Resolución do 19 de xaneiro de 2004, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental da liña L.A.T. 66 kV Parque Eólico Corzán-apoio número 1 da L.A.T. Parque Eólico Serra de Outes-Subestación Mazaricos, nos concelos de Negreira, Mazaricos (A Coruña), promovido pola empresa Unión Fenosa Energías Especiales, S.A. (Clave 2003/0129).

Diario Oficial de Galicia, 30-01-2004, Núm. 20, Páx. 1400
Resolución do 19 de xaneiro de 2004, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental da liña L.A.T. 66 kV Parque Eólico Corzán-apoio número 1 da L.A.T. Parque Eólico Serra de Outes-Subestación Mazaricos, nos concelos de Negreira, Mazaricos (A Coruña), promovido pola empresa Unión Fenosa Energías Especiales, S.A. (Clave 2003/0129). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental de Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 9 de decembro de 2003, relativa ó proxecto da L.A.T. 66 kV Parque Eólico Corzán-Parque Eólico Serra de Outes, nos concellos de Negreira e Mazaricos (A Coruña), promovido pola empresa Unión Fenosa Energías Especiales, S.A. (clave 2003/0129), formada polos seguintes documentos: - Antecedentes. - Declaración de impacto ambiental. - Anexo I. - Anexo II. E que se transcriben como anexo a esta resolución. A Coruña, 19 de xaneiro de 2004. Jesús Espada Martínez Delegado provincial da Coruña ANEXO Antecedentes A Lei 6/2001, do 8 de mayo, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no seu anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso. Entre os proxectos incluídos no antedito anexo II atópanse as liñas aéreas para o transporte de enerxía eléctrica cunha lonxitude superior a 3 km. Dado que a instalación prevista, unha liña eléctrica aérea de alta tensión a 66 kV cunha lonxitude total de 7.933 m, cualificouse como sometida a avaliación de impacto ambiental, polo que se procede a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia. A liña prevista conectará a subestación do Parque Eólico Corzán co apoio nº 1 da L.A.T. 66 kV Parque Eólico Serra de Outes/Subestación Mazaricos, e estará composta por un circuíto cun conductor por fase LA-280 e cable de terra e fibra óptica OPGW, con illadores, sobre apoios metálicos de celosía. Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de influencia da L.A.T. está composta por cultivos, matogueira e bosques de repoboación de Pinus pinaster e Eucaliptus globulus. Así mesmo, o trazado cruza 14 cursos fluviais. Con data 7 de outubro de 2003 (DOG nº 194) publícase o Acordo do 23 de setembro de 2003, da Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña, pola que se somete a información pública o estudio de impacto ambiental do proxecto de referencia, non tendo constancia da presentación de alegacións durante o período de exposición pública. Con data 24 de novembro de 2003 recíbese no rexistro da Consellería de Medio Ambiente o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña, contendo xunto co seu informe, os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Obras Públicas e Turismo, ademais do emitido polo órgano autónomo Augas de Galicia. Con data 28 de novembro de 2003 tivo entrada no rexistro da Consellería de Medo Ambiente o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e o certificado de exposición ó público do Concello de Mazaricos. Con datas 1, 2 e 4 de decembro de 2003 recíbese o certificado de exposición ó público da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña, o certificado de exposición ó público do Concello de Negreira, a copia da autorización para a realización do control e seguimento arqueolóxico emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e o informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, respectivamente. Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula, para os efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental do proxecto L.A.T. 66 kV Parque Eólico Corzán-Parque Eólico Serra de Outes, nos concellos de Negreira e Mazaricos (A Coruña), promovido por Unión Fenosa Energías Especiales, S.A. O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e o órgano ambiental a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. O anexo I comprende un resumo do proxecto e das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada. No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos dos distintos organismos consultados. O resultado destas consultas tívose en conta, no que procede, no condicionado desta DIA. Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora: - Proxecto oficial L.A.T. a 66 kV Parque Eólico Corzán-Parque Eólico Serra de Outes. Maio 2003. - Estudio de impacto ambiental L.A.T. 66 kV Parque Eólico Corzán-Parque Eólico Serra de Outes. Xullo 2003. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer por esta DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas na documentación presentada, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable. No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación avaliada e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. 1. Ámbito da declaración. Esta declaración refírese en exclusiva á instalación dunha liña eléctrica de alta tensión (66 kV), con partida proxectada na subestación do Parque Eólico Corzán e remate no apoio nº 1 da L.A.T. Parque Eólico Serra de Outes-Subestación Mazaricos, cunha lonxitude total de 7.933 m, con apoios de celosía sobre zapatas de formigón, con illadores, conductores eléctricos de terra e fibra óptica. A traza discorrerá polos concellos de Negreira e Mazaricos (A Coruña), segundo o reflictido no plano titulado «Plano de situación. Código EMI02921PPLE0063» do documento estudio de impacto ambiental, sendo as coordenadas UTM dos apoios as seguintes: Nº apoio         UTM X           UTM Y 1                 514.350         4.752.636 2                 514.165         4.752.467 3                 513.761         4.752.380 4                 513.506         4.752.325 5                 513.123         4.752.242 6                 512.945         4.752.204 7                 512.733        4.752.158 8                 512.415        4.752.158 9                 512.127        4.752.158 10               511.892         4.752.159 11               511.602         4.752.159 12               511.352         4.752.159 13               511.119         4.752.159 14               510.936         4.752.133 15               510.624         4.752.087 16               510.273         4.752.037 17               509.602         4.751.939 18               509.418         4.751.913 19               509.082         4.751.764 20               508.794         4.751.633 21               508.485         4.751.501 22               508.307         4.751.422 23               508.114         4.751.337 24               507.827         4.751.305 25               507.543         4.751.274 26               507.245         4.751.241 27               507.003         4.751.214 2. Protección da atmosfera. Os niveis de presión sonora, durante a fase de obra, non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto. Co fin de comproba-lo cumprimento desta condición, presentarase unha proposta de seguimento do nivel de ruído para a fase de construcción da liña, conforme o requirido no punto 11.1 desta DIA. Terase en conta que as medicións deben ser efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral, e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico da entidade realizadora da medición. 3. Protección das augas e leitos fluviais. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación ou vertedura e cruzamentos, precisará da autorización do órgano de conca competente segundo o caso, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. As obras non poderán afecta-la calidade e volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público dos núcleos e das zonas de afección das construccións, tendo prioridade este servicio fronte a calquera outro. Extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica. Nos terreos próximos ós cursos de auga, instalaranse mallas ou outros dispositivos para evita-la escorrega, impedindo a incorporación de sólidos ás augas. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume e policía dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga. Non estando previsto no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este, necesariamente, será provisto desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións. Calquera operación de formigonado próxima ós leitos dos ríos deberase realizar en condicións estancas, evitando en todo momento o contacto ou vertedura de formigón. 4. Protección do solo. Realizarase unha delimitación das zonas de obra, estando prohibido invadir terreos fóra dos inicialmente previstos. A circulación de maquinaria restrinxirase ós accesos previstos. Aproveitarase ó máximo a rede de camiños xa existentes, co fin de minimiza-la construcción de novos tramos de acceso, segundo o indicado no estudio ambiental. Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terrapléns. No caso de que se produzan sobrantes de terras, estes deberán ser levados a sitio autorizado por órgano competente. Nos terreos de forte pendente utilizaranse apoios con patas desiguais co fin de minimiza-lo terreo afectado polas escavacións. A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente ós labores de escavación e execución de accesos, e amoreada coas seguintes características, dependendo do seu uso final: - No caso de reutilizala na restauración, os amoreamentos non superarán os dous metros de altura. - No caso de abandono, a altura máxima permitida dos amoreamentos será de 50 cm, e a revexetación deberá ser inmediata. Os lugares de amoreamento de terra vexetal estarán fóra do tránsito da maquinaria, para evita-la súa compactación, de xeito que non perda a súa calidade e poida ser empregada posteriormente nos labores de restauración. No caso de que pasen máis de seis meses deberá airearse. Así mesmo, a zona de localización debe ter pendentes suaves e escaso valor ambiental. 5. Xestión de residuos. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento da L.A.T. deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de verteduras accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras. Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. Mentres non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra. 6. Protección da fauna e vexetación. 6.1. Sobre a fauna. Respecto á avifauna, adoptaranse as medidas preventivas e correctoras descritas na documentación avaliada e levarase a cabo un plan de seguimento. A tal fin deberase desenvolve-la proposta de seguimento incluída no estudio ambiental, co fin de comprobar se se producen colisións e/ou electrocucións de aves co tendido, segundo o requirido no punto 11.2 desta DIA. Así mesmo, efectuarase unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna das liñas de alta tensión e dos parques eólicos da zona. A tal fin, presentarase unha proposta de seguimento de posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos sobre a avifauna, conforme o requirido no punto 11.2 desta DIA. Esta proposta deberá incluír, como mínimo, a metodoloxía para empregar, definición de limiares e medidas en caso de acada-los anteditos limiares. O alcance e contido da dita proposta será consensuado coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza. 6.2. Sobre a vexetación. A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario e seguindo os criterios da lexislación vixente. As rúas deberán estar limpas de todo tipo de vexetación incompatible coas liñas eléctricas de forma permanente e durante toda a vida útil da liña eléctrica e as súas dimensións mínimas determinaranse en función da lexislación sectorial aplicable; non obstante, e dependendo da topografía do terreo, dos ventos e do tipo da vexetación determinarase a anchura das mesmas, minimizando o risco de lumes nestas zonas e, se é o caso, faciliten a súa extinción. Con respecto ó indicado no parágrafo anterior, recoméndase realizar unha silvicultura preventiva, preferentemente a realización de áreas cortalumes, nas zonas colindantes ás rúas, polo que as empresas promotoras ou propietarias das liñas deberán establece-las servidumes da suficiente amplitude co fin de poder realizar, sen contratempos, os devanditos labores. Como excepción do indicado nos parágrafos anteriores, deberanse conservar ou, se é o caso, producir unha mínima afección á vexetación de ribeira, árbores e mouteiras singulares, especies endémicas, singulares e/ou protexidas. No caso dos accesos ós apoios por rodadura, deberanse utilizar métodos de roza que permitan unha rápida rexeneración da cuberta vexetal orixinaria, con excepción dos que transcorran por debaixo do tendido. En calquera caso, previamente á corta de arborado realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira rexerase o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos. Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse á súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo e diminuí-lo risco de incendios forestais. Tódolos terreos afectados, deteriorados ou deforestados pola execución das obras (instalación dos apoios, execución de accesos...) deberán ser restaurados e revexetados, restituíndo a vexetación autóctona presente na zona e favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Así mesmo, garantirase o mantemento da revexetación ó longo do tempo. Para tal fin, presentarase unha addenda ó plan de restauración ambiental incluído como anexo no estudio ambiental, segundo o indicado no punto 11.3 da DIA. 6.3. Sobre os hábitats naturais. As terras húmidas do Pedregal, As Lamas 1, 2 e 3, Piaxe, Río Corzán e Brañas de Corzán non poderán ser afectados polas obras. Tendo en conta o indicado deberá presentarse a documentación requirida no punto 11.4 da DIA. 7. Protección do patrimonio cultural. Co fin de evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico, de raio de 100 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. No caso do depósito Mámoa 2 da Piaxe (GA15056041), esta área de exclusión atenderá ó reflectido na planimetría da memoria arqueolóxica. Así mesmo, para este depósito, a roza da rúa levarase a cabo con medios manuais, no marco do proxecto de control e seguimento. A realización de calquera outro tipo de obra nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito da obra, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que se incluirá: - Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa compresión. Os accesos de nova creación terán que contar cunha prospección arqueolóxica que se realizará no marco do proxecto de control e seguimento. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. 8. Protección dos valores paisaxísticos. O conxunto de elementos que configuran a liña, principalmente os accesos de nova creación, os noiros e os terrapléns, deberán integrarse na paisaxe. Se os afloramentos rochosos existentes na zona tivesen interese xeomorfolóxico ou paisaxístico deberán ser preservados de calquera dano. Se isto implicase o desvío dalgunha infraestructura ou instalación, rexerá o indicado no punto 13.4 desta DIA. 9. Outras medidas. No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós traballos de instalación da liña, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras. A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada. 10. Fase de abandono. Ó longo da fase de abandono, unha vez rematada a vida útil da liña de alta tensión, procederase, con carácter xeral, á desmontaxe e retirada dos apoios, retirada de calquera tipo de elemento susceptible de provocar contaminación, sendo entregados todos eles a xestor autorizado para a súa correcta eliminación e/ou reciclaxe. Así mesmo, restauraranse os accesos creados para a desmontaxe da liña. A este respecto, deberase presentar un plan de desmantelamento e abandono da liña, segundo o requirido no punto 11.3 da DIA. 11. Documentación adicional. Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, dous (2) exemplares da seguinte documentación: 11.1. Proposta de plan de seguimento do nivel de ruído para a fase de obras, conforme a Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e o Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o regulamento da antedita lei, no que se inclúa: - Proposta xustificada de puntos de control, centrándose nas vivendas existentes a menos dun quilómetro da traza da L.A.T. Esta proposta incluirá un plano a escala 1:25.000 ou maior detalle, no que se localicen os puntos de control seleccionados e unha táboa na que se indique a distancia entre o punto de control e a traza da L.A.T. - Proposta metodolóxica para o control do ruído, indicando a frecuencia das medicións para efectuar. - Resultados dunha medición na fase preoperacional, en tódolos puntos propostos. Os resultados incluirán, sen detrimento dos percentís L, L e L, o parámetro Leq. 11.2. Addenda ó plan de seguimento da incidencia da L.A.T. sobre a avifauna, na que se inclúan os seguintes puntos: - Nova proposta de revisión da traza da L.A.T. tendo en conta que se ten que revisa-la totalidade da lonxitude la L.A.T., sempre que sexa tecnicamente posible. Terase en conta que a periodicidade de revisión será como mínimo unha visita mensual e que en cada visita deberase revisar un mínimo dun 20% da lonxitude la L.A.T. - Xustificación das localizacións seleccionadas para a instalación dos dispositivos salvapaxaros, acompañada de planos nos que se indiquen os lugares de localización. - Definición dos limiares de alerta e inadmisible, así como as medidas para tomar no caso de acada-los ditos limiares. - Proposta de valoración conxunta dos resultados de seguimento da avifauna entre as liñas de alta tensión da zona e os parques eólicos da zona. 11.3. Addenda ó plan de restauración na que se inclúan os seguintes puntos: - Definición das técnicas agronómicas de acondicionamento e resturación das vías de nova construcción de acceso ós apoios. - Proxecto de desmantelamento e restauración da L.A.T. ó final da súa vida útil. O proxecto constará de memoria, planos, prego de condicións e orzamento (cadro de prezos unitarios, cadro de prezos descompostos, medicións, orzamento de execución material e orzamento de execución por contrata). - Resumo dos orzamentos de execución por contrata da restauración para as fases de obra e desmantelamento da L.A.T. 11.4. Planos detallados no que se reflictan os terreos húmidos indicados no punto 6.3 da DIA. Así mesmo, deberase presentar novos planos de vexetación a escala 1/10.000 ou maior detalle no que se reflictan e delimiten as carballeiras e vexetación de ribeira ó longo da traza da L.A.T. Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a totalidade da documentación requirida. Unha vez informado favorablemente por esta dirección xeral o cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicará ó órgano substantivo a data de inicio das obras, remitindo, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, que conteña tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista. 12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ó órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou crí ticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade Ambiental. Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá ó órgano substantivo, coa periodicidade indicada, a seguinte documentación: 12.1. Durante a execución das obras, presentarase con carácter trimestral: a) Cronograma de obras actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ó total. No cronograma figurará a data de actualización e os sucesivos cronogramas virán numerados correlativamente. b) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias ou imprevistos acontecidos, protección dos hábitats naturais, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento das condicións establecidas na declaración, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano en planta, dotado de coordenadas UTM, a escala 1:10.000 ou maior detalle, onde se reflicta o avance dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ó total, referida ós distintos elementos que conforman o proxecto: accesos, implantación de apoios, tendido de cables, así como unha listaxe da localización real dos apoios en coordenadas UTM. d) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, conforme o informado ó respecto ó punto 11.1 da DIA. e) Informe dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos na fase de obras, cos parques eólicos e liñas do contorno. 12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en funcionamento da liña e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras co seguinte contido mínimo: a) Definición dos imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, en relación a tódolos aspectos incluídos nesta DIA, e descrición detallada do estado final da área afectada. b) Plano en planta, dotado de coordenadas UTM, a escala 1:10.000 ou maior detalle, onde se reflictan tódalas accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental. c) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os apoios, rúas para o tendido dos cables, estado de limpeza da área, en especial das zonas de instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. 12.3. Informe de seguimento ambiental, de periodicidade semestral a contar desde o inicio da posta en servicio da liña, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos: a) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados do plan de restauración e revexetación, indicando os avances no proceso de rexeneración da cuberta vexetal en tódalas zonas afectadas polas obras, e aquelas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. b) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o indicado no punto 6.1 da DIA. c) Informe dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos. Prestarase especial atención á avifauna e hábitats protexidos, indicando as medidas protectoras e/ou correctoras adoptadas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos. Á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos de explotación da liña, establecerase a periodicidade e contidos dos sucesivos informes de seguimento ambiental. 12.4. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da liña, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto no plan presentado polo promotor, xunto coa súa xustificación. 12.5. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses a contar desde a fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. 13. Condicións adicionais. 13.1. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Non obstante, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración. Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a esta DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta Dirección Xeral para o efecto. 13.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental. 13.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e no caso de que poida producir efectos adversos significativos deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental. 13.4. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó medio e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto. O importe definitivo do aval, que será actualizable, poderá propoñerse cando se dispoña do orzamento da totalidade do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.3 da DIA. 13.5. Ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, o órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar para os efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan nesta DIA. 13.6. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos. 13.7. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente. 13.8. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia. Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2003. José Manuel Álvarez-Campana Gallo Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I Resumo do proxecto A liña prevista conectará a subestación do Parque Eólico Corzán co apoio nº 1 da L.A.T. 66 kV Parque Eólico Serra de Outes/Subestación Mazaricos, e estará composta por un circuíto cun conductor por fase LA-280 e cable de terra e fibra óptica OPGW, con illadores, sobre apoios metálicos de celosía. Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de influencia da L.A.T. está composta por cultivos, matogueira e bosques de repoboación de Pinus pinaster e Eucaliptus globulus. Medidas preventivas e correctoras: - Rega con auga para a estabilización. - Cobertura dos camións que transporten material de natureza pulverulenta. - Control das emisións gasosas producidas pola maquinaria. - Control das emisións sonoras. - Retirada, amoreamento, conservación e recuperación da terra vexetal. - Aproveitamento dos accesos existentes para a montaxe da liña. - Non se permitirá a circulación de vehículos fóra de vías de acceso. - Minimización das superficies de vexetación afectadas e solo compactado. - Evitarase a contaminación de auga e solo por verteduras accidentais. - Descompactación do terreo na zona de obras. - Repercutir nos concellos afectados os impactos positivos. - Evita-la afección paisaxística ocasionada polas instalacións provisionais. - Restitución de camiños, infraestructuras ou calquera outra servidume afectada e elementos rurais tradicionais. - Disposición de sanitarios móbiles. - Indemnización dos danos ocasionados ós propietarios dos predios. - Control arqueolóxico durante a fase de roza. - Instalación de salvapaxaros. - Revexetación das superficies afectadas. - Xestión dos aceites usados. - Comprobacións sobre afección á avifauna. O epígrafe de medidas preventivas e correctoras inclúe, para cada unha delas, unha táboa na que se indica o impacto ó que se dirixe, a definición da medida, o seu obxectivo, descrición, a entidade responsable da xestión, as precaucións de execución e xestión e as necesidades de mantemento. ANEXO II Resumo das consultas a organismos A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental da L.A.T., aceptando as medidas correctoras do estudio de impacto sobre o patrimonio cultural, cos seguintes condicionantes: 1. A documentación remitida atende exclusivamente ó tramo L.A.T. 66 kV Parque Eólico Corzán-apoio nº 1 da L.A.T. Parque Eólico Serra de Outes-Subestación Mazaricos, tamén avaliada na memoria do estudio de impacto sobre o patrimonio cultural, contida na documentación de referencia, terá que contar con informe unha vez que se remita o correspondente estudio de impacto ambiental. 2. Co fin de evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico, de raio de 100 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. No caso do depósito Mámoa 2 da Piaxe (GA15056041), esta área de exclusión atenderá ó reflectido na planimetría da memoria arqueolóxica. Así mesmo, para este depósito, a roza da rúa levarase a cabo con medios manuais, no marco do proxecto de control e seguimento. A realización de calquera outro tipo de obra nestas áreas, precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 3. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito da obra, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que se incluirá: - Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa compresión. 4. Os accesos de nova creación para a traza terán que contar cunha prospección arqueolóxica que se realizará no marco do proxecto de control e seguimento. 5. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras. 6. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. A Dirección Xeral de Saúda Pública emite informe favorable ó estudio ambiental. A Dirección Xeral de Turismo emite informe no que conclúe que a actuación que se pretende levar a cabo posúe unha influencia leve no que se refire ó turismo específico da zona, o non ter en especial interese neste sentido, pero ó mesmo tempo, existe unha incidencia negativa innegable sobre os valores paisaxísticos e visuais do contorno, polo que se considera que o verdadeiro impacto da actuación é de competencia ambiental. A Dirección Xeral de Obras Públicas emite informe no que conclúe que a realización do proxecto deberá respectar a Lei 4/1994, de estradas de Galicia, en concreto o que atinxe ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada. Augas de Galicia emite informe favorable no que conclúe: 1. Tódolos cruzamentos aéreos cumpren coa altura mínima. Ademais, os apoios sitúanse fóra da zona de servidume e do dominio público hidráulico do río, non existindo polo tanto, desde o punto de vista da afección ó dominio público hidráulico, inconveniente para a súa realización. 2. En calquera caso, o promotor das obras deberá solicitar e obter de Augas de Galicia a correspondente autorización administrativa para a realización de obras en zona de policía e cruzamentos aéreos do dominio público hidráulico, conforme os artigos 78 e 127 do Regulamento do dominio público hidráulico. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite informe no que solicita maior detalle nos planos de vexetación e hábitats naturais. Outros aspectos que indican no seu informe son os accesos ós apoios, aves e rozas e cortas.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res19012004.pdf Galego
RES19012004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles