Diario Oficial de Galicia, 16-05-2005, Núm. 93, Páx. 8284
Resolución do 2 de maio de 2005, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 8 de abril de 2005, relativa ao estudo informativo: Plan Galicia. Mellora da C-550 Cee-Tui. Treito: Muros-Noia. Subtreito: límite municipal de Muros con Outes-Noia. Clave AC/03/006.01.
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 8 de abril de 2005, relativa ao estudo informativo: Plan Galicia. Mellora da C-550 Cee-Tui. Treito: Muros-Noia. Subtreito: límite municipal de Muros con Outes-Noia (clave AC/03/006.01), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2005.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Director xeral de Obras Públicas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 8 de abril de 2005, relativa ao estudo informativo: Plan Galicia. Mellora da C-550 Cee-Tui. Treito: Muros-Noia. Subtreito: límite municipal de Muros con Outes-Noia (AC/03/006.01), nos concellos de Noia e Outes (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave: 2005/0055.
Antecedentes:
A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 9 de marzo de 2004, aprobou provisionalmente o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental: Plan Galicia. C-550 Cee-Tui. Treito: Muros-Noia. Subtreito: límite municipal de Muros con Outes-Noia, nos concellos de Noia e Outes.
O proxecto pretende mellorar o trazado e capacidade da C-550 Cee-Tui no tramo de Muros a Noia.
No anexo I resúmese o contido do estudo informativo e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.
Dado que o proxecto está comprendido no grupo 6 do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese á trámite de avaliación de impacto ambiental.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data 17 de marzo de 2004, publícase no DOG (nº 54) a Resolución do 10 de marzo de 2004, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental: Plan Galicia. C-550 Cee-Tui. Treito: Muros-Noia. Subtreito: límite municipal de Muros con Outes-Noia, nos concellos de Noia e Outes.
Durante este período foron presentadas alegacións por parte dos concellos de Muros e Outes, grupos políticos e de diversos particulares. Destas alegacións as que teñen carácter ambiental foron tidas en conta, no que procede, no condicionado da DIA.
Con data do 11 de febreiro de 2005, ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no que se inclúen os certificados de exposición ao público nas distintas dependencias, copia das alegacións presentadas no dito período e os informes das direccións xerais de Saúde Pública, Patrimonio Cultural e Conservación da Natureza, do organismo autónomo Augas de Galicia, da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, así como o do concello de Outes. Anteriormente a esta data, tivera entrada nesta dirección xeral o informe da Dirección Xeral de Recursos Mariños.
Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en exercicio das competencias que lle concede o Decreto 106/2004, do 27 de maio, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudo informativo: Plan Galicia. C-550 Cee-Tui. Treito: Muros-Noia. Subtreito: límite municipal de Muros con Outes-Noia, nos concellos de Noia e Outes.
Declaración de impacto ambiental:
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidad e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das citadas condicións, se se manifesta cualquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os sós efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor con obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnolóxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes en actividade, sempre e cando as novas medidas permitan lograr os obxectivos e fins desta. Este último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A) Ámbito da declaración.
Esta declaración de impacto ambiental refírese ás obras definidas no documento Estudo informativo. C-550 Cee-Tui. Treito: Muros-Noia. Subtreito: L.M. de Muros con Serra de Outes-Noia. Febreiro 2004, en configuración correspondente á recollida nos planos nº 7.1 Alternativa seleccionada no tramo 1-Planta xeral para o tramo 1 e nº 7.2 Alternativa seleccionada no tramo 3-Planta xeral, para o tramo 3, pero incluído un enlace a distinto nivel no contorno do p.k. 3+000 deste último treito.
No que respecta ao tramo 2, non se realizará ningún tipo de actuación, cinxíndose a trazado actual, que consiste, basicamente, na ponte de Ceilán.
B) Condicións xerais.
B.1) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. Adaptarase o estudo acústico achegado no estudo de impacto ambiental incluído no estudo informativo. C-550 Cee-Tui. Treito: Muros-Noia. Subtreito: L.M. de Muros con Serra de Outes-Noia. Febreiro 2004, á traza definitiva, e definiranse con detalle e incorporaranse ao proxecto definitivo as medidas correctoras necesarias para minimizar a afección sonora co fin de garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Noia e Outes.
2. Localizaranse as zonas destinadas a instalacións auxiliares, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a cualquera outro, e tal como se especifica no estudo de impacto ambiental procurarase que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.
3. Proxectaranse nas zonas establecidas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria e para as zonas de formigonado, un sistema de recollida, condución e sedimentación da auga procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura destas augas cara ás correntes de auga.
4. Definiranse as vías auxiliares a utilizar no proceso construtivo, e tal e como se especifica no estudo de impacto ambiental, primará o uso da traza fronte a camiños locais preexistentes e, de ambas, fronte á apertura de novas vías.
5. Dada a previsible necesidade de toma de materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para a súa toma; debéndose evitar, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de toma de préstamo. Neste último caso, deberá atenderse á normativa vixente respecto diso.
6. No caso de que finalmente se xeren materiais sobrantes procedentes dos movementos de terra localizaranse as zonas de depósito destes. Para a elección destas zonas utilizaranse os criterios indicados no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primara o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno.
7. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, e evitaranse as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.
8. Desenvolverase un novo programa de vixilancia ambiental específico para o trazado final da vía, basado nas liñas xerais expostas no estudo de impacto ambiental e adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos desta declaración.
O obxecto deste programa será garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación), a periodicidade dos controis, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo tanto, faranse naqueles momentos nos que poda existir unha afección sobre os aspectos a controlar.
- A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán ir acompañadas de informe asinado polo técnico competente.
- O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá contemplar os labores de restauración e de revexetación.
B.2) Fase de replanteo.
Procederase ao balizado, e se é o caso, á sinalización das zonas de obra e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen. Queda expresamente prohibida a ocupación de terrenos máis alá dos previstos.
Ademais, tamén se procederá ao balizado, ou se é o caso, a sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto, basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural; con obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles.
B.3) Fase de obras e explotación.
1. Levaranse a cabo as medidas indicadas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Noia e Outes.
3. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga será preceptiva a autorización administrativa outorgada polo organismo autónomo Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.
4. Prohíbese verter tanto nos leitos dos cursos fluviais como no ámbito mariño, restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción.
5. Ao rematar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se encontren situadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente ao remate daquelas.
6. Non estando prevista a colocación de plantas de formigón nin de aglomerado asfáltico, estas procederán de planta o plantas externas que conten coas correspondentes autorizacións.
7. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo por esta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na propia obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.
8. Tal como se indica no punto B.1.5 desta DIA no caso de que se precise material procedente de canteiras para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas.
Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais a utilizar para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos xeotecnicamente pouco exixentes, etcétera) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.
9. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra, se é o caso, nos lugares seleccionados de acordo co indicado en el punto B.1.6, deberase contar cos correspondentes permisos.
10. Retirarase a terra vexetal previamente ao movemento de terras, co fin de utilizala na restauración das zonas degradadas, amoreándoa de xeito que non se produza un movemento en masa ou escorrega do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas adecuadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do almacenamento, etcétera). Ademais, as moreas disporanse, como máximo, con alturas de ata 2 m e no caso de que o período de almacenamento sexa prolongado, procederanse a realizar labores de mantemento consistentes en regas periódicas, remocións periódicas, achegas de fertilizantes minerais e sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6 % de materia orgánica.
11. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución da obra. Terase en conta que, se tecnicamente resulta posible, non se eliminarán os tocóns, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.
Para a realización de corta das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.
Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación asociada ás ribeiras dos cursos fluviais afectados pola traza, considerarase o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.
12. Os restos vexetais que se xeren deberán ser xestionados adecuadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos sobre o terreo, deberán ser triturados e esparexidos homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.
13. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou a reutilización fronte á vertedura.
Estes residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, que estarán situados na zona de instalacións auxiliares ás obras, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa situación.
Ao remate das obras e antes do inicio da fase de explotación, deberanse ter retirado e xestionado adecuadamente a totalidade dos residuos de obra.
14. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso de seren precisas adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.
15. Extremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica e medio mariño, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación.
16. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fóra preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.
17. No caso de afectar a fontes e/ou captacións de auga existentes no ámbito da traza, estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais.
18. Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan utilizadas na execución do proxecto, procedéndose á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.
19. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos.
20. No caso de que como resultado de levar a cabo o programa de vixilancia ambiental indicado no punto B.1.8 desta DIA, se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
21. No caso de producirse ou demostrarse algún imprevisto que ocasione unha afección ao LIC Esteiro do Tambre, tomaranse inmediatamente as medidas adecuadas para paliar dita afección, sendo o Servizo Provincial de Conservación da Natureza da Coruña quen decidirá sobre a conveniencia da solución a adoptar, así como as actuacións precisas para corrixir os efectos provocados. Asemade, calquera modificación do proxecto que teña algunha afección sobre o medio natural requirirá o seu informe correspondente.
C) Condicións específicas.
C.1) Fase previa á de redacción do proxecto construtivo.
1. Unha vez estea definido con maior precisión o trazado xeométrico da variante e as tipoloxías estruturais, e previamente á finalización do proxecto de trazado, levarase a cabo un estudo completo de dinámica litoral para determinar en profundidade a influencia que a construción do viaduto sobre a ría de Muros e Noia exerce sobre o ecosistema mariño, podendo as conclusións do devandito estudo determinar modificacións na tipoloxía estrutural da ponte. Este estudo realizarase segundo o indicado no artigo 93 do Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas e será remitido á Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, Dirección Xeral de Recursos Mariños e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe.
Ter en conta que a selección das zonas onde se localizarán os piares estará supeditada a aqueles puntos onde exista menor incidencia sobre os hábitats de interese comunitario recollidos pola Directiva 92/43/CEE asociados ao LIC Esteiro do Tambre.
2. Elaboraranse memoria e planos xustificativos dos recheos, tanto temporais como definitivos, previstos no marco da execución do viaduto sobre a ría de Muros e Noia, así como a forma e métodos para a realización das zapatas do viaduto, que deberán ser remitidos á Dirección Xeral de Recursos Mariños e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe.
3. No caso de que dos estudos anteriores se determine a afección a hábitats de interese comunitarios recollidos pola Directiva 92/43/CEE asociados ao LIC Esteiro do Tambre (no caso de ocupación física da plataforma, recheos ou zapatas do viaduto); elaborarase unha Memoria de medidas compensatorias destinadas á reposición de, polo menos, a mesma superficie dos hábitats que resultasen afectados. Deberá ser remitido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe.
4. Realizarase un estudo de corredores faunísticos no ámbito da traza co obxecto de propoñer a execución de pasos artificiais e específicos para a fauna (de pequeno, mediano e gran tamaño). Deberá incluírse a adecuada revexetación das embocaduras destes para canalizar a fauna cara ás ditas zonas. Deberá ser remitido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe.
5. Deberá realizarse unha prospección arqueolóxica intensiva para o que será necesario presentar un proxecto, asinado por técnico competente, que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
C.2) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. Consideraranse no deseño do proxecto, dun xeito estrito, todas as recomendacións derivadas dos informes emitidos pola Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, Dirección Xeral de Recursos Mariños e pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, especialmente en atención aos estudos indicados no apartado C.1 desta DIA, desenvolvendo con detalle as medidas correctoras e/ou compensatorias sobre os recursos mariños e medio natural que se deriven destes.
2. Redactarase un programa de actuacións sobre o patrimonio cultural conforme o indicado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en relación co sinalado no punto C.1.5. da DIA, e no que se inclúan as medidas a levar a cabo indicadas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o estudo informativo. O antedito debe ser informado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
En calquera caso, no que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural rexerase o disposto pola citada dirección xeral.
3. Definirase co maior detalle técnico posible o procedemento de execución do viaduto sobre a ría de Muros e Noia, incluíndo información sobre a superficie a ocupar temporal e permanentemente, medidas de prevención e protección fronte a riscos ambientais e definición da zona de seguridade. No deseño deste procedemento, considerarase a necesidade ineludible de manter sempre un paso para a auga a través da zona de obras, a de retirar todos os recheos temporais efectuados para a execución dos piares e as conclusións que se deriven do estudo da dinámica mariña no ámbito da ría de Muros e Noia.
4. Evitarase modificar as redes de escorreita para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura. Neste marco, deberanse colocar tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionaranse adecuadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación.
Estas estruturas terán as características indicadas no estudo de impacto ambiental ao respecto de que poden ser utilizadas como paso por parte da microfauna.
Asemade, nos casos nos que o drenaxe transversal sirva de paso para cursos fluviais con fauna piscícola, utilizaranse estruturas que inflúan o menos posible sobre o ecosistema fluvial, sempre que sexa posible estas estruturas serán pontes ou viadutos, evitando en calquera caso a utilización de marcos ou tubos. Ademáis, co fin de protexer a vexetación de ribeira que forma parte do ecosistema fluvial deberanse colocar os estribos ou zapatas das pontes e viadutos a máis de 5 m a cada lado do leito para facilitar o tránsito da fauna terrestre e anfibia, así como permitir o paso dos pescadores.
Para o caso concreto do río de Bendimón, o cruzamento da estrada sobre este realizarase sempre mediante unha ponte que cumpra o indicado no parágrafo anterior.
5. Dada a existencia das entidades de poboación de Corral, Orro, Celán, Rates, Mellán, Leiras Grandes, Poza, Canteiriñas, Bendimón e Catasueiro no contorno do proxecto, co obxecto de minimizar as afeccións sobre a poboación; no deseño das voaduras, así como na planificación dos métodos de execución, incluiranse as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxeccións de materiais grosos.
6. Redactarase un proxecto de integración paisaxística no que se desenvolva detalladamente a adaptación do deseño do viaduto á paisaxe da ría así como os labores de revexetación descritas no punto 7.9 Vexetación e paisaxe: restauración e acondicionamento paisaxístico incluído no documento Estudo informativo. C-550 Cee-Tui. Treito: Muros-Noia. Subtreito: L.M. de Muros con Serra de Outes-Noia. Febreiro 2004, e as recomendacións xurdidas do documento Addenda ao estudo de impacto ambiental: afeccións sobre a zona de especial protección dos valores naturais LIC ES 1110011 Esteiro do Tambre. Setembro 2004. Así, neste proxecto definiranse os traballos segundo as diferentes zonas a revexetar (noiros en desmonte e terrapléns, contorno de embocaduras de pasos de fauna, instalacións e vías auxiliares, etcétera).
Incluirase neste proxecto o desmantelamento, revexetación e integración paisaxística dos tramos da actual estrada que, se é o caso, coa mellora proposta queden en desuso.
Ademais, respecto das especies a utilizar na revexetación, incluiranse, sempre que sexa técnica e economicamente posible, arbustos e árbores autóctonas da zona afectada, sobre todo no tocante á vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados pola traza, no caso de que esta se vexa afectada, co fin de protexer o ecosistema e mellorar a integración paisaxística da actuación.
7. Ademais de cumprir os condicionados indicados no punto B.1.8, o programa de vixilancia ambiental deberá contemplar especificamente os seguintes aspectos:
- Plan de seguimento da calidade das augas da ría de Muros e Noia durante a fase de construción do viaduto, indicando metodoloxía, periodicidade e límites a impoñer aos diferentes parámetros, tendo en conta o seguinte:
* As análises a realizar deberán incluír todos os parámetros establecidos no Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, polo que se establecen as normas de calidade das augas e da produción de moluscos e outros invertebrados mariños vivos.
* Tomaranse como mínimo dous puntos de mostraxe sobre o banco marisqueiro máis próximo.
* O seguimento da porcentaxe de sólidos en suspensión debe ser realizada en continuo nos momentos da realización de recheos ou da retirada de materiais co fin de poder detectar incrementos puntuais.
- Plan de control da calidade da auga do río de Bendimón, indicando metodoloxía, periodicidade e límites a impoñer aos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona afectada. Considerase que como mínimo os parámetros a analizar son os seguintes: temperatura, materias en suspensión, pH, oxíxeno disolto, condutividade e aceites e produtos lubricantes.
- Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da vía, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites a impoñer, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.
- Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación do mesmo, de xeito que cumpra a súa función dun modo efectivo.
- Definición con detalle dos protocolos de verificación e control establecidos no documento Addenda ao estudo de impacto ambiental: afeccións sobre a zona de especial protección dos valores naturais LIC ES 1110011 Esteiro do Tambre. Setembro 2004.
C.3) Fase de replanteo.
1. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto correspondente ao dominio público hidráulico, deberá dispoñerse da autorización oportuna emitida polo organismo autónomo Augas de Galicia.
2. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto correspondente ao dominio público marítimo-terrestre, deberá dispoñerse da autorización oportuna emitida pola Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente.
3. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico e marítimo-terrestre, polo que se procederá ao balizado ou sinalización adecuada dos treitos inscritos en ambas as zonas, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos así como das ribeiras, marxes e zona de servidume (no caso do dominio público hidráulico) e zona de servidume de tránsito (no caso do dominio público marítimo-terrestre) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puideran supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.
4. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto deberá contarse coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a execución do Programa de actuacións e do proxecto de seguimento e control arqueolóxico.
C.4) Fase de obras.
1. En referencia ao proceso de execución do viaduto sobre a ría de Muros e Noia teranse en conta as seguintes prescricións:
- As obras realizaranse preferentemente en períodos de marea baixa, evitando en todo caso os momentos de máxima corrente.
- Disporase unha barreira de xeotéxtil de separación entre o terreo natural e o aportado para o recheo, así como por enriba deste.
- Colocarase una barreira de protección ao redor da zona de traballo, barreira que debe ter capacidade de retención de sólidos en suspensión, aceites e hidrocarburos.
A implantación destas medidas, as propostas no documento Addenda ao estudo de impacto ambiental: afeccións sobre a zona de especial protección dos valores naturais LIC ES 1110011 Esteiro do Tambre. Setembro 2004, así como as medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias as que se fai referencia no punto C.2.1 desta DIA, serán obxecto de especial e estrito seguimento para evitar afeccións sobre o LIC Esteiro do Tambre, tendo en conta o seu valor desde o punto de vista ecolóxico (hábitat singular de especies de flora e fauna).
2. Para os recheos a efectuar na ría de Muros e Noia no proceso de execución do viaduto sobre a ría de Muros e Noia deberá contarse previamente coa correspondente autorización, de acordo co indicado na Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas.
3. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística definidos no proxecto ao que se fai referencia no punto C.2.6 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.
4. A Dirección Xeral de Obras Públicas, levará a cabo o programa de vixilancia ambiental desenvolvido no proxecto construtivo segundo o indicado nos puntos B.1.8 e C.2.7 desta DIA para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan:
a) Trimestralmente:
- Cronograma actualizado das obras.
- Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental que cumpra cos condicionantes desta DIA. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano coa localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas mariñas e continentais.
- Representación en plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman.
- Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.
b) Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do programa de vixilancia ambiental que reflita o cumprimento de todas as medidas correctoras contempladas no estudo así como as impostas pola DIA, en concreto:
- Informe no que se reflita o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras respecto do proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto anterior. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano coa localización.

C.4) Fase de explotación.
A Dirección Xeral de Obras Públicas elaborará anualmente un informe, incluíndo o seguinte:
- Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido no proxecto construtivo segundo o solicitado nos puntos B.1.8 e C.2.7 desta DIA.
- Reportaxe fotográfica onde se reflita a integración paisaxística da actuación, indicando a data e a hora da toma, así como a localización dos puntos de toma das fotografías nun plano.
- Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.
A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2005.
José Manuel Álvarez-Campana Gallo, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
ANEXO I - Descrición do trazado avaliado no estudo de impacto ambiental
A actual estrada C-550, Cee-Tui, no treito de estudo, desde Noia ata o límite municipal de Serra de Outes con Muros é unha estrada que discorre practicamente na súa totalidade por unha grande cantidade de de núcleos urbanos, o que fai que o tempo de percorrido entre os núcleos de Muros e Noia sexa moi elevado.
No estudo informativo obxecto desta DIA defínense as diferentes alternativas de trazado seleccionadas para a mellora da antedita situación no subtreito Noia-límite municipal de Muros con Serra de Outes. A análise das alternativas realízase formulando como obxectivo prioritario a supresión do actual trazado a través do núcleo de Serra de Outes e dunha grande cantidade de pequenos núcleos que converten a citada estrada nunha especie de travesía, mediante unha estrada coa capacidade precisa para absorber eficazmente as demandas de tráfico, tanto actuais como futuras.
Para o dito estudo dividiuse a estrada actual nos seguintes tres treitos:
- Treito 1: desde o p.k. 6+000 ata o comezo da ponte Ceilán, no p.k. 7+100 da estrada actual. É o treito que sae de Noia.
- Treito 2: desde o p.k. 7+100 (ponte Ceilán) ata o p.k. 7+663. Neste treito non se realiza ningunha actuación.
- Treito 3: desde o p.k. 7+663 ata o p.k. 15+853. É o treito que atravesa o núcleo de Serra de Outes.
Alternativas estudadas:
* Treito 1:
Dúas posibles alternativas:
- V11: consiste na execución dunha variante á dereita da estrada actual que conecta coa variante de Noia no seu comezo e finaliza en ponte Ceilán. A lonxitude desta variante é de 1,319 km.
- V12: consiste na execución dunha variante á esquerda da estrada actual, que conecta coa variante de Noia no seu comezo e finaliza en ponte Ceilán. A lonxitude da variante é de 1,180 km.
* Treito 2:
Non se realiza ningún tipo de actuación por tratarse, case exclusivamente, da ponte Ceilán.
* Treito 3:
Neste treito estudáronse dúas posibles alternativas variantes para dar solución ao problema xerado ao ter que atravesar o núcleo de Serra de Outes e unha terceira solución que consiste no alargamento e mellora do dito treito. As propostas son:
- V31: parte do final do treito 2 e inmediatamente cruza a ría cunha ponte de 700 m de lonxitude. A lonxitude final desta variante é de 4,744 km.
- V32: consiste en realizar o alargamento e mellora desde o p.k. 7+663 (onde finaliza o treito 2) ata o p.k. 10+360, onde a estrada actual se separa do núcleo de Serra de Outes en dirección cara á ría para volver a incorporarse á estrada actual no p.k. 12+190 e continuar o alargamento e mellora ata o p.k. 15+853. A lonxitude total é de 1,125 km en novo trazado e 6,360 km en alargamento e mellora.
- V33: consiste no alargamento e mellora do treito da estrada actual, de 8,820 km. A actuación consiste en ampliar a plataforma de largo actual 5 m ata 7 m (onde isto sexa posible, que é aproximadamente na metade da súa lonxitude) e na execución de beiravías nos treitos urbanos.
Alternativa escollida:
Despois dunha análise desde o punto de vista técnico, urbanístico, ambiental, social e de patrimonio das diferentes alternativas escollidas seleccionase como a menos impactante a alternativa V12 para o treito 1 e a alternativa V31 para o treito 3.
Posteriormente, despois do período de exposición pública do proxecto, no documento de proposta de aprobación definitiva proponse este trazado pero engadíndolle un novo enlace a distinto nivel no contorno do p.k. 3+000 da alternativa V31, aceptando así a petición do Concello de Outes.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras incluídas no estudo de impacto ambiental e documentación complementaria
Estudo de impacto ambiental:
* Calidade do aire:
- Control das condicións atmosféricas durante a fase de movementos de terra co fin de prever os períodos susceptibles de provocar unha alta inmisión de partículas na atmosfera.
- Rega con auga para estabilización.
- A totalidade da maquinaria utilizada no marco das obras contará co correspondente certificado da Inspección Técnica de Vehículos.
- Realizarase o cubrimento das materias a transportar mediante lonas, transportes pechados, etcétera.
- Limpezas periódicas dos vehículos de transporte.
- Limpeza periódica dos viarios utilizados para o transporte.
* Niveis sonoros:
- Verteduras de terras desde alturas o máis baixas posible.
- Programación da obra co fin de evitar situacións nas que a acción conxunta de varios equipos ou accións cause niveis de ruídos elevados durante períodos prolongados de tempo e/ou durante a noite.
- Informaranse os operarios das medidas para tomar para minimizar as emisións sonoras.
- Control da velocidade dos vehículos.
- Nas voaduras adoptaranse as seguintes medidas:
Minimizar a carga de explosivo por unidade de microrretardo.
Seccionamento das cargas dentro dos barrenos e iniciamento en tempos distintos.
Redución do diámetro de perforación e acurtamento da lonxitude dos barrenos.
Disposición das frontes coa menor superficie libre posible.
Revisión dos equipos utilizados na obra.
* Solos e ocupacións:
- Durante as operacións de replanteo e balizamento de todas as zonas de obra levarase a cabo unha planificación e delimitación das zonas sometidas a actividade, de xeito que soamente se ocupen os terreos estrictamente necesarios.
- Sempre que sexa posible recorrerase a establecementos autorizados para a realización do lavado da maquinaria, o seu mantemento e repostaxe.
- No caso de que o antedito non sexa posible, habilitarase un lugar axeitado para a realización das ditas tarefas, serán dentro da propia infraestrutura ou ben en áreas inmediatamente anexas e de escaso ou nulo valor ambiental. No caso de que fora necesario levar a cabo o lavado da maquinaria acondicionarase unha zona cunha superficie de formigón dotada dun sistema de recollida de efluíntes e balsa de decantación asociada. No que respecta á zona de cambio de aceite e repostaxe, colocarase unha base de lona impermeable e cubrirase da choiva, levándose un control exhaustivo dos derramos que posteriormente se tratarán como residuo perigoso.
- Establecerase un plan viario e de acceso a obra, co fin de evitar a dispersión de vehículos e maquinaria pola zona. Utilizaranse preferentemente as zonas de obra como viarios.
- Tratarase de afectar o menos posible a rede de estradas do territorio, tratando de non circular por zonas poboadas e en horas punta, asemade levarase a cabo unha correcta sinalización e, periodicamente, limparase e restaurarase ao seu estado orixinal o viario rural afectado polo tránsito de maquinaria pesada da obra.
- Programarase a recuperación e tratamento do máximo volume de solo fértil, para o seu posterior emprego en procesos de revexetación e acondicionamento paisaxístico. Estes labores de recollida realizaranse baixo o cumprimento dunhas exixencias mínimas que garantan o correcto mantemento deste recurso.
- Formúlase a xestión dos seguintes residuos:
Residuos sólidos urbanos e asimilables.
Aceites, lubricantes usados e outros residuos perigosos xerados pola maquinaria e as actividades de obra.
Augas sanitarias.
- Os préstamos obteranse co menor custo ambiental posible, recomendándose recorrer á utilización de canteiras ou outras instalacións que se atopen xa en explotación.
- No caso de que se xenere un volume de sobrantes superior ao previsto (o que se atopará recolocado no ámbito da obra e nos tramos mortos obxecto de rexeneración) o lugar destes definirase previamente ao inicio da obra, realizando unha selección de canteiras abandonadas, vertedoiros incontrolados ou otras zonas degradadas do contorno.
* Calidade das augas:
- Nas obras próximas a rede fluvial territorial disporanse sistemas de control dos arrastres por escorrega dos materiais removidos mediante conducións controlada das augas (cunetas) onde se instalarán, se é o caso, filtros de sedimentos.
- Disporase dos sistemas de control necesarios para evitar as verteduras ou lavado de materiais empregados en obra cara ás augas dos leiros. Evitarase a disposición de materiais de obra nas ribeiras e fondos de valgadas, implementando os sistemas necesarios para asegurar que non se realizan arrastres de materiais de obra debido a eventuais avenidas.
- Aplicaranse ao proceso construtivo e de equipamento tódalas medidas necesarias: información ao persoal de obra, coidados e normas para o manexo de materiais de risco (formigóns, aceites, etcétera).
- Disporase a pé de obra de sistemas destinados a minimizar aumentos de turbidez ao nivel das augas da rede fluvial territorial: barreiras ou cortinas antiturbidez.
* Tratamento das cunetas:
- Plan periódico de limpeza e conservación dos sistemas de drenaxe para asegurar que cumpran dun modo correcto o seu cometido.
- Na limpeza das cunetas evitarase, na medida do posible, a utilización de produtos herbicidas.
* Fauna:
- O sistema de drenaxe transversal, complementado con parte do lonxitudinal, pode ser utilizado para o paso da herpetofauna, empregando as técnicas pertinentes para favorecer a direccionalidade da fauna cara ás ditas zonas permeables. A adecuación destas estruturas para o paso da fauna deberase considerar no proxecto de restauración e integración paisaxística a realizar na fase de trazado ou construtiva.
* Vexetación e paisaxe: restauración e acondicionamento paisaxístico:
- O acondicionamento paisaxístico do proxecto realízase mediante a execución dun proxecto de restauración.
- Nesta fase de proxecto, estudo informativo, establécense as directrices básicas do acondicionamento vexetal das superficies resultantes da execución das obras. Nas seguintes fases do proxecto (estudo de trazado e proxecto construtivo) o trazado definirase con maior precisión, establecéndose definitivamente a tipoloxía e número das estruturas (pasos elevados e inferiores, drenaxe transversal e lonxitudinal, viadutos, muros, etcétera). Será nestas fases (preferentemente no proxecto construtivo), unha vez establecidas as medicións precisas das distintas unidades de obra que definen a nova estrada, onde se acometerá a redacción do proxecto de restauración definitivo, coa correspondente alínea específica de orzamentos da restauración e prego de condicións técnicas de restauración.
* Patrimonio cultural:
- Achégase o estudo valorativo de afeccións sobre o patrimonio, onde se inclúe o inventario de bens patrimoniais, os impactos sobre este e a proposta de medidas correctoras e de seguimento e control arqueolóxico.
* Medio socioeconómico:
- Correcta sinalización de aviso de obras e do viario alternativo, de maneira que sexa posible evitar trastornos na circulación xerados polas actividades construtivas e a presenza de maquinaria pesada, durante a fase de construción.
- Utilización preferente da man de obra local, dos recursos materiais ofrecidos polo medio inmediato á obra e dos materiais de construción manufacturados no contorno comarcal.
- Establecemento de mecanismos deseñados para informar os habitantes dos concellos afectados polas obras.
- Maximizar a realización dos traballos de movementos de terra e transporte de materiais en condicións atmosféricas favorables, evitando traballar con ventos fortes durante períodos secos, para evitar afeccións nas vías respiratorias, perda de valor das colleitas e calidade estética do contorno.
- Restauración do viario rural utilizado no marco das obras.
Documentación complementaria para a alternativa 1 do tramo 3: Addenda ao estudo de impacto ambiental: afeccións sobre a zona de especial protección dos valores naturais LIC ES 1110011 Esteiro do Tambre:
* Medidas compensatorias:
- Restitución e rexeneración de hábitats no ámbito espacial da zona de especial protección dos valores naturais.
- Restitución e rexeneración da superficie a ocupar polas plataformas de traballo na zona de execución das zapatas e piares do viaduto.
* Medidas preventivas asociadas ao proceso construtivo do viaduto:
- Deseño de acceso ao bordo litoral.
- Deseño e configuración das plataformas de traballo na zona de execución das zapatas e piares do viaduto; de xeito que queden illadas con respecto ao terreo no que se apoian; por exemplo, a base de xeotéxtiles ou similares.
- Deseño e aplicación de medidas de control de arrastres de terras e materiais de obra asociados ás plataformas de traballo na zona de execución das zapatas e piares do viaduto, mediante o balizado e confinamento da zona de traballo mediante a disposición dunha barreira de protección orredor da zona de traballo, barreira que debe ter capacidade de retención de sólidos en suspensión, aceites e hidrocarburos.
- Axuste dos períodos de traballo nos ciclos de baixamar.
- Definición de prácticas construtivas e de manexo de materiais durante cada ciclo de traballo, e entre ciclo e ciclo de traballo.
- Definición e deseño do proceso de desmantelamento das plataformas de traballo no ámbito de execución das zapatas e piares do viaduto.
- Definición do proceso de rexeración e restitución do espazo ocupado polas plataformas de traballo.
Asemade, establécense protocolos de verificación e control da efectividade das anteditas medidas que serán integrados no programa de vixilancia ambiental.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL