Diario Oficial de Galicia, 29-05-2007, Núm. 102, Páx. 8900
Resolución do 20 de abril de 2007, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 21 de novembro de 2006, relativa ao proxecto da L.A.T. 132 kV sub. Estelo-P.E. Mondoñedo, no concello de Mondoñedo (Lugo), promovido pola empresa Fergo Galicia Vento, S.L. (Clave 2006/0226).
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito de declaración.
A presente declaración refírese en exclusiva á instalación dunha liña eléctrica aérea de alta tensión a 132 kV, de dobre circuíto, con partida proxectada na subestación eléctrica de Estelo e remate na subestación do parque eólico de Mondoñedo, de 3.479,97 metros de lonxitude, cun condutor por fase e cable de terra e fibra óptica tipo OPGW, sobre apoios metálicos de celosía.
A traza discorrerá integramente polo concello de Mondoñedo (Lugo), conforme ao reflectido na serie de planos titulados Emplazamiento incluídos no estudo de impacto ambiental.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como os cruzamentos, captacións ou verteduras se for o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente, neste caso Augas de Galicia, conforme ao establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras.
Así mesmo, respectaranse os mananciais que puidesen existir na zona, podendo ser parcialmente canalizado o seu curso para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos a ceo aberto (sempre que as obras definitivas o permitan) cara ás correntes superficiais máis próximas.
3. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que poidan afectar a rede hidrolóxica, charcas temporais ou permanentes e zonas hidromorfas, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación, ademais das indicadas no estudo ambiental. Prestaráselle especial atención ao balizamento destas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.
4. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de forte pendente próximas a estes, nin interferirán na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias, cheas ou escorregamento superficial.
2.2. Protección do solo.
1. Cando se executen obras en terreos de forte pendente, disporanse mallas antiescorregamento que impidan a caída de materiais ladeira abaixo.
2. Para a localización das zonas destinadas a aprovisionamento de materiais, parque de maquinaria, casetas de obra, almacenamento de residuos, etcétera, seleccionaranse localizacións de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastados de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica.
3. No caso de deterioración de estradas, camiños, sendeiros ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de instalación ou mantemento da liña, deberán restituírse ao estado previo ao inicio das obras.
2.3. Protección da fauna e vexetación.
2.3.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación na rúa de seguridade, así como as tarefas de mantemento periódico, escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións (que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental) implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.
2. Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de colisións e/ou electrocucións de aves co tendido, así como identificar posibles tramos e/ou apoios problemáticos neste sentido.
Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, coas particularidades sinaladas nos puntos 3.2 e 3.5 da DIA. No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre as súas poboacións, adoptaranse as medidas necesarias para corrixir a dita situación, entre elas as recolllidas na documentación avaliada.
Asemade, e tendo en conta que a liña obxecto desta DIA dará servizo ao parque eólico de Mondoñedo, observarase ao sinalado no punto 3.5.3 respecto dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) que sobre a fauna poderían xurdir pola presenza das dúas instalacións.
2.3.2. Sobre a vexetación.
1. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregaranse sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin de fitocidas nestas tarefas.
2. Respectarase o máximo posible a vexetación arbórea existente na área de implantación da liña, en especial as formacións de frondosas autóctonas e a vexetación de ribeira. En calquera caso, para a corta de arboredo previamente terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. Asemade, para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira observarase ao disposto na lexislación vixente de aplicación.
3. Para aquelas formacións vexetais de interese ou que sexan figuras de protección, ademais das anteriores condicións teranse en conta as particularidades sinaladas nos puntos 3.3.2 e 3.3.4 da DIA.
2.4. Sobre a integración paisaxística.
1. Se ao longo da traza existisen afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.
2. Todas as superficies alteradas ou deterioradas pola execución das obras (instalación dos apoios, execución de novos accesos...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal.
Para tal fin, levaranse a cabo os labores de restauración e revexetación propostos no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que todas as especies que se van empregar serán propias da zona e preferiblemente de procedencia local. Asemade, garantirase o mantemento da revexetación ao longo do tempo, para o que se efectuará un seguimento da súa efectividade e se adoptarán as medidas correctoras oportunas no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da revexetación.
2.5. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto na documentación avaliada, deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo, se é o caso, aos condicionantes xurdidos da presente declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os obxectivos sinalados no parágrafo anterior. Asemade, teranse en conta as seguintes consideracións:
-Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificándolle o seu nomeamento ao órgano substantivo, que llo comunicará ao órgano ambiental.
-Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou unha entidade homologada e os resultados deberán vir asinados por un técnico desta entidade.
-Os informes de seguimento ambiental resultantes do desenvolvemento deste programa, aos cales se fai referencia ao longo do condicionado da declaración, serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, correspondéndolle a este o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración, conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión, de ser o caso, do responsable do control do seguimento ambiental.
-No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os límites establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicaráselle inmediatamente ao órgano substantivo e proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural.
1. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de trazado de planta, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do proxecto. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
2. Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso desta, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
3.2. Fase previa ao inicio das obras.
1. Levaranse a cabo as campañas preoperacionais previstas no plan de seguimento da avifauna incluído no estudo ambiental, co fin de completar os datos sobre as poboacións de aves presentes na zona. Os resultados destas campañas incorporaranse aos informes de seguimento ambiental, tanto aos de obra como aos de funcionamento, para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
2. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 102.132,82 euros, dos cales 32.488,84 euros corresponden aos labores de restauración asociados á fase de obras e 69.643,98 euros aos da fase de desmantelamento e abandono da liña.
3.3. Fases de trazado de planta e obra.
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras de execución da liña.
2. Dado que unha parte do trazado da liña discorre polo LIC Serra do Xistral, teranse en conta as seguintes medidas para a protección dos hábitats naturais, que matizan ou amplían as que figuran na documentación avaliada:
-Non se poderán afectar formacións distintas ás sinaladas na documentación presentada.
-Evitarase especialmente calquera afección aos hábitats polos cales o espazo protexido ten o seu rango de protección, con especial atención ás breixeiras húmidas atlánticas e ás turbeiras. Exclúense desta medida os hábitats que se localizan sobre a devasa en que se situarán os apoios 6, 8 e 9, dado que periodicamente sofre labores de mantemento.
-A afección aos sistemas naturais será a mínima posible e imprescindible. En todo caso, calquera actuación de carácter inevitable levará asociada a restitución íntegra do espazo afectado coa maior brevidade posible.
-Previamente á execución das obras delimitaranse fisicamente as zonas de actuación, co fin de minimizar as afeccións. Nestas zonas prestarase especial atención ao control do tránsito de maquinaria, reducíndoo ao mínimo imprescindible para a execución das obras.
3. Na execución dos accesos aos apoios teranse en conta os criterios de deseño e as medidas protectoras e correctoras sinaladas no estudo ambiental, ademais do condicionado establecido nesta DIA.
4. En relación coa apertura e mantemento da rúa de seguridade da liña, teranse en conta as seguintes consideracións:
-A rúa de seguridade deberá estar limpa en todo momento de vexetación incompatible coa liña. As dimensións mínimas da rúa determinaranse en función da lexislación sectorial aplicable; non obstante, e dependendo da topografía do terreo, dos ventos e do tipo de vexetación existente, a largura determinarase de xeito que se minimice o risco de lumes nestas zonas e, de producirse estes, se impida a súa propagación e se faciliten as tarefas de extinción.
-Neste sentido, recoméndase realizar unha silvicultura preventiva, preferentemente a realización de áreas cortalumes nas zonas lindeiros á rúa, polo que o promotor ou propietario da liña deberá establecer as servidumes da suficiente amplitude para poder realizar sen contratempos os devanditos labores. No desenvolvemento destes labores primarán os criterios técnicos e o respecto á bioloxía das especies implicadas.
-Como excepción ao exposto nos parágrafos anteriores, deberase respectar ou, se é o caso, reducir a afección ao mínimo imprescindible, a vexetación de ribeira e outras árbores e rodeiros singulares, así como as especies autóctonas, singulares e/ou protexidas. Neste sentido, extremaranse as precaucións na execución dos cruzamentos sobre a rede fluvial para salvagardar a vexetación de ribeira (especialmente no río Tronceda e, de ser o caso, no rego da Toxiza) e nas zonas onde a liña atravesa formacións de frondosas autóctonas.
Para o cumprimento desta premisa, ademais de incorporar criterios ambientais no manexo da vexetación arbórea e levar a cabo as actuacións sobre o arboredo descritas no estudo ambiental para cada van da liña, naqueles puntos onde a traza atravese formacións arbóreas de interese preverase a opción de sobreelevar os apoios e tensar os condutores ao máximo tecnicamente posible para que alcancen unha maior altura sobre o arboredo e evitar así a corta ou poda de exemplares.
-De todos os xeitos, as accións baixo a liña consensuaranse coas subdireccións xerais de Defensa contra os Incendios Forestais e de Espazos Naturais e Biodiversidade.
3.4. Ao final da fase de obra.
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental o que se refire o punto 2.5 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento das obras e o estado final da liña logo da súa finalización, así como detalle do seguimento ambiental efectuado ao longo da obra, medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do indicado no estudo ambiental e no condicionado desta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a todos os aspectos recollidos na documentación avaliada e no condicionado desta declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os apoios, estado da rúa de seguridade, limpeza da área, zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflictan todas as accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se adoptaron medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias.
3.5. Fase de funcionamento.
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de posta en servizo da liña eléctrica.
2. En relación co plan de seguimento de avifauna incluído no estudo ambiental, e tendo en conta a lonxitude da liña proxectada, nas visitas mensuais para o control de mortaldade por colisión/electrocución percorrerase como mínimo un tramo equivalente ao 50% da lonxitude da liña.
3. Efectuarase un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre as poboacións de aves entre a liña obxecto desta DIA e o parque eólico a que dará servizo, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, e teranse que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de se producir a aparición deste tipo de efectos.
4. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental o que se refire o punto 2.5 desta DIA, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento da liña e anual os seguintes, un informe de seguimento ambiental co seguinte contido mínimo:
a) Resultados do plan de seguimento de avifauna e informe de seguimento dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos), tendo en conta o sinalado nos puntos 3.2.1, 3.5.2 e 3.5.3 da DIA.
b) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, en que se recollan os resultados dos labores de restauración efectuados, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado da rúa de seguridade, tarefas de mantemento periódico, etcétera. Detallaranse os controis ambientais efectuados para verificar a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e no condicionado da declaración. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se van realizar en anos posteriores.
3.6. Fase de abandono.
1. No caso de que a liña quedase fóra de servizo por finalización da vida útil do parque eólico ao cal presta servizo ou por calquera outra causa, ao longo da fase de desmantelamento e abandono levaranse a cabo todas as actuacións necesarias para desmantelala e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, conforme o recollido na addenda do plan de restauración presentado.
2. Neste sentido, no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da liña, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un cronograma estimado dos traballos de desmantelamento e abandono da instalación, acompañado, se é o caso, dun informe en que se recollan as posibles variacións respecto do previsto na addenda do plan de desmantelamento, xunto coa súa xustificación.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono da liña, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2007
Anxo R. Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
ANEXO I
Resumo do proxecto
A liña eléctrica prevista, de dobre circuíto a 132 kV, conectará a futura subestación do parque eólico de Mondoñedo, sito no concello de Mondoñedo (Lugo), coa subestación eléctrica de Estelo, no mesmo concello, posibilitando así a evacuación da enerxía xerada no citado parque eólico.
O proxecto recolle un tendido aéreo de 3.479,97 metros de lonxitude, sustentado sobre 11 apoios metálicos de celosía. A liña vai dotada de condutor tipo LA-280, cadeas de illadores de pratos de vidro e un cable de terra e fibra óptica OPGW de 24 fibras. A traza discorrerá integramente polo concello de Mondoñedo, na provincia de Lugo.
Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de influencia da L.A.T. está composta por repoboacións de piñeiro e eucalipto (algunhas bastante recentes), matogueira de toxo e breixo (que segundo o grado de humidade do terreo adquire as características propias dunha breixeira húmida atlántica), prados, pequenas extensións de carballeira (en ocasións mesturada con piñeiros) e unha pequena representación de vexetación de ribeira asociada ás marxes do río Tronceda, atravesado pola liña á altura do van 4-5. No estudo de detalle da zona de implantación dos apoios 6 a 9 documéntase que as breixeiras húmidas se restrinxan ao tramo de liña que discorre por unha devasa, sometida periodicamente a labores de mantemento, polo que presentan un baixo grao de conservación. No punto de instalación do apoio nº 7 existe agora unha plantación de piñeiro e carballos.
ANEXO II
Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
No apartado de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes:
Atmosfera.
-Humectación das zonas de obra en tempo seco para evitar o levantamento de po.
-No caso de que fose preciso realizar voaduras, empregaranse mantas de goma para impedir a dispersión de partículas de po.
Campos eléctricos e magnéticos.
-Dado que o trazado non afecta zonas habitadas, non será necesario realizar ningunha limitación á exposición ao público en xeral a campos electromagnéticos.
Ruídos.
-Non se prevé que os niveis de ruído ocasionados polas obras superen os límites establecidos na lexislación vixente. Non obstante, se fose preciso realizar voaduras, implementaranse medidas adicionais para amortecer o ruído, como mantas de goma, ou a realización dun seguimento de niveis sonoros nesas zonas.
Solo.
-Aproveitarase ao máximo a rede de camiños existentes co fin de minimizar a construción de novos accesos.
-Cando sexa preciso habilitar novos accesos, evitaranse movementos de terras e incisións no terreo.
-Sempre que as condicións do terreo o permitan, o paso de maquinaria farase sobre as rodeiras anteriores, evitando a compactación do solo e afeccións á vexetación.
-Medidas para evitar a compactación nos novos accesos: acceso en tempero adecuado, fibras vexetais, planchas metálicas…
-Realizarase unha delimitación das zonas de obra e estará prohibido invadir terreos fóra dos previstos. A circulación de maquinaria restrinxirase ás vías. A sinalización será moi visible co fin de que os operarios non teñan confusións respecto dos límites das zonas de obra.
-Buscarase a máxima adaptación ao terreo dos posibles tramos de acceso, seguindo as curvas de nivel e evitando tramos problemáticos.
-Os accesos realizaranse de xeito que afecten o mínimo posible a rede de drenaxe.
-Adoptaranse medidas para evitar desprendementos ou efectos erosivos (mallas, mantas de goma…) en zonas de forte pendente ou en noiros e desmontes de vías.
-Retirada previa, aprovisionamento e mantemento da terra vexetal para logo empregala na restauración.
-Nos movementos de terras equilibrarase ao máximo o volume de desmonte co de terrapléns. Se se producisen sobrantes de terras serán xestionados de forma adecuada.
-Non se empregarán préstamos de terras na execución das obras.
-Os sobrantes xerados reutilizaranse na obra. Non se crearán entulleiras incontroladas nin se abandonarán materiais de construción ou restos das escavacións nas proximidades da obra. No caso de que haxa sobrantes, trasladaranse fóra da obra.
-Os residuos xerados serán xestionados de acordo coa súa natureza e retirados ao vertedoiro autorizado. Non está prevista a xeración de residuos que precisen ser entregados a xestor autorizado. No caso de se produciren, almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, nas condicións previstas na lei. Sinalizarase a presenza destes contedores, que se localizarán na zona de instalacións de obra.
-Todos os residuos xerados serán retirados antes do inicio da fase de explotación.
-Restauración de terreos.
-As vías que non vaian ser empregadas na fase de funcionamento da liña serán restauradas.
Hidroloxía.
-Nos cruzamentos da liña con regos respectarase a vexetación existente nas marxes.
-Nos terreos próximos aos cursos de auga instalaranse mallas ou outros dispositivos para evitar o escorregamento de sólidos cara ás augas.
-Non se realizará ningún tipo de captación ou vertedura nos cursos de auga da zona.
-Evitarase o paso de maquinaria sobre cursos de auga. Se é inevitable, disporanse planchas metálicas para o paso.
-Evitarase a alteración e destrución de noiros.
-Evitarase a elaboración de formigón na propia obra.
-As tarefas de mantemento dos equipamentos e maquinaria móbil non se realizarán na obra, senón en talleres autorizados, para diminír o risco de contaminación das augas.
-O lavado de maquinaria e materiais realizarase en localizacións axeitadas para iso, nunca nos cursos de auga da zona.
-As operacións de formigón efectuaranse coas precaucións necesarias para que non se produzan derrames de formigón aos cursos fluviais.
Vexetación.
-Como medida preventiva, minimizarase a afección sobre a vexetación existente, tanto na fase previa ás obras como nas de instalación e explotación da liña.
-Os restos de corta eliminaranse atendendo ás boas prácticas de eliminación destes residuos e cumprindo coa lexislación vixente.
-Empregaranse técnicas adecuadas de roza que favorezan a revexetación por especies autóctonas nas zonas afectadas polas obras e métodos de trituración e espallamento homoxéneo para permitir unha rápida incorporación ao solo e diminuír as posibilidades de incendio e os riscos de ataque de pragas e enfermidades.
-Todos os terreos afectados, deteriorados ou deforestados pola execución das obras (instalación dos apoios, execución de vías e cunetas...), deberán ser recuperados mediante unha revexetación adecuada, que restitúa na medida do posible as condicións previas ao inicio das obras e favoreza a reinstalación da vexetación orixinal.
-Aquelas pistas que non vaian ser empregadas durante a fase de funcionamento da liña deberanse reintegrar na paisaxe.
Fauna.
-As medidas preventivas e correctoras previstas para a avifuna axústanse ao estipulado no artigo 11 do Decreto 275/2001, aínda que a liña non cruza unha ZEPA.
-Plan de seguimento e vixilancia da avifauna.
Paisaxe.
-Trataranse de integrar na paisaxe as accións de obra relativas a accesos, noiros, terrapléns e a rúa de seguridade e procurarase a integración cromática dos materiais empregados e a revexetación con especies autóctonas.
Abandono da instalación.
-Ao longo da fase de abandono procederase, con carácter xeral, á desmontaxe e retirada de apoios, transformadores eléctricos e calquera outro tipo de elemento susceptible de provocar contaminación, sendo entregados todo eles a xestor autorizado. Asemade, restaurarase a área ocupada polas cimentacións e accesos creados para uso exclusivo da liña.
No plan de restauración ambiental inclúese unha epígrafe de consideracións ambientais, en que basicamente se recollen as medidas xa indicadas nas epígrafes de solo, hidroloxía e vexetación.
No plan de seguimento da avifauna engádense as seguintes medidas:
-Colocación de dispositivos salvapaxaros se os resultados do plan de vixilancia así o aconsellan. O modelo seleccionado é a espiral de cor laranxa, que se colocaría no cable de terra cunha cadencia de 10 metros ao longo de toda a traza da liña.
-Se a medida anterior non é suficiente, aumentaríase a densidade dos dispositivos ou colocaríanse tamén nos condutores.
As medidas protectoras e correctoras relativas ao patrimonio cultural recóllense na memoria do estudo de avaliación de impacto arqueolóxico, que se presenta como separata ao estudo de impacto ambiental.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL