Resolución do 19 de febreiro de 2007, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Hépotas, no concello de Muras (Lugo), promovido pola empresa Hépotas, S.L. (Expediente 111-EOL).

Diario Oficial de Galicia, 08-03-2007, Núm. 48, Páx. 3654
Resolución do 19 de febreiro de 2007, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Hépotas, no concello de Muras (Lugo), promovido pola empresa Hépotas, S.L. (Expediente 111-EOL). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 9 de outubro de 2006, relativa ao proxecto do Parque Eólico Hépotas (expediente 111-EOL) no concello de Muras (Lugo), promovido pola empresa Hépotas, S.L. e que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2007. Anxo Ramón Calvo Silvosa Director xeral de Industria, Enerxía e Minas Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data do 9 de outubro de 2006, relativa ao proxecto do Parque Eólico Hépotas, no Concello de Muras (Lugo), promovido pola empresa Hépotas, S.L. (clave 2005/0284). Antecedentes. Por solicitude da empresa Hépotas, S.L., a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dun parque eólico de 8 MW de potencia total no Concello de Muras (Lugo), constituído por 4 aeroxeradores de 2.000 kW de potencia nominal unitaria. Dentro do referido procedemento de autorización administrativa considerouse o proxecto, que está recollido no anexo II do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado polas leis 6/2001, do 8 de maio, 9/2006, do 28 de abril, e 27/2006, do 18 de xullo, como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental. No anexo I resúmense as características básicas do proxecto e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada. Mediante Resolución do 27 de abril de 2005, da Delegación Provincial da entón Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo (publicada no DOG nº 107, do 6 de xuño), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e proxecto sectorial e o estudo de impacto ambiental das instalacións que comprende o referido parque eólico, constando durante o período de exposición pública a presentación dunha alegación de carácter non ambiental por parte da empresa Abertis Telecom, S.A. Con data do 29 de xullo de 2005 recíbese nesta consellería o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas como órgano substantivo por razón da materia, contendo os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza (ratificado o 12 de xaneiro de 2006) e de Turismo, ademais dos emitidos polo organismo autónomo Augas de Galicia e as delegacións provinciais de Lugo das consellerías de Sanidade e de Innovación e Industria. Non se recibiu o informe solicitado á Dirección Xeral de Obras Públicas, polo que, transcorrido o prazo estipulado regulamentariamente, o órgano substantivo continuou coa tramitación do expediente. Á vista do contido do expediente, solicitouse ao promotor unha emenda da documentación presentada, recibíndose o 20 de setembro de 2005. O 21 de febreiro de 2006 ten entrada nova documentación que vén completar a anterior. Sobre estes dous documentos solicitouse informe á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que se recibe o 4 de maio de 2006. O 27 de setembro de 2006 ten entrada, a través da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, un escrito aclaratorio do promotor en relación coa poligonal do parque, xurdido a teor dun requirimento efectuado por esta dirección xeral mediante oficio de data 4 do xullo de 2006. Formalizada a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula para os efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto do Parque Eólico Hépotas, no Concello de Muras (Lugo), promovido pola empresa Hépotas, S.L. Declaración de impacto ambiental. Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou a solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do ambiente. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. 1. Ámbito da declaración. A presente declaración refírese en exclusiva ao proxecto do Parque Eólico Hépotas, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 8 MW de potencia total no Concello de Muras (Lugo), constituído por 4 aeroxeradores de 2.000 kW de potencia nominal unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM: Vértice UTM X UTM Y 1 613.567 4.818.423 2 623.684 4.818.291 3 614.136 4.818.070 4 614.136 4.818.070 5 614.335 4.818.641 6 614.571 4.817.807 7 613.928 4.817.379 8 613.241 4.818.026 9 612.124 4.818.049 10 612.511 4.818.143 11 612.268 4.818.611 12 612.772 4.818.762 13 612.974 4.818.771 14 613.064 4.818.545 15 613.318 4.818.459 A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano modificación vías de parque. Plano nº 1, incluído na adenda ao estudo de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Hépotas, de setembro de 2005, agás para o que puidese derivar do punto 3.1 desta DIA. En relación coa liña de evacuación da enerxía producida no parque, obxecto de proxecto independente e non considerada na documentación avaliada, no caso de que polas súas características ou localización se atope nalgún dos supostos recollidos no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental (modificado polas leis 6/2001, do 8 de maio, 9/2006, do 28 de abril, e 27/2006, do 18 de xullo) ou do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, o promotor deberá solicitar a pertinente cualificación ambiental do proxecto. 2. Condicións xerais. 2.1. Protección da atmosfera. 2.1.1. Sobre o po. Co fin de minimizar a emision de po á atmosfera durante a fase de obras, ademais das medidas previstas no estudo ambiental, os camións de transporte de terras ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. Así mesmo, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras. 2.1.2. Sobre o ruído. Os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento do parque eólico non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto. Para tal fin, realizarase un seguimento do nivel de ruído durante as fases de obra e funcionamento do parque, que se axustará ao disposto no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, e terá en conta as consideracións sinaladas nos puntos 3.2.1, 3.3.3 e 3.5.5 da DIA. 2.2. Protección das augas e leitos fluviais. 1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de vías, gabias de cableado...), así como calquera captación ou vertedura se é o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente, neste caso Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. 2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras. Así mesmo, respectaranse os mananciais que puidesen existir na zona, podendo ser parcialmente encanado o seu curso para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos ás correntes superficiais máis próximas e a ceo aberto sempre que as obras definitivas o permitan. 3. Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que na rede viaria do parque deberán dispoñerse as estruturas de drenaxe transversal necesarias para iso, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación. A achega das augas procedentes do sistema de drenaxe do parque cara á rede hidrográfica deberá ser gradual, polo que á saída das drenaxes transversais e nos puntos onde a auga das cunetas se incorpore ao terreo, así como nos tramos de cuneta en zonas de elevada pendente, disporanse sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía, co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais. Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe cara á rede natural, levando a cabo os labores de mantemento necesarios e adoptando as medidas protectoras ou correctoras oportunas (entre elas as indicadas no estudo ambiental) no caso de producirse os citados fenómenos. 4. A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. 5. Non estando previsto na documentación avaliada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra e que conten coas debidas autorizacións. 2.3. Protección do solo. 1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que se axustará ao establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. 2. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se istos se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado. 3. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona salvo xustificación previa, en cuxo caso se seleccionarán zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes serán restaurados ao finalizar a obra. 4. Para a localización da zona destinada a parque de maquinaria, casetas de obra, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, seleccionarase un lugar que, ademais das características sinaladas na documentación avaliada, estea afastado de calquera área de protección arqueolóxica. 5. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras. 2.4. Protección da fauna e vexetación. 2.4.1. Sobre a fauna. 1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído na documentación avaliada, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna. 2. Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores. Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto na documentación avaliada, coas particularidades sinaladas nos puntos 3.2.2, 3.5.2 e 3.5.3 da DIA. No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre as súas poboacións, adoptaranse as medidas necesarias para corrixir a dita situación, entre elas as recollidas na documentación avaliada. Así mesmo, e tendo en conta que os aeroxeradores se situarán no contorno dos parques eólicos Pena Grande, Silán, Álabe-Soán e a súa ampliación e Leboreiro, haberá que aterse ao sinalado no punto 3.5.3 da DIA respecto dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a fauna debido á presenza das citadas instalacións. 2.4.2. Sobre a vexetación. 1. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregando sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas. En todo caso, calquera actuación de carácter inevitable levará asociada a restitución íntegra do espazo afectado coa maior brevidade posible. Así mesmo, previamente á execución das obras delimitaranse fisicamente as zonas de actuación, co fin de minimizar as afeccións. 2. Non se poderá afectar a formacións distintas á indicada na documentación avaliada sen antes facer a correspondente consulta, evitando especialmente calquera afección sobre formacións arbóreas autóctonas e ecosistemas intimamente ligados á auga (con especial atención ás breixeiras húmidas atlánticas e ás turbeiras). 3. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas. 2.5. Sobre a integración paisaxística. 1. Tal e como se sinala no estudo ambiental, na construción da subestación e do edificio de control empregaranse materiais adecuados, respectando as características da arquitectura típica da zona de localización do parque. A cor da pintura de exteriores será acorde co contorno e de acabamento mate. 2. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levarase a cabo o plan de restauración incluído no estudo ambiental (xunto coas medidas para potenciar a rexeneración das superficies restauradas con especies autóctonas recollidas no Informe complementario ao estudo de impacto ambiental do Parque Eólico Hépotas), tendo en conta as seguintes consideracións: - As áreas obxecto de restauración e revexetación incluirán, ademais das sinaladas no plan, as zonas de amoreamento de materiais e de instalacións de obra. As plataformas de montaxe dos aeroxeradores deberán ser revexetadas na súa totalidade, podéndose deixar un camiño de acceso á porta do aeroxerador para os vehículos de mantemento. - Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse, sempre que sexa posible, paralelamente ao avance das obras, conforme as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr unha meirande integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio. - No caso de necesitar achegas externas de terra vexetal, esta non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio. En todo caso, calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada. Así mesmo, será admisible o uso de solos reciclados obtidos de acordo coa Instrución Técnica de Residuos ITR/01.0/05, do 29 de xuño, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, referente á elaboración de solos reciclados a partir de residuos. - No que respecta ás sementeiras, a dose de semente será como mínimo de 30 gr/m (300 kg/ha), debendo incluírse nas dúas tipoloxías propostas (sementeira convencional e hidrosementeira) unha porcentaxe de leguminosas herbáceas (Trifolium, Medicago...) co obxecto de favorecer o éxito da implantación da cuberta vexetal. Con carácter xeral, a proporción de cada grupo de especies nas mesturas axustarase ás seguintes porcentaxes: 70% para as gramíneas, 20% para as leguminosas e 10% para as arbustivas. Todas as especies serán autóctonas e existentes na zona. 3. Co fin de mellorar a integración paisaxística do parque eólico e evitar a proliferación de pistas na zona, procederase á restauración daqueles tramos de camiños ou vías que queden duplicados ou sen servizo tras a execución da rede viaria do parque. A non-adopción desta medida nalgún tramo concreto deberá xustificarse adecuadamente. 2.6. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto na documentación avaliada, deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos da presente declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións: - Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, quen o comunicará ao órgano ambiental. - Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. - Os informes de seguimento ambiental resultantes do desenvolvemento deste programa, a que se fai referencia ao longo do condicionado da declaración, serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, correspondéndolle a este o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión, se é o caso, do responsable do control do seguimento ambiental. - No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicaráselle inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais graves ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. 3. Condicións específicas. 3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural. Levaranse a cabo as medidas correctoras propostas no documento Modificado do informe final. Estudo de impacto cultural do proxecto do Parque Eólico Hépotas (Muras, Lugo), aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes: 1. Cara a evitar posibles afeccións, establécese para esta obra unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico cun raio de 100 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Isto implica que a vía principal que comunica a subestación co aeroxerador AE-1, xunto coa gabia do cableado anexa, deberán desprazarse fóra do ámbito de exclusión do xacemento Mámoa de Chao do Navallo (GA27033036). No mesmo sentido, desprazaranse fóra do ámbito de exclusión do xacemento Mámoa 1 de Pena do Corval (GA27033025) a vía principal, a gabia de cableado e o acceso ao aeroxerador AE-2. Como queira que na adenda ao estudo de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Hépotas, de setembro de 2005, se inclúe unha proposta de trazado alternativo da rede viaria do parque para respectar as devanditas áreas de exclusión, o promotor deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural respecto da dita proposta. Unha copia do dito informe será remitida a esta dirección xeral polo órgano substantivo, co obxecto de que conste no expediente. 2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, previamente ao inicio das obras elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso desta, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión. 3. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras. 4. En relación coa liña de evacuación da enerxía do parque, previamente á súa execución deberase contar cun estudo que avalíe o seu impacto (así como o dos accesos) sobre os elementos do patrimonio cultural. 5. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. 3.2. Fase previa ao inicio das obras. 1. Levarase a cabo unha campaña preoperacional do nivel de ruído de fondo existente nos puntos de control recollidos no Informe de avaliación da presión sonora incluído no estudo ambiental, co obxecto de dispoñer de datos reais do nivel existente na actualidade para poder comparalos posteriormente cos que se obteñan durante o seguimento do nivel de ruído nas fases de obra e de funcionamento do parque. Os resultados da dita campaña incorporaranse aos sucesivos informes de seguimento ambiental. 2. Dado que entre as aves rapaces inventariadas na área do parque figuran dúas especies de rapinas do xénero Circus (tartaraña cincenta Circus pygargus e gatafornela C. Cyaneus), que nidifican sobre o solo en ambientes de matogueira e polo tanto son susceptibles de verse afectadas polas obras, levaranse a cabo as comprobacións necesarias para determinar a existencia ou non de parellas reprodutoras na área de afección das infraestruturas e instalacións do parque. No caso de detectarse a súa nidificación na zona afectada polas obras, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, incluíndo o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de raio en torno ao niño, onde se evitará calquera actuación ata a finalización do período reprodutor (podendo continuar coas obras noutra zona do parque) e outro perímetro de seguridade de 500 m, onde se limitarán ao máximo posible as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves. 3. Tendo en conta a poboación de lebre (Lepus capensis) existente no contorno da área do parque, levaranse a cabo os estudos precisos para determinar o tamaño desta poboación, cuxos resultados deberán servir como base para determinar as medidas a adoptar co fin de que as ditas poboacións non se vexan prexudicadas pola construción do parque eólico. Para tal fin, desenvolverase o plan de conservación das comunidades de lebre que se propón no informe complementario ao estudo de impacto ambiental do Parque Eólico Hépotas, sen detrimento do sinalado no punto 3.5.4 da DIA para a fase de funcionamento do parque. Así mesmo, implementaranse medidas para fomentar as súas poboacións. O conxunto de actuacións neste sentido, así como as medidas que hai que adoptar, deberán estar consensuadas coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza. 4. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 125.725,59 euros, dos cales 53.882,39 euros corresponden aos labores de restauración asociados á fase de obras e 71.843,2 euros aos da fase de desmantelamento e abandono do parque. 3.3. Fases de replanteo e obra. 1. O promotor comunicará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras de construción do parque. 2. Cando se leven a cabo obras en zonas de elevada pendente deberán colocarse mallas antiescorrega ou calquera outra medida adecuada para evitar o arrastre ou rodadura de materiais ladeira abaixo. Esta medida observarase especialmente na execución da vía V-2. de acceso ao parque, cuxas obras se desenvolverán a uns 250 m do leito do río Landro. 3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo: a) Cronograma das obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización. b) Resultados do seguimento do nivel de ruído (cuxas medicións se realizarán con frecuencia trimestral, en plena actividade, e indicando o persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a medición), do funcionamento da rede de drenaxe, do control da presenza de parellas reprodutoras de rapinas do xénero Circus e do estudo e plan de conservación das comunidades de Lebre na zona (con indicación, se é o caso, das medidas adoptadas), tendo en conta o sinalado nos puntos 2.1, 2.2, 3.2.2 e 3.2.3 da DIA. c) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos considerados nela. d) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade. 3.4. Ao final da fase de obras. 1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo: a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do indicado no estudo ambiental e no condicionado desta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos considerados na documentación avaliada e no condicionado da declaración. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, a subestación e o edificio de control, estado das vías, cunetas e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, en que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras. 3.5. Fase de funcionamento. 1. O promotor comunicará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de posta en marcha da instalación. 2. En relación co plan de seguimento de avifauna incluído na adenda ao estudo de impacto ambiental do proyecto do Parque Eólico Hépotas, teranse en conta as seguintes consideracións: - O raio a revisar baixo os aeroxeradores nas visitas mensuais para a busca de exemplares mortos por colisión aumentarase ata os 70-80 m, tendo en conta o tamaño do aeroxerador que se vai instalar no parque. - Tendo en conta o anterior e que o parque só consta de 4 aeroxeradores, o tempo de revisión de cada aeroxerador pode incrementarse ata os 20-25 minutos. - Tal e como se indica no plan presentado, nas anteditas visitas tamén se anotarán, de existir, as colisións de morcegos, incluíndo eses datos nos informes do plan de vixilancia ambiental. 3. Tendo en conta que o parque eólico obxecto desta DIA se situará no contorno dos de Silán, Pena Grande, Álabe-Soán, ampliación Álabe-Soán e Leboreiro, todos eles en funcionamento na actualidade, levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a avifauna entre as citadas instalacións, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos. 4. Co obxecto de diminuír molestias e procurar a maior protección posible da poboación de lebre (Lepus capensis) existente na zona, na medida do posible limitarase o tránsito de vehículos alleos aos labores de mantemento do parque. 5. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor remitirá ao órgano substantivo, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes, un informe de seguimento ambiental co seguinte contido mínimo: a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e tendo en conta o sinalado no punto 3.2.1 da DIA. A frecuencia das medicións será mensual durante o primeiro semestre, podéndose logo variar en función dos resultados obtidos. b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e dos plans de seguimento de avifauna, de conservación das comunidades de lebre e informe dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos), tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.3 e 3.5.2 ao 3.5.4 da DIA. c) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, cunetas, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes a realizar en anos posteriores. 3.6. Fase previa ao abandono. No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitirá ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, considerando, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e a subestación, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando a esta documentación presentarase o cronograma estimado das ditas actuacións. 3.7. Fase de abandono. Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior. 3.8. Fase posterior ao abandono. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2006. Joaquín Lucas Buergo del Río, Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. ANEXO I - Resumo do proxecto. O proxecto do Parque Eólico Hépotas, promovido pola empresa Hépotas, S.L., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 4 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, a instalar no concello de Muras (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse polo lugar denominado Pico de Escoiras, dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración. As características básicas do proxecto presentado son as seguintes: - Número de aeroxeradores: 4. - Potencia nominal unitaria: 2.000 kW. - Potencia total instalada: 8 MW. - Altura de torre: 67 m. - Diámetro de rotor: 80 m. - Orzamento: 7.184.319,80 euros. O proxecto recolle, así mesmo a construción dunha subestación transformadora 132/20 kV cun edificio de control anexo, que albergará os equipos de control e mando, a sala de celas eléctricas, un almacén, un taller, dous despachos, unha sala de xuntas, os vestiarios e dous aseos, estando o conxunto dotado de fosa séptica para o tratamento das augas residuais. A evacuación da enerxía producida no parque realizarase a través dunha liña eléctrica a 132 kV, obxecto de proxecto independente segundo consta no proxecto técnico do parque. A obra civil inclúe, na configuración inicialmente prevista, a execución e mellora de 2.231 m de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores, cun largo de rodadura de 6 m e dotados de cunetas e drenaxes transversais para a evacuación de augas pluviais. Cando as vías atravesen cercas para o gando disporanse pasos canadenses. A duración estimada da fase de obras é duns 7 meses. Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de implantación do parque está composta por breixeiras secas europeas con algo de xesta, non tendo representación o estrato arbóreo. En dúas zonas con maior humidade ou certa acumulación de auga, aparece vexetación palustre e unha pequena breixeira húmida, formacións que en ningún caso se ven afectadas polas instalacións ou infraestruturas do parque. ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada Na epígrafe de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes: Fase de construción. - Non se eliminará vexetación lindeira a correntes de auga superficiais ou camiños, realizando revexetacións nas marxes daquelas vías de nova construción. - Utilizaranse técnicas construtivas de intercepción ou redución da velocidade de correntes de auga para disipación de enerxía, co obxecto de previr a erosión. - A rede de drenaxe artificial deberá estar dimensionada para soportar os períodos de máxima avenida, e deseñada para minimizar impactos de tipo erosivo, deposicional e de asolagamento. - Evitarase a maior actividade construtiva en períodos de fortes chuvias. - Os combustibles, compostos químicos e outros produtos perigosos almacenaranse en zonas específicas controladas, todo iso segundo a lexislación específica. Se se empregan tanques de almacenamento temporal, levarán cubetos de recollida de posibles derramas. Se houbese unha vertedura accidental, procederase á súa recollida. - Protección dos solos de maior valor, repoñendo estes tras un almacenamento adecuado, en moreas de altura inferior a 1 metro. - Revexetación de zonas alteradas. - Aproveitamento de pistas forestais existentes como vías de acceso. - As escavacións manteranse abertas o menor tempo posible. - Correcto almacenamento da terra vexetal, para ser empregada na restauración, en moreas de menos de 1 metro de altura e durante períodos inferiores a dous meses. O almacenamento realizarase sobre superficies con escaso valor ecolóxico. - O xefe de obra será o responsable da vixencia dos certificados da maquinaria de obra. Non se permitirán operacións de mantemento que poidan supoñer riscos ambientais. Todos os residuos se xestionarán de acordo coa normativa, e os perigosos serán levados a taller autorizado. - Retirarase da área calquera residuo xerado durante a fase de construción. Durante a obra haberá contedores para todo tipo de residuos. - As infraestruturas asociadas á construción do parque executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto. A circulación de vehículos e maquinaria restrinxirase ás vías e plataformas. - Nos movementos de terras equilibrarase ao máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que se tras a finalización das obras existise material sobrante das escavacións, deberá ser retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. - Se se fan moreas de terra vexetal en verán, protexeranse do vento para evitar levantamento de po. - En períodos prolongados de seca humectaranse as vías e zonas en que se realicen movementos de terras, co fin de evitar o levantamento excesivo de po. - Todos os residuos xerados, tanto na fase de obras como nas de funcionamento e abandono do parque deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente para cada tipo de residuo. - As tarefas de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construción realizaranse en talleres autorizados, eliminando o risco de derramas accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria, estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra. - Ao finalizar as obras a zona deberá quedar totalmente limpa, procedendo á retirada e xestión de todos os residuos de obra. - As casetas prefabricadas empregadas durante a obra serán de cor mate, non reflectante, e retiraranse no momento en que remate a obra, así como calquera indicación, cartel, etc. - As construcións temporais de obra situaranse en zonas que reduzan o seu impacto visual, por exemplo nas proximidades da subestación, afastadas de zonas altas. - Na construción da subestación e do edificio de control empregaranse materiais adecuados, respectando as características da arquitectura típica da zona de localización do parque. - Realizarase un control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe artificial e das condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, co fin de comprobar que non se producen alteracións no réxime hídrico anterior á implantación do parque. - A incorporación das augas procedentes dos sistemas de drenaxe realizarase gradualmente, instalando dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía nas súas saídas co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais. - Non se acumularán terras, material de obra nin calquera outro tipo de materiais nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou áreas hidromorfas, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non se permitirá o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga. - As instalacións de obra situaranse en zonas que aseguren unha correcta protección de leitos fluviais ante posibles escorregas, e disporán dun sistema de depuración de augas fecais no seu interior. - Medidas de escape de pequenos vertebrados nos foxos dos pasos canadenses, consistindo nunha rampla de material rugoso para o ascenso dos animais e nun tubo de saída e drenaxe no fondo do foxo. Fases de operación e abandono. - As cores das torres e pas dos aeroxeradores serán mates e de ton claro (branco ou gris) para diminuír o seu contraste. - Aumento da distancia mínima entre aeroxeradores de 2 a 3 rotores, para favorecer o tránsito de avifauna. - Desmantelamento ao finalizar a vida útil do parque, retirando todos os elementos visibles e revexetando as vías construídos que non posúan interese de uso local. Consideracións xerais. - Non se abrirán canteiras de préstamos na zona, salvo xustificación adecuada. Igualmente sucederá coas verteduras (que, non obstante, non está previsto realizar), que se efectuarían en lugares previamente sinalizados, procedendo á súa integración co medio. - As vías axustaranse á topografía do terreo para minimizar o movemento de terras ao máximo e reducir os impactos. Así mesmo, previamente á execución, delimitarase fisicamente o trazado co fin de evitar maiores intrusións. - A modelaxe de noiros evitará formas demasiado artificiais, procurando que o cambio de pendentes sexa gradual para integrarse co medio e coa paisaxe. - No caso de detectar situacións de posibles desprendementos en zonas de alta pendente, adoptaranse as medidas de control e prevención destes. - Controlarase a erosión en noiros, plataformas, cunetas e puntos de drenaxe de viais, empregando, se é o caso, sistemas de disipación de enerxía. - Durante a fase de explotación do parque procederase á restauración da deterioración que poidan sufrir as vías. - Terase en conta o mantemento dos elementos da paisaxe máis localizados (singularidades xeolóxicas, topográficas, etc.). As medidas relativas á protección dos elementos do Patrimonio Cultural recóllense na separata titulada Modificado do informe final. Estudo de impacto cultural do proxecto do Parque Eólico Hépotas (Muras, Lugo), do 29 de xuño de 2005. Na adenda ao estudo de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Hépotas, de setembro de 2005, ademais de diversa información complementaria á do estudo de impacto ambiental (estudo de efectos sinérxicos, plan de seguimento de avifauna, estudo de visibilidade, detalle dos hábitats afectados), inclúense as seguintes medidas: - Para a protección dos elementos do patrimonio cultural, efectúase unha proposta de trazado alternativo da rede viaria do parque de xeito que se respecten as áreas de exclusión de xacementos arqueolóxicos establecidas no informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. - Desenvólvese o plan de restauración das superficies afectadas a que se fai referencia no estudo ambiental. No documento Informe complementario ao estudo de impacto ambiental do Parque Eólico Hépotas, de febreiro de 2006, inclúese un plan de conservación das comunidades de lebre na área do parque, medidas para potenciar a rexeneración das superficies restauradas con especies autóctonas e información de detalle en que se constata a non-afección por parte das instalacións e infraestruturas do parque ás breixeiras húmidas atlánticas, indicándose, non obstante, as seguintes medidas: - Para evitar afeccións adicionais á vexetación do contorno, evitarase a circulación de maquinaria e outros vehículos fóra das zonas estritamente sinalizadas para o traballo. Para iso, marcaranse en campo os límites das áreas de traballo. - Seleccionarase unha zona de baixa calidade vexetal e paisaxística para a colocación das casetas e amoreamento de materiais durante a execución das obras. Estará situada o máis cerca posible da entrada do parque, para evitar o paso continuado de vehículos ao longo de todo o parque.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res19022007.pdf Galego
res19022007.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles