Resolución do 2 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 8 de marzo de 2004, relativa ao proxecto de trazado da variante de Marín, treito 1: conexión da A-9 coa estrada de Figueirido (N/PO/91.10.1), nos concellos de Marín e Pontevedra.

Diario Oficial de Galicia, 15-04-2004, Núm. 72, Páx. 5307
Resolución do 2 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 8 de marzo de 2004, relativa ao proxecto de trazado da variante de Marín, treito 1: conexión da A-9 coa estrada de Figueirido (N/PO/91.10.1), nos concellos de Marín e Pontevedra. En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto na Lei 6/2001, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, faise pública a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 8 de marzo de 2004, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de trazado da variante de Marín, treito 1: conexión da A-9 coa estrada de Figueirido (N/PO/91.10.1) promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas e que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 2 de abril de 2004. Agustín Hernández Fernández de Rojas Director xeral de Obras Públicas Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 8 de marzo de 2004, relativa ao proxecto de trazado da variante de Marín, treito 1: conexión da A-9 coa estrada de Figueirido (N/PO/91.10.1), nos concellos de Marín e Pontevedra (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, clave: 2003/0312. Antecedentes. A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece que os proxectos públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou calquera outra actividade comprendida no seu anexo I, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental. Este proxecto ten por obxecto completar o desenvolvemento da variante de Marín e conectar esta coa A-9. Esta estrada de novo trazado ten unha lonxitude duns 3,8 km. Así mesmo, neste proxecto prevense dous enlaces no treito 2 desta variante: conexión da estrada de Figueirido coa C-550, que conta con declaración de impacto ambiental do 16 de decembro de 1998, revisada o 22 de abril de 1999. Dado que entre os proxectos recollidos no antedito anexo I se atopa a construción de autoestradas e autovías, vías rápidas e estradas convencionais de novo trazado, procédese a formular a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia. Inicialmente, en agosto de 2001, redactouse outro trazado para a estrada obxecto desta DIA, publicándose no DOG do 14 de novembro de 2001 (nº 220) a resolución da Subdirección Xeral de Estradas, sobre a información pública do proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental. Porén, tendo en conta que durante o período de información pública se reciben numerosas alegacións opostas á solución proxectada, así como o rexeitamento do Ministerio de Fomento á conexión coa N-553, por Resolución do 23 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Obras Públicas, déixase sen efecto a aprobación técnica provisional deste proxecto de trazado e do estudo de impacto ambiental, aprobándose tecnicamente o trazado obxecto desta DIA na resolución da Dirección Xeral de Obras Públicas do 15 de xaneiro de 2003. Así, en cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 1 de febreiro de 2003 publícase no DOG (nº 22) a Resolución do 15 de xaneiro de 2003, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental obxecto desta DIA. Con data do 5 de decembro de 2003 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, en que se inclúen o certificado de exposición ao público no Concello de Pontevedra, os informes da Dirección Xeral de Estradas (Ministerio de Fomento), da Deputación Provincial de Pontevedra, do Concello de Pontevedra, da Dirección Xeral de Saúde Pública, un primeiro informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e copia das alegacións presentadas durante o período de exposición ao público. Con datas do 23 de decembro de 2003 e do 22 de xaneiro de 2004 teñen entrada o informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e un segundo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respectivamente, e con data do 9 de febreiro de 2004 os certificados de exposición ao público no Servizo Provincial de Estradas e na Dirección Xeral de Obras Públicas. Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula para os únicos efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) da variante de Marín, treito 1: conexión da A-9 coa estrada de Figueirido, promovida pola Dirección Xeral de Obras Públicas. O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Obras Públicas e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. No anexo I resúmense o proxecto e as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental. No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos dos distintos organismos consultados. O resultado destas consultas tívose en conta, no que procede, no condicionado desta DIA. O anexo lll inclúe un resumo das alegacións de carácter ambiental recibidas como resultado do trámite de información pública, as que foron tidas en conta, no que procede, nos puntos 2, 9 e 10 do condicionado da DIA. Declaración de impacto ambiental. Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa o seguinte documento: proxecto de trazado. Variante de Marín, treito 1: conexión da A-9 coa estrada de Figueirido. Novembro 2002, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Condicionado. 1. Ámbito da declaración: 1.1. Esta declaración de impacto ambiental refírese ás obras proxectadas no documento Proxecto de trazado. Variante de Marín, treito 1: conexión da A-9 coa estrada de Figueirido. Novembro 2002, nos concellos de Pontevedra e Marín, na configuración correspondente ao plano nº 2 Plano de conxunto, recollido no tomo III, Estudo de impacto ambiental, do antedito documento. No que respecta aos dous enlaces no treito 2 desta variante: conexión da estrada de Figueirido coa C-550, observarase ao disposto na declaración de impacto ambiental, do 16 de decembro de 1998, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do Estudo informativo da variante de Marín (C-550), treito Marín, clave N/PO/91.19, así como na súa posterior revisión do 22 de abril de 1999. 2. Protección da atmosfera: 2.1. Sobre a emisión de po e gases. 2.1.1. Os camións irán equipados con lonas ou toldos durante o transporte de materiais, segundo o artigo 14.2º do Regulamento xeral de circulación. 2.1.2. Empregaranse captadores de po nos equipos de perforación e levaranse a cabo as medidas necesarias para minimizar as previsibles emisións durante as voaduras. 2.1.3. A maquinaria utilizada no proceso construtivo deberá cumprir coa normativa vixente en materia de emisións que lle resulte de aplicación. 2.2. Sobre a contaminación acústica. 2.2.1. Observarase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais dos concellos afectados. 2.2.2. Tal e como se indica no estudo de impacto ambiental, instalaranse pantallas acústicas en zonas da estrada en que existan vivendas situadas dentro das isófonas correspondentes a 55 dB (A); porén valorarase, segundo os casos, a conveniencia de substituír as pantallas vexetais por pantallas acústicas sólidas altamente absorbentes. 2.2.3. Elaborarase un plan de seguimento de ruídos, tanto para a fase de obras como para a de explotación, que se implementará no Programa de seguimento e vixilancia ambiental solicitado no punto 11.6.1 da DIA, onde se indicarán os puntos, a metodoloxía e a frecuencia das medicións, así como a maquinaria en funcionamento e as obras que se estean realizando no momento das medicións. Este plan de seguimento de ruídos realizarase baseándose no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. 3. Protección das augas e leitos: 3.1. Previamente a calquera afección ao dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía do rego de Louriñas e das outras canles fluviais afectadas pola traza, será preceptiva a autorización outorgada por Augas de Galicia. 3.2. Procederase ao balizamento ou sinalización axeitada dos tramos do rego de Louriñas e dos outros cursos fluviais afectados, co obxecto de os preservar de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización destes espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puidesen supor a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes. 3.3. As drenaxes transversais da vía realizaranse de xeito que non se modifique o actual réxime hídrico da zona. Para tal fin deberase presentar un estudo da localización de todos os dispositivos de drenaxe necesarios, tanto transversais coma lonxitudinais, de acordo co requirido no punto 11.3 desta DIA. Así mesmo, elaborarase a proposta de plan de seguimento e control do estado do sistema de drenaxe solicitada no punto 11.6.2. 3.4. Non estando definida no estudo presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, áridos ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas. 3.5. Prohíbese verter nos propios leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite de maquinaria de construción. 3.6. Non se depositarán na zona de servidume nin en lugares próximos ningún tipo de material que poida incorporarse ao río por escorregas ou cheas. 3.7. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captación de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice á rede de sumidoiros da zona, cómpre dispoñer da autorización do xestor da dita rede. 3.8. No caso de que se substitúa o terraplén na zona de enlace coa autoestrada A-9 por un viaducto, tal como se indica no punto 9.1 da DIA, este construirase de xeito que non se coloque ningún piar dentro do leito do rego de Louriñas e os estribos se sitúen polo menos 5 m a cada lado del. 3.9. Implementarase unha proposta de seguimento e control, tanto para a fase de obras como para a de explotación, dos cursos fluviais afectados polo trazado e das verteduras das balsas de decantación indicadas no estudo de impacto ambiental. 4. Protección dos solos. 4.1. Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas co fin de delimitar as distintas zonas de obra, mediante o seu balizamento, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen e estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. Neste control topográfico quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico. 4.2. Tendo en conta que no caso de substituír o terraplén da zona de enlace coa autoestrada A-9 por un viaducto, tal como se indica no punto 9.1 desta DIA, aumentarán considerablemente os sobrantes dos movementos de terra, este material debe ser xestionado axeitadamente e dispoñer dos correspondentes permisos para o seu depósito. Realizarase unha proposta de zonas para o depósito destes sobrantes tal e como se solicita no punto 11.5 desta DIA. 4.3. No que respecta á terra vexetal que se vai utilizar na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras, almacenarase de acordo co indicado no estudo de impacto ambiental, prohibíndose o paso de maquinaria sobre eles para evitar a compactación. No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica. 4.4. Os labores de limpeza, mantemento e reparación de maquinaria durante a fase de construción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramas accidentais de substancias contaminantes. Cando isto nos sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras. 5. Sobre os residuos: 5.1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. 5.2. Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, situados na zona de instalacións de obra, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza. A localización dos contedores e bidóns para o almacenamento temporal dos residuos deberase reflectir no plano requirido no punto 11.1. 5.3. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 6. Protección da vexetación: 6.1. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra. Así mesmo, procederase ao balizamento, ou á sinalización de todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental situadas no contorno afectado polo proxecto, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre elas. Así, co fin de evitar a deterioración así como calquera influencia negativa sobre os hábitats fluviais, protexerase en todo momento a vexetación de ribeira. Esta medida levarase a cabo na fase de replanteo. 6.2. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. A corta de vexetación cinguirase á estrictamente necesaria para a execución da obra, e, se é tecnicamente posible, os tocos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais. 6.3. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira do regato de Louriñas ou dos outros cursos fluviais observarase o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico e para o aproveitamento e a utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos. 6.4. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ao solo. 6.5. Nos labores de mantemento de beirarrúas e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente por medios mecánicos. 7. Protección da fauna: 7.1. No caso de que na zona de enlace coa autoestrada A-9 non se substitúa o terraplén por un viaducto, tal como se indica no punto 9.1, e tendo en conta que este cruza sobre o leito do regato de Louriñas, a obra de drenaxe transversal para o paso deste rego será de tipo pórtico, evitando os pasos tipo marco ou tubo debido á escasa lámina de auga circulante por eles no verán, o que dificulta os desprazamentos da fauna piscícola. No caso de que tecnicamente non sexa posible o anterior, deberase xustificar que o deseño das infraestruturas que se van instalar garantan que non xeran, no punto de paso, láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, e que se minimiza a lonxitude do paso o máximo posible. 8. Protección do patrimonio: 8.1. No que respecta á protección do patrimonio arqueolóxico, levaranse a cabo as medidas correctoras establecidas no documento Memoria técnica do proxecto de prospección arqueolóxica da superficie impactada polas obras da variante de Marín, treito I; conexión da A-9 coa estrada de Figueirido (Pontevedra). 8.2. Deberá presentarse perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural un proxecto para a realización do control e seguimento das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, que deberá ser aprobado por esa dirección xeral previamente ao inicio das obras. Remitirase o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o mencionado proxecto a estas dependencias tal e como se solicita no punto 11.7 desta DIA. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras. 8.3. Todos os elementos do patrimonio cultural deberán figurar na cartografía empregada polo persoal da obra. 8.4. No caso de que se utilicen de acceso ás obras as pistas en cuxos bordos se sitúen os elementos etnográficos, estes sinalizaranse axeitadamente. 8.5. A aparición de calquera resto arqueolóxico durante a fase de obra ou no seu seguimento arqueolóxico poñerase en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que tomará as medidas cau telares oportunas. Deberá consignarse no proxecto definitivo unha partida orzamentaria de imprevistos para o caso de ser necesaria a realización de actuacións arqueolóxicas derivadas do control e seguimento. 8.6. No caso de que se localice algún tipo de evidencia arqueolóxica no transcurso das obras de construción, comunicaráselle, coa maior brevidade posible, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, quen establecerá as medidas correctoras pertinentes para paliar o impacto. 8.7. Todas as actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos. O deseño dos proxectos, así como a súa execución, faranse en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 8.8. Calquera modificación do proxecto deberá ser comunicada, coa maior brevidade posible, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 9. Protección da paisaxe: 9.1. Co obxecto de mellorar a integración paisaxística do trazado e diminuír o efecto barreira que crean este tipo de proxectos, estudiarase a alternativa de substituír o terraplén situado na zona de enlace desta estrada coa autoestrada A-9 por un viaducto e nas zonas da traza que crucen por núcleos poboados baixarase a rasante o máis posible. 9.2. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística indicados no estudo de impacto ambiental, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de croas que poidan aparecer nas sementeiras ou hidrosementeiras previstas. 9.3. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies denudadas, procederase á aplicación dos procedementos de restauración e revexetación proxectados coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso de ser necesarias adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais. 9.4. Os acabamentos finais das actuacións deberán realizarse co deseño e materiais que integren as devanditas obras no contorno. 10. Protección dos servizos existentes: 10.1. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e as servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras é preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse indicar rutas alternativas que presten o mesmo servizo. 11. Documentación adicional Previamente ao comezo do proceso construtivo, o promotor remitiralle a esta dirección xeral para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puidesen derivarse, un (1) exemplar da seguinte documentación: 11.1. Plano onde se sinale a localización das instalacións auxiliares, zonas de amoreamentos de materiais e zonas de almacenamento de residuos. Irá acompañado dunha memoria onde consten os equipamentos destinados a previr a xeración de impactos adicionais de cada unha das instalacións previstas, así como unha definición suficiente das súas funcións. 11.2. Definición, incluíndo cartografía, da localización das vías de obra, xustificando a apertura de novas vías no caso de que se precisen. Irá acompañado dunha memoria onde consten os impactos adicionais de cada un dos accesos previstos, así como unha definición suficiente das medidas correctoras que se van adoptar. 11.3. No caso de que se substitúa o terraplén na zona de enlace coa autoestrada A-9 por un viaducto, tal como se indica no punto 9.1 desta DIA, presentar o detalle da configuración e características deste viaducto. 11.4. Detalle da configuración e características do sistema de drenaxe. 11.5. Proposta de zonas para o depósito do material sobrante dos movementos de terra, xustificando ambientalmente a localización destas zonas. 11.6. Ampliarase o Programa de seguimento e control ambiental incluído no estudo de impacto ambiental co seguinte: 11.6.1. Proposta de plan de seguimento e control dos ruídos producidos tanto na fase de obras coma na de explotación no contorno do proxecto, baseándose no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. Reflectiranse os puntos de mostraxe nun plano referenciado en coordenadas UTM. 11.6.2. Proposta de plan de seguimento e control do estado do sistema de drenaxe para a fase de explotación. 11.6.3. Proposta de plan de seguimento e control, tanto para a fase de obras como para a de explotación, dos cursos fluviais afectados polo trazado e das verteduras das balsas de decantación indicadas no estudo de impacto ambiental. 11.7. Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o proxecto para a realización do control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos. 11.8. Notificación do responsable ambiental tal e como se require no punto 13.6 da DIA. Unha vez avaliada a citada documentación, remitiráselle ao promotor o seu resultado, non podendo proceder ao comezo das obras ata que non conte con informe favorable desta dirección xeral sobre a totalidade da documentación requirida. Unha vez emitido por esta dirección xeral sobre o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicaralle a esta dirección xeral a data de comezo das obras actualizada, contendo todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de comezo, remate e a duración prevista. 12. Programa de seguimento e vixilancia ambiental: O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Todas as medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 12.6 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do Programa de vixilancia e seguimento ambiental. No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilos. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Tendo en conta o anterior, a Dirección Xeral de Obras Públicas deberá levar a cabo os seguintes informes: 12.1. Trimestralmente, durante a fase de obras: 12.1.1. Cronograma actualizado das obras. 12.1.2. Memoria do seguimento realizado de acordo co Programa de vixilancia e seguimento ambiental aprobado. Indicaranse, de ser o caso, as variacións producidas con respecto ao proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora que servirán de branco ambiental. 12.1.3. Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman. 12.2. Antes da emisión da acta de recepción: memoria-resumo da aplicación do Programa de vixilancia e seguimento ambiental que reflicta o cumprimento de todas as medidas correctoras recollidas no estudo, así como as impostas na DIA, en concreto: 12.2.1. Informe no que se reflicta o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, de ser o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras con respecto ao proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto 12.1 desta DIA. Incluirá unha reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. 12.3. Seguimento ambiental anual, que se contará desde o inicio da explotación. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos: 12.3.1. Memoria-resumo do seguimento realizado de acordo co Programa de vixilancia e seguimento ambiental aprobado, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. Incluirá unha reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data e hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano. 13. Condicións adicionais: 13.1. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor. Porén, este poderá solicitar do órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acadar os obxectivos e as metas que se indican nesta declaración de impacto ambiental. Nesta circunstancia, o promotor solicitarallo, nun prazo dun (1) mes de lle ser notificada esta declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle o acordo adoptado ao promotor, quen non poderá comezar os traballos antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto. 13.2. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e, no caso de que poida producir efectos adversos significativos, deberá ser notificado previamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental. 13.3. Se, unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá sus pender cautelarmente a actividade ata determinar as causas que xeran os mencionados impactos, e sexan corrixidos. 13.4. Ante a manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, o órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos que constan nesta DIA. 13.5. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial, por parte do promotor, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder a adoptar as medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente. 13.6. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable deste e notificarlle o seu nomeamento ao órgano ambiental. 13.7. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia. Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2004. José Manuel Álvarez-Campana Gallo Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I Resumo do proxecto. O treito 1 da variante de Marín, cunha lonxitude de 3,8 km, ten a súa orixe no p.k. 98+445, no tronco da autoestrada A-9, discorrendo en dirección oeste ata o núcleo de Lourizán (Santo André), xirando posteriormente cara ao sudoeste ata o p.k. 102+240 do proxecto de construción da variante de Marín, treito 2: conexión da estrada de Figueirido coa C-550. Proxéctanse un paso inferior e tres pasos superiores, un sobre a autoestrada e os outros dous sobre camiños existentes, para lles dar comunicación transversal aos distintos núcleos de poboación existentes ao longo da traza. Proxéctanse camiños de servizo a ambos os lados, practicamente en toda a lonxitude da traza. Así mesmo, proxéctanse dous enlaces no treito 2 desta variante: conexión da estrada de Figueirido coa C-550; o primeiro situado no p.k. 106+900, é un enlace en diamante cunha glorieta que conecta a estrada de Figueirido coa vía en ambos os sentidos, en dirección a Pontevedra e en dirección a Bueu. O segundo, deseñado no p.k. 108+100; o dito enlace comunica a nova vía en dirección Pontevedra cunha estrada que cohesiona coa C-550. Resumo das medidas protectoras e correctoras. - A maquinaria limitará os seus movementos aos camiños existentes ou ás zonas estritamente de obras. - Para impedir o movemento incontrolado de maquinaria, pode resultar necesario limitar, mediante cerramentos, as súas zonas de mobilidade, polo menos nas áreas máis sensibles como os álveos dos principais ríos e arroios. - Todos os residuos serán trasladados a vertedoiros autorizados, debendo considerarse inaceptable o seu abandono na zona de obras, e en ningún caso fóra dos límites das superficies designadas con estes fins. - Considerarase crítico o baleirado de formigoneiras e a vertedura de substancias de calquera tipo nos álveos de ríos e arroios, xa que isto pode comportar unha afección á calidade das augas superficiais. - Os materiais necesarios procederán de canteiras autorizadas, non debendo autorizarse a extracción incontrolada da zona de obras. - Evitarase a execución de operacións con maquinaria ruidosa ou outras accións que orixinen un nivel de ruídos elevado durante as horas normais de repouso, considerando estas de dez da noite a oito da mañá. - Evitarase a execución de labores de eliminación de vexetación durante o período de reprodución da fauna, así como todas aquelas actividades ruidosas que poidan alterar o proceso natural da reprodución. - As construcións temporais, como casetas e parque de maquinaria, situaranse fóra das zonas de maior riqueza agrícola e ecolóxica. Ao final das obras, as áreas ocupadas por este tipo de infraestrutura deberán ser restauradas. - De xeito previo á eliminación de vexetación e explanación da dita zona débese proceder ao seu valado, co fin de non afectar ningún factor do medio fóra do dito cerramento. - Co fin de prever contaminacións nas augas debidas á vertedura de substancias contaminantes procedentes da infraestrutura na fase de construción, disporanse balsas de decantación que filtren as augas contaminadas antes do seu encanamento pola rede de drenaxe natural. A súa localización e deseño concretos realizaranse nas fases de planificación, posto que dependerá do trazado definitivo. - Para a execución das obras aproveitarase, na medida do posible, a rede de camiños existente, evitando a apertura de camiños de forma indiscriminada. - Levarase a cabo unha prospección co fin de inventariar os bens culturais, avaliar os impactos e propoñer e valorar as medidas correctoras pertinentes. - Instalación de barreiras de retención de sedimentos co fin de reter os materiais arrastrados pola auga. Localizarase coa marcha das obras. - Realizaranse regas superficiais naquelas zonas onde se realicen movementos de terras e explanacións. - Asegurarase a permeabilidade das valgadas e arroios que sexan cruzados pola infraestrutura mediante o deseño da drenaxe transversal. - Retiraranse os primeiros 20 cm dos terreos afectados por movementos de terra que serán reempregados na fase de revexetación. Esta terra será almacenada en moreas illadas ou en lombas de 1,5 ou 2 m de altura. Co fin de evitar a erosión e o lavado destas moreas, proponse realizar pequenos afondamentos na cara superior destas. - Realizarase un estendido de terra vexetal e unha sementeira de herbáceas e arbustivas nas zonas chás e nos terrapléns, e unha hidrosementeira de herbáceas e arbustivas nos desmontes. - Deseñaranse obras de drenaxe con suficiente amplitude para permitir o paso dos pequenos mamíferos e anfibios. - Tanto na fase de construción como na de explotación, cómpre manter a continuidade e o servizo da rede de estradas e camiños existentes na zona, introducindo os eventuais desvíos durante a fase de construción correctamente sinalizados para evitar posibles accidentes e molestias aos seus usuarios. - Implantación de pantallas vexetais que atenúen o exceso de ruído naquelas edificacións próximas á infraestrutura, que terán un nivel sonoro superior ao máximo normalmente aceptado. ANEXO II Resumo dos informes. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza indica: Analizado o ámbito de afección do proxecto, obsérvase que non se afecta ningún espacio natural protexido. Non obstante, para realizar unhas obras coas mínimas afeccións ao medio natural, teranse en conta os seguintes aspectos: - A execución do proxecto realizarase conforme se recolle na documentación presentada. - Humectación de materiais poeirentos. - Tomar as medidas se seguridade necesarias para evitar derramas accidentais dos tanques de almacenamento de produtos como aceites, graxas e carburantes de motores. Ademais, terase especial coidado en evitar fugas de formigóns e cementos que son altamente tóxicos para todo o ecosistema fluvial e, en particular, para a fauna piscícola (nos formigonados habilitarase balsa de decantación). - Os cursos fluviais susceptibles de seren afectados cumprirán en todo momento o preceptuado no artigo 80 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. - Evitar a deterioración ou calquera tipo de influencia negativa nos hábitats fluviais, protexendo en cada momento a vexetación de ribeira. Así, non se colo cará ningún piar da ponte dentro do álveo e os estribos colocaranse polo menos a 5 m a cada lado del. Ademais, nos cursos fluviais evitarase a colocación de pasos marcos ou tubos para impedir calquera tipo de afección ao leito fluvial e a limitación de desprazamentos da fauna piscícola en épocas de estiaxe; o motivo destas circunstancias é debido á escasa lámina circulante polo marco ou tubo no verán, o que dificulta os desprazamentos da fauna piscícola. - Evitar modificar as zonas de escorrega para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo das obras, polo que se realizarán tantas obras de drenaxe como valgadas naturais existan no terreo. - Integración estética ao medio das obras que se van executar, diminuíndo o impacto visual e paisaxístico. - No caso de corta de vexetación, cinguirase á estritamente necesaria para a execución da obra e conforme as autorización pertinentes. - Estabilización de noiros para evitar que os procesos erosivos provoquen desprendementos. Neste sentido, para evitar o arrastre de solo por mor das choivas, as superficies núas deberán revexetarse canto antes. No caso de producirse ou demostrarse algún imprevisto que ocasione un impacto negativo sobre o medio natural, tomaranse inmediatamente as medidas axeitadas para paliar a dita afección, sendo o servizo provincial desa dirección xeral quen decidirá sobre a conveniencia da solución que se vai adoptar, así como as actuacións A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural conclúe: Do patrimonio arquitectónico: - Na memoria técnica do proxecto de prospección arqueolóxica da superficie impactada polas obras da variante de Marín, treito: conexión da A-9 coa estrada de Figueirido (Pontevedra), identifícanse, descríbense e valóranse os posibles impactos que se producen sobre o patrimonio cultural, establecendo unha serie de medidas correctoras que se consideran axeitadas. Do patrimonio arqueolóxico: - Na documentación de referencia recóllese que non foi localizado ningún elemento do patrimonio arqueolóxico visible que se vexa afectado de xeito directo polo proxecto. - Co fin de evitar calquera afección sobre xacigos arqueolóxicos non detectados durante os traballos de prospección arqueolóxica ou que polas súas características son imperceptibles a simple vista, considérase necesario establecer unha medida correctora de carácter xenérico, consistente na realización dun control e seguimento dos traballos de remoción de terras. Deberá presentarse un proxecto para a realización do control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, na fase previa ao inicio das obras. - Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras. - Todos os elementos do patrimonio cultural deberán figurar na cartografía empregada polo persoal da obra, de cara a evitar posibles afeccións. Os elementos etnográficos, no caso de que se utilicen de acceso ás obras para maquinaria e/ou camións as pistas ao bordo das cales se localicen estes elementos, deberán sinalarse axeitadamente de cara a evitar a súa afección. No caso de que se localice algún tipo de evidencia arqueolóxica no transcurso das obras de construción, comunicaráselle, coa maior brevidade posible, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que como organismo competente establecerá as medidas correctoras pertinentes para paliar o impacto. - Todas as actuación arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá autorizar a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, tal e como se estipula no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 199/1997, do 10 de outubro, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño dos proxectos así como a súa execución faranse en coordinación con esa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así mesmo, en virtude da citada lei os traballos arqueolóxicos faranse con cargo ao financiamento do proxecto. - Calquera modificación do proxecto deberá ser comunicado, coa maior brevidade posible, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. A Dirección Xeral de Estradas (Ministerio de Fomento) emite informe favorable coas seguintes prescricións: - Non se poderán iniciar as obras sen a autorización previa da Dirección Xeral de Estradas, que requirirá da presentación dun proxecto de construción onde se xustifique a imposibilidade de ampliar as beiravías das vías colectoras-distribuidoras dos actuais 0,75 m nalgúns puntos delas, e no que se garanta a seguridade vial durante a execución das obras e se dea unha solución satisfactoria que non afecte o importante volume de tráfico existente neste treito da autoestrada A-9. - Previamente ao inicio das obras deberase subscribir un convenio entre a sociedade concesionaria, Audasa, a Xunta de Galicia e a Administración Xeral do Estado, no cal se delimiten as competencias e responsabilidades de cada parte durante a execución das obras e a posterior conservación e mantemento delas. A Deputación Provincial de Pontevedra presta conformidade ao proxecto, pero realiza a seguinte consideración: Con fin de eliminar a afección á Finca de Areeiro, propiedade da deputación e que será dividida, e a uns mananciais situados na parte alta deste predio, propoñen estudiar a viabilidade dun trazado alternativo proposto que mantén a inexistencia de afeccións a vivendas, ao tempo que evita afectar a Finca de Areeiro. O Concello de Pontevedra solicita que con base nas xustificacións técnicas indicadas nos informes das oficinas técnicas de Medio Ambiente e de Planeamento e Xestión Urbanística do concello, sexa aceptado un trazado alternativo proposto para non afectar o núcleo do Regueiriño. Este trazado alternativo evitaría, ademais, o paso polo predio de Lourizán. ANEXO III Resumo de alegacións. Máximo Revestido López e 13 alegantes máis: Alegan, en nome da asociación Iniciativa Cidadán Os Praceres, que o trazado supón un forte impacto en varios núcleos das parroquias de Salcedo e Lourizán e que foi fraccionado indebidamente na súa tramitación. Polo tanto, solicita que sexa estudada outra alternativa para reducir a afección aos núcleos poboados e evitar que a vía sexa pechada e sen accesos aos ditos núcleos. Ana Mª Pereira Díaz: En nome da asociación Iniciativa Cidadán Os Praceres, ratifica e reitera as alegacións anteriores ao tempo que solicita a modificación do trazado na parroquia de Lourizán, lugares de Agrovello, O Regueiriño, Rorís e A Carballeira, que serían divididos polo trazado actual e limitada a súa posibilidade de expansión, ademais do impacto paisaxístico e ambiental que supón o proxecto, así como a escaseza de saídas e conexións que presenta. Salvador Sánchez Lozano: Alega, en nome da Plataforma Defensora da Praza dos Praceres, ter presentado con anterioridade varios escritos ao concello solicitando que sexa estudada outra alternativa, petición que reitera e pide que se consensúe cos veciños. Dolores Suárez González e José Suárez González: Alegan que a solución adoptada divide núcleos de poboación e terras, polo que propoñen un trazado que una a A-9 coa Brilat de Figueirido para despois avanzar cara á Cruz de Maceira e creando saídas aos centros de poboación. José Antonio Garrido Moledo: Solicita que o proxecto discorra pola estrada de Figueirido, ao tempo que alega a afección do trazado ao servizo particular de traída de auga da veciñanza de Agrovello, e parte do Rozo. Pastor Torres Carro e José R. López Lage: En representación da Comunidade de Montes Veciñais de Salcedo e da Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta alegan que o proxecto supón un grande impacto para a paisaxe, mananciais e fauna existente nos seus montes, así como graves problemas de accesibilidade aos predios e núcleos de poboación. Por todo iso, solicitan que sexa modificado o trazado ao seu paso por Salcedo suprimindo a vía do lugar do Cruceiro e trasladándoo á circunvalación de Pontevedra no lugar da Torre. Ricardo Ferradás Crespo e 59 alegantes máis: Solicitan que o concello promova o estudo doutro proxecto que teña menor afección sobre o termo municipal. Ignacio Pazos Recamán e 82 alegantes máis: Solicitan que sexa estudado un trazado que cause menor impacto na parroquia de Lourizán, xa que vai ver afectado o seu desenvolvemento urbano. Elena Ampudia Boullosa e 295 alegantes máis: Alegan que o trazado presenta pendentes moi pronunciadas que poderían ser evitadas estudando outras alternativas. Igualmente, alegan que os lugares de Pexegueiro e O Regueiriño quedan totalmente illados do resto da parroquia; por todo iso solicitan que se presente un novo proxecto. Alejandro Rodríguez Sanjorge e 113 alegantes máis: Alegan que o proxecto é practicamente o mesmo que xa fora rexeitado en anteriores ocasións e solicitan que sexa estudada outra alternativa que non divida os núcleos e que non sexa pechada e sen accesos. Isabel Veiga Sertal e un alegante máis: Alegan que o trazado presenta pendentes moi pronunciadas que poderían ser evitadas estudando outras alternativas. Igualmente, alegan que os lugares de Pexegueiro e O Regueiriño quedan totalmente illados do resto da parroquia, que non existe relación concreta e individualizada dos bens e dereitos cuxa ocupación é necesaria e que o estudo de impacto ambiental resulta incompleto e carente de contido; por todo iso solicitan que sexa presentado un novo proxecto. Avelina Dapena Núñez: Alega que o trazado afecta de maneira directa a súa propiedade, aumentando o forte impacto visual e acústico que xa producía o trazado da autoestrada A-9. Solicita unha modificación do trazado que o afaste da súa propiedade. Luis Carlos Boullosa Gastañaduy: Declara ser propietario dunha superficie superior a 5 ha de terreos forestais situados no Outeiro da Cruz da parroquia de Salcedo, que dada a súa extensión e condicións xeográficas ten unha especial potencialidade e interese xeral. Por todo iso solicita que se proceda a modificar o proxecto co fin de desviar o trazado evitando calquera afección ao seu predio. Ana Mª Escobar Rebatta e un alegante máis: Declara ser propietaria dunha casa e predio con cultivos, auga, luz, etcétera; que no dito predio existen dúas minas de auga que dan servizo ao barrio das Pedreiras e que quedarían danadas pola construción da estrada; polo tanto solicita que se modifique o trazado para evitar a dita afección. Avelina Dapena Núñez e 202 alegantes máis: Alegan que o punto de entroncamento coa autoestrada é inaxeitado pola orografía, causa un grande impacto ambiental na zona do Pazo dos Miradores, afecta mananciais da Almuíña, O Cruceiro, O Carballo do Pazo e A Igrexa, anula camiños a predios e non conecta coa estrada principal de Salcedo. Por todo iso solicitan o traslado da conexión coa A-9 a un punto próximo no lugar da Torre. José González Blanco: En calidade de presidente da Comunidade de Augas da Almuíña, O Xistro e A Igrexa, alega que o trazado afecta dúas captacións de auga e o edificio dos depósitos; polo tanto solicita que sexa modificado o trazado para evitar a dita afección. Agustín de la Mata Martínez: Declara ser propietario dun predio no lugar das Nogueiras, parroquia de Lourizán, cualificado como solo urbanizable e que se atopa en proceso de construción dunha vivenda unifamiliar. Solicita o recuamento da plataforma 200 m cara ao nordeste.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
RES02042004.pdf Castellano
RES02042004.pdf Galego
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles