detectasen, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, comunicando a esta dirección xeral a incidencia detectada e propoñendo as medidas correctoras precisas para corrixila, que serán avaliadas polo órgano ambiental, quen informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias. Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación: 11.1. Durante a execución das obras presentarase, con carácter trimestral, un informe de obras que como mínimo inclúa: a) Cronograma de obras actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ó total. No cronograma figurará a data de actualización. b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, con medicións en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento. As medicións serán efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral, e os informes presentaranse asinados por técnico desa entidade. c) Resultados do plan de control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe, mantemento do réxime hídrico e condicións de incorporación das augas ó medio natural, conforme o punto 3 da DIA. d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias ou imprevistos acontecidos, labores de restauración levados a cabo, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. e) Informe de avance da obra, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a tódolos compoñentes do proxecto. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. f) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución respecto ó total, referido a tódolos elementos que conforman o proxecto. 11.2. Ó final das obras, comunicarase a data de posta en marcha do parque. No prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, presentarase un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo: a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final destas trala súa finalización, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal; descrición detallada do estado final da área afectada en relación a tódolos aspectos contemplados no estudio ambiental e no condicionado da declaración. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, drenaxes e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras. d) Documentación acreditativa de ter notificado por parte do promotor do parque a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia. 11.3. Informe ambiental semestral, que hai que presentar desde o inicio da fase de explotación, durante os dous primeiros anos desta. Incluirá, como mínimo, os seguintes contidos: a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición. b) Resultados do control da calidade das augas, funcionamento dos dispositivos de drenaxe, mantemento do réxime hídrico e condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, de acordo co punto 3 da DIA. c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o punto 6.1. d) Informe dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos deste parque cos do seu contorno, para tódolos factores estudiados, conforme o estudio de sinerxías presentado, atendendo especialmente á avifauna e ós hábitats protexidos, indicando as medidas correctoras adoptadas no caso de producirse este tipo de efectos. e) Informe, xunto coa reportaxe fotográfica detallada, no que se describan os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado, drenaxes e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verifica-la eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Describiranse as posibles incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. 11.4. Informe ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, con carácter xeral, os contidos do informe descrito no punto anterior. Non obstante, esta dirección xeral, á vista dos resultados obtidos no seguimento ou por proposta motivada do promotor poderá modifica-lo contido do dito informe ou a frecuencia dos controis que hai que realizar. 11.5. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación, acompañado, se é o caso, dun informe indicando as posibles variacións respecto do previsto no plan de desmantelamento, xunto coa súa xustificación. 11.6. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, remitirase un informe acompañado de reportaxe fotográfica, que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. 12. Condicións adicionais. 12.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicarlle a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor. 12.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración. Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, aportando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá a súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto. 12.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental. 12.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e será notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental. 12.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade dun millón catrocentos sesenta e dous mil douscentos sesenta e oito euros con setenta e oito céntimos (1.462.268,78). O importe definitivo do aval, que será actualizable, poderá propoñerse cando se dispoña do orzamento do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 10.7 da DIA. 12.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá esta blecer, en calquera intre e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente. 12.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos. 12.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente. 12.9. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme ó disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia. Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2003. José Luis Díez Yáñez Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I Resumo do proxecto O proxecto denominado parque eólico de Buio, promovido pola empresa Eurovento, S.L. Unipersonal, consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 37 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, nos concellos de Xove, Cervo, O Valadouro e Viveiro (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración. As características básicas do proxecto presentado son as seguintes: - Número de aeroxeradores: 37. - Modelo: Bazán-Bonus. - Potencia unitaria por aeroxerador: 1.300 kW. - Potencia total instalada: 48,1 MW. - Altura das torres: 55 m. - Diámetro do rotor: 62 m. - Investimento previsto: 36.556.719,56 euros. A obra civil inclúe o acondicionamento de 5.845 m de vías existentes e a execución duns 8.225 m de vías de acceso ós aeroxeradores, cun largo de rodadura de 5 m e dotados de foxos e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Prevese a execución duns 10.875 m de gabias de conducción do cableado, cun largo de 80-100 cm. Medidas preventivas e correctoras * Protección da atmosfera: - Rega das superficies cando as obras coincidan co período de estiaxe. - Realización dun control de ruídos e introducción dun apantallamento en caso necesario. - Verificación de interferencias electromagnéticas. * Protección do solo: - Disposición das gabias do cableado paralelas e estremeiras ás vías en boa parte do seu percorrido. - Determinación da localización das instalacións auxiliares de obra utilizando na medida do posible as áreas máis degradadas á vista dun experto. - Evita-las chairas de inundación e zonas próximas a fontes ou áreas de captación de auga con contornos de solos hidromorfos. - Control topográfico dos límites de escavación e reducción do uso de terras de recheo. - Reducir ó estrictamente necesario o movemento de terras e a ocupación derivada dos labores de obra civil. - Realiza-los acopios de terra vexetal e outros préstamos cunha altura máxima de 1,5 m e con criterios de mantemento que garantan a conservación das súas propiedades. - Humectación continua en tempos de seca, tanto dos amoreamentos como das zonas de explanación. - Estabilizar inmediatamente os noiros, terrapléns e materiais mobilizados, empregando mallas para evitar desprazamentos. - Extrema-los coidados na instalación dos aeroxeradores nº 12 e 13, preservando o pequeno enclave de turba existente na ladeira de Pau da Vella, e na construcción da vía no monte Lapide e instalación das máquinas nº 19 ó 23, respectando a formación de turbeira ombrotrófica existente. Recoméndase que na fase de replanteo se ocupe só a banda nordés da aliñación. En todo caso, evitaranse actuacións que supoñan incisións nas formacións. - Na construcción de vías nas áreas de turba recoméndase o estendido manual de xeotéxtil directamente sobre a turba, previamente compactada, e sobre el unha capa de saburra natural, evitando a construcción de foxos. - Retirada previa de terróns nas zonas de obra onde haxa turba. - Minimiza-la superficie ocupada polas instalacións necesarias durante esta fase. - Adecua-la superficie de ocupación das plataformas eólicas á topografía da zona, e reducir na medida do posible dita superficie, evitando o sobredimensionamento e aproveitando as vías existentes e os de nova construcción. - Minimiza-la compactación tanto nas plataformas eólicas como nas zonas non ocupadas directamente polas instalacións, pero que poidan ser empregadas para a manobra da maquinaria. - Controla-lo diámetro de perforación nas voaduras e evita-lo sobredimensionamento. - Revexetación de tódalas zonas desprovistas de vexetación, incluíndo noiros pedregosos. - Control e vixilancia continuado durante a fase de obras, especialmente durante a apertura de vías, construcción das zapatas e instalación dos aeroxeradores. - Control de eficacia das medidas correctoras adoptadas. No caso de que durante a fase de construcción se comprobase a existencia de formacións que requirisen especial preservación, procederase ó replanteo dos labores de execución de obra civil. - Acondicionamento e rehabilitación das zonas afectadas, redistribuíndo os amoreamento procedentes dos movementos de terras, recuperación da morfoloxía superficial, acabado e sustentación de terrapléns e noiros. Plan de recuperación de solos e vexetación. - Na fase de abandono, retirada dos aeroxeradores, inutiliza-lo cableado soterrado e acondicionamento e rehabilitación de tódalas zonas que fosen afectadas polos labores de desmantelamento da instalación. * Protección da rede hidrolóxica: - Preserva-los cursos hídricos, adoptando as medidas correctoras recollidas para o tratamento dos solos. - Instalaranse trampas de sedimentos ou mallas para controla-la escorrega, reducirase ó mínimo o uso de materiais de recheo e construiranse foxos amplos. - Evitar no posible as afeccións a leitos superficiais, restituíndo a achega de leitos ás vertentes orixinais, evitando a aparición de canles de drenaxe: * Protección da vexetación: - Mante-lo hábitat existente, reducindo de forma sistemática o grao de ocupación e compactación derivado de calquera obra civil. - Emprego de técnicas adecuadas de roza da vexetación, que favorezan a revexetación polas especies da zona nas áreas afectadas polas obras. - Aínda que as instalacións do proxecto non modifican substancialmente as formacións de vexetación de maior valor da zona, deberán terse en conta as medidas correctoras propostas para o solo, co fin de evitar efectos indirectos non desexados. - Durante a fase inicial do plan de vixilancia levaríase a cabo un recoñecemento de detalle de evolución estacional das especies e comunidades de interese, co fin de afina-la eficacia das medidas correctoras propostas e evita-los efectos das accións de proxecto que puideran transformalas. * Protección da fauna: - Deseño das torres e pas dos aeroxeradores de xeito que diminúen a posibilidade de colisión de aves. Tecnoloxía de control e funcionamento para evita-los episodios de colisión. - No caso de detectarse un elevado número de colisións, retrasarase a entrada en funcionamento dos aeroxeradores máis conflictivos. - Realización dun seguimento da incidencia do parque sobre a avifauna. * Sobre a paisaxe: - Características e acabado do edificio de control acordes cos habituais da zona. - Aproveitamento de vías existentes na medida do posible. - Medidas no deseño dos aeroxeradores (diminuí-la sección das pás, torres de baixa solidez) e emprego de cores pouco chamativas no seu acabado, de tons mate. ANEXO II Resumo dos informes A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental e ás medidas correctoras, cos seguintes condicionantes que hai que incluír na declaración ambiental: 1. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e logo do inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 2. Durante a fase de execución de obra procederase á inspección dos terreos rozados e dos perfís das gabias. 3. A sinalización dos xacigos arqueolóxicos recollidos no estudio de impacto farase na fase de replanteo ou, en todo caso, en momentos previos ó inicio das obras. 4. En función dos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras. 5. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. 6. Tal e como se contempla no artigo 63.2º da citada lei, os traballos arqueolóxicos descritos máis arriba financiaranse con cargo á execución do proxecto. A antiga Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, emite un primeiro informe que inclúe un resumo do proxecto, e comentarios sobre a situación do proxecto en relación ós espacios naturais protexidos, indicando que parte das instalacións e infraestructuras do proxecto sitúanse ó norte da proposta de LIC denominada serra do Xistral. Este espacio atópase, na actualidade, no rexistro xeral de espacios naturais en réxime de protección xeral, establecido así na Orde do 7 de xuño de 2001. O obxectivo que se persegue coa clasificación anterior é o de garantí-la biodiversidade mediante unha conservación o suficientemente representativa dos hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestres, tanto no territorio español como no pertencente á Comunidade Europea. A f,, , inalidade última vén sendo o mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable, dos hábitats naturais e das especies silvestres de flora e fauna de interese comunitario, sempre integrado dentro do contexto socioeconómico e cultural do territorio. De acordo cos obxectivos e fins expostos estímase a incompatibilidade do cumprimento destos no caso de procederse á implantación dalgunha das infraestructuras e instalacións previstas, dado que ademais se concentran importantes valores ambientais, estes presentan unha baixa capacidade de homeostasia e resilencia, polo que calquera afección pode modifica-la estructura e composición dos ecosistemas presentes, así como dos valores ambientais asociados, motivo que leva a propoñe-la redistribución das infraestructuras e instalacións que afecten á area de referencia, de forma que se sitúen fóra dela. Esta área vén a corresponderse coa delimitación proposta como lugar de importancia comunitaria. Pódense concreta-las infraestructuras e instalacións que afectan o espacio a través dos seguintes aeroxeradores: do nº 4 ó 6, do nº 10 ó 18, os nº 25 e 26 e do nº 32 ó 37. En relación co resto do parque, cabe face-las seguintes observacións de acordo coa documentación presentada: 1. En relación ás aves, son de resalta-las contradiccións que se presentan nos distintos puntos do estudio ambiental, no referente ó número de especies presentes na zona, estimándose como válido o exposto no anexo. Á hora de presenta-los resultados do plan de vixilancia de avifauna, cóidase de interese que se incorporen as seguintes propostas: - Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos. - Presentación de forma explícita dos datos empregados na consecución dos resultados. - O parque eólico e as liñas de alta tensión poden ocasionar unha mortandade despreciable durante moitos anos e provocar despois repentinamente (durante unha xustaposición casual de certa bandada de aves con certas condicións meteorolóxicas adversas e certa alteración) unha mortandade espectacular de centos de aves nunha soa noite. Polo que o plan debe formularse para que se superpoña en duración co tempo de afección do proxecto, ou sexa, durante a súa vida útil. - Implementaranse as medidas mínimas para a detección de calquera impacto negativo imprevisto que se poida producir sobre as poboacións de aves, tanto durante a execución como a explotación. Unha vez detectado o posible impacto adoptaranse as medidas cautelares que procedan, dando comunicación inmediata dos feitos ó organismo competente. - En definitiva, deberíanse integra-lo conxunto dos plans de vixilancia, así como os resultados e as medidas desprendidas deles nun plan xeral que abarque o conxunto dos parques e liñas de alta tensión na serra do Xistral, xustificando a viabilidade e necesidade desta proposta por tratarse dun espacio con hábitats fundamentais para as aves e cunha diversidade destacable, que a integración nun plan xenérico reduciría os custos e que os resultados finais terían unha calidade moi superior, podendo determinar medidas máis rigorosas en función destes. 2. Nada se especifica respecto da liña de alta tensión de evacuación de enerxía producida no parque, só que será obxecto de proxecto independente. Debemos ter en conta que a consideración en varias fases minimiza os posibles efectos sinérxicos negativos, nesgándose por conseguinte a información do estudio. Estas sinerxías son especialmente relevantes sobre as poboacións de aves. O enfoque do plan vai presentar un nesgo importante por non incluí-los efectos sinérxicos que introduce a presencia de máis parques eólicos, e pola necesidade de implementar unha liña de evacuación, ademais das xa existentes ou previstas na área. 3. O estudio ambiental presenta un anexo específico sobre as afeccións á rede hídrica. Nembargantes, a pesar da descrición e localización das afeccións, non se propoñen medidas para a súa eliminación ou amortecemento. Ademais das medidas anteriores, estudiarase a necesidade de dispoñer dispositivos de drenaxe artificial, lonxitudinal e transversal (gabias e bueiros), cun número suficiente de puntos de vertido, e instalaranse sistemas de disipación de enerxía a súa saída. Respectaranse os leitos naturais susceptibles de ser afectados polas obras, de xeito que quede garantido o réxime de caudais. Nas seccións directamente implicadas (paso dunha pista), certificarase que o fluxo hídrico manteña as condicións actuais de velocidade, para o que se establecerán as infraestructuras que sexan precisas. Evitarase a vertedura de substancias contaminantes ós cursos de auga (cementos, entullo, aceites...). En xeral non poderá verse afectada a calidade das augas nas súas características físico-químicas e bióticas, cumprindo para iso o considerado na lexislación vixente. En relación co tema terase en conta: - Non se acumularán nos leitos naturais nin nas zonas de servidume, terra, entullos, material sobran te da construcción ou calquera outro tipo de substancias contaminantes que poidan incorporarse ós cursos de auga por escorregas ou crecidas do caudal. - Evitarase no posible o arrastre de sólidos en suspensión. - Prohíbese o lavado de materiais e utensilios nos ríos ou regatos. - Vixilarase con especial atención os posibles procesos erosivos ocasionados polas drenaxes das pistas, tomándose as medidas oportunas para solventar posibles imprevisións durante a planificación ou execución, facendo un seguimento periódico no plan de vixilancia durante a vida do parque. Subliña-la necesidade de non efectuar ningún tipo de actuación nos leitos dos regatos existentes na parcela, nin nas súas zonas de servidume e policía sen a previa autorización do organismo de bacía. No caso de que esta afección atinxa ós ecosistemas fluviais, requirirase informe preceptivo desta dirección xeral segundo o disposto no artigo 77.3º do Decreto 130/1997. 4. Tomaranse as precaucións oportunas para que nas rozas e cortas varias de vexetación non se afecte a valores naturais protexidos pola lexislación. No caso de detectarse, procederase á súa delimitación, así como a adopción das medidas precisas para a súa preservación. Xestionaranse os residuos vexetais producidos, recomendando a súa trituración e esparexemento homoxéneo. Onde se pretenda efectuar corta de especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, co cal se terá que face-la correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. No suposto de afectarse á vexetación de ribeira terase que solicitar a correspondente autorización ó Servicio Provincial de M.A.N, tal e como establece o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. 5. Non se poderá depositar nin acumular na área do parque, nin en terreos anexos, ningún tipo de refugallo sólido. No caso de empregarse canteiras abandonadas ou outros lugares de amoreamento debe indicarse cáles, ademais de cómo se pensan depositar e qué actuacións se implementarán para acondicionar estas zonas unha vez rematado o depósito de xeito que se consiga unha boa integración no medio. En calquera caso, tanto os residuos producidos na fase de construcción como os que proveñan dos labores de mantemento ou outros deberanse recoller e xestionar conforme a súa natureza e de acordo co establecido na lexislación vixente. Con independencia do previsto no plan de vixilancia do estudio ambiental, durante o replanteo e execución do proxecto deberanse efectua-los controis oportunos para garantir que non se produzan impactos imprevistos, sobre todo nas poboacións de aves. No momento en que se detecte un posible impacto tomaranse as medidas necesarias para evitalo, comunicando ó correspondente servicio de Medio Ambiente Natural tal situación, así como as medidas que se planifican adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de produci-la devandita afección, en tanto o organismo competente non se pronuncie. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza (que actualmente ten as competencias na materia de referencia) emite un segundo informe, sobre os documentos Estudio de Impacto Ambiental. Parque eólico de Buio. Información complementaria. Xuño de 2002 e LIC serra do Xistral e parques eólicos de Buio e Rioboo, no que indica o seguinte: A área onde se pretende localiza-lo parque eólico de Buio presenta unha elevada importancia ecolóxica, que se recoñece coa designación da zona como espacio natural protexido, motivo que levou a excluír da zona ó parque eólico en cuestión. Nembargantes, á luz da nova información analizada e avaliada, estímase que se poderían incluír algunhas das posicións previstas, sen por isto compromete-los obxectivos e fins polos que o espacio foi protexido. Por tanto, poderíanse asumir, e por tanto integrar, as seguintes posicións de aeroxeradores dentro do espacio protexido: os números 4, 5, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 16, 17, 18, 25 e 26, o resto dos aeroxeradores non explicitados aquí non se poderán poñer na súa localización actual. En resumidas contas, poderanse colocar tódolos aeroxeradores previstos actualmente e que se sitúen fóra da zona de turba; como única excepción ó anterior nos atopamos coas posicións 15 e 16, admitíndose a súa colocación xa que se sitúan ó carón da infraestructura viaria de apoio ó conxunto dos aeroxeradores, non sendo a súa implementación un impacto relevante. De todos modos os dous aeroxeradores deberán localizarse o máis afastados posible da unidade de turbeira. Para o resto da localización terá que buscar posicións distintas ás actuais. En todo caso, seguirase como criterio básico de exclusión a colocación destes aeroxeradores fóra de zonas de turba. Se ben un dos criterios de exclusión de accións é o de zona de turba, a súa afección vai ser inevitable por parte das infraestructuras de apoio ós aeroxeradores. Estas infraestructuras deben estar deseñadas para que a afección sexa a mínima imprescindible, manténdose sempre e en todo caso as condicións de non deterioración da unidade de turbeira. A adopción dos criterios anteriores deben ser presentados perante esta unidade administrativa para a súa análise e avaliación. De todos modos, para as novas posicións que se consideren, se é o caso, e para este parque, deberá adoptarse tamén a premisa de non afección ás unidades de turbeira coas infraestructuras básicas do proxecto. A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten ós terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada. A Dirección Xeral de Turismo emite informe de incidencia turística que inclúe os seguintes puntos: características do proxecto e localización, principios normativos nos que se basea o informe, valoración de incidencia turístico-ambiental e conclusións, indicando que a instalación proposta supón unha incidencia reducida dende o punto de vista turístico. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental. O organismo autónomo Augas de Galicia emite un informe que inclúe a descrición da rede hidrolóxica na área do parque e un resumo das características do proxecto avaliado e da súa localización, acompañado do seguinte condicionado: En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallo neles. Prohibirase o lavado de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos leitos dos regos afectados. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que trala construcción do parque eólico, a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras. O estudio posúe un plan de seguimento hidrolóxico e de calidade das augas moi interesante que é conveniente reflictir na declaración. Un condicionante básico a entender desta área, sería que a futura autorización reflectise que a instalación se axustará ó cumprimento da proposta do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e ás súas directrices, en todos aqueles aspectos que lle sexan de afección. Se con motivo da realización dalgún acceso ou vía con gabia do cableado se produce algún cruzamento cun curso fluvial ou se interrompe algún sistema de abastecemento das parroquias dos concellos afectados, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo en todo caso preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia, segundo o establece o Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas, no texto refundido aprobado polo Real decreto 1/2001, do 20 de xullo. En definitiva, esta área considera que a instalación do citado parque eólico non produce alteracións importantes en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras especificadas neste informe. Non obstante, faise indispensable unha correcta execución do parque, de tal xeito que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evi tando sobre todo a vertedura accidental de substancias contaminantes ou as interrupcións de abastecemento, sendo necesario, neste caso, a autorización preceptiva segundo a lexislación vixente de augas. No caso de que as características deste parque precisasen do uso regular de auga para o seu funcionamento e fose necesario realizar captación de auga ou se producisen verteduras de augas residuais ou cruzamentos da rede fluvial, será tamén preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia. ANEXO III Resumo das alegacións O concello de Viveiro remite informe do enxeñeiro municipal no que se alegan cuestións relativas ó proxecto sectorial, se indica que ningún dos aeroxeradores ou a subestación están no concello e que a calidade dos plans non permite precisar se se abren ou reforzan pistas en solo do concello. Expón cuestións sobre a superficie afectada e a concesión de licencias e sinala que non se prevén afeccións ambientais, pero que en todo caso se deberán cumpri-las medidas correctoras propostas no estudio de impacto ambiental e no de impacto arqueolóxico incluído nel. A Asociación Forestal Ourensana (Asofor) alega carencias no proxecto e no estudio ambiental, cuestións relativas á utilidade pública do proxecto e á titularidade, cualificación e usos do solo nos terreos que ocupará o parque eólico, así como impacto visual.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res20112003.pdf Galego
res20112003.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles